Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Mary Wollstonecraft Shelley, nada en Londres o 30 de agosto de 1797 e finada na mesma cidade o 1 de febreiro de 1851, foi unha escritora británica. Filla do filósofo William Godwin e da pedagoga e escritora Mary Wollstonecraft, casada co famoso poeta Romántico Percy Bysshe Shelley. A súa obra principal é Frankenstein ou o moderno Prometeo pero tamén escribiu outras como O Último home ou Perkin Warbeck.
A creatividade (ou enxeño) é a xeración ou posta en relación de "ideas" orixinais, e, potencialmente útiles en calquera eido, entendendo "idea" non como un concepto intelectualizado senón nun senso máis amplo, podendo ser musical, un movemento do corpo ou relacionada cun xeito de entender o espazo ou as cores, por exemplo.A creatividade asóciase con imaxinación e o pensamento diverxente, xa que moitas veces xorde da dúbida, de reconsiderar unha cuestión dende diferentes ángulos, nun proceso que implica a intuición e a memoria.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial.
Constantino Saqués Pereira, máis coñecido como Tino Saqués, nado o 22 de decembro de 1961 en Lugo, é un empresario galego, administrador da empresa Frisaqués S.L. e máximo accionista do Club Deportivo Lugo. É o vixésimo terceiro presidente do Club Deportivo Lugo, cargo que exerce desde o 2015 tras substituír no cargo a José Bouso.
O sabor das margaridas é unha serie de televisión galega do xénero de thriller policiaco que se estreou na TVG o 3 de outubro de 2018. Está dirixida por Miguel Conde, con guión de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. Estreouse internacionalmente a través de Netflix o 29 de marzo de 2019, sendo a primeira serie en lingua galega distribuída pola plataforma.
A melisa, herba abelleira ou herba cidreira (Melissa officinalis) é unha planta herbácea da familia das labiadas orixinaria do sur de Europa, especialmente en zonas de montaña. As súas pequenas flores brancas agroman a fin do verán e desprenden un cheiro semellante ao do limón, que atrae ás abellas. Emprégase como planta medicinal.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A Casa Lannister /ˈlænɨstər/ é unha familia nobre ficticia pertencente á saga de literatura fantástica A Song of Ice and Fire, escrita por George R. R. Martin. Fundada por Lann o Astuto, o asentamento da Casa é o bastión de Casterly Roc, unha fortaleza ficticia situada nas Terras do Oeste, un dos chamados Sete Reinos na obra de Martin. Os Lannister son os señores feudais de devandito reino, gobernando co título de «Gardiáns do Occidente».
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 172.591 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
A ilustración científica é unha disciplina artístico-científica, un tipo de arte vinculado á ciencia que se enfoca en aproximar a través da ilustración un obxecto de estudo, comunicando información de carácter científico. Permite transmitir ao observador a análise do obxecto de interese, mostrando as súas características reais e fidedignas plasmadas en papel ou noutros formatos. En algúns casos está vinculada tamén á ilustración técnica, e ao debuxo técnico.
O twist é un baile baseado no rock and roll moi popular a comezos da década de 1960, chamado así a partir dunha canción que o orixinou: "The Twist". Foi o primeiro estilo internacional de baile baseado no rock and roll, onde as parellas non se tocaban mentres bailaban. Este baile popularizouno Chubby Checker en 1960 coa súa versión do tema de "The Twist" composto por Hank Ballard en 1959.
En informática, a palabra inglesa software utilízase para describir a parte non física ("lóxica") do ordenador, tamén chamada programa ou aplicación informática. Chámase así en contrapartida á parte física da computadora, o hardware (monitor, teclado, rato, escáner...etc), que é o que fai que os programas se poidan executar e o usuario poida interaccionar co ordenador. O software é o código compilado que se transforma en aplicacións utilizables, que poden ser ofimáticas, de deseño, multimedia etc.
Ángel Gabilondo Pujol, nado o 1 de marzo de 1949 en Donostia, País Vasco, é un filósofo e político español. Actualmente é catedrático no Departamento de Filosofía da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Autónoma de Madrid, da que é reitor dende 2007. É tamén presidente do Consejo de Rectores de Universidades de España.
