Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Claudio Giráldez González, nado en Cans, no Porriño, o 24 de febreiro de 1988, é un exfutbolista e adestrador galego. Xogou de centrocampista e militou en varios equipos da Segunda División B e a Terceira División. Dende 2022 adestrou o Celta de Vigo B. En marzo de 2024, foi nomeado adestrador do Celta de Vigo, despois da destitución de Rafa Benítez.
O Día Internacional da Muller, orixinalmente coñecido como Día Internacional da Muller Traballadora, conmemorado cada 8 de marzo e recoñecido pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e de facer balance sobre a situación das mulleres na sociedade, é xornada recoñecida nalgúns países. Tradicionalmente, grupos e asociacións de mulleres militantes no feminismo ou no movemento obreiro preparan manifestacións, por veces utilizando o nome orixinal, por todo o mundo, para facer ver as súas reinvindicacións co fin de mellorar as condicións da muller, festexar os avances e loitar pola superación dos atrancos. Comezou a ser celebrado pola ONU en 1975 para, finalmente, adoptar unha resolución, en 1977, na que establece un Día das Nacións Unidas para os Dereitos das Mulleres e a Paz Internacional.
Audrey Hepburn, nada como Audrey Kathleen Ruston o 4 de maio de 1929 en Ixelles e finada o 20 de xaneiro de 1993 en Tolochenaz (Vaud), foi unha actriz británico-belga que realizou a meirande parte da súa carreira artística nos Estados Unidos. Tamén foi moi activa como embaixadora de UNICEF. É considerada pola American Film Institute como a terceira mellor estrela feminina de tódolos tempos. Nada en Ixelles, un distrito de Bruxelas, Hepburn pasou a súa infancia entre Bélxica, Inglaterra e os Países Baixos, incluíndo a Arnhem que estivo ocupada polos alemáns durante a segunda guerra mundial.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Magdalena del Carmen Frida Kahlo Calderón, nada en Coyoacán (Cidade de México) o 6 de xullo de 1907 e finada o 13 de xullo de 1954, foi unha recoñecida pintora e poetisa mexicana. Kahlo naceu e morreu en Cidade de México, no seu fogar coñecido como "La casa azul". A súa obra é considerada emblemática en México pola tradición indíxena.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Os anticorpos antinucleares (ANAs polas súas siglas en inglés), tamén chamados factor antinuclear (ANF), son autoanticorpos que se unen a contidos do núcleo celular. En individuos normais, o sistema inmunitario produce anticorpos contra as proteínas alleas (antíxenos alleos) pero non contra as proteínas humanas propias (autoantíxenos). Porén, en casos de autoinmunidade, o corpo produce anticorpos contra os antíxenos propios.Hai moitos subtipos de ANAs, como os anticorpos anti-Ro, anti-La, anti-Sm, anti-nRNP, anti-Scl-70, anti-dsDNA, antihistonas, anticorpos contra aos complexos dos poros nucleares, anticorpos anticentrómeros e anti-sp100.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O Parlamento de Cataluña (en catalán: Parlament de Catalunya) é o órgano lexislativo da Generalitat de Cataluña, o máximo órgano de goberno catalán. É unha das institucións que forman a Generalitat de Catalunya, xunto coa Presidencia da Generalitat de Cataluña, o Consello Executivo ou Goberno, o Consello de Garantías Estatutarias, o Síndic de Greuges, a Tribunal de Contas e o Consello do Audiovisual de Cataluña. Representa ao pobo de Cataluña e exerce a potestade lexislativa, aproba os orzamentos da Generalitat e controla e impulsa a acción política e de Goberno.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid
Os Atentados do 11-M ou Atentados do 11M, coñecidos tamén como 11M, foron unha serie de ataques terroristas en catro trens da rede ferroviaria de Madrid. Foron levados a cabo por unha célula xihