Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Xosé Ramón Gómez Besteiro, nado en Lugo o 15 de novembro de 1967, é un avogado e político do Partido dos Socialistas de Galicia. Foi o presidente da Deputación de Lugo dende 2007 ata 2015. En outubro de 2023 foi proclamado candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia para as Eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar en 2024.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Xesús Mato Mato, nado en Cabo de Vila (San Martiño de Castro, Paradela) o 29 de outubro de 1932 e finado na cidade de Lugo o 13 de febreiro de 2024, foi un sacerdote, musicólogo e escritor galego. Usou o pseudónimo J. Cabodevila na música.O Concello de Paradela, en colaboración con Brandán Comunicación, publicou Xesús Mato, 90 anos... e 50 do seu Fuxan os Ventos, presentado en xaneiro de 2023.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebraranse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
A hemozoína é un produto residual constituído por hemo cristalizado formado a partir da dixestión de sangue por algúns parasitos que se alimentan de sangue, que se acumula no interior do parasito e nalgúns casos pode saír á circulación sanguínea do hóspede. Estes organismos hematófagos, como os parasitos da malaria (Plasmodium spp.), o insecto Rhodnius e o trematodo Schistosoma dixiren a hemoglobina e liberan grandes cantidades de hemo libre, o cal é o compoñente non proteico da hemoglobina. O hemo é un grupo prostético formado por un átomo de ferro contido no centro dun anel porfirínico heterocíclico.
Unha isoglosa é unha liña imaxinaria que divide xeograficamente a existencia de dous fenómenos lingüísticos distintos. Os trazos poden ser fonéticos, fonolóxicos, morfolóxicos, sintácticos e mesmo pragmáticos. Partindo como exemplo do galego actual, as isoglosas dos principais fenómenos (plurais dos substantivos e adxectivos rematados en -n e -l, variantes no paradigma dos verbos, na estrutura fonolóxica, nas realizacións fonéticas, gheada, seseo, etc.) contribúen a delimitar o territorio dos tres bloques lingüísticos: occidental, central e oriental.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
A Cruz de Borgoña ou Aspa de Borgoña é unha representación da Cruz de Santo André na que os troncos que forman a cruz aparecen cos seus nós nos lugares onde se cortan as ramas. Este emblema foi incluído nos escudos de armas e nas bandeiras de España, tanto de terra como de mar, desde 1506, época da súa introdución coa Garda borgoñoa de Filipe o Fermoso, até Xoán Carlos I. A Cruz de Borgoña desapareceu do escudo de armas do rei de España, e do seu estandarte, no reinado de Filipe VI, así como nos estandartes, bandeiras, bandeirolas, guións, pendóns e confalóns das Forzas Armadas de España. Esta cruz tamén é a orixe do símbolo distintivo que marca as colas dos avións do Exército do Aire de España.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Contaminación por gránulos de plástico
A contaminación por gránulos de plástico é a producida por partículas de granulado plástico usadas universalmente para fabricar plásticos a grande escala. No contexto da contaminación por plástico, este granulado de preprodución coñécense en inglés como nurdle. Estes microplásticos créanse por separado dos plásticos que se funden, e a perda de gránulos pode ocorrer tanto durante as etapas de fabricación como de transporte.
O naufraxio do petroleiro Prestige e a posterior marea negra foi un dos maiores accidentes e catástrofes naturais da historia do transporte marítimo mundial. O accidente ocorreu o 13 de novembro de 2002, a 250 quilómetros da costa da Morte en Galiza, cando, após unha forte tormenta, o petroleiro afundiuse liberando 77.000 toneladas de fuel ao océano Atlántico. A vertedura do Prestige, que se estendeu ás costas de Portugal, norte de España e Francia, está considerada como o terceiro accidente máis custoso da historia xa que custou 12.000 millóns de dólares para limpar e selar o barco.
A Xunta de Galicia aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia como o órgano colexiado de goberno de Galicia. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais as conselleiras e os conselleiros. As vicepresidencias e as conselleiras e conselleiros noméanse dende a presidencia.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.A cidade é o centro da área estatística metropolitana dos Ánxeles-Long Beach-Santa Ana e do Grande os Ánxeles que, segundo o censo de 2010, sumaban unha poboación de 13 e 18 millóns de persoas, respectivamente.
O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurado con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981, estaba formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005
O 19 de xuño de 2005 celebráronse as sétimas eleccións ao Parlamento de Galicia.
A bandeira dos selk'nam (coñecida como Oleymweyen na lingua selk'nam), é o símbolo que identifica o pobo selk'nam, un pobo indíxena orixinario da Terra do Fogo, na Arxentina e Chile. A bandeira dos selknam serviu de inspiración para as cores do club Selknam Rugby, creado en 2019 como homenaxe a este pobo.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009
As eleccións autonómicas de Galicia de 2009 foron as oitavas eleccións ao Parlamento de Galicia. Nestas eleccións parlamentarias foron convocados ás urnas 2 646 872 galegos, dos cales 335.452 (12,7%) residen no estranxeiro.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2016
As eleccións autonómicas de Galicia de 2016 foron as décimas eleccións ao Parlamento de Galicia dende a súa constitución e celebráronse o 25 de setembro de 2016, data en que se fan catro anos desde a celebración dos comicios anteriores.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Tristan da Cunha é un remoto arquipélago no sur do Océano Atlántico. Constitúese como unha dependencia de Santa Helena, a cal forma parte do Territorio Británico de Ultramar. É o arquipélago habitado máis remoto do mundo, pois o lugar habitado máis próximo, a illa de Santa Helena, atópase a 2 161 km.