Un bebé é un ser humano dunha idade aínda moi curta, que non pode falar nin camiñar. Un bebé recentemente nado é un neonato. O bebé é totalmente dependente dos seus proxenitores ou titores, necesitando da súa atención para poder satisfacer as súas necesidades básicas ou para realizar actividades elementais.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O lagarto arnal, ou lagarto ferreño, Timon lepidus (antes Lacerta lepida), é unha especie de réptil orde dos escamosos, suborde dos lacertilios, infraorde dos escincomorfos, familia dos lacértidos e subfamilia dos lacertinos, unha das que na actualidade integran o xénero Timon.É un lagarto endémico da Europa suroccidental. Vive tamén en Galicia, onde é un dos lagartos de maior tamaño, xunto co lagarto das silvas. Pode chegar aos 70 cm ou máis de lonxitude total incluíndo a cola.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 1 do mundo na clasificación ATP. Gañador en 20 ocasións dun torneo de Grand Slam, igualando o récord establecido por Roger Federer. Campión de Roland Garros en 13 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019 e 2020), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Mil primaveras máis é un texto de Álvaro Cunqueiro no que fai unha defensa da lingua galega. Está encadrado nun discurso que deu nunha homenaxe que lle fixeron en Vigo o 24 de abril de 1980. Amais dunha apoloxía, pode ser lido en clave simbólica como unha vontade colectiva do pobo galego respecto do mantemento da súa lingua propia.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Valerie L. Thomas, nada o 8 de febreiro de 1943, é unha científica e inventora estadounidense. Inventou o Illusion Transmitter (transmisor de ilusión), polo que recibiu unha patente en 1980. Foi a responsable do desenvolvemento dos sistemas de procesamiento de imaxes de formatos de medios dixitais utilizados nos primeiros anos do programa Landsat.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Ingmar Bergman (pronunciado en sueco: 'ɪŋmar 'bærjman ), nado en Uppsala o 14 de xullo de 1918 e finado en Fårö o 30 de xullo de 2007, foi un recoñecido director de cine e dramaturgo sueco. É considerado unha das personalidades máis eminentes e influentes da cinematografía mundial.Dirixiu máis de sesenta películas e documentais para a televisión e o cine, os guións dos cales tamén escribía, e dirixiu unhas cento setenta obras de teatro. Na súa compañía de actores atópanse Harriet Andersson, Liv Ullmann, Gunnar Björnstrand, Bibi Andersson, Erland Josephson, Ingrid Thulin e Max von Sydow.
Mary Wollstonecraft, nada en Spitalfields, Londres o 27 de abril de 1759 e finada o 10 de setembro de 1797, foi unha filósofa, escritora inglesa e defensora dos dereitos das mulleres. Durante a súa breve carreira, escribiu novelas, tratados, unha narración de viaxe, unha historia da Revolución Francesa, un manual de conduta e un libro para a mocidade. Wollstonecraft é coñecida por Vindicación dos dereitos da muller (1792), onde argumenta que as mulleres non son naturalmente inferiores aos varóns, mais semellan selo porque non reciben a mesma educación.
«Grândola, Vila Morena» é unha canción composta e cantada por Zeca Afonso, escollida polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ser o segundo sinal para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O escáncer común ou liscanzo (Anguis fragilis) é un réptil da familia Anguidae pero que perdeu as patas, semellando máis unha pequena cobra. Resulta habitual en toda Galicia e é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso.
Un donut (do inglés doughnut, pronunciado /ˈdoʊnət/ ou /ˈdoʊnʌt/ ) é unha clase de rosquilla ou biscoitiño doce en forma de rosca cuberto de azucre derretido, chocolate ou outros sabores. É típico dos Estados Unidos, aínda que se ten popularizado por todo o mundo, incluíndo Galiza. A súa orixe é a rosquilla europea.
José Sacristán, nado en Chinchón (Madrid) o 27 de setembro de 1937 é un actor español de cinema, teatro e televisión. Integrante do grupo de actores do chamado “landismo”, a súa carreira e orientación deu un xiro importante a partir da Transición Española, con filmes tan relevantes como Un hombre llamado Flor de Otoño ou Asignatura pendiente, que lle permitiron enriquecer o seu rexistro interpretativo.
