Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
O título deste artigo amósase incorrectamente debido a limitacións técnicas. O título correcto é C#.C# (pronunciado "si xarp" en inglés, ou C díese) é unha linguaxe de programación orientada a obxectos desenvolvido e estandarizado por Microsoft como parte da súa plataforma .NET, que despois foi aprobado como un estándar pola ECMA e ISO. A súa sintaxe básica deriva de C/C++ e utiliza o modelo de obxectos da plataforma .NET o cal é similar ao de Java aínda que inclúe melloras derivadas doutras linguaxes (máis notablemente de Delphi e Java). C# foi deseñado para combinar o control de linguaxes de baixo nivel como C e a velocidade de programación de linguaxes de alto nivel como Visual Basic.
O grunge é un tipo de música dos primeiros anos noventa. É unha mestura do rock máis duro dos sesenta coa forza da música punk aderezado con guitarras marcadamente distorsionadas, e caracterízase polo rexeitamento de estilo de metal que marcou os últimos oitenta, con grupos coma Bon Jovi, Whitesnake ou Van Halen. Naceu coa chamada escena de Seattle e o selo discográfico Sub Pop.
Un motor de busca ou buscador é un sistema informático que procura arquivos almacenados en servidores web, un exemplo son os buscadores de internet (algúns buscan só na Web pero outros buscan ademais en News, Gopher, FTP etc.) cando lles pedimos información sobre algún tema. As procuras fanse con palabras clave ou con árbores xerárquicas por temas; o resultado da procura é unha listaxe de direccións Web nas que se mencionan temas relacionados coas palabras clave buscadas.
Setlist ou Set list é un documento que fai relación das cancións que unha banda musical vai interpretar nun concerto en particular. Adoita a estar impreso ou escrito nun papel, nun cartón ou nunha lámina, aínda que xa hai conxuntos que empregan as novas tecnoloxías, coma a dun IPad. O termo pode facer tamén relación á lista das cancións, pero non nun sentido físico.
EMI Group Ltd. (siglas de Electric and Musical Industries, tamén coñecida como EMI Records Ltd. ou simplemente EMI) foi unha compañía discográfica multinacional que incluía ao selo EMI Music, con sede en Brook Green, no distrito londiniense de Hammersmith e Fulham, e a EMI Music Publishing, con sede en Charing Cross Road, tamén na cidade de Londres.
Queen II é o segundo álbum da banda inglesa de rock Queen, publicado o 8 de marzo de 1974. Foi gravado nos Trident Studios de Londres no mes de agosto de 1973, baixo a produción de Roy Thomas Baker e Robin Cable. As dúas caras do LP orixinal foron etiquetadas como "Side White" (cara branca) e "Side Black" (cara negra), con fotos dos membros da banda vestidos de branco ou negro en cada lado do álbum.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
The Dark Side of the Moon é o oitavo álbum da banda inglesa de rock progresivo Pink Floyd, publicado o 1 de marzo de 1973. Baseouse nas ideas exploradas en anteriores gravacións e en concertos, pero carece das extensas excursións instrumentais que caracterizaban aos seus traballos tras a saída en 1968 de Syd Barrett. Os temas de The Dark Side of the Moon inclúen conflito, cobiza, paso do tempo e enfermidade mental, este último inspirado parcialmente na deterioración do estado mental de Barrett.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Discogs, abreviatura de discografías, é unha páxina web e unha base de datos colaborativa que recolle información sobre gravacións de son, entre as que se inclúe gravacións comerciais, promocionais e gravacións non comerciais. Os servidores de Discogs, aloxados baixo o dominio discogs.com, son propiedade de Zink Media, Inc., e atópanse en Portland, Oregón, nos Estados Unidos. Aínda que a páxina contén listas musicais de tódolos xéneros e en tódolos formatos, é especialmente coñecida por ser a meirande base de datos de música electrónica e polas súas gravacións en discos de vinilo.
Death on Two Legs é a primeira canción do álbum A Night at the Opera, realizado pola banda de rock británica Queen en 1975. Freddie Mercury escribiu esta canción como unha carta de despedida ao exmanager de Queen Norman Sheffield, con quen, segundo a banda, non estaban de acordo na distribución dos beneficios entre 1972 e 1974. Segundo Taylor e May, Freddie estaba realmente desgustado polo xeito en que se repartían as ganancias da banda, xa que logo de tres álbums, o terceiro deles, "Sheer Heart Attack", con relativo éxito internacional, mesmo no Xapón, a banda non vira aínda traducido en beneficio económico todo o seu esforzo musical.
