Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Lista de títulos con versión en galego nas plataformas de streaming
A lista de títulos con versión en galego que foron estreados nas plataformas de streaming inclúe os filmes, series e miniseries das que hai versión en galego, ben sexa dobrada ou subtitulada.
Francisco Javier Vázquez Maneiro
Francisco Javier Vázquez Maneiro, coñecido como Javi Maneiro ou só Maneiro, nado na Pobra do Caramiñal o 10 de decembro de 1973, é un cantante galego de música rock, coñecido principalmente por ser o vocalista dos Heredeiros da Crus e de Jabón Blue.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
O fi X 174 (ou fiX174, ΦX174, phiX174 ou Escherichia coli ΦX174) é un virus bacteriófago con ADN monocatenario (virus de ADN monocatenario) que infecta a bacteria Escherichia coli, e foi o primeiro xenoma de ADN en ser secuenciado. Este traballo foi completado por Fred Sanger e o seu equipo en 1977. En 1962, Walter Fiers e Robert Sinsheimer xa demostraran que o ADN deste virus era un círculo pechado covalentemente.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Ahmed Salman Rushdie, (en hindi: अहमद सलमान रुश्दी; en urdú: احمد سلمان رشدی ) nado en Bombai o 19 de xuño de 1947, é un escritor e ensaísta británico. O seu estilo foi comparado co realismo máxico latinoamericano, e a maior parte das súas obras de ficción están ambientadas na India. As súas dúas novelas de maior sona son Midnight's Children e The Satanic Verses.
En xenética, a complementación ocorre cando dúas cepas dun organismo con diferentes mutacións homocigotas recesivas que producen o mesmo fenotipo mutante (por exemplo, un cambio na estrutura das ás das moscas) ten unha descendencia que expresa o fenotipo de tipo silvestre cando se aparean ou cruzan. A complementación ocorre normalmente se as mutacións están en distintos xenes (complementación interxénica), pero pode tamén ocorrer se están en diferentes sitios do mesmo xene (complementación intraxénica), aínda que este efecto adoita ser máis débil que o da complementación interxénica. En caso de que as mutacións estean en distintos xenes, o xenoma de cada cepa subministra o alelo de tipo silvestre para "complementar" o alelo mutado que ten o xenoma da outra cepa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Unha sinfonía é un tipo de composición musical, bastante extensa, da música clásica occidental e composta a maioría das veces para orquestra. A sinfonía non se refire a unha forma musical específica (aínda que non son poucos os autores que aínda a consideran unha forma musical) senón a un xénero de música orquestral para acompañar preferentemente nunha sala de concertos. Xeralmente, está dividida en catro movementos, cada un cun momento e estrutura diferente.
Afganistán (en paxto e dari افغانستان, Afġānistān), oficialmente coñecido como Emirato Islámico de Afganistán, é un país localizado en Asia Central. Ten unha poboación de arredor de 31 millóns de habitantes, sendo o país 42 máis poboado do mundo. Limita con Irán ó oeste, con Paquistán ó sur e ó leste, con Turkmenistán, Uzbekistán e Taxiquistán no norte e coa República Popular da China no extremo máis oriental do país.
Santiago de Xustás é unha parroquia do concello lugués de Cospeito na comarca da Terra Chá. Tiña 265 habitantes en 2016, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, 139 homes e 126 mulleres distribuídos en 10 entidades de poboación. O que supón unha diminución de 21 habitantes respecto ao ano 2007 cando tiña 286 habitantes (148 homes e 138 mulleres) e 59 menos que en 2000.
O Trofeo Teresa Herrera é un torneo futbolístico de carácter amigábel que ten lugar cada ano na cidade da Coruña, desde 1946. Dispútase dende os seus inicios no estadio de Riazor, sendo organizado primeiro polo Concello da Coruña e dende o ano 2000 polo Deportivo da Coruña. É o torneo amigábel de fútbol que máis edicións leva celebradas no mundo de xeito ininterrompido e está considerado como un dos máis prestixiosos debido á máxima categoría que teñen os equipos que participaron na súa historia.
Javier Ibarra Ramos, nado en Zaragoza o 1 de marzo de 1980, é un MC aragonés en lingua castelá, coñecido artísticamente como Kase.O. Forma parte do grupo Violadores del Verso xunto a Hate, Lírico e R de Rumba. O grupo atópase nun descanso temporal, mais cada artista continúa a súa carreira en solitario e teñen pensado volver a reunirse nun futuro, como así o teñen expresado múltiples veces.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Camilo Buenaventura Díaz Baliño, nado en Ferrol o 14 de xullo de 1889 e asasinado en Saa (Meixide, Palas de Rei) o 14 de agosto de 1936, foi un escritor, pintor, debuxante, ilustrador de libros, muralista, cartelista, escenógrafo e versátil artista gráfico galego, membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, das Irmandades da Fala desde 1918, do Seminario de Estudos Galegos desde 1926 e do Partido Galeguista. Colaborou nas coleccións Lar e Céltiga e noutras obras da literatura galega.
