Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Burkina Faso, ás veces escrito Burquina Faso, é un país de África occidental, no Sahel, que limita ó noroeste con Malí, ó noroeste con Níxer e ó sur con Costa do Marfil, Ghana, Togo e Benín. Antes de 1984 era coñecido como o Alto Volta. Anteriormente coñecido como Alto Volta por estar no curso alto de tres ríos que no seu momento se chamaron Volta (Mouhoun, antes o Volta negro; Nakambé, antes o Volta branco; e Nazinon, antes o Volta vermello), Burkina Faso foi renomeada en 1984 polo presidente Thomas Sankara para significar "a terra dos homes íntegros" en diula, principal lingua materna do país.
A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
En bioloxía, o sexo é un proceso de combinación e mestura de trazos xenéticos a miúdo dando por resultado a especialización de organismos en variedades feminina e masculina (coñecidas como sexos). A reprodución sexual implica a combinación de células especializadas chamadas gametos para formar fillos que herdan o material xenético, e polo tanto os trazos e natureza de ambos pais. Os gametos poden ser idénticos en forma e función (isogametos), pero nalgúns casos evolucionaron cara a unha asimetría de tal xeito que hai dous tipos de gametos específicos por sexo (heterogametos): os gametos masculinos son pequenos, móbiles, e optimizados para o transporte da súa información xenética a certa distancia; mentres que os gametos femininos son grandes, non móbiles e conteñen os nutrientes precisos para o desenvolvemento do novo organismo.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Tebello Nyokong, nada o 20 de outubro do 1951 en Suráfrica, é unha química e profesora na Universidade de Rhodes, unha universidade pública surafricana. Coñecida pola súa investigación pioneira sobre a fototerapia dinámica, un método de tratamento do cancro alternativo á quimioterapia, e por ser catedrática no Departamento de Ciencia e Tecnoloxía / Fundación Nacional de Investigación en Química Medicinal e Nanotecnoloxía. Ademais de traballar en terapia fotodinámica, Tebello Nyokong representa o epítome da nova muller africana, segue a facer un traballo excepcional na formación de químicas, particularmente mulleres, nas sofisticadas habilidades necesarias para manter a Suráfrica á cabeza do desenvolvemento científico.
O hipopótamo (nome científico: Hippopotamus amphibius) é un gran mamífero artiodáctilo que é fundamentalmente herbívoro e se atopa na África subsahariana. É, xunto ao hipopótamo anano (Choeropsis liberiensis), un dos dous únicos membros actuais da familia Hippopotamidae. É un animal semiacuático que mora en ríos e lagos, e onde os machos adultos territoriais con grupos de cinco a trinta femias e hipopótamos novos controlan unha zona do río.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 173.096 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Javier Ibarra Ramos, nado en Zaragoza o 1 de marzo de 1980, é un MC aragonés en lingua castelá, coñecido artísticamente como Kase.O. Forma parte do grupo Violadores del Verso xunto a Hate, Lírico e R de Rumba. O grupo atópase nun descanso temporal, mais cada artista continúa a súa carreira en solitario e teñen pensado volver a reunirse nun futuro, como así o teñen expresado múltiples veces.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Jordi Alba Ramos, nado en l'Hospitalet de Llobregat (Barcelona) o 21 de marzo de 1989, é un futbolista español. Xoga de lateral por banda esquerda e o seu actual equipo é o Futbol Club Barcelona da Primeira División de España. Tamén xoga coa selección de fútbol de España, coa que gañou, sendo un dos xogadores revelación, a Eurocopa de 2012, o terceiro título do triplete conseguido pola selección entre 2008 e 2012, inédito na historia do fútbol.
O percebe da madeira, ou falso percebe, Lepas anatifera, Linnaeus 1758, é unha especie de crustáceo cirrípede da orde dos pedunculados e familia dos lepádidos, unha das catorce integrantes do xénero Lepas.Este percebe, non comestíbel, encóntrase, a miúdo en grandes cantidades, unido polo seu pedúnculo flexíbel a madeiras flotantes, cascos de barcos, peiraos, pilotes, algas e varios tipos de restos flotantes, como botellas.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2021, ano dedicado a Xela Arias, 61 autores (5 mulleres e 56 homes) foron homenaxeados nas 59 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Sandra Myrna Díaz, nada en Bell Ville, provincia de Córdoba, o 27 de outubro de 1961, é unha bióloga arxentina. É unha recoñecida investigadora da área da ecoloxía vexetal e da biodiversidade, especializada no estudo do impacto do cambio ambiental global sobre a biodiversidade rexional dos ecosistemas vexetais. A súa contribución foi moi importante no desenvolvemento teórico e na implementación práctica do concepto de diversidade funcional, dos seus efectos sobre as propiedades ecosistémicas e a súa importancia social.
A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.
José Ventura Eduardo Gregorio Valdomir (sic) ou Xosé Baldomir Rodríguez, máis coñecido como Xosé Baldomir, nado na Coruña o 26 de novembro de 1865 e finado na mesma cidade o 1 de febreiro de 1947, foi un compositor, pianista, director coral e profesor que desenvolveu case todo o seu labor na súa cidade natal. Entre a súa obra, cunha importante influencia da música popular, salientan as súas melodías galegas, xénero iniciado por un dos seus mestres, Marcial del Adalid, e que Baldomir levou ao máximo nivel artístico, acadando no seu tempo difusión universal con obras que permaneceron na memoria colectiva. Ademais de como compositor, Baldomir destacou tamén como director de corais, estando á fronte de agrupacións como o Orfeón Brigantino ou a Coral Polifónica El Eco, tendo realizado con esta última numerosas e exitosas xiras por España e o resto do mundo.
Ángel Gabilondo Pujol, nado o 1 de marzo de 1949 en Donostia, País Vasco, é un filósofo e político español. Actualmente é catedrático no Departamento de Filosofía da Facultade de Filosofía e Letras da Universidade Autónoma de Madrid, da que é reitor dende 2007. É tamén presidente do Consejo de Rectores de Universidades de España.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Gran Canaria é unha illa do Arquipélago Canario situada no Océano Atlántico, xunto ás costas do norte de África e que pertence politicamente a España. Xunto coas illas de Lanzarote e Fuerteventura forma a provincia das Palmas, integrada ademais polos illotes de La Graciosa, Alegranza, Montaña Clara, Roque del Este, Roque del Oeste e Illa de Lobos. A capital da illa é As Palmas de Gran Canaria, que tamén é capital das Canarias (xunto con Santa Cruz de Tenerife) e da provincia das Palmas.
O escáncer común ou liscanzo (Anguis fragilis) é un réptil da familia Anguidae pero que perdeu as patas, semellando máis unha pequena cobra. Resulta habitual en toda Galicia e é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso.
Jude Milhon, nada en Washington D. C. o 12 de marzo de 1939 e finada o 19 de xullo de 2003, máis coñecida polo pseudónimo St. Jude, foi unha hacker e autora residente na área de San Francisco.A pesar de nacer en Washington D. C., pasou a maioría da súa infancia e adolescencia en Anderson, Indiana, onde participou activamente en prol dos dereitos civís, até o punto de ser encarcerada en diversas ocasións por desobediencia civil.
Philip Anthony Hopkins, nado en Port Talbot (Glamorgan) o 31 de decembro de 1937, é un actor, produtor, compositor e director de cinema galés. É coñecido polo gran público pola súa interpretación do asasino en serie Hannibal Lecter nos filmes O silencio dos cordeiros, a súa secuela Hannibal e a súa precuela Red Dragon. Gañou premios como o Óscar, o Emmy, o Globo de Ouro ou o BAFTA, entre outros.
Susan Solomon, nada en Chicago (Estados Unidos) o 19 de xaneiro de 1956, é unha química atmosférica que traballou na Administración Nacional Oceánica e Atmosférica(NOAA) durante gran parte da súa carreira profesional, onde fixo grandes descubrimentos sobre a composición da atmosfera. Dende o 2011 ata a actualidade (2021) traballou como profesora no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts. Foi unha das primeiras persoas en sinalar que o burato da capa de ozono do antártico se orixinou debido aos clorofluorocarbonos e ao seu mecanismo de reacción radical libre.
Revolución de 1846, levantamento de 1846, pronunciamento de 1846 ou sublevación liberal de 1846, son os nomes que recibe o alzamento do coronel Miguel Solís o 2 de abril de 1846 en Lugo (ó que se uniron posteriormente A Coruña o día 5, Pontevedra o 9, e o día 10 Tui e Vigo) contra o goberno de Ramón María de Narváez. A conspiración foi dirixida desde A Coruña, impulsada por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina e viúva do ministro Francisco Espoz y Mina; en Vigo foron Benigno Cid, Ramón Buch e Juan Nogueira, en contacto co exiliado Mártir Molíns; e en Ourense, algúns militares. Gerónimo Piñeiro de las Casas facía de correo entre eles, e fixaron a data do alzamento para o mes de abril.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial.
