Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra convertiuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Maria Carme Forcadell i Lluís, nada en Xerta, Baix Ebre, o 29 de maio de 1955 é unha lingüista e activista política catalá, presidenta do Parlamento de Cataluña, fundadora da Plataforma per la Llengua, membro da executiva e voceira da xunta do Òmnium Cultural de Sabadell e presidenta da Assemblea Nacional Catalana dende a súa fundación até maio de 2015, e deputada no Parlamento de Cataluña (2015-2018). Permaneceu en prisión preventiva en Alcalá-Meco, á espera do xuízo ó proceso independentista catalán, que comezou o 12 de febreiro de 2019. Finalmente foi condenada polo Tribunal Supremo de España en outubro de 2019, 11 anos e medio de prisión e inhabilitación polos delitos de sedición e malversación.
Jordi Cuixart i Navarro, nado en Santa Perpètua de Mogoda (Barcelona) o 22 de abril de 1975, é un activista político e empresario catalán, presidente de Òmnium Cultural dende decembro de 2015.Desde outubro de 2017 atópase en situación de prisión preventiva, acusado de presuntos delitos de rebelión en relación coa celebración do referendo sobre a independencia de Cataluña do 1 de outubro de 2017. O xuízo comezou o 12 de febreiro de 2019 e en outubro dese ano foi condenado polo Tribunal Supremo de España a 9 anos de prisión e inhabilitación polo delito de sedición.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
Moonwalker, tamén coñecido como Michael Jackson: Moonwalker, é un filme musical do artista Michael Jackson que foi estreado en 1988. O filme non ten unha continuidade narrativa, senón que recolle curtas sobre Jackson, moitas delas sendo videos musicais do álbum Bad. Recibe o título da técnica de baile moonwalk, que é un dos movementos máis característicos do artista.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro, nada en Santiago de Compostela o 24 de febreiro de 1837 e finada en Padrón o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 167.615 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
O foro é un tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración ou, eventualmente, perpetuo, polo que unha persoa ou institución —fidalguía e Igrexa— lle cede a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra), a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas.
Unha folla de cálculo é unha aplicación informática na que se distribúen datos en fileiras e columnas sobre os que se poden aplicar fórmulas. A súa potencia como ferramenta reside en que os datos resultantes das operacións recalcúlanse cada vez que se introduce unha modificación. As follas de cálculo teñen aplicación en calquera traballo ou xestión que precise de conxuntos grandes de datos, especialmente na contabilidade e a enxeñaría.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
Uruk (sumerio Unug, bíblico Erech, grego Orchoë e arábico Warqa) foi unha cidade antiga de Sumeria , situada ao leste do leito do río Eufrates, na liña da antiga canle Nil, nunha rexión de pantanos a 225 km ao SSE de Bagdad. A teoría de que o nome moderno Iraq deriva do nome Uruk non está comprobada. No seu apoxeo Uruk probablemente tiña entre 50.000 a 80.000 habitantes nunha zona amurallada duns 6 quilómetros cadrados, a maior cidade do mundo nesa época.
Dinís de Portugal, nado o 9 de outubro de 1261 en Lisboa e finado o 7 de xaneiro de 1325 en Santarém, foi rei de Portugal, fillo de Afonso III e da súa segunda esposa, Beatriz de Castela, sendo, por tanto, neto de Afonso X o Sabio. Sucedeu o seu pai no trono de Portugal en 1279. Intitulábase nos diplomas que outorgou durante o seu reinado como Dom Denis, pella graça de Deus, Rei de Purtugal e do Algarue, e así consta no foro (carta de poboamento) concedido a Rebordãos o 18 de maio de 1285, así como noutros documentos.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
As células de Paneth, son un tipo de células do epitelio do intestino delgado (fundamentalmente) con funcións protectoras. En dito epitelio están acompañadas polas células caliciformes, enterocitos, e células enteroendocrinas. Poden identificarse microscopicamente pola súa localización no fondo das glándulas intestinais (criptas de Lieberkühn), xusto debaixo das células nai ou troncais intestinais, e polos seus grandes gránulos eosinófilos refrinxentes secretores que ocupan a maioría do seu citoplasma.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Snow White and the Seven Dwarfs
Este artigo trata sobre o filme de animación, para o conto véxase Brancaneves. Snow White and the Seven Dwarfs (en galego: Brancaneves e os sete ananos) é o primeiro filme de animación producido por Walt Disney Pictures, estreado o 21 de decembro de 1937, e distribuído por RKO Radio Pictures, co que a empresa Disney tiña asinado un acordo de distribución, dende o 8 de febreiro de 1938 nos cines dos Estados Unidos. O guión do filme baséase na famoso conto de fadas Brancaneves dos irmáns Grimm.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Pandemia por coronavirus de 2019-2020
A pandemia por coronavirus de 2019–2020 é unha pandemia global actual de doenza do coronavirus 2019 (COVID-19) causada polo coronavirus 2 da síndrome respiratoria aguda severa (SARS-CoV-2). O virus foi identificado por vez primeira en Wuhan, na provincia chinesa de Hubei, en decembro de 2019, estendéndose finalmente a cada provincia do país. O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou o abrocho como unha pandemia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Os Servizos Web, ou Web Services de acordo á nomenclatura orixinal en inglés, son unha serie de tecnoloxías, estándares e protocolos que permiten a comunicación e cooperación entre sistemas informáticos, independentemente das súas plataformas ou a linguaxe de programación na que estes sexan escritos.
