Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As herbas de san Xoán son as diferentes plantas, herbas, flores e follas, recendentes ou non, normalmente medicinais, apañadas na véspera de san Xoán que, xunto á auga e o lume, forman parte dos ritos e tradicións pagás galegas e doutras culturas europeas desa noite. Segundo a tradición e crenzas populares a auga destas sete herbas deixadas ao orballo na noite de san Xoán posúe propiedades máxicas. Se xa as posúen en calquera momento do ano, nesta noite atribúeselles un poder especial polo vigor engadido que lles dá a forza do solsticio e do verán e mais pola forza do orballo desta noite.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Birmingham é unha cidade inglesa situada no condado metropolitano de Midlands do Oeste, pertencente á rexión inglesa homónima, terra ondulada pobre para o cultivo pero rica en xacementos de carbón e ferro, ao sur dos Peninos. Segundo estimacións do 2008 ten 1 016 800 habitantes, que ascenden a 2 284 093 se temos en conta a súa área metropolitana (censo 2001). Tradicionalmente é considerada a segunda cidade de Inglaterra e o Reino Unido en termos de poboación, aínda que Manchester dispútalle ese posto en canto a representatividade.
O termo infarto agudo de miocardio (frecuentemente abreviado como IAM ou IMA e coñecido na linguaxe coloquial como ataque ao corazón, ataque cardíaco ou infarto) reflicte a morte de células cardíacas provocada pola isquemia resultante do desequilibrio entre a demanda e a achega de rega sanguínea pola circulación coronaria.A principal causa é a doenza das arterias coronarias con rega sanguínea insuficiente, que produce dano tisular nunha parte do corazón producido pola obstrución nunha das arterias coronarias, frecuentemente por ruptura dunha placa de ateroma vulnerable. A isquemia ou subministración deficiente de osíxeno que resulta de tal obstrución produce a anxina de peito, que se se recanaliza precozmente non produce morte do tecido cardíaco, mentres que se se mantén esta anoxia (falta de osíxeno nun tecido) prodúcese a lesión do miocardio e finalmente a necrose, é dicir, o infarto. O infarto de miocardio é a principal causa de morte de homes e mulleres en todo o mundo.
O Reino de Nápoles foi un reino que ocupou os territorios da Italia meridional (Nápoles) e durante algúns períodos tamén a illa de Sicilia. En 1442 Afonso V, rei de Aragón, conquistou Nápoles que foi un dominio da dinastía Anxevina dende o ano 1266. Dende o século XV, Nápoles estivo en poder tanto de Aragón, Francia (durante un curto prazo), España e Austria e finalmente independente dende 1734 ata 1860, ano no que quedou incorporado ao proceso de unificación de Italia.
MedlinePlus é unha páxina web mantida pola National Library of Medicine (en galego: Biblioteca Nacional de Medicina dos Estados Unidos de América) que contén informacións en inglés e castelán sobre saúde. É actualizado diariamente. Creada coa intención de axudar na localización de informacións oficiais, a MedlinePlus ofrece: Informacións do National Institutes of Health e doutras fontes declaradas confiábeis sobre doenzas Informacións sobre medicamentos e estudos clínicos Notícias e informacións sobre a saúde recollidas na prensa en liña.
Titus Petronius Niger, máis coñecido como Petronio (Petronius Arbiter en latín), nado cara ao ano 27 en Marsella (Galia) e finado cara ao ano 66 en Cumae, foi un escritor romano. No ano 66 foi acusado de participar na conspiración de Piso, co obxectivo de asasinar a Nerón. De feito, pretendía el mesmo tornarse emperador de Roma.
PNG (Portable Network Graphics) é un formato gráfico baseado nun algoritmo de compresión sen perda para bitmaps non suxeito a patentes. Este formato foi desenvolvido en boa parte para liquidar as deficiencias do formato GIF e permite almacenar imaxes cunha maior profundidade de cor e outros importantes datos. Soporta unha paleta de cores de 16 bits, varios niveis de transparencia e emprega compresión sen perda mediante o formato ZIP. É un estándar recomendado polo W3C e recoñecido como estándar ISO (ISO/IEC 15948:2003).
