Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é festa recoñecida nalgúns países, e tradicionalmente grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións para mellorar as condicións da muller, e festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2015 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos. En recoñecemento polos seus méritos artísticos, concederíalle o rei Afonso XIII en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.O seu estilo foi enérxico e nel afondou en problemas e situacións difíciles.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e falecida en Passy, Francia, o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas, e foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela, un, o seu marido Pierre Curie, un, a súa filla Iréne Joliot-Curie, e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.Proclamouse en dez ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, catro delas ao aire libre e seis en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior. No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Carmen Eulalia Campoamor Rodríguez coñecida como Clara Campoamor, nada en Madrid o 12 de febreiro de 1888 e finada en Suíza o 30 de abril de 1972, foi unha política e feminista española. Como deputada defendeu nas cortes o sufraxio universal, especialmente o voto feminino, lográndoo o 1 de outubro do 1931.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
María Concepción Jesusa Petra Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, precursora do feminismo poeta e autora dramática. É considerada unha das pensadoras máis lúcidas e prestixiosas do século XIX dentro e fóra do país.. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.
Xela Arias Castaño, nada en Sarria o 4 de marzo de 1962, e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana, así como esposa do muralista Diego Rivera. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena, e polos feministas pola súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina.
Thomas Cruise Mapother IV, nado en Siracusa (Estado de Nova York) o 3 de xullo de 1962, máis coñecido como Tom Cruise, é un actor estadounidense. Protagonizou películas como Risky Business, Top Gun, A cor do diñeiro, Rain Man, Interview with the Vampire: The Vampire Chronicles e a saga de Misión: Imposible. Tamén obtivo tres nomeamentos para o Óscar ao mellor actor: en 1990 por Nacido o 4 de xullo, en 1997 por Jerry Maguire e en 2000 por Magnolia.
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga
Marcela Gracia Ibeas e Elisa Sánchez Loriga foron dúas mestras galegas. As dúas mulleres constituíron o segundo matrimonio entre persoas do mesmo sexo do que hai constancia, sendo o primeiro datado en período medieval. Casaron o 8 de xuño de 1901 na Coruña, as sete da mañá na igrexa parroquial de San Xurxo, e para acadalo Elisa tivo que adoptar unha identidade masculina.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Saldo Comercial Relativo (SCR) expresa o saldo dun sector como proporción do comercio total do sector. O seu cálculo é ( ( E x p − I m p ) / ( E x p + I m p ) ) ∗ 100 {\displaystyle ((Exp-Imp)/(Exp+Imp))*100} Se o resultado se aproxima a 100 estamos diante dun sector que presenta unha vantaxe comercial a cal virase reducida ata chegar a 0. Se o resultado se achega a -100 entón estamos diante dunha desvantaxe comercial, a cal, ó igual que no anterior caso, virase reducida se se achega a 0.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Isabel Zendal Gómez, nada na Agrela (Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México), foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de Francisco Xavier Balmis coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende A Coruña a México e dos 26 que foron dende Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar. É considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 171.846 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Dos arquivos do trasno: Contos do Monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
O feminismo é un conxunto de movementos políticos, sociais, ideolóxicos e filosóficos que teñen como obxectivo común conseguir dereitos ecuánimes (iguais) e unha convivencia humana por medio do apoderamento feminino e da liberación de padróns patriarcais, baseados en normas de xénero. Abrangue diversos movementos, teorías e filosofías que avogan pola igualdade entre homes e mulleres, alén de promover os dereitos das mulleres e os seus intereses. De acordo con Maggie Humm e Rebecca Walker, a historia do feminismo pode dividirse en tres "ondas".
Isabel II ou Elizabeth Alexandra Mary of Windsor, nada en Londres o 21 de abril de 1926, é unha monarca inglesa. É raíña do Reino Unido, de Antiga e Barbuda, Australia, Bahamas, Barbados, Belize, Canadá, Granada, Xamaica, Nova Zelandia, Papúa Nova Guinea, Saint Kitts e Nevis, Santa Lucía, San Vicente e as Granadinas, Illas Salomón e Tuvalu. Tamén é a Cabeza da Commonwealth, Gobernadora Suprema da Igrexa de Inglaterra, Comandante en xefe das forzas armadas do Reino Unido e Señora da illa de Man.
