Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como República Islámica de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Para o aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén véxase: Aeroporto de Granada.Federico García Lorca, nado en Fuente Vaqueros (Provincia de Granada) o 5 de xuño de 1898 e finado en Víznar (Provincia de Granada) o 18 de agosto de 1936, foi un poeta e dramaturgo andaluz, membro da Xeración do 27 e autor en lingua galega de Seis poemas galegos (1935), o poeta español máis lido de tódolos tempos. Morreu fusilado polas autoridades franquistas un mes despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 que deu pé ao inicio da Guerra civil española.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
En homeopatía a dilución homeopática (coñecida polos seus practicantes como "dinamización" ou "potenciación") é o proceso polo cal unha substancia é diluida en alcohol ou auga destilada e despois sacudida vigorosamente nun proceso denominado "sucusión". Tradicionalmente as preparacións utilizadas están extremadamente diluídas. Os sólidos insolubles, como o cuarzo ou a cuncha de ostra, son diluídos triturándoos xunto con lactosa (trituración).
Hitler só ten un collón (inglés: Hitler Has Only Got One Ball) é unha canción satírica británica cantada polo exército británico durante a Segunda Guerra Mundial. Fai burla de algúns dos máis importantes líderes nazis mediante unha sátira mordaz en referencia aos seus testículos ou máis ben á ausencia dos mesmos. Existen múltiples variantes da letra, xeralmente cantadas como estrofas de catro liñas empregando a melodía da Marcha do Coronel Bogey máis antiga, composta en 1914.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Denomínase talibán a un movemento político fundamentalista islámico afgán de carácter sunnita que gobernou a maioría do país a partir de 1996 e ata 2001, malia ter recoñecemento diplomático de soamente tres países: os Emiratos Árabes Unidos, Paquistán, e Arabia Saudita, así como do goberno -non recoñecido internacionalmente- da República chechena de Ichkeria.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Para o equipo que xogou na Liga ACB até 1996, véxase CB Zaragoza.O Basket Zaragoza 2002 S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Casademont Zaragoza é un club de baloncesto profesional español con sede na cidade de Zaragoza, Aragón. Fundado no ano 2002, xurdiu coa idea de recuperar o baloncesto de elite en Zaragoza após as dificultades que atravesaba o Club Baloncesto Zaragoza. Actualmente o club participa na Liga ACB, máxima categoría do baloncesto español.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 24 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna e unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego decimonónico, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Osama bin Mohammed bin Awad bin Laden (en árabe, أسامة بن محمد بن عوض بن لادن, ʾUsāmah bin Muḥammad bin ʿAwaḍ bin Lādin), nado o 10 de marzo de 1957 en Riad e falecido o 2 de maio de 2011 en Abbottabad (Paquistán), coñecido como Osama bin Laden, foi un multimillonario saudita considerado o fundador e a cabeza de al Qaida, unha organización terrorista islamita sunnita que está involucrada en ataques contra obxectivos civís e militares en todo o mundo. O goberno dos Estados Unidos indicou a bin Laden o planificador dos atentados do 11 de setembro de 2001. Procedía dunha rica familia saudita orixinaria do Iemen.
Gmail, coñecido como Google Mail en Alemaña, Austria e Reino Unido por problemas legais, é un servizo de correo electrónico de balde con posibilidades POP3 e IMAP proporcionado pola empresa estadounidense Google dende o 15 de abril de 2004, que captou a atención dos medios de información polas súas innovacións tecnolóxicas e mais pola súa capacidade. Dende novembro de 2012, é o servizo de correo electrónico con máis usuarios rexistrados a nivel global, superando a Outlook, propiedade de Microsoft. En 2014, Gmail superou as mil millóns de descargas en dispositivos Android.
A Lúa é o único satélite natural da Terra, visible desde esta só en parte e baixo formas distintas, chamadas fases, segundo a posición que teña respecto da Terra e o lado por onde reciba a luz do Sol. Cun diámetro de 3476 km é o quinto satélite máis grande do Sistema Solar, mentres que en canto ao tamaño proporcional respecto do seu planeta é o satélite máis grande: un cuarto do diámetro da Terra e 1/81 da súa masa. Logo de Ío, é ademais o segundo satélite máis denso.