Por censura enténdese o control da comunicación verbal ou doutras formas de expresión por parte dunha autoridade, xeralmente asociada ao poder político. Na maior parte dos casos enténdese que tal control é aplicado no ámbito da comunicación pública, por exemplo a efectuada por medio da prensa ou dos mass media; mais pódese aínda referirse ao control da expresión individual.
O Reino das Dúas Sicilias (en italiano Regno delle Due Sicilie) é un antigo estado de Italia meridional, creado en 1816 e anexionado polo Reino de Italia en 1861. Comprendía os territorios de Nápoles e Sicilia, cunha extensión aproximada duns 95.000 km2. Foi gobernada por unha póla da Casa de Borbón española, descendente de Carlos III de España, o tamén rei de Nápoles e de Sicilia coma Carlos VII. Dúas Sicilias estaba formada polos antigos reinos de Sicilia e Nápoles, ligados á Coroa de Aragón desde os séculos XIII e XV, respectivamente.
VRML (Virtual Reality Modeling Language) é unha linguaxe para o desenvolvemento de aplicacións de realidade virtual, deseñado para o seu emprego na World Wide Web. VRML é un formato de ficheiro de texto no que se especifican os vértices e as arestas de cada polígono tridimensional. VRML é a base sobre a que se desenvolveu X3D, que a substituíu, o que non provocou a desaparición de VRML, que aínda é amplamente usada.
Un sindicato é unha agrupación de traballadores organizados para loitar pola defensa e promoción dos seus intereses sociais, económicos e laborais, con respecto ao centro de produción (empresa, fábrica) ou ao empregador. Xeralmente o termo é aplicado ao sindicato obreiro, formado polo proletariado industrial, pero tamén pode referirse a outros grupos, como o sindicato campesiño, que agrupa os traballadores do campo, o sindicato agrícola, que agrupa sobre todo os grandes propietarios rurais, o sindicato patronal, ou agrupación de empresarios para defender os seus intereses, e o sindicato de estudantes, que agrupa fundamentalmente estudantes universitarios.
Myspace é un servizo de rede social virtual fundado nos Estados Unidos, que pon gratuitamente á disposición dos seus membros rexistrados un espazo web personalizado, que permite crear un blog, mostrar as súas composicións musicais e difundir información de tipo persoal, sobre gustos, afeccións etc. O site posúe tamén un sistema de mensaxería que facilita a comunicación entre os seus membros. Unha das maiores achegas deste espazo é a posibilidade que dá de albergar numerosos sites de grupos musicais e dj's dos estilos musicais máis variados, procedentes de múltiples países.
A cor é a impresión producida por un ton de luz nos órganos visuais, ou máis exactamente, é unha percepción visual que se xera no cerebro dos humanos e outros animais ao interpretar as sinais nerviosos que lle envían os fotorreceptores na retina do ollo, que á súa vez interpretan e distinguen as distintas lonxitudes de onda que captan da parte visible do espectro electromagnético. Todo corpo iluminado absorbe unha parte das ondas electromagnéticas e reflicte as restantes. As ondas reflectidas son captadas polo ollo e interpretadas no cerebro como distintas cores segundo as lonxitudes de ondas correspondentes.
Un concurso de televisión (en inglés: Game show) é un xénero de programa de televisión onde persoas comúns ou celebridades, en equipos ou non, participan nunha proba que pode incluír probas de intelixencias ou probas físicas co obxectivo de gañar puntos ou premios. En caso de competicións premiadas, entre os premios comúns adoitan estar contías de diñeiro, casas, coches, viaxes ou vales de compras, xeralmente por empresas patrocinadoras. Moitos dos concursos de televisión son adaptacións de programas transmitidos pola radio.Non se consideran concursos os programas que teñen como obxectivo revelar cantantes, pois traen na súa esencia unha disputa de talentos avaliados polo público ou por xurados, e non un xogo con regras exactas como propón o concurso.
Os dispositivos ou aparatos electrónicos consisten nunha combinación de diversos elementos ou compoñentes organizados en circuítos, destinados a controlar e aproveitar os sinais eléctricos, a diferenza dun dispositivo eléctrico, o cal serve para controlar e aproveitar o fluxo da corrente eléctrica. Comparemos o funcionamiento dun dispositivo eléctrico e dun dispositivo electrónico para notar mellor o concepto anterior: Unha lámpada eléctrica aproveita o fluxo eléctrico para producir enerxía luminosa, mentres que un aparato amplificador de son gobernará, mediante os seus circuítos electrónicos, os sinais provenientes dun micrófono, e os sinais excitadores dos altofalantes. Un ordenador, está composto de diferentes dispositivos e circuítos electrónicos que cumpren variadas funcións, esencialmente gobernando sinais eléctricos, como por exemplo os producidos na unidade láser do lector de CD-ROMs.