Nevenka Fernández, nada en 1975, é unha economista española. Foi concelleira de Facenda de Ponferrada entre 1999 e 2000. É coñecida por ser a primeira española en lograr a condena dun cargo político, Ismael Álvarez, alcalde de Ponferrada, por acoso sexual despois de que se introducise o delito no Código Penal español de 1999.
Malala Yousafzai (en paxto: ملاله یوسفزۍ, e en urdú: ملالہ یوسف زئی Malālah Yūsafzay), nada o 12 de xullo de 1997, é unha activista a prol da educación feminina en Paquistán, e a persoa máis nova en recibir un Premio Nobel en calquera categoría. É coñecida pola súa defensa dos dereitos humanos, en especial o dereito á educación e os dereitos das mulleres no Val de Swat, no noroeste de Paquistán, onde os talibáns prohibiran ás mulleres asistir ó colexio. A loita de Yousafzai converteuse dende entón nun movemento internacional.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A Terra (AFI: [ˈtɛ.rɐ] ( )) (do latín Terra, deidade romana equivalente a Gaia, deusa grega da feminidade e da fecundidade), tamén acostuma a chamarse Mundo ou Planeta Azul, é un planeta do Sistema Solar que xira sobre si mesmo e ao redor da súa estrela —o Sol— na terceira órbita máis interna. Así mesmo é o fogar de millóns de especies de seres vivos, incluíndo os seres humanos e actualmente é o único corpo astronómico onde se coñece a existencia de vida. É o máis denso e o quinto maior dos oito planetas do Sistema Solar.
Sara González Rodríguez, nada en Tui o 23 de maio de 1989 e máis coñecida como Sara Tui, é unha futbolista galega que xoga dende 2015 na 1ª División para UD Granadilla Tenerife Sur. Como internacional xogou coa selección feminina de fútbol de España no Campionato Europeo Feminino Sub-19 da UEFA de 2008.
Augusta Ada King-Noel, Condesa de Lovelace, nada como Augusta Ada Byron en Londres o 10 de decembro de 1815 e finada na mesma cidade o 27 de novembro de 1852, foi unha matemática e escritora británica coñecida principalmente por ser a primeira programadora do mundo. Durante a súa ceda madurez, o seu talento matemático conduciuna a unha relación de amizade prolongada co matemático inglés Charles Babbage. Entre 1842 e 1843, traduciu un artigo do enxeñeiro militar italiano Luigi Menabrea sobre a máquina, que complementou cun artigo repleto de notas propias.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Valentina Vladimirovna Tereshkova (en ruso: Валентина Владимировна Терешкова), nada en Bolshoye Maslennikovo (oblast de Yaroslavl) o 6 de marzo de 1937, é unha excosmonauta, enxeñeira e política rusa. Foi a primeira muller da historia en permanecer en órbita no espazo exterior, a bordo do Vostok 6 o 16 de xuño de 1963. Para iso, foi seleccionada entre máis de catrocentos aplicantes e cinco finalistas.
Angela Yvonne Davis, nada en Birmingham (Alabama) o 26 de xaneiro de 1944, é unha profesora e filósofa socialista estadounidense. Alcanzou notoriedade mundial na década de 1970 como integrante do Partido Comunista dos Estados Unidos, dos Panteras Negras, pola súa militancia polos dereitos das mulleres e contra a discriminación social e racial nos Estados Unidos e por ser protagonista dun dos máis polémicos e famosos xuízos criminais da recente historia dos Estados Unidos.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Rosa Luxemburg (en polaco: Róża Luksemburg e tamén Rozalia Luxenburg), nada en Zamość (Imperio Ruso) o 5 de marzo de 1871 ou 1870, e finada en Berlín o 15 de xaneiro de 1919, foi unha militante socialista e teórica marxista polaca de orixe xudía, nacionalizada alemá. Foi membro do partido da Socialdemocracia do Reino de Polonia e Lituania (SDKPiL), do Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), do Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) e do Partido Comunista de Alemaña (KPD). En 1915, debido ao apoio prestado polo SPD á participación alemá na primeira guerra mundial, ela, xunto con Karl Liebknecht fundaron a Liga Espartaquista (Spartakusbund) que posteriormente se convertería no Partido Comunista Alemán.
