Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
A Unidade de Observación e Predición Meteorolóxica (MeteoGalicia) é un organismo dependente da Consellaría de Medio Ambiente creada no ano 2000 froito dun convenio entre coa Universidade de Santiago de Compostela e que ten como obxectivos principais a realización dunha predición meteorolóxica de Galicia e a explotación e mantemento da rede de observación meteorolóxica e climatolóxica da Xunta de Galicia.
A Xunta de Galicia aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia como o órgano colexiado de goberno de Galicia. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais as conselleiras e os conselleiros. As vicepresidencias e as conselleiras e conselleiros noméanse dende a presidencia.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebraranse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Marçal Moliné, nado en Barcelona en 1936 é un publicista catalán. Estudou xornalismo e foi un dos membros fundadores da axencia MMLB, xunto con Eddy Bosten, Joaquín Lorente e Miguel Montfort. Traballou nas axencias Clarín, Carvis, Támden DDB e Bassat Ogilvy, e foi xurado en tres edicións do Festival de Cannes.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Montenegro (en montenegrino: Crna Gora Црна Гора), é un país do sueste de Europa. Está situado nunha parte montañosa dos Balcáns e limita con Serbia ao nordés, Bosnia e Hercegovina ao norte, Kosovo ao leste, Albania ao sueste, Croacia ao noroeste, e o Mar Adriático ao oeste cunha costa de 293,5 km. Podgorica, a capital e cidade máis grande, abrangue o 10,4 % do territorio de Montenegro de 13.812 km², e alberga aproximadamente o 35% da súa poboación total de 621.000 habitantes.Durante o período da Alta Idade Media, tres principados estaban situados no territorio do actual Montenegro: Duklja, que corresponde aproximadamente á metade sur, Travunia, ao oeste e Rascia propiamente dita, o norte.
La sociedad de la nieve é un filme de 2023 dirixido por Juan Antonio Bayona. Conta a historia do accidente aéreo dos Andes de 1972. É unha adaptación do libro homónimo de Pablo Vierci, o cal documenta os acontecementos que viviron os 16 superviventes do accidente, moitos dos cales Vierci coñecía dende a infancia.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2 041 603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o 38,5 % do total de migrantes españois (5 311 906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias, por exemplo a emigración galega ao Uruguai e á Arxentina restableceuse en 1840 e en 1860 a intensidade do éxodo nalgunhas comarcas atlánticas superaba a de moitos condados irlandeses.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Non confundir con Iolanda Díaz Gallego (Sarria 1934), activa colaboradora nas distintas actividades desenvolvidas pola emigración galega.Yolanda Díaz Pérez, nada en Fene o 6 de maio de 1971, é unha dirixente política galega, ministra de Traballo e Economía Social desde xaneiro de 2020 e vicepresidenta segunda do Goberno de España. Pertenceu ata 2019 á federación galega de Esquerda Unida, da que foi a súa coordinadora desde 2005 ata o 3 de xuño de 2017 en que foi relevada no cargo por Eva Solla. Foi deputada no Parlamento de Galicia entre 2012 e 2016.
Licopodios redirixe aquí. Lycopodiopsida é unha clase de plantas vasculares, tamén coñecidas como Lycopsida, licopodios, ou licófitas, entre outros nomes. Teñen ramificación dos talos dicótoma e follas simples chamadas microfilos e reprodúcense por medio de esporas xeradas en esporanxios situados na parte lateral dos talos na base das follas.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Josep Borrell Fontelles, nado en La Pobla de Segur (Lleida), o 24 de abril de 1947, é un político socialista catalán que foi ministro de Obras Públicas, Transportes e Medio Ambiente de España de 1991 a 1996 durante o último Goberno de Felipe González e presidente do Parlamento Europeo entre 2004 e 2007, ademais de deputado no Congreso dos Deputados e deputado no Parlamento Europeo, e portavoz do Grupo Socialista no Congreso dos Deputados de 1998 a 1999. Dende 2018 é ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación do Goberno de España liderado por Pedro Sánchez. O 7 de xuño de 2018 tomou posesión, despois de prosperar a moción de censura contra Mariano Rajoy.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Xosé Ramón Gómez Besteiro, nado en Lugo o 15 de novembro de 1967, é un avogado e político do Partido dos Socialistas de Galicia. Foi o presidente da Deputación de Lugo dende 2007 ata 2015. En outubro de 2023 foi proclamado candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia para as Eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar en 2024.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
O teatro é unha forma colaborativa de arte performativo que utiliza intérpretes en directo, normalmente actores ou actrices, para presentar a experiencia dun acontecemento real ou imaxinario ante un público en directo nun lugar específico, a miúdo un escenario. Os intérpretes poden comunicar esta experiencia ao público mediante combinacións de xestos, fala, cancións, música e danza. É a forma máis antiga de drama, aínda que o teatro en vivo uniuse ás formas modernas gravadas.
O Apollo 11 foi unha misión espacial tripulada dos Estados Unidos cuxo obxectivo foi lograr que un ser humano camiñase na superficie da Lúa. A misión enviouse ao espazo o 16 de xullo de 1969, aluando o 20 de xullo dese mesmo ano e ao día seguinte logrou que 2 astronautas (Armstrong e Aldrin) camiñasen sobre a superficie lunar. O Apollo 11 foi impulsado por un foguete Saturno V desde a plataforma LC 39A e lanzado ás 13:32 UTC do complexo de cabo Kennedy, en Florida (Estados Unidos).
