Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A mirmecofilia (etimoloxicamente 'amor polas formigas') é unha asociación interespecífica positiva entre as formigas e outros diversos organismos, como plantas, outros artrópodos e fungos. A mirmecofilia é unha asociación mutualista coas formigas, aínda que no seu uso máis xeral, o termo pode tamén referirse a interaccións commensais ou mesmo parasitas. O termo mirmecófilo utilízase principalmente para os animais asociados con formigas.
Os videoxogos de plataformas son un xénero de videoxogos que se caracterizan por ter que camiñar, correr, saltar ou escalar sobre unha serie de plataformas e cantís, con inimigos, mentres se recollen obxectos para poder completar o xogo. Este tipo de videoxogos adoitan usar vistas de desprazamento horizontal cara á esquerda ou cara á dereita. É un xénero moi popular de videoxogos, xurdido a comezo da década de 1980 e que segue mantendo bastante popularidade na actualidade.
Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa
O Museo de Nova Zelandia Te Papa Tongarewa, máis coñecido como Te Papa, é un museo nacional de Nova Zelandia que se atopa na cidade de Wellington. Trátase dun museo que mantén unha proposta de integración e traballo multidisciplinar.
O termo aglomeración ou ateigamento utilízase frecuentemente para facer referencia a acumulación de individuos ou de animais nun mesmo lugar, o cal non se acha fisicamente preparado para albergalos de tal maneira que, esas persoas ou animais que se achan vivindo nesa situación se verán afectadas non unicamente pola incomodidade de ter que compartir un espazo mínimo con outros, senón tamén que por mor diso será practicamente imposíbel que o lugar observe unha hixiene e seguridade satisfactoria, afectando a saúde das persoas, e mesmo, naquelas situacións máis extremas até pode existir risco para a vida.
A dinastía Han (chinés tradicional: 漢朝, chinés simplificado: 汉朝) gobernou China dende o 206 a. C. ata o 220 d.C. marcando un período de prosperidade económica e cultural e unha expansión territorial na Historia da China. Foi precedida pola dinastía Qin (221–206 a.C.) e seguiuna o período dos Tres Reinos (220-280 d.C.) Durante a dinastía Han, os seus reis adoptaron os ensinos dos grandes filósofos da antigüidade, Lao Zi e Confucio.
OpenStreetMap (tamén coñecido polas súas siglas OSM) é un proxecto aberto e colaborativo para crear mapas libres, gratuítos e editables. As trazas dos mapas créanse empregando información obtida de dispositivos GPS ou empregando fotografías aéreas ou de satélites e outras fontes como bases de datos da administración. Dende 2016 OSM emprega en España cartografía PNOA para mapeado e edición.
Breaking Bad é unha serie de televisión estadounidense de crime e drama creada e producida por Vince Gilligan. Emitiuse orixinalmente pola AMC durante cinco tempadas, dende o 20 de xaneiro de 2008, até o 29 de setembro de 2013. Conta a historia de Walter White (Bryan Cranston), un mestre de instituto de química a quen lle diagnostican un cancro de pulmón.
O turco ( Türkçe ) é a máis estendida das linguas turcas, con entre 80 e 90 millóns de falantes. É a lingua nacional de Turquía e a República Turca do Norte de Chipre. Existen comunidades de falantes en Iraq, Siria, Alemaña, Austria, Bulgaria, Macedonia do Norte, Grecia e o no Cáucaso, así como noutras partes de Europa e Asia central.
Sherlock é un nome inglés masculino de pouca frecuencia, que significa literalmente "loiro", do anglosaxón scir ("brillante") e locc ("mechón de pelo"). Popularizado a partir do personaxe literario Sherlock Holmes, pode referirse a: PatronímicoUn apelido irlandés anglificado desde o gaélico "Scurlog", do danés "feroz guerreiro".PersonalidadesThomas Sherlock, bispo de Londres no século XVIII. Lorcan George Sherlock, alcalde de Dublín até 1945. Sherlock Holmes, un detective ficticio de finais do século XIX e principios do século XX, creado por Arthur Conan Doyle.TelevisiónSherlock, unha serie de televisión de 2010.
A unidade astronómica (UA) é unha unidade de distancia aproximadamente igual á distancia media (xa que as órbitas son elípticas) entre a Terra e mailo Sol. É bastante utilizada en astronomía para expresar a órbita dos planetas e outros corpos celestes no ámbito da astronomía planetaria, e equivale aproximadamente a 149 597 870 700 metros.
