Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
O oso de Salcedo é unha máscara característica da parroquia de Salcedo, no concello da Pobra do Brollón. Celebra o comezo da primavera, remedando o momento no que o oso sae da súa oseira trala hibernación. Simboliza deste xeito o comezo do ciclo agrícola anual, propiciatorio da abundancia nas colleitas e a fecundidade das mulleres.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Orzamento ou presuposto é o cálculo por anticipado dos custos que implicaría unha determinada obra, servizo ou calquera outra actividade económica. A elaboración dun orzamento permite ás empresas, os gobernos, as organizacións privadas ou mesmo ás familias establecer prioridades e avaliar a consecución dos seus obxectivos. Para alcanzar estes fins, pode chegar a ser preciso incorrer en déficit, isto é, que os gastos superen aos ingresos, ou pola contra, ser posíbel aforrar, de xeito que o orzamento presentará un superávit (os ingresos son maiores que os gastos).
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Flydubai (escrita como flydubai) é unha aeroliña de baixo custo árabe dos Emiratos Árabes Unidos, con sede na terminal 2 do Aeroporto Internacional de Dubai. Flydubai basea o seu modelo de negocio en ofertar prezos de billetes competitivos, xunto con servizos de hotel, alugueiro de veículos, seguros e servizos de visados en Dubai. A aeroliña opera desde a Terminal 2 do Aeroporto Internacional de Dubai.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia.
Qatar (/ˈkætɑːr/,) (en árabe: قطر), oficialmente o Estado de Qatar (en árabe: دولة قطر, Dawlat Qatar) é un país soberano localizado no oeste de Asia, ocupando a pequena Península de Qatar na costa noroeste da Península Arábiga. Ten fronteira terrestre con Arabia Saudita no sur, co resto do seu territorio rodeado polo Golfo Pérsico. Un estreito no Golfo Pérsico separa Qatar do seu veciño Bahrain, tamén compartindo fronteiras marítimas cos Emiratos Árabes Unidos e Irán.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
A esperanza é un estado de ánimo optimista baseado na expectativa de resultados favorables relacionados a eventos ou circunstancias da propia vida ou o mundo no seu conxunto. Outras definicións de ter esperanza inclúen os seguintes termos: «esperar confiado» e «abrigar un desexo con anticipación». Existen tamén enfoques na área educativa que incorporan o concepto de pedagoxía da esperanza, Paulo Freire refírese a esta como unha necesidade ontolóxica, o que nos move, o que nos marca unha dirección.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Salvador Guillermo Allende Gossens, nado en Santiago o 26 de xuño de 1908 e finado na mesma cidade o 11 de setembro de 1973, foi un político chileno, presidente do seu país entre 1970 e 1973, cando foi derrocado por un golpe de estado, apoiado pola CIA e os Estados Unidos de América, que acabou coa súa vida. Non alcanzou a completar o seu goberno, que proseguía até 1976, debido ó Golpe de Estado de 1973 que o derrocou e implantou o Réxime Militar en Chile. A súa morte ocorreu durante o asalto ó Palacio de la Moneda, no que faleceu.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
O voo 981 de Flydubai foi un voo regular internacional entre o Aeroporto Internacional de Dubai e o Aeroporto de Rostov, operado por Flydubai, aeroliña de baixo custo dos Emiratos Árabes Unidos. O día 19 de marzo de 2016 o avión que realizaba a ruta, un Boeing 737, esnafrouse nos arredores de Rostov do Don, en Rusia, cando este se atopaba na súa segunda tentativa de aterraxe, tras un primeiro intento abortado. No momento en que a aeronave chegou a Rostov do Don as condicións meteorolóxicas non eran óptimas, e o avión estivo máis de dúas horas no aire agardando a aterrar, segundo os relatorios preliminares.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
En física, a enerxía é todo aquilo que pode transformarse en calor, traballo mecánico (movemento) ou radiación electromagnética como a luz mediante procesos físicos. Isto pode ocorrer de xeito natural e espontáneo ou grazas a unha máquina (por exemplo motor, caldeira, refrixerador, altofalante, lámpada) ou tamén a un organismo vivo (por exemplo os músculos) etc. En rigor é un concepto fundamental, aceptado pola física sen definición..