Campionato de Galicia de fútbol 1928/29
O Campionato de Galicia da Serie A 1928/29 foi a décimo quinta edición do Campionato de Galicia de fútbol organizado pola Federación Galega de Fútbol. Comezou en outubro de 1928 e rematou en agosto de 1929. Os dous primeiros postos do torneo outorgaban a clasificación para a Copa de España.
Os Seattle Seahawks (do inglés: Aguias Peixeiras de Seattle) son un equipo profesional de fútbol americano con sede en Seattle, Washington. Actualmente participan na División Oeste da National Football Conference (NFC) na National Football League (NFL). Xunto cos Tampa Bay Buccaneers, uniuse en 1976 á NFL, ámbolos como equipos de expansión.
O accidente de Chernóbil foi un accidente nuclear ocorrido o 26 de abril de 1986 na central nuclear de Chernóbil, situada na República Socialista Soviética de Ucraína (actual Ucraína). Un estoupido e un incendio lanzaron grandes cantidades de contaminación radioactiva á atmosfera, que se estendeu sobre gran parte do oeste de Rusia e Europa. Está considerado o peor accidente nunha central nuclear da historia, e foi o primeiro clasificado como de nivel 7 na escala internacional de eventos nucleares (no 2011 chegou a este nivel o accidente nuclear de Fukushima).
O sabor das margaridas é unha serie de televisión galega do xénero de thriller policiaco que se estreou na TVG o 3 de outubro de 2018. Está dirixida por Miguel Conde, con guión de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. Estreouse internacionalmente a través de Netflix o 29 de marzo de 2019, sendo a primeira serie en lingua galega distribuída pola plataforma.
Os xogos populares, como outros elementos culturais, conteñen diferentes concepcións que forman parte da sociedade, teñen unha dimensión lúdica e educativa, e son parte importante da convivencia e cooperación en grupo. Posúen un gran valor socio-cultural que supera os aspectos lúdicos, pois cada xogo presenta diferentes características dependendo da zona na que se practica. Os xogos defínense como a actividade física ou mental que ten a finalidade de divertirse e entreterse.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Santa María de Alba é unha parroquia que se localiza no concello de Pontevedra. Segundo os datos do IGE tiña 763 habitantes en 2013, dos que 400 eran mulleres e 363 homes, distribuídos en 8 entidades de poboación, o que supón un progresivo descenso en relación ao ano 2010 cando tiña 825 habitantes; ao ano 2008, con 850; e ao ano 2004, cando eran 865 veciños. Ata 1868, data de adhesión ó concello de Pontevedra, era un concello de seu, abranguendo tamén as parroquias de Verducido, Cerponzóns e Lérez.
Bárbaro é un exónimo pexorativo que procede do grego (βάρβαρος) e a súa tradución literal é "o que tatexa". Aínda que os gregos empregaban o termo para referirse a persoas estranxeiras, que non falaban o grego e cuxa lingua estranxeira soaba aos seus oídos como un tatexo incompresible ou onomatopea (bar-bar- semellante a bla-bla-), tamén existen escritos, como os de Isócrates, que amosan unha apertura deste pobo para concibir aos bárbaros non como "estranxeiros", senón como individuos que carecían de educación, independentemente do seu lugar de nacemento, primitivos ou salvaxes.Os romanos tomaron posteriormente a palabra e o seu significado para o trato cos pobos que invadiron o Imperio Romano. Os clásicos deron o nome de bárbaros a todos os estranxeiros das comarcas fronteirizas co Imperio, e cos que loitaron, aínda que se limita a consideración aos que, ocupando en Europa as comarcas ao norte do Imperio, invadiron este, apoderándose da súa parte occidental.
As linguas malibú son un grupo lingüístico extinto e pouco estudado composto por linguas que foron faladas ao longo do río Magdalena, en Colombia. Só se conserva algún testemuño de dúas destas linguas, o malibú e o mokaná, polo que se descoñece tanto o número total de linguas como o seu grao de intelixibilidade mutua.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
José Sacristán, nado en Chinchón (Madrid) o 27 de setembro de 1937 é un actor español de cinema, teatro e televisión. Integrante do grupo de actores do chamado “landismo”, a súa carreira e orientación deu un xiro importante a partir da Transición Española, con filmes tan relevantes como Un hombre llamado Flor de Otoño ou Asignatura pendiente, que lle permitiron enriquecer o seu rexistro interpretativo.
