Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
O entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
As comarcas de Cataluña (en catalán: comarques) son a actual división do territorio da comunidade autónoma de Cataluña, en España. Ten a súa orixe nun decreto da Generalitat de Cataluña do ano 1936, que tivo vixencia até o 1939 cando foi suprimida polo franquismo. Posteriormente, retomouse en 1987 tras a restauración da democracia, en 1988 engadíronse tres comarcas (Pla de l'Estany, Pla d'Urgell e Alta Ribagorça) e en 1990 modificouse algún límite territorial.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 170.725 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Xela Arias Castaño, nada en Sarria o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Das wohltemperierte Klavier (en galego "O clavecín ben temperado", en contraposición a outros tipos de temperamentos), é o nome de dous ciclos de preludios e fugas compostos por Johann Sebastian Bach en todas as tonalidades maiores e menores da gama cromática. Como moita da música de Bach, ningún dos dous volumes foron publicados en vida. E tamén como moita da súa música, coñécese a data en que foron compilados, pero non as datas en que foron compostos, polo que existen diversas especulacións respecto diso.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
José Sacristán, nado en Chinchón (Madrid) o 27 de setembro de 1937 é un actor español de cinema, teatro e televisión. Integrante do grupo de actores do chamado “landismo”, a súa carreira e orientación deu un xiro importante a partir da Transición Española, con filmes tan relevantes como Un hombre llamado Flor de Otoño ou Asignatura pendiente, que lle permitiron enriquecer o seu rexistro interpretativo.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. Na formación do masculino e feminino o galego distínguese das linguas veciñas por: Son masculinas as seguintes palabras: o sal, o mel, o sinal, o cárcere, o labor, o nariz, o riso, o sangue, o costume, o cume, o leite, o couce, o cuspe, o dote, o fel, o pantasma, o mar, o masacre, o nariz, o sinal, o ubre, o xiz...
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
En xeral utilízase o termo presente para referirse ao conxunto de sucesos que están a ter lugar no momento de falalo ou a acción presentada no momento. Ás veces represéntase como un hiperplano de espazo-tempo, adóitase chamar agora, a pesar de que a física moderna demostra que tal hiperplano non pode ser definido de maneira única para observadores en movemento relativo. O presente tamén pode ser visto como unha duración.
A dos axilolfingos foi unha familia nobre bávara, que historicamente gobernou o Ducado de Baviera entre os anos 550 e 788, autonomamente ou como vasalos do rei franco. O primeiro duque que se encontra mencionado nos documentos históricos é Garibaldo I de Baviera. O termo "axilolfingo" úsase ás a veces poa historiografía tamén para indicar a dinastía que reinou sobre os longobardos e sobre Italia durante o século VII, entre os anos 616 e 712, aínda que non de maneira ininterrompida.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Luís XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
España tiña unha poboación de 46 934 632 ao 1 de xaneiro de 2019, segundo o Instituto Nacional de Estadística (INE). Trátase do quinto país máis poboado da Unión Europea; con todo, a súa densidade de poboación (92.7 hab/km² segundo Eurostat 2017) é menor que a da maioría doutros países da Unión Europea.
O reino de Galicia na historiografía tradicional española
A primeira referencia historiográfica explícita sobre a existencia do reino de Galicia data do século V, cando o papa León I, nunha epístola sobre a herexía priscilianista, denomina Galliciae Regno o estado creado polo pobo xermánico dos suevos na provincia romana da Gallaecia. Este reino galego altomedieval perdurou, con dimensións e significados cambiantes, desde a época sueva até o século XIX, momento no que nunha reforma administrativa, a tradicional organización en reinos da monarquía hispana foi substituída por unha estrutura provincial centralizada. Malia este dilatado lapso temporal, e a existencia de abondosas alusións documentais, os historiadores españois da idade contemporánea substituíron as referencias ao reino galego da alta e plena idade media polas denominacións de reino de Asturias e reino de León, sendo o territorio da Galicia actual presentado como un espazo subsidiario de escasa importancia.
A TPBS (tailandés: ส.ส.ท.) é o Servizo Público de Radiodifusión Tailandés (tailandés: องค์การกระจายเสียงและแพร่ภาพสาธารณะแห่งประเทศไทย; RTGS: Ongkan Krachai Siang Lae Phrae Phap Satharana Haeng Prathet Thai) é un servizo público de radiodifusión de Tailandia que opera a canle de televisión Thai PBS (ไทยพีบีเอส). Estableceuse por lei o 15 de xaneiro de 2008 o que lle garante o status de axencia estatal con personalidade xurídica sen ter carácter de axencia gobernamental nin empresa estatal. Thai PBS é sucesora da privada iTV/TITV e comezou a emitir, primeiro co nome de TV Thai, o 1 de febreiro de 2008.