Rogelio Groba Groba, nado o 16 de xaneiro de 1930 en Guláns (Ponteareas), é un músico e compositor galego. Logo de anos residindo en Suíza regresou a Galicia, onde durante 23 anos foi director da Banda-Orquestra Municipal da Coruña. Tamén na cidade da Coruña creou e dirixiu a Orquesta da Coruña e a súa sucesora, a Orquesta de Cámara Municipal, e foi un dos promotores da Orquestra Sinfónica de Galicia, da que foi compositor asociado.
Alice H. Parker, nada en Morristown, Nova Jersey, en 1895, foi unha inventora afroamericana coñecida pola súa contribución da calefacción de caldeira. Inventou unha caldeira que proporcionaba calefacción central para edificios e casas enteiros, que foi patentada o 23 de decembro de 1919.A súa caldeira era diferente doutros fornos daquel momento e supuxo un grande avance por ser máis seguro que queimar leña xa que axudaba a que non se tivese que almacenar e queimar madeira nun forno tradicional. O deseño tiña condutos de aire que permitían á calor esparexerse por toda a estrutura.
George Gordon Byron, 6º barón de Byron (máis coñecido simplemente como Lord Byron), nado en Londres o 22 de xaneiro de 1788 e finado en Missolonghi o 19 de abril de 1824, foi un poeta inglés e un dos escritores máis versátiles e importantes do Romanticismo. Entre os traballos máis coñecidos de Byron están os poemas narrativos Don Juan e Childe Harold's Pilgrimage e o poema curto "She Walks in Beauty". É considerado un dos grandes poetas británicos, así como un dos máis lidos e influentes.
O fascismo é unha doutrina totalitaria de extrema-dereita desenvolvida por Benito Mussolini na Italia, a partir de 1919, e durante o seu goberno (1922–1943 e 1943–1945). Fascismo deriva de fascio, nome de grupos políticos ou de militancia que xurdiron na Italia entre finais do século XIX e comezos do XX; mais tamén de fasces, que nos tempos do Imperio Romano era un símbolo dos maxistrados: un machado co mango rodeado de varas, simbolizando o poder do Estado e a unidade do pobo. Os fascistas italianos tamén foron coñecidos pola expresión camisas negras, en virtude do uniforme que levaban.
Gran Premio da Emilia-Romaña de 2021
O Gran Premio Emilia Romagna 2021 (coñecido oficialmente como Formula 1 Pirelli Gran Premio Del Made In Italy E Dell'emilia Romagna 2021) foi unha carreira de Fórmula 1 que tivo lugar o 18 de abril de 2021 no Autódromo Enzo e Dino Ferrari de Imola, Italia. Será a segunda carreira de Fórmula Un disputada no Autodromo Internazionale Enzo e Dino Ferrari desde o 2006 e a segunda carreira baixo o nome de Gran Premio da Emilia-Romaña. Será a segunda rolda do Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021.
Para o xénero de plantas chamadas normalmente toxos ver o artigo Toxo (xénero Ulex). O toxo arnal, tamén chamado simplemente toxo, é un arbusto espiñento da clase das dicotiledóneas (nome científico: Ulex europaeus) e da familia das leguminosas, de flores amarelas moi rechamantes que mide entre 0,5 ata 3 metros segundo a variedade. Os agromos son verdes e as follas son espiñas de entre 1 e 3 cm.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora-Montenegro (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e de toda a literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Todo sobre mi madre é un filme español dirixido por Pedro Almodóvar no ano 1999. Cecilia Roth, Marisa Paredes, Candela Peña, Penélope Cruz e Antonia San Juan encabezan o elenco da cinta. Trátase dun dos grandes éxitos da carreira de Pedro Almodóvar, que conseguiu excelentes críticas e numerosos premios, entre eles o Oscar á mellor película estranxeira e tamén o Goya.
Library of Congress Control Number
O Library of Congress Control Number (LCCN) é un sistema baseado en números de serie para numerar os rexistros de catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Este sistema de numeración están en uso dende 1898. Non ten relación algunha cos contidos dos libros e non debe confundirse coa Library of Congress Classification (LCC).
Xesaleico foi un rei visigodo da Hispania visigoda entre 507 e 511, ou 513. Fillo ilexítimo e sucesor de Alarico II, foi elixido pola nobreza despois do falecemento do seu pai. Tivo a oposición de Teodorico o Grande, rei dos ostrogodos, que desexaba o reinado para Amalarico, fillo lexítimo de Alarico II e suposto neto seu, mentres se constituía en rexente.