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Operación Triunfo, máis coñecido polas súas siglas OT, é un programa de televisión español creado en 2001 como talent-show musical para formar cantantes nunha academia. O formato consiste na presentación dunha serie de concursantes que deben demostrar semana tras semana as súas capacidades como cantantes nunha gala en directo e que se enfrontan a nomeamentos para abandonar a academia. O concurso emitiu once edicións desde 2001 ata 2020.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Valencia (en valenciano e oficialmente: València, pronunciado [vaˈlensia]) é unha cidade española situada na costa do mar Mediterráneo, capital da Comunidade Valenciana, da provincia de Valencia e da comarca homónima. Ten 807.200 habitantes, sendo a terceira cidade máis poboada de España por detrás de Barcelona e Madrid, que aumentan até 1.738.690 coa área metropolitana, chamada L'Horta de València. A cidade tamén é coñecida como Cap i Casal ou Capital do Turia.
Este artigo trata sobre a Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo, para a arte de pesca véxase nasa.A National Aeronautics and Space Administration (NASA, "Administración Nacional para a Aeronáutica e o Espazo") é a axencia do goberno norteamericano responsable do programa espacial dos Estados Unidos de América e a súa investigación aeroespacial xeral a longo termo. Establecida no 1958, é unha organización civil que dirixe e supervisa a investigación civil e militar nos sistemas aeroespaciais.
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurado con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981, estaba formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Winston Leonard Spencer-Churchill, nado no pazo de Blenheim, na comarca de Oxford, o 30 de novembro de 1874 e finado en Londres o 24 de xaneiro de 1965, foi un político e escritor británico, coñecido polo seu liderado no Reino Unido durante a segunda guerra mundial. Así mesmo desempeñou labores de periodista, soldado e pintor, este último no seu lecer. Foi gañador do Premio Nobel de Literatura no ano 1953.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 202.490.
O Estadio Municipal de Riazor é un estadio público destinado principalmente á práctica de fútbol profesional masculino, situado na cidade da Coruña, inaugurado o 28 de outubro de 1944. Nel, xoga como os seus partidos como local o primeiro equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña. Ten capacidade para 34.899 espectadores sentados (logo das reformas de 1982, 1998 e 2018) e un terreo de xogo de 105×68 metros.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Dos arquivos do trasno: Contos do monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
O raposo común (Vulpes vulpes), tamén coñecido simplemente como raposo, raposa ou golpe nalgunhas zonas ó norte de Galicia, é a meirande especie de raposo e un dos membros máis espallados no mundo da orde dos carnívoros, estando presente en todo o hemisferio norte dende o círculo polar ártico até o norte de África, América do Norte e Eurasia. Está clasificada como unha especie pouco preocupante pola IUCN. A súa área de distribución medrou paralelamente coa expansión humana, sendo introducido en Australia, onde é considerado prexudicial para os mamíferos nativos e as poboacións de aves. Por mor da súa presenza en Australia, está incluído na lista das 100 especies invasoras máis daniñas do mundo.O raposo común provén de devanceiros máis pequenos de Eurasia durante o período Villafranchiense medio, e colonizou América do Norte pouco despois da glaciación de Wisconsin.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Consuelo Álvarez Pool, coñecida co pseudónimo de "Violeta" nada en Barcelona o 24 de xullo de 1867 e finada en Madrid o 19 de xaneiro de 1959, foi unha xornalista, política, sindicalista, sufraxista, feminista e escritora española. Pertencía á primeira promoción de mulleres telégrafas de España. Foi unha das dúas primeiras mulleres xornalistas –xunto con Carmen de Burgos– que se incorporaron á redacción dun xornal.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
Para ver outros vexetais de igual nome ver os artigos dos xéneros Cytisus e Genista. A xesta, xesta brava, xesta de vasoiras, xesta marela, xesta moura ou xesta negra, (Cytisus scoparius) é unha especie de planta perenne, arbustiva, da familia das leguminosas, moi común en Galicia. Baixo este nome común, con ou sen adxectivos, denomínase conxuntamente unha serie de arbustos semellantes (maiormente do xénero Cytisus) que corresponden a distintas especies, das que esta especie é a máis frecuente.
A Universidade de Vigo é unha universidade pública inserida dentro do Sistema Universitario de Galicia con sede na cidade de Vigo. Conta con campus en tres cidades: Campus de Vigo, Campus de Pontevedra e Campus de Ourense. No 2010 a Universidade de Vigo converteuse no centro do campus de excelencia internacional interuniversitario Campus do Mar, no cal participan as tres universidades galegas e varias portuguesas do norte, así como centros CSIC e IEOs.
Mohandas Karamchand Gandhi (en gujarati, મોહનદાસ કરમચંદ ગાંધી, devanágari मोहनदास करमचन्द गांधी), máis coñecido popularmente por Mahatma Gandhi (Mahatma, do sánscrito "grande alma"), nado en Porbandar (Gujarat) o 2 de outubro de 1869 e finado en Nova Deli o 30 de xaneiro de 1948, foi un avogado indio, nacionalista anticolonial e un político ético que empregou a resistencia non violenta para liderar a exitosa campaña pola independencia da India do dominio británico, e máis tarde inspirar movementos polos dereitos civís e pola liberdade en todo o mundo. O nome honorífico de Mahatmā (sánscrito: "alma grande", "venerable"), aplicado por primeira vez a el en 1914 en Suráfrica, úsase agora en todo o mundo.Nado e criado no seo dunha familia hindú da costa de Gujarat, Gandhi formouse en dereito no Inner Amorne de Londres, e foi proclamado avogado aos 22 anos, en xuño de 1891. Tras dous anos de incerteza na India, onde non puido iniciar unha práctica xurídica exitosa, trasladouse a Suráfrica en 1893 para representar a un comerciante indio nun xuízo.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.