Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Squid Game (en coreano: 오징어게임; Ojingeo Geim) é unha serie de televisión surcoreana de 2021 escrita e dirixida por Hwang Dong-hyuk. A serie, composta de nove episodios, está protagonizada por Lee Jung-jae, Park Hae-soo e Wi Ha-joon, e conta a historia dun grupo de persoas que arriscan as súas vidas nun misterioso xogo de supervivencia cun premio de 45,6 billóns de wons. Estreouse internacionalmente o 17 de setembro de 2021 a través de Netflix.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Este artigo trata sobre o libro de relatos de Álvaro Cunqueiro, para o artigo sobre a serie Televisión de Galicia véxase Os outros feirantes (serie de televisión).Os outros feirantes é un libro de relatos escrito en 1971 por Álvaro Cunqueiro que mostra un conxunto de descricións de personaxes galegos, un xénero único no que Cunqueiro amosou a súa mestría. É unha nova ración de retratos para coñecer mellor o galego cotián, campesiño, coa súa forma de entender o mundo, as crenzas, os ritos, as supersticións. Son descricións breves nas que non falta o humor e a ironía.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Un cogomelo ou cogumelo ( pronunciación ) (do latín cucumellum, diminutivo formado sobre cucuma -ae denominación dun recipiente de cociña) é un fungo pluricelular que adoita medrar en lugares húmidos e pouco soleados. Hai moitas especies de cogomelos, con diferentes características e que se dan en diferentes ecosistemas. Habitualmente, encádranse dentro do filo Basidiomicota (Basidiomicetos).
Paddy Moloney (en irlandés: Pádraig Ó Maoldomhnaigh), nado en Donnycarney (Dublín) o 1 de agosto de 1938 e finado o 11 de outubro de 2021, foi un músico da República de Irlanda, líder do grupo folk The Chieftains e produtor de numerosos traballos discográficos. Especialista en bodhrán e en instrumentos de vento, o tin whistle e as gaitas (moi sinaladamente a uillean pipe) foron os máis característicos da súa traxectoria. Gañador cos Chieftains de 6 premios Grammy, acadou o recoñecemento actuando ao longo do planeta (Europa, EE.UU., China, Xapón...) e tamén polas súas colaboracións con relevantes músicos e grupos de diversos estilos (Van Morrison, Sting, Rolling Stones, Mike Oldfield, Ry Cooder, Carlos Núñez...) e a participación na banda sonora de películas de renome.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano. Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinocio de outono e o solsticio de inverno.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
A Terra (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 176.888 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
La Palma, cuxo nome histórico é San Miguel de La Palma, é unha illa española que forma parte do arquipélago de Canarias, situado no océano Atlántico fronte ás costas africanas. Pertence á provincia de Santa Cruz de Tenerife e a capital da illa é Santa Cruz de la Palma. Desde 2002, La Palma é Reserva da Biosfera.
San Francisco de Asís (en italiano Francesco d'Assisi), nado en Asís o 5 de xullo de 1182 e falecido na mesma vila o 3 de outubro de 1226, foi un relixioso italiano. Fundador da Orde Franciscana, e patrón cristián dos ecoloxistas, dos naturistas ou nudistas e por revindicar a protección dos animais e o ambiente. Foi canonizado pola Igrexa católica en 1228, e a súa festividade celébrase o 4 de outubro.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O Castro de Cociñadoiro estaba situado na Punta de Muros/Punta Langosteira. No ano 2004 o inicio do proxectado Porto Exterior da Coruña poñía en perigo o castro xa ameazado de destrución pola acción erosiva do océano. Na declaración de Impacto Ambiental, no ano 2001, o Ministerio de Medio Ambiente xa o citaba.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Os bugallos ou bugallas, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos. A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos. En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores).
