Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
O entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 170.725 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021
As eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021 celebrouse o 14 de febreiro de 2021, para elixir o 13ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Cataluña. Nelas elixiranse os 135 asentos do Parlamento. As eleccións foron convocadas para o 14 de febreiro cando se esgotou o termo legal no que o Parlamento de Cataluña tiña que nomear un novo presidente da Generalitat despois da inhabilitación de Quim Torra.
Pablo Rivadulla Duró, nado en Lleida no 1988, coñecido artisticamente como Pablo Hasél, é un rapeiro catalán. Empezou utilizando unicamente o nome de Hasél nas súas primeiras pezas, utilizando logo o nome de Pablo Hasél. Nas súas letras, sempre directas e sen eufemismos, trata tres tipos de temáticas onde lle amosa ao público a realidade que percibe mediante feitos, críticas e teoría política comunista: "crítica social e rap antisistema, temas sentimentais e persoais e finalmente, temas nos que se ri de todo", segundo declarou nunha entrevista, aínda que nas súas últimas maquetas trata as dúas primeiras temáticas.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Xela Arias Castaño, nada en Sarria o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Cambre é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca da Coruña. Segundo o padrón municipal (INE 2019) conta con 24.648 habitantes (23.621 no 2010, 23.231 no 2009, 22.513 no 2007, 22.092 no 2006, 21.523 no 2005, 20.919 no 2004). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cambrés ou cambresa.
Armenia (en armenio: Հայաստան, Hayastan), oficialmente República de Armenia (en armenio: Հայաստանի Հանրապետություն, Hayastani Hanrapetut’yun), é un estado montañoso sen litoral localizado na rexión eurasiática de Transcaucasia. Localizado no cruzamento de camiños entre Europa oriental e Asia occidental, está rodeado por Turquía ao leste, Xeorxia ao norte, Acerbaixán e a república independente de facto de Nagorno-Karabakh ao leste, e Irán e o enclave acerbaixaní de Nakhichevan ao sur. A súa capital e cidade máis poboada é Iereván.
Febreiro na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de febreiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Incluímos tamén as mencións ó entroido, por coincidir -habitualmente- con este mes.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
A Gran Colombia foi un Estado de América do Sur creado en 1819 polo Congreso de Angostura a través da Ley Fundamental de la República (ratificada despois no Congreso de Cúcuta en 1821) pola unión de Venezuela e a Nova Granada nunha soa nación baixo o nome de República de Colombia, á que logo se adheriron Panamá (1821) e Ecuador (1822). O termo Gran Colombia emprégase pola historiografía para distinguila da actual República de Colombia, cuxo territorio daquela era coñecido como Nova Granada / Cundinamarca. Esta república existiu de iure entre 1821 e 1831 e configurouse a partir da unión das anteriores entidades coloniais do Vicerreinado de Nova Granada, a Capitanía Xeneral de Venezuela, a Presidencia de Quito e a Provincia Libre de Guayaquil.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
O domingo é o sétimo día da semana. O nome "domingo" vén do latín Dominicus (dies) ou día do Señor, por causa da celebración cristiá da Resurrección de Xesús. Cando o Instituto da Lingua Galega elaborou o Atlas Lingüístico Galego, tamén foi rexistrada localmente a forma arcaica primeira feira, soamente observada polo estudo nos lugares de Sistallo (en Cospeito) e Vilachán (en Tomiño) .
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
O hidróxeno (en grego, 'creador de auga') é un elemento químico de número atómico 1, representado polo símbolo H. Cunha masa atómica do 1,00794 (7) u, é o máis lixeiro dos elementos da táboa periódica. Polo xeral, preséntase na súa forma molecular, formando o gas diatómico (H2) en condicións normais. Este gas é inflamable, incoloro, inodoro, non metálico e insoluble en auga.O elemento hidróxeno, por posuír distintas propiedades, non se encadra claramente en ningún grupo da táboa periódica, sendo moitas veces colocado no grupo 1 (ou familia 1A) por posuír só un electrón na capa de valencia (ou capa superior).