L A T E X {\displaystyle \mathbf {L\!\!^{{}_{\scriptstyle A}}\!\!\!\!\!\;\;T\!_{\displaystyle E}\!X} } , ou LaTeX en texto plano, é un sistema de composición de textos, orientado especialmente á creación de libros, documentos científicos e técnicos que conteñan fórmulas matemáticas. LaTeX está formado por un gran conxunto de macros de TeX, escrito por Leslie Lamport en 1984, coa intención de facilitar o uso da linguaxe de composición tipográfica T E X {\displaystyle \mathbf {T\!_{\displaystyle E}\!X} } , creada por Donald Knuth. É moi utilizado para a composición de artigos académicos, teses e libros técnicos, dado que a calidade tipográfica dos documentos realizados con LaTeX é comparábel á dunha editorial científica de primeira liña.
O CD-Rom ou Compact Disc Read Only Memory é un disco compacto de só lectura. Trátase dun CD utilizado para almacenar datos de ordenador, unha vez gravado os seus datos non se poden modificar nin alterar. Diferencianse dos CDs de son só polo contido que teñen: os discos compactos de son almacenan son, e estes almacenan datos.
O Ducado de Sussex é un título nobiliario usado na Casa Real Británica. Foi conferido por primeira vez o 24 de novembro de 1801 ao príncipe Augusto Federico, sexto fillo do rei Xurxo III do Reino Unido e da súa esposa, a raíña Carlota. Tamén foi nomeado conde de Inverness e barón Arklow no mesmo acto, títulos así mesmo pertencentes á nobreza británica.
Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa
A Organización para a Seguridade e a Cooperación en Europa (OSCE), ten a súa orixe na CSCE (Conferencia sobre a Seguridade e a Cooperación en Europa), celebrada en Helsinqui en 1975, e está conformada actualmente por cincuenta e seis Estados participantes, todos eles países de Europa (incluíndo a Federación Rusa e tódolos países da Unión Europea), Asia Central e América do Norte (Canadá e Estados Unidos). Está recoñecida como organismo rexional conforme o Capítulo VIII da Carta das Nacións Unidas. A Presidencia en Exercicio actual (2008) é exercida por Finlandia.
Emma Thompson, nada en Londres o 15 de abril de 1959, é unha actriz, guionista, produtora, activista, autora e humorista británica. Está considerada unha das actrices máis aclamadas do país, recibindo numerosos premios ao longo de toda a súa traxectoria, entre os que se inclúen dous Premios Óscar, dous Globos de Ouro, dous Premios BAFTA, un Premio BAFTA de televisión e un Primetime Emmy.
Un motor de xogo (inglés: game engine) é un programa informático deseñado para a creación e desenvolvemento de videoxogos. Os desenvolvedores utilizan estes programas para crear xogos para consolas, dispositivos móbiles e ordenadores. As funcionalidades habituais que adoita fornecer un motor de xogo inclúen a renderización de gráficos 2D e 3D, un motor de físicas e detección de colisións, son, scripting, animación, intelixencia artificial e funcionalidades de rede entre outras.
O Himno da Federación Rusa (en ruso: Государственный гимн Российской Федерации, "Gosudarstvenny Gimn Rossiyskoy Federatsii") é o himno nacional de Rusia. É unha adaptación do Himno da Unión Soviética de 1944, cuxa música compuxo orixinalmente Aleksandr Aleksándrov. A letra foi revisada para o himno da Federación Rusa por Serguéi Mijalkov, quen refixo as letras das versións do himno soviético en 1943 e 1977.
A raza en bioloxía é un taxon que se utiliza para clasificar poboacións de individuos da mesma especie que, aínda que teñan a capacidade de ter descendencia fértil, o isolamento e a perda de fluxo xénico déulles propiedades distintivas. Este termo tamén se pode aplicar á especie humana e as categorías raciais humanas máis usadas baséanse en caracteres biolóxicos visibles (especialmente a cor da pel e as características faciais), os xenes e a identificación propia. O concepto de raza e a agrupación de razas específicas varía segundo a cultura e o tempo.
