Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas.
Gigliola Cinquetti, nada en Verona o 20 de decembro de 1947, é unha cantante e presentadora de televisión italiana. Debutou ao dezaseis anos no Festival de San Remo de 1964, xunto con Patricia Carli, gañando o concurso coa canción Non ho l'età (per amarti). Dous meses despois vence en Copenhaguen, coa mesma canción, no Festival da Canción de Eurovisión.
Inglaterra (en inglés: England) é unha das nacións constituíntes do Reino Unido. Historicamente dominante, ocupa a metade sur da illa da Gran Bretaña, agás unha parte no oeste, correspondente ao País de Gales. Limita ao norte con Escocia, ao leste co Mar do Norte, ao sur co Canal da Mancha e ao oeste co Océano Atlántico, Gales e o Mar de Irlanda.
MediaWiki é un motor para wikis baixo licenza GPL, programado en PHP usando MySQL sobre Apache. Malia ser creado e desenvolvido para a Wikipedia e os outros proxectos da fundación Wikimedia, tivo unha grande expansión a partir de 2005, existindo gran número de wikis baseadas neste software que nada teñen que ver con dita fundación. A maioría deles dedícanse á documentación de software ou a temas especializados.
A escultura (do latín sculptūra) é unha das belas artes que representa imaxes plásticas de relevancia total ou parcial. Existen varias técnicas de traballar os materiais para a creación dun obxecto. A diferenza da pintura, a cal se crea nun plano -un espazo ficticio de dúas dimensións-, a escultura é unha forma de expresión artística en tres dimensións o vulto redondo, ou de relevo, altorrelevo ou baixorrelevo, todo empregando o espazo real.
O I Festival da Canción de Eurovisión tivo lugar o 24 de maio de 1956 no Teatro Kursaal de Lugano, Suíza. O presentador foi Lohengrin Filipello, e a ganadora foi a canción "Refrain" de Lys Assia, representante do país anfitrión. O primeiro festival, dunha hora e corenta minutos de duración, foi principalmente un programa radiofónico, aínda que houbo cámaras no estudo para aqueles poucos cidadáns europeos que posuían un televisor.
A coroa dinamarquesa (en dinamarqués: Danks krone, en feroés: Donsk króna, en groenlandés: Danskinut koruuni) é a moeda oficial de Dinamarca, xunto cos territorios dependentes de Groenlandia e as Illas Feroe. A coroa atópase dividida en 100 øre e o seu código ISO 4217 é DKK. Normalmente abréviase como kr.
O suxi (鮨, 鮓, 寿司 ou 壽司) é unha preparación culinaria de orixe xaponesa elaborada a base de arroz cocido adubado con vinagre de arroz, azucre e sal, con peixe cru ou verduras, xeralmente envoltos nunha folla de nori. Este prato é un dos máis recoñecidos da gastronomía xaponesa e un dos máis populares internacionalmente. Aínda que normalmente se asocia o suxi co peixe e o marisco, tamén pode levar verduras ou ovo.
Un decreto é un tipo de acto administrativo emanado habitualmente do poder executivo e que, xeralmente, posúe un contido normativo regulamentario, polo que o seu rango é xerarquicamente inferior ás leis. Esta regra xeral ten as súas excepcións en case todas as lexislacións, normalmente para situacións de urxente necesidade, e algunhas outras especificamente taxadas.
Nos pobos zapotecas do val central de Oaxaca, México, chámanse muxe' ou mushe ás persoas que aparentan ser predominantemente homes pero exhiben certas características femininas. Os muxe' desempeñan un rol sexual correspondente a un terceiro xénero, que estaría a medio camiño entre o rol masculino e o feminino e con características de cada un deles. Nas actuais poboacións zapotecas pódense encontrar aínda vestixios da tolerancia e da aceptación que os muxes recibían antes da conquista, se ben agora a homosexualidade nesta rexión está tan estigmatizada como noutras partes do país.