Aquis Querquennis, coñecido popularmente como A Cidá, é un complexo arqueolóxico constituído por un campamento romano e unha mansión-viaria, situado na parroquia dos Baños (Bande). O campamento estableceuse no lugar para a construción da Vía XVIII ou Vía Nova, calzada que comunicaba Bracara Augusta e Asturica Augusta. Estivo ocupado entre o último cuarto do século I d.C. e os anos 20 do século II d.C. A mansión-viaria era un hospedaxe de viaxeiros na citada calzada, ocupada nos séculos II - III d.
YouTube é un espazo web que lles permite aos usuarios publicar, ver e compartir vídeos. Fundouse en febreiro de 2005 por tres antigos empregados de PayPal: Chad Hurley, Steve Chen e Jawed Karim. YouTube é un nome composto de you (en inglés ti) e tube (en inglés tubo, ou sexa, televisión), que quere dicir algo así como ti es a televisión.
O teixugo euroasiático ou porco teixo (Meles meles) é un mamífero que habita en gran parte do continente asiático e na maior parte do continente europeo, tirante o norte de Escandinavia e mais as illas de Islandia, Córsega, Sardeña, Sicilia e Chipre. Destacan as súas grandes poboacións no Reino Unido e Irlanda. O porco teixo pertence á familia dos mustélidos, xunto cos armiños, as londras, os visóns ou as martas, sendo o único da súa familia clasificado no xénero Meles.
A bandeira de Afganistán (en persa: بيرق افغانستان, en paxto: د افغانستان بيرغ) consiste nun campo branco coa Shahada escrita enriba en negro. O país tivo uns 25 deseños diferentes de bandeira dende a dinastía Hotak estabelecida en 1709. Só durante o século XX, Afganistán tivo 19 bandeira nacionais distintas, máis que ningún outro país durante ese mesmo período de tempo, e a maioría delas tiñan as cores negra, vermella e verde.
Tanxugueiras é un trío de pandeireteiras galegas formado por Aida Tarrío e as irmás xemelgas Olaia e Sabela Maneiro. O grupo traballa co repertorio da música galega tradicional, tratando de darlle unha sonoridade máis moderna, que a aproximan ao trap ou á electrónica. Nas súas pezas saliéntanse temas como o entendemento entre pobos, a defensa da lingua e da cultura galegas e o apoderamento da muller.O nome do grupo procede da toponimia, trátase do nome dunhas leiras da parroquia de Fumaces, no concello de Riós.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
A candorca ou alcandorca, Orcinus orca, é unha especie de cetáceo odontoceto da familia dos delfínidos, a única do xénero Orcinus. É o membro de maior tamaño dos chamados golfiños oceánicos (pode chegar a pesar 10 t., e é un poderoso e versátil depredador que pode cazar peixes, pinnípedes como focas, cefalópodos, aves, tartarugas e, cazando en grupo, presas de maior tamaño, como morsas e incluso baleas. Está, polo tanto, no cumio da cadea trófica oceánica.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 1985
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 1985 celebráronse o 24 de novembro. Cun censo de 2 226 449 electores, os votantes foron 1 277 897 (57,4%) e 948.552 as abstencións (41,9%). Contabilizáronse 8.627 (0,7%) votos en branco.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O arroaz, Tursiops truncatus (Montagu 1821), é, entre todos os golfiños, a especie máis común e máis coñecida, porque adoita achegarse á costa e entrar no interior das rías, debido a que o seu comportamento social a achega ás proximidades dos barcos e mesmo dos nadadores, e porque é a que mellor se adapta ás condicións de catividade dos delfinarios, o que o converteu no protagonista habitual destes espectáculos. Está presente en augas quentes e temperadas de todo o mundo, en todos os océanos excepto no Ártico e no Antártico.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O Cantábrico (en asturiano: Cantábricu, en castelán: Cantábrico, en éuscaro: Kantauri, en francés: Cantabrique) é un mar litoral do océano Atlántico que baña a costa norte de España e a costa suroeste de Francia. Esténdese desde o Cabo Ortegal na provincia da Coruña, ata a desembocadura do río Adour nas costas do departamento Francés das Landes preto de Bayonne. Esta delimitación foi publicada pola Organización Hidrográfica Internacional na súa publicación Limits of oceans and seas (Límites de océanos e mares) en 1953, máxima autoridade internacional na materia de delimitación de mares a efecto de regular o tráfico e seguridade marítima.
