Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas.
Este artigo fala do escritor de novela negra nado en 1971 e finado en 2022, para o médico nado en 1843 e finado en 1912 véxase o artigo "Domingo Villar Vázquez".Domingo Villar Vázquez, nado en Vigo o 6 de marzo de 1971 e finado na mesma cidade o 18 de maio de 2022, foi un premiado escritor galego de novela negra. Creador do personaxe do inspector Leo Caldas, protagonista dunha triloxía composta por Ollos de auga (2006), A praia dos afogados (2009) e O último barco (2019). Os seus libros foron traducidos a máis de quince linguas.
Pedro Campos Calvo-Sotelo, nado en Cuntis o 6 de marzo de 1950, é un regatista galego, o máis laureado de España e un dos máis laureados do mundo. Foi 17 veces campión do mundo e 10 veces campión de España en diferentes modalidades de vela, ademais de conquistar ata en 11 ocasións a Copa do Rei de Vela, sendo o regatista con máis títulos desta competición.Desde 1999 é o presidente do Real Club Náutico de Sanxenxo e director deportivo do equipo Team Telefónica.
Este artigo trata sobre unha planta/froito, se está a procurar pola bebida refrixerante véxase: Guaraná (bebida). O guaraná Paullinia cupana Kunth tamén chamado guaranazeiro ou uaraná no Brasil, é unha rubideira orixinaria da Amazonia. Atópase no Brasil, Perú, Colombia e Venezuela, cultivándose principalmente no municipio de Maués, no estado do Amazonas e na Baía.
Bernoulli é o nome dunha familia de matemáticos e científicos suízos do século XVII e XVIII: Familia Bernoulli - a familia Jakob Bernoulli (1654–1705), o máis vello da familia de matemáticos. Johann I Bernoulli (1667–1748), irmán de Jacob e pai de Nicolau II, Daniel e Johann II. Nicolau I Bernoulli (1687–1759), sobriño de Jacob I e Johann I Nicolau II Bernoulli (1695–1726), fillo de Johann I. Daniel Bernoulli (1700–1782), fillo de Johann I. Johann II Bernoulli (1710–1790), fillo de Johann I e pai de Johann III e Jacob II. Johann III Bernoulli (1744–1807), fillo de Johann II. Jacob II Bernoulli (1759–1789), fillo de Johann II.Bernoulli pode tamén referirse a: 2034 Bernoulli - un asteroide. Bernoulli box - un sistema de almacenamento de dados en discos removíbeis.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2022, ano dedicado a Florencio Delgado, 62 autores (5 mulleres e 57 homes) foron homenaxeados nas 60 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 foi o único ano en que houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á Ría de Vigo).
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Sanxenxo é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE, en 2018 contaba con 17.212 habitantes (8.487 mulleres e 8.725 homes), cifra que segundo o concello se multiplica por seis en época estival. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é sanxenxino ou sanxenxeiro e, popularmente, lilaino, -a .
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Alfred Werner, nado en Mulhouse, Alsacia, antes en Alemaña, actualmente en Francia, o 12 de decembro de 1866 e finado en Zúric o 15 de novembro de 1919, foi un químico suízo, profesor da Universidade de Zúric e gañador do Premio Nobel de Química en 1913 por propor a configuración en octaedro dos complexos de transición metálica. Werner desenvolveu as bases do complexo metálico moderno. Foi o primeiro químico inorgánico en gañar o Premio Nobel, de feito o único antes de 1973.