Os Llanos son unha rexión do norte de Suramérica repartida entre Venezuela e Colombia, na conca do Orinoco. É unha ecorrexión e ecosistema que forma parte do proxecto Global 200, que inclúe ecosistemas prioritarios para a conservación da Natureza do World Wide Fund for Nature (WWF). Ten dúas estacións climatolóxicas ben marcadas, a estación de chuvia e a estación de seca, e caracterízase polas súas extensas sabanas, e o seu clima intertropical de sabana (na clasificación climática de Köppen, que é húmido e caloroso, exceptuando nos llanos altos, con clima máis suave), con altas temperaturas en xeral.
As zonas horarias ou fusos horarios son cada unha das vinte e catro áreas en que se divide a Terra e que seguen a mesma definición de tempo. Anteriormente, usábase o tempo solar aparente, de forma que a hora do día diferenciábase lixeiramente dunha cidade a outra. Os fusos horarios corrixiron en parte o problema ao colocar os reloxos de cada rexión no mesmo tempo solar medio.
Unha lingua é un sistema de signos lingüísticos incluíndo tamén sons, acenos e símbolos escritos que permite a comunicación entre os individuos dunha comunidade lingüística. Unha definición lingüística da lingua precisa que é un sistema de signos dobremente articulados, é dicir, que a construción do sentido faise a dous niveis de articulación. Atópase primeiramente o das entidades significantes, morfemas, lexemas, monemas, formando os enunciados, e logo o das unidades distintivas de sentido (os fonemas), formando as unidades significantes.
2021 (MMXXI) é o ano actual do calendario gregoriano comezado en venres. En 2021 espérase que se celebren eventos orixinariamente previstos para 2020 incluídos o Festival de Eurovisión, a Eurocopa de Fútbol, os Xogos Olímpicos e a Expo 2020, que foron pospostos ou cancelados debido á pandemia da COVID-19.As Nacións Unidas declararon o 2021 como Ano Internacional da Paz e da Confianza, Ano Internacional da Economía Creativa para o Desenvolvemento Sustentable, Ano Internacional das Froitas e as Verduras, e Ano Internacional para a Eliminación do Traballo Infantil.
Marco Pantani, nado en Cesenatico, o 13 de xaneiro de 1970 e finado en Rimini o 14 de febreiro de 2004, foi un ciclista italiano. De 1,72 metros de altura e 57 quilos de peso, Pantani tiña o tipo clásico de escalador como demostrou no Tour do seu debut, en 1994, quedando terceiro na clasificación final e obtendo a vitoria no mítico cume de Alpe d'Huez. Xusto cando se adiviñaba o camiño cara ao éxito da súa carreira, Pantani sufriu unha terrible colisión cun automóbil no transcurso da Milán - Turín que lle provocou unha dobre fractura nunha perna ameazando co prematuro fin da súa carreira profesional.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente euroasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.As fronteiras de Europa e a súa poboación son obxecto de controversia, xa que o termo continente pode referirse a un ben cultural e político ou a distincións fisiográficas.
Estados Unidos de Colombia foi un estado federal que abranguía o territorio das actuais repúblicas de Colombia e Panamá na súa totalidade e porcións do Brasil e do Perú. Sucedeu á Confederación Granadina en 1861 —acción que foi confirmada coa constitución de 1863— dotando o país dun sistema político federalista e liberal que iniciou as dúas décadas coñecidas como a era do Olimpo Radical.O país foi oficialmente chamado Estados Unidos de Colombia o 3 de febreiro de 1863 pola Constitución de Rionegro, a cal foi promulgada o 8 de maio polos liberais radicais quen acabaran de gañar a guerra civil de 1860 a 1862. Esta república foi creada polos liberais radicais, baseándose nos modelos constitucionais europeos, sen tomar en conta as diferenzas entre un sistema capitalista, e un sistema que recentemente saía dunha economía feudal.
O lunfardo foi unha xerga orixinada e desenvolvida en Buenos Aires, capital da República Arxentina, e a súa conurbación; tamén noutras cidades próximas como Santa Fe e Rosario (na provincia de Santa Fe) e Montevideo (no Uruguai) contribuíron desde o principio ao seu desenvolvemento. Estas catro cidades vivían unha situación sociocultural moi semellante debido en gran medida á actividade portuaria e á enorme inmigración de distintas partes de Europa, principalmente italiana e española, ocorrida a finais do século XIX e principios do XX na zona do río da Prata e arredores onde, en definitiva, se concentraríase a riqueza económica de ámbolos dous países. Despois de sinalar a dificultade que existe en precisar o concepto de lunfardo, Mario Teruggi inclínase a dicir que é unha "fala popular arxentina composta de palabras e expresións que non están rexistradas nos dicionarios casteláns correntes" para aclarar máis adiante que "os lunfardismos son propios da fala subestándar popular e que de ningunha maneira os cultismos e outros termos elevados poden incluírse nesa categoría".
