Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebraranse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurado con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981, estaba formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2009
As eleccións autonómicas de Galicia de 2009 foron as oitavas eleccións ao Parlamento de Galicia. Nestas eleccións parlamentarias foron convocados ás urnas 2 646 872 galegos, dos cales 335.452 (12,7%) residen no estranxeiro.
Xosé Ramón Gómez Besteiro, nado en Lugo o 15 de novembro de 1967, é un avogado e político do Partido dos Socialistas de Galicia. Foi o presidente da Deputación de Lugo dende 2007 ata 2015. En outubro de 2023 foi proclamado candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia para as Eleccións ao Parlamento de Galicia que terán lugar en 2024.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
A Xunta de Galicia aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia como o órgano colexiado de goberno de Galicia. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais as conselleiras e os conselleiros. As vicepresidencias e as conselleiras e conselleiros noméanse dende a presidencia.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2005
O 19 de xuño de 2005 celebráronse as sétimas eleccións ao Parlamento de Galicia.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
A historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade. Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica).
A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional". Ao seu redor fóronse aglutinando durante os anos setenta os sectores que logo confluirían no BNG. Ten 1300 militantes[cando?] e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo. O seu secretario xeral é Néstor Rego e dende o XII Congreso Nacional, o posto da presidencia da UPG quedou vacante trala decisión de Bautista Álvarez de non volver presentarse á presidencia, tras ostentar este cargo dende 1977, sendo tamén o cofundador da UPG. A Unión da Mocidade Galega, constituída en 1977, é a organización xuvenil do partido.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2016
As eleccións autonómicas de Galicia de 2016 foron as décimas eleccións ao Parlamento de Galicia dende a súa constitución e celebráronse o 25 de setembro de 2016, data en que se fan catro anos desde a celebración dos comicios anteriores.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Pavillón Multiúsos Fontes do Sar
O Pavillón Multiusos Fontes do Sar é un pavillón cuberto multiúsos, situado en Santiago de Compostela e construído en 1998. Pertence ao concello capitalino, e está xestionado pola sociedade mixta XADE. Ten unha capacidade de 6.666 espectadores para espectáculos deportivos e de 10.000 espectadores para concertos. Serve de feudo aos equipos Santiago Futsal de fútbol sala, Blusens Monbus Obradoiro de baloncesto, e ao Arteal de tenis de mesa.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2012
As eleccións autonómicas de Galicia de 2012 foron as novenas eleccións ao Parlamento de Galicia dende a súa constitución e celébranse a falta de medio ano para o remate da lexislatura.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
A bandeira dos guaranís é o símbolo que representa os guaranís, un pobo indíxena de América do Sur cuxa distribución tradicional é o estado actual de Paraguai, entre os ríos Uruguai e Paraguai, a Provincia de Misiones da Arxentina, o sur do Brasil, outrora até Río de Xaneiro, e partes do Uruguai e Bolivia. A bandeira foi deseñada polas Autoridades da Asemblea Nacional do Pobo Guaraní (A.P.G), dirixentes dos Pobos Guaranís e o Consello Guaraní, e representa os distintos pobos guaranís existentes, como os weenhayek, os tapietes e ava guaranís. Foi adoptada en 2015 como símbolo departamental de Tarija, en Bolivia.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Camilo Nogueira Román, nado o 22 de novembro de 1936 na parroquia e -daquela- concello de Lavadores (hoxe integrado no de Vigo) é un enxeñeiro e economista galego, máis coñecido pola súa faceta política, historicamente vinculada a partidos nacionalistas galegos de esquerda e desde 1994 ao Bloque Nacionalista Galego (BNG).
