Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Jealsa Rianxeira é unha sociedade anónima con domicilio social na rúa Bodion, de Boiro, A Coruña, co seguinte obxecto social: Artigo 2. Obxecto. Constitúe o obxecto social da Sociedade: 1º A fabricación, compravenda, importación, exportación e subministración de toda clase de conservas de peixe e mariscos; o seu envasado e comercio en xeral de tal industria.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2021, ano dedicado a Xela Arias, 61 autores (5 mulleres e 56 homes) foron homenaxeados nas 59 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Este artigo trata sobre un xénero de plantas, para o asteroide véxase 1061 Paeonia. Non confundir coa familia das Ranunculáceas (Ranunculaceae). As peoniáceas (Paeoniaceae) constitúen unha familia monoxenérica de plantas dicotoledóneas rizomatosas orixinarias de diversas rexións de Europa, Extremo Oriente (especialmente da China) e de América do Norte, usualmente chamadas de peonias.
Na acepción común, Belas Artes serían aquelas artes que terían por obxecto expresar a beleza, especialmente a arquitectura, escultura, música, e pintura. De todos modos, o certo é que ademais da beleza, as chamadas belas artes poden buscar tamén a expresividade, a orixinalidade, impactar ao receptor ou incluso a fealdade (véxanse, por exemplo, os cadros de Francis Bacon). Neste sentido, podemos dicir que o termo quedou algo desfasado (sobre todo tralo auxe das vanguardas no século pasado).
O Premio Hugo ou Science Fiction Achievement Awards é unha serie de importantes galardóns outorgados a obras de ciencia ficción ou en menor grao fantasía, así como a artistas gráficos, guionistas, editores etc. Tivo unha gran relevancia nas décadas dos 60 e 70, pero progresivamente foi perdendo prestixio en beneficio doutros premios. O premio Hugo recibe o seu nome en honra a Hugo Gernsback, fundador da pioneira revista de ciencia ficción, Amazing Stories e da invención do termo ciencia ficción.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 173.245 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
O escáncer común ou liscanzo (Anguis fragilis) é un réptil da familia Anguidae pero que perdeu as patas, semellando máis unha pequena cobra. Resulta habitual en toda Galicia e é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso.
Un blog ou bitácora é unha páxina web onde hai mensaxes ou publicacións ordenadas cronoloxicamente escritas por unha ou varias persoas, chamados bloggers, sobre un tema en particular a modo de diario on-line. Hai algunhas características que son comúns á maioría dos blogs, como que os lectores poidan deixar comentarios, unha lista con ligazóns a outros blogs, chamada blogroll, un arquivo coas publicacións anteriores etc. Outras características non tan comúns, pero que están presentes na maioría dos blogs, son a de permitir trackbacks, que serve para saber quen liga á publicación, e a de permitir a subscrición, xeralmente mediante RSS, XML ou Atom, que serve para poder ler os blogs dende un programa á parte.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Minecraft é un videoxogo de mundo aberto tipo sandbox creado orixinalmente polo deseñador sueco Markus "Notch" Persson e desenvolvido e publicado posteriormente por Mojang. Os aspectos creativos e de construción de Minecraft permítenlles ós xogadores construír elementos a partir de cubos con diversas texturas nun mundo en 3D xerado por procedementos. Outras actividades do xogo inclúen a exploración, a recolección de recursos, a confección de obxectos e o combate.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Tíbet (བོད་ Bodo tibetano e Xizang 西藏 en chinés) é unha rexión xeográfica de Asia, que designa tres entidades distintas: Rexión Autónoma do Tíbet (西藏自治区 Xīzàng zìzhìqū (Pinyin) བོད་རང་སྐྱོང་ལྗོངས་ Bod Rang Skyong Lbyongs) que é unha rexión administrativa da China cun estatuto particular, coma o Xinjiang ou a Mongolia Interior; a meseta do Tíbet, zona xeográfica situada ao norte do Himalaia, coñecida como «teito do mundo», formada de altas mesetas desérticas dominadas por potentes cadeas de oeste e (Kouen-louen, Trans-Himalaia); a zona de poboamento Tibetano, correspondente cunha area lingüística onde o tibetano é a lingua maioritariamente utilizada, así como unha área cultural cunha especificidade marcada, cunha relixión común: o lamaísmo, variante do budismo.O nome occidental Tibet, vén do nome mongol Töbüt; non está ligado ao nome tibetano bode. En chinés, o nome antigo do Tíbet e Tufan 吐蕃 (incorrectamente pronunciado Tubo por moitos chineses), mais o nome actual da rexión Xizang 西藏 significa literalmente gTsang occidental, facendo referencia a esta rexión do Tíbet.