Simone Lucie Ernestine Marie Bertrand de Beauvoir máis coñecida coma Simone de Beauvoir, nada en París o 9 de xaneiro de 1908 e finada na mesma cidade o 14 de abril de 1986, foi unha novelista francesa, filósofa existencialista e feminista figura importante na reivindicación dos dereitos da muller. Escribiu novelas, ensaios, biografías e monográficos sobre temas políticos, sociais e filosóficos. O seu pensamento enmárcase dentro do existencialismo e obras como O segundo sexo son elementos fundacionais do feminismo.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
Francisco José de Goya y Lucientes, nado en Fuendetodos (Zaragoza) o 30 de marzo de 1746 e finado en Bordeos (Francia) o 16 de abril de 1828, foi un pintor e gravador español. A súa obra abarca a pintura de cabalete e mural, o gravado e o debuxo. En todas estas facetas desenvolveu un estilo que inaugura o Romanticismo.
Clara Zetkin, nada como Clara Eißner en Wiederau, Saxonia o 5 de xullo de 1857 e finada en Arkhangelskoie, preto de Moscova, o 20 de xuño de 1933, foi unha profesora, xornalista e política marxista alemá. Até 1917, militou no Partido Socialdemócrata de Alemaña (SPD), despois uníuse ó Partido Independente Socialdemócrata de Alemaña (USPD) na súa á esquerda, a Liga Espartaquista, que se tornaría posteriormente Partido Comunista de Alemaña (KPD), ó que representaría no Reichstag durante a República de Weimar de 1920 a 1933.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Rosa Louise McCauley Parks, coñecida como Rosa Parks e tamén como Rosa Lee Parks , nada o 4 de febreiro de 1913 en Tuskegee, no condado de Macon (Alabama), e finada o 24 de outubro de 2005 en Detroit, foi unha muller estadounidense de raza negra, costureira de oficio, que ó negarse a ceder o seu asento nun autobús o 1 de decembro de 1955 deu pé ó comezo da protesta contra a segregación racial (apartheid) nos Estados Unidos de América.
Margaret Hamilton (científica)
Margaret Hamilton, nada en Paoli, Indiana o 17 de agosto de 1936, é unha científica, matemática e enxeñeira de software.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Exeria, coñecida tamén como Egeria, Echeria e Eteria, foi unha muller da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae, na que narra unha viaxe a Terra Santa. Todo parece indicar que naceu na Gallaecia, «nas ribeiras máis afastadas do océano occidental», segundo documentos do século IV, aínda que como se perdeu a primeira parte da súa obra non son poucos os autores que sitúan a súa terra de orixe na Aquitania francesa. Non obstante, estudos actuais sitúana como orixinaria do Bierzo.
A praza de Mazarelos, coñecida en séculos pasados como praza das Mazarelas, e outrora praza do Instituto, por estar alí situado durante moitos anos o Instituto Arcebispo Xelmírez, é unha praza da cidade de Santiago de Compostela. É unha praza de tamaño «considerábel», como sinalou o profesor Celestino García Braña, e nela encóntrase a porta ou arco de Mazarelos, que antigamente permitía entrar en Santiago de Compostela aos viaxeiros procedentes de Ourense.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Catálogo galego de especies ameazadas
O Catálogo galego de especies ameazadas (CGEA) é un documento creado en 2007 pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, de acordo coa normativa do Consello de Europa e do Reino de España, para regular a protección da flora e da fauna galegas, así como os seus hábitats.Inicialmente figuraban nela 193 especies e subespecies, e en 2011 engadíronse sete máis.[Cómpre referencia]Entre elas están, por exemplo, o mexillón de río, o cangrexo de río, a pita do monte (xa extinguida en Galicia), ou o oso pardo, ademais de decenas de especies de algas, liques, fentos, brións e plantas superiores, algunhas delas endémicas.
