Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Regulamento xeral de protección de datos
O Regulamento xeral de protección de datos (GDPR) (Control (UE) 2016/679) é un regulamento europeo mediante o que o parlamento, o consello e a comisión pretenden fortalecer e unificar a protección de datos para todos os países da Unión Europea e o Espazo Económico Europeo, controlando tamén a transferencia de datos de fóra da Unión. Os seus principais obxectivos son devolverlles aos cidadáns o control sobre a súa información persoal e unificar o marco regulador para as empresas multinacionais. Establece un marco máis estrito que outras normas, e é a primeira norma sobre este asunto que lle afecta a todos os países da Unión Europea, e tanto os dereitos como as obrigas.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O Pòrt de la Luna en gascón ou Port de la Lune en francés (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
Elon Reeve Musk, nado en Pretoria o 28 de xuño de 1971, é un empresario, enxeñeiro e inventor surafricano de nacionalidade estadounidense-canadense. É o CEO e o CTO de SpaceX. É un dos primeiros investidores e CEO de Tesla, Inc.; fundador de The Boring Company; cofundador de Neuralink e cofundador e xefe inicial de OpenAI. Musk é unha das persoas máis adiñeiradas do mundo.
Unha lingua revivida é unha lingua que nalgún momento da historia deixou de ter falantes nativos, mais por esforzos de revitalización recuperou falantes como lingua materna. A razón máis frecuente para a extinción dunha lingua é a marxinación das linguas locais dentro dun estado nación, que ás veces poden sufrir unha opresión política absoluta. Este proceso normalmente funciona xunto ás presións económicas e culturais para unha maior centralización e asimilación.
Rexurdimento da lingua livonia
A lingua livonia, falada durante séculos en Letonia, esmoreceu gradualmente até a morte da súa derradeira falante nativa, Grizelda Kristiņa, o 2 de xuño de 2013. Mesmo así, hoxe hai varios livonios que están traballando no rexurdimento da lingua, e unhas 210 persoas teñen algún coñecemento desta lingua.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Os malvados de Firecreek (en inglés: Firecreek) é un filme estadounidense de 1968 dirixido por Vincent McEveety e protagonizado por James Stewart e Henry Fonda, no seu segundo papel como antagonista ese ano xunto con Ata que chegou a súa hora de Sergio Leone. O filme é semellante a Só ante o perigo e o resto do elenco está composto por Inger Stevens, Dean Jagger, Ed Begley, Jay C. Flippen, Jack Elam e John Qualen.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A ciclose, tamén chamada corrente citoplasmática ou protoplasmática (en inglés cytoplasmic streaming), é o fluxo de citoplasma dentro da célula, producido por forzas exercidas polo citoesqueleto. O máis probable é que a súa función sexa, polo menos en parte, acelerar o transporte de moléculas e orgánulos pola célula. Obsérvase xeralmente en células grandes de plantas ou animais, maiores de aproximadamente 0,1 mm.
Rua Kenana Hepetipa ou Rua Kēnana Hepetipa , nado en Maungapōhatu en 1869, e finado en Matahi o 20 de febreiro de 1937, foi un profesta, sanador da fe e activista polos dereitos das terras maorí. Chamábase a si mesmo Te Mihaia Hou, o Novo Mesías, e afirmou ser o sucesor Hepetipa de Te Kooti Arikirangi que reclamaría a terra de Tūhoe que se perdera ante os pākehā (brancos neozelandeses). As crenzas de Rua dividiron a Igrexa Ringatū, que Te Kooti fundara arredor de 1866/1868.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 216.142.