Luis Buñuel Portolés, nado en Calanda (provincia de Teruel) o 22 de febreiro de 1900 e finado en Cidade de México o 29 de xullo de 1983, foi un director de cinema aragonés, nacionalizado mexicano e considerado un dos máis importantes e orixinais na historia do cinema mundial. A meirande parte da súa obra foi realizada en México e Francia.
O franco (representado polo símbolo ₣ ou máis común F) foi a antiga moeda da Francia. Entre 1369 e 1641, foi o nome que recibía unha livre tournois ou libra de Tours. Foi reintroducida (en formato decimal) en 1795 e foi a moeda nacional ata a introdución do euro en 1999, para propósitos estatísticos e en 2002, de maneira oficial.
International Standard Musical Work Code
O ISWC (acrónimo inglés de International Standard Musical Work Code) é o número de referencia internacional para a identificación e comercialización de obras musicais, equivalente ao ISBN para os libros. Está descrito pola norma internacional ISO 15707.
Un gráfico vectorial é unha imaxe xerada por ordenador composta por gráficos primitivos como liñas, círculos, polígonos ou curvas xerais (splines). Os gráficos vectoriais adoitan significar representacións cuxas primitivas poden describirse bidimensionalmente no plano, de forma similar a un vector en xeometría analítica. Unha descrición de imaxe que depende de primitivos tridimensionais chámase máis comunmente un modelo ou escena 3D, e a xeración de gráficos bidimensionais de liñas e áreas e imaxes fotorrealistas a partir de tales modelos 3D chámase síntese ou renderizado de imaxes.
Pierre Auguste Renoir, nado en 1841 e finado en 1919, é un dos pintores franceses de maior sona. Non é doado clasificalo, pertenceu á escola impresionista, pero separouse dela rapidamente polo seu interese pola pintura de corpos femininos sobre as paisaxes, o pintor Rafael tivo unha grande influencia nel.
The Ethnologue: Languages of the World é unha publicación impresa e virtual de SIL International (antes coñecida como o Summer Institute of Linguistics, "Instituto Lingüístico de Verán"), unha organización cristiá de servizos lingüísticos que estuda as linguas menos coñecidas, basicamente para prover servizos misioneiros aos seus falantes. Posúe estatísticas de 6.809 idiomas (edición do ano 2000, 6.912 na súa web en febreiro do 2007), incluíndo o número de falantes, a súa localización, dialectos, afiliación lingüística, dispoñibilidade de textos bíblicos etc. Actualmente é un dos inventarios máis completos das linguas existentes, xunto ao Linguasphere Register .
As ciencias da computación ou ciencias computacionais son aquelas que abarcan as bases teóricas da información e a computación, así como a súa aplicación en sistemas computacionais. O corpo do coñecemento das ciencias da computación é frecuentemente descrito como o estudo sistemático dos procesos algorítmicos que describen e transforman información: a súa teoría, análise, deseño, eficiencia, posta en funcionamento e aplicación.É o estudo sistemático da factibilidade, estrutura, expresión e mecanización de procedementos metódicos (ou algoritmos) que subxacen na adquisición, representación, procesamento, almacenamento, comunicación e acceso á información se dita información está codificada en forma de bits nunha memoria de computadora ou especificada nunha estrutura de xenes e proteínas nunha célula biolóxica.Existen diversos campos ou disciplinas dentro das ciencias da computación ou ciencias computacionais; algúns resaltan os resultados específicos do cómputo (como os gráficos por computadora), mentres que outros (como a teoría da complexidade computacional) relaciónanse con propiedades dos algoritmos usados ao realizar cómputo e outros enfocanse nos problemas que requiren a posta en funcionamento de sistemas computacionais. Por exemplo, os estudos da teoría de linguaxes de programación describen un cómputo, mentres que a programación de computadoras aplica linguaxes de programación específicos para desenvolver unha solución a un problema computacional específico.
O renminbi (chinés: 人民币 ; 人民幣, rénmínbì = moeda do pobo) é a moeda oficial da República Popular da China (RPCh), e cuxa principal unidade é o iuan (元, simplificación de 圆, yuan "obxecto redondo", cfr. ien 円, en xaponés, que ten a mesma orixe). É emitido polo Banco Popular da China, que é a autoridade monetaria da RPCh.
