Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
Francesca Lluc Armengol Socías, coñecida como Francina Armengol, nada na cidade de Inca, Illas Baleares, o 11 de agosto de 1971, é unha farmacéutica e política mallorquina. Desde 1999 é deputada no Parlamento das Illas Baleares por Mallorca. Desde xullo de 2015 é presidenta do Goberno das Illas Baleares, sendo a primeira muller que o preside na historia das Baleares.
Mar adentro é un filme español biográfico-dramático de 2004 coescrito e dirixido por Alejandro Amenábar e protagonizado por Javier Bardem, Belén Rueda e Lola Dueñas. Rodado en Galicia, baséase na historia real de Ramón Sampedro, un escritor e ex-mariñeiro que quedou tetrapléxico logo dun accidente ocorrido durante a súa xuventude. Permanece prostrado nunha cama durante case 30 anos, situación pola que desexa morrer mediante a aplicación da eutanasia.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
A espectrometría de masas ou espectrometría de masa (abreviada EM e na literatura inglesa, MS) é unha técnica analítica que se usa para medir a razón masa-carga de ións. Os resultados preséntanse como un espectro de masas, un gráfico da intensidade en función da razón masa-carga. A espectrometría de masas utilízase en moitos campos da ciencia e aplícase a mostras puras ou a mesturas complexas.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. O partido no goberno, o Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda mantivo o seu dominio respecto das eleccións anteriores, aínda que perdeu dous escanos en relación ás eleccións de 2020. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantívose no segundo posto e sumou 6 escanos máis dos 19 que xa tiña, o cal o situou no seu mellor resultado histórico.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Pokémon (ポケットモンスター, Poketto Monsutā, Pocket Monsters, literalmente "monstros de peto" en galego) é unha franquía multimillonaria, que orixinalmente comezou coma un videoxogo, mais debido á súa popularidade logrou expandirse a outros medios de entretemento coma series de televisión, xogos de cartas, roupa, entre outros, converténdose nunha marca que é recoñecida no mercado mundial. As vendas de videoxogos até o 1 de decembro de 2006, acadaran unha cantidade de 175 millóns de exemplares (incluíndo a venda da versión Pikachu da consola Nintendo 64), atinxindo ocupar o segundo lugar das sagas de videoxogos máis vendidos de Nintendo. A franquía celebrou o seu décimo aniversario o 27 de febreiro de 2006.
Manuel Antonio Pérez Sánchez, máis coñecido como Manoel Antonio ou Manuel Antonio, nado en Rianxo o 12 de xullo de 1900 e finado en Asados (Rianxo) o 28 de xaneiro de 1930, foi un poeta galego en lingua galega, o máximo representante do movemento vangardista na literatura galega. Asistiu á II Asemblea Nacionalista en Compostela (1919), á III en Vigo (1921) e á IV en Monforte (1922). Mantivo arreo fortes conviccións, intentando casar o anarquismo individualista co galeguismo independentista e chamou á defensa radical do monolingüismo en galego.
Galicola foi o nome dun refresco de cola feito e distribuído en Galiza pola Asociación Cultural Fontaira dende novembro de 2009, e que destina o 5% das vendas para a promoción e normalización da lingua galega. Por outra banda, segundo os impulsores da iniciativa, tamén se busca: Destacar que a asociación organiza un premio, o premio Angelo Casal, dotado co devantido 5% das vendas e que en 2010 foi concedido á agrupación Mocidade pola Língua para sufragar a súa iniciactiva a prol do galego.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
IRC son as siglas de Internet Chat Relay ("retransmisión de charla por internet"), unha forma de comunicación instantánea sobre a Internet deseñada para a grupos de persoas que utilizan foros chamados "canais". O IRC foi creado por Jarkko Oikarinen a finais de agosto de 1988 como substituta dun programa chamado MUT nun BBS chamado OuluBox en Finlandia. Oikarinen inspirouse no Bitney Relay Chat que funcionaba na rede Bitnet.
