Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Grey's Anatomy é unha serie de televisión estadounidense que se estreou orixinalmente o 27 de marzo de 2005 a través de American Broadcasting Company (ABC). A serie con historia ficticia sobre as vidas de cirurxiáns internos, médicos residentes e asistentes dun hospital que tentan facer carreira como doutores ó tempo que deben manter en equilibrio as súas relacións profesionais e personais. O título é unha alusión a Gray's Anatomy, un libro clásico de anatomía humana que foi publicado orixinalmente en Londres en 1858 e foi escrito por Henry Gray.
A era paleozoica ou primaria, tamén chamada paleozoico (do grego παλαιός palaiós, 'vello', 'antigo', e ζωη zoē, 'vida'; é dicir: 'era da vida antiga') é a primeira das tres na que se divide o eón Fanerozoico (ou 'era da vida visíbel —do grego φανερός phanerós, 'visíbel', 'que está á vista'—). Abarca dende comezos do Cámbrico (hai aproximadamente 542 millóns de anos) ata o final do Permiano (hai aproximadamente 251 millóns de anos).
Satoru Iwata (岩田 聡, Iwata Satoru), nado en Sapporo o 6 de decembro de 1959 e finado en Quioto o 11 de xullo de 2015, foi un programador de videoxogos e o cuarto presidente e director executivo de Nintendo, así como director executivo de Nintendo en América. Iwata amosou interese nos videoxogos xa de mozo e creou o seu primeiro videoxogo sinxelo mentres estaba no instituto, e posteriormente graduouse en ciencias da computación no Instituto Tecnolóxico de Toquio. En 1980 comezou a traballar na desenvolvedora HAL Laboratory estando aínda na universidade.
O Institute of Design (ID, Instituto de Deseño) do Illinois Institute of Technology (IIT), fundado orixinalmente como New Bauhaus, é unha escola de deseño estadounidense fundada en 1937 por László Moholy-Nagy - deseñador, profesor pioneiro deseñador e coñecido especialmente por ter ensinado na escola Bauhaus. O instituto está situado en Chicago. O termo New Bauhaus foi empregado xa desde ese momento e até o día de hoxe con diversos matices.
Box Office Mojo é unha páxina web que achega información sobre filmes. A web comezou a funcionar en agosto de 1998 e conta cunha media de máis dun millón de visitantes ao mes. A información que proporciona actualízase constantemente; entre estes datos atópanse os referentes ás recadacións dos filmes.
Sauli Väinämö Niinistö, nado en Salo o 24 de agosto de 1948, é un político finlandés, 12º e actual presidente de Finlandia dende 2012. Avogado de profesión, Niinistö foi presidente do Partido Coalición Nacional (KOK) de 1994 a 2001, ministro de Xustiza de 1995 a 1996, ministro de Facenda de 1996 a 2003, viceprimeiro ministro de 1995 a 2001 e candidato do KOK nas eleccións presidenciais de 2006. Exerceu como presidente do parlamento de Finlandia entre 2007 e 2011 e é presidente honorífico do Partido Popular Europeo desde 2002.
O meu veciño Totoro (となりのトトロ, Tonari no Totoro) é un filme xaponés de animación de 1988 dirixido e escrito por Hayao Miyazaki. Foi animado polo Studio Ghibli para Tokuma Shoten. O filme, que conta coas voces orixinais en xaponés de Noriko Hidaka, Chika Sakamoto e Hitoshi Takagi, conta a historia das fillas pequenas dun profesor (Satsuki e Mei) e as súas interaccións con amigables espíritos do bosque no Xapón rural da posguerra.
O milímetro é unha unidade de lonxitude equivalente á milésima parte dun metro, abreviado mm. 1 mm = 10-3 mEn fabricación mecánica os planos construtivos das pezas que se mecanizan van acoutados en milímetros, e a tolerancia das cotas exprésanse en décimas, centésimas ou milésimas de milímetro. O milímetro é a unidade de medida para as precipitacións.