A replicación do ADN é o proceso de producir dúas réplicas idénticas a partir dunha molécula orixinal de ADN. Este proceso biolóxico ocorre en todos os organismos vivos e é a base da herdanza biolóxica. Na replicación interveñen moitos encimas. O ADN está constituído por dúas febras e cada febra da molécula de ADN orixinal serve como molde para a produción da febra complementaria, un proceso denominado replicación semiconservadora (ou semiconservativa), polo cal cada molécula replicada conserva unha febra orixinal e leva unha febra sintetizada nova.
O dólar neozelandés (en inglés New Zealand dollar ou, simplemente, dollar) é a moeda oficial de Nova Zelandia e os seus territorios dependentes (as Illas Cook, Niue e Tokelau), así como da colonia británica das Illas Pitcairn. Decotío abreviase $, ou NZ$ para diferencialo do dólar estadounidense e doutros tipos de dólares. O código ISO 4217 é NZD. Subdivídese en 100 cents.
Cidadán Kane (EUA, 1941, Citizen Kane no seu orixinal inglés) é o primeiro filme realizado directamente para cinema, de Orson Welles, quen o dirixe e o interpreta, e é considerado por grande parte dos espectadores e da crítica especializada como unha das obras mestras da historia do cinema e posibelmente o máis influente na historia do cinema. Welles dirixiu dúas curtametraxes antes de Cidadán Kane, pero para seren utilizadas en montaxes teatrais. Pénsase que Cidadán Kane está baseada nas vidas do magnate xornalístico William Randolph Hearst, do aeronauta e magnate do cinema Howard Hughes, e do magnate das finanzas Samuel Insull.
A puberdade é un período no que ocorren mudanzas biolóxicas e fisiolóxicas. É neste período cando o corpo se desenvolve física e mentalmente tornándose maduro e o adolescente queda capacitado para xerar fillos. Non debe ser confundida como sinónimo da adolescencia, xa que a puberdade forma parte da adolescencia.
Un xene é a unidade básica de herdanza dos seres vivos. Dende o punto de vista molecular, un xene é unha secuencia lineal de nucleótidos na molécula de ADN (ou ARN no caso dalgúns virus), que contén a información necesaria para a síntese dunha macromolécula con función celular específica. Por exemplo: Proteínas, ARNm, ARN ribosómico, ARN de transferencia e ARN pequenos.
AllMusic (anteriormente coñecido como All Music Guide ou AMG) é un sitio web propiedade da empresa RhythmOne dende abril de 2015, que está concibido como un servizo de guía musical para usuarios, fans e membros da industria musical. O seu creador foi Michael Erlewine e comezou a funcionar en 1991, aínda que a base de datos non estivo dispoñible en Internet ata 1994. Só está dispoñíbel en lingua inglesa.
Cidade do Vaticano (en italiano: Città del Vaticano), é un estado soberano cuxo territorio está composto por un enclave dentro da cidade de Roma, capital de Italia. Abrangue unha superficie 0,439 km² (44 hectáreas), sendo o país independente recoñecido internacionalmente máis pequeno do mundo. A súa poboación é de pouco máis de 800 habitantes, dos cales 438 persoas gozan do dereito de cidadanía vaticana, mentres que o resto están autorizadas a residir nel sen ese dereito.
A candela (símbolo cd) é a unidade básica do SI de intensidade luminosa nunha dirección dada, dunha fonte que emite unha radiación monocromática, de frecuencia 540×1012 hertzs e da cal a intensidade radiada nesa dirección é de 1/683 vatios por estereorradián. Esta cantidade é equivalente á que en 1948, na conferencia xeral de pesos e medidas, se definiu como unha sesaxésima parte da luz emitida por un centímetro cadrado de platino puro en estado sólido á temperatura do seu punto de fusión (2046 K).
Un quilómetro (escrito con q na súa forma plena, pero abreviado km por convención internacional) é unha unidade de medida derivada do metro, e equivale a mil (1.000) metros. O seu símbolo é km no Sistema Internacional. Nótese que se escribe con minúscula e sen punto, a non ser que coincida no fin dunha frase.