A Unidade 731 (en xaponés: 731部隊; Nana-san-ichi Butai) tamén coñecido como Destacamento Manshu 731, Destacamento Kamo ou Unidade Ishii, foi un programa encuberto de investigación e desenvolvemento de armas biolóxicas do Exército Imperial Xaponés, que levou a cabo letais experimentos médicos sobre humanos vivos durante a segunda guerra sino-xaponesa (1937-1945) no marco da segunda guerra mundial. Estímase que asasinaron entre 200.000 e 300.000 persoas. Foi responsábel dalgúns dos máis horribles crimes de guerra cometidos na época moderna.
O dous de maio de 1808 en Madrid
O dous de maio de 1808 en Madrid, tamén chamado A carga dos mamelucos na Porta do Sol, A loita cos mamelucos, ou simplemente A carga dos mamelucos, é, xunto con O 3 de maio en Madrid, un dos cadros máis soados de Francisco de Goya, pintor español. O cadro, pintado en 1814 en óleo sobre tea, atópase no Museo do Prado, en Madrid.
Fernando Alonso Díaz ( pronunciación ), nado en Oviedo o 29 de xullo de 1981, é un piloto asturiano de automobilismo que actualmente compite para Aston Martin na Fórmula 1. Foi Campión do Mundo de Fórmula 1 nas tempadas 2005 e 2006 con Renault, interrompendo a serie de cinco títulos consecutivos acadada polo alemán Michael Schumacher e converténdose no gañador máis novo do título mundial, batendo a histórica marca do brasileiro Emerson Fittipaldi. É frecuentemente considerado como un dos mellores pilotos de Fórmula 1 na historia do deporte.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Salvador Puig Antich, nado en Barcelona o 30 de maio de 1948 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1974, foi un anarquista catalán, activo durante os anos sesenta e comezos do setenta, que morreu executado polo réxime franquista despois de ser xulgado por un Tribunal Militar e condenado como culpable da morte dun garda civil en Barcelona.
Apocalypto é un filme dirixido por Mel Gibson e producido polos estudios Icon Entertainment, que se estreou nos Estados Unidos o 8 de decembro do 2006. A historia está ambientada nas terras maias da América precolombiana e foi filmada en lingua maia iucateca. Apocalypto é un drama de acción e aventura que conta unha historia de amor, odio e violencia na era anterior á chegada dos conquistadores españois.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e actualmente non milita en ningún equipo, xa que en novembro deixou de mutuo acordo o club no que se encontraba, o Manchester United da Premier League inglesa. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación da actualidade.
A vacaloura (tamén existe a variante vacaloira), carouca, cornetán ou escornabois (Lucanus cervus) é un escaravello da familia Lucanidae de gran tamaño. Trátase dun insecto no que os sexos son facilmente distinguibles: os machos dispoñen dunhas mandíbulas de gran tamaño, moito maiores que as das femias, que lles serven como medio de loita con machos rivais. A larva deste insecto pasa dun a cinco anos alimentándose de madeira en descomposición, preferiblemente de frondosas, polo que adoita vivir en bosques onde hai abundantes carballos, e razón tamén de que non sexa común en terreos urbanos.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
O guérewol, tamén escrito como guerewol ou gerewol, é un ritual de cortexo que se realiza anualmente entre os fula wodaabe de Níxer. Neste ritual, os mozos vístense cunha elaborada ornamentación e maquíllanse coa pintura facial tradicional. Reúnense en filas para bailar e cantar, disputando a atención das mozas casables.
O Bloque Nacionalista Galego (BNG) é unha organización política nacionalista galega. Defínese, desde o punto de vista organizativo, como unha fronte de partidos e sitúase na esquerda do espectro político. O BNG tiña, en 2009, 9.000 militantes, 468 concelleiros e 30 alcaldes en diversos concellos de Galiza.
Rosendo de Celanova, Rudesindus Guterri ou Rosendo Gutérrez, nado en São Miguel do Couto (Santo Tirso) o 26 de novembro de 907 e finado en Celanova o 1 de marzo de 977, máis coñecido como san Rosendo, foi un nobre e relixioso galego, bispo de Mondoñedo, abade fundador do mosteiro de San Salvador de Celanova e administrador da Sé Iriense, foi unha figura política e relixiosa sobranceira no reino de Galicia durante o século X.
