Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O termo persoa provén do latín persōna, e este probablemente do etrusco phersona ('máscara do actor', 'personaxe'). O concepto de persoa é un concepto principalmente filosófico, que expresa a singularidade de cada individuo da especie humana en contraposición ao concepto filosófico de 'natureza humana' que expresa o común que hai neles. O significado actual de persoa ten a súa orixe nas controversias cristolóxicas dos séculos IV e V. No transcurso do debate entre as diferentes escolas teolóxicas, desenvolvéronse conceptos até entón non coñecidos.
Antonio Couceiro Méndez, nado na Coruña o 18 de decembro de 1955, é un político e dirixente galego. Foi conselleiro de Industria e Comercio durante o goberno de Manuel Fraga, entre 1994 e 1999, e deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Popular entre 1997 e 1999. Ten ocupado presidencias e cargos nos consellos de administración de numerosas institucións, tanto públicas como privadas Na actualidade ocupa entre outros os cargos de presidente da Cámara de Comercio da Coruña (dende 2016) e presidente do Deportivo da Coruña (dende 2021).
Francisco Fernández del Riego, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, Cosme Barreiros e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
O telómero (do grego τέλος telos 'final' e μέρος meros 'parte') é a rexión terminal do cromosoma, composta por ADN moi repetitivo, que non codifica proteínas. Xoga un papel fundamental para evitar a perda de información durante a duplicación do cromosoma. O encima que replica o ADN, a ADN polimerase, non pode replicar o cromosoma ata o seu extremo, polo que se perde unha parte dese extremo en cada replicación; pero a parte que se perde é a dos telómeros, que non son codificantes, e que por iso se fan máis curtos en cada replicación.
O calendario gregoriano é un calendario de orixe europea, actualmente empregado de xeito oficial en case todo o mundo. Recibe o seu nome por ser o seu promotor o papa Gregorio XIII, quen promulgou o seu uso uso por medio da bula Inter Gravissimas. A partir de 1582 substituíu gradualmente en distintos países ao calendario xuliano, utilizado desde que Xulio César o instaurara no ano 46 a.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Roberto Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no Deportivo Liceo, da OK Liga. É irmán xemelgo bivitelino de Bruno di Benedetto e irmán menor de Carlo di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Juan Carlos Copa Quiroga, nado na Coruña en 1970, é un ex xogador e adestrador de hóckey a patíns galego. É considerado un dos mellores xogadores que deu a canteira coruñesa, debutando aos 15 anos na División de Honra (actual OK Liga) e converténdose con 17 no primeiro capitán non catalán dunha selección española. Dende 2017 adestra o Deportivo Liceo.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2021-2022 compite no Grupo I da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Patrimonio da Humanidade en Galicia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.O primeiro sitio en Galicia que se inscribiu foi a Cidade vella de Santiago de Compostela, que foi inscrita na 9ª sesión do Comité do Patrimonio da Humanidade en 1985. Os seguintes lugares que foron incluídos entre o Patrimonio da Humanidade foron o Camiño de Santiago (1993), compartido con outras rexións europeas, a Muralla de Lugo (2000) e a Torre de Hércules (2009).
Un personaxe é cada un dos seres que forman a acción dunha obra literaria, película etc., e que son o motor da acción narrativa. Non debe confundirse o termo persoeiro (individuo real de relevancia ou que queremos salientar) con personaxe (ser ficticio por moito que represente a unha persoa real da que soamente é unha representación inventiva). O personaxe é o elemento motor da acción narrativa.
Django Unchained (traducido ó galego a como "Django desencadeado") é un filme de xénero western épico estadounidense de 2012 escrito e dirixido por Quentin Tarantino. Está protagonizado por Jamie Foxx, Leonardo DiCaprio, Christoph Waltz, Kerry Washington e Samuel L. Jackson. O filme estreouse nos Estados Unidos o 25 de decembro de 2012.
Florencio Manuel Delgado Gurriarán, nado en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) o 27 de agosto de 1903 e finado en Fair Oaks (California) o 14 de maio de 1987, foi un avogado e poeta galego. En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas.
