Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Joseph Robinette "Joe" Biden, Jr, nado en Scranton, Pensilvania o 20 de novembro de 1942, é un avogado e político estadounidense, 46º presidente dos Estados Unidos de América. Membro do Partido Demócrata, Biden foi senador por Delaware durante seis mandatos dende 1973 a 2009 e foi o 47º vicepresidente dos Estados Unidos de América, no goberno de Barack Obama, dende 2009 a 2017. Criado en Scranton, Pensilvania e no condado de New Castle, Delaware, Biden estudou na Universidade de Delaware antes de obter a carreira de Dereito na Universidade de Siracusa en 1968.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
O Club Deportivo Alcoyano (en valenciano: Club Esportiu Alcoià) é un club de fútbol de España da cidade de Alcoi na provincia de Alacant. Foi fundado en 1929 e milita actualmente no grupo 6 da Terceira división española. É un dos clubs históricos da Comunidade Valenciana, cunha traxectoria de 4 tempadas en Primeira División e 12 en Segunda.
Xela Arias Castaño, nada en Sarria o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Os trevos son plantas herbáceas da familia das Fabáceas, pertencentes ao xénero Trifolium. Están caracterizados polas súas follas compostas con tres folíolos e máis pola súa capacidade de fixar atmosférico grazas a bacterias simbióticas acubilladas nas súas raíces. A riqueza en proteínas dalgunhas especies convértea nunha das plantas preferidas para formar padrerías destinadas á alimentación de ruminantes de cría.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Lista de presidentes dos Estados Unidos de América
O Presidente dos Estados Unidos é o xefe de Estado dos Estados Unidos de América. Baixo a Constitución estadounidense, o Presidente é tamén o xefe do Goberno Federal dos Estados Unidos e o comandante en xefe das Forzas Armadas dos Estados Unidos de América Os poderes do Presidente dos Estados Unidos son amplos. Ademais de ser a cabeza do poder executivo do goberno federal, que inclúe ó redor de 4 millóns de funcionarios, entre elas un millón de persoal militar en servizo activo, ten importantes funcións nas áreas lexislativa e xudicial.
República Independente de Donís
A República Independente de Donís foi un estado independente declarado o ano 1873 na localidade galega de Donís, na serra dos Ancares. Perdurou só uns días, até a chegada da Garda Civil.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 170.517 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Alexandre III de Macedonia, coñecido como Alexandre o Grande ou Alexandre Magno (en grego: Μέγας Ἀλέξανδρος), nado o 21 de xullo de 356 a.C. en Pela (Reino de Macedonia) e finado o 10 ou 13 de xuño de 323 a.C. en Babilonia, foi rei de Macedonia entre o 21 de xullo de 336 a.C. e o 13 de xuño de 323 a.C. Trátase dun dos máis exitosos comandantes do mundo antigo, tanto que foi considerado por moitos o maior xenio militar da historia.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Alfred Joseph Hitchcock, nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 e finado no barrio de Bel Air (Os Ánxeles) o 29 de abril de 1980, foi un director de cine británico nacionalizado americano, mestre do xénero do thriller de suspense. Tras unha exitosa carreira no cine británico en películas mudas e nas primeiras sonoras, o que o levou a ser considerado o mellor director de Inglaterra, Hitchcock trasladouse a Hollywood en 1939.
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987, é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo. Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga..
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Considérase como unha organización de esquerda (influenciada pola socialdemocracia e o marxismo) e nacionalista, e dende o punto de vista organizativo, defínese como unha fronte de partidos. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
María Dolores Flores Ruiz, máis coñecida polo nome artístico de Lola Flores, nada en Xerez da Fronteira o 21 de xaneiro de 1923 e finada en Alcobendas (Madrid) o 16 de maio de 1995, foi unha cantante de copla, bailaora e actriz española, artisticamente alcumada "La Faraona". Estivo casada co guitarrista Antonio González "El Pescaílla" (1926-1999), co que tivo tres fillos, os cantantes Lolita Flores (Dolores González Flores) (1958), Antonio Flores (Antonio González Flores) (1961-1995) e Rosario Flores (Rosario González Flores) (1964). Foi irmá da tamén cantante Carmen Flores (1936), tía do ex futbolista e adestrador Quique Sánchez Flores (1965) e avoa das actrices Elena Furiase (filla de Lolita) e Alba Flores (filla de Antonio).
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Benito Vicetto Pérez nado en Ferrol o 21 de maio de 1824 e finado na mesma cidade o 28 de maio de 1878, foi un escritor, xornalista e historiador galego. Prolífero autor literario en lingua castelá, na que cultivou a poesía, a novela, o teatro e o ensaio, escribiu tamén algúns poemas en lingua galega. Destacou como editor e colaborador de xornais de ideoloxía liberal, desde os que impulsou as ideas rexionalistas.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano, que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España.