A Ligue 1, anteriormente chamada Division 1, é a máxima categoría da liga de fútbol profesional en Francia. Dispútase desde 1932 e está organizada pola Ligue de Football Professionnel. O Championnat francés é a sexta mellor liga do mundo segundo o ránking oficial da Federación Internacional de Historia e Estatística de Fútbol (IFFHS).
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente milita no Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García (Saibran Yiyi) e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.
Exeria, coñecida tamén como Egeria, Echeria e Eteria, foi unha muller da Idade Antiga coñecida pola súa obra Itinerarium Egeriae, na que narra unha viaxe a Terra Santa. Todo parece indicar que naceu na Gallaecia, «nas ribeiras máis afastadas do océano occidental», segundo documentos do século IV, aínda que como se perdeu a primeira parte da súa obra non son poucos os autores que sitúan a súa terra de orixe na Aquitania francesa. Non obstante, estudos actuais sitúana como orixinaria do Bierzo.
Alvariza pode referirse a: Apiario, conxunto de colmeas de abellas; Abellariza, construción tradicional consistente nun muro, xeralmente circular, onde se garda un apiario para o protexer do clima e os animais. Alvariza, lugar da parroquia de Barro, no concello de Noia. Alvariza, grupo musical folk galego.
Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) é un país soberano constituído en estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
Dios ke te crew (DKTC) é un grupo de hip hop de Ordes formado en 2003. Posteriormente formaron tamén un grupo de graffiti, breakdance, DJs e rap. Todos estes aspectos do hip hop únense nas presentacións en directo do grupo, onde é común presenciar pezas de pintura e graffiti no fondo do escenario e bailar breakdance, mentres o grupo musical interpreta as súas cancións.
Wikipedia é unha enciclopedia en liña baseada nun wiki multilingüe e de contido libre editado e mantido por unha comunidade de editores, a cal comezou o 15 de xaneiro de 2001 coa versión en lingua inglesa. Pouco despois, creáronse edicións en linguas diferentes do inglés: as edicións en alemán e o catalán foron creadas o 16 de marzo, a edición en francés o 23 de marzo, e a sueca creouse o 23 de maio.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. O concello da Coruña ten 245.711 habitantes (INE, 2019); é o segundo municipio con maior poboación de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O Prestige foi un buque petroleiro monocasco construído no Xapón en 1976 que afundiu fronte ás costas galegas o 19 de novembro de 2002, producindo unha inmensa marea negra que afectou a unha ampla zona comprendida dende o norte de Portugal ata as Landas ou Vendée, en Francia, provocando a maior catástrofe ecolóxica na historia de Galicia e unha mobilización social e política. Desta mobilización xurdiu a plataforma Nunca Máis.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, radicando nesta cidade e concello o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o INE en 2021 tiña 97.858 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe a Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrilleiro Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
O dugongo, Dugong dugon (Müller, 1776) é unha especie de mamífero mariño da orde dos sirenios, a única actualmente viva da familia dos dugónxidos, e do xénero Dugong. Ten un corpo grande e groso, de até os 3 m de lonxitude e 200 kg de peso, pero hidrodinámico, rematado nunha aleta caudal falciforme (o que o diferencia, entre outras cousas, dos seus próximos parentes os triquéquidos ou manatís, cos que comparte a orde). A especie habitou en tempos pasados todas as rexións tropicais costeiras dos océanos Índico e Pacífico, e nos estuarios e grandes ríos que desembocan nelas, pero hoxe en día a súa distribución é máis limitada.
Os salgueiros son especies pertencentes ao xénero Salix, son plantas con flor da familia das salicáceas. O xénero componse dunhas 400 especies de árbores e arbustos caducifolios que se distribúen polas zonas frías e temperadas do Hemisferio norte, principalmente en lameiros, brañas, ribeiras e terras húmidas en xeral.
Elvis Aaron Presley, máis coñecido por Elvis Presley ou polo seu nome de pía Elvis, e como o Rei do Rock and Roll, ou simplemente o Rei, nado en Tupelo, Mississippi, o 8 de xaneiro de 1935 e finado en Memphis, Tennessee, o 16 de agosto de 1977, foi un cantante e actor norteamericano. Está considerado como unha das máis significativas iconas culturais do século XX. Cando tiña 13 anos, trasladouse coa súa familia a vivir a Memphis, Tennessee. A súa carreira musical comezou en 1954 cando gravou para Sun Records co produtor Sam Phillips, quen quería levar o son da música afroamericana a unha audiencia máis numerosa.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.