Día Mundial contra o Traballo Infantil
O Día Mundial contra o Traballo Infantil foi instaurado pola Organización Internacional do Traballo (OIT) en 2002 para concentrar a atención no traballo infantil a nivel mundial e nas accións necesarias para a súa erradicación. Cada 12 de xuño esta celebración conta coa participación da sociedade civil, medios de comunicación,sindicatos, patronais e outros axentes das distintas administracións. No ano 2020 este día de concienciación puxo o foco na crise xerada pola Pandemia por coronavirus de 2019-2020 e o seu impacto na infancia.
Xosé Bonaparte, coñecido tamén como Xosé I Bonaparte ou Xosé Napoleón I, nado o 7 de xaneiro de 1768 en Corte (Córsega, daquela na República de Xénova) e finado o 28 de xullo de 1844 en Florencia (Gran Ducado de Toscana), foi un político, diplomático e avogado francés, irmán maior de Napoleón Bonaparte, deputado por Córsega no Consello dos Cincocentos (1797-1799) e secretario do mesmo, e novamente no Corpo Lexislativo (1799-1800), ministro plenipotenciario e membro do Consello de Estado (1800-1804), Príncipe e Gran Elector do Primeiro Imperio Francés (1804-1806), rei de Nápoles e Siclia entre o 30 de marzo de 1806 e o 5 de xullo de 1808 co nome de Xosé I e rei de España e das Indias entre o 6 de xuño de 1808 e o 11 de decembro de 1813 co nome de Xosé I, e tenente xeneral do Imperio francés (1814). En España, a súa proclamación como monarca foi precipitada polo incremento da violencia que seguiu ao episodio do Levantamento do 2 de maio e culminou nun período de convulsións e intrigas políticas instigadas pola estratexia do emperador Napoleón I para obter a abdicación do trono da dinastía reinante de Carlos IV de España asegurando a influencia e a primacía do Primeiro Imperio Francés e incrementando a dependencia española para cos intereses políticos, económicos e militares bonapartistas, en detrimento das súas nacións inimigas, principalmente Portugal e Gran Bretaña. Porén, lonxe de obter unha lexitimación ante a maioría da opinión pública e de frear a dinámica do enfrontamento armado, esta proclamación foi rexeitada polos órganos de poder autóctonos como o Consello de Castela e a Xunta Suprema Central e, máis adiante, polas Cortes reunidas en Cádiz, decidindo a xeneralización do conflito da guerra da Independencia española.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Goberno é un corpo ou un ente que ten a autoridade e a potestade administrativa para facer e o poder para executar as leis dentro dun grupo ou organización civil, corporativo, relixioso ou académico. Nun sentido amplo, gobernar significa administrar ou supervisar, xa sexa un estado, un grupo de persoas, ou un conxunto de activos; é dicir, é a forma política coa que un estado é gobernado. A palabra galega "goberno" deriva do grego Κυβερνήτης (kyvernites).
O calendario hebreo (הלוח העברי) ou calendario xudaico é o calendario anual usado no xudaísmo. Determina as datas das festas xudías, os textos da Torá apropiados para a lectura pública, os Iahrdseits (a data para conmemorar a morte dun familiar), e os salmos diarios específicos que algúns len normalmente. Téñense usado dúas formas do calendario: unha forma baseada na observación usada antes da destrución do segundo templo no ano 70 e baseado nas testemuñas que observaban as fases da lúa, e un a partir dunha norma que describiu Maimónides no 1178 d.C., que foi adoptado durante unha transición dende o ano 70 ata o 1178.
Leonor de Arborea (en italiano, inglés e outras linguas, coñecida como Eleonora d'Arborea), nada en Molins de Rei, Barcelona, o 6 de xuño de 1347 e finada en Oristano o 23 de setembro de 1404, foi unha xuíza (en italiano : giudicessa ), tamén coñecida como raíña ou gobernadora, do reino (ou xulgado) de Arborea, no suroeste da illa de Sardeña. Exerceu de rexente dos seus dous fillos que pasaron a ser xuíces, e foi alí onde as circunstancias a levaron a participar activamente na vida política de Arborea. A súa pegada na corte e na , ademais de superar a dos seus fillos e a de varios dos seus predecesores, levouna a converterse na heroína rexional de toda a illa.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 184.309 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
O jazz é un estilo musical, nado entre 1890 e 1910 en Nova Orleáns. A súas raíces remontan á música dos negros e crioulos dos Estados Unidos desde as súas épocas como escravos que datan pouco antes de 1850. As influencias nomean o ragtime, as worksongs músicas cantadas polos negros ao traballaren e o blues, principalmente, non se sabe moi ben como era esta música anterior a 1910, o primeiro músico do que se ten noticia é Buddy Bolden, do que só se conservan unha foto e as opinións dos seus compañeiros, que falan dun virtuoso cun son potente e limpo.