Esquerra Republicana de Catalunya
Esquerra Republicana de Catalunya (en galego: Esquerda Republicana de Cataluña), ou ERC é un partido político catalán, fundado en 1931, de ideoloxía progresista, republicana e independentista. Foi o partido de relevantes políticos cataláns como Francesc Macià, Lluís Companys ou Josep Tarradellas, desenvolveu un importante papel na política catalá e española durante a Segunda República, durante a loita antifranquista e a Transición á democracia. O partido conta con 32 escanos no Parlamento de Cataluña, tres no Parlamento español, e un (ocupado por Oriol Junqueras) no Parlamento Europeo, no que ERC participa integrada na coalición Europa dos Pobos.
Os taironas foron un grupo indíxena que habitaba nos departamentos colombianos de Magdalena, Guajira e do Cesar, nas faldras da Serra Nevada de Santa Marta, incluíndo as concas dos ríos Guachaca, Don Diego, Buritaca e a zona baixa costeira comprendida dentro do Parque Nacional Natural Tayrona. Trátase dun grupo de filiación chibcha. Presúmese que o nome tairona poida estar relacionado cos termos teyuna e teiruna, que se atoparon en varias linguas dos pobos indíxenas que aínda sobreviven na serra de Santa Marta, todos eles de filiación arhuácica-magdalénica.
JSTOR (acrónimo de Journal Storage, Almacenamento de Xornais) é unha biblioteca dixital creada en 1995. Contiña orixinalmente copias dixitalizadas de números antigos de revistas académicas, pero agora inclúe tamén libros e fontes primarias, xunto cos números actuais das revistas. Proporciona a posibilidade de facer buscas de texto completo de case 2.000 revistas.
O Ficheiro Integrado de Autoridades (alemán: Gemeinsame Normdatei) ou GND é un ficheiro de autoridades internacional para a organización de nomes persoais, títulos temáticos e entidades corporativas para catálogos. Emprégase principalmente para a documentación en bibliotecas e en museos e arquivos. A entidade responsable do GND é a Biblioteca Nacional Alemá, en cooperación con diversas redes de bibliotecas rexionais na Europa de fala alemá.
O conflito armado colombiano comezou aproximadamente en 1964 ou 1966 e é unha guerra interna de baixa intensidade entre o goberno de Colombia, grupos paramilitares, sindicatos do crime, a guerrilla de esquerdas de Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia (FARC), e o Exército de Liberación Nacional (ELN), cada un loitando por facer medrar a súa influencia no territorio colombiano.Ten as súas raíces históricas no conflito coñecido como La Violencia, que foi desencadeado co asasinato do líder político populista Jorge Eliécer Gaitán en 1948, e pola represión anticomunista dos Estados Unidos de América na Colombia rural da década de 1960. Isto provocou ós militantes liberais e comunistas a reorganizarse nas FARC.As razóns da loita varían dun grupo a outro. As FARC e outros movementos de guerrilla din loitar polos dereitos dos pobres de Colombia, para protexelos da violencia do goberno e para proporcionar xustiza social a través do comunismo.
O home ( pronunciación ), ou varón, é un ser humano macho, de sexo oposto á muller. Este tipo de oposición non é antinómica: existen casos intermedios tanto bioloxica (hermafroditismo) coma psicoloxicamente (transexualidade). O termo home pódese utilizar tamén para se referir ao ser humano de maneira xeral, sexa el home ou muller e mais tamén se pode restrinxir para referirse ao ser humano masculino que chegou á idade viril.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Andorra, oficialmente Principado de Andorra (en catalán: Principat d'Andorra), é un estado soberano sen saída ao mar, situado nos Pireneos entre España e Francia, limitando coa comunidade autónoma de Cataluña ao sur e cos departamentos franceses de Pireneos Orientais e Ariège ao norte. O Principado de Andorra é o sexto país máis pequeno de Europa cunha superficie de 468 km² e unha poboación estimada de 88.815 habitantes en 2009.. A súa capital é Andorra la Vella e a súa lingua oficial o catalán, aínda que tamén se falan de xeito común o castelán, o francés e o portugués.