A malaria (do italiano medieval "mal aire") ou paludismo (de paludis, xenitivo do termo latino palus: pantano, e -ismo, neste caso acción ou proceso patolóxico) é unha doenza parasitaria aguda ou crónica causada por protozoos parasitos do xénero Plasmodium, transmitidos pola picada da femia do mosquito Anopheles. Algúns estudos científicos suxiren que puido terse transmitido ao ser humano a través do Gorilla gorilla. Entre 700 000 e 2 700 000 persoas morren cada ano por mor da malaria, dos cales máis do 75% son nenos que viven en zonas endémicas de África.
O cortisol (ou hidrocortisona) é unha hormona esteroide do grupo dos glicocorticoides, producida na glándula adrenal. Libérase en resposta ao estrés e a baixos niveis sanguíneos de glicocorticoides. As súas funcións principais son incrementar os niveis de azucre en sangue estimulando a glicoxenólise; suprime o sistema inmunitario; e intervén no metabolismo das graxas, proteínas e carbohidratos.
O abxad hebreo, algunhas veces denominado mediante a súa forma hebrea alef-bet (אָלֶף-בֵּית), é a serie formada polas consoantes hebreas. Está composto por 22 caracteres, dos cales cinco teñen unha grafía distinta ao final das palabras. Utilízase para escribir o idioma hebreo, o iídix e, en menor medida, o xudeu-español.
Dirham dos Emiratos Árabes Unidos
O dirham ( درهم ) é a moeda oficial dos Emiratos Árabes Unidos. O seu código ISO 4217 é AED. Está dividido en 100 fils.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
A neuromodulación é o proceso fisiolóxico polo cal unha determinada neurona utiliza un ou máis compostos químicos, chamados neuromoduladores, para regular diversas poboacións de neuronas. Os neuromoduladores únense a receptores metabotrópicos ou a receptores acoplados á proteína G (GPCRs) para iniciar unha fervenza de sinalización por segundo mensaxeiro que induce un sinal amplo e de longa duración. Esta modulación pode prolongarse por centos de milisegundos ou ata varios minutos.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2022, ano dedicado a Florencio Delgado, 62 autores (5 mulleres e 57 homes) foron homenaxeados nas 60 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Tanxugueiras é un trío de pandeireteiras galegas formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. O grupo traballa co repertorio da música galega tradicional, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, que a aproximan ao trap ou á electrónica. Nas súas pezas saliéntanse temas como o entendemento entre pobos, a defensa da lingua e da cultura galegas e o apoderamento da muller.O nome do grupo procede da toponimia, trátase do nome dunhas leiras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós.
O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.
Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomi, en sueco: Finland ( pronunciación )), oficialmente República de Finlandia ( pronunciación ) (en finés: Suomen tasavalta, en sueco: Republiken Finland) é un país nórdico situado no norte de Europa. O país fai fronteira polo oeste con Suecia, polo leste con Rusia e polo norte con Noruega. Polo oeste e polo sur está rodeada polo mar Báltico, que separa de Suecia e Estonia, atravesando o golfo de Finlandia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
O Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón foi instituído en 1988 polo concello de Dodro co obxectivo de contribuír á reafirmación da lírica galega e honrar ao poeta Eusebio Lorenzo Baleirón. Os poemarios gañadores publícáronse, a partir de 1992, na Colección de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón de Ediciós do Castro.
O método exhaustivo (latín: methodus exhaustionibus) é un método para atopar a área dunha forma inscribindo dentro dela unha secuencia de polígonos cuxas áreas converxen á área da figura que as contén. Se a secuencia é construída correctamente, a diferenza de área entre o n-ésimo polígono e a figura que a contén formará unha sucesión converxente a cero. Cando esta diferenza se fai arbitrariamente pequena, os posibles valores para a área da figura é "esgotada" sistematicamente polas áreas sucesivamente máis próximas dos membros da secuencia.
