Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Galería de escudos dos concellos de Galicia
Galería de imaxes dos escudos dos concellos de Galicia por orde alfabética.
Leonardo da Vinci ( Leonardo di ser Piero da Vinci ), nado en Anchiano, Toscana, (República de Florencia), preto de Vinci, o 15 de abril de 1452 e finado en Amboise (Francia) o 2 de maio de 1519, foi un artista florentino destacado polímata en diferentes eidos: pintor, arquitecto, enxeñeiro, científico, escultor, inventor, urbanista, matemático, escritor e músico icona do Renacemento italiano. Frecuentemente descrito como un arquetipo e símbolo do home do Renacemento, xenio universal, ademais de filósofo humanista cuxa curiosidade infinita só pode ser equiparable á súa capacidade inventiva, Leonardo da Vinci é considerado como un dos máis grandes pintores de tódolos tempos e, probablemente, é a persoa co maior número de coñecemento en múltiples disciplinas que xamais existiu.É máis coñecido como pintor e dúas das súas obras máis soadas son a Mona Lisa, tamén coñecida como A Gioconda, e A Última Cea, copiadas e parodiadas en múltiples ocasións, do mesmo xeito que o seu debuxo do Home de Vitruvio, que chegaría a ser retomado en numerosos traballos derivados. Porén, só se coñecen unha vintena das súas obras, debido principalmente aos seus constantes (e ás veces desastrosos) experimentos con novas técnicas e á súa inconstancia crónica.
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña
Imaxes de escudos de concellos da provincia da Coruña. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Pontevedra
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Pontevedra. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 173.732 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Ourense. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Alexandre III de Macedonia, coñecido como Alexandre o Grande ou Alexandre Magno (en grego: Μέγας Ἀλέξανδρος), nado o 21 de xullo de 356 a.C. en Pela (Reino de Macedonia) e finado o 10 ou 13 de xuño de 323 a.C. en Babilonia, foi rei de Macedonia entre o 21 de xullo de 336 a.C. e o 13 de xuño de 323 a.C. Trátase dun dos máis exitosos comandantes do mundo antigo, tanto que foi considerado por moitos o maior xenio militar da historia.
Galería de imaxes de escudos de concellos da provincia de Lugo
Imaxes de escudos de concellos da provincia de Lugo. Por orde alfabética para toda Galicia, véxase a galería de escudos dos concellos de Galicia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 1 do mundo na clasificación ATP. Gañador en 20 ocasións dun torneo de Grand Slam, igualando o récord establecido por Roger Federer. Campión de Roland Garros en 13 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019 e 2020), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2021, ano dedicado a Xela Arias, 61 autores (5 mulleres e 56 homes) foron homenaxeados nas 59 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
Ion Iliescu (nado o 3 de marzo de 1930 en Oltenita) foi presidente de Romanía dende o ano 2000 ata o 2004, sucedéndoo no cargo Traian Basescu. Iiescu previamente fora presidente de Romanía en dous períodos: 1990-1992 e 1992-1996. A Constitución Romanesa específica que os presidentes só poden ser elixidos por un máximo de dúas lexislaturas.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega, autor da letra do Himno de Galicia. Foi un dos tres grandes poetas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. En 1965 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O Corpus Christi (en latín Corpo de Cristo) é unha festa da Igrexa Católica destinada a celebrar a Eucaristía. A súa principal finalidade é proclamar e aumentar a fe da Igrexa na presenza de Xesús Cristo no Santísimo Sacramento. A celebración lévase a cabo o seguinte xoves ao oitavo domingo despois do Domingo de Resurrección (é dicir, 60 días despois dese día; formalmente é o xoves que segue ao noveno domingo seguinte á primeira lúa chea de primavera do hemisferio norte).
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Literatura galega do século XX
A literatura galega do século XX pode dividirse, grosso modo, en tres etapas: literatura de preguerra, literatura de posguerra (maioritariamente dende o exilio) e literatura dende a fin da ditadura até a fin de século.
Un libro é unha obra manuscrita, impresa ou virtual, que consta dunha serie de follas que conteñen texto ou imaxes composto por, polo menos, 48 páxinas (sen contar as capas - segundo a Unesco). Un libro pode ser, por exemplo, unha novela, un ensaio ou un libro fotográfico. A palabra libro procede do latín liber, que significa cortiza.
