Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Pau Gasol Sáez, nado en Barcelona o 6 de xullo de 1980, é un xogador catalán de baloncesto. Dende 2021 xoga no FC Barcelona da Liga ACB. Foi o segundo español en xogar na NBA despois de Fernando Martín, sendo escollido polos Atlanta Hawks no Draft da NBA de 2001, e os seus dereitos vendidos á recentemente trasladada franquía dos Memphis Grizzlies, antigamente en Vancouver, onde gañou o premio ao Rookie do Ano da NBA. Actualmente posúe os maiores rexistros da franquía de Memphis en partidos xogados, minutos xogados, tiros de campo feitos e anotados, tiros libres feitos e anotados, rebotes totais, defensivos e ofensivos, tapóns, roubos e puntos. Despois de sete anos nesa franquía, foi traspasado en 2008 aos Los Angeles Lakers, onde xogou ata 2014, pasando logo por Chicago Bulls, San Antonio Spurs e Milwaukee Bucks antes de volver en 2021 ao FC Barcelona, o equipo no que debutara como profesional 22 anos atrás.
Squid Game (en coreano: 오징어게임; Ojingeo Geim) é unha serie de televisión surcoreana de 2021 escrita e dirixida por Hwang Dong-hyuk. A serie, composta de nove episodios, está protagonizada por Lee Jung-jae, Park Hae-soo e Wi Ha-joon, e conta a historia dun grupo de persoas que arriscan as súas vidas nun misterioso xogo de supervivencia cun premio de 45,6 billóns de wons. Estreouse internacionalmente o 17 de setembro de 2021 a través de Netflix.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
Na escala de tempo xeolóxico, o Xurásico é o período da era Mesozoica do eón Fanerozoico que está comprendido entre 199 millóns e 600 mil e 145 millóns e 500 mil anos atrás, aproximadamente. O período Xurásico sucede o período Triásico e precede o período Cretáceo, ambos da súa era. Divídese en Xurásico Inferior, Xurásico Medio e Xurásico Superior, da máis antiga para a máis recente.
PHP era orixinalmente o acrónimo de "Personal Home Pages" ("Páxina web persoal") e posteriormente o acrónimo recursivo de "PHP Hypertext Preprocesor" (Pre-procesador de Hipertexto PHP). PHP é unha linguaxe de programación de computadores interpretada, libre e moi utilizada para xerar contido dinámico na Web. A linguaxe apareceu no ano 1994, como un subconxunto de scripts en Perl creados por Rasmus Lerdof.
Common Lisp (ou, comunmente abreviado, CL), é un dialecto da linguaxe de programación Lisp. Desenvolvida para estandarizar as variantes diverxentes do Lisp, non é unha posta en funcionamento, senón unha especificación. Diversas implementacións do estándar están dispoñibles, incluíndo produtos comerciais e software libre.
Penélope Cruz Sánchez, nada en Madrid o 28 de abril de 1974, é unha actriz española. Aínda que inicialmente foi bailarina e presentou programas de televisión, é mundialmente coñecida pola súa faceta cinematográfica, participando en películas realizadas en español, inglés e outros idiomas, coas que acadou un éxito importante e varios premios.
Estatuto de autonomía de Galicia de 1936
O Estatuto de autonomía de Galicia de 1936 foi un estatuto de autonomía, apoiado maioritariamente en referendo o 28 de xuño, pero que non chegou a ser aprobado en Cortes, e tan só foi admitido a trámite, por mor da guerra civil española e tamén debido a que Galicia foi territorio en poder dos sublevados dende o inicio da contenda. O proceso autonómico galego foi protagonizado nun primeiro momento polos republicanos da Organización Republicana Gallega Autónoma (ORGA), entre eles os nacionalistas Villar Ponte e Lois Peña Novo . A ORGA foi sempre maioritaria nas comisións redactoras, nas Asembleas etc.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Alfred Molina, nado o 24 de maio de 1953 en Paddington, Londres, é un actor inglés. Coñecido polos seus papeis nos filmes Na busca da arca perdida, Prick Up Your Ears, The Man Who Knew Too Little, Spider-Man 2, Maverick, Species, Not Without My Daughter, Chocolat, Frida, Steamboy, The Hoax, Prince of Persia: The Sands of Time, The Da Vinci Code, A Panther in the Basement, An Education e The Sorcerer's Apprentice.