Gabbanelli Accordions é unha compañía estadounidense dedicada á produción de acordeóns. Foi fundada en 1961 por Gianfranco Gabbanelli (nome en inglés: John Gabbanelli), un inmigrante italiano nacido en Castelfidardo, Italia. Despois do seu pasamento en 2003, o seu fillo Mike Gabbanelli é o presidente da compañía.Ten a súa sede actual en Houston, Texas, Estados Unidos, e os acordeóns son feitos en Castelfidardo, Italia pola fábrica International Music Company.Os acordeóns Gabbanellis son tocados por moitos artistas coñecidos da música norteña e tex-mex, como Ramón Ayala, Calibre 50, Los Tucanes de Tijuana, Intocable, Michael Salgado, Los Huracanes do Norte e moitos máis.
O Premio Ada Byron do CPEIG é un galardón que outorga anualmente o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) coa finalidade de dar visibilidade á participación feminina en todos os niveis da tecnoloxía: como usuarias, como emprendedoras, como xeradoras de innovación, investigadoras e líderes do sector das novas tecnoloxías.. Leva o nome de Ada Byron. Este galardón é unha das categorías que se inscríben nos premios anuais que outorga o ente colexial durante a Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, unha cea gala onde o CPEIG pretende mostrar á sociedade o traballo desenvolto por enxeñeiros e enxeñeiras en informática dentro da sociedade da información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC. A primeira edición do Premio Ada Byron tivo lugar en 2012.
Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Terra ( pronunciación ) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
O pterigopodio ou pterigópodo (do grego πτέρυξ, -υγος ptéryx, -ygos, "aleta" e a forma do latín científico -podium "pedestal", e tamén "pequeno pé", derivada do grego πούς, ποδός poús, podós, "pé") é un órgano empregado polos peixes cartilaxinosos machos na reprodución. Os pterigopodios son o resultado dunha modificación da parte posterior das aletas pelvianas. De forma cilíndrica, enrolados e cos bordos sobrepostos, nos machos adultos están reforzados con sales de calcio.
Leptis Magna (árabe:لَبْدَة ) tamén coñecida como Lectis Magna (ou Lepcis Magna, na escrita), tamén chamada Lpqy, Neapolis, Lebida ou Lebda hoxe en día polos libios, foi unha importante cidade do Imperio Romano. As súas ruínas atópanse en Khoms, Libia, a 130 km ao leste de Trípoli, na costa onde a Lebda Wadi se atopa co mar. O sitio é unha das ruínas romanas máis espectaculares e virxes do Mediterráneo.
O Sistema Solar é o conxunto de corpos celestes na galaxia chamada Vía Láctea, que desenvolven os seus movementos en torno ao Sol. Inclúe os planetas como corpos principais, o Sol e outros corpos celestes como asteroides, cometas e satélites. Outro xeito de consideralo é como a zona na que o Sol é a estrela de influencia predominante, se ben este segundo concepto abrangue unha zona de extensión moito maior, na que se supón que existen moitos corpos descoñecidos ata o momento, incluíndo a Nube de Oort, considerada como o berce dos cometas.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Unha árbore senlleira na lexislación galega é unha árbore autóctona ou importada que, polas súas características extraordinarias ou destacábeis (tamaño, idade, rareza, beleza, significación histórica, cultural ou científica etc.) é considerada reliquia botánica. Coa súa declaración, son obxecto de protección, concédeselle garantía de respecto comunitario e foméntase o seu valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. A figura de "árbore senlleira" é similar a figuras de protección doutras autonomías españolas e doutros estados europeos.