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O Port de la Lune (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 1997
O 19 de outubro de 1997 celebráronse as quintas eleccións ao parlamento de Galicia. Sobre un censo de 2.565.369 electores, os votantes foron 1 603 731 (62,5%), con 961.638 abstencións (37,5%). O Partido Popular de Galicia gañou novamente por maioría absoluta e conseguiu o nomeamento do seu candidato, Manuel Fraga Iribarne, como o presidente da Xunta.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 203.197.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2001
O 21 de outubro de 2001 celebráronse as sextas eleccións ao parlamento de Galicia. Cun censo de 2.567.670 electores, os votantes foron 1.544.694 (60,2%), con 1.022.976 abstencionistas (39,8%). O Partido Popular de Galicia gañou novamente por maioría absoluta, conseguindo o nomeamento do seu candidato, Manuel Fraga Iribarne, como o presidente da Xunta.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive
O Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC) foi un grupo terrorista galego operativo en Galicia entre 1986 e 1991 cuxo obxectivo era a independencia de Galicia e a instauración dun réxime socialista. Foi fundado por membros de Galiza Ceive-OLN e do Partido Comunista de Liberación Nacional (PCLN). O EGPGC estivo operativo entre 1986 e 1991, tempo durante o cal levaron a cabo arredor de 90 atentados, a maioría dos cales contra torres de alta tensión de Unión Fenosa en zonas deshabitadas.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. O historiador Antonio Eiras Roel estima en 2 041 603 o número de galegos emigrados a América entre o 1836 e 1960, o 38,5 % do total de migrantes españois (5 311 906), o que supuxo que Galicia tivese unha taxa de saída por cada mil habitantes superior a Irlanda nos momentos álxidos das correntes migratorias, por exemplo a emigración galega ao Uruguai e á Arxentina restableceuse en 1840 e en 1860 a intensidade do éxodo nalgunhas comarcas atlánticas superaba a de moitos condados irlandeses.Posteriormente, xa na segunda década do século XXI, por mor da crise en Galicia e España, iniciouse unha segunda vaga de emigración galega, principalmente cara a países de Europa (Alemaña e Inglaterra), formada normalmente por mozos con estudos e un nivel cultural medio-alto.
A App Store é un servizo para o iPhone, iPod Touch, e o iPad, creado por Apple Inc, que permite aos usuarios buscar e descargar aplicacións, desenvolvidas co iOS SDK e publicadas por Apple. Estas aplicacións están dispoñibles para ser compradas ou gratuítas, dependendo de cada unha. As aplicacións poden ser descargadas directamente ao iPhone o ao iPod Touch por medio dunha aplicación do mesmo nome.
Tenenisk, nado en Punta Azara, no cabo San Pablo, no século XIX e finado ibídem no inverno de 1924, foi un xamán indíxena do arquipélago de Terra do Fogo, metade selk'nam e metade haush, pertencente ao clan de Punta Azara, situada no cabo San Pablo. Tamén era coñecido como Tininisk, Ténénese, Teneneshk ou Tenenesk, e hispanizado como Ventura. Foi suxeito de estudo de varios exploradores, xunto con ser un dos últimos xamáns da súa relixión, os cales eran coñecidos como "xo'on".
La sociedad de la nieve é un filme de 2023 dirixido por Juan Antonio Bayona. Conta a historia do accidente aéreo dos Andes de 1972. É unha adaptación do libro homónimo de Pablo Vierci, o cal documenta os acontecementos que viviron os 16 superviventes do accidente, moitos dos cales Vierci coñecía dende a infancia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.A cidade é o centro da área estatística metropolitana dos Ánxeles-Long Beach-Santa Ana e do Grande os Ánxeles que, segundo o censo de 2010, sumaban unha poboación de 13 e 18 millóns de persoas, respectivamente.
Listenbourg é un país ficticio creado como un meme de internet en outubro de 2022, que o representa como unha extensión da Península Ibérica. O usuario francés de Twitter Gaspard Hoelscher compartiu un mapa manipulado de Europa cunha frecha vermella que apuntaba ao contorno dun territorio situado en Galiza, Asturias e Norte de Portugal, coa forma virada do mapa de Francia, e bromeou dicindo que os estadounidenses non poderían nomear ese Estado europeo membro da UE. O tal país fíxose viral nas redes sociais, con algunhas marcas, políticos e organizacións seguindo a broma.