A filla do ladrón de bicicletas
A filla do ladrón de bicicletas é unha novela de Teresa González Costa. Foi publicada por Edicións Xerais en outubro de 2010, logo de acadar o Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil dese ano.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
La Palma, cuxo nome histórico é San Miguel de La Palma, é unha illa española que forma parte do arquipélago de Canarias, situado no océano Atlántico fronte ás costas africanas. Pertence á provincia de Santa Cruz de Tenerife e a capital da illa é Santa Cruz de la Palma. Desde 2002, La Palma é Reserva da Biosfera.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 176.737 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a faixa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Para describir os movementos das pezas de xadrez neste artigo usouse a notación alxébrica. Robert James Fischer, coñecido como Bobby Fischer, nado en Chicago (Illinois) o 9 de marzo de 1943 e finado en Reiquiavik o 17 de xaneiro de 2008, foi un xadrecista estadounidense, logo nacionalizado islandés.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
Para a especie de raposo presente en Galicia, véxase raposo común. Para outros conceptos referenciados como raposo ou raposa, véxase raposo (homónimos).O raposo ou golpe é un mamífero carnívoro de pequeno e medio tamaño que pertence a varios xéneros da familia dos cánidos. Os raposos son un pouco máis pequenos que un can doméstico medio, cun cranio achatado, orellas triangulares, un fociño punzante, lixeiramente virado cara arriba, e unha longa e espesa cola.
Ánxel Fole Sánchez, nado en Lugo o 11 de agosto de 1903 e finado na mesma cidade o 9 de maio de 1986, foi un escritor en galego e castelán que cultivou todos os xéneros literarios (narrativa, poesía, teatro e ensaio), aínda que a súa sona lle vén fundamentalmente dos seus libros de contos, recollidos en catro volumes. En 1997 foille adicado o Día das Letras Galegas. Usou os pseudónimos Bakurin, F. de N., Fole de Navia, Eginardo de Tor, Fuco de Caldas, Lexandre de Arcos, Lucencio, Troitiño, Xelos de Orbán e Neumandro (o máis utilizado).
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
O foro é un tipo de contrato, especialmente agrario, de longa duración ou, eventualmente, perpetuo, polo que unha persoa ou institución —fidalguía e Igrexa— lle cede a outra o uso ou proveito dunha cousa ou ben (xeralmente unha terra), a cambio do cumprimento de diversas condicións previamente estipuladas.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Ronaldo Delgado Cassiano, é un actor nado en Brasil. Participou na serie Mareas vivas como actor secundario, interpretando a Ismael, o irmán pequeno de Taraxido, e tamén noutras teleseries galegas coma Pequeno Hotel ou Pratos combinados. Participou na curtametraxe As bágoas da raíña (2002, de Ángel Regueiro e Óscar Suárez) así como na longametraxe Ilegal (2003, de Ignacio Vilar).
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A pantalla de cristal líquido (LCD, do inglés liquid-crystal display) é unha tecnoloxía que usa as propiedades do cristal líquido, empregada nas pantallas de calculadoras, reloxos dixitais e nas pantallas de ordenadores e TV. A tecnoloxía baséase en diminutos cristais en estado líquido que segundo como se polaricen poden ser transparentes ou opacos. Unha fonte luminosa situada detrás dos cristais ilumina os cristais, os opacos non deixan pasar a luz mais os transparentes si.