O Festival MUTIS de teatro independente e nova creación é unha mostra participativa celebrada en Barcelona desde 2010 cada equinoccio de primavera, na que conflúen actividades relacionadas coas artes escénicas interpretadas por grupos universitarios de toda España, que conta tamén cun apartado de teatro infantil e xuvenil.
O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico. Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.
A batalla de Stalingrado (ou Estalingrado) foi un punto de mudanza na Segunda Guerra Mundial, e é considerada unha das batallas máis violentas da historia. A batalla incluíu o ataque alemán na cidade do sur de Rusia, Stalingrado (hoxe Volgogrado), a batalla dentro da cidade, e a contraofensiva soviética que eventualmente emboscou e destruíu as forzas do Eixo dentro e á volta da cidade. O total das baixas en ambos os dous lados estímase en preto de dous millóns de persoas, incluíndo civís.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Uzbekistán nos Xogos Olímpicos
Uzbekistán participou por vez primeira nos Xogos Olímpicos como unha nación independente en 1994, e dende entón enviou deportistas para participar en cada edición dos Xogos de Verán e de Inverno. Anteriormente, os deportistas uzbekos competiron como parte da Unión Soviética dende 1952 até 1988, e despois da disolución da Unión Soviética, Uzbekistán formou parte do Equipo Unificado en 1992. Os deportistas uzbekos gañaron un total de vinte e seis medallas nos Xogos Olímpicos de Verán, principalmente en loita e boxeo.
A língua geral é o termo empregado para describir o nome de dúas linguas francas e crioulas que foron faladas no Brasil: a língua geral paulista (tamén coñecida como tupí austral ou tupí do sur), a cal foi falada na rexión de São Paulo mais que no presente está extinta, e a língua geral amazônica (tupinambá) da cal o seu descendente moderno é o nheengatu. Ámbalas dúas eran versión simplificadas da lingua tupí, a lingua nativa dos pobos tupís. Os colonizadores portugueses chegaron ao Brasil no século XVI e atoparon unha poboación indíxena que falaba moitas linguas diferentes, polo que estabeleceron un método efectivo de comunicación entre os diferentes grupos.
Rajnath Singh, nado na aldea de Bhabhaura, no distrito de Chandauli, Uttar Pradesh (India) o 10 de xullo de 1951, é un político indio que exerce como ministro de Defensa da India. É o ex presidente do Partido Bharatiya Janata. Anteriormente exerceu como ministro xefe de Uttar Pradesh e como ministro do gabinete no goberno de Vajpayee.
Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.
Na noite estrelecida é unha obra poética de Ramón Cabanillas, publicada en 1926. Está conformada por tres poemas escritos en series de pareados alexandrinos, mesturados con romances e sextinas, que ten como tema principal a materia de Bretaña. Dúas das sagas xa foran publicadas (con algunhas variantes) antes de 1926, mais foi nese ano cando apareceron as tres reunidas nunha publicación.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
O Ferencvárosi Torna Club, coñecido habitualmente como Ferencváros, é un equipo de fútbol de Hungría, fundado en 1899 por Ferenc Springer e un grupo de residentes de Ferencváros, o noveno distrito da cidade de Budapest. Con 28 títulos da liga húngara e 20 títulos da Copa de Hungría, é o club máis laureado en ambas as competicións. Ademais, gañou a Copa de Feiras en 1965, gañando por 0-1 na final á Juventus.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. Na formación do masculino e feminino o galego distínguese das linguas veciñas por: Son masculinas as seguintes palabras: o sal, o mel, o sinal, o cárcere, o labor, o nariz, o riso, o sangue, o costume, o cume, o leite, o couce, o cuspe, o dote, o fel, o pantasma, o mar, o masacre, o nariz, o sinal, o ubre, o xiz...
