Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Luís XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
San Vicente da Grade é unha parroquia do concello lugués de Chantada na comarca de Chantada. Segundo o IGE en 2014 tiña 60 habitantes (27 homes e 33 mulleres), o que supón unha diminución con respecto ao ano 1999 cando tiña 79 habitantes. Segundo o INE en 2017 eran 57 habitantes, 32 mulleres e 25 homes.
Juana María Clara Capdevielle San Martín, nada en Madrid o 12 de agosto de 1905 e asasinada en Monte da Gándara, ás aforas de Rábade (Lugo) o 18 de agosto de 1936, foi unha intelectual e bibliotecaria española.Accedeu ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos aos vinte e cinco anos e traballou como bibliotecaria na Biblioteca Nacional de España, na Biblioteca de Filosofía e Letras da Universidade Central e na Biblioteca do Ateneo de Madrid. Foi a primeira xefa dunha biblioteca universitaria de centro en España e unha das responsables do traslado das coleccións da Biblioteca de Filosofía e Letras á Cidade Universitaria. Foi unha intelectual moi activa, como indica a súa participación nas Primeiras Xornadas Euxénicas Españolas (1933), no II Congreso Internacional de Bibliotecas e Bibliografía (1934) e na Sección de Historia do Ateneo de Madrid.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
O meixón é a cría da anguía, única cría permitida polas leis de pesca. Cando se atopa nos mercados de peixe adoita ter 1 gramo de peso, mide algo menos de 8 centímetros de lonxitude e ten entre dous ou tres anos de vida. Os meixóns comercializados adoitan estar cocidas, en caso de estaren vivos son transparentes.
Emiliano García-Page Sánchez, nado en Toledo o 11 de xuño de 1968, é un político español, actual presidente da Xunta de Comunidades de Castela-A Mancha. Foi alcalde de Toledo e senador por Castela-A Mancha entre 2011 e 2015. Desde febreiro de 2012 é tamén secretario xeral do PSOE de Castilla-La Mancha.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
Extinción masiva do Capitaniano
A extinción masiva do Capitaniano, tamén chamada evento de extinción masiva do Capitaniano, evento de extinción do final do Guadalupiano, extinción masiva do límite Guadalupiano-Lopingiano, crise do Lopingiano, ou extinción do Permiano medio, foi un episodio de extinción masiva que precedeu á grande extinción de finais do Permiano. Esta extinción masiva ocorreu durante un período de diminución na riqueza de especies e incremento da taxa de extinción preto do final do Permiano medio, tamén coñecido como época ou serie do Guadalupiano. A miúdo tamén se chama evento de extinción do final do Guadalupiano debido a que se descubriu inicialmente entre as series do Guadalupiano e Lopingiano; porén, estudos estratigráficos máis refinados suxiren que os picos de extinción en moitos grupos taxonómicos ocorreron dentro do Guadalupiano, na última metade da idade ou piso Capitaniano.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Evan Taylor Ellingson, nado en La Verne (California) o 1 de xullo de 1988 e finado o 5 de novembro de 2023, foi un actor estadounidense de cine e televisión. Co-protagonizou MAD TV, e despois tivo un papel regular na serie de televisión Titus. No 2004, Evan foi escollido para interpretar a Kyle Savage na sitcom producida por Mel Gibson Complete Savages, que foi cancelada despois da primeira tempada.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Dinís de Portugal, nado o 9 de outubro de 1261 en Lisboa e finado o 7 de xaneiro de 1325 en Santarém, foi rei de Portugal, fillo de Afonso III e da súa segunda esposa, Beatriz de Castela, sendo, por tanto, neto de Afonso X o Sabio. Sucedeu o seu pai no trono de Portugal en 1279. Intitulábase nos diplomas que outorgou durante o seu reinado como Dom Denis, pella graça de Deus, Rei de Purtugal e do Algarue, e así consta no foro (carta de poboamento) concedido a Rebordãos o 18 de maio de 1285, así como noutros documentos.
Jared Joseph Leto (nado o 26 de decembro de 1971 en Bossier City, Luisiana) é un músico, actor, director e produtor estadounidense. É o vocalista e guitarrista rítmico da banda 30 Seconds to Mars, banda que formou en 1998 xunto co seu irmán máis vello Shannon Leto. Como actor traballou tanto en grandes producións de Hollywood como en filmes independentes e aparece en películas como Fight Club (O club da loita), Requiem for a Dream (Requiem por un soño) ou The Thin Red Line (A delgada liña vermella) entre outras.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da península ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O océano Índico (en árabe, Bahr al-Hind) é a parte do océano mundial da Terra que baña as costas de África do Leste, Oriente Medio, Asia do Sur e Australia. É o terceiro océano máis grande por superficie e cobre aproximadamente o 20 % da superficie do planeta. Delimita co océano Atlántico polo meridiano 20° leste (cabo Agullas), co Pacífico polo meridiano 147° leste e co Antártico polo paralelo 60° sur.