Canon en re maior de Pachelbel
O Canon e Giga en re maior para tres violíns e baixo continuo (en alemán: Kanon und Gigue in D-Dur für drei Violinen und Basso Continuo), tamén coñecido sinxelamente como o Canon, é a obra máis coñecida do compositor alemán de música barroca Johann Pachelbel. Pachelbel compuxo esta obra arredor do ano 1680, sendo orixinalmente unha obra de música de cámara para tres violíns e baixo continuo; posteriormente realizáronse arranxos para unha gran variedade de instrumentos e conxuntos. Orixinalmente, unha giga na mesma tonalidade (re maior) segue ó canon, pero esta última danza execútase ou grava con moita menos frecuencia.
A lingua casaca ou casaco é unha lingua turca da familia altaica, con grafía ben árabe na China, Irán ou Afganistán; ben cirílica. Durante a década de 1930 experimentouse coa latina en Turquía. É idioma oficial xunto coa lingua rusa de Casaquistán; fálase nos territorios do que foi o amplo imperio mongol: a provincia chinesa de Xinjiang, Mongolia, Quirguistán, Uzbekistán, Turkmenistán, Ucraína e Rusia.
'39 é unha canción da banda de rock inglesa Queen, escrita polo seu guitarrista Brian May e editada na cara B do sinxelo "You're My Best Friend", extraído do álbum A Night at the Opera, lanzado en 1975. A canción é cantada por Brian May e foi definida como unha "balada folk". Na versión de estudio a canción foi interpretada por Brian May, mentres que nos concertos era Freddie Mercury quen a interpretaba, como se pode escoitar no disco en directo Live Killers.
O espazo exterior ou espazo baleiro, tamén simplemente chamado espazo, refírese ás rexións relativamente baleiras do universo fóra das atmosferas dos corpos celestes. Úsase espazo exterior para distinguilo do espazo aéreo (e as zonas terrestres). O espazo exterior non está completamente baleiro de materia (é dicir, non é un baleiro perfecto) senón que contén unha baixa densidade de partículas, predominantemente gas hidróxeno, así como radiación electromagnética.
Good Company é unha canción que forma parte do álbum A Night at the Opera, editado en 1975 pola banda de rock inglesa Queen. Brian May, o guitarrista, foi o autor da canción e era tamén quen a icantaba, ao tempo que tocaba o banjo, nas actuacións en directo, que substituíu por un ukelele na versión gravada. A canción, inspirada na vida do pai do compositor, narra a historia dun rapaz ao que o seu pai lle daba consellos para saber elixir as compañías.
Paris Whitney Hilton, nada en Nova York o 17 de febreiro de 1981, é unha personalidade dos medios estadounidense, muller de negocios, membro da alta sociedade, modelo, cantante, actriz, deseñadora de moda e DJ. Hilton é bisneta de Conrad Hilton, fundador dos Hoteis Hilton, e criouse entre Nova York e Beverly Hills. Comezou unha carreira como modelo na adolescencia, cando asinou coa axencia de modelos neoiorquina Trump Model Management. A súa imaxe pública nocturna convertérona nunha habitual do xornalismo sensacionalista, e Hilton foi declarada a "It Girl líder de Nova York" en 2001.
Chanson é un termo francés, que se refire a calquera canción con letra en francés e, máis especificamente, a pezas vocais de tema amoroso, e tamén ás de crítica social e política, en particular as pertencentes ao estilo dos cabarés. Nese ámbito, chámase chansonnier ao intérprete de cancións de carácter humorístico ou satírico. Nun modo máis especializado, a chanson é unha peza musical polifónica da Baixa Idade Media e do Renacemento.
AllMusic (anteriormente coñecido como All Music Guide ou AMG) é un sitio web propiedade da empresa RhythmOne dende abril de 2015, que está concibido como un servizo de guía musical para usuarios, fans e membros da industria musical. O seu creador foi Michael Erlewine e comezou a funcionar en 1991, aínda que a base de datos non estivo dispoñible en Internet ata 1994. Só está dispoñíbel en lingua inglesa.