En computación FLOPS, é o acrónimo de Floating point Operations Per Second (operacións de punto flotante por segundo). Úsase como medida do rendimiento dunha computadora, especialmente en cálculos científicos que requiren un grande uso de operacións de punto flotante. FLOPS, ó ser unha sigla, non debe nomearse en singular como FLOP, xa que a S final alude a second (segundo) e non ó plural.
Prison Break é unha serie de televisión estadounidense creada por Paul Scheuring que comezou a emitir a Fox Broadcasting Company o 29 de agosto de 2005. A serie céntrase en dous irmáns, un que foi condenado á pena de morte por un crime que non cometeu e outro, Michael Scofield, que se fai deter expresamente para ingresar en prisión para fuxir co seu irmán. A serie produciuna Adelstein-Parouse Productions, en colaboración con Original Television e 20th Century Fox Television.
O crícket é un xogo de equipo que se xoga entre dous grupos de once xogadores cada un. Orixinouse, na súa forma moderna, en Inglaterra no século XVI e xa a fins do XVIII era o deporte nacional, e é popular principalmente nos países pertencentes á Commonwealth realizándose competicións internacionais a partir de mediados do XIX, formándose o International Cricket Council en 1909. Nalgúns países do sur de Asia, como a India, Paquistán, Bangladesh e Sri Lanka, o crícket é o deporte máis popular.
Le Monde (pronunciación en francés: /lə mɔ̃də/; en galego: O Mundo) é un xornal vespertino francés fundado por Hubert Beuve-Méry e publicado de maneira continua en París dende a súa primeira edición o 19 de xaneiro de 1944. É a principal publicación do Groupe Le Monde. O xornal Le Monde non debe confundirse coa publicación Le Monde diplomatique, da cal o grupo Le Monde posúe un 51%, pero que é editorialmente independente.
Nikola Tesla (en cirílico serbio: Никола Тесла), nado en Smiljan Imperio austrohúngaro (hoxe en día Croacia) o 10 de xullo de 1856 e finado en Nova York o 17 de xaneiro de 1943, foi un físico, matemático, inventor, e enxeñeiro eléctrico serbio estadounidense e o promotor máis importante do nacemento da electricidade comercial. Coñécese, sobre todo, polas súas numerosas e revolucionarias invencións no campo do electromagnetismo, desenvolvidas a finais do século XIX e principios do século XX. As patentes de Tesla e o seu traballo teórico formaron as bases dos sistemas modernos de potencia eléctrica por corrente alterna (CA), incluíndo o sistema polifásico de distribución eléctrica hoxe en día chamado sistema trifásico e o motor de corrente alterna, que tanto contribuíron ao nacemento da Segunda revolución industrial. Tesla era etnicamente serbio xa que naceu na vila de Smiljan (hoxe en día en Croacia), no entón Imperio austrohúngaro (aínda que algúns académicos romaneses afirman que era istroromanés).
Finding Nemo (en galego, Atopando a Nemo) é unha película de animación dixital da compañía Pixar Animation Studios do ano 2003, gañadora dun Oscar ó mellor filme de animación entre moitos outros premios. Estreouse en Estados Unidos o 30 de maio de 2003. O guión está baseado nun argumento de Andrew Stanton.
A cirurxía é a rama da medicina que manipula fisicamente as estruturas do corpo con fins diagnósticos, preventivos ou curativos. Ambroise Paré, cirurxián francés do século XVI atribúelle cinco funcións: Eliminar o superfluo Restaurar o que se escordou Separar o que se uniu Reunir o que se dividiu, e Reparar os defectos da natureza.Desde que o ser humano fabrica e manexa ferramentas empregou o seu enxeño tamén no desenvolvemento de técnicas cirúrxicas cada vez máis sofisticadas. Pero até a revolución industrial non se vencerían os tres principais obstáculos cos que se encontrou esta especialidade médica desde os seus inicios: a hemorraxia, a dor e a infección.
Stardew Valley é un videoxogo de simulación e rol desenvolvido por Eric "ConcernedApe" Barone. Os xogadores toman o rol dun personaxe que herda a granxa deteriorada do seu avó falecido, nun lugar coñecido como Stardew Valley. O xogo foi lanzado para Windows en febreiro do 2016, despois foi adaptado a outras plataformas.