A Historia Augusta é unha colección romana de biografías, escrita en latín, sobre emperadores romanos, os seus compañeiros, os herdeiros designados e os usurpadores dende o 117 ao 284. Presuntamente inspirada na obra de Suetonio, De vita Caesarum, presentouse como unha recompilación de traballos realizados por seis autores diferentes (coñecidos colectivamente como Scriptores Historiae Augustae), escritos durante os reinados de Diocleciano e Constantino I e dirixido aos emperadores ou outros persoeiros importantes da Roma Antiga. A colección, comprende trinta biografías, a maioría das cales contén a vida dun emperador só, mais algunhas inclúen un grupo de dúas ou máis agrupadas porque eses emperadores eran semellantes ou contemporáneos.A verdadeira autoría da obra, a súa data real, a súa fiabilidade e o seu propósito foron asuntos de controversia por historiadores e eruditos desde que Hermann Dessau, no 1889, rexeitou tanto a data como a autoría como se indica no manuscrito.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Utilízase a expresión galego exterior para referirse ás falas galegas de zonas do Estado español que non fan parte da comunidade autónoma de Galiza. Estas áreas de lingua e cultura galegas non foron incluídas nas catro provincias galegas na reforma de Javier de Burgos en 1833, aínda que algunhas xa levaban tempo separadas do reino de Galiza e non están incluídas no territorio da comunidade autónoma. As falas destes lugares pertencen na súa maioría ao grupo do galego oriental, malia que a Fala de Estremadura é, segundo algúns estudos,[quen?] unha póla separada do tronco galego-portugués.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Francisco Javier Vázquez Maneiro
Francisco Javier Vázquez Maneiro, coñecido como Javi Maneiro ou só Maneiro, nado na Pobra do Caramiñal o 10 de decembro de 1973, é un cantante galego de música rock, coñecido principalmente por ser o vocalista dos Heredeiros da Crus e de Jabón Blue.
O serval, Leptailurus serval, é unha especie de mamífero carnívoro da familia dos félidos, subfamilia dos felinos.Para a maioría dos autores trátase dunha especie monotípica, xa que o seu xénero só comprende unha especie. É un felino de tamaño medio, máis grande que un gato doméstico, que vive nas sabanas abertas, desde zonas de mato abertas até selvas, especialmente cerca de ríos e lugares pantanosos, pero tamén en áreas semidesérticas de África.
A Casa da Troia, orixinalmente La casa de la Troya. Estudiantina, é unha coñecida e exitosa novela romántica do escritor Alejandro Pérez Lugín publicada en 1915, da que se fixeron múltiples reedicións, varias adaptacións ao teatro, cine e televisión e foi traducida a varias linguas. A acción desenvólvese en Santiago de Compostela.
A mitoloxía galega é o conxunto de mitos máis ou menos relacionados (ou mesmo sen conexións entre si): relatos que forman parte da cultura do pobo galego. Poden chegar a través de discursos, narracións ou expresións culturais de orixe sagrada e que posteriormente foron secularizados e tratados como discursos relativos a esta cultura, a unha época concreta ou a unha serie de crenzas de carácter imaxinario.
Kobe Bean Bryant, nado en Filadelfia (Pensilvania) o 23 de agosto de 1978 e finado en California o 26 de xaneiro de 2020, foi un xogador de baloncesto profesional estadounidense que xogou durante toda a súa carreira para Los Angeles Lakers na National Basketball Association (NBA). Bryant gozou dunha exitosa carreira no baloncesto de instituto, polo que decidiu tentar ingresar na NBA despois de graduarse. Foi seleccionado no posto número trece no Draft da NBA de 1996 polos Charlotte Hornets, e logo traspasado aos Lakers dos Ánxeles.