O dólar internacional é unha unidade monetaria hipotética que ten o mesmo poder adquisitivo que o dólar estadounidense ten nos Estados Unidos nun momento dado . Esta unidade mostra canto vale unha unidade dunha moeda local dentro das fronteiras do país. As conversións a dólares internacionais calcúlanse utilizando a "paridade de poder adquisitivo" (PPA).
O Prefixo Aeronáutico ou Matrícula dunha aeronave, é unha serie alfanumérica de caracteres semellantes aos da matrícula dun automóbil. En conformidade co Convenio sobre Aviación Civil Internacional (OACI), tódolos avións teñen que estaren rexistrados pola autoridade aeronáutica nacional correspondente e este rexistro tense que levar mediante unha documentación legal, chamada Certificado de Rexistro, en todo momento durante as operacións da aeronave. Na maioría dos países obrigan tamén a que o prefixo sexa colocado nunha placa metálica a proba de lume sobre a fuselaxe, para que no caso dunha investigación a posteriori despois dun accidente aéreo no que o avión ardese, o recoñecemento da nave sexa doado.
MusicBrainz é un proxecto cuxo obxectivo é a creación dunha base de datos musical de contido aberto. MusicBrainz recolle información sobre música gravada, nomes de artistas, títulos, listaxes de cancións, datas de publicación, etc. O 30 de xaneiro de 2016, MusicBrainz contiña información de arredor dun millón de artistas, un millón e medio de álbums e máis de quince millóns e medio de gravacións.Os rexistros fanse grazas ao traballo de editores voluntarios que seguen unhas normas de edición precisas.
Stonehenge é un monumento neolítico (crómlech) e da idade de bronce situado preto de Amesbury en Wiltshire, Inglaterra, a uns 13 km ao noroeste de Salisbury. Trátase dun monumento megalítico probabelmente construído como templo-calendario. Está situado cronoloxicamente no período neolítico ou na Idade de bronce.
Os metadatos ou metainformación son o conxunto de datos asociados a obxectos ou sistemas de información que teñen a finalidade de describilos, xestionalos, preservalos ou facilitar o seu uso; dito doutro xeito son datos sobre outros datos. Un elemento de metadatos pode dicir de que se trata eses datos, xeralmente información intelixible por un ordenador. Os metadatos facilitan a comprensión das relacións e fan que a información resulte útil nos datos.
O balinés é unha lingua malaio-polinesia falada por preto de 3,3 millóns de persoas (segundo datos de 2000) na illa indonesia de Balí, así como no norte de Nusa Penida, oeste de Lombok e leste de Xava. A maioría dos falantes de balinés tamén coñecen o indonesio. No ano 2011, a Axencia Cultural de Balí estimou que o número de persoas que aínda empregan a lingua balinesa no seu día a día na illa de Balí non supera o millón, xa que nas áreas urbanas os pais ensínanlles ós fillos a lingua indonesia ou o inglés, mentres que nas institucións e nos medios de comunicación masivos desapareceu completamente.
A divina comedia, tamén coñecida como Comedia ou Divina comedia (en italiano Commedia /{komˈmɛdja/ ou Divina commedia /diˈvina komˈmɛdja/) é un poema de Dante Alighieri escrito en lingua vernácula, o dialecto toscano de Florencia, entre 1308 e a súa morte en 1321. O adxectivo Divina, atribuído a Boccaccio, atópase soamente a partir da edición impresa en 1555 por Ludovico Dolce. A Commedia é a obra de Dante máis coñecida e unha importante testemuña da civilización medieval.
Viva la Vida or Death and All His Friends
Viva la Vida or Death and All His Friends é o cuarto álbum da banda inglesa de rock alternativo Coldplay, editado o 11 de xuño do ano 2008 a través do selo Parlophone. A cuberta do álbum é a pintura A Liberdade guiando o pobo de Eugène Delacroix.
Ariana Grande-Butera, coñecida profesionalmente como Ariana Grande, nada en Boca Raton o 26 de xuño de 1993, é unha cantante e actriz estadounidense. Comezou a súa carreira no musical de Broadway 13, antes de intepretar a Cat Valentine na serie de televisión de Nickelodeon Victorious en 2009. Despois do remate da serie, Grande converteuse nunha ídolo adolescente noutra serie, Sam & Cat, que rematou no 2014.
