Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Osama bin Mohammed bin Awad bin Laden (en árabe, أسامة بن محمد بن عوض بن لادن, ʾUsāmah bin Muḥammad bin ʿAwaḍ bin Lādin), nado o 10 de marzo de 1957 en Riad e falecido o 2 de maio de 2011 en Abbottabad (Paquistán), coñecido como Osama bin Laden, foi un multimillonario saudita considerado o fundador e a cabeza de al Qaida, unha organización terrorista islamita sunnita que está involucrada en ataques contra obxectivos civís e militares en todo o mundo. O goberno dos Estados Unidos indicou a bin Laden o planificador dos atentados do 11 de setembro de 2001. Procedía dunha rica familia saudita orixinaria do Iemen.
Atentados do 11 de setembro de 2001
Os atentados do 11-S ou ataques do 11S foron unha serie de ataques suicidas coordinados, realizados nos Estados Unidos o 11 de setembro de 2001. Segundo o Informe oficial, 19 terroristas pertencentes á organización Al Qaida, dirixida por Osama bin Laden, secuestraron catro avións comerciais, e fixeron chocar dous avións coas Torres xemelgas do World Trade Center en Manhattan, Nova York; pouco despois as dúas torres viñéronse abaixo. O terceiro avión chocou contra o Pentágono, cuartel xeral de defensa dos Estados Unidos, en Arlington, Virxinia.
Punto de control do ciclo celular
Os puntos de control do ciclo celular (ou checkpoints do ciclo celular) son mecanismos de control do ciclo celular das células eucariotas que aseguran que este progrese adecuadamente. Cada punto de control serve como un posible punto de terminación situado en determinados momentos do ciclo celular, no cal se avalían as condicións da célula, e a progresión á seguinte fase do ciclo só ocorre cando as condicións son favorables. Hai moitos puntos de control no ciclo celular, pero os tres principais son: o punto de control G1, tamén coñecido como o Arranque ou punto de control de restrición ou punto de control maior; o punto de control G2/M; e a transición metafase-anafase, tamén coñecida como punto de control do fuso.
Amancio Ortega Gaona, nado en Busdongo de Arbas, municipio de Villamanín (León) o 28 de marzo de 1936, é un empresario galego da moda, creador de Zara. Como presidente de Inditex, é a persoa máis rica de Galiza e España, a 2ª de Europa e a 7ª do mundo segundo a revista Forbes en 2011, cunha fortuna calculada de 31.000 millóns de dólares. En 2017, calculouse a súa fortuna en 72 700 millóns de dólares, e levaba varios anos entre os cinco homes máis ricos do mundo.
Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid
Os Atentados do 11-M ou Atentados do 11M, coñecidos tamén como 11M, foron unha serie de ataques terroristas en catro trens da rede ferroviaria de Madrid levados a cabo por unha célula terrorista de tipo xihadista, tal e como revelou a posterior investigación policial, sentenciou a Audiencia Nacional e reiterou o Tribunal Supremo. Faleceron 193 persoas e arredor de dúas mil resultaron feridas.Entre as 07:36 e as 07:40 (CET) do 11 de marzo de 2004, en hora punta, producíronse dez explosións case de xeito simultáneo en catro trens de Madrid. Máis tarde, e logo dun intento de desactivación, a policía detonou de forma controlada dous artefactos que non chegaron a estoupar.
Salvador Guillermo Allende Gossens, nado en Santiago o 26 de xuño de 1908 e finado na mesma cidade o 11 de setembro de 1973, foi un político chileno, presidente do seu país entre 1970 e 1973, cando foi derrocado por un golpe de estado, apoiado pola CIA e os Estados Unidos de América, que acabou coa súa vida. Non alcanzou a completar o seu goberno, que proseguía até 1976, debido ó Golpe de Estado de 1973 que o derrocou e implantou o Réxime Militar en Chile. A súa morte ocorreu durante o asalto ó Palacio de la Moneda, no que faleceu.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O pexego é o froito do pexegueiro (Prunus persica), da familia Rosaceae. Contén unha única e gran semente cuberta por unha casca dura, dentro dunha froita, de pel de veludo, que posúe unha carne que pode tirar a branco, amarelo, laranxa e incluso algo colorado; presenta un sabor doce e despide un delicado aroma. Os pexegos, xunto coas cereixas, ameixas e albaricoques, son froitas de carabuña.