James Cook, nado o 27 de outubro de 1728 en Middlesbrough (Inglaterra) e finado o 14 de febreiro de 1779 en Hawai, foi un explorador, navegante e cartógrafo británico. Cook fixo mapas detallados das costas de Terra Nova antes de facer tres viaxes ao océano Pacífico, nos que logrou explorar as principais illas desta rexión. Entre outros, foi o primeiro europeo en explorar a costa oriental de Australia e as illas Hawai e fixo a primeira circunnavegación de Nova Zelandia..
Xamaica (en inglés e oficialmente Jamaica) é unha illa e país das Grandes Antillas, de 240 km de longo e un máximo de 80 km de ancho, situado no mar Caribe. Está a 630 km do continente centroamericano, a 150 km ao sur de Cuba e a 180 km ao oeste da illa de A Española, na que están Haití e a República Dominicana.
A República de Filipinas é un estado asiático situado no arquipélago das Illas Filipinas chamadas así en honor do rei español Filipe II. Constitúe un vasto arquipélago delimitado polo mar de Filipinas ó leste, mar das Celebes e mar de Sulu ó sur e mar da China Meridional ó oeste. O estreito de Luzon, ó norte, separa as Illas Filipinas de Taiwán; o estreito de Balabac, ó suroeste, é unha das fronteiras marítimas con Malaisia; e hai tamén fronteira marítima con Indonesia, ó sur. Tamén Palau se sitúa nas inmediacións, no sueste.
Ciclismo é un deporte de carreira de bicicleta no que o obxectivo dos participantes é ben chegar primeiro a determinada meta ou ben cumprir un determinado percorrido no menor tempo posíbel. Foi en Inglaterra, en mediados do século XIX, cando comezou o ciclismo como deporte. As probas ciclistas xeralmente encádranse en tres categorías: probas en estrada, probas en pista e probas de montaña (bicicleta de montaña, ciclocross ou BMX) e practícase con diversos tipos e modelos de bicicletas.
A democracia (do grego demos, "pobo", e kratos, "goberno", é dicir, "goberno do pobo") é un réxime político no que a soberanía reside no pobo e é exercida por este de maneira directa ou indirecta. Máis concretamente, a democracia é unha forma de goberno na que, en teoría, o poder para cambiar as leis e as estruturas de goberno, así como o poder de tomar todas as decisións de goberno reside na cidadanía. Nun sistema así, as decisións tanto lexislativas coma executivas son tomadas polos propios cidadáns (democracia directa) ou por representantes escollidos mediante eleccións libres, que actúan representando os intereses dos cidadáns (democracia representativa).
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial da lingua galega. Elabora as súas normas ortográficas, gramaticais e léxicas, deféndea e promociónaa. Ademais, decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Os muiscas son un pobo chibcha que formou a confederación muisca das terras dos Andes centrais na Cordilleira Oriental da actual Colombia, máis concretamente no Altiplano cundiboyacense. No presente, a poboación muisca case desapareceu, mais aínda pervive nalgúns concellos e distritos como Cota, Chía, Tenjo, Suba, Engativá, Tocancipá, Gachancipá e Ubaté. Segundo o censo de 2005 feito polo Ministerio de Interior, 14 051 muiscas viven en Colombia.Como unha das catro civilizacións avanzadas de América (alén dos aztecas, os maias e os incas), entraron en contacto co Imperio español en 1537, no intre da conquista.
Os Andes (quechua: Antis, "rexión dos antis") é unha cordilleira montañosa de América do Sur. O seu percorrido é de norte a sur pola costa occidental do continente, dende Venezuela ata a Patagonia, pasando por Colombia, Ecuador, Perú, Bolivia, Chile e Arxentina. Ten unha lonxitude de máis de 7500 km, unha anchura que oscila entre uns 180 km ata 700 km e a súa altitude media situase o redor dos 4000 metros.