Barack Hussein Obama II, nado en Honolulu (Hawai) o 4 de agosto de 1961, foi o cuadraxésimo cuarto presidente dos Estados Unidos de América. É o primeiro afroamericano en acadar este posto. Obama foi senador polo estado de Illinois entre xaneiro de 2005 e novembro de 2008, momento en que renunciou ao cargo para botar os folgos á campaña presidencial.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en extranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
A batalla das Termópilas, envolta no contexto da II guerra médica, decorreu no verán do 480 a.C., no desfiladeiro das Termópilas, na Grecia Central. Alí, de acordo coa tradición do historiador Heródoto de Halicarnaso, 300 espartanos, so o comando do seu rei Leónidas I, acompañados por non máis de 7 000 aliados doutras πόλεις (cidades-Estado) helénicas, enfrontáronse a millóns de persas (en realidade o número semella que é menor) liderados por Xerxes I, fillo de Darío I. Pese á esaxeración dos números presentados por Heródoto, a grande disparidade numérica entre os bandos levou a que a batalla terminase cunha aparentemente retumbante vitoria persa, aínda que os gregos, antes de seren totalmente aniquilados, conseguiron infrinxir un elevado número de baixas e retardar considerablemente o avance dos persas por Grecia. A intervención dos gregos, para alén de levalos a morrer como homes ceibes, e non como escravos persas, foi de tal xeito decisiva para o futuro do conflito, polo que ben poden ser tamén considerados vencedores.
Mohandas Karamchand Gandhi (en gujarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanágari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Gujarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un dos ideólogos e fundadores do moderno estado indio e un influente defensor do Satyagraha (principio da non agresión, forma non violenta de protesta) como un medio de revolución. Gandhi axudou a liberar a India do goberno británico, inspirando a outros pobos coloniais a traballar polas súas propias independencias e en última análise para o desmantelamento do Imperio Británico e a súa substitución pola Comunidade Británica (Commonwealth). O principio do satyagraha, frecuentemente traducido como "o camiño da verdade" ou "a busca da verdade", tamén inspirou xeracións de activistas democráticos e antirracistas, incluíndo Martin Luther King e Nelson Mandela.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Andorra, oficialmente Principado de Andorra (en catalán: Principat d'Andorra), é un estado soberano sen saída ao mar, situado nos Pireneos entre España e Francia, limitando coa comunidade autónoma de Cataluña ao sur e cos departamentos franceses de Pireneos Orientais e Ariège ao norte. O Principado de Andorra é o sexto país máis pequeno de Europa cunha superficie de 468 km² e unha poboación estimada de 88.815 habitantes en 2009.. A súa capital é Andorra la Vella e a súa lingua oficial o catalán, aínda que tamén se falan de xeito común o castelán, o francés e o portugués.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
"In God We Trust" é o lema dos Estados Unidos de América, e foi adoptado oficialmente en 1956 para substituír o non oficial E pluribus unum, que fora adoptado cando se creou o Gran Selo dos Estados Unidos en 1782. "In God we trust" apareceu por vez primeira nunha moeda estadounidense en 1864 e nos billetes dende 1957. Algúns secularistas opóñense ó seu uso.É tamén o lema do estado de Florida.
A TPBS (tailandés: ส.ส.ท.) é o Servizo Público de Radiodifusión Tailandés (tailandés: องค์การกระจายเสียงและแพร่ภาพสาธารณะแห่งประเทศไทย; RTGS: Ongkan Krachai Siang Lae Phrae Phap Satharana Haeng Prathet Thai) é un servizo público de radiodifusión de Tailandia que opera a canle de televisión Thai PBS (ไทยพีบีเอส). Estableceuse por lei o 15 de xaneiro de 2008 o que lle garante o status de axencia estatal con personalidade xurídica sen ter carácter de axencia gobernamental nin empresa estatal. Thai PBS é sucesora da privada iTV/TITV e comezou a emitir, primeiro co nome de TV Thai, o 1 de febreiro de 2008.
O Eixo, Santiago de Compostela
San Cristovo do Eixo é unha parroquia que se localiza no concello de Santiago de Compostela. Segundo o IGE en 2018 tiña 1.005 habitantes (511 mulleres e 494 homes) distribuídos en 11 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 1.060 habitantes.