Unha arma de fogo é aquel instrumento que lanza un ou múltiples proxectís, xeralmente sólidos, a alta velocidade e a unha longa distancia grazas á presión orixinada por unha explosión orixinada pola queima dun propelente confinado. O termo arma de fogo aplícase unicamente aos dispositivos que despiden gas a alta presión tras unha reacción química de combustión dentro do mesmo dispositivo; deste xeito adóitase excluír como armas de fogo aos dispositivos que propulsan proxectís por medio de aire ou CO2 almacenadas a presión por outros medios, as cales en cambio téndese a clasificar como arma pneumática, aínda que nalgúns países como Alemaña, o Canadá e o Xapón clasifícanas como armas de fogo. As armas de fogo poden ser levadas a man como no caso dos fusís, carabinas e pistolas, entón os proxectís denomínanse balas, as cales non adoitan conter explosivos no interior.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 200.875.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 244.700 habitantes (INE 2022), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Os camiños da vida é unha novela de Ramón Otero Pedrayo publicada en 1928 pola Editorial Nós en tres volumes independentes. A editorial Galaxia editouna xa nun único tomo no ano 1978 como terceiro volume da súa Obra Selecta e en 1990 na colección Narrativa, cun estudo introdutorio de Ramón Mariño Paz, que vai pola 15ª edición.
O castiñeiro común (Castanea sativa), tamén coñecido popularmente como castiñeiro bravo, castiro, uriceiro ou castieiro, é unha árbore caducifolia da familia Fagaceae apreciada pola súa madeira e os seus froitos comestíbeis, as castañas. Moitos exemplares acadan unha gran lonxevidade e teñen unha longa historia que se pode remontar a varios séculos. Orixinario do sur de Europa e de Asia Menor, a súa presenza nestas áreas xeográficas débese a que durante a última glaciación, o castiñeiro atopou zonas de refuxio nas costas cantábrica e atlántica da Península Ibérica, así como na Península Itálica e na Península de Anatolia, sendo moi común nos montes de Galicia.
A Cruz de Borgoña ou Aspa de Borgoña é unha representación da Cruz de Santo André na que os troncos que forman a cruz aparecen cos seus nós nos lugares onde se cortan as ramas. Este emblema foi incluído nos escudos de armas e nas bandeiras de España, tanto de terra como de mar, desde 1506, época da súa introdución coa Garda borgoñoa de Filipe o Fermoso, até Xoán Carlos I. A Cruz de Borgoña desapareceu do escudo de armas do rei de España, e do seu estandarte, no reinado de Filipe VI, así como nos estandartes, bandeiras, bandeirolas, guións, pendóns e confalóns das Forzas Armadas de España. Esta cruz tamén é a orixe do símbolo distintivo que marca as colas dos avións do Exército do Aire de España.
Para o aeroporto Federico García Lorca Granada-Xaén véxase: Aeroporto de Granada.Federico García Lorca, nado en Fuente Vaqueros (Provincia de Granada) o 5 de xuño de 1898 e finado en Víznar (Provincia de Granada) o 18 de agosto de 1936, foi un poeta e dramaturgo andaluz. Membro da Xeración do 27 e autor en lingua galega de Seis poemas galegos (1935), é considerado o poeta español máis lido de tódolos tempos. Morreu fusilado polo bando franquista un mes despois do Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936, que desencadeou o inicio da Guerra civil española.
Unha marea negra é chegada á costa da vertedura de hidrocarburos ó mar, a modo dunha marea tinxida de negro formada por unha masa oleaxinosa máis ou menos espesa da emulsión do hidrocarburo en auga. As mareas negras máis graves adoitan ser consecuencia dun accidente dun barco petroleiro ou unha plataforma petrolífera. Aínda que o termo se aplica cando se trata da chega dunha masa voluminosa nun curto espazo de tempo de cru, fuel ou outro derivado do petróleo, os efectos sobre os ecosistemas son basicamente os mesmos que cando se trata dos vertidos limitados e reducidos producidos a partir doutras orixes, como as limpezas ilegais dos depósitos de fuel en mar a fóra, erros ou accidentes producidos na carga ou descarga dos barcos etc.
Pepsi Cola, coñecida normalmente como Pepsi, é unha bebida carbonatada de cola orixinaria de Estados Unidos e producida pola compañía PepsiCo. A súa maior competidora é a tamén estadounidense Coca-Cola. Pepsi-Cola foi inventada a finais do século XIX en Carolina do Norte por Caleb Bradham, un farmacéutico de New Bern que a ofrecía aos seus clientes como medicamento contra a dispepsia.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
La Mesías é unha serie de televisión española de suspense e drama creada, escrita e dirixida por Javier Ambrossi e Javier Calvo para Movistar Plus+. Está protagonizada por un amplo elenco liderado por Macarena García, Roger Casamajor, Lola Dueñas, Ana Rujas, Carmen Machi, Albert Pla, Amaia, Cecilia Roth, Nora Navas, Rossy de Palma, Aixa Villagrán e Gracia Olayo, entre outros. Tivo a súa estrea mundial no Festival Internacional de Cine de Donostia o 28 de setembro de 2023, e logo estreouse para o público en Movistar Plus+ o 11 de outubro de 2023.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2022/23 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador español, integrante do alzamento contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2 041 603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o 38,5 % do total de migrantes españois (5 311 906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias.