Unha consoante nasal prodúcese cando o veo do padal —a parte carnosa do padal preto da parte posterior— se baixa, permitindo que o aire flúa libremente a través do nariz. A cavidade bucal aínda actúa como compartimento da resonancia do son, pero o aire non sae pola boca mentres que é bloqueado pola lingua. Outros tipos de consoantes poden ser nasalizados, pero normalmente referímonos a alófonos dos arquifonemas /N/ e /M/ Acusticamente, as consonantes nasais son sonorantes, é dicir, non restrinxen a saída de aire, e dende o punto de vista lingüístico case sempre son sonoras.
Aruba (/əˈruːbə/, Holandés: [aːˈrubaː, -ryb-] ( ), Modelo:IPA-pap), oficialmente o País de Aruba (neerlandés: Land Aruba; papiamento: Pais Aruba) é unha illa das Antillas Menores, a máis occidental do grupo de Sotavento a 25 km ao norte da península de Paraguaná, ao noroeste de Venezuela e no sur do Mar Caribe, a 80 km ao noroeste da illa de Curaçao. Mide 32 km de lonxitude desde o seu extremo noroeste ata o seu extremo sueste e 10 km de lonxitude no seu punto máis ancho. Xunto con Bonaire e Curaçao, Aruba forma un grupo denominado illas ABC. Colectivamente, estas e as outras tres illas substanciais holandesas do Caribe chámanse a miúdo o Caribe holandés, da que Aruba ten preto dun terzo da poboación.
O microgramo é unha unidade de masa do Sistema Internacional de Unidades que equivale á milmillonésima parte dun quilogramo (10-9 kg) ou á millonésima parte dun gramo (10-6 g); o seu símbolo é µg. Algunhas organizacións, como Joint Commission, propoñen a utilización da abreviatura mcg polo risco de confusión da letra grega µ cunha m do que resultaría unha dose mil veces maior. Esta unidade de medida tamén era chamada gamma (símbolo: γ), nome e símbolo actualmente obsoletos, como sinónimos de microgramo.
A República da China (en chinés tradicional: 中華民國; pinyin: ZhongHuá MínGuó; Wade-Giles: Chung Hua Min Kuo), coñecida polo xeral como Taiwán (en chinés tradicional: 臺灣 ou 台灣; chinés simplificado: 台湾; (mandarín) pinyin: Táiwān; Wade-Giles: T'ai-wan; Taiwanés: Tâi-oân), é un territorio asiático formado por un arquipélago do que a Illa de Taiwán (tamén chamada Formosa) é a máis importante. A República da China deixou de ser membro das Nacións Unidas cando os países membros decidiron que o fose a República Popular da China. Taiwán é recoñecido como a República da China por 14 países.
Bob Dylan, nado en Duluth (Minnesota) o 24 de maio de 1941 co nome de Robert Allen Zimmerman, é un cantautor e poeta estadounidense. Foi, durante máis de cinco décadas, unha das maiores figuras na música popular, sendo considerado un dos compositores e músicos máis influentes e prolíficos do século XX.Moitos dos máis soados traballos de Dylan datan da década de 1960, na cal se converteu nun cronista informal dos conflitos estadounidenses. Aínda que é ben coñecido por revolucionar o concepto dos límites da música popular en 1965 co single "Like a Rolling Stone" de seis minutos de duración, algunhas das súas primeiras cancións, como "Blowin' in the Wind" e "The Times They Are a-Changin'", convertéronse en himnos antibélicos e dos movementos civís da época, e a el nun artista popular e influente desde os anos sesenta ata hoxe en día.
Xoán Manuel Pintos Villar, nado no Burgo (Pontevedra) o 16 de decembro de 1811 e finado en Vigo o 29 de xuño de 1876, foi un escritor galego. Está considerado un dos precursores do Rexurdimento literario, e dentro deles, pertencente á primeira xeración provincialista. A súa obra, como acontecía por norma xeral na época, está espallada en xornais, revistas e folletos, mais é A Gaita Gallega (1853) a única obra súa publicada en vida.
Avelino Díaz Díaz, nado na Órrea (Riotorto), o 14 de novembro de 1897 e finado en Buenos Aires o 29 de marzo de 1971, foi un poeta e xornalista galego. No seu libro monográfico de 2003, Marivel Freire identifícao como "unha voz comprometida na Galicia emigrante". A súa outra faceta poética, máis lírica e sensible, foi escrita toda na Arxentina, onde viviu case toda a vida.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A xeoloxía de Galicia é o estudo das formacións rochosas de Galicia, a súa litoloxía, estruturas tectónicas, historia e demais características. En Galicia a maioría das rochas son ígneas e metamórficas e de idade moi antiga, xa que a maioría son paleozoicas e algunhas mesmo precámbricas, e hai menos materiais máis modernos. O territorio galego forma parte do Macizo Ibérico ou Hespérico, que é de orixe herciniana e forma o núcleo de toda a península Ibérica.