World Trade Center (1973–2001)
O World Trade Center (en galego: Centro Mundial de Comercio) foi un complexo de varios edificios no Lower Manhattan, na cidade de Nova York, Estados Unidos, sendo os dous máis altos coñecidos como Torres Xemelgas (en inglés: Twin Towers). Foron deseñadas polo arquitecto estadounidense de orixe xaponesa Minoru Yamasaki e por Leslie Robertson. O World Trade Center orixinal era un complexo de sete edificios.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega, unha enciclopedia en liña, de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Botou a andar o 8 de marzo de 2003 e ten agora mesmo 176.111 artigos, superando os 100 000 o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario. A comezos do ano 2013 usábanse xa 101 305 imaxes distintas.Para unha relación cronolóxica dos acontecementos da Galipedia pode consultarse o apartado Actualidade.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Fronda (equivalente ao galego tirafonda ou fonda) é o nome que recibiron a serie de rebelións e guerras civís que tiveron lugar no Reino de Francia entre 1648 e 1653. A Fronda tivo lugar no contexto da guerra franco-española (1635–1659) e dos conflitos de Francia contra a casa de Habsburgo que esgotaron as reservas económicas de Francia, e da debilidade da monarquía durante a minoría de idade de Luís XIV, durante a que rexeu o país Ana de Austria, quen delegou o goberno no cardeal Mazarino. A Fronda adoita dividirse en dúas etapas: a Fronda dos Parlamentos (1648–1649), na que o parlamento e os pares de París, a mesma cidade e parte dos cidadáns se rebelaron contra a suba dos impostos e esixiron ter maior control sobre os decretos reais, e a Fronda dos Príncipes (1650–1652) na que os chamados príncipes de sangue (membros da liñaxe real francesa) tentaron aumentar a súa influencia nos asuntos do estado limitar os poderes do monarca e expulsar do poder ao cardeal Mazarino.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
En electromagnetismo, o diamagnetismo é unha propiedade dos materiais que consiste en repeler os campos magnéticos. É o oposto aos materiais paramagnéticos os cales son atraídos polos campos magnéticos. O fenómeno do diamagnetismo foi descuberto por Sebald Justinus Brugmans que observou en 1778 que o bismuto e o antimonio foron repelidos polos campos magnéticos.
Ricardo Carballo Calero (desde 1981 asinou como Ricardo Carvalho Calero), nado en Ferrol o 30 de outubro de 1910 e finado en Santiago de Compostela o 25 de marzo de 1990, foi un historiador da literatura, crítico literario, filólogo, lingüista e escritor galego. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos e do Partido Galeguista, o primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela, numerario da Real Academia Galega e membro de honra da Associaçom Galega da Língua. Autor dunha extensa obra, está considerado o ideólogo do reintegracionismo lingüístico, postura que defende que a lingua galega é unha variedade da lingua portuguesa ou, no ámbito científico, do galego-portugués.
Jean-Paul Belmondo, nado en Neuilly-sur-Seine (departamento dos Altos do Sena) o 9 de abril de 1933, e finado en París o 6 de setembro de 2021, foi un actor francés de cine e teatro. Os seus maiores éxitos foron acadados moi cedo no cine. O seu pai foi o escultor parisiense (aínda que de orixe siciliana) Paul Belmondo (1898-1982).
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como República Islámica de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Isabel Rodríguez García, nada en Abenójar, provincia de Cidade Real, o 5 de xuño de 1981, é unha avogada e política española, deputada no Congreso dos Deputados polo PSOE e que dende xullo de 2017, presidiu a Comisión de Xustiza. En xullo de 2021, foi nomeada ministra de Política Territorial por Pedro Sánchez e, tamén, voceira do seu goberno.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Lista de presidentes da República Portuguesa
O presidente é o xefe de estado de Portugal. Segundo a constitución de 1976, el é elixido para un mandato de 5 cunha única posibilidade de reelección. Esta é a lista dos presidentes de Portugal despois de 1910.