Os Seattle Seahawks (do inglés: Aguias Peixeiras de Seattle) son un equipo profesional de fútbol americano con sede en Seattle, Washington. Actualmente participan na División Oeste da National Football Conference (NFC) na National Football League (NFL). Xunto cos Tampa Bay Buccaneers, uniuse en 1976 á NFL, ámbolos como equipos de expansión.
Index Fungorum, é un proxecto internacional para indexar tódolos nomes formais (nomes científicos) do Reino Fungi. É comparable ó IPNI, pero con máis institucións contribuíntes. Outra diferenza é que o IPNI non indica os nomes correctos, en cambio o Index Fungorum achega información do estado dun nome.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
El Mundo Deportivo é un xornal deportivo catalán editado en lingua castelá en Barcelona polo Grupo Godó (grupo ao que tamén pertence o xornal La Vanguardia). O seu director delegado é o xornalista Santi Nolla e o director xerente, Óscar Rodríguez. Céntrase principalmente en informar acerca da actualidade futbolística, e en especial a do FC Barcelona.
O "Papiro erótico de Turín" ("Papiro 55001", tamén chamado "Papiro erótico" ou incluso "Papiro de Turín") é un rolo pintado en papiro do antigo Exipto que se creou durante o período Ramesside, aproximadamente no 1150 a.C. Descuberto en Deir el-Medina a comezos do século XIX, foi alcumado como "a primeira revista masculina do mundo". Mide 2´6 metros por 24 centímetros e consta de dúas partes; unha delas contén doce viñetas eróticas que representan varias posturas sexuais. Actualmente atópase no Museo Egizio en Turín, Italia.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Ágatha Ruiz de la Prada y Sentmenat, XII marquesa de Castelldosrius, XXIX baronesa de Santa Pau e Grande de España, nada en Madrid o 22 de xullo de 1960, é unha deseñadora de roupa española. Estudou na Escola de Artes e Técnicas da Moda de Barcelona. Comezou a súa carreira como deseñadora en 1981, cando presentou a súa primeira colección en Local, un Centro de Deseño.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Ynes Enriquetta Julietta Mexia, nada en Georgetown (área de Washington D.C.) o 24 de maio de 1870 e finada o 12 de xullo de 1938, foi unha botánica mexicana-estadounidense coñecida pola súa colección de novos especímenes de plantas de rexións de México, e de América do Sur. Realizou a identificación e clasificación dun novo xénero da familia Compositae e foi a máis consumada investigadora recolectora de especímenes do seu tempo, viaxando e identificando máis especies que calquera outro.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
As é un xornal español de información deportiva, de tirada diaria, de pago e con distribución matinal editado polo Grupo PRISA. Foi fundado en 1967 por Luis Montiel Balanzat, sendo o actualidade o diario deportivo máis lido na Comunidade de Madrid e o segundo diario deportivo de España tanto en tirada como en vendas e distribución. Así mesmo, o seu web as.com ocupa a terceira posición por número de visitas na clasificación de diarios nacionais.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Marta Rivera de la Cruz, nada en Lugo en 1970, é unha escritora galega en lingua castelá, ademais de política de Ciudadanos-Partido de la Ciudadanía, colaboradora en diversos medios de comunicación e un dos apoios máis destacados da asociación Galicia Bilingüe. Nas Eleccións xerais de 2015 e nas Eleccións xerais de 2016 foi escollida deputada por Madrid. Nas Eleccións xerais de abril de 2019 foi elixida deputada pola Provincia da Coruña, aos poucos meses renunciou ao escano no Congreso dos Deputados para ocupar o cargo de Conselleira de Cultura e Turismo da Comunidade de Madrid.