FilmAffinity é un sitio web dedicado ao cinema, creado en 2002 polo crítico Pablo Kurt e o programador informático Daniel Nicolás. Tamén conta cunha versión en inglés. A edición americana de PC Magazine (abril de 2004) incluíu FilmAffinity entre as cen mellores webs por descubrir do mundo; cualificouno como a mellor web na categoría de entretemento.
Robert Anthony Rodríguez, nado en San Antonio (Texas) o 20 de xuño de 1968, é un director de cine estadounidense, ademais de guionista, produtor e músico. É coñecido por realizar diversos filmes, tanto independentes como de estudio, con poucos orzamentos. Principalmente roda e produce as súas películas nos estudios Troublemaker, dos que é dono, sitos en Austin, Texas.
Unha reacción química é un proceso no que unha ou máis substancias,os reactivos, se transforman noutras substancias diferentes, os produtos da reacción. Un exemplo de reacción química é a formación de óxido de ferro producida ó reaccionar o osíxeno do aire co ferro. Unha reacción química xorde da reordenación dos átomos presentes nos reactivos que ó reagrupárense de distinta maneira darán lugar ós produtos.
Unha disciplina académica ou campo de estudo é o desenvolvemento do coñecemento sobre un tema específico, pensado ou investigado nunha escola superior, un centro de estudos ou investigacións, unha universidade ou un laboratorio. As disciplinas están en parte definidas e recoñecidas por publicacións científicas ou académicas, onde se expoñen resultados de procesos investigativos, e polos círculos académicos ou científicos aos que pertencen os investigadores. Os campos de estudo teñen polo xeral numerosas ramas ou subdisciplinas e as liñas que as distinguen adoitan ser difusas, ambiguas e mesmo por veces arbitrarias.
Ver tamén pigmento. Os pigmentos biolóxicos ou biocromos son substancias producidas por organismos vivos que teñen unha cor que se orixina por unha absorción de cor selectiva, é dicir, o pigmento cambia a cor da luz que reflicte como resultado da absorción selectiva de certas lonxitudes de onda da luz. Entre os pigmentos biolóxicos están os pigmentos de plantas e pigmentos de flores, e os de moitas estruturas biolóxicas de animais, como a pel, ollos, pelaxe e pelos, que conteñen pigmentos como a melanina en células especializadas chamadas cromatóforos, e outras como as plumas.
Os videoxogos de rol son uns dos máis antigos representantes dos videoxogos. Sempre estiveron fortemente influídos por xogos de rol de mesa, exemplos claros diso son xogos baseados nas regras de Dungeons&Dragons, coma o clásico Eye of beholder ou os máis modernos Neverwinter nights e a súa continuación, Neverwinter nights II, ambos de Bioware; ou tamén, por exemplo, Vampire: the Masquerade Bloodlines, da desaparecida Troika games, baseado no universo homónimo.
O Commodore 64, tamén coñecido como C64, C-64, C= 64, e ocasionalmente CBM 64 ou VIC-64, é un ordenador persoal de 8-bits introducido en xaneiro de 1982 por Commodore International. Atópase no Libro Guinness dos Récords como o modelo de computadora máis vendido de tódolos tempos, con estimacións independentes que indican un número de unidades vendidas de entre 10 e 17 millóns de unidades.A súa produción deu comezo no 1982, coas primeiras unidades postas no mercado en agosto dese ano a un prezo de 595 $ (equivalentes a 1481,25 $ no 2016). Precededido polo Commodore VIC-20 e o Commodore PET, o Commodore 64 toma o seu nome dos seus 64 kB de RAM, e ten unhas especificacións técnicas de son e gráficos superiores en comparación con outros sistemas previos como o Apple II e o Atari 800, con sprites de múltiples cores e un procesador de son máis avanzado.
Snow White and the Seven Dwarfs
Este artigo trata sobre o filme de animación, para o conto véxase Brancaneves. Snow White and the Seven Dwarfs é o primeiro filme de animación producido por Walt Disney Pictures, estreado o 21 de decembro de 1937, e distribuído por RKO Radio Pictures, co que a empresa Disney tiña asinado un acordo de distribución, dende o 8 de febreiro de 1938 nos cines dos Estados Unidos. O guión do filme baséase na famoso conto de fadas Brancaneves dos irmáns Grimm.