Dune (titulado en pantalla Dune: Part One) é un filme de ciencia ficción de 2021 dirixido por Denis Villeneuve e escrito por Eric Roth, Jon Spaihts e o propio Villeneuve. É unha coprodución internacional dos Estados Unidos, o Reino Unido, o Canadá e Hungría e constitúe a primeira entrega de dous filmes baseados nunha nova versión revisada fiel á novela homónima de 1965 de Frank Herbert.Está protagonizada por Timothée Chalamet, Rebeca Ferguson, Oscar Isaac, Josh Brolin, Stellan Skarsgård, Dave Bautista, Stephen McKinley Henderson, Zendaya, David Dastmalchian, Chang Chen, Sharon Duncan-Brewster, Charlotte Rampling. Jason Momoa e Javier Bardem.
Campionato Mundial de Fórmula 1 de 2024
O Campionato Mundial da FIA de Fórmula 1 de 2024 será a 75ª tempada de Fórmula 1 organizada pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA). Está recoñecido pola Fédération Internationale de l'Automobile (FIA), o órgano de goberno internacional do automobilismo, como a máxima clase de competición para coches de carreiras de rodas aberta. O campionato disputarase nunha serie de carreiras, ou Grandes Premios, celebradas en todo o mundo.
A historia (provén da lingua latina, dende o grego historia, -as 'investigación', derivado de histor 'sabio', 'coñecedor') é a ciencia que ten como obxecto de estudo o pasado da humanidade e como método o propio das ciencias sociais . Tamén se denomina historia ao período histórico que transcorre desde a aparición da escritura ata a actualidade. Máis aló das acepcións propias da ciencia histórica, historia na linguaxe usual é a narración de calquera suceso, ata de sucesos imaxinarios e de mentiras sexa o seu propósito o engano, o pracer estético ou calquera outro (ficción histórica).
O Estado Islámico de Iraq e Levante (árabe: الدولة الإسلامية في العراق والشام), tamén coñecido como Estado Islámico de Iraq e Siria (ISIS en inglés), Estado Islámico de Iraq e ash-Sham, Estado Islámico (EI) ou Daesh (داعش), é un grupo militar extremista wahhabí/xihadista salafí e autoproclamado califato, e antigo protoestado non recoñecido que seguía unha doutrina fundamentalista, salafí do sunnismo. Estado Islámico conseguiu a atención global a comezos de 2014 cando desprazou ás forzas do goberno iraquí fóra de cidades estratéxicas na ofensiva iraquí occidental, seguida da captura de Mosul e o masacre de Sinjar.O grupo foi descrito como unha organización terrorista polas Nacións Unidas e por moitos países de xeito individual. EI é coñecido polos seus vídeos propagandísticos de decapitacións e outro tipo de execucións a militares e civís, incluíndo xornalistas e axuda humanitaria, así como pola destrución de lugares considerados patrimonio cultural.
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
A chalana é unha pequena embarcación, coa popa rectangular (en espello), a proa triangular e o fondo plano, sen quilla; ten capacidade para unha ou dúas persoas. Outra característica é a ausencia de temón. Adoita manexarse a remo, cos que se dirixe sen maior problema sempre que as condicións meteorolóxicas sexan boas (a falta de quilla fai que sexan pouco manobrables nun mar revolto).
Timothée Hal Chalamet, nado o 27 de decembro de 1995, é un actor franco-estadounidense. É coñecido polas súas actuacións como Finn Walden na serie de Showtime Homeland (2012), Danny Vance no filme dramático Men, Women & Children (2014), Tom Cooper no filme de ciencia ficción Interstellar (2014), Elio Perlman no filme de drama romántico Call Me by Your Name (2017) e Kyle Scheible no filme Lady Bird (2017).
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Dos arquivos do trasno: Contos do monte e do mar é un libro de contos do escritor Rafael Dieste, publicado en 1926.Foi a súa primeira obra publicada. Apareceu publicado en 1926 con oito relatos que apareceran xa nos xornais Galicia e El Pueblo Gallego. En 1962 fíxose unha segunda edición de Editorial Galaxia con vinte relatos e ilustracións de Xohán Ledo.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un fragmento de texto que se envía desde os servidores dun sitio web e que se garda no navegador web do usuario do sitio. Deste xeito, o sitio web pode consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación. Un rastro de "sesión" é o que xeralmente remata cando pechas o navegador ou a aplicación móbil.