Ilduara Eriz tamén coñecida como santa Ilduara e frecuentemente Aldara de Celanova foi unha das aristócratas galegas máis importantes de finais do século IX e X. Filla dos condes de Lugo, Ero Fernandes e a súa muller Adosinda. Casada con Gutier Menéndez, foi nai de Rosendo de Celanova. Os seus outros fillos foron Hermesinda, Froilán III (conde de Trastámara), Munio, Aloito e Adosinda.
A dedaleira ou estraloque (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán. A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do século XVIII. Na medicina a dixitalina viuse obsoleta e no seu lugar é usada a dixitoxina, molécula sintética derivada daquela.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
O Gran Premio de España de 2021 (oficialmente o Formula 1 Aramco Gran Premio de España 2021) é unha carreira de Fórmula 1 que se disputou o 9 de maio de 2021 no Circuíto de Cataluña, Montmeló, España. Foi a terceira carreira do Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021 marca a cincuenta e unha proba do Gran Premio de España como un evento do Campionato Mundial desde a tempada inaugural en 1950 e a trinta e unha vez que se celebrou unha rolda do Campionato do Mundo no circuíto de Barcelona-Cataluña.
A síndrome do aceite tóxico, tamén chamada síndrome tóxica ou intoxicación por aceite de colza desnaturalizado, foi unha intoxicación alimentaria masiva que se produciu en España en maio de 1981 por consumo de aceite de colza de uso industrial, adulterado fraudulentamente para desvialo ó consumo humano. A día de hoxe (2011) aínda non se sabe a causa exacta da intoxicación, a substancia tóxica responsable da enfermidade, aínda que os datos epidemiolóxicos poñen en evidencia que foi vehiculada co aceite. Afectou máis de 20.000 persoas, das que moitos aínda sofren secuelas, e causou a morte de entre 1.000 e 5.000 enfermos, segundo as fontes.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
A India (en hindi: Bharat), oficialmente a República da India (Bharat Ganrajya), é un estado situado en Asia Meridional. É o sétimo país do mundo en superficie, o segundo máis poboado e a democracia máis poboada do mundo con máis de 1,2 miles de millóns de habitantes. Rodeado polo océano Índico ao sur, o mar de Arabia ao suroeste e a baía de Bengala ao sueste, a India conta cunha costa de 7 517 km de extensión.
Na construción, unha torre é unha estrutura elevada construída polo ser humano. Inicialmente a palabra aplicábase a estruturas cun fin tecnolóxico, aínda que adoita empregarse como sinónimo de rañaceos e para designar edificios con numerosas plantas. O aspecto pricipal que ten que ter unha torre (para ser tal), é as súas proporcións: hoxe en día chámaselle torre a calquera edificio de máis de 10 pisos, pero unha torre parécese máis a un prisma ou un cilindro, no que a relación dos seus lados en planta (X e E) achégase a 1, mentres que a relación da base e a altura deberían achegarse a 5:1.
Sir George Henry Martin, CBE, nado o 3 de xaneiro de 1926 en Highbury (Londres) e finado o 8 de marzo de 2016 en Londres, foi un produtor discográfico, arreglista , compositor, director de orquestra, enxeñeiro de son e músico inglés, coñecido principalmente por producir case a totalidade dos álbums dos Beatles, entre outros proxectos musicais. É considerado como un dos maiores produtores de discos de todos os tempos, con trinta sinxelos que chegaron a ser número un nas listas do Reino Unido e 23 nas listas do Billboard nos Estados Unidos. Ademais de ser coñecido como o Quinto Beatle, é pai do tamén produtor Giles Martin, e do actor Gregory Paul Martin.
O sabor das margaridas é unha serie de televisión galega do xénero de thriller policiaco que se estreou na TVG o 3 de outubro de 2018. Está dirixida por Miguel Conde, con guión de Ghaleb Jaber Martínez, Eligio Montero e Raquel Arias. Estreouse internacionalmente a través de Netflix o 29 de marzo de 2019, sendo a primeira serie en lingua galega distribuída pola plataforma.