Elfrida Andrée, nada en Visby o 19 de febreiro de 1841 e finada en Gotemburgo o 11 de xaneiro de 1929, foi unha directora, compositora e organista sueca, coñecida no seu país tanto pola súa produción musical como por ser unha defensora sen concesións dos dereitos da muller. Pioneira en diversos sentidos, abriu un importante camiño na loita destes dereitos en Suecia.
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego a expresión comparativa confórmana dous elementos: o primeiro elemento, formado por un adverbio que indica se o grao da comparación é de igualdade, superioridade ou inferioridade (tan, máis, menos) o segundo elemento, formado polas partículas que/ca/do que ou coma/como máis o elemento co que se realiza a comparación.Nas comparativas de superioridade ou inferioridade as partículas que relacionan os elementos comparados son ca, que ou de que: é máis aleuto ca ela, é máis alto ca/que un piñeiro, diso sabe menos ca ti, traballa máis do que din.
Andorra, oficialmente Principado de Andorra (en catalán: Principat d'Andorra), é un estado soberano sen saída ao mar, situado nos Pireneos entre España e Francia, limitando coa comunidade autónoma de Cataluña ao sur e cos departamentos franceses de Pireneos Orientais e Ariège ao norte. O Principado de Andorra é o sexto país máis pequeno de Europa cunha superficie de 468 km² e unha poboación estimada de 88.815 habitantes en 2009.. A súa capital é Andorra la Vella e a súa lingua oficial o catalán, aínda que tamén se falan de xeito común o castelán, o francés e o portugués.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en extranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Sutton Hoo é o nome do lugar situado en Suffolk, Reino Unido no que se encontraron en 1939 restos dun barco funerario do século VII así como diversos artefactos. Sutton Hoo foi de vital importancia para os historiadores da Idade Media xa que achegou información sobre ese período en Inglaterra, era que até o achado estaba moi poco documentada. É un dos descubrimentos arqueolóxicos principais de todo o Reino Unido pola súa antigüidade, tamaño, rareza e importancia histórica.
O sorgo común (Sorghum vulgare Pers, sin. Sorghum bicolor L. Moench) ou simplemente sorgo é unha especie de planta herbácea pertencente a familia das gramíneas cultivada polo seu gran que se utiliza como alimento para humanos, pensos para animais e produción de etanol. O sorgo é orixinario de África do Norte e agora cultívase extensamente en rexións tropicais e subtropicais.
Susan Jocelyn Bell Burnell, CBE, FRS FRAS, nada en Belfast como Susan Jocelyn Bell, o 15 de xullo de 1943, é unha astrofísica norteirlandesa que descubriu o primeiro radiosinal dun púlsar xunto ao seu titor de tese, Antony Hewish. A detección desas radiofontes permitiron contrastar a teoría da evolución estelar. É unha das científicas máis influentes do Reino Unido e recibiu numerosos galardóns.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Febreiro na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de febreiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc. Incluímos tamén as mencións ó entroido, por coincidir -habitualmente- con este mes.
Malala Yousafzai (en paxto: ملاله یوسفزۍ, e en urdú: ملالہ یوسف زئی Malālah Yūsafzay), nada o 12 de xullo de 1997, é unha activista a prol da educación feminina en Paquistán, e a persoa máis nova en recibir un Premio Nobel en calquera categoría. É coñecida pola súa defensa dos dereitos humanos, en especial o dereito á educación e os dereitos das mulleres no Val de Swat, no noroeste de Paquistán, onde os talibáns prohibiran ás mulleres asistir ó colexio. A loita de Yousafzai converteuse dende entón nun movemento internacional.
Frisinga, en alemán Freising, do latín Frisinga, é unha cidade da Alta Baviera situada a uns 30 km ao norte da capital do estado libre de Baviera, Múnic, en Alemaña, á beiras do río Isar, a tan só 10 km do aeroporto de Múnic. Ten unha superficie de 88,61 km², unha altitude media de 448 msnm e unha poboación total de 49 126 habitantes en 2020. Frisnga é a cidade máis antiga situada entre Ratisbona e Bolzano, e está dominada por dous outeiros, o outeiro da catedral, co castelo do bispo e a catedral de Frisinga, e o outeiro Weihenstephan, coa abadía de Weihenstephan e a súa famosa fábrica de cervexa.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e falecida en Passy, Francia, o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas, e foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela, un, o seu marido Pierre Curie, un, a súa filla Iréne Joliot-Curie, e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.