Un descubrimento é a observación novidosa ou orixinal dalgún aspecto da realidade, normalmente un fenómeno natural; o achado, encontro ou manifestación do que estaba oculto e secreto ou era descoñecido. No curso da innovación científica, as máis transcendentes teorías científicas e os maiores descubrimentos noutros ámbitos non adoitan ser obra persoal dun xenio, senón dun grupo de persoas, sexa en equipos ou pola suma de esforzos sucesivos de individuos ou grupos humanos. Na maior parte dos casos, non son éxitos debidos á serendipidade ou ao azar, senón froito de procesos de investigación ou exploración sistemática consciente e moi prolongados no tempo.
Un disquete é un disco removible de almacenamento fixo de datos. O termo equivalente en inglés é floppy-disk, que significa "disco flexíbel". Pode ter o tamaño de 3,5 polgadas con capacidade de almacenamento de 720 KB (DD, Double Density) até 2,88 MB (ED, Extra Density), aínda que o máis común actualmente sexa 1,44 MB (HD, High Density), ou 5,25 polgadas con almacenamento de 160 KB (Single Side = Face Simples) até 1,2 MB (HD).
Manhua, en chinés simplificado 漫画, en pinyin Mànhuà, é o nome que recibe a banda deseñada na China e Taiwán. No resto do mundo, a palabra úsase para definir a totalidade dos cómics producidos no país. Aínda que as narracións gráficas análogas ás bandas deseñadas existiron nese territorio ao longo da súa historia imperial, o termo manhua apareceu por primeira vez en 1904 nunha obra titulada shishi manhua, no xornal de Shanghai Jingzhong.O termo tamén inclúe formatos tradicionais específicos do país como Lianhuanhua.
A Sega Mega Drive, coñecida en diversos territorios de América como Sega Genesis, é unha videoconsola de 16 bits producida por Sega. Forma parte da cuarta xeración de videoconsolas e competiu no mercado contra a SNES de Nintendo. Foi comercializada en 1988 no Xapón como Mega Drive e en 1989 en Norteamérica como Genesis.
Magnolia denudata, a magnolia yulan, ou simplemente magnolia, é unha especie de arboriña caducifolia pertencente á familia das magnoliáceas. O xénero Magnolia púxoo Linneaus en honra a Pierre Magnol, profesor de botánica en Montpellier no século XVII-XVIII. Denudata vén do latín denudatus-a-um= espido, descuberto, quizais polo seu aspecto cando está en floración (sen follas). Adóitase plantar coma ornamental, polas súas flores primaverais.
Vincenzo Nibali, nado o 14 de novembro de 1984 en Mesina, é un ciclista italiano. Fíxose profesional en 2005, e as súas características son axeitadas para as carreiras de 3 semanas. Acadou a vitoria na Vuelta a España 2010, no Giro de Italia 2013 e no Tour de Francia 2014, converténdose no sexto ciclista que gaña a tres Grandes Voltas en toda a historia.
"Beat It" é un sinxelo escrito e interpretado polo artista estadounidense Michael Jackson e producido por Quincy Jones (con coprodución de Jackson). É o terceiro sinxelo do seu sexto álbum en solitario, Thriller (1982). Eddie Van Halen executa o solo de guitarra, mais o seu selo discográfico impediulle aparecer no vídeo musical.
John D. Carmack, nado en Roeland Park, Kansas o 20 de agosto de 1970, é un programador de videoxogos e enxeñeiro aeroespacial e de realidade virtual estadounidense. Foi un dos cofundadores da empresa de videoxogos id Software, xunto con John Romero, Tom Hall e Adrian Carmack. Carmack foi o principal programador dos videoxogos Commander Keen, Wolfenstein 3D, Doom, Quake, Rage e as súas respectivas continuacións.
Dorothy Gale é unha personaxe ficticia, protagonista na maioría dos Libros de Oz, escritos polo autor estadounidense L. Frank Baum. Dorothy aparece por vez primeira no clásico infantil de Baum O mago de Oz e reaparece en moitas outras secuencias. Tamén é a protagonista no clásico filme de 1939, unha adaptación do libro.