Marte é o cuarto planeta do Sistema Solar pola súa proximidade ao Sol. Chamado así polo deus da guerra da mitoloxía romana Marte, recibe ás veces o alcume de planeta vermello debido á aparencia avermellada que lle confire o óxido de ferro que domina a súa superficie. Ten unha atmosfera delgada formada por dióxido de carbono, e dúas lúas, pequenas e deformadas,: Fobos e Deimos, posibelmente asteroides capturados polo planeta, así mesmo ten apenas un cuarto da superficie da Terra e apenas un décimo da súa masa.
A filla do ladrón de bicicletas
A filla do ladrón de bicicletas é unha novela de Teresa González Costa. Foi publicada por Edicións Xerais en outubro de 2010, logo de acadar o Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil dese ano.
As Cantigas de Santa María son un conxunto de catrocentas vinte e sete composicións en galego-portugués, que no século XIII era a lingua fundamental da lírica culta en Castela. Atópanse repartidas en catro manuscritos, un deles na Biblioteca Nacional en Madrid (códice To, por Toledo), dous en San Lorenzo de El Escorial (códices E e T) e o cuarto en Florencia (códice F). A colección mariana data de entre os anos 1270 e 1283.
A Segunda República Española foi o réxime político polo que se rexeu España no período que vai dende o 14 de abril de 1931, data de proclamación da mesma, até o 1 de abril de 1939, data da vitoria definitiva do bando autoproclamado nacional (é dicir, o dos sublevados contra a República os días 17 e 18 de xullo de 1936, chamados así en oposición aos leais a ela, que eran coñecidos como republicanos).
Alfred Werner, nado en Mulhouse, Alsacia, antes en Alemaña, actualmente en Francia, o 12 de decembro de 1866 e finado en Zúric o 15 de novembro de 1919, foi un químico suízo, profesor da Universidade de Zúric e gañador do Premio Nobel de Química en 1913 por propor a configuración en octaedro dos complexos de transición metálica. Werner desenvolveu as bases do complexo metálico moderno. Foi o primeiro químico inorgánico en gañar o Premio Nobel, de feito o único antes de 1973.
A Biblioteca Galega 120 é unha colección de reedicións de 120 libros de autores galegos en lingua galega, iniciada no ano 2002, distribuída por La Voz de Galicia, da que se venderon máis de catro millóns e medio de exemplares. Na iniciativa colaboraron Edicións Xerais de Galicia, a Editorial Galaxia, Espiral Maior, Edicións Laiovento, Ediciones SM, Ir Indo, Sotelo Blanco Edicións e Ediciós do Castro.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
As mouras son espíritos, seres fantásticos con poderes sobrenaturais dos folclores portugués e galego. Son "seres obrigados por oculta forza sobrenatural a vivir en certo estado de sitio como limitados ou adormecidos, en canto determinada circunstancia non lles rompa o encantamento". Segundo antigos relatos populares, son as almas de doncelas que foron deixadas gardando os tesouros que os mouros esconderan antes de partir para a súa terra.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Lucía Pérez Vizcaíno, nada en Goó (O Incio) o 5 de xullo de 1985, coñecida artisticamente como Lucía Pérez, é unha cantante galega. Representou a España no Festival de Eurovisión 2011, en Düsseldorf (Alemaña), co tema «Que me quiten lo bailao». Foi a primeira galega en facelo por España e obtivo o 23º posto, con 50 puntos.
O Mosa (en francés, Meuse; en alemán e neerlandés, Maas; en valón, Moûze) é un río europeo de 950 km de longo que ten o seu nacemento na Francia, no planalto de Langres, en Bassigny. Dá o seu nome ao departamento francés de Meuse e tamén a cidades neerlandesas como Maastricht. O Mosa baña Neufchateau, Commercy, Verdun, Sedan, Charleville-Mézières, despois atravesa a Bélxica (Dinant, Namur, Huy, Liexa) e mailos Países Baixos (Maastricht, Ruremonde, Venlo) en dirección do mar do Norte.
