Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Alfred Joseph Hitchcock, nado en Leytonstone (Londres) o 13 de agosto de 1899 e finado no barrio de Bel Air (Os Ánxeles) o 29 de abril de 1980, foi un director de cinema británico nacionalizado estadounidense. Está considerado como unha das figuras máis influentes da historia do cinema. Nunha carreira de seis décadas, dirixiu máis de 50 longametraxes, moitas das cales aínda hoxe son moi vistas e estudadas.
A Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica (MeteoGalicia) é un organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente creada no ano 2000 froito dun convenio entre coa Universidade de Santiago de Compostela e que ten como obxectivos principais a realización dunha predición meteorolóxica de Galicia e a explotación e mantemento da rede de observación meteorolóxica e climatolóxica da Xunta de Galicia.
Mohammed o Portugués, Mohammed Bortucali (o Mulei Mafamede dos cronistas portugueses) chamado al-Bortucali (ou al-Bortugali o portugués) ou Burtucali, (nome completo en árabe Abu Abd Allah al-Burtuqali Muhammad ibn Muhammad ou Abu Abdullah Muhammad Bortucali ibn Mohammed: أبو عبد الله محمد البرتقالي) nado en 1464 e finado en 1526, foi un monarca do reino de Fez, da dinastía dos watasidas ou oatásidas. Sucede ao seu pai Mohammed Sheikh como sultán watasida en 1504. O seu fillo Ahmed el Outassi (Abulabas Ahmad ibn Mohammed) falece tras un golpe de estado en abril ou xuño de 1526, e Mohammed Bortucali nomeou o seu irmán Alboácem Ali ibn Mohammed para sucedelo.
Valeria Raquel Mazza, nada en Rosario o 17 de febreiro de 1972, é unha supermodelo e empresaria arxentina. Mazza acadou o éxito na década de 1990 e converteuse nun nome coñecido despois de aparecer na portada do número de baño de Sports Illustrated de 1996 xunto con Tyra Banks. Mazza traballou con deseñadores como Gianni Versace e Roberto Cavalli.
Co nome de danza do abellón denomínase un antigo rito funerario no que tódolos familiares e asistentes ó velorio dun cadáver, formando roda collidos da man, daban voltas ó redor do corpo imitando o zunido dun abellón. Este ritual foi recollido por Alfredo Brañas a raíz dun velorio no que el mesmo participou en Vilanova de Arousa (Pontevedra) e constitúe un dos casos máis particulares das prácticas tradicionais galegas relacionados coa morte. Críase que se algún dos participantes falaba ou interrompía o baile por calquera causa, sería o primeiro dos presentes en morrer.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A Supercopa de España é unha competición de fútbol, organizada pola Real Federación Española de Fútbol. Foi creada en 1982 coma unha competición de dous equipos: o campión de liga de Primeira División contra o campión da Copa do Rei. En 2019 adoptou o seu actual formato de catro equipos: os gañadores e subcampións de Liga e Copa.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Sicario é un filme estadounidense de suspense e acción de 2015 dirixido por Denis Villeneuve e escrito por Taylor Sheridan. Está protagonizado por Emily Blunt, Benicio del Toro e Josh Brolin. O filme conta a historia dunha axente do FBI que é recrutada por un grupo de traballo do goberno para derrocar ao líder dun poderoso e brutal cártel mexicano da droga.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
O Racing Club de Ferrol, S.A.D. é un club de fútbol da cidade de Ferrol (A Coruña), fundado no 1919 pola fusión do Racing Club e o Club Ferrol, dous dos equipos da cidade nesa época. Xoga actualmente na Segunda División tras conseguir o ascenso na tempada 2022/23. Entre os seus maiores logros conta con tres campionatos galegos, un subcampionato da Copa do Rei en 1939, e un segundo posto na Segunda División en 1940.