Isabel Zendal Gómez, nada na Agrela (Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México), foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de Francisco Xavier Balmis coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende A Coruña a México e dos 26 que foron dende Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar. É considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Na Galicia medieval, os irmandiños eran os membros das Irmandades constituídas para a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores. No século XIV entrou en Galiza unha nobreza moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdira despois das loitas de Pedro I "o Cruel" e Henrique II. Eran os Osorio en Lemos e Sarria, os Andrade en Pontedeume, os Sarmiento, os Ulloas, os Soutomaior...
O ferrado (tamén coñecida como tega nalgúns lugares) é unha medida galega, moi variábel dun lugar a outro. Dada a variedade existente, almanaques agrícolas como o ZZ, O Mintireiro Verdadeiro ou O Gaiteiro de Lugo adoitaban incluír unha equivalencia co sistema métrico decimal segundo as zonas xeográficas.
Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e máis polo seu compromiso político. O 19 de abril de 1970 ano foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico. Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
O termo sésil, adoita utilizarse en botánica para expresar a falta dun órgano (ou parte orgánica) que serva de pé ou soporte.Así, unha folla é sésil se carece de pecíolo; no caso duna flor, se carece de pedúnculo, e no caso da antera dise que é sésil se non ten filamento ou este é moi curto, case imperceptíbel. O termo deriva do latín sessĭlis, -e, 'apto para sentarse'. Por iso moitas veces ás follas ou as flores sésiles tamén se denominan sentadas.Así mesmo, o termo sésil úsase tamén en zooloxía para referirse a un organismo acuático que crece adherido, agarrado ou arraigado no seu substrato, do que non se separa e sobre o que non se despraza.Moitos organismos do bentos son sésiles, como por exemplo as esponxas, os corais, algúns moluscos bivalvos, como as ostras ou os mexillóns (pero non as ameixas ou os berberechos), os briozoos ou os braquiópodos.
Filmes propostos ó mellor filme internacional na 63ª edición dos Óscar
Os seguintes 37 filmes, todos eles de países diferentes, foron propostos na 63ª edición dos Óscar para o premio de mellor filme en lingua non inglesa. Os títulos salientados en azul e verde son os cinco filmes nomeados, en representación da China, Francia, Alemaña, Italia e Suíza. O galardón recaeu sobre Suíza, co filme Reise der Hoffnung.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Pontevedra
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Pontevedra. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
A coraxe ou a valentía é unha virtude humana, que se pode definir como a forza de vontade que pode posuír unha persoa para levar adiante unha acción a pesar dos impedimentos. A coraxe é a habilidade de sobreporse a devanditos impedimentos e perseverar probablemente coa acción que se pretendía realizar. A coraxe consiste en enfrontarse a situacións valiosas e importantes de maneira que superes o medo a fracasar nelas; tamén se entende como a forza por facer algo por alguén ou por ti mesmo.
O escudo de Galicia é o símbolo heráldico que representa a Galicia. Consta basicamente dun fondo azul cun cáliz de ouro sumado dunha hostia e acompañado de sete cruces, tres a cada lado e unha enriba. Como símbolo institucional está regulado pola Lei de símbolos de Galicia, promulgada o 29 de maio de 1984, de xeito que é empregado pola Xunta de Galicia e forma parte da bandeira de estado galega.Nos comezos da heráldica os reis de Galicia empregaron o león púrpura como armas persoais.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Filmes propostos ó mellor filme internacional na 62ª edición dos Óscar
Os seguintes 37 filmes, todos eles de países diferentes, foron propostos na 62ª edición dos Óscar para o premio de mellor filme en lingua non inglesa. Os títulos salientados en azul e verde son os cinco filmes nomeados, en representación do Canadá, Italia, Dinamarca, Francia e Porto Rico. O galardón recaeu sobre Italia, co filme Cinema Paradiso.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
IKEA é unha corporación multinacional de orixe sueca, fundada en 1943 en Småland, adicada á venda minorista de mobles e obxectos para o fogar e decoración a baixo prezo e deseño contemporáneo. A estrutura organizativa da empresa é opaca e confusa.[Cómpre referencia] A marca IKEA pertence a unha fundación con sede nos Países Baixos, baixo o control da familia Kamprad, e que cobra un canon a cada tenda pola súa operación. Á súa vez, as tendas e algunhas fábricas son propiedade de distintas empresas e fundacións interrelacionadas entre si e supostamente tamén controladas pola familia Kamprad, pero cuxa estrutura societaria real non se desvelou completamente.[Cómpre referencia]É unha das principais empresas en fabricación de mobles.