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
A zanfona (do latín symphonĭa 'concerto') é un instrumento musical de orixe medieval pertencente a familia dos cordófonos, que está estendido na música popular europea, con numerosas variantes en distintas rexións e épocas. O son está producido polo roce dunha roda contra as cordas. As notas prodúcense mediante un teclado, e coma en moitos outros instrumentos acústicos de corda, dispón dunha caixa de resonancia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Cando petan na porta pola noite
Cando petan na porta pola noite é un libro de Xabier P. Docampo. Editouse por vez primeira no ano 1994 e foi reeditado varias veces, a última delas en febreiro do 2005.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón
O Premio de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón é un galardon literario instaurado no ano 1988 polo concello de Dodro coa finalidade de honrar o poeta Eusebio Lorenzo Baleirón e co obxectivo de contribuír ao enaltecemento da poesía galega.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
No Calendario armenio, as datas están marcadas polas letras ԹՎ ou parecidas, habitualmente cunha liña sobre as letras, indicando "t'vin" ("no ano") seguido por unha ou até catro letras, cada unha significa un número baseado na orde do alfabeto. Na Idade Media, os armenios empregaban un calendario que comezaba no ano 552 a.C., como o comezo da era armenia. Para traducir en anos comúns, adicione 551 ao número.
Evangelos Odysseas Papathanassiou, máis coñecido como Vangelis, nado en Volos o 29 de marzo de 1943 e finado en París o 17 de maio de 2022, foi un teclista e compositor grego de música electrónica, orquestral, ambient, new age e rock progresivo. Entre as súas obras máis célebres destacan as partituras orixinais dos filmes Chariots of Fire, gañador do Oscar á mellor banda sonora, Blade Runner (1982) e 1492: Conquest of Paradise (1992).
Hernán Cortés Monroy Pizarro Altamirano máis coñecido por Hernán Cortés, quen asinaba as súas cartas como Fernán Cortés, nado en Medellín (Badaxoz) en 1485 e finado en Castilleja de la Cuesta (Sevilla) o 2 de decembro de 1547, foi un conquistador castelán que encabezou a expedición que causou a caída do Imperio Azteca, territorio que actualmente é coñecido como México, en favor da Coroa de Castela, a comezos do século XVI. Cortés foi parte da xeración de colonizadores hispanos que iniciou a primeira fase da colonización castelá das Américas.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
The Rapants é unha banda de indie e garage formada en Muros no ano 2018. Nada baixo a influencia ddo grupo Terbutalina, a súa andaina iníciase da man de Xanma e Samuel (Rapante), ambos guitarristas da vila aos que non tardarían en sumarse Xaquín a batería e Matías ao baixo e sintetizadores. Cunha base musical apoiada en ritmos disco e guitarras indies característicos de agrupacións como The Smiths, The Growlers ou mesmo Novedades Carminha, o carácter destes catro mozos radica nunha actitude despreocupada e enérxica.
O produto interior bruto ou PIB é o valor monetario total da produción corrente de bens e servizos dun país durante un período (normalmente é un trimestre ou un ano). O PIB é unha magnitude de fluxo, pois contabiliza só os bens e servizos producidos durante a etapa de estudo. O PIB é comezado a usar despois da segunda guerra mundial.En canto ao cálculo do PIB, pode facerse segundo o custo dos factores ou dos prezos de mercado.
Ollos de auga é unha novela negra en galego escrita por Domingo Villar e publicada en 2006 pola editorial Galaxia. Está protagonizada polo inspector de policía Leo Caldas que, acompañado polo seu axudante Rafael Estévez, leva a investigación do asasinato de Lois Reigosa, un músico na illa de Toralla.
A dedaleira ou estraloque (Digitalis purpurea) é unha planta herbácea bianual, nativa de Europa da familia das plantaxináceas. Recibe tamén os nomes de abeluria, abrula, baloco, borleta, croque, dixital, estalote, milicroque e sanxoán. A flor das dedaleiras e as súas follas conteñen unha substancia alcaloide, a dixitalina, que afecta ao funcionamento cardíaco e o extracto do seu principio activo foi empregado como medicación para a arritmia e outras deficiencias cardíacas dende finais do século XVIII. Na medicina a dixitalina viuse obsoleta e no seu lugar é usada a dixitoxina, molécula sintética derivada daquela.