Acerbaixán (en azarí: Azərbaycan), oficialmente República de Acerbaixán (en azarí: Azərbaycan Respublikası), é un estado situado no Cáucaso á beira do Mar Caspio, que limita con Rusia polo norte, Xeorxia e Armenia polo oeste e o Irán polo sur. A República Autónoma de Nakhichevan (un enclave de Acerbaixán) limita con Armenia ao norte e ao leste, o Irán ao sur e oeste e Turquía ao noroeste. Cultural, histórica e politicamente, Acerbaixán considérase oficiosamente como parte de Europa.
O Festival de Eurovisión (en inglés Eurovision Song Contest; en francés Concours Eurovision de la Chanson) é un festival da canción televisado, creado en 1956 de carácter anual e con participantes de numerosos países europeos, organizado pola Unión Europea de Radiodifusión. A representación dos diversos países escóllena as canles de televisión pública. O Festival retransmítese por televisión e radio en toda Europa.
Islandia (en islandés: Ísland) é un país insular situado na Dorsal Medio Atlántica, e xeralmente englobada en Europa. A illa está bañada polo océano Atlántico ao sur e ao oeste e polo mar de Noruega ao norte e ao leste. Os territorios máis próximos son Groenlandia ao noroeste, da cal está separada polo estreito de Dinamarca, as Illas Feroe ao sueste e, bastante máis lonxe, a illa norueguesa de Jan Mayen ao nordeste.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Yanis Varoufakis (grego: Γιάνης Βαρουφάκης), nado o 24 de marzo de 1961 é un economista grego, que foi ministro de economía de Grecia. Nas eleccións de Grecia de 2015 foi elixido como parlamentario representando a SYRIZA, e pasou a formar parte do goberno de Alexis Tsipras o 27 de xaneiro ata o 6 de xullo de 2015. Varoufakis é autor do libro The Global Minotaur e varios textos académicos nos campos da economía e teoría de xogos, profesor de teoría económica na Universidade de Atenas e consultor privado de Valve Corporation.
En ecoloxía, sostibilidade ou sustentabilidade é a capacidade que teñen os sistemas biolóxicos de manterse diversos e produtivos co transcurso do tempo. Refírese ao equilibrio dunha especie cos recursos da súa contorna. Por extensión aplícase á explotación dun recurso por baixo do límite de renovación do mesmo, desde a perspectiva da prosperidade humana e segundo o Informe Brundtland de 1987.
O dominio de primeiro nivel (en inglés Top Level Domain TLD) é un dos compoñentes dun enderezo de internet, estes van separados por puntos, así por exemplo: gl.wikipedia.org, e precisamente o último é o que se denomina dominio de primeiro nivel, ou TLD. Por exemplo, no nome de dominio "gl.wikipedia.org", "org" é o TLD, ou dominio de primeiro nivel. O sistema de nomes de dominio en internet transforma os nomes de dominio en enderezos IP numéricos, permitindo así referirse a sitios web e outros recursos mediante nomes doados de lembrar en vez dos enderezos IP numéricos, como 207.142.131.245, que identifican cada ordenador. Este Sistema de Servidores de Nomes de Dominio (DNS, de Domain Name Server) constitúe unha xerarquía en forma de árbore: Cada TLD (p.ex.
A Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura, UNESCO (en inglés United Nations Educational, Scientific and Cultural Organization e en francés: Organisation des Nations unies pour l'éducation, la science et la culture) é un organismo especializado das Nacións Unidas. Fundouse o 16 de novembro de 1945 co obxectivo de contribuír á paz e á seguridade no mundo mediante a educación, a ciencia, a cultura e as comunicacións. A constitución firmada ese día entróu en vigor o 4 de novembro de 1946, ratificada por vinte países.
No Calendario armenio, as datas están marcadas polas letras ԹՎ ou parecidas, habitualmente cunha liña sobre as letras, indicando "t'vin" ("no ano") seguido por unha ou até catro letras, cada unha significa un número baseado na orde do alfabeto. Na Idade Media, os armenios empregaban un calendario que comezaba no ano 552 a.C., como o comezo da era armenia. Para traducir en anos comúns, adicione 551 ao número.