Celso Emilio Ferreiro Míguez, nado en Celanova na rúa Enriba o 4 de xaneiro de 1912 e finado en Vigo o 30 de agosto de 1979, foi un escritor e político galeguista. Máximo expoñente da poesía social en lingua galega, a súa obra Longa noite de pedra é un dos libros chave para entender a literatura galega contemporánea e unha referencia obrigada de toda unha xeración de autores e lectores. É considerado o máximo expoñente da Xeración do 36 e unha das figuras máis salientables da literatura galega do século XX. Foille dedicado o Día das Letras Galegas de 1989.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2002 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente milita no Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Un bufo é calquera das máis de 200 especies de aves de rapina nocturna solitaria da orde dos Strigiformes. Os bufos xeralmente cazan pequenos mamíferos, insectos e outras aves, aínda que algunhas especies especialízanse na caza de peixes. Están distribuídos por todos os continentes, excepto na Antártida e a maior parte de Groenlandia, e nalgunhas illas remotas.
O Gran Premio de Italia de 2021 (coñecido oficialmente como o XCI Gran Premio Heineken d'Italia 2021) foi unha carreira de Fórmula Un, que celebrouse o 12 de setembro de 2021 no Autodromo Nazionale Monza en Monza, Italia. Foi a décimo cuarta carreira do campionato de 2021 e o segundo Gran Premio en Italia da tempada, despois do Gran Premio da Emilia-Romaña o 18 de abril. o noventa e un Gran Premio de Italia e o septuaxésimo primeiro Gran Premio de Italia celebrado en Monza.
Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana, así como esposa do muralista Diego Rivera. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena, e polos feministas pola súa comprometida representación da forma e da experiencia feminina.
A fisioterapia é unha disciplina das ciencias da saúde que ofrece unha alternativa terapéutica non farmacolóxica para diagnosticar, previr e tratar síntomas de múltiplas doencias, tanto agudas como crónicas, por medio do exercicio terapéutico mediante a calor, o frío, a luz, a auga, a electricidade e técnicas manuais.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
La casa de papel é unha serie española creada por Álex Pina e producida por Atresmedia en colaboración con Vancouver Media para a súa emisión en Antena 3. Protagonizada por Úrsula Corberó, Itziar Ituño e Álvaro Morte, entre outros, presentouse no III FesTVal de televisión de primavera en Burgos en marzo de 2017. Estreouse o 2 de maio de 2017 e acabou o 23 de novembro do mesmo ano, cun total de 15 capítulos.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A Copa España (tamén chamada Concurso España) foi un torneo futbolístico por eliminación directa organizado pola Real Federación Española de Clubs de Foot-ball —antecesora da Real Federación Española de Fútbol— no que se permitía a participación de xogadores estranxeiros, os cales foran previamente excluídos do Campionato de España a causa de disputas xurdidas entre os clubs durante o torneo de 1911. Só se disputou unha edición en 1912 e o gañador foi o Deportivo da Coruña. En 1913, a Real Unión Española de Clubs de Foot-ball —unha escisión da Federación Española de Clubs de Foot-ball— organizou un torneo análogo, do que non se chegaría a disputar a fase final.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, actual presidente da Xunta de Galicia. É tamén o presidente do Partido Popular de Galicia, que resultou o máis votado nas eleccións autonómicas de 2009, acadando a maioría absoluta, e o Parlamento de Galicia elixiuno para ser presidente da Xunta, tomando posesión o 18 de abril dese mesmo ano. Revalidou o cargo nas eleccións de 2012 e nas de 2016.
Os bugallos ou bugallas, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa das árbores fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos. A definición anterior sería, realmente, aplicable só ós bugallos máis comúns e coñecidos, pero cómpre advertir que non sempre son producidos por avespas senón que en ocasións se deben a outros insectos; que non se presentan só nos carballos senón que outras moitas plantas, arbóreas ou non, poden sufrir esta parasitación; e que a causa non sempre a resposta a unha posta de ovos, senón que poden deberse a un ataque do insecto en busca de alimentos. En calquera caso, trátase sempre dunha reacción defensiva da planta que dá lugar a unha estrutura anormal dos tecidos vexetais (o que a diferencia da resposta a insectos fitófagos e escavadores).