Premio Lueiro Rey de narrativa
O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo concello do Grove dende 1992. Estableceuse coa finalidade de promocionar a vida e obra de Manuel Lueiro Rey.
Pontevedra é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833. Limita ao norte coa provincia da Coruña, ao leste coa provincia de Ourense e a provincia de Lugo, ao sur con Portugal e ao oeste co océano Atlántico. A súa capital é a cidade de Pontevedra, con 83.260 habitantes en 2020, sendo Vigo a súa maior cidade cunha poboación de 296.692 habitantes (2020).
Ar ou aire son os nomes que recibe a combinación de gas que forma a atmosfera da Terra, que permanece dentro do planeta por acción da forza da gravidade. O ar é esencial para a vida no planeta, é particularmente delicado e é transparente a simple vista. Está composto en proporcións lixeiramente variábeis por substancias tales como o nitróxeno (78%), osíxeno (21%), vapor de auga (variábel entre 0-7%), ozono, dióxido de carbono, hidróxeno e algúns gases nobres como o cripton ou o argon.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Na Galicia medieval, os irmandiños eran os membros das Irmandades constituídas para a defensa dos seus intereses fronte aos abusos dos señores. No século XIV entrou en Galiza unha nobreza moi guerreira e que atacaba os mosteiros, os bispos, os burgueses e os campesiños. Esta nobreza xurdira despois das loitas de Pedro I "o Cruel" e Henrique II. Eran os Osorio en Lemos e Sarria, os Andrade en Pontedeume, os Sarmiento, os Ulloas, os Soutomaior...
O Chelsea Football Club é un equipo profesional de fútbol de Inglaterra, con sede na zona oeste de Londres. Fundado en 1905, xoga na Premier League e ten pasado a meirande parte da súa historia na elite do fútbol inglés. O Chelsea posúe catro títulos da liga inglesa, ademais de sete FA Cups, catro League Cups, catro Community Shields, unha Liga de Campións, unha Europa League, dúas Recopas de Europa e unha Supercopa de Europa.O primeiro grande éxito do club foi na tempada 1954-55, cando gañaron o seu primeiro campionato de liga, gañando outras varias competicións entre os anos 1960 e 1970, mais dende aquela non volveron gañar ningún título até 1997.
Wernher Magnus Maximilian Freiherr von Braun, nado en Wirsitz o 23 de marzo de 1912 e finado en Alexandria (Virxinia), o 16 de xuño de 1977 foi un enxeñeiro aeroespacial de orixe alemá. En 1955 nacionalizouse estadounidense co fin de ser integrado na NASA. Está considerado como un dos máis importantes deseñadores de foguetes do século XX, e foi o xefe de deseño do foguete V-2, así como do foguete Saturno V que levou o home á Lúa. Von Braun é un personaxe moi controvertido, que dedicou a súa vida ao desenvolvemento de foguetes para a conquista do espazo, aínda que tivese que ofrecelos como armas para o seu desenvolvemento, cousa que dubidou en facer, como comentou aos seus achegados nos seus últimos anos.
O Imperio Inca foi o berce da civilización inca, a derradeira das tres grandes civilizacións precolombianas que conservou o seu Estado. A civilización inca xurdiu nas terras altas do Perú nalgún momento a principios do século XIII. As orixes do imperio remóntanse á vitoria dos quechuas sobre os chancas en 1438 e desapareceu no século XVI coa súa anexión ao Imperio Español en 1533, aínda que en 1537 houbo un intento de restaurar o imperio que foi sufocado polos españois en 1572. Unificou diversas culturas preincas da América do Sur e con elas constituíu o imperio máis extenso do continente americano.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
A Coruña é unha das catro provincias de Galicia creadas por Javier de Burgos en 1833, e está situada no noroeste do país e da península Ibérica. Limita ao norte e ao oeste co océano Atlántico, ao leste coa provincia de Lugo e ao sur coa provincia de Pontevedra. Toma o nome da súa capital, a cidade da Coruña.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
O fascismo é unha doutrina totalitaria de extrema-dereita desenvolvida por Benito Mussolini na Italia, a partir de 1919, e durante o seu goberno (1922–1943 e 1943–1945). Fascismo deriva de fascio, nome de grupos políticos ou de militancia que xurdiron na Italia entre finais do século XIX e comezos do XX; mais tamén de fasces, que nos tempos do Imperio Romano era un símbolo dos maxistrados: un machado co mango rodeado de varas, simbolizando o poder do Estado e a unidade do pobo. Os fascistas italianos tamén foron coñecidos pola expresión camisas negras, en virtude do uniforme que levaban.