Coco Chanel, nada en Saumur o 19 de agosto de 1883 co nome de Gabriell Chanel e finada en París o 10 de xaneiro de 1971, foi unha deseñadora de alta costura francesa, fundadora da marca chanel. É a única diseñadora de moda que figura na lista das cen persoas máis influentes do século XX da revista Time. Foi unha das modistas máis prolíficas da historia, e unha das máis innovadoras durante a Primeira guerra mundial.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego-portugués existían tamén as letras j (/ʃ/) g (/ʃ/ con e e i), ç (/θ/; /s/ en zonas con seseo), e os dígrafos lh (/ʎ/), nh (/ɲ/) e -ss-. Algunhas destas formas aparecen en forma minoritaria en textos literarios dos séculos XIX e XX, usándose con coherencia e sistematicidade nas correntes reintegracionistas actuais.
Folga feminista do 8 de marzo de 2018
A folga feminista do 8 de marzo de 2018 foi unha mobilización que tivo lugar o 8 de marzo de 2018, no Día Internacional da Muller. Foi convocada por organizacións feministas e aliadas da loita polos dereitos das mulleres en todo o mundo. Produciuse a adhesión de máis de 170 países e houbo unha gran cantidade de actividades locais relacionadas.A mobilización foi motivada pola loita contra a violencia contra as mulleres, a desigualdade de xénero e as distintas formas de opresión contra as mulleres.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
A batalla das Termópilas, envolta no contexto da II guerra médica, decorreu no verán do 480 a.C., no desfiladeiro das Termópilas, na Grecia Central. Alí, de acordo coa tradición do historiador Heródoto de Halicarnaso, 300 espartanos, so o comando do seu rei Leónidas I, acompañados por non máis de 7 000 aliados doutras πόλεις (cidades-Estado) helénicas, enfrontáronse a millóns de persas (en realidade o número semella que é menor) liderados por Xerxes I, fillo de Darío I. Pese á esaxeración dos números presentados por Heródoto, a grande disparidade numérica entre os bandos levou a que a batalla terminase cunha aparentemente retumbante vitoria persa, aínda que os gregos, antes de seren totalmente aniquilados, conseguiron infrinxir un elevado número de baixas e retardar considerablemente o avance dos persas por Grecia. A intervención dos gregos, para alén de levalos a morrer como homes ceibes, e non como escravos persas, foi de tal xeito decisiva para o futuro do conflito, polo que ben poden ser tamén considerados vencedores.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
Margaret Thatcher, Baronesa Thatcher (de solteira Margaret Hilda Roberts), nada en Grantham o 13 de outubro de 1925 e finada o 8 de abril de 2013, foi unha política británica que chegou a ser Primeira Ministra do Reino Unido entre 1979 e 1990. Thatcher foi a Primeira Ministra británica cun mandato máis longo desde William Gladstone, e ten o período continuo máis longo no ministerio desde Lord Liverpool a principios do século XIX. Tamén é a única muller que serviu como Primeira Ministra, unha das dúas únicas en liderar un partido político importante no Reino Unido ou ter unha das catro Great Offices of State (postos principais dun goberno). Margaret Thatcher foi unha das políticas británicas máis significativas na historia política recente do Reino Unido e globalmente.
En boa parte dos alimentos envasados debe indicarse na etiquetaxe o prazo que establece o fabricante durante o cal o alimento resulta seguro para o consumidor. A data límite deste prazo é o que denominamos data de caducidade. Noutros casos, nos que non existe ese perigo sanitario, o fabricante debe indicar a data de consumo preferente, tamén chamada data de duración mínima, que expresa o período de tempo durante o cal o fabricante garante que o alimento mantén as características organolépticas propias.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Liudmila Mikhailovna Pavlichenko, de nacemento Belova, nada en Bila Tserkva, Imperio Ruso, o 12 de xullo de 1916 e finada en Moscova o 10 de outubro de 1974, foi unha francotiradora soviética do Exército Vermello durante a Segunda Guerra Mundial. O seu total de inimigos eliminados é de 309, incluídos 36 francotiradores. Está considerada como unha das mellores francotiradoras militares de todos os tempos e a francotiradora muller número 1 da historia.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituístes republicanas.