Unha definición é unha proposición (ou conxunto de proposicións) mediante a cal trata de expor de maneira unívoca e con precisión a comprensión dun concepto ou termo ou dicción ou –se consta de dous ou máis palabras– dunha expresión ou locución. Unha definición é unha descrición dun complexo de estado de cousas ou obxectos, circunstancias ou abstraccións que permanecen unidas por medio dun establecemento da zona de validez. Desde un punto de vista lóxico, unha "definición" ben construída debería ser unha "determinación ou delimitación conceptual do que é esencial nun ente, que non supón necesariamente comprobación empírica.
A guerra fría foi un conflito semibélico, que enfrontou durante a segunda metade do século XX dous bloques antagónicos ideoloxicamente nunha guerra sen conflito directo pero con conflitos indirectos no que os dous bandos prestaban axuda ós diferentes continxentes, e con guerras de influencia e económicas. Durou do 1948 co Golpe de Praga ata 1991 coa disolución da Unión Soviética.
O terrorismo é unha sucesión de actos de violencia que se caracteriza por inducir terror na poboación civil de forma premeditada. Dentro dos comportamentos forzados pola ameaza do terrorismo en devandita poboación civil inclúense a aceptación de condicións de moi diversa índole: políticas, económicas, lingüísticas, de soberanía, relixiosas etc. Cando este tipo de estratexias é utilizado por gobernos oficialmente constituídos, denomínase terrorismo de Estado.
Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas.
Santa María de Fumaces e A Trepa é unha parroquia do concello de Riós na comarca de Verín da provincia de Ourense. Segundo o IGE en 2014 tiña 248 habitantes (115 homes e 133 mulleres) distribuídos en 3 entidades de poboación. Ata 1951 formou parte da parroquia eclesiástica de Fumaces e A Trepa que estaba formada polos 3 lugares desta parroquia civil, máis o único lugar da parroquia homónima do concello de Vilardevós.
Tréveris (en alemán, Trier), é unha cidade de Renania-Palatinado, Alemaña, situada ás beiras do río Mosela, a apenas 15 km da fronteira con Luxemburgo. Cidade natal de Karl Marx (5 de maio de 1818), cuxa residencia familiar é hoxe un museo, e Santo Ambrosio de Milán (340), Trier tamén está orgullosa da súa rica herdanza arquitectónica xa que é considerada a cidade máis antiga de Alemaña, e é con certeza a sede episcopal máis antiga de todo o territorio alemán. En 1986 foi declarada cidade patrimonio da humanidade pola UNESCO. Está localizada no estado da Renania-Palatinado.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno. Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980.
Lista de presidentes dos Estados Unidos de América
O Presidente dos Estados Unidos é o xefe de Estado dos Estados Unidos de América. Baixo a Constitución estadounidense, o Presidente é tamén o xefe do Goberno Federal dos Estados Unidos e o comandante en xefe das Forzas Armadas dos Estados Unidos de América Os poderes do Presidente dos Estados Unidos son amplos. Ademais de ser a cabeza do poder executivo do goberno federal, que inclúe ó redor de 4 millóns de funcionarios, entre elas un millón de persoal militar en servizo activo, ten importantes funcións nas áreas lexislativa e xudicial.
A síndrome de inmunodeficiencia adquirida ou SIDA (ás veces sida) é a fase final da infección polo virus da inmunodeficiencia humana, polo que o proceso infeccioso completo se chama infección por VIH/SIDA ou VIH/SIDA (en inglés HIV/AIDS). Trátase dunha enfermidade do sistema inmunitario humano causada pola infección polo virus da inmunodeficiencia humana (VIH) na cal o sistema inmunitario perde a capacidade de loitar contra as infeccións. O virus ataca principalmente as células T CD4+ do sistema inmunitario (un tipo de glóbulo branco do sangue que activa e regula o sistema inmunitario).