O J (iota) é unha letra, non propia do alfabeto galego moderno pero usada no galego medieval e no galego moderno para préstamos léxicos doutras linguas. No alfabeto fonético internacional, [j] representa o aproximante palatal. Na maioría dos teclados alfanuméricos, as teclas j e f xeralmente aparecen cun pequeno relevo perceptible ao tacto, que permite aos usuarios a súa orientación táctil no teclado.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro.Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego a expresión comparativa confórmana dous elementos: o primeiro elemento, formado por un adverbio que indica se o grao da comparación é de igualdade, superioridade ou inferioridade (tan, máis, menos) o segundo elemento, formado polas partículas que/ca/do que ou coma/como mais o elemento co que se realiza a comparación.Nas comparativas de superioridade ou inferioridade as partículas que relacionan os elementos comparados son ca, que ou de que: é máis aleuto ca ela, é máis alto ca/que un piñeiro, diso sabe menos ca ti, traballa máis do que din.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
O C (ce) é a terceira letra do alfabeto galego. Representa o fonema /θ/, fricativo interdental xordo, antes de e e i (fonema /s/ en zonas con seseo), ou o fonema /k/, oclusivo velar xordo, antes de a, o e u. O ce cedillado (Ç) non forma parte do galego normativo actual, empregándose só en estranxeirismos.
Na lírica medieval galego-portuguesa unha cantiga de amigo é unha composición breve e sinxela posta en boca dunha muller namorada. Deben o seu nome a que na maior parte delas aparece a palabra amigo no primeiro verso e, sobre todo, a que a voz narrativa é sempre a dunha muller nova —a amiga—, quen fala nelas do seu amigo-amado, habitualmente ausente nese momento. Constitúen o xénero máis destacado desta literatura pola súa orixinalidade, e o corpus lírico galego-portugués conta con arredor de 500 cantigas deste tipo.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O A é a primeira letra do alfabeto galego, e representa a vogal máis aberta da lingua galega. Pode ter a función de artigo determinado feminino singular (a bolboreta), ou de preposición con distintos valores (axudar a alguén, ir a Santiago). Tamén pode ser un prefixo de orixe latina con valor de aproximación ou dirección (achegar, asentar), ou un prefixo de orixe grega con valor de negación (apolítico, anormalidade).
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no lugar de Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913 e finado en Vigo o 26 de novembro de 2010, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín. Desenvolveu dende os anos 30 un traballo constante e recoñecido a prol da cultura galega que continuou até os seus últimos meses e que fixo del unha das personalidades máis destacadas de Galicia.
Iraq (en árabe العراق), e oficialmente República de Iraq (en árabe: [جمهورية العراق] , é un país de Asia Occidental que abrangue a chaira aluvial de Mesopotamia, o límite noroccidental dos Montes Zagros, e a parte leste do deserto sirio.Iraq limita con Turquía polo norte, con Irán polo leste, Kuwait polo sueste, Arabia Saudita polo sur, Xordania polo suroeste e Siria polo oeste. Ademais o país ten unha franxa costeira de 58 km de lonxitude no noroeste do Golfo Pérsico. A súa capital, Bagdad está localizada na zona do centro deste.
Your Place or Mine é un filme estadounidense de 2023 escrito e dirixido por Aline Brosh McKenna, no seu debut na dirección. Está protagonizado por Reese Witherspoon (quen tamén é a produtora) e Ashton Kutcher, que interpretan dous amigos que deciden cambiar de casa durante unha semana. Jesse Williams, Zoë Chao, Wesley Kimmel, Tig Notaro e Steve Zahn compoñen o resto do elenco.
Nantes (Naoned en bretón e Naunnt ou Nàntt en galó), é unha cidade francesa, capital do departamento do Loira Atlántico dentro da rexión do País do Loira. É a sexta maior cidade de Francia, e está situada no sueste da Bretaña. É a capital da rexión administrativa de Pays-de-Loire, pero historicamente pertence á Bretaña, da que foi capital e residencia dos duques da Bretaña.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. Ten actualmente 194.256 artigos, e o 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.