Os camiños da vida é unha novela de Ramón Otero Pedrayo publicada en 1928 pola Editorial Nós en tres volumes independentes. A editorial Galaxia editouna xa nun único tomo no ano 1978 como terceiro volume da súa Obra Selecta e en 1990 na colección Narrativa, cun estudo introdutorio de Ramón Mariño Paz, que vai pola 15ª edición.
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
O río Negro é o curso de auga máis importante da provincia arxentina de Río Negro e tamén da Patagonia en canto ao seu caudal. O seu nome provén da tradución literal do mapundungun Curú Leufvú, aínda que as súas augas son dunha cor máis verde escura que negra. Antigamente era coñecido tamén como río dos Salgueiros debido á grande cantidade de salgueiros choróns que hai nas súas beiras.
O reintegracionismo ou lusismo é unha postura lingüística que defende que o galego, xunto co resto de variedades da lingua portuguesa, son unha única lingua. Por tanto, as diferentes falas galegas serían, como as portuguesas, parte da mesma lingua, e non dúas linguas do mesmo diasistema lingüístico como defende a RAG. Como consecuencia da procura da converxencia entre o galego e o portugués, este movemento propón a adopción da normativa reintegracionista do galego, se ben hoxe en día asociacións como a AGAL promoven a convivencia desa norma xunto coa normativa oficial do galego nun chamado binormativismo. A normativa reintegracionista do galego ten a súa orixe no Estudo crítico das normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego de 1983.
A miticultura ou mitilicultura (de Mytilus, nome científico do mexillón) é o cultivo industrial do mexillón, unha actividade marisqueira dirixida e controlada polo ser humano sobre artefactos flotantes, denominados bateas, fondeados nas augas costeiras. Na actualidade é unha das principais actividades económicas de numerosas poboacións da costa galega, especialmente nas rías Baixas, e xera unha importante economía indirecta.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas.
Cataluña (en catalán: Catalunya, en aranés: Catalonha; en castelán: Cataluña) é unha comunidade autónoma española, considerada nacionalidade histórica, situada no nordeste da Península Ibérica. Nomeada tradicionalmente Principado de Cataluña, é unha nación, segundo se expresa no seu estatuto de autonomía: Ocupa un territorio duns 32.000 km² que limita ao norte con Francia (Occitania) e Andorra, ao leste co mar Mediterráneo ao longo dunha franxa marítima duns 580 quilómetros, ao sur coa Comunidade Valenciana (Castelló), e ao oeste con Aragón (Zaragoza, Teruel e Huesca). Esta situación estratéxica favoreceu unha relación moi intensa cos territorios da conca mediterránea e coa Europa continental.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 1 de outubro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX, membro da xeración Nós e considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O reino suevo, reino suevo de Galiza ou reino de Galiza configúrase como a estrutura política máis antiga das actuais rexións de Galiza e o norte e centro de Portugal. despois da caída do Imperio Romano de Occidente. É o primeiro estado medieval da Europa occidental continental: nas Illas Británicas é anterior en Gales o Reino de Dyfed, logo da fin do dominio romano en Britania.
Lista dos mamíferos de Galicia
A seguinte é unha lista alfabética das especies de mamíferos atopados en Galicia ou nas proximidades da súa costa. Está baseada na información recollida dos traballos feitos polos especialistas en mamíferos Xoán Ignacio Díaz da Silva e Yosy Cartelle e os datos obtidos da Lista Vermella da IUCN . Esta clase contén arredor de 5.487 especies vivas das cales un 25% (1.141) están en perigo de extinción e unhas 100 foron atopadas con maior ou menor abundancia no territorio ou nas costas galegas.
O río Limay é un importante curso de auga da Patagonia arxentina que ten a súa orixe no lago Nahuel Huapi e flúe en dirección nordés, formando a fronteira entre as provincias de Neuquén e Río Negro, até confluír co río Neuquén na cidade de Neuquén dando lugar ao nacemento do río Negro. Drena unha ampla conca de 63 700 km² e ten unha lonxitude duns 500 km, aínda que se considera a súa fonte máis afastada chega aos 617 km. As súas augas pertencen á conca do océano Atlántico.