O funk é un estilo musical afroamericano. Naceu nos 60 con intérpretes coma James Brown, Sly and the Family Stone e The Meters, e emerxeu coma xénero a finais desa década. O funk caracterízase por ter ritmos bailables moi sincopados que enfatizan o primeiro tempo de cada compás, liñas de baixo prominentes, unha guitarra rítmica moi distintiva cun son afiado, voces ó estilo da música soul, seccións de vento poderosas e orientadas ó ritmo, unha grande énfase na percusión, incluíndo adoito diversos tambores ademais da batería, e influencias africanas e do jazz.
Un concerto é unha actuación musical na «que se executan composicións soltas». No eido da música clásica occidental tamén é a forma musical na que os materiais melódicos, rítmicos e harmónicos se combinan nunha composición, determinando así a calidade sonora global dunha peza. Designa a forma de relacionarse as diversas voces que interveñen nunha peza musical, entendendo como voces diversas liñas melódicas simultáneas, sexan vocais ou instrumentais.
"You're My Best Friend" é un sinxelo da banda británica de rock Queen, lanzado en 1976. A canción foi escrita polo baixista John Deacon, e pertence ao álbum A Night at the Opera, de 1975. A canción foi escrita en homenaxe á esposa de John Deacon, Veronica Tetzlaff, e salienta por estar escrita no piano, instrumento que John estaba aprendendo a tocar.
"Seaside Rendezvous" é unha canción do grupo de rock británico Queen, que figura como número sete do seu cuarto álbum de estudio: Unha Noite na Ópera. A canción, que nunca foi interpretada en directo, foi escrita por Freddie Mercury e amosa claras influencias do vaudeville e do "music hall". Esta canción conta cunha curiosa sección de ponte musical executada vocalmente por Mercury e mais por Roger Taylor, na súa parte central.
A música hip hop, tamén coñecida como música rap e anteriormente coñecida como disco rap, é un xénero de música popular orixinado no Bronx, barrio da cidade de Nova York a principios da década de 1970 por afroamericanos, aínda que existiu durante anos antes do descubrimento convencional. Consiste en música rítmica estilizada que, normalmente, acompaña ao rap, un discurso rítmico e rimado que se canta. Desenvolveuse como parte da cultura hip hop, unha subcultura definida por catro elementos estilísticos clave: MC/rapping, DJ/scratching, breakance e a arte graffiti.
A bossa nova é un xénero musical de orixe brasileira que xurdiu a mediados do século XX, impulsado por un grupo de estudantes e músicos de clase media procedentes de Copacabana e Ipanema, nos barrios do Río de Xaneiro situados a rentes do litoral. En portugués vén dicir "o ritmo novo" ou "o vieiro novo". Trátase dun xénero moi popular no Brasil grazas á gravación dos temas Saudade de Bahia e Rosa Morena interpretadas por Dorival Caymmi, de Chega de Saudade interpretada por João Gilberto e composta por Antonio Carlos Jobim e Vinícius de Moraes, tres dos principais expoñentes deste xénero no Brasil.
Jamendo é unha comunidade creada en xaneiro do 2005 ao redor da música de libre distribución, onde os artistas poden subir a súa música de balde e o seu público escoitala e descargala do mesmo xeito. Dende a súa fundación, o número de artistas e álbums aloxados medrou de maneira exponencial. O nome provén da mestura de "jam" e "crescendo".
Parlophone é un selo discográfico fundado en Alemaña en 1896 pola Carl Lindström Company como Parlophon, a filial británica xurdiu en 1923 como "Parlophone" e durante os anos '20 converteuse nun selo líder no jazz. En 1927, foi adquirida por Columbia Gramophone Company, que máis tarde se convertería en EMI. A mediados de 1962 converteuse nun dos selos discográficos máis importantes do mundo cando un directivo, George Martin, contratou a The Beatles, chegando a producir os seus primeiros nove álbums e os sinxelos correspondentes.
Internet Broadway Database (IBDB) (en galego: A base de datos de Broadway en Internet) é unha base de datos en liña de producións de Broadway e do seu persoal. Opera a través do Departamento de investigación de The Broadway League, unha asociación comercial norteamericana de teatro comercial.A IBDB achega rexistros de producións dende o inicio do teatro en Nova York no século XVIII até o presente. Nel, detállanse as persoas implicadas, feitos interesantes e estatísticas.Foi concibida por Karen Hauser, xefa do Departamento de Investigación da Liga de Teatros americanos e Produtores (agora chamado "The Broadway League").
Roy Thomas Baker, nado en Hampstead (Londres) o 10 de novembro de 1946, é un produtor musical, compositor e arranxador inglés. É directivo da Recording Academy e gañador de múltiples premios. Produciu diversos discos de rock e pop que chegaron a ser disco de ouro e disco de platino desde a década de 1970 ata hoxe.