A Idade de Bronce (c. 3300 – c. 1200 a.C.) foi un período histórico caracterizado principalmente polo uso de ferramentas de bronce e o desenvolvemento de sociedades urbanas complexas, así como pola adopción da escritura nalgunhas zonas. A Idade do Bronce é o período medio principal do sistema das tres idades, que segue á Idade de Pedra e precede á Idade de Ferro. Concibida como unha era global, a Idade do Bronce segue ao Neolítico, cun período de transición entre ambos os coñecido como Calcolítico.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Unidade central de procesamento
Unha unidade central de procesamento (UCP) ou CPU (inglés: central processing unit) é un circuíto electrónico dunha computadora que leva a cabo as instrucións dun programa informático realizando as tarefas básicas aritméticas, lóxicas, de control e de entrada/saída especificadas polas instrucións. O termo CPU comezouse a empregar na industria informática a comezos da década dos 60, e adoita empregarse tradicionalmente para referirse ao propio procesador e á unidade de control, facendo distinción entre estes elementos e outros coma a memoria ou os compoñentes de entrada/saída. O formato, deseño e posta en funcionamento das CPU foron evolucionando ó longo da súa historia, pero o seu funcionamento fundamental segue sendo o mesmo que nos seus comezos.
Masculino e feminino en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego. En galego os substantivos son masculinos ou femininos.
Woke («esperto» en inglés) é un termo, orixinario dos Estados Unidos, que inicialmente se usaba para referirse a quen se enfrontan ou se manteñen alerta fronte ao racismo. Posteriormente, chegou a abarcar unha conciencia doutras cuestións de desigualdade social, por exemplo, en relación co xénero e a orientación sexual. Desde finais da década de 2010, tamén se utilizou como un termo xeral para os movementos políticos progresistas e/ou de esquerda e perspectivas que salientan a política identitaria das persoas LGBT, da comunidade negra e das mulleres.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
La última noche en Tremor (orixinalmente coñecida como La última noche en Tremore Beach) é unha serie de televisión por internet española creada por Oriol Paulo e Jordi Vallejo para Netflix, baseada na novela La última noche en Tremore Beach de Mikel Santiago. Protagonizada por Javier Rey e Ana Polvorosa, entre outros, estreouse o 25 de outubro de 2024 mundialmente.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
Land Rober Tunai Show é un programa de humor e entretemento que se emite os xoves ás 22:00 na Televisión de Galicia. Está presentado por Roberto Vilar e comezou a emitirse en 2009 co nome de Land Rober. En 2011 deixou de emitirse tras a marcha de Roberto Vilar a Mediaset, ata que a principios de 2015 volveu á grella co novo nome, Land Róber Tunai Show.
Melania Knauss-Trump, nada en Novo Mesto o 26 de abril de 1970, é unha exmodelo estadounidense de orixe eslovena, coñecida sobre todo por ser a terceira dona do 45º presidente dos Estados Unidos, Donald Trump. Sucedeu a Michelle Obama como a Primeira dama dos Estados Unidos de América, pasando á historia como a segunda nada fóra do país, tras Louisa Adams (dona do 6º presidente, John Quincy Adams, 1825-1829). Nada no seo dunha familia eslovena na vila de Sevnica, preto de Radeče, co nome de Melanija Knavs, comezou a súa carreira na modelaxe aos 16 anos ao tempo que cursou a carreira de arquitectura.
Santa María do Sisto é unha parroquia que se localiza no sur do concello de Ourol. Segundo o IGE en 2014 tiña 49 habitantes (28 mulleres e 21 homes) distribuídos en 17 entidades de poboación. Forma parte da parroquia eclesiástica do Sisto que está formada polos 17 lugares desta parroquia civil, máis os 3 lugares da parroquia homónima do concello de Muras.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (ˈvɔlfgaŋ amaˈdeus ˈmoːtsart), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756 e finado en Viena o 5 de decembro de 1791, é considerado un dos máis grandes compositores de música clásica europea. A obra mozartiana abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal. Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e do violín.