Liechtenstein ( [ˈlɪçtn̩ˌʃtaɪ̯n] ) (en alemán: Liechtenstein, [ˈlɪçtn̩ˌʃtaɪ̯n] (AFI), escoitar), oficialmente Pincipado de Liechtenstein ( [ˈlɪktənstaɪn] ) (en alemán: Fürstentum Liechtenstein, [ˈfʏʁstn̩tuːm ˈlɪçtn̩ʃtaɪn] (AFI)) é un minúsculo principado do centro da Europa de lingua alemá, encravado nos Alpes, entre a Austria, ao leste, e a Suíza ao oeste. Non ten saída o mar e é coñecido por ser un paraíso fiscal. Aínda que non pertence á Unión Europea, desde decembro de 2011 forma parte do espazo de libre circulación Schengen.
Joseph Hill «Joss» Whedon nado o 23 de xuño de 1964 en Nova York, é un director e guionista estadounidense. Traballou en televisión como director, produtor executivo e creador de varias series, sendo coñecido especialmente o seu traballo en Buffy the Vampire Slayer. En cómic o seu traballo máis difundido realizouno dende 2004 en Astonishing X-Men.
O ouro é un elemento químico de número atómico 79 (isto convérteo nun dos elementos de maior número atómico que se producen na natureza) situado no grupo 11 da táboa periódica. O seu símbolo é Au (do latín aurum ‘brillante amencer’). O ouro é un metal de transición brando, brillante, amarelo, pesado, maleable, dúctil (trivalente e univalente) que non reacciona coa maioría de produtos químicos, pero é sensible ao cloro e á auga rexia.
Dirham dos Emiratos Árabes Unidos
O dirham ( درهم ) é a moeda oficial dos Emiratos Árabes Unidos. O seu código ISO 4217 é AED. Está dividido en 100 fils.
Cravos vermellos (titulado orixinalmente en inglés Red Nails) é un relato escrito polo autor estadounidense Robert E. Howard para o seu personaxe de espada e bruxaría Conan o bárbaro. Foi o primeiro relato de Conan en ser publicado postumamente (a revista pulp Weird Tales publicouno en outubro de 1936 despois de que Howard se suicidara en xuño) e tamén foi o primeiro, e o único, no que aparece a personaxe feminina de Valeria, que máis tarde, en 1982, sería utilizada no filme Conan o bárbaro, con Arnold Schwarzenegger no papel de Conan e Sandahl Bergman no papel de Valeria, aínda que a historia narrada no filme non coincidise coa historia narrada en Cravos vermellos. Foi traducido ó galego por Tomás González Ahola e foi publicado dentro da colección "Conan IV" de Urco Editora no ano 2016.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
O Camerún (en francés: Cameroun; en inglés: Cameroon), oficialmente República do Camerún (en francés: République du Cameroun; en inglés: Republic of Cameroon) é un país africano. Limita ao oeste e o norte con Nixeria, ao leste co Chad e a República Centroafricana, ao sur coa República do Congo, Gabón e Mbini (Guinea Ecuatorial) e ao leste co golfo da Guinea, a través do cal fai fronteira coa Guinea Ecuatorial, cara á illa de Bioko. A súa capital é Yaoundé.
Un universo ficticio é un mundo imaxinario coherente, dotado de consistencia interna e que presenta un alto nivel de detalle que serve de ambientación ou fondo para unha obra, ou máis correntemente unha serie de obras, de creación, ben sexa literaria, audiovisual ou de banda deseñada. Este universo pode ter unhas características idénticas ao mundo real, agás pola presenza de personaxes de ficción pero tamén pode ser moi diferente ao mundo que rodea ao creador, pola presenza de contornos territoriais ficticios ou tecnoloxía inexistente, pero non queda na simple mención desas realidades ficticias senón que tende a xogar con esa realidade alternativa, creando a súa propia historia, linguas ou as súas propias leis científicas.
Plasmodium falciparum é unha especie de protozoos parasitos causante da malaria ou paludismo en humanos, xunto con outras especies do xénero Plasmodium. Transmíteo a femia do mosquito do xénero Anopheles. A malaria causada por esta especie (tamén chamada malaria maligna ou falciparum) é a forma máis perigosa de malaria, e coas maiores taxas de complicacións e mortalidade.