Gotland é un municipio sueco (kommun) cunha responsabilidade ampliada de tarefas que normalmente pertencen á rexións suecas. O concello tamén ten responsabilidades de desenvolvemento rexional dende o ano 2011. En relación con isto o municipio comezou a utilizar o nome de Region Gotland en lugar do aínda oficial Gotlands kommun.
A Night at the Opera (en galego: "Unha noite na ópera") é o cuarto álbum de estudio da banda británica de rock Queen, lanzado o 21 de novembro de 1975 en Europa e o 2 de decembro en América. Con este álbum, Queen adoptou unha sonoridade diferente comparada cos seus discos anteriores, facendo moito uso dun piano e de moitos outros instrumentos nunca utilizados polo grupo ata entón. Cancións como You're My Best Friend" e Bohemian Rhapsody conseguiron un éxito moi salientable e foron executadas en todos os concertos do grupo desde ese momento.
Phillip Harvey "Phil" Spector, nado como Harvey Phillip Spector o 26 de decembro de 1939 no Bronx en Nova York e finado o 16 de xaneiro de 2021, foi un produtor e compositor estadounidense. Creador da técnica de produción "Wall of Sound" (en galego, "muro de son") Spector foi o pioneiro no son dos grupos de rapazas dos anos 60 e produciu ao redor de 25 éxitos top 40 entre 1960 e 1965. Algúns dos seus grupos femininos máis famosos son The Ronettes e The Crystals.
Polydor Records é un selo discográfico cuxa sede se atopa nestes momentos no Reino Unido, filial de Universal Music Group. O seu estilo é Pop, Rock e R&B no que se atopan os mellores artistas do panorama Pop Británico, como é o caso de Bryn Christopher, Duffy, Sophie Ellis-Bextor, Ronan Keating,Girls Aloud, Scissor Sisters, Björk, The Jam ou Take That, artistas de Estados Unidos, como Black Eyed Peas, Nelly Furtado ou Eminem. En Francia a Mylène Farmer quen logrou vender 30 millóns de discos.
O aeroporto de Manchester (IATA: MAN, ICAO: EGCC) é un aeroporto internacional inglés en Ringway, situado a 13,9 km ao sueste do centro da cidade de Manchester. No ano 2016 foi o terceiro aeroporto máis concorrido do Reino Unido en número de pasaxeiros. As súas instalacións están formadas por tres terminais de pasaxeiros e unha de carga e é o único aeroporto británico xunto con Heathrow con dúas pistas de máis de 3 000 metros.
O metal progresivo é un xénero musical que fusiona o heavy metal e o rock progresivo, xurdido a finais da década dos 80 con grupos como Watchtower, Queensrÿche ou Fates Warning. Queensrÿche foi o primeiro grupo en situar o metal progresivo no panorama musical mundial grazas a popularidade da canción "Silent Lucidity", pero foi Dream Theater a banda que revolucionou o xénero en 1992 coa publicación de Images and Words. Desde entón xurdiron moitas fusións entre o metal progresivo e outros subxéneros do heavy metal, como o death metal progresivo (grazas a Opeth, Death ou Cynic), o black metal progresivo (con grupos como Enslaved), o thrash metal progresivo (cuxo máximo expoñente foi Voivod, ademais dos mencionados Watchtower) ou o power metal progresivo (Symphony X ou Kamelot).
O Billboard Hot 100 é un gran conteo dos 100 sinxelos máis populares e vendidos nos Estados Unidos, axuda a promover a industria musical nacional e internacional, e defínese como a máis importante das listas de Billboard xunto co Billboard 200. A publicación desta lista é semanal a través da revista Billboard, e tamén a través de Internet na súa páxina oficial. A primeira canción en chegar ao número un da Billboard Hot 100 foi "Poor Little Fool" de Ricky Nelson en 1958.[Cómpre referencia]No ano 2008 a revista Billboard realizou a lista Billboard Hot 100 All-Time Artists, cos artistas máis exitosos, e situou a The Beatles e Madonna nos 2 primeiros postos.
a-ha foi unha banda norueguesa de synthpop formada polo vocalista Morten Harket, o guitarrista Paul Waaktaar-Savoy e o tecladista Magne Furuholmen. Tras formaren o grupo en 1982, saíron de Noruega rumbo a Londres co obxectivo de facer unha carreira no mundo da música. O grupo alcanzou pronto grande éxito co seu álbum de estrea: Hunting High and Low, lanzado en 1985.