Ecuador (en quechua: Ikwayur; en shuar: Ekuatur), oficialmente República del Ecuador, é un país de América do Sur, limitado ó norte por Colombia, ó leste e sur por Perú e ó oeste polo Océano Pacífico. Alén do territorio continental, Ecuador posúe tamén as illas Galápagos, sendo o territorio continental máis próximo daquelas illas. Ecuador é un país multiétnico, con gran riqueza cultural, natural e arqueolóxica; situado en plena liña ecuatorial, a latitude cero.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
A Grande Enciclopedia Rusa (GER) (en ruso: Большая российская энциклопедия, Bolshaya rossiyskaya entsiklopediya) é unha enciclopedia rusa universal, publicada en 35 volumes dende o ano 2004. Foi lanzada baixo o impulso da Real Academia Rusa das Ciencias, despois de que o Presidente Vladimir Putin asinase o decreto №1156 no ano 2002. Segundo o editor da enciclopedia, Sergei Leonidovich Kravets, a edición completa estará dispoñible no ano 2016.O editor xefe da enciclopedia é Yury Osipov, o presidente da Academia.
O mar é un gran corpo de auga salgada rodeado por terra en parte ou na súa totalidade. Máis amplamente, mar - como un artigo definido - é o sistema interconectado de augas dos océanos, considerando estes un océano global e o conxunto das varias divisións oceánicas principais. O mar modera o clima da Terra e desempeña importante papel nos ciclos da auga, do carbono e do nitróxeno.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
O Brasil, oficialmente República Federativa do Brasil, é unha república federal formada pola unión de vinte seis estados federados e un Distrito Federal, situada en América do Sur. O país conta con 5.570 municipios e unha superficie de 8 515 767 km², o que o converte no país máis grande do territorio suramericano, ocupando a súa superficie o 47,9% do mesmo. En comparación co resto de Estados do planeta, ocupa o quinto lugar en número de habitantes, con 204 450 649 (2015), así como en territorio.
Unha feira é un acontecemento social, económico e cultural -establecido, temporáneo ou ambulante, periódico ou anual- que leva a cabo nunha sede e que chega a abarcar xeralmente un tema ou propósito común. Pode ter por obxectivo primordial a promoción da cultura, algunha causa ou estilo de vida, xeralmente nunha forma divertida e variada; máis comunmente o obxectivo é a estimulación comercial, pois ten a finalidade de lucro ou de xerar ganancias para as localidades anfitrioas, persoas ou organizacións patrocinadoras, e participantes hospitalarios, a cambio dun tempo grato que inclúe diversión e entretemento, participación en xogos de azar e de destreza, alimentos, manxares e lambetadas, obxectos, ou xoguetes etc., para os participantes visitantes e negociantes, xa sexan estes menores ou maiores de idade, dependendo do acontecemento, consignas, características, costumes locais e leis que rexen o lugar.
Estonia ( pronunciación ) (en estoniano: Eesti, [ˈeːsti] (AFI)), oficialmente República de Estonia ( pronunciación ) (en estoniano: Eesti Vabariik, [ˈeːsti ˈʋɑbɑriːk] (AFI)), é un dos tres países bálticos. O país atópase na Europa do norte e está constituído por unha porción continental e un grande arquipélago de illas no mar Báltico. Estonia limita polo norte co golfo de Finlandia que o separa da veciña Finlandia.
Library of Congress Control Number
O Library of Congress Control Number (LCCN) é un sistema baseado en números de serie para numerar os rexistros de catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Este sistema de numeración están en uso dende 1898. Non ten relación algunha cos contidos dos libros e non debe confundirse coa Library of Congress Classification (LCC).
Colombia, oficialmente República de Colombia, é un país que se atopa no recuncho noroccidental de América do Sur, o que a fai posuidora de costas nos océanos Atlántico e Pacífico. Na costa norte e noroeste está o Mar Caribe, e ten fronteira continental con Venezuela ó leste, o Brasil ó sueste, o Perú e Ecuador ó sur, e Panamá e o Océano Pacífico ó oeste. Limita vía marítima con Costa Rica ó oeste; Nicaragua, Porto Rico e Honduras, ó noroeste; a República Dominicana, Xamaica e Haití ó norte.
Barcelona (en catalán pronúnciase [bərsəˈɫonə]) é unha cidade situada no nordés da Península Ibérica, capital de Cataluña, da provincia homónima e da comarca do Barcelonès, así como a meirande cidade dos Países Cataláns. Situada ás beiras do mar Mediterráneo, atópase a uns 120 km ao sur da cadea montañosa dos Pireneos e da fronteira con Francia, nunha chaira limitada polo mar ao leste, a serra de Collserola ao oeste, o río Llobregat ao sur e o río Besòs ao norte. É coñecida co alcume da "Cidade Condal" (Ciutat Comtal), por ser a capital do antigo Condado de Barcelona.