Final Fantasy é unha serie de xogos RPG da compañía xaponesa Square Enix, nome adoptado trala fusión de SquareSoft, creadora dos Final Fantasy, con Enix, outra grande compañía xaponesa coñecida en grande medida pola súa saga Dragon Quest. O elemento común de tódolos xogos é a fantasía: mundos máxicos que descubrir, desafíos que afrontar e inimigos cos que loitar. Os seus inicios remóntanse aos tempos da NES. O seu novedoso estilo de xogo provocou a súa grande aceptación por parte dos xogadores.
A bandeira da India é un estandarte tricolor rectangular de cores azafrán, branco e verde indio, co Ashoka Chakra, unha roda de vinte e catro raios, de cor azul no centro. Foi aprobada na súa forma actual durante unha reunión da Asemblea Constituínte celebrada o 22 de xullo de 1947, cando se fixo a bandeira oficial do Dominio da India. A bandeira foi posteriormente mantida como a da República da India.
Edgar Allan Poe, (/poʊ/) nado como Edgar Poe o 19 de xaneiro de 1809 en Boston e finado o 7 de outubro de 1849 en Baltimore, foi un novelista, ensaísta, editor e crítico literario estadounidense, coñecido pola súa poesía e as súas historias curtas, en particular os seus contos de misterio e terror. Está amplamente considerado unha das figuras principais do romanticismo escuro nos Estados Unidos e na literatura estadounidense no seu conxunto, e foi un dos primeiros escritores de historias curtas do seu país. Poe considérase xeralmente o inventor do xénero de ficción de detectives e acredítaselle unha contribución ó xénero emerxente da ciencia ficción.
A realidade virtual é unha tecnoloxía de interface entre un usuario e un sistema operacional a través de recursos gráficos 3D ou imaxes 360º cuxo obxectivo é crear a sensación de presenza nun ambiente virtual distinto do real. Para iso, esa interacción é realizada en tempo real, co uso de técnicas e de equipamentos computacionais que axuden na ampliación do sentimento de presenza do usuario no ambiente virtual. Esta sensación de presenza adoita referirse como inmersión.
A Nación Navajo (en navajo: Naabeehó Bináhásdzo) é un territorio nativo americano semiautónomo habitado polo pobo navajo. Abrangue 71.000 km2, ocupando anacos do nordeste de Arizona, sueste de Utah e noroeste Novo México. É a meirande área asignada principalmente baixo a xurisdición nativa americana dos Estados Unidos.
O Museo da Orangerie (en francés Musée de l'Orangerie) é unha galería de arte impresionista e postimpresionista localizada na Place de la Concorde en París. Contén traballos de Paul Cézanne, Henri Matisse, Amedeo Modigliani, Claude Monet, Pablo Picasso, Pierre-Auguste Renoir, Henri Rousseau, Chaim Soutine, Alfred Sisley e Maurice Utrillo entre outros. A galería está á beira do Sena, no antigo invernadoiro do Palacio das Tullerias nos Xardíns das Tullerias.
Tou Pai Pai (桃白白) é un personaxe da serie anime e do manga Dragon Ball. É un asasino e o irmán máis novo de Mestre Corvo; era moi admirado por Ten Shin Han cando soñaba con chegar a ser un gran asasino como el. Aparece por primeira vez ó ser contratado polo Exército Red Ribbon para eliminar a Son Goku.
TV.com é un sitio web propiedade de CNET Networks. O sitio alberga contido sobre os programas e canles de televisión e tamén alberga información sobre a radio dos Estados Unidos, Reino Unido, Canadá, Australia, Xapón, e de Irlanda. Ofrece unha guía de televisión, noticias, comentarios, fotos, tráileres e anuncios de televisión.
A bandeira do Xapón, coñecida como Nisshōki (日章旗) ou Hinomaru no hata (日の丸の旗) traducido como "o disco solar" en xaponés, consiste nun fondo branco cun gran disco vermello (representando ao sol) no centro. As súas proporcións son de 2:3; o disco atópase exactamente no centro e o diámetro do mesmo é igual a tres quintas partes da medida vertical. Non se coñece cando comezou a empregarse como símbolo pero quedaron recollidos discos solares en abanos pregables chamados guisen que datan do século XII e foron debuxados por guerreiros samurai (bushi).