Historia evolutiva das plantas
A evolución das plantas é o proceso que orixinou e foi transformando este grupo de seres vivos, dando lugar ao longo do tempo unha gran complexidade de grupos, desde os primeiros tapetes de algas de arqueplástidos unicelulares que evolucionaron por endosimbiose, ata algas verdes multicelulares mariñas e de auga doce, seguidas de briófitas, licopodios e fentos terrestres portadores de esporas, e finalmente as complexas ximnospermas e anxiospermas (plantas con flores) portadoras de sementes de hoxe en día. Aínda que moitos dos primeiros grupos seguen prosperando arestora, como ocorre coas algas vermellas e verdes en ambientes mariños, grupos derivados máis recentes desprazaron os que previamente foran dominantes; por exemplo, a predominancia das plantas con flores sobre as ximnospermas nos ambientes terrestres.Hai probas que indican que as cianobacterias e os eucariotas fotosintéticos multicelulares vivían en comunidades de auga doce en terra xa hai mil millóns de anos, e que as comunidades de organismos multicelulares fotosíntéticos complexos xa existían en terra no Precámbrico tardío, hai uns 850 millóns de anos.As evidencias da aparición das plantas terrestres embriófitas atópanse desde o Ordovícico medio (hai ~470 millóns de anos), e ao chegar á metade do Devoniano (~390 millóns de anos) moitas das características recoñecidas en plantas terrestres presentes hoxe, incluíndo raíces e follas. Ao final do Devoniano (~370 millóns de anos) algunhas plantas que liberaban esporas como Archaeopteris tiñan tecidos vasculares secundarios que formaban madeira e formaran bosques de árbores altas.
A Xunta de Galicia aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia como o órgano colexiado de goberno de Galicia. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais as conselleiras e os conselleiros. As vicepresidencias e as conselleiras e conselleiros noméanse dende a presidencia.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Jason Statham, nado o 26 de xullo de 1967 en Shirebrook, Derbyshire, é un actor inglés, produtor, experto en artes marciais, e ex mergullador. É coñecido polos seus papeis de cine policial do director Guy Ritchie Lock, Stock and Two Smoking Barrels (1998), Snatch, cochos e diamantes (2000), e Revolver (2005). Tamén apareceu en películas como a triloxía do suspense de acción Transporter (2002-08), o filme de suspense The Italian Job (2003), a comedia de humor negro/filme de acción Crank (2006), o filme de acción War (2007), que coprotagonizou Jet Li, o suspense de acción e ciencia ficción Death Race (2008), o filme The Bank Job (2008), e a serie de comedias de acción Os Mercenarios (2010-14).
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O Dereito laboral (ou dereito do traballo) é unha rama do dereito. Os seus principios e normas xurídicas teñen como finalidade a tutela dos traballadores, regulando as relacións entre os suxeitos da relación laboral: traballadores, empregadores, sindicatos, e a intervención do estado. O traballo humano é toda actividade realizada polo ser humano, sexa a través de esforzo físico ou intelectual, e dirixida á produción, modificación ou transformación de materias en bens e servizos.Ocúpase, por tanto, da prestación de servizos persoais baixo subordinación e dependencia por un traballador a un empregador (sexa unha persoa física ou unha xurídica) a cambio dunha contraprestación pecuniaria.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Marçal Moliné, nado en Barcelona en 1936 é un publicista catalán. Estudou xornalismo e foi un dos membros fundadores da axencia MMLB, xunto con Eddy Bosten, Joaquín Lorente e Miguel Montfort. Traballou nas axencias Clarín, Carvis, Támden DDB e Bassat Ogilvy, e foi xurado en tres edicións do Festival de Cannes.
José Torres Creo, nado en San Xulián de Requeixo (Pontecesures) o 5 de abril de 1874 e finado en Vigo o 31 de outubro de 1939, foi un compositor e organista galego. Autor de numerosas cancións galegas para orfeón, e publicadas posteriormente en versión de voz e piano, entre as que destaca O sol da primavera, con texto do arcebispo e poeta Manuel Lago González.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebraranse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Óscar Ínsua Lema é concelleiro do BNG no concello de Corcubión dende xuño de 2007, logo das eleccións municipais do 27 de maio do mesmo ano. Dende entón, asume tarefas no goberno municipal como delegado nas áreas de Urbanismo, Medio Ambiente e Persoal. Óscar Insua é Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
Iván González Ranedo, nado en León o 11 de setembro de 1999 e coñecido polo seu nome artístico Samantha Hudson, é un artista, cantante, actor, celebridade de internet e activista LGBT español. Deuse a coñecer tras a controvertida publicación do tema «Maricón» en 2015, que gravou como proxecto para unha materia de cultura audiovisual. A canción, acompañada dun vídeo publicado na plataforma YouTube, xerou tanto rexeitamento como aprobación polo público.