Adolfo "Fito" Cabrales Mato, nado en Bilbao (Biscaia) o 6 de outubro de 1966, é un músico español. Durante a súa carreira musical foi cantante, guitarrista e compositor do grupo Platero y Tú e da súa actual banda, Fito & Fitipaldis. Chegou a vender máis de 2,6 millóns de discos ao longo da súa carreira, 1,6 millóns só con Fito & Fitipaldis.
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
O Hockey Club Liceo da Coruña, por motivos de patrocinio Deportivo Liceo, é un club profesional de hóckey a patíns da cidade da Coruña. Foi fundado en 1972 por catro persoas entre as que salienta a figura de Augusto César Lendoiro e na tempada 1979-80 debutou na máxima categoría do hóckey a patíns español, categoría na que compite dende aquela. Trátase dunha icona dentro do hóckey galego, historicamente é o club deportivo máis laureado de Galiza cun total de 42 títulos (20 a nivel estatal, e 22 títulos internacionais).
Escocia (en inglés: Scotland; en scots: Scotland; en escocés: Alba) é un país que forma parte do Reino Unido. É o máis setentrional dos catro países constituíntes que forman o Reino Unido. Xunto con Inglaterra e Gales, forma parte da illa de Gran Bretaña, e abrangue un terzo da súa superficie total.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Patrimonio da Humanidade en Afganistán
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. Afganistán aceptou a convención o 20 de marzo de 1979, facendo que os seus sitios históricos poidan ser incluídos na lista. O primeiro sitio en Afganistán que se inscribiu foi o Minarete e Restos Arqueolóxicos de Jam, que foi inscrita na 26ª sesión do Comité do Patrimonio da Humanidade en 2002.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Patrimonio da Humanidade en Andorra
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) son lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. Andorra conta dende o ano 2004 cun lugar declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, o Val de Madriu-Perafita-Claror, de carácter natural.
O impresionismo é considerado o movemento máis importante na pintura das últimas décadas do século XIX. Nestas datas, o marco artístico, dominado por un eclecticismo que se estaba movendo xa nunha calexa sen saída, era forzosamente pouco satisfactorio para calquera espírito creador e empezou a fomentar o que se chamou a xeración das rupturas estilísticas, unha serie de rupturas que darán personalidade propia á arte contemporánea. A primeira delas ou, se se prefire, o seu preámbulo, é o Impresionismo, un movemento, resultado dunha prolongada evolución, que coloca definitivamente ao século XIX baixo o signo da paisaxe e que busca unha linguaxe nova baseada nun naturalismo extremo.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
No Calendario armenio, as datas están marcadas polas letras ԹՎ ou parecidas, habitualmente cunha liña sobre as letras, indicando "t'vin" ("no ano") seguido por unha ou até catro letras, cada unha significa un número baseado na orde do alfabeto. Na Idade Media, os armenios empregaban un calendario que comezaba no ano 552 a.C., como o comezo da era armenia. Para traducir en anos comúns, adicione 551 ao número.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
Hustle é un filme estadounidense de 2022 dirixido por Jeremiah Zagar a partir dun guión de Taylor Materne e Will Fetters. Está protagonizado por Adam Sandler, Queen Latifah, Ben Foster, Juancho Hernangómez e Robert Duvall. Hustle estreouse nalgúns cinemas dos Estados Unidos o 3 de xuño de 2022, e a través de Netflix o 8 de xuño de 2022, onda conta con opción de subtitulado en galego.