O matrimonio (do latín: matrimonīum) é unha antiga institución social, presente en gran cantidade de culturas, que establece un vínculo conxugal entre persoas naturais, recoñecido e consolidado por medio de prácticas comunitarias e normas legais, consuetudinarias, relixiosas ou morais, que ten por fin fundamentar a fundación dun grupo familiar aínda que tamén proporcionar un marco de protección mutua ou de protección da descendencia. A unión matrimonial establece entre os cónxuxes —e en moitos casos tamén entre as familias de orixe destes— dereitos e obrigacións que varían considerablemente segundo as normas que o regulan en cada sociedade. Pode ser motivado por intereses persoais, económicos, sentimentais, de protección da familia ou como medio para obter calquera tipo de vantaxe.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte (en inglés: United Kingdom of Great Britain and Northern Ireland), ou simplemente Reino Unido (incorrectamente chamado Gran Bretaña ou Inglaterra) é un país e un estado soberano situado ao noroeste da Europa Continental. O seu territorio, con capital en Londres, está formado xeograficamente pola illa de Gran Bretaña, o nordés da illa de Irlanda e pequenas illas adxacentes. Irlanda do Norte é a única parte do Reino cunha fronteira terrestre, que a separa da República de Irlanda.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Virtual International Authority File
O Ficheiro de Autoridades Virtual Internacional, en inglés Virtual International Authority File (VIAF) é un proxecto de bibliotecas nacionais e operado polo Online Computer Library Center (OCLC) para unir os ficheiros de autoridade virtual de diversas bibliotecas.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a faixa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
Système universitaire de documentation
O système universitaire de documentation (sistema universitario de documentación) ou SUDOC é un sistema empregado por bibliotecas universitarias de Francia para identificar e manexar os documentos na súa posesión. Este catálogo contén máis de 10 millóns de referencias. A axencia responsable do seu mantemento é a Agence bibliographique de l'enseignement supérieur.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2019 tiña 97.260 habitantes (94.824 en 2010). O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O Pazo Baión é unha propiedade rústica situada na parroquia de Baión (Vilanova de Arousa), dedicada á produción de viño albariño. O recinto componse de plantacións desta variedade de uva, o pazo que lle dá nome á propiedade, un edificio adicado ás tarefas agropecuarias e un almacén, todos eles de pedra. Pazo Baión acadou gran sona por ser a propiedade emblemática do narcotraficante Laureano Oubiña, sendo tamén un símbolo da loita contra o narcotráfico.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou á maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente a máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O Ficheiro Integrado de Autoridades (alemán: Gemeinsame Normdatei) ou GND é un ficheiro de autoridades internacional para a organización de nomes persoais, títulos temáticos e entidades corporativas para catálogos. Emprégase principalmente para a documentación en bibliotecas e en museos e arquivos. A entidade responsable do GND é a Biblioteca Nacional Alemá, en cooperación con diversas redes de bibliotecas rexionais na Europa de fala alemá.
O merlo, melro ou merliño (do latín merulu) é a designación común da especie Turdus merula de aves paseriformes pertencentes á familia Turdidae. Os merlos presentan forte dimorfismo sexual, sendo o macho negro, con peteiro brillante amarelo-alaranxado e un círculo arredor dos ollos. A femia e os poliños teñen dorso negro, ventre pardo-escuro con manchas pardo-claras, e a garganta e a parte superior do peito pardas con manchas abrancazadas.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Library of Congress Control Number
O Library of Congress Control Number (LCCN) é un sistema baseado en números de serie para numerar os rexistros de catálogo da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos. Este sistema de numeración están en uso dende 1898. Non ten relación algunha cos contidos dos libros e non debe confundirse coa Library of Congress Classification (LCC).
Seis poemas galegos é un poemario do poeta e dramaturgo español Federico García Lorca (1898–1936), unha escolma de seis poemas en galego, unha homenaxe á paisaxe e a lingua de Galicia. Escritos entre 1932 e 1934, foron publicados en 1935 en Santiago de Compostela pola Editorial Nós (fundada en 1927 por Ánxel Casal), edición príncipe prologada en castelán por Eduardo Blanco Amor. Admirador de Rosalía de Castro, de Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez, así como dos poetas medievais galegos Martín Codax e Mendinho, e dos portugueses Luís de Camões ou Gil Vicente, os poemas xorden por mor das viaxes realizadas por Lorca a Galicia dende 1931.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 174.908 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Francia ( pronunciación ) (en francés: France, [ˈfræns] (AFI), escoitar), oficialmente República Francesa ( pronunciación ) (en francés: République française, [ʁepyblik fʁɑ̃sɛz] (AFI)) é un estado membro da Unión Europea, con capital en París, que se estende sobre unha superficie total de 675 417 km², incluíndo Francia metropolitana e os territorios de ultramar espallados nos cinco continentes. Conta cunha poboación de 64,9 millóns de habitantes.Constituído en estado democrático de dereito, a súa forma de goberno esta organizada como república semipresidencialista, co nome oficial de República Francesa (République française) e o lema Liberté, Égalité, Fraternité (Liberdade, Igualdade, Fraternidade). O territorio de Francia esténdese por diversas rexións do mundo situándose a súa parte metropolitana (refírese ao territorio continental de Francia máis a illa de Córsega, a parte continental chámase popularmente l'Hexagone (o Hexágono) pola súa similitude con esta forma xeométrica), en Europa Occidental, onde limita ao sur co mar Mediterráneo, Mónaco (4,4 km), España (623 km) e Andorra (56,6 km); ao oeste co golfo de Biscaia e o océano Atlántico; ao norte coa canle da Mancha (que separa o continente das Illas británicas), o mar do Norte e Bélxica (620 km) e ao leste, con Luxemburgo (73 km), Alemaña (451 km), Suíza (573 km) e Italia (488 km).
Luis Rosales Camacho, nado en Granada o 31 de maio de 1910 e finado en Madrid o 24 de outubro de 1992, foi un poeta e ensaísta español da xeración de 1936. Membro da Real Academia Española e da Hispanic Society of America desde 1962, obtivo o Premio Cervantes en 1982 polo conxunto da súa obra literaria.
Acabadora (en italiano: Accabadora) é unha novela escrita por Michela Murgia e publicada orixinalmente en lingua italiana en maio de 2009 pola editorial Einaudi. En maio de 2010, a novela foi premiada co SuperMondello, o recoñecemento máis importante do premio Mondello e, en setembro dese mesmo ano, co premio Campiello.Foi traducida ó galego por Moisés Barcia Rodríguez e foi publicada pola editorial Rinoceronte Editora no ano 2018.
A melatonina, tamén coñecida quimicamente como N-acetil-5-metoxitriptamina, é un composto natural con actividade hormonal que se encontra en animais, plantas, e microorganismos. Nos animais os niveis circulantes da hormona melatonina varían nun ciclo diario, o que lle permite influír nos ritmos circadianos de diversas funcións biolóxicas.Moitos dos efectos biolóxicos da melatonina prodúcense por medio da activación do receptor da melatonina, pero outros débense ao seu papel como antioxidante potente, cunha influencia especial na protección do ADN nuclear e mitocondrial.Nos mamíferos a melatonina sintetízase por unha ruta de catro pasos encimáticos a partir do aminoácido esencial da dieta triptófano, na que se produce serotonina no segundo paso. A melatonina segrégase ao sangue pola glándula pineal do cerebro.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val do Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Unha parroquia civil é unha división administrativa recoñecida en Galicia como entidade colectiva de poboación inferior ao concello. Segundo o IGE, en Galicia hai 3.771 parroquias civís, que teñen a súa orixe nas parroquias eclesiásticas galegas. Nesta páxina aparecen listadas as parroquias de Galicia.
Cabul, Kabul ou Kābul (persa: کابل Kâb'l',), é a capital e a meirande cidade de Afganistán, cunha poboación de 3 120 963 habitantes (2006). Destes habitantes, un 45% son taxicos, un 25% paxto, e 25% hazara. Capital da provincia de Cabul, é un centro económico e cultural situado estratexicamente nun estreito val que rodea ao río Cabul, na parte alta das montañas antes do paso Khyber, a unha altitude media de 1765 metros.
Londres (en inglés: London, [ˈlʌndən] (AFI), escoitar) é a capital e cidade máis poboada de Inglaterra e do Reino Unido; atópase ás beiras do río Támese na illa de Gran Bretaña. No ano 2015 tiña unha poboación estimada de 8,31 millóns de habitantes na división administrativa do Gran Londres, composta por 32 distritos municipais (boroughs) e mais pola Cidade de Londres propiamente dita (City of London), nunha área de 1579 km². A súa área metropolitana ten preto de 17,1 millóns de habitantes.Ten a súa orixe na cidade romana de Londinium, capital da rexión administrativa romana de Britannia.
Unha definición é unha proposición (ou conxunto de proposicións) mediante a cal trata de expor de maneira unívoca e con precisión a comprensión dun concepto ou termo ou dicción ou –se consta de dous ou máis palabras– dunha expresión ou locución. Unha definición é unha descrición dun complexo de estado de cousas ou obxectos, circunstancias ou abstraccións que permanecen unidas por medio dun establecemento da zona de validez. Desde un punto de vista lóxico, unha "definición" ben construída debería ser unha "determinación ou delimitación conceptual do que é esencial nun ente, que non supón necesariamente comprobación empírica.
Albacete é unha cidade española situada ao sueste da Meseta Central, concretamente na rexión histórica da Mancha, aínda que actualmente situada dentro da comarca dos Llanos de Albacete, da que é o seu único municipio. É a capital da provincia de Albacete, pertencente á comunidade autónoma de Castela-A Mancha, e sede do Tribunal Superior de Xustiza de devandita comunidade autónoma. Albacete, cos seus 166.909 habitantes (212.599 no área de atracción metropolitana), segundo datos do INE de 2008, é a maior cidade en número de habitantes de toda Castela-A Mancha.
Invasión soviética de Afganistán
A invasión soviética de Afganistán durou nove anos, dende decembro de 1979 ata febreiro de 1989. Foi parte da guerra fría e librouse entre as forzas lideradas polos soviéticos e as forzas afgás contra grupos de insurxentes de varias nacionalidades chamados muxahidíns. Os insurxentes recibiron formación militar nas veciñas Paquistán e China, ademais de millóns de dólares de Estados Unidos, Reino Unido, Arabia Saudita, e outros países.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente euroasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.As fronteiras de Europa e a súa poboación son obxecto de controversia, xa que o termo continente pode referirse a un ben cultural e político ou a distincións fisiográficas.
Everis Spain, S.L. é unha compañía multinacional con sede en Madrid, especializada na consultoría de aplicacións tecnolóxicas. A consultora abarca os sectores de telecomunicacións, entidades financeiras, Industria, Utilities & Enerxía, Banca, Seguros e Administracións Públicas. Everis conta con máis de 6.000 empregados e ten oficinas en España, Portugal, Italia, Brasil, Arxentina, México, Chile e Colombia.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
2021 (MMXXI) é o ano actual do calendario gregoriano comezado en venres. En 2021 espérase que se celebren eventos orixinariamente previstos para 2020 incluídos o Festival de Eurovisión, a Eurocopa de Fútbol, os Xogos Olímpicos e a Expo 2020, que foron pospostos ou cancelados debido á pandemia da COVID-19.As Nacións Unidas declararon o 2021 como Ano Internacional da Paz e da Confianza, Ano Internacional da Economía Creativa para o Desenvolvemento Sustentable, Ano Internacional das Froitas e as Verduras, e Ano Internacional para a Eliminación do Traballo Infantil.
O monte Siradella, con 166 metros é o punto máis alto da península do Grove desde onde se domina coa vista a praia da Lanzada e todo o concello, xunto co Complexo Intermareal existente na zona. No alto do monte sitúase un Centro de Interpretación da Natureza. No cumio, o miradoiro da Siradella, cunha plataforma sobre a pedra de numerosos penedos desgastados entre o que destaca a coñecida como "Pedra Cabaleira" Nas inmediacións atópase un antigo castro fortificado.
O islam (en árabe: الإسلام, al-Islām ) ou islamismo é unha relixión monoteísta abrahámica cuxo dogma baséase no libro do Corán, o cal establece como premisa fundamental para os seus crentes que «Non hai máis deus que Alá e que Mahoma é o último mensaxeiro de Alá». A palabra árabe Allah, galeguizada como Alá, significa Deus e a súa etimoloxía é a mesma da palabra semítica El (אל), coa que se nomea a Deus na Biblia. Os eruditos islámicos definen ao islam como: «A submisión a Deus o Altísimo a través do monoteísmo, a obediencia e o abandono da idolatría».
Mahoma (en árabe: محمّد - Muḥammad) ou Abū al-Qāsim Muḥammad ibn ʿAbd Allāh ibn ʿAbd al-Muṭṭalib ibn Hāshim, nado o 26 de abril do 569/570 na Meca e finado o 8 de xuño do 632 en Medina (ambas as dúas cidades fican na actual Arabia Saudita), foi un líder relixioso, político e militar árabe. Fundou o islam, relixión na que é considerado o maior profeta do Deus de Abraham. Aos 40 anos de idade, segundo a tradición do islamismo, foille confiada por Deus (a través do Arcanxo Gabriel) a mensaxe do islam na forma do Corán.
O Kunsthistorisches Museum (Museo de Historia da Arte) de Viena (Austria) é un dos primeiros museos de belas artes e artes decorativas do mundo. O termo Kunsthistorisches Museum aplícase tanto á institución como ao seu edificio principal. Inaugurouse en 1891 ao mesmo tempo que o Naturhistorisches Museum polo emperador Francisco Xosé I de Austria-Hungría.