Os anglos foron un pobo xermánico que no século V invadiu e emigrou a Gran Bretaña, xunto cos xutos e os saxóns, moi relacionados étnica e lingüisticamente con estes últimos. Os anglos vivían no que hoxe é o norte de Alemaña, entre o río Rhin e o Elba e en parte do istmo de Xutlandia, en Schlewing. A súa lingua é unha das bases do inglés xunto coa antiga lingua saxoa, sendo moi semellante a esta.
Lista de episodios de O detective Conan
Esta é unha lista dos episodios de O detective Conan emitidos ata o de agora na Televisión de Galicia. No Xapón xa se produciron máis de 900 episodios. A serie emitiuse na TVG durante os anos 2006 e 2008, que estreou novos episodios diarios con certos paróns de descanso e chegou ata os 300 dobrados.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
O Club Baloncesto Breogán S.A.D., coñecido por motivos de patrocinio como Río Breogán, é un club de baloncesto profesional da cidade de Lugo (Galicia). Fundado en 1966 polos irmáns Juan e José Ramón Varela Portas, ascendeu por primeira vez á máxima categoría en 1970, converténdose nun dos equipos máis importantes da historia do baloncesto estatal, ocupando a novena posición na clasificación histórica de clubs. Con participacións en competicións europeas, actualmente compite na Liga ACB, competición da que é un dos equipos fundadores, tras ascender en 2021 desde a Liga LEB. Os seus xogadores visten un uniforme que consiste nunha camiseta cor celeste cun pantalón da mesma cor, aínda que nalgunhas tempadas este foi branco ou azul mariño.
Astérix é o personaxe principal da banda deseñada do mesmo nome, creado en 1959 polos franceses René Goscinny (guionista) e Albert Uderzo (debuxante). Na serie de títulos correspondente, desenvólvese unha visión moi particular e cómica da antiga Galia (Francia no Imperio Romano) na que unha pequena aldea gala loita de diversos xeitos e en diversos lugares contra un invasor presentado como parvo. Para gañaren as pelexas cos romanos, os galos toman unha poción máxica que lles proporciona unha forza sobrehumana.
San Miguel de Buciños é unha parroquia que se localiza no concello de Carballedo da comarca de Chantada. Segundo o INE en 2016 tiña 163 habitantes (82 mulleres e 81 homes), distribuídos en 18 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 237 habitantes. En 2018 baixou a 156 (80 mulleres e 76 homes), en 2020, 115, 81 mulleres e 74 homes.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2021
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2021 será a 72ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Equipos e pilotos competirán polo Campionato do Mundo de Pilotos e polo Campionato do Mundo de Construtores. Pilotos e equipos competirán polos títulos de Campión do Mundo de Pilotos e Campión do Mundo de Construtores respectivamente.
O Estado de Israel (hebreo: מדינת ישראל, transliteración: Medinat Yisra'el; Árabe: دولة اسرائيل, transliteración: Daulat Isra'il) é un país no Oriente Medio (oeste de Asia, no chamado 'crecente fértil'), situado na costa oriental do mar Mediterráneo. É unha democracia parlamentaria e legalmente un estado xudeu. Fai fronteira co Líbano ao norte, con Siria ao nordeste, con Xordania e Cisxordania ao leste, con Exipto e a faixa de Gaza ao suroeste, e co golfo de Aqaba (no mar Vermello) ao sur.
Alaior é un concello español situado na illa de Menorca, nas Illas Baleares. Esténdese por unha área de 110 km² onde no ano 2020 vivían 9 467 habitantes, sendo o terceiro concello máis poboado da illa. As súas principais actividades son o turismo, a industria de calzado, os queixos e os materiais de construción.
A comarca do Ribeiro é unha comarca galega situada na provincia de Ourense no curso medio do río Miño, que a percorre de nordeste a suroeste. A súa capital é Ribadavia, e a ela pertencen os concellos da Arnoia, Avión, Beade, Carballeda de Avia, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Melón e Ribadavia. Dálle nome ao viño do Ribeiro.