O Port de la Lune (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Os selk'nam, tamén coñecidos como onawo ou ona, son un pobo indíxena da rexión da Patagonia, no sur da Arxentina e Chile, incluíndo as illas de Terra de Fogo. Foron un dos derradeiros pobos nativos de América do Sur en ser contactados por emigrantes europeos occidentais a finais do século XIX. Coa descuberta de ouro e a expansión da gandería de ovellas, os gobernos da Arxentina e Chile comezaron a colonizar e exterminar os pobos indíxenas de Terra de Fogo. Estaban considerados extintos como tribo, pero en 2023 os seus descendentes mestizos foron recoñecidos como pobo indíxena pola Constitución de Chile.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Ravachol, nado cara a 1891 e finado o 24 ou 25 de xaneiro de 1913, foi un papagaio, mascota de Perfecto Feijoo que vivía na botica que este tiña na praza da Peregrina en Pontevedra. Converteuse nun dos símbolos da cidade. O enterro do Papagaio Ravachol conmemórase cada ano durante o entroido de Pontevedra.
Sì shū wǔ jīng (chinés clásico: 四書五經; chinés simplificado: 四书五经; pinyin: Sì shū wǔ jīng; Wade-Giles: Ssŭ4 Shu1 Wu3 Ching1; xaponés: 四書五経, Shisho gokyō; coreano: 사서오경, Saseoogyeong; vietnamita: Tứ thư Ngũ kinh; traducido ao galego como os Catro Libros e Cinco Clásicos) son os libros canónicos do confucianismo, escritos arredor do -300. Segundo a tradición, foron escritos, editados ou comentados polo propio Confucio ou algún dos seus discípulos. A partir da dinastía Han, convertéronse no núcleo dos clásicos chineses, nos que se basearían os exames imperiais.
Sydney Bernice Sweeney, nada o 12 de setembro de 1997 en Spokane, Washington, é unha actriz estadounidense. Acadou sona internacional após interpretar a Emaline na serie de Netflix Everything Sucks! (2018), a Eden na serie The Handmaid's Tale (2018) e a Alice na miniserie de HBO Sharp Objects (2018).
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Robert Nesta Marley naceu en Nine Mile o 6 de febreiro de 1945 e finado en Miami (Florida) o 11 de maio de 1981, máis coñecido como Bob Marley, foi un músico xamaicano e membro do movemento rastafari. A súa fe foi unha parte importante da súa carreira e agora é considerado por moitos como un profeta de Rastafari.
La sociedad de la nieve é un filme de 2023 dirixido por Juan Antonio Bayona. Conta a historia do accidente aéreo dos Andes de 1972. É unha adaptación do libro homónimo de Pablo Vierci, o cal documenta os acontecementos que viviron os 16 superviventes do accidente, moitos dos cales Vierci coñecía dende a infancia.
A bandeira oficial do concello barcelonés de Aiguafreda ten a seguinte descrición: Bandeira apaisada, de proporcións de dous de alto por tres de longo, coa metade superior vermella sementada de cruces brancas, das que só 3 son enteiras; e coa metade inferior composta por dúas bandas iguais xustapostas, unha amarela e a inferior negra.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012
As eleccións autonómicas de Galicia de 2012 foron as novenas eleccións ao Parlamento de Galicia dende a súa constitución e celébranse a falta de medio ano para o remate da lexislatura.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Nicole Denise Cucco, nada en Rosario (Santa Fe) o 25 de agosto de 2000, é unha cantante e compositora arxentina máis coñecida como Nicki Nicole. En 2019 saltou á fama co sinxelo «Wapo traketero», logrando millóns de reproducións en YouTube nun curto período de tempo, despois de ser publicado. A canción converteuse nun fenómeno viral e entrou na listaxe Argentina Hot 100 de Billboard.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
José Manuel Baltar Blanco, nado en Ourense o 3 de agosto de 1967, é un político galego, militante do PPdeG. É fillo de Xosé Luis Baltar, a quen sucedeu na presidencia da Deputación de Ourense. Está casado con María José Caldelas e ten cinco fillos.Concelleiro no concello de Esgos e presidente da Deputación Provincial de Ourense dende o 6 de febreiro de 2012, e presidente do PPdeG na provincia de Ourense dende o 30 de xaneiro de 2010, cando foi elixido no XV Congreso Provincial. Presidente de Partenalia, asociación europea de gobernos provinciais, integrada por autoridades locais intermedias de países europeos.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Dodro é un concello da provincia da Coruña pertencente á comarca do Sar, está situado no suroeste da provincia, onde o río Ulla desemboca na ría de Arousa. O seu xentilicio é «dodrense» e ten a súa capitalidade en Tallós. Dista de Santiago de Compostela arredor de 27 km e de Ribeira atópase a uns 37 km, ten unha superficie de 36,1 km2 e segundo o IGE, a 1 de xaneiro de 2023 tiña 2 675 habitantes (1 276 eran homes e 1 399 mulleres), cunha densidade de poboación de 73,29 hab./km2.
A historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade. Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica).
Màxim Huerta Hernández, nado en Utiel, Valencia o 26 de xaneiro de 1971, é un xornalista, escritor e político español. En xuño de 2018 desempeñou o cargo de ministro de Cultura e Deporte durante seis días até a súa dimisión ó darse a coñecer unha sentenza por fraude fiscal. Foi gañador do Premio Primavera 2014 coa súa cuarta novela, La noche soñada.