A Billboard 200 é unha lista publicada semanalmente pola revista Billboard que amosa os 200 álbums máis vendidos nos Estados Unidos durante a semana en curso. Frecuentemente é usada para ver a popularidade dun artista ou grupo musical segundo a venda dos seus discos. Desde os anos 50 ata 1983 era chamada Top Pop Albums e ese ano cambiou o seu nome a Billboard, cambiando novamente en 1992 ao actual Billboard 200.
Macbeth é unha traxedia en cinco actos de William Shakespeare, escrita en prosa e en verso, que fala sobre a traizón e a ambición desmedida. Foi composta probablemente cara a 1606 e estreada pouco despois. Representouse no Teatro do Globo o 20 de abril de 1611, pero é posible que xa se representase con anterioridade, pois non se menciona que se tratase da primeira representación.
Songkick é unha compañía tecnolóxica estadounidense que proporciona servizos de descubrimento de concertos e de vendas de entradas para eventos musicais ao vivo. A web e a app móbil de Songkick permite aos usuarios rastrexar a artistas en xira, recibir alertas de concertos na súa área e mercar entradas para os espectáculos, usando tecnoloxía e servizos que dirixen e xestionan as vendas de entradas en nome de artistas.
Billboard é unha revista semanal estadounidense adicada á industria musical, sendo unha das revistas comerciais máis antigas no mundo. Mantén varias listas musicais recoñecidas internacionalmente, que seguen as cancións e álbums máis populares en varias categorías de forma semanal. As dúas máis destacables son a Billboard Hot 100, que clasifica cancións con máis vendas físicas sen ter en conta o seu xénero; e a Billboard 200, que corresponde ás vendas de álbums.
O heavy metal (/ˈhɛvɪˈmɛtl/) é un xénero musical derivado do rock a finais dos anos 1960 e comezos dos 1970, principalmente nos Estados Unidos de América e no Reino Unido. Partindo do blues e o rock psicodélico, os grupos pioneiros do heavy metal desenvolveron un son máis marcado e profundo caracterizado por unha distorsión amplificada, solos de guitarra e ritmos enerxéticos. As letras e actuacións dos grupos de heavy metal adoitan asociarse coa masculinidade e agresividade.Os primeiros grupos considerados dentro do heavy metal, como Led Zeppelin, Black Sabbath e Deep Purple, atraeron grandes audiencias malia ser criticados habitualmente nos medios de comunicación, e a mediados dos anos 1970 Judas Priest supuxo un estímulo na evolución do xénero ao descartar gran parte da influencia do blues.
Fidelio oder die eheliche Liebe (en galego Fidelio ou o amor conxugal) é unha ópera en 2 actos con música de Ludwig van Beethoven e libreto en alemán de Joseph Ferdinand Sonnleithner baseado no libreto anterior en francés de Jean-Nicolas Bouilly que fora empregado en 1798 para a ópera Léonore, ou L’amour conjugal de Pierre Gaveaux e en 1804 para a ópera Leonora de Ferdinando Paer (Beethoven tiña a partitura desta). A súa estrea tivo lugar no Theater an der Wien de Viena o 20 de novembro de 1805.
O cambio climático é a variación global do clima da Terra a diversas escalas de tempo e sobre tódolos parámetros climáticos: temperatura, precipitacións, nubosidade etcétera. Son debidos a causas naturais e, nos últimos séculos, tamén á acción do home na biosfera. A expresión moitas veces úsase de xeito reducionista para facer referencia tan só ós cambios climáticos que suceden no presente, como sinónimo de quecemento global.
O algodón ou cotón é unha fibra branca ou esbrancuxada que se obtén dos froitos dos algodoeiros (algunhas especies do xénero Gossypium, familia Malvaceae). Hai moitas especies nativas das áreas tropicais de África, Asia e América, e desde o final da última Era glacial xa se confeccionaban tecidos con algodón. Actualmente, soamente se aproveitan 4 especies a grande escala para a confección de tecidos e instrumentos médicos.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
As membranas fetais son as catro membranas extraembrionarias, asociadas co desenvolvemento do embrión e o feto en humanos e outros animais. Son o amnio, o corion, o alantoide e o saco vitelino. O aminion e o corion son as membranas corioamnióticas e constitúen o saco amniótico que rodea e protexe o embrión.