Certificación de vendas discográficas
A certificación de vendas discográficas é un sistema de recoñecemento aos artistas cuxas producións discográficas alcanzan as máis altas cifras de vendas. Nos países do noso controno, os recoñecementos máis comúns son o Disco de Ouro e o Disco de Platino, pero tamén se entregan o Disco de Prata, o Disco de Diamante e o Disco de Uranio (este último só se entregou en contadas ocasións). Nos países de influencia inglesa é moi coñecido o "Golden Record".
Netflix, Inc. é unha empresa comercial estadounidense de contidos multimedia que proporciona mediante unha tarifa plana mensual, series e filmes en streaming, baixo demanda por internet e DVD-por-correo, onde os DVD se envían mediante Permit Reply Mail. A compañía foi fundada en 1997 e ten a súa sede en Los Gatos, California.
A Illa Norfolk (inglés: Norfolk Island, norfolk: Norfuk Ailen) é unha illa do Océano Pacífico situada entre Australia, Nova Zelandia e Nova Caledonia, que xunto con outras dúas pequenas illas veciñas conforma o Territorio da Illa Norfolk, un dos poucos territorios externos de Australia. No censo de 2021, tiña 2.188 habitantes que vivían nunha superficie total duns 35 km². A súa capital é Kingston .
ABBA foi un grupo sueco de música pop, integrado por Benny Andersson, Anni-Frid «Frida» Lyngstad, Björn Ulvaeus e Agnetha Fältskog. O nome «ABBA» é un acrónimo formado polas primeiras letras do nome de cada membro (Agnetha, Björn, Benny, Anni-Frid). O cuarteto formouse en Estocolmo en 1972, pero só lograron fama internacional ao triunfar no Festival de Eurovisión 1974.
Vampire: The Masquerade – Bloodlines
Vampire: The Masquerade – Bloodlines é un videoxogo de rol de acción de 2004 desenvolvido por Troika Games e publicado por Activision para Microsoft Windows. Ambientado no World of Darkness de White Wolf Publishing, o xogo baséase no xogo de rol Vampire: The Masquerade. O xogador encarna o papel protagonista dun humano personaxe que morre e revive como un vampiro, nunha historia que se desenvolve na cidade dos Ánxeles no século XXI tentando descubrir a verdade sobre unha reliquia recentemente atopada que presaxia o fin de tódolos vampiros.
A libra exipcia (en árabe: الجنيه المصرى, el-Ginaih el-Miṣrī) é a moeda legal de Exipto. A libra divídese en 100 piastras (قرش qirsh), ou 1.000 milliemes (مليم mallim). O código ISO 4217 para a libra exipcia é EGP. Localmente emprégase a abreviatura LE ou L.E., que significa en francés, livre égyptienne.
Eleccións municipais de 2023 en Galicia
As eleccións municipais de 2023 celebraráronse o 28 de maio de 2023 en toda España. En Galicia, escolleranse nelas 313 corporacións municipais. Estas eleccións tamén serviron para determinar a representación dos partidos políticos no pleno das catro deputacións provinciais, de acordo cos resultados obtidos en cada partido xudicial.
Ringo Starr nado como Richard Starkey, (MBE) en Liverpool o 7 de xullo de 1940, é un músico, cantante, compositor e actor británico, recoñecido por ser o batería de The Beatles. Dos catro membros do grupo, foi o último en incorporarse á formación definitiva. Chámanlle así porque sempre usa aneis, aínda que nunha entrevista dixo: "Elixino porque é nome de can e os cans agrádanme".
A Sega Dreamcast (en xaponés: ドリームキャスト) foi a última consola de videoxogos creada por Sega. Despois de que a Dreamcast fose descontinuada, Sega abandonou o negocio da venda de videoconsolas, dedicándose ao mundo das máquinas de arcade e ao desenvolvemento de software para plataformas doutras empresas.
Na noite de san Xoán ou do Lume Novo, a noite do día 23 ao 24 de xuño, e coincidindo co solsticio de verán, celébranse desde antigo unha ampla variedade de festas e prácticas rituais en moitos lugares de Europa (principalmente a Europa atlántica), especialmente ó redor de fogueiras purificadoras, as fogueiras de san Xoán. Trátase dunha celebración anterior á chegada do cristianismo na que diferentes culturas festexan este acontecemento solar (véxase: Litha). A data do 24 de xuño corresponde, segundo a tradición cristiá, á data do nacemento de Xoán o Bautista.