O humor negro é un tipo de humor que se exerce a propósito de cousas que suscitarían, contempladas dende outra perspectiva, piedade, terror, mágoa ou emocións similares. Cuestiona situacións sociais que xeralmente son serias mediante a sátira. O asunto máis recorrente no humor negro é a morte e todo o que está relacionado con ela.
A coroa checoslovaca (en checo e eslovaco: koruna československá, ás veces koruna česko-slovenská; Koruna significa "coroa") foi a moeda de Checoslovaquia dende o 10 de abril de 1919 ó 14 de marzo de 1939 e dende o 1 de novembro de 1945 ata o 7 de febreiro de 1993. Tamén foi por un breve período en 1939 e en 1993, a moeda oficial por separado da República Checa e da República Eslovaca. O 8 de febreiro de 1993 foi substituída pola coroa checa e pola coroa eslovaca.
Frodo Bulseiro (Frodo Baggins no orixinal), é un dos personaxes principais da novela O Señor dos Aneis de John Ronald Reuel Tolkien. Chamado "o portador do anel", este hobbit foi o encargado de levar o Anel Único ata o Orodruin (chamado en lingua común Monte do Destino) para destruílo. Posteriormente, deixou a Terra Media nun navío que o levou, xunto a Gandalf o branco, ás Terras Imperecedoiras.
Joanne «Jo» Rowling, nada o 31 de xullo de 1965 en Yate, South Gloucestershire, Reino Unido, máis coñecida polos pseudónimos J. K. Rowling e Robert Galbraith, é a autora da serie de libros de fantasía Harry Potter e a serie de detectives de Cormoran Strike. Os seus libros fixéronse famosos en todo o mundo, gañaron múltiples premios e venderon máis de 400 millóns de copias. As novelas foron a base dunha popular saga de filmes, a cuxos guións Rowling daba a súa aprobación, ademais de manter un control creativo e ser produtora dos filmes.Rowling artellou a idea da serie nunha viaxe en tren de Manchester a Londres en 1990.
The Legend of Zelda é a epígrafe baixo a que se agocha unha das sagas máis rendibles e famosas da historia dos videoxogos. Creada nos anos 80 por Shigeru Miyamoto e Taqueshi Tezuka para a compañía Nintendo, pronto alcanzaría unha gran fama entre os xogos de acción e aventura. A historia conta como un rapaz da fraga de Kokiri (chamado Link) ten a misión de salva-lo mundo (Hyrule) ou ben rescatar á princesa Zelda.
Circa é unha palabra latina que significa ao redor ou cerca (podendo abreviarse como c., ca. ou cca.). Úsase fundamentalmente a súa abreviatura en bibliografía para describir diversas datas (normalmente de nacemento ou falecemento) ou datos que son incertos ou aproximados, polo que utilizar circa indica que a data ou valor é estimación aproximada.
Sakura Haruno (春野サクラ, Haruno Sakura) é unha personaxe do manga e anime Naruto, creado polo mangaka Masashi Kishimoto. O seu nome traducido ó galego sería «botón de cereixeira» (サクラ, Sakura) e «campo de primavera» (春野, Haruno). Kishimoto comentou que tivera dificultades no debuxo de certas partes do aspecto desta personaxe, principalmente pola súa gran fronte.Tanto no manga coma no anime, Sakura é unha kunoichi da Aldea Oculta de Konoha e forma parte do «Equipo 7», composto por Naruto Uzumaki, Sasuke Uchiha e o seu líder e sensei, Kakashi Hatake; aínda que logo Sasuke abandona o equipo e foi substituído por Sai.
Nintendo DS (abreviatura de Dual Screen, «pantalla dual» ou, segundo Satoru Iwata, presidente de Nintendo, abreviatura de Developer's System, «a consola dos desenvolvedores»). Segundo Nintendo, é unha terceira liña de produtos e non se trata da sucesora tecnolóxica da actual Game Boy Advance. O nome desta consola abréviase como "NDS" ou simplemente como "DS".