Posición do misioneiro invertida
A posición da amazona é calquera posición sexual na que a muller está enriba do seu compañeiro sexual durante a actividade sexual. A posición máis comunmente asociada coa muller na parte superior adoita chamarse posición da vaqueira ou cabalgando, que deriva o seu nome da imaxe da muller que "monta" o home como vaqueira montando a cabalo. Nesta posición, o home adoita deitarse de costas coas pernas pechadas, mentres que a parella está a cabalo sobre el estendendo as pernas a cada lado, normalmente de xeonllos, coas canelas detrás, ou sentado sobre o sexo e as pernas da parella, mirando cara a adiante ou cara a atrás, e o home ou a muller insire o pene erecto do home na vaxina ou no ano da muller.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Fidelia Ann Hoscott Fielding, nada co apelido Smith o 15 de setembro de 1827 e finada o 18 de xullo de 1908, tamén coñecida como Dji'ts Bud dnaca ("Paxaro Voador"), filla de Bartholomew Valentine Smith (c. 1811 – 1843) e Sarah A. Wyyougs (1804–1868), e neta de Martha Shantup Uncas (1761–1859), foi a derradeira falante coñecida da lingua mohegan-pequot. Casou cun mariñeiro mohegan, William H. Fielding (nado en 1822 e finado en 1889). Vivían nunha das últimas "casas da tribo", unha cabana de madeira da época das reservas.
Os esteroides anabólicos son substancias sintéticas relacionadas coas hormonas sexuais masculinas (andróxenos). Provocan o crecemento do músculo esquelético (efectos anabólicos), o desenvolvemento de características sexuais masculinas (efectos androxénicos) e tamén teñen outros efectos. O termo axeitado para referirse a estes compostos é o de esteroides "anabólico-androxénicos".
En matemáticas, a sucesión de Fibonacci é a sucesión de números naturais: 0 , 1 , 1 , 2 , 3 , 5 , 8 , 13 , 21 , 34 , 55 , 89 , 144 , 233 , 377 , 610 , 987 , 1597 … {\textstyle 0,1,1,2,3,5,8,13,21,34,55,89,144,233,377,610,987,1597\ldots \,} (secuencia A000045 na OEIS) A sucesión comeza cos números 0 e 1, e a partir destes a relación de recorrencia que a define é que «cada termo é a suma dos dous anteriores». Aos elementos desta sucesión chámaselles números de Fibonacci. Esta sucesión foi descrita en Europa por Leonardo de Pisa, matemático italiano do século XIII tamén coñecido como Fibonacci.
O Samaín (do irlandés antigo Samain, pronunciado /ˈsˠaunʲ/) é unha festividade celta que marca o remate da tempada de colleita e o comezo do inverno ou "metade escura" do ano.[Cómpre referencia] Tradicionalmente, é celebrada do 31 de outubro ó 1 de novembro, xa que o día celta comeza e remata co solpor. Atópase a medio camiño entre o equinoccio de outono e o solsticio de inverno. É unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Andrzej Wiśniewski, nado en Poznan o 4 de febreiro de 1958, é un filósofo polaco especializado en lóxica e erotética, experto no estudo das expresións nas que se manifestan preguntas, expresións interrogativas ou erotemas. Wiśniewski foi un investigador da Universidade de California, da Real Academia Flamenca de Ciencias e Artes de Bélxica, o Instituto Holandés de Estudos Avanzados en Humanidades e Ciencias Sociais en Wassenaar e na Universidade de Cambridge. Foi homenaxeado polo seu traballo filosófico co premio outorgado polo ministro de Educación Nacional, o premio do Ministerio de Ciencia e Educación Superior, a Cruz de Ouro ao Mérito e a Cruz de Cabaleiro da Orde de Polonia Restituta.
Os Riihimäen Cocks son un equipo de balonmán da cidade de Riihimäki, Finlandia. O club foi fundado en 1973 e compite na máxima categoría do balonmán finlandés, a Aktialiiga. Na tempada 2018-19 converteuse no pimeiro equipo finlandés en disputar a Liga de Campións da EHF. Xoga os seus partidos como local no Cocks Areena, un pavillón con capacidade para 2 500 persoas.