Filmes propostos ó mellor filme internacional na 61ª edición dos Óscar
Os seguintes 31 filmes, todos eles de países diferentes, foron propostos na 61ª edición dos Óscar para o premio de mellor filme en lingua non inglesa. Os títulos salientados en azul e verde son os cinco filmes nomeados, en representación de Bélxica, Dinamarca, España, Hungría e a India. O galardón recaeu sobre Dinamarca, co filme Pelle Erobreren.A proposta neerlandesa, o thriller Spoorloos, foi descualificada polo comité da academia.
Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua. Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.
Joan Prim i Prats, nado en Reus o 6 de decembro de 1814 e finado o 30 de decembro de 1870, conde de Reus, marqués de los Castillejos, Grande de España de primeira clase e vizconde del Bruch, foi un militar e político progresista catalán influíu de xeito importante na política española da segunda metade do século XIX. Foi gobernador militar de Barcelona (1843), capitán general de Porto Rico (1847) e Presidente do Consello de Ministros de España entre 1869 e 1870, tras gañar as eleccións de 1869. Foi o principal apoio de Amadeo I de Savoia, até que foi asasinado.
Para consultar o xénero Quercus, ver o artigo carballo. O Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común, carballo veriño, carballo bravo ou simplemente carballo. O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que pode chegar aos 15-20 metros de altura.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
José Luis Bárcenas Gutiérrez, nado en Huelva o 22 de agosto de 1957, é un político do Partido Popular, partido no que desempeñou o cargo de tesoureiro por designación directa do seu presidente, Mariano Rajoy. En 2009 foi imputado pola súa implicación no caso Gürtel, a trama de corrupción vinculada ao Partido Popular que foi instruída no seu inicio polo xuíz Baltasar Garzón. A causa contra Bárcenas foi arquivada polo xuíz Antonio Pedreira, que ditou o sobresemento provisorio das actuacións nun auto do 29 de xullo de 2011, mais foi reaberta pola Audiencia Nacional de España en marzo de 2012.
William Shakespeare, nado en Stratford-upon-Avon, bautizado o 26 de abril de 1564, e finado o 23 de abril de 1616, foi un poeta e dramaturgo inglés, considerado desde hai tempo por moitos como o meirande escritor en lingua inglesa e un dos máis célebres da literatura universal. A súa obra é tal, que moitas das súas personaxes aínda son obxecto de cuantiosos estudos. Unha das características máis salientables da mesma é a profunda e complexa definición psicolóxica das súas personaxes.
María del Rocío Trinidad Mohedano Jurado, nada en Chipiona o 18 de setembro de 1946 e finada en Alcobendas o 1 de xuño de 2006, foi unha cantante de copla e canción español coñecida en España e Latinoamérica, máis coñecida como Rocío Jurado. Especializouse en xéneros musicais xenuinamente españois así como na balada romántica, faceta coa que alcanzou relevancia internacional. Nos seus últimos anos experimentou con ritmos hispanos e gospel.
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.Descoñécese a orixe da súa institución, ligada dende a Baixa Idade Media ó castelo da Picoña, posteriormente vinculado á casa de Bragança, constituíuse nun pequeno territorio fronteirizo con organización propia, comparable á dun Estado soberano, que non estaba ligado nin á coroa de Portugal nin á de España.
Mohandas Karamchand Gandhi (en gujarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanágari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Gujarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un dos ideólogos e fundadores do moderno estado indio e un influente defensor do Satyagraha (principio da non agresión, forma non violenta de protesta) como un medio de revolución. Gandhi axudou a liberar a India do goberno británico, inspirando a outros pobos coloniais a traballar polas súas propias independencias e en última análise para o desmantelamento do Imperio Británico e a súa substitución pola Comunidade Británica (Commonwealth). O principio do satyagraha, frecuentemente traducido como "o camiño da verdade" ou "a busca da verdade", tamén inspirou xeracións de activistas democráticos e antirracistas, incluíndo Martin Luther King e Nelson Mandela.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Xente no rodicio é un libro de contos de Xosé Neira Vilas, publicado en 1965 por Editorial Galaxia na colección Illa Nova. Nesta obra recóllese unha escolma de vinte contos, de condensadas historia cheas de intención e engano. O conto supón un pasado absoluto, xa que desde as primeiras liñas se parte dunha acción definitivamente ocorrida e o desenlace vén a ser, a un tempo, a exposición e o nó.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O Camiño de Santiago (en latín: Peregrinatio Compostellana) é un conxunto de vías de acceso de peregrinos a Santiago, creado a partir da descuberta dos supostos restos do Apóstolo no lugar do Libredón, en Santiago de Compostela, durante o reinado de Afonso II. O Camiño Francés e as rutas francesas do Camiño foron declarados pola Unesco Patrimonio da Humanidade en 1993 e 1998 respectivamente.