Ese oscuro objeto del deseo (en francés: Cet obscur objet du désir) é un filme franco-español de 1977 dirixido por Luis Buñuel. Foi o derradeiro filme dirixido por Buñuel antes da súa morte en xullo de 1983. O filme foi escollido como candidato de España para o Óscar ó mellor filme en lingua non inglesa na 50ª edición dos premios, sendo finalmente nomeado.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora-Montenegro (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
Os vellos non deben de namorarse
Os vellos non deben de namorarse é unha obra de teatro de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, considerada unha das pezas máis populares do teatro galego. A obra foi escrita "para regalía do pobo galego" na cidade de Nova York, como remedio para "matar as horas de morriña" e rematouna no inverno de 1939. En palabras do autor esta obra foi froito da combinación de dúas sensibilidades: a literaria e, tamén, a imaxinación plástica do pintor.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. Na formación do masculino e feminino o galego distínguese das linguas veciñas por: Son masculinas as seguintes palabras: o sal, o mel, o sinal, o cárcere, o labor, o nariz, o riso, o sangue, o costume, o cume, o leite, o couce, o cuspe, o dote, o fel, o mar, o masacre, o nariz, o sinal, o ubre, o xiz...
Suíza (en alemán: Die Schweiz, en francés: Suisse, en italiano: Svizzera, en romanche: Svizra) é un estado federal da Europa central, sen saída cara ao mar, mais con conexións a través do río Rin. Ten fronteiras ao norte con Alemaña, ao leste con Austria e Liechtenstein, ao sur con Italia e ao oeste con Francia. É tamén coñecida como a Confederación Suíza ou de xeito oficial, aínda que menos usual, Confoederatio Helvetica (en latín para Confederación Helvética).
A fala de Estremadura, tamén coñecida como fala de Xálima, fala dos tres lugares ou valego, galego estremeño ou galego do Val do Ellas polos partidarios da teoría sobre a relación entre a fala e a lingua galega, é unha variedade lingüística galego-portuguesa falada nos concellos de San Martiño de Trebello, Valverde do Fresno e As Ellas, no Val de Xálima, no noroeste da provincia de Cáceres, en Estremadura. Aínda que non se pode considerar galego en sentido estrito , a maior parte dos lingüistas galegos trátana como unha variedade histórica do galego por consideraren que ten moito máis que ver coas falas galegas que co portugués estándar e pola súa orixe, pero non todos pensan da mesma forma, algúns pensan que é unha lingua diferenciada do galego pero o galego é a máis próxima. O Ethnologue recólleo como unha lingua e dálle o seu propio código ISO 639-3, fax, non obstante a maioría dos investigadores evitaron darlle a denominación de lingua.
Nicolao Copérnico, nado o 19 de febreiro de 1473 en Toruń e falecido o 24 de maio de 1543, foi un astrónomo e matemático que viviu a cabalo dos séculos xv e xvi e que revolucionou a concepción do universo grazas á súa teoría heliocéntrica do Sistema Solar, que desprazou a Terra coma centro do universo, concibida en primeira instancia por Aristarco de Samos. O seu libro de referencia, De Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as revolucións das esferas celestes), onde expresa a súa débeda coas obras de Azarquiel e al Battani, publicado en 1543, pouco antes da súa morte, adoita ser considerado como o punto inicial ou fundador da astronomía moderna, ademais de ser unha peza clave no que se chamou a revolución científica na época do Renacemento. Copérnico pasou preto de vinte e cinco anos traballando no desenvolvemento do seu modelo heliocéntrico do universo.
Premio Nacional de Narrativa de España
O Premio Nacional de Literatura na modalidade de Narrativa é un galardón literario de longa traxectoria que outorga anualmente o Ministerio de Cultura de España. Premia a mellor obra na modalidade de narrativa escrita por un autor español, en calquera das linguas españolas, entre tódalas obras deste xénero publicadas en España no ano anterior. Está dotado con 20.000 euros.