Colorado, Estados Unidos de América
Colorado é un estado americano. Limita ao norte co estado de Wyoming, ao sur co estado de Novo México, ao leste co estado de Kansas, ao oeste co estado de Utah, ao nordeste co estado de Nebraska e ao suroeste co estado de Oklahoma. É un dos catro estados que se encontran no monumento das catro esquinas.
Procariota e procarionte redirixen aquí. Para outras informacións taxonómicas ver Monera e Prokaryota.Chámase célula procariota (do grego πρό-, pro- = 'antes de' e κάρυον, káryon = 'noz, núcleo') a aquela célula sen núcleo celular diferenciado, é dicir, cuxo ADN se atopa disperso no citoplasma.As células que si teñen un núcleo, é dicir, co ADN pechado tras dunha cuberta membranosa, chámanse eucariotas e constitúen as formas de vida máis coñecidas e complexas, as que forman o imperio ou dominio Eukarya. As procariotas son células máis pequenas e moito menos complexas que as eucariotas e carecen de orgánulos como as mitocondrias, retículo endoplasmático, aparato de Golgi e outros.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
Os Carolina Panthers son un equipo profesional estadounidense de fútbol americano con sede na cidade de Charlotte, Carolina do Norte. Compiten na National Football League (NFL) como membros da División Sur da National Football Conference (NFC). Con grande apoio nas "Carolinas" (Carolina do Norte e do Sur), os Panthers xogan desde 1996 os seus partidos como local no Bank of America Stadium.
Xoán Paulo II, nado co nome de Karol Józef Wojtyła (AFI: [ˈkarɔl ˈjuzɛf vɔjˈtɨwa]) en Wadowice o 18 de maio de 1920 e finado na Cidade do Vaticano o 2 de abril de 2005, foi o papa número 264 da Igrexa católica. De orixe polaca, foi o primeiro Pontífice non italiano dende Hadrián VI, finado en 1523. O seu pontificado de 26 anos foi o terceiro máis longo na historia da Igrexa católica, despois do de San Pedro (crese que entre 34 e 37 anos) e o de Pío IX (31 anos).
Operación Triunfo 2017 é a novena edición do programa de televisión musical Operación Triunfo en España, a cal volve emitirse na 1 tras 16 anos dende a súa primeira emisión. O programa estreouse líder de audiencia, conseguindo un 19% de cota de pantalla en prime time. Durante o resto das súas emisións, o programa continou rexistrando bos datos de audiencia.
Magdalena Valerio Cordero, nada en Torremocha (Cáceres) o 27 de setembro de 1959, é unha funcionaria e política española, membro do PSOE que desenvolveu a maior parte da súa traxectoria política en Castela-A Mancha. Foi ministra de Traballo, Migracións e Seguridade Social do Goberno de España no goberno do primeiro goberno de Pedro Sánchez.
Coñécese como asistencia sanitaria, atención médica, asistencia médica, atención sanitaria ou atención de saúde, ao conxunto de servizos que se proporcionan ao individuo, co fin de promover, protexer e restaurar a súa saúde. A asistencia sanitaria é basicamente un servizo ou un ben económico intanxible de tal forma que "o servizo chamado asistencia sanitaria é o que presta un axente ou operador especializado para as persoas que senten ou teñen manifestacións de alteracións no seu estado de saúde e que ademais este servizo préstase baixo unhas determinadas condicións de seguridade e por quen está en posesión dun determinado coñecemento, é dicir, é un servizo especializado e singular que só o poden dar persoas autorizadas ou acreditadas e en centros autorizados". "A singularidade do servizo prestado nun centro asistencial vén determinada por moitos factores que abarcan desde a súa cultura até pola grande influencia doutros sectores da economía".
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Concepción García Campoy, nada en Terrassa o 28 de outubro de 1958 e finada en Valencia o 10 de xullo de 2013, coñecida como Concha García Campoy, foi unha xornalista e presentadora de radio e televisión española. Ata xaneiro de 2012, dirixía e presentaba o informativo matinal da cadea televisiva Telecinco e era portavoz da Academia das Ciencias e as Artes da Televisión.
Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar, está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla desemboca na ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 27 km e de Ribeira atópase a uns 37 km, ten unha superficie de 36,1 km2 e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2023 tiña 2 675 habitantes (1 276 eran homes e 1 399 mulleres), cunha densidade de poboación de 73,29 hab./km2.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.