José Calvo Sotelo, nado en Tui o 6 de maio de 1893 e finado en Madrid o 13 de xullo de 1936, foi un político e xurisconsulto dereitista galego, ministro de Facenda do Goberno do Estado entre 1925 e 1930, durante a Ditadura de Primo de Rivera. Estivo exiliado durante os primeiros anos da Segunda República, non obstante foi elixido deputado en todas as lexislaturas, incorporándose ao seu escano logo dunha amnistía durante o bienio radical-cedista en 1934. Destacou como líder monárquico a través do partido Renovación Española, aínda que non mantivo boa relación coas outras forzas da dereita: a maioritaria, partidaria de contemporizar coa República (CEDA) e as minoritarias, entre as que estaba Falange Española.
A xenreira é un sentimento polo cal se lle colle mala vontade ou mala disposición de ánimo a algo ou alguén. Pode ser moi variada, xa que se pode expresar a través dunha fonda antipatía cara cousas, persoas, fenómenos ou situacións. As persoas tratan de evitar ou destruír aquilo ao que lle teñen este sentimento, e no caso de que llo teñan a outra persoa, pode ser reflectido mediante insultos ou agesións físicas.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
María Belén Rueda García-Porrero, máis coñecida como Belén Rueda, nada en Madrid o 16 de marzo de 1965, é unha actriz e presentadora de televisión española. Logo dunha extensa carreira televisiva en series e programas durante máis de dez anos, Belén Rueda debutou no cine en 2004 con Mar adentro, dirixida por Alejandro Amenábar, protagonizou El orfanato en 2007 e Los ojos de Julia en 2010. Nela compartiu repartición con actores como Javier Bardem ou Lola Dueñas e gañou ademais o premio como mellor actriz revelación na XIX edición dos Premios Goya.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Yvonne Ann Blake, nada en Manchester o 17 de abril de 1940 e finada en Madrid o 17 de xullo de 2018, foi unha deseñadora de vestiario hispano-británica, gañadora dun premio Óscar e catro premios Goya. En 2012 converteuse na primeira muller galardonada co Premio Nacional de Cinematografía sen ser actriz. Ademais foi presidenta da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España (AACCE) dende 2016 ata 2018.
Santa María de Oza, chamado abreviadamente Oza, foi un concello da provincia da Coruña, desaparecido en 1912 trala súa anexión ó concello da Coruña. Ó concello de Oza pertencían as parroquias de Visma, San Cristovo das Viñas, Elviña e Oza. Limitaba polo norte co Océano Atlántico e co concello da Coruña; polo oeste e o suroeste co concello de Arteixo; polo sur co concello de Culleredo; e polo leste coa ría do Burgo que o separaba do concello de Oleiros.
Moedas do Xubileu de Vitoria do Reino Unido
As moedas do Xubileu de Vitoria do Reino Unido (ou máis comunmente moedas do Xubileu) son unha serie numismática británica composta por moedas de ouro e de prata cun novo deseño, emitidas entre 1887 e 1893 en conmemoración do Xubileu de Ouro ou cincuentenario de ascenso ao trono da raíña Vitoria, en 1837. Os anversos das moedas desta serie caracterízanse por un retrato de Vitoria deseñado por Joseph Edgar Boehm. A serie do Xubileu abrangue todos os valores faciais de prata e de ouro do sistema monetario británico circulante (desde 1887) e tamén as moedas cuñadas con ocasión do Royal Maundy (a partir de 1888).
A chave ou xogo da chave é un xogo popular galego que consiste en lanzar uns discos redondos e planos, denominados pesos, pellos, pellas ou peletres, sobre unha peza metálica, chamada chave, colocada a certa distancia. Existen moitas modalidades de chave na Galiza con numerosos equipos e varias ligas asociadas a cada modalidade. Entre elas: A liga da Coruña, organizada na Federación Galega de Chave dependente da Xunta de Galicia.
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987, é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo. Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga..
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Na mitoloxía grega, Efialtes (Ἐφιάλτης / Ephiáltēs) foi un xigante, fillo de Xea (a Terra), creados a partir do sangue que caeu sobre a Terra cando Urano (o Ceo) foi castrado polo seu fillo, o titán Cronos. Hixino dáo como fillo de Xea e Tártaro.Como tódolos xigantes fillos de Xea, Efialtes era un ser de tamaño e forza descomunais, de aparencia humana, agás na metade inferior do corpo, no que en lugar de pernas tiña unha cola de serpe. Efialtes e os outros xigantes participaron na Xigantomaquia, a guerra entre os xigantes e os deuses, e foi morto pola acción conxunta de Apolo e de Heracles, que lle atravesaron coas súas frechas un ollo cada un.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.