Ao redor de 8.000 mulleres traballaron en Bletchley Park, o lugar principal dos criptoanalistas británicos durante a Segunda Guerra Mundial. As mulleres constituían aproximadamente o 75% do persoal. Aínda que as mulleres estaban na súa inmensa maioría subrepresentadas en traballos de alto nivel, como a criptoanálise, empregábannas en gran número en importantes traballos auxiliares, talles como: manexo de maquinaria criptográfica e de comunicacións; tradución de documentos de Axis; análise de tráfico; tarefas administrativas, e moitos máis.
A festa dos Maios, tamén coñecida simplemente como os Maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Os freixos son árbores pertencentes ao xénero Fraxinus da familia das oleáceas. Contén unhas 45-65 especies de árbores de porte mediano a grande, de folla caediza polo xeral, aínda que unhas poucas especies subtropicais teñen follas persistentes. Adoitan ocupar lugares frescos, lameiros, brañas, ribeiras.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Isabel Zendal Gómez, nada na Agrela (Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México), foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de Francisco Xavier Balmis coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende A Coruña a México e dos 26 que foron dende Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar. É considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
As fragas do Eume é un parque natural galego creado o 30 de xullo de 1997, ademais de ZEC, que abrangue 9.126 hectáreas nas beiras do río Eume. Son as fragas costeiras mellor conservadas de Europa, e un dos poucos bosques do seu tipo que quedan no continente. Esténdese polos concellos de Cabanas, A Capela, Monfero, Pontedeume e As Pontes de García Rodríguez, todos eles da provincia da Coruña, e nel residen 521 persoas[cando?] dos cinco concellos anteriormente nomeados.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social do Goberno de España desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta terceira desde marzo de 2021. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua. Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.
Rexurdimento (do verbo rexurdir formado sobre xurdir que procede do termo latino surgere 'erguer') é o nome co que se coñece o século XIX (ou a segunda metade do mesmo) na historia de Galiza e expresa unha traxectoria de recuperación non só literaria, senón tamén cultural, política e histórica. A publicación en 1863 de Cantares gallegos, obra escrita integramente en galego por Rosalía de Castro, inaugura o Rexurdimento Pleno, e as obras anteriores a esta data acostuman clasificarse como pertencentes aos precursores. A Rosalía hai que engadir a Eduardo Pondal, Valentín Lamas Carvajal e mais Manuel Curros Enríquez como os principais escritores en galego desta época.
Roberto Fidel Ernesto Sorokin Espasa, máis coñecido como Coti Sorokin ou simplemente Coti (Rosario, provincia de Santa Fe, Arxentina, 14 de xuño de 1973), é un cantante e compositor arxentino, coñecido en América Latina e España por temas como «Antes que ver el sol», «Nada fue un error» ou «Otra vez». É tamén coautor doutras cancións interpretadas por outros cantantes como «Color esperanza», interpretada por Diego Torres, ou «Andar conmigo» de Julieta Venegas.
Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos. En recoñecemento polos seus méritos artísticos, concederíalle o rei Afonso XIII en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.O seu estilo foi enérxico e nel afondou en problemas e situacións difíciles.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O DMC DeLorean é un automóbil deportivo fabricado por DeLorean Motor Company (DMC) dende 1981 ata 1982. É coñecido simplemente como o DeLorean, xa que este foi o único modelo que fabricou dita compañía. O DeLorean caracterízase pola súa carrozaría con portas de á de gaivota, paneis e capó de aceiro inoxidábel sen pintura.
A Torre de Hércules é unha torre e faro situado na península da cidade da Coruña, que ten o privilexio de ser o único faro de orixe romana en funcionamento no mundo. Está nun cabo. O 27 de xuño de 2009 foi proclamada Patrimonio da Humanidade en Sevilla pola Comisión do Patrimonio Mundial da UNESCO. Deste xeito converteuse no cuarto recoñecemento da UNESCO en Galicia xunto co Camiño de Santiago, a Muralla de Lugo e o Casco Vello de Santiago de Compostela.