Xela Arias Castaño, nada en Lugo o 4 de marzo de 1962 e finada en Vigo o 2 de novembro de 2003, foi unha poeta, tradutora en varias linguas, editora, e profesora galega, ligada a Edicións Xerais de Galicia, coñecida polas súas obras Tigres coma cabalos e Darío a diario. Como tradutora traballou con textos de, entre outros, Carlos Oroza, Camilo Castelo Branco, Gianni Rodari, Jorge Amado, Wenceslao Fernández Flórez, Roald Dahl, Juan Farias, James Joyce, Cervantes, James Fenimore Cooper, Vicenç Beltran, Jan Terlouw, Bram Stoker, Angela Carter, Charles Baudelaire e Jean Rhys. A súa Poesía reunida publicouse en novembro do ano 2018, con edición, introdución e notas de Chus Nogueira.
O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.
Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares, Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.
O Anadolu Efes Spor Kulübü (antes coñecido como Efes Pilsen) é un equipo de baloncesto da cidade de Istambul (Turquía) que por palmarés é considerado como un dos equipos máis importantes na historia do baloncesto turco, xa que gañou o título de liga en 15 ocasións. A nivel europeo, destaca o seu título da Euroliga no ano 2021. O pavillón no que xoga os seus partidos como local é o Sinan Erdem Spor Salonu, cunha capacidade para 16.000 espectadores.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Xaxún, ou xexún, é a abstinencia dalgunha ou de todas as comidas, e nalgún caso tamén da bebida, durante un período de tempo. O xexún tamén pode implicar a abstinencia de determinados tipos de alimentos, como a carne, e mesmo incluír a abstinencia sexual temporal. O xaxún pode realizarse por razóns relixiosas, médicas ou como forma de protesta (folga de fame).
O hebreo ou hebraico (en hebreo: עִבְרִית ʿIvrit) é unha lingua semítica da familia lingüística afroasiática. Historicamente, é a lingua dos israelitas e dos seus antergos, malia que a lingua non aparece co nome de hebreo no Tanakh. No Tanakh (Biblia xudía), a lingua é chamada "yehudit" (a lingua de Xudá) ou "səpaṯ kəna‘an" (a lingua de Canaan).
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Os caribes, tamén chamados kalinagos, son unha tribo amerindia, un dos primeiros grupos que habitaron as Antillas Menores e serviron de inspiración ao nome da rexión homónima de América. A familia lingüística caribe figurou entre as máis importantes de América do Sur, non só polo elevado número de tribos que a compuñan, senón polo seu marcado carácter expansionista. Os seus centros de dispersión abarcaron as costas do norte de Colombia, Venezuela e as Güianas, estendéndose cara ao norte das Antillas Menores e outros puntos das Antillas Maiores.
Asia ( pronunciación ) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Aparicións de Fátima é a designación común que se dá a un ciclo de aparición mariana que ocorreu durante o ano de 1917 na localidade de Fátima, en Portugal. Este ciclo de fenómenos extraordinarios seguiu a outras aparicións da Virxe María, decorridas ao redor do ano de 1758, na mesma parroquia, no lugar onde se atopa o Santuario de Nosa Señora da Ortiga. O 13 de maio de 1917, tres fillos, Lúcia dos Santos (10 anos), Francisco Marto (9 anos) e Jacinta Marto (7 anos), afirmou haber visto "...unha dama máis brillante que o Sol" sobre unha aciñeira dun metro ou máis de altura, cando estaban coidando un pequeno rabaño na Cova da Iria, preto da aldea de Aljustrel.
Roma(AFI: /ˈroma/, pronuncia ) é unha cidade de 2.856.133 habitantes (2018), capital da República italiana e da rexión do Lacio, provincia de Roma. Cunha área de 1.285 km² é municipio máis grande de Italia e a quinta cidade máis grande de Europa despois de Moscova, Istambul, Londres e San Petersburgo. Así mesmo é o municipio máis poboado de Italia e a cuarta cidade máis poboada da Unión Europea despois de Londres, Berlín e Madrid.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 182.075 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.