A Xunta de Galicia aparece definida no Estatuto de Autonomía de Galicia como o órgano colexiado de goberno de Galicia. Está composta pola presidencia, a ou as vicepresidencias e mais as conselleiras e os conselleiros. As vicepresidencias e as conselleiras e conselleiros noméanse dende a presidencia.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Isabel Zendal Gómez, nada na Agrela (Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México), foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de Francisco Xavier Balmis coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende A Coruña a México e dos 26 que foron dende Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar. É considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
José Ignacio Peleteiro Ramallo, coñecido como Jota Peleteiro ou simplemente Jota, nado na Pobra do Caramiñal o 6 de xuño de 1991, é un exfutbolista galego que xogaba de mediapunta. Formado na canteira do Celta de Vigo, non encontrou sitio no primeiro equipo, polo que saíu cedido primeiro ao Real Madrid Castilla e logo ao Eibar. No club vasco foi un dos xogadores máis destacados da tempada 2013/14, sendo elixido no once ideal da Segunda División, e na antepenúltima xornada de liga anotou o histórico gol que lle deu ao equipo o ascenso á Primeira División por primeira vez na súa historia.
Xosé Ramón Gómez Besteiro, nado en Lugo o 15 de novembro de 1967, é un avogado e político do Partido dos Socialistas de Galicia. Foi o presidente da Deputación de Lugo dende 2007 ata 2015. En 2024 foi proclamado candidato do PSdeG-PSOE á Presidencia da Xunta de Galicia para as Eleccións ao Parlamento de Galicia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Vibrio parahaemolyticus é unha especie de bacterias gramnegativas de forma bacilar curvada que viven no mar e estuarios, que, cando son inxeridas, poden causar gastroenterite bacteriana en humanos. V. parahaemolyticus é positiva para a oxidase, é un orgnismo aerobio facultativo e non produce esporas. Como outros membros do xénero Vibrio, esta especie é móbil, cun só flaxelo polar.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Os biosurfactantes son surfactantes biolóxicos e o termo úsase máis comunmente para os de orixe microbiana. A maioría dos biosurfactantes producidos por microbios sintetízanse extracelularmente e moitos microbios producen biosurfactantes en cantidades relativamente grandes. Algúns son de interese comercial.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.A cidade é o centro da área estatística metropolitana dos Ánxeles-Long Beach-Santa Ana e do Grande os Ánxeles que, segundo o censo de 2010, sumaban unha poboación de 13 e 18 millóns de persoas, respectivamente.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego.Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Qatar Airways Company Q.C.S.C. (árabe: القطرية, Al Qatariyah), operando como Qatar Airways, é a aeroliña nacional de Qatar, propiedade do goberno do país. Ten a súa sede na Torre Qatar Airways Tower en Doha. Opera unha rura hub-and-spoke, unindo uns 150 destinos internacional en África, Asia central, Europa, Extremo Oriente, Sueste Asiático, Oriente Medio, América e Oceanía dende a súa base no aeroporto internacional Hamad usando unha frota duns 200 avións.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 203.388.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2020 celebráronse o 12 de xullo de 2020 para elixir os 75 membros da 11ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. As eleccións celebráronse de xeito simultáneo coas eleccións ao Parlamento do País Vasco. A comezos de febreiro de 2020, a posibilidade dun adianto electoral no País Vasco para o 5 de abril xerou especulacións sobre se o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, estaría disposto a adiantar as eleccións galegas para celebralas conxuntamente coas vascas, como ocorrera nos comicios de 2009, 2012 e 2016, malia as afirmacións anteriores de Feijóo de que a súa vontade non era a dun final prematuro da lexislatura.
Gala Martínez-Murguía de Castro, máis coñecida como Gala Murguía, nada en Lestrobe (Dodro) o 2 de xullo de 1871 e finada na Coruña o 18 de xaneiro de 1964, foi a filla máis lonxeva de Rosalía e Murguía e tivo un papel importante na apertura da Casa Museo Rosalía de Castro, xa que foi clave na reconstrución da vida familiar na Casa da Matanza.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O Himno Nacional de Bolivia, orixinalmente chamado Canción Patriótica, é unha marcha —en compás de 4/4, aínda que popularmente cántase en 12/8— con letra de José Ignacio de Sanjinés e música de Leopoldo Benedetto Vincenti. Foi estreado na cidade de A Paz, fronte ao Palacio de Goberno, ao mediodía do 18 de novembro de 1845, por uns 90 instrumentistas pertencentes ás bandas militares dos batallóns quinto, sexto e oitavo. Ese día festexábase o cuarto aniversario da batalla de Ingavi.
On-Line Encyclopedia of Integer Sequences
A Enciclopedia Online de secuencias de enteiros (OEIS polas súas siglas en inglés, de On-Line Encyclopedia of Integer Sequences) é unha base de datos que rexistra secuencias de números enteiros. A información que contén OEIS é de interese para matemáticos profesionais, pero tamén serve como entretemento para calquera que desexe practicar a matemática recreativa. No 2023, pasaba de 360000 secuencias, o que a fai a base de datos máis grande deste tipo.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que só se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.