Xosé Ramón Fernández-Oxea, nado en Ourense o 5 de abril de 1896 e finado en Madrid o 2 de maio de 1988, foi un escritor, mestre e investigador galego tamén coñecido como Ben-Cho-Shey, Xan Fouciño e Raimundo Antela, un intelectual de obra poliédrica que abarca dialectoloxía, heráldica, arqueoloxía, etnografía, historia da arte e creación literaria. Colaborou con publicacións como O Tio Marcos d'a Portela, La Zarpa, Nós, A Nosa Terra, Lar, Opinión Gallega, Eufonía, La Temporada en Mondariz, Faro de Vigo, La Noche, Vieiros, Boletín de la Real Academia Gallega, Cuadernos de Estudios Gallegos, El Museo de Pontevedra e Chan. Foi membro das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
O Premio Nobel de Física (en sueco: Nobelpriset i fysik), é un dos cinco Premios Nobel que outorga a Real Academia das Ciencias de Suecia, en Estocolmo, xunto cos Premio Nobel de Química, o Premio Nobel de Literatura, o Premio Nobel da Paz e mailo Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina. Tradicionalmente, o de física é o primeiro en entregarse e o primeiro ano que se entregou foi no 1901. Como os demais premios, é administrado pola Fundación Nobel.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A acción social é toda acción que teña un sentido para quen a realizan, afectando a conduta doutros, orientándose a acción mencionada por devandita afectación. Unha acción é toda conduta humana na que o individuo, ou individuos que a producen, establécena cun sentido persoal. A acción social estará referida á conduta doutros.
Information Technology Infrastructure Library
A Biblioteca de Infraestrutura de Tecnoloxías de Información, frecuentemente abreviada ITIL (do inglés Information Technology Infrastructure Library), é un marco de traballo das mellores prácticas destinadas a facilitar a entrega de servizos de tecnoloxías da información (TI).
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A mitoloxía galega é o conxunto de mitos máis ou menos relacionados (ou mesmo sen conexións entre si): relatos que forman parte da cultura do pobo galego. Poden vir a través de discursos, narracións ou expresións culturais de orixe sagrada e que posteriormente foron secularizados, ou ben ser de orixe pagá que posteriormente foron sacralizados. En todo caso, os relatos mitolóxicos están tratados como discursos relativos a esta cultura, a unha época concreta ou a unha serie de crenzas de carácter imaxinario.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
Non confundir con feixón A feixoa (Acca sellowiana, sin. Feijoa sellowiana), tamén chamada goiaba do Brasil, é unha especie botánica arbustiva ou arboriña de flor da familia das mirtáceas, nativa das zonas elevadas do sur do Brasil, leste de Paraguai, o Uruguai, o norte da Arxentina e mais de Colombia. Cultívase a miúdo coma árbore froiteira no sur de Galicia e noutras zonas coma Nova Zelandia ou California, así coma árbore ornamental en Australia, Acerbaixán, Xeorxia, algunhas zonas do sur de Rusia e en Suráfrica..
A catedral de St Andrews é unha catedral en ruínas en St Andrews, Fife, Escocia. Foi construído en 1158 e converteuse no centro da igrexa católica medieval en Escocia como sede da arquidiocese de St Andrews e dos bispos e arcebispos de St Andrews. Caeu en desuso despois de que a misa católica fose ilegalizada durante a Reforma escocesa do século XVI. Actualmente é un monumento baixo a custodia de Historic Environment Scotland.
No islam, Xesús ou Isa (en árabe: ʿĪsā ibn Maryam عِيسَى ٱبْنُ مَرْيَمَ; literalmente, "Xesús, fillo de María") é o penúltimo profeta e mensaxeiro de Deus e do Mesías, enviado para guiar aos Fillos de Israel cun libro chamado Injīl (Evanxeo). No Corán, descríbese a Xesús como o mesías (en árabe: al-Masīḥ), nacido dunha virxe e obrador de milagres quen, acompañado polos seus discípulos, é rexeitado polas autoridades relixiosas xudías. Porén, en contra da narrativa tradicional cristiá, non se menciona a súa crucifixión nin a súa resurrección; no seu lugar, dise que foi salvado por Deus e ascendeu aos ceos.