American Horror Story é unha serie de televisión de terror creada e producida por Ryan Murphy e Brad Falchuk. Descrita como unha serie antolóxica, cada temporada está concibida como unha miniserie autónoma que segue a un conxunto dispar de personaxes e escenarios, e unha historia co seu propio principio, nó e desenlace. Algúns elementos do argumento de cada tempada están vagamente inspirados en feitos reais.
Xogos Olímpicos de Inverno de 1992
Os XVI Xogos Olímpicos de Inverno tiveron lugar entre o 8 e o 23 de febreiro de 1992 en Albertville, Francia.
Neil Richard MacKinnon Gaiman, nado en Portchester (Inglaterra) o 10 de novembro de 1960 é un escritor inglés célebre tanto polas súas obras en prosa e en banda deseñada como pola súa faceta de crítico literario. Ten colaborado con diversas revisas adicadas ó cómic e foi guionista da compañía DC Comics onde lle foi editada a serie The Sandman no 1989 e durante a década de 1990. A súa carreira como novelista comezou en colaboración con Terry Pratchett, na obra do 1990 Good Omens.
Naruto: Shippūden (Traducido como: Crónicas do Furacán) é o nome con que se coñece á segunda parte da historia de Naruto, o manga de Masashi Kishimoto. Esta denominación é a que se adoptou no anime, e equivale á segunda parte do manga. O seguinte texto que está abaixo é o argumento de cada manga pero non esta dividido de acordo ao modo no que o manga avanza.
O carro solar de Trundholm (en danés Solvognen) é un célebre obxecto de bronce descuberto en 1902 por un campesiño no pantano de Trundholm en Odsherred, preto de Nykøbing, provincia de Sjælland (Zelandia) en Dinamarca. Represéntase un cabalo e un grande disco, ambos os dous colocados sobre unha estrutura en forma de carro con rodas de raios. Está datado na primeira Idade de bronce arredor de 1400 a.C..
O detective Conan (名探偵 コナン, Meitantei Conan) é unha serie de Gosho Aoyama que aínda non está rematada nin en manga nin en anime e que alcanzou un éxito notable dentro e fóra do Xapón. O anime está producido por TMS Entertainment e supera xa os 830 episodios. Ademais, conta con 20 películas e aínda se emite tódalas semanas no Xapón en Yomiuri TV. No Xapón, o manga aínda se publica semanalmente todos os mércores no Shonen Sunday, dende 1994 e supera xa a cantidade de 925 capítulos.
O funk é un estilo musical afroamericano. Naceu nos 60 con intérpretes coma James Brown, Sly and the Family Stone e The Meters, e emerxeu coma xénero a finais desa década. O funk caracterízase por ter ritmos bailables moi sincopados que enfatizan o primeiro tempo de cada compás, liñas de baixo prominentes, unha guitarra rítmica moi distintiva cun son afiado, voces ó estilo da música soul, seccións de vento poderosas e orientadas ó ritmo, unha grande énfase na percusión, incluíndo adoito diversos tambores ademais da batería, e influencias africanas e do jazz.
O río Neva ou río Nevá (en ruso: Река Нева́ ) é un río situado ó noroeste de Rusia. Ten 74 km de lonxitude e nace no Lago Ladoga (Ладожское Озеро - Ládozhskoye Ózero) e tras pasar polo istmo de Carelia (Карельский Перешеек - Karelskii Pereshéyek) a través da parte occidental do óblast de Leningrado (región histórica de Ingria) e a cidade de San Petersburgo desemboca no golfo de Finlandia. A pesar da súa pequena lonxitude, é o terceiro río máis caudaloso de Europa, só detrás do Volga e do Danubio.
The Hunger Games é unha novela de ciencia ficción escrita pola estadounidense Suzanne Collins que foi publicada en 2008. Está escrita en primeira persoa na voz dunha adolescente de 16 anos, Katniss Everdeen, que vive na nación postapocalíptica de Panem, no que outrora foran os Estados Unidos de América. O Capitolio, unha metrópole moi avanzada, exerce o control político sobre o resto do nación.