Melania Knauss-Trump, nada en Novo Mesto o 26 de abril de 1970, é unha exmodelo estadounidense de orixe eslovena, coñecida sobre todo por ser a terceira dona do 45º presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Sucedeu a Michelle Obama como a Primeira dama dos Estados Unidos de América, pasando á historia como a segunda nada fóra do país, tras Louisa Adams (dona do 6º presidente, John Quincy Adams, 1825-1829). Nada no seo dunha familia eslovena na vila de Sevnica, preto de Radeče, co nome de Melanija Knavs, comezou a súa carreira na modelaxe aos 16 anos ao tempo que cursou a carreira de arquitectura.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O léxico técnico e científico utiliza adoito prefixos e sufixos na creación de palabras que denominen novos conceptos tomándoos habitualmente do latín ou do grego. Como é natural, este feito non se dá só no eido científico. Prefixo é todo elemento que se coloca diante dunha palabra ou raíz para modifica-lo significado da palabra ou formar unha nova palabra cun significado diferente.
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Lugo
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Lugo. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Pontevedra
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Pontevedra. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (ˈvɔlfgaŋ amaˈdeus ˈmoːtsart), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756 e finado en Viena o 5 de decembro de 1791, está considerado como un dos máis grandes compositores de música clásica europea. A obra mozartiana abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal. Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e do violín.
María del Carmen Quintero Corredoira, máis coñecida como Mary Quintero, nada en Melide (Provincia da Coruña) o 9 de novembro de 1931, é unha das pioneiras da fotografía profesional en Galicia. Foi a primeira muller galega en facer unha exposición fotográfica nunha sala e en aplicar cor ás imaxes en branco e negro.
Cando petan na porta pola noite
Cando petan na porta pola noite é un libro de Xabier P. Docampo. Editouse por vez primeira no ano 1994 e foi reeditado varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
Unha zorra (proponse que veña dun antigo verbo zorrar, que tería o significado de 'arrastrar') é un instrumento de transporte sobre a neve que consta de dous patíns, esquís ou raís paralelos onde se apoia e se desliza sobre o xeo ou a neve empuxados habitualmente (ás veces tirado) por unha forza exterior, e unidos por unha plataforma horizontal onde se monta a carga. Están habitualmente feitos de madeira, e os deslizadores están revirados para enriba para non afundirse e chantarse na neve. A denominación procede dun arcaísmo e dialectalismo recuperado para o uso moderno: aínda en uso nos Ancares para un útil semellante, a verba trineo semellante á portuguesa é un galicismo.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Pirates of the Caribbean: Dead Men Tell No Tales
Pirates of the Caribbean: Dead Men Tell No Tales (tamén estreado nalgúns países como Pirates of the Caribbean: Salazar's Revenge) é un filme estadounidense de 2017. É o quinto título da franquía Pirates of the Caribbean e a secuela de On Stranger Tides (2011). O filme foi dirixido por Joachim Rønning e Espen Sandberg a partir dun guión de Jeff Nathanson, con Jerry Bruckheimer como produtor.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Guillaume François Antoine, marqués de l'Hôpital (|ɡijom fʁɑ̃swa ɑ̃twan maʁki də lopital|), ás veces escrito L'Hospital, nado en París en 1661 e finado na mesma cidade o 2 de febreiro de 1704, tamén coñecido como Guillaume-François-Antoine marqués de l'Hôpital, marqués de Sainte-Mesme, conde d'Entremont e señor d'Ouques-la-Chaise, foi un matemático francés. O seu nome está asociado coa regra de l'Hôpital para calcular límites con indeterminacións do tipo 0/0 e ∞/∞. Aínda que a regra non se orixinou con l'Hôpital, apareceu impresa por primeira vez no seu tratado de 1696 sobre o cálculo infinitesimal titulado Analyse des Infiniment Petits pour l'Intelligence des Lignes Courbes.
Avenida de América foi unha serie de televisión emitida na TVG en 2002, sendo a primeira producida integramente por esta canle. Contou con dúas temporadas de 40 episodios cada unha (80 episodios en total). Está gravada nas instalacións da Facultade de Xornalismo de Santiago, onde foron montados os decorados da escola de hostalería.
The Waylanders é un videoxogo de rol desenvolvido pola empresa coruñesa Gato Studio e estreado para Microsoft Windows en 2020. Baseado nas lendas galegas e na mitoloxía celta, a acción do xogo está ambientada en dous momentos temporais: o período celta e a Idade Media, nos inicios do Camiño de Santiago, e será posible que o personaxe principal viaxe no tempo entre os dous períodos. O xogador poderá tomar o rol dun guerreiro, un gardián, un pícaro, un explorador, un feiticeiro ou un sanador, podendo escoller entre catro formas ou razas, humano, moure, semi-fomore e licántropo.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, é unha monarca inglesa. É raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belize, Canadá, Granada, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón e Tuvalu. Tamén é a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.