O coello, (ou coello europeo, para distiguilo doutras especies da familia), cientificamente Oryctolagus cuniculus, é unha especie de mamífero lagomorfo da familia dos lepóridos, a única do xénero Oryctolagus.Orixinario do suroeste de Europa (España, Portugal e o suroeste de Francia) e do noroeste de África (norte de Marrocos e de Alxeria), onde aínda existe (cada vez menos) en estado salvaxe, existen tamén moitas subespecies domesticadas en case todo o planeta. Útil ás persoas pola súa carne, usada como alimento, e pola súa pel, usada para confeccionar vestiario. Crese popularmente que a pata de coello é un amuleto de boa sorte.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Os mouros eran un pobo de criaturas sobrenaturais presentes en mitos e relatos estendidos polo norte da Península Ibérica (Galicia, Asturias e Norte de Portugal) , e presentados como non bautizados e pagáns, que noutro tempo tamén eran coñecidos como xentís. Os homes eran escuros e en ocasións deformes, e as mulleres eran fermosas feiticeiras rubias e de cute branca, aínda que nalgúns relatos populares asócianse coa aparencia de vellas bruxas e meigas.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Margarita Ledo Andión, nada en Castro de Rei o 5 de febreiro de 1951, é unha xornalista, escritora e cineasta galega. Docente e Catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, numeraria da Real Academia Galega; recibiu, entre outros, o Premio Nacional da Cultura Galega (2008), e o Premio Otero Pedrayo (2017).
Alberguería foi unha aldea e unha parroquia do concello da Veiga, asolagada en 1958 pola construción do encoro de Prada, do río Xares. No momento do asolagamento tiña 103 veciños e 536 habitantes. A maioría destes marchou á emigración Arxentina, Venezuela, Brasil, Francia, Alemaña, Suíza, o País Vasco e Cataluña e uns poucos desprazáronse a Ourense e Vigo.
Marc Gasol Sáez, nado en Barcelona o 29 de xaneiro de 1985, é un xogador catalán de baloncesto profesional que xoga nos Memphis Grizzlies da National Basketball Association (NBA). Foi elixido na segunda rolda do Draft da NBA de 2007, na 48ª posición, polos Los Angeles Lakers. É o segundo español en vencer o título da NBA tras o seu irmán maior Pau Gasol.
Eliezer Wiesel, nado en Sighetu Marmației o 30 de setembro de 1928 e finado en Nova York o 2 de xullo de 2016, foi un escritor romanés sobrevivente dos campos de concentración nazis. Adicou toda a súa vida a escribir e falar sobre os horrores do Holocausto, coa firme intención de evitar que se repita no mundo unha barbarie semellante. Foi galardoado co Premio Nobel da Paz en 1986.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
As reservas da biosfera son lugares para proba de proxectos de desenvolvemento sustentable da iniciativa Programa sobre o Home e a Biosfera da Unesco. As reservas abranguen territorios con ecosistemas terrestres, mariños e costeiros nos que se fomentan proxectos que permitan avanzar no desenvolvemento social preservando o valor ecolóxico do territorio. Búscase conservar a biodiversidade e a diversidade cultura, o desenvolvemento económico sostible, e a investigación, a educación e a formación da sociedade.As reservas da biosfera deben incluír unha ou varias área protexidas, onde se conservará súa biodiversidade, e zonas na que se promoven iniciativas de desenvolvemento sostible e conservación.
Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Erupción volcánica de La Palma de 2021
A erupción volcánica de La Palma de 2021 iniciouse ás 14:12 (UTC) do 19 de setembro de 2021 na zona de Las Manchas, na illa de La Palma en Canarias (España). Trátase da última erupción da illa logo da erupción de Teneguía de 1971 e a última producida no arquipélago canario dende a erupción submarina de El Hierro de 2011.
Irlanda (en irlandés: Éire, e en inglés: Ireland) é a terceira illa máis grande de Europa. Está situada entre o océano Atlántico e o mar de Irlanda. Politicamente está dividida na República de Irlanda (oficialmente chamada Irlanda), un estado que cobre os cinco sextos da illa (sur, leste, oeste e noroeste), e Irlanda do Norte, parte do Reino Unido, no nor-leste da illa.
A arquitectura mestre/escravo (tamén denominada supervisor/traballador) é unha arquitectura de sistemas nos que un compoñente realiza labores de control, supervisión e coordinación (denominado mestre), e os restantes realizan tarefas específicas (denominados escravos), devolvendo os resultados ao compoñente mestre. A aplicación deste tipo de arquitectura é bastante habitual no eido da programación paralela, permitindo obter grandes melloras de rendemento.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.