Happy Tree Friends (Felices Amigos do Bosque, en tradución libre) é un deseño animado en Adobe Flash de humor negro de Mondo Mini Shows, creada por Kenn Navarro, Aubrey Ankrum, Rhode Montijo e Warren Graff. Como se mostra na web oficial, "non se recomenda para nenos". Mesmo con aparencia fofa e típica de deseños infantís dos personaxes, o deseño é moi violento, e case todos os episodios contén sangue, sufrimento, traxedias e mortes violentas.
Educación (do latín educare, "guiar", e educere, "extraer") pode definirse como: Proceso bidireccional polo que se transmiten coñecementos, valores, xeitos e formas de actuar. Prodúcese a través da palabra, a imaxe etc., estando presente en todas as accións, sentimentos e actitudes humanas, e sendo a imitación moitas veces un fenomenal instrumento educativo. Proceso de inculcación e asimilación cultural, moral e de conduta.
Haarlem é un concello e cidade dos Países Baixos, sendo a capital da provincia de Holanda Setentrional, a parte norte de Holanda, a cal foi unhas das máis poderosas das sete provincias da República Neerlandesa. A cidade está ás beiras do río Spaarne, ao redor de 20 km ao oeste de Ámsterdan e preto das dunas costeiras. Foi o centro histórico do distrito de cultivo de tulipáns durante séculos e é alcumada por este motivo "Bloemenstad" (Cidade Flor).
SEGA (株式会社セガ) é unha compañía internacional de videoxogos que traballa en software e hardware. Nos principios do ano 2001, Sega deixou de facer videoconsolas, e agora só traballa en xogos doutras consolas e máis en máquinas de salóns recreativos (arcade). As oficinas principais de Sega, tamén denominadas as de SEGA of Japan, están sitas en Toquio, Xapón.
Somalia (somalí: Soomaaliya, árabe: الصومال, As-Sumal) é un país africano do Corno de África, limitado ao norte por Djibuti e polo Golfo de Adén, do outro lado do cal se atopa o Iemen, ao leste e ao sur polo Océano Índico, por onde fai fronteira cun arquipélago iemení dominado pola illa de Socotorá e ao oeste por Kenya e pola Etiopía. A súa capital é Mogadixo. Somalia é o único país africano no que toda a poboación fala soamente unha lingua, o somalí.
O Ganxes,ou Ganga, (devanágari: गंगा ; (IPA: ˈgænʤiz ; IAST: Gaṅgā ; na maioría das linguas da India, IPA2: ˈgəŋgaː) é un dos ríos principais do subcontinente indio, que flúe en dirección leste a través das chaira epónima do norte da India até Bangladesh. Os seus 2,510 km (1,557 mi) de percorrido comezan no Glaciar Gangotri no estado indio de Uttaranchal, na parte central do Himalaia até desembocar no golfo de Bengala, formando un vasto delta no Sundarbans. É un río sacro para os hindús, recibindo culto a través da súa divindade, personificada como a deusa Ganga.
Super Mario Bros. (スーパーマリオブラザーズ) é un videoxogo deseñado por Shigeru Miyamoto para a videoconsola NES en 1985. Universalmente considerado un clásico, foi un dos primeiros xogos de plataforma de desprazamento lateral, a súa popularidade non tivo precedentes e comezou unha nova era nos xogos para consola, convertendo á figura de Mario na mascota oficial de Nintendo e nunha icona internacional.
Tsunade (綱手), co título de Godaime Hokage (五代目火影, Quinta Sombra do Lume) é unha personaxe do manga e anime Naruto. O seu nome significa "Corda Anoada". É neta do Primeiro Hokage, e unha kunoichi da Aldea Oculta de Konoha e formou parte do equipo de Jiraiya, Orochimaru e o seu líder e mestre o Terceiro Hokage.