Igrexa de Santa María a Nova de Noia
A igrexa de Santa María a Nova é un dos monumentos relixiosos e históricos máis representativos da vila de Noia. Trátase dunha igrexa construída en 1327 sobre outra máis antiga (do século XII), no centro do cemiterio histórico da cidade, e posúe unha mostra singular de laudas sepulcrais que datan dos séculos XIV ó XIX. Foi declarada monumento histórico artístico en 1973 e non posúe culto, estando actualmente dedicada a Museo. Foi construída polo arcebispo santiagués Berenguel de Landoira (1262-1330), de orixe francesa, en estilo gótico mariñeiro con influencia do románico , sobre outra igrexa anterior do século XII. Isto pode explica-la denominación de Santa María a Nova como testemuña dunha anterior Santa María a Vella.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Serramoura é unha serie de televisión de suspense producida por Voz Audiovisual para a Televisión de Galicia. Emitiuse por vez primeira o domingo a noite do 5 de outubro de 2014 na TVG en horario de máxima audiencia. Desde o 25 de outubro de 2016 a canle rusa AXN Sci-Fi emite a serie co título de Черный лес.
Os Atlánticos foi unha serie galega emitida pola TVG entre os anos 2008 e 2009 en dúas tempadas que suman un total de 26 episodios. Producida por Filmanova e Continental, trátase dunha ficción que se desenvolve na ficticia vila de Vilardenós e que xira arredor á actividade dunha pequena orquestra de cinco músicos cuxo nome é o que dá título á serie. Rodouse en Pontedeume cun elenco que estivo encabezado por Xabier Deive, Xosé Barato, Sonia Méndez, Nacho Castaño, Antía Otero e Ledicia Sola.
Albert Einstein, ( [ˈalbɐt ˈaɪnʃtaɪn] ) nado en Ulm o 14 de marzo de 1879 e falecido en Princeton (Estados Unidos) o 18 de abril de 1955, foi un físico e matemático alemán de nacemento recoñecido internacionalmente por propor a teoría da relatividade, un dos piares da física moderna xunto a mecánica cuántica. A obra de Einstein resultou tamén de grande influencia na filosofía da ciencia. Einstein é coñecido na cultura popular pola súa fórmula da equivalencia masa-enerxía E = mc2, alcumada "a fórmula máis famosa do mundo".Nos comezos da súa carreira científica, Einstein considerou que a mecánica de Newton non era suficiente para reconciliar as leis da mecánica clásica coas leis do campo electromagnético.
Eivisa (en catalán e oficialmente: Eivissa, en castelán: Ibiza) é unha illa española situada no mar Mediterráneo e que forma parte da comunidade autónoma das Illas Baleares. É a segunda illa máis poboada do arquipélago tras Mallorca e a terceira en superficie, por detrás de Mallorca e Menorca. A illa é coñecida a nivel internacional pola beleza das súas calas e praias e a calidade das súas augas.
O bikini (do inglés "bikini") é unha peza feminina de baño composta de dous triángulos de tea na parte superior similar a un apertador que cobre os seos e dous triángulos de tea na parte inferior, a frontal que cobre a pelve, pero que expón o embigo, e a parte de atrás que cobre as nádegas. O tamaño da parte superior e inferior pode variar desde a cobertura completa dos seos, pelve, e nádegas, ata os deseños máis atrevidos como o tanga que cobren só a aréola e o monte de Venus, pero expoñen as nádegas. O deseñador de moda Jacques Heim presentou en París un deseño de traxe de baño de dúas pezas en 1946 ao que chamou Atome.
Vóóhéhéve, máis coñecido como Estrela da Mañá (tradución do inglés Morning Star), nado c. 1810 nalgún lugar do val do río Rosebud, Montana, e finado en 1883, foi un gran xefe dos cheyenne do norte durante o século XIX. Fíxose notar pola súa activa resistencia á colonización do Oeste e contra o Goberno Federal dos Estados Unidos de América. É debido á coraxe e determinación de Estrela da Mañá e outros líderes cheyennes que os cheyennes do norte aínda posúen terras no seu territorio tradicional (hoxe en día Montana).
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, dirixidos preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Artes marciais históricas europeas
Co nome de artes marciais históricas europeas (AMHE) coñécese un conxunto de sistemas de combate practicados ao longo da historia na Europa e as súas areas de influencia. Normalmente refírese a sistemas que caeran en desuso, interrompéndose a transmisión xeracional. Son reconstruídos, por tanto, mediante o estudo dos manuais técnicos que quedaran escritos na época en que estas artes eran usadas.