Fernando de Magalhães, (Fernão de Magalhães en portugués, Fernando de Magallanes en castelá)) nado a finais do século XV (1480?) como Fernão de Magalhães probabelmente na vila do norte de Portugal da Ponte da Barca, e finado na illa filipina de Mactan o 27 de abril de 1521, foi un navegante e explorador portugués da época dos grandes descubrimentos coñecido porque, ao servizo de Carlos I de España, baixo o nome de Fernando de Magallanes foi autor da primeira circunnavegación da historia ao redor da Terra, iniciada en 1519 baixo as súas ordes, ata a súa morte, e finalizada, despois de tres anos de viaxe, en setembro de 1522 baixo as ordes de Juan Sebastián Elcano. Así mesmo foi o primeiro en cruzar o Estreito de Magalhães así como tamén o primeiro europeo en navegar por augas do océano Pacífico coñecido en aqueles tempos como mar do Sur. No século XV, ao contrario da crenza popular, a redondez da Terra xa era coñecida desde tempos remotos.
Promoción de ascenso a Segunda División 2022
A promoción de ascenso á Segunda división española 2022 disputarase en xuño de 2022, tralo remate da tempada 2021-22 da Primeira División RFEF. Trátase da primeira promoción de ascenso que se disputa dende a Primeira División RFEF, que celebrou durante esa tempada a súa primeira edición.
A cultura castrexa foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a.C.) ata o século I d.C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros), onde esa palabra se emprega como topónimo do castro. A súa área de extensión chega ata os ríos Navia e Túa polo leste e o Douro polo sur. Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
Pablo Sarabia García, nado en Madrid o 11 de maio de 1992, é un futbolista español. Xoga de centrocampista e o seu actual equipo é o Sevilla FC. Ten un gran manexo de balón coa súa perna esquerda. Trátase dun xogador rápido no un contra un, con gran disparo desde diferentes distancias con ambas pernas.
O Arde Lucus (tamén escrito como Arde Lvcvs) é unha festa celebrada en Lugo a finais do mes de xuño que revive o pasado romano e castrexo da cidade amurallada e que xurdiu para conmemorar a declaración da Muralla coma Patrimonio da Humanidade no ano 2000. Chegou a xuntar nas súas dúas últimas edicións preto dun millón de participantes. En 2017 foi declarada Festa de Interese Turístico Nacional.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2022
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2022 será a 73ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
Campionato do mundo de hóckey sobre xeo 2022
O campionato do mundo de hóckey sobre xeo 2022 celebrouse en Finlandia entre os días 13 e 29 de maio de 2022. As cidades que acolleron o torneo foron Tampere e Helsinqui. Participaron os mesmos 16 equipos que na edición precedente ao non terse producido ascensos e descensos logo da cancelación das divisións inferiores en 2021, e coa excepción dos equipos de Belarús e Rusia, que foron expulsados do torneo a causa da invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022, que foron substituídos polos combinados de Austria e Francia.
A primeira guerra mundial foi o segundo maior conflito bélico do século XX. Durou do 1914 ó 1918 e puxo os primeiros cravos no ataúde da hexemonía de Europa no mundo. Durante catro anos, millóns de persoas morreron nun conflito que destacou pola súa dureza, polas longas e inamovibles trincheiras e polo uso de gas mostaza para acabar coa resistencia do inimigo. Enfrontou inicialmente a Francia, Reino Unido e mais Rusia (os aliados) contra Alemaña (gobernada por Guillerme II de Alemaña), Austria-Hungría, Bulgaria e mais Turquía (as Potencias Centrais).
O Calendario Persa ou Calendario Iraniano é un calendario Solar no que o ano comeza o 21 de marzo. Este calendario foi adoptado en 1925 en Irán e en 1957 en Afganistán. Considérase máis preciso có Calendario gregoriano dado que no calendario gregoriano hai un erro dun día cada 3320 anos, mentres que no calendario persa o mesmo erro aparecería cada 3.8 millóns de anos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
2022 (MMXXII) é o ano actual do calendario gregoriano comezado en sábado. As Nacións Unidas declararon 2022 como Ano Internacional da Pesca Internacional e da Acuicultura, Ano Internacional das Ciencias Básicas para o Desenvolvemento Sustentábel, Ano Internacional do Desenvolvemento Sustentábel das Montañas, e Ano Internacional do Vidro.