Eleanor Marie Robertson, nada en Silver Spring (Maryland) o 10 de outubro de 1950, é unha escritora de best-sellers estadounidense, dentro do xénero da novela romántica e de suspense co nome de Nora Roberts e de literatura fantástica co nome de J. D. Robb. Foi a primeira escritora incluída no Salón da Fama dos Escritores Románticos dos Estados Unidos. A partir de 2011, as súas novelas totalizaron 861 semanas na Lista de Best-Sellers do New York Times, incluíndo 176 semanas na posición número un.Publicou tamén unha historia nunha revista co pseudónimo de Jill March.
O dólar neozelandés (en inglés New Zealand dollar ou, simplemente, dollar) é a moeda oficial de Nova Zelandia e os seus territorios dependentes (as Illas Cook, Niue e Tokelau), así como da colonia británica das Illas Pitcairn. Decotío abreviase $, ou NZ$ para diferencialo do dólar estadounidense e doutros tipos de dólares. O código ISO 4217 é NZD. Subdivídese en 100 cents.
Os sete magníficos (en inglés: The Magnificent Seven) é un filme estadounidense dirixido por John Sturges que foi estreado en 1960. É un remake de estilo western baseado no filme de 1954 Os sete samurais, dirixido por Akira Kurosawa. Está protagonizado por Yul Brynner, Steve McQueen, Charles Bronson, James Coburn, Robert Vaughn, Brad Dexter e Horst Buchholz que interpretan a un grupo de pistoleiros contratados para protexer unha pequena vila agrícola de México duns bandidos liderados Calvera (Eli Wallach).
Utah é un dos 50 estados dos Estados Unidos de América, localizado na rexión das Montañas Rochosas. É un dos máis importantes centros de transporte e de telecomunicacións do Oeste americano. A capital e maior cidade de Utah é Salt Lake City e na súa rexión metropolitana vive máis do 60% da poboación do Estado.
Gran Selo dos Estados Unidos de América
O Gran Selo dos Estados Unidos é un signo para a certificación de documentos utilizado nos Estados Unidos de América, país que non conta cun escudo heráldico propiamente dito. Na composición figura o lema nacional: E Pluribus Unum, que significa en latín "de varios, un" ou "de moitos, un". O selo aparece no reverso dos billetes dun dólar.
Festival Internacional de Cinema de Toquio
O Festival Internacional de Cinema de Toquio (東京国際映画祭, Tōkyōkokusaieigasai, TIFF) é un festival de cinema estabelecido na cidade xaponesa de Toquio en 1985. O evento celebrouse cada dous anos dende 1985 até 1991, e dende 1991 celébrase anualmente. Xunto co Festival Internacional de Cinema de Shanghai, é un dos festivais de cinema competitivos de Asia, e o único festival xaponés acreditado pola FIAPF.Os galardóns outorgados durante o festival mudaron ao longo da súa existencia, mais o Grand Prix de Toquio, concedido ao mellor filme, mantívose como o premio máis importante.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
Amazon Prime Video, ou sinxelamente Prime Video, é un servizo estadounidense de streaming e alugamento de vídeo de subscrición baixo demanda ofrecido por Amazon como servizo autónomo ou como parte da subscrición a Prime de Amazon. O servizo distribúe principalmente filmes e series de televisión producidas por Amazon Studios e MGM Holdings ou con licenza de Amazon, como Amazon Originals. Este servizo tamén conta con contido doutros provedores, complementos de contido, eventos deportivos en directo e servizos de compra e alugamento de vídeos.
A lingua ou dialecto cantonés ou yuè (chinés simplificado: 粵语, chinés tradicional: 粤語, Pinyin: yuèyǔ, Jyutping:Jyut6jyu5) é un dos principais dialectos do chinés. O nome yuè corresponde ao nome dun reino antigo situado na actual provincia de Guangdong. Por iso, o carácter 粵 utilízase hoxe en día como abreviatura do nome desta provincia.
O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.
O test de Bechdel, tamén coñecido como test de Bechdel/Wallace é un método para avaliar se un guión de película, serie, cómic ou outra representación artística cumpre cos estándares mínimos para evitar a fenda de xénero. Orixinouse no cómic Dykes to Watch Out For, obra de Alison Bechdel de 1985. A invención do test atribúese a Liz Wallace, unha amiga da autora do cómic.