Napoleone di Buonaparte ou Napoleón Bonaparte (en francés [napoleɔ̃ bɔnɑpaʁt]), nado en Ajaccio (Córsega) o 15 de agosto de 1769 e finado en Santa Helena o 5 de maio de 1821, foi emperador de Francia a principios do século XIX e o home máis poderoso e influente de Europa. O seu reinado dá nome a toda unha época da historia de Europa, a unha longa serie de guerras, e simboliza a loita entre as correntes liberais da Revolución Francesa e o absolutismo e tradicionalismo do antigo réxime. A súa pegada quedaría na permanencia das súas reformas legais e administrativas, e no recoñecemento unánime do seu prodixioso talento militar.
O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurouse con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981 formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados, así e todo desde a primeira lexislatura fixouse o seu número en 75, que se elixen por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto por un prazo de catro anos.
Salvador García-Bodaño Zunzunegui, nado en Teis (Vigo) o 17 de xullo de 1935 e finado en Veitureira (Lampai, Teo) o 7 de marzo de 2023, foi un escritor galego, membro do plenario da Real Academia Galega dende 1992 e vicesecretario desa institución no período 2001-2009. Cultivou exclusivamente a poesía en lingua galega e está considerado como membro da Xeración das Festas Minervais. Foi procurador dos tribunais e dedicouse a diversas actividades mercantís.
As Trece Rosas é o nome colectivo dado a un grupo de trece novas, a metade delas membros das Juventudes Socialistas Unificadas (JSU), fusiladas en Madrid o 5 de agosto de 1939, catro meses despois de finalizar a guerra civil española. O 3 de agosto de 1939, a sentenza do fiscal do Consello Permanente de Guerra atopou as Trece Rosas como «responsables dun delito de adhesión á rebelión».As idades das vítimas estaban entre os dezaoito e os vinte e nove anos. En realidade, as mulleres fusiladas foron catorce, porque habería que incluír Antonia Torre Yela, executada o 19 de febreiro de 1940.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
Stefan Zweig (/ʃ'tɛfan tsvaɪk/), nado en Viena o 28 de novembro de 1881 e finado en Petrópolis (Brasil) o 22 de febreiro de 1942, foi un escritor, biógrafo e activista social austríaco. Foi moi popular nas décadas de 1920 e 1930, e as súas obras foron das primeiras en protestar contra a intervención de Alemaña na segunda guerra mundial. Escribiu principalmente novelas, relatos e biografías, e cultivou tamén o teatro, o xornalismo e o ensaio.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Manuel Mayer von Furtwängler, nado en Ferrol o 18 de novembro de 1802 e finado en Santiago de Compostela o 6 de febreiro de 1889, foi un militar de ideoloxía liberal, oficial da Milicia Nacional de Santiago, que participou no pronunciamento constitucional de 1820, na resistencia contra os Cen Mil Fillos de San Luís, na Primeira guerra carlista e na Revolución Galega de 1846. Foi condecorado en 1869 coa Gran Cruz da Constancia da Milicia Nacional.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Os shuswap (coñecidos tamén na súa propia lingua como secwépemc, [ʃəˈxʷɛpməx]) son un pobo indíxena orixinario do interior da Columbia Británica, no Canadá. Falan unha lingua da familia salish, a lingua shuswap. Secwepemcúĺecw é o territorio tradicional do pobo shuswap e abrangue dende o leste da meseta de Chilcotin, rodeando o país Tŝilhqot'in, e a meseta de Cariboo ao sueste a través do país Thompson até a cidade de Kamloops.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Ágatha Ruiz de la Prada y Sentmenat, XII marquesa de Castelldosrius, XXIX baronesa de Santa Pau e Grande de España, nada en Madrid o 22 de xullo de 1960, é unha deseñadora de roupa española. Estudou na Escola de Artes e Técnicas da Moda de Barcelona. Comezou a súa carreira como deseñadora en 1981, cando presentou a súa primeira colección en Local, un Centro de Deseño.
Franz Anton Beckenbauer nado o 11 de setembro de 1945 en Múnic e finado o 7 de xaneiro de 2024 en Salzburgo, foi un futbolista e adestrador de fútbol alemán. Xogaba de defensa e foi internacional coa selección alemá occidental. Considerado a "máxima lenda do fútbol alemán" e un dos mellores futbolistas da Historia, foi alcumado "o Kaiser" (o emperador).
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.