Severino Varela Puente, nado en Montevideo o 14 de setembro de 1913 e finado na mesma cidade o 29 de xullo de 1995, foi un futbolista uruguaio, de orixe galega, que xogaba de dianteiro. Era alcumado "El Gallego" e tamén "Boina fantasma" por xogar sempre cunha boina branca. Desenvolveu a súa carreira principalmente entre Peñarol e Boca Juniors, conquistando catro ligas uruguaias e dúas arxentinas.
Revolución de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 en Lugo (ó que se uniron posteriormente A Coruña o día 5, Pontevedra o 9, e o día 10 Tui e Vigo) contra o goberno de Ramón María de Narváez. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina e viúva do ministro Francisco Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.
Lista dos mamíferos de Galicia
A seguinte é unha lista alfabética das especies de mamíferos atopados en Galicia ou nas proximidades da súa costa. Está baseada na información recollida dos traballos feitos polos especialistas en mamíferos Xoán Ignacio Díaz da Silva e Yosy Cartelle e os datos obtidos da Lista Vermella da IUCN . Esta clase contén arredor de 5.487 especies vivas das cales un 25% (1.141) están en perigo de extinción e unhas 100 foron atopadas con maior ou menor abundancia no territorio ou nas costas galegas.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2021, ano dedicado a Xela Arias, 61 autores (5 mulleres e 56 homes) foron homenaxeados nas 59 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
JavaScript (JS) é unha linguaxe de programación interpretada, é dicir, que non require compilación, utilizada principalmente en páxinas web, cunha sintaxe semellante á da Linguaxe Java e a linguaxe C. Ao contrario que Java, JavaScript non é unha linguaxe orientada a obxectos propiamente, xa que non dispón de herdanza, é máis ben unha linguaxe baseado en prototipos, xa que as novas clases xéranse clonando as clases base (prototipos) e estendendo a súa funcionalidade.Todos os navegadores interpretan o código JavaScript integrado dentro das páxinas web. Para interactuar cunha páxina web provese á linguaxe JavaScript dun desenvolvemento do DOM. O seu uso máis estendido atópase en páxinas web HTML para realizar tarefas e operacións no marco da aplicación unicamente cliente, sen acceso a funcións do servidor.
Florilexios e códices botánicos
En botánica, a palabra florilexio aplícase a unha colección de pinturas de plantas detalladas e precisas, realizadas por ilustradores botánicos a partir de exemplares vivos. Os florilexios son algúns dos libros máis caros de producir debido ao gran traballo que implica a súa creación, mediante litografías, impresións e pintura a man. Denomínase códice un documento co formato dos libros modernos, de páxinas separadas pero encadernadas.
Os freixos son árbores pertencentes ao xénero Fraxinus da familia das oleáceas. Contén unhas 45-65 especies de árbores de porte mediano a grande, de folla caediza polo xeral, aínda que unhas poucas especies subtropicais teñen follas persistentes. Adoitan ocupar lugares frescos, lameiros, brañas, ribeiras.
Anna Maurizio, nada en Lemberg (Alemaña) o 26 de novembro de 1900 e finada o 24 de xullo de 1993 en Liebefeld, foi unha bióloga e investigadora apícola suíza. Durante máis de tres décadas, traballou no departamento de abellas do Instituto Federal Suízo de Leitería e Bacterioloxía en Liebefeld. Ela acuñou o termo "flora apícola" e desenvolveu novos métodos para determinar o pole no mel.
O País Vasco ou Euskadi (en éuscaro tamén: Euskal Herria), tamén coñecido como Comunidade Autónoma Vasca (en éuscaro: Euskal Autonomia Erkidegoa, en castelán: Comunidad Autónoma Vasca), é unha comunidade autónoma española situada no extremo nororiental da costa cantábrica. Limita con Cantabria e Castela e León (provincia de Burgos) ao oeste, con Navarra ao leste, coa Rioxa ao sur, e co Golfo de Biscaia (mar Cantábrico) e Francia ao norte. Está formado por tres provincias, tamén coñecidas como territorios históricos, que son Guipúscoa, Biscaia e Áraba.