Carlos Saúl Menem, nado en Anillaco, La Rioja, o 2 de xullo de 1930 e finado en Buenos Aires o 14 de febreiro de 2021, foi un político e avogado arxentino. Foi presidente da Arxentina polo Partido Xusticialista dende 1989 a 1999, sendo o único presidente arxentino en ocupar o cargo durante dez anos consecutivos. O seu primeiro mandato foi dende 1989 até 1995, logo do de Raúl Alfonsín, e para poder presentarse a unha nova elección presidencial inmediata impulsou a Reforma da Constitución Arxentina de 1994, que tamén diminuíu a extensión do cargo a catro anos.
Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ ) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas. Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos da América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México).
Italia ( pronunciación ) (en italiano: Italia, [iˈtaːlja] (AFI), escoitar), oficialmente República Italiana ( pronunciación ) (en italiano: Repubblica Italiana), é unha república parlamentaria cuxo territorio está en Europa meridional (99,97%) e no norte de África (0,03%). O territorio europeo confórmano a maior parte da península Itálica, o val do río Po e dúas grandes illas no mar Mediterráneo: Sicilia e Sardeña. O territorio africano fórmano as pequenas illas de Lampedusa, Lampione e Pantelaria.
Unha muller (do latín mulĭer, -ēris) ( pronunciación ), é un ser humano de xénero feminino. O termo muller adoita estar reservado para unha persoa adulta, sendo o termo meniña o termo habitual para unha nena ou adolescente. Muller tamén remite a distincións de xénero de carácter cultural e social que se lle atribúen así como ás diferenzas sexuais e biolóxicas da femia na especie humana fronte ao macho.
A dos insectos (nome científico Insecta Linnaeus, 1758) son unha clase de animais invertebrados, e o grupo máis grande dentro do filo dos artrópodos, caracterizados por presentar un par de antenas, tres pares de patas e dous pares de ás (que, con todo, poden reducirse ou faltar). A ciencia que estuda os insectos denomínase entomoloxía. O seu nome provén do latín insectum, calco do grego ἔντομα, 'cortado no medio'.Os insectos comprenden o grupo de animais máis diversos da Terra con aproximadamente un millón de especies descritas, máis que todos os demais grupos de animais xuntos, e con estimacións de ata trinta millóns de especies non descritas, co que, potencialmente, representarían máis do 90 % das formas de vida do planeta.
Madrid é a capital de España e da Comunidade de Madrid. Está situada no centro da Península Ibérica, ó sur da Serra de Guadarrama, no río Manzanares. Cunha poboación de 3.266.126 habitantes (Padrón Municipal, 2019) é a cidade máis grande e poboada do país e da Península Ibérica, e a terceira da Unión Europea.
Venezuela é un país federal suramericano, limitado ao norte polo mar Caribe, ao leste polo océano Atlántico e pola Güiana, ao sur polo Brasil e ao oeste por Colombia. O país, alén da porción continental, inclúe tamén un número elevado de illas nas Pequenas Antillas que constitúen dúas divisións administrativas diferentes: o estado de Nova Esparta e as Dependencias Federais. Ten fronteira marítima cos territorios autónomos neerlandeses de Aruba, e das Antillas Holandesas, e tamén con Trinidad e Tobago.
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km).
A República Arxentina (en castelán: Argentina) é un país situado no extremo sur de América organizado como unha república representativa e federal. Pola súa extensión, é o segundo estado de América do Sur, cuarto no continente americano e o oitavo no mundo con 2 780 400 km². Con todo a Arxentina reclama as Malvinas, as illas Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur e a Illa Aurora baixo soberanía británica e unha área antártica ao sur do paralelo 60° S, denominada pola Arxentina Antártida Arxentina.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Os quimbaya foron unha etnia e cultura indíxena colombiana famosa pola súa produción de pezas de ouro de alta calidade e beleza. Cara o 1530 estaban organizados na chamada federación quimbaya, centrada arredor da cidade de Chinchiná. Esta federación opuxo unha forte resistencia armada ós españois, e malia a súa derrota, continuaron existindo até o 1700, cando desapareceron como grupo recoñecible.