A dedaleira ou estraloque (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán. A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do século XVIII. Na medicina a dixitalina viuse obsoleta e no seu lugar é usada a dixitoxina, molécula sintética derivada daquela.
María de los Ángeles Alvariño González, nada en Serantes (Ferrol) o 3 de outubro de 1916 e finada en La Jolla (San Diego) o 29 de maio de 2005 e coñecida como Ángeles Alvariño, foi unha zoóloga, oceanógrafa e mestra galega que liderou o comezo a investigación oceanográfica global. Destacou por describir 22 novas especies de zooplancto mariño, o seu coñecemento dos quetógnatos e por crear novos indicadores das condicións mariñas. Comezou a súa carreira de investigación no Instituto Español de Oceanografía en Madrid e Vigo.
Cadea perpetua (en inglés: The Shawshank Redemption) é un filme estadounidense dirixido e escrito por Frank Darabont, estreado en 1994. É unha adaptación da novela de 1982 de Stephen King titulada Rita Hayworth and Shawshank Redemption. Narra a historia de Andy Dufresne (Tim Robbins), un banqueiro sentenciado a cadea perpetua na Penitenciaría Estatal de Shawshank polo asasinato da súa muller e do amante desta, malia declararse inocente do feito.
O can de palleiro é unha raza de can de tamaño medio orixinaria de Galicia. Tradicionalmente, era o can por antonomasia do agro galego e a súa función era a de can pastor e tamén de garda, mais hoxe en día hai exemplares adicados a distintas funcións, como axuda a discapacitados, cans de terapias, cans de salvamento ou en competicións deportivas como o canicross e o agility. É unha das catro razas de cans autóctonas de Galicia, xunto co guicho, o perdigueiro e o podengo galego.
Eurocopa de Fútbol Europa 2020
A Eurocopa da UEFA de 2020 será a décimo sexta edición do campionato europeo de seleccións de fútbol absolutas organizado pola UEFA. A fase final do torneo será celebrada por mor do sesenta aniversario da UEFA en varias sedes ao longo de toda Europa. Celebrarse entre o 12 de xuño e o 12 de xullo do 2020.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Natalia Altea Jiménez Sarmento, coñecida como Natalia Jiménez, nada en Madrid o 29 de decembro de 1981, é unha cantante española que iniciou a súa carreira musical a inicios da década de 2000, como vocalista do grupo La Quinta Estación. O seu primeiro disco como solista titulado co seu propio nome Natalia Jiménez saíu á venda en xuño de 2011.
As zonas horarias ou fusos horarios son cada unha das vinte e catro áreas en que se divide a Terra e que seguen a mesma definición de tempo. Anteriormente, usábase o tempo solar aparente, de forma que a hora do día diferenciábase lixeiramente dunha cidade a outra. Os fusos horarios corrixiron en parte o problema ao colocar os reloxos de cada rexión no mesmo tempo solar medio.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Alfred Molina, nado o 24 de maio de 1953 en Paddington, Londres, é un actor inglés. Coñecido polos seus papeis nos filmes Na busca da arca perdida, Prick Up Your Ears, The Man Who Knew Too Little, Spider-Man 2, Maverick, Species, Not Without My Daughter, Chocolat, Frida, Steamboy, The Hoax, Prince of Persia: The Sands of Time, The Da Vinci Code, A Panther in the Basement, An Education e The Sorcerer's Apprentice.
Xogo de armas (en inglés: War Dogs) é un filme estadounidense de 2016 dirixido por Todd Phillips e escrito por Phillips, Jason Smilovic e Stephen Chin. Está baseado nun artigo de 2011 escrito por Guy Lawson e publicado na revista Rolling Stone, así como nas memorias de 2016 escritas por Efraim Diveroli, Once a Gun Runner. Lawson escribiu posteriormente o libro de 2015, Arms and the Dudes, detallando a historia.Estreouse en galego o 5 de agosto de 2019 na TVG. Foi traducido ao galego por Rosa Moledo e o director de dobraxe foi Antón Rubal.
María Dolores de Cospedal García, nada en Madrid o 13 de decembro de 1965, é unha xurista e política española, secretaria xeral do Partido Popular e presidenta do Partido Popular de Castela-A Mancha. Foi presidenta da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha entre 2011 e 2015, e ministra de Defensa entre 2016 e 2018.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Andrea di Michele di Francesco de Cioni, máis coñecido como Andrea del Verrocchio, nado en Florencia entre 1434 e 1437 e falecido en Venecia no ano 1488, foi un escultor e pintor italiano. Foi un artista polifacético, porque ademais da escultura e a pintura, practicou a ourivaría e a música e mesmo estivo interesado nas matemáticas. O seu traballo foi influenciado polas últimas obras escultóricas de Donatello.
Jaws 3-D (estilizado en pantalla como Jaws III e nos medios de comunicación como Jaws 3) é un filme estadounidense de 1983 dirixido por Joe Alves e protagonizado por Dennis Quaid, Bess Armstrong, Lea Thompson e Louis Gossett Jr. É a continuación de Jaws 2 e o terceiro título da franquía de Jaws. Conta a historia dos fillos de Brody nun parque acuático de Florida con túneles subterráneos e lagoas.
A tese de Hockney–Falco é unha teoría da historia da arte, avanzada polo artista David Hockney e o físico Charles M. Falco. Ambos afirmaron que os avances no realismo e precisión na historia da arte occidental desde o Renacemento foron principalmente o resultado de instrumentos ópticos como a cámara escura, a cámara lucida e os espellos curvados, e non foron debidos, polo menos non unicamente, ao desenvolvemento da técnica e habilidade artísticas en poucos anos a partir do século XV. Posteriormente o uso da fotografía por parte dos artistas do século XIX xa fora ben documentado, e outros postularan o seu uso a partir do barroco final, no século XVIII. Nun libro de 2001, Secret Knowledge: Rediscovering the Lost Techniques of the Old Masters, Hockney analizou o traballo dos vellos mestres e argumentou que o nivel de precisión representado no seu traballo é imposible de recrear só "mirándoo". Desde entón, Hockney e Falco produciron unha serie de publicacións sobre evidencias positivas do uso de axudas ópticas e da verosimilitude histórica destes métodos.
As Rías Baixas son as rías galegas situadas entre a fronteira portuguesa e o cabo Fisterra. De sur a norte son: Ría de Vigo Ría de Pontevedra Ría de Arousa Ría de Muros e Noia Ría de CorcubiónEntre elas atópanse as seguintes baías e enseadas: Ría de Baiona Ría de AldánCaracterízanse polo seu tamaño, grandes en relación ó resto das rías de Galiza, e pola súa orientación transversal á costa. A súa colmatación é relativamente baixa.
Catedral de Santiago de Compostela
A catedral de Santiago de Compostela é un templo de culto católico situado na cidade de Santiago de Compostela. Acolle o que, segundo a tradición católica, é o sepulcro do Apóstolo Santiago, o cal converteu o templo nun dos principais destinos de peregrinación de Europa durante a Idade Media a través do chamado Camiño de Santiago, unha ruta iniciática na que se seguía o ronsel da Vía Láctea comunicando a Península Ibérica co resto do continente. Isto foi determinante para que os reinos medievais na península participasen nos movementos culturais da época, e segue a ser un importante destino de peregrinación.
A Idade Media foi un período histórico da civilización occidental comprendido entre o século V e o século XV. Normalmente considérase a súa extensión entre a fin do Imperio Romano do Occidente, no século V (476 d.C.), e o descubrimento de América, no século XV (1492 d.C.), ou en 1453 coa caída do Imperio Bizantino, data que coincide coa invención da imprenta (Biblia de Gutenberg) e coa fin da guerra dos Cen Anos. O adxectivo relacionado con este período é medieval (ver, por exemplo, literatura medieval, arte medieval, arquitectura medieval ou ciencia medieval). Certas sociedades non occidentais, como o Xapón, atravesaron períodos históricos "de transición" que se denominan tamén como Idade Media.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Belarús (en belaruso: Беларусь, "Biełaruś", [bʲɛlaˈrusʲ] (AFI); en ruso: Белоруссия, "Belorussia"), oficialmente a República de Belarús, é un país sen saída ao mar de Europa Oriental. Limita ao norte con Letonia, ao norte e ao leste con Rusia, ao sur con Ucraína, ao leste con Polonia e ao leste e ao norte con Lituania. A súa capital é Minsk, e outras cidades de importancia son Brest, Hrodna, Homieĺ, Mahilioŭ e Viciebsk.
Roberto Baggio, nado o 18 de febreiro de 1967 en Caldogno (Véneto), é un ex futbolista italiano, considerado un dos mellores e máis populares da década dos 1990. Coa selección italiana xogou en tres Mundiais de Fútbol e é o único futbolista do seu país que anotou en tres copas de mundo 1990, 1994 e 1998. En 1994 foi un dos mellores do torneo levando á escuadra italiana á final na que perdeu co Brasil a penaltis.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Idade Contemporánea é o nome co que se designa o período histórico que comeza no final da Revolución Francesa e dura ata hoxe en día. Comprende un total de 232 anos, entre 1789 e o presente. A humanidade experimentou unha transición demográfica, concluída para as sociedades máis avanzadas (o chamado primeiro mundo) e aínda en curso para a maior parte (os países subdesenvolvidos e os países recentemente industrializados), que levou o seu crecemento máis aló dos límites que lle impuña historicamente a natureza, conseguindo a xeneralización do consumo de todo tipo de produtos, servizos e recursos naturais que elevaron para unha gran parte dos seres humanos o seu nivel de vida dunha forma antes insospeitada, pero que agudizaron as desigualdades sociais e espaciais e deixan planteadas para o futuro próximo graves incertezas ambientais.Os acontecementos desta época víronse marcados por transformacións aceleradas na economía, a sociedade e a tecnoloxía que mereceron o nome de Revolución industrial, á vez que se destruía a sociedade preindustrial e construíase unha sociedade de clases presidida por unha burguesía que contemplou o declive dos seus antagonistas tradicionais (os privilexiados) e o nacemento e desenvolvemento dun novo (o movemento obreiro), en nome do cal expuxéronse distintas alternativas ao capitalismo.
A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño. Trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais. A larva deste insecto pasa dun a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, e razón tamén de que non sexa común en terreos urbanos.
O tricromatismo ou visión tricromática é a capacidade de ter tres canles para transmitir información de cor derivada de tres tipos diferentes de conos. Os organismos con tal capacidade chámanse tricrómatos ou tricromatas. A explicación tradicional para o tricromatismo é que a retina contén tres tipos de receptores para a cor (nos vertebrados, son os conos , cones ou células cónicas) con diferentes espectros de absorción.
Zënzar é unha banda de punk rock galega procedente de Meirama (Cerceda), e formada durante o outono do ano 1987. Son a banda con máis anos de actividade en Galiza facendo rock en galego, polo que son alcumados a miúdo como "os padriños do rock galego". O vocalista do grupo é o polifacético Xosé Bocixa.
María del Rocío Trinidad Mohedano Jurado, nada en Chipiona o 18 de setembro de 1946 e finada en Alcobendas o 1 de xuño de 2006, foi unha cantante de copla e canción español coñecida en España e Latinoamérica, máis coñecida como Rocío Jurado. Especializouse en xéneros musicais xenuinamente españois así como na balada romántica, faceta coa que alcanzou relevancia internacional. Nos seus últimos anos experimentou con ritmos hispanos e gospel.
A bandeira de Galicia actual foi creada a finais do século XIX polos galeguistas históricos do Rexurdimento e consolidada pola Xeración Nós como insignia nacional, a actual bandeira civil. Ten fondo branco e presenta unha franxa azul dende o ángulo superior esquerdo até o inferior dereito. A franxa azul posúe unha largura igual á terceira parte do alto da bandeira.
O divino sainete, subtitulado Poema en oito cantos, é unha obra de Manuel Curros Enríquez aparecida en agosto de 1888. É un longo poema de carácter satírico-burlesco ("ladrade, mordede, ride" indicará Curros referíndose a función dos versos da súa obra). Composto por 512 unidades de versos octosílabos con rima consonante, que parodia unha das obras cume da literatura occidental, A divina comedia de Dante Alighieri.
A historia de Galiza comeza co nacemento da propia Galiza, que é fixado tradicionalmente arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa. O feito de que no ano 298 d.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Community (serie de televisión)
Community é unha serie de televisión estadounidense de comedia de situación creada por Dan Harmon. A serie componse de 110 episodios en seis tempadas, as cinco primeiras emitidas a través de NBC dende o 17 de setembro de 2009 até o 17 de abril de 2014, e a tempada final emitíndose en Yahoo! Screen dende o 17 de marzo até o 2 de xuño de 2015.
Castros da provincia de Ourense
Esta é unha listaxe non exhaustiva de 383 castros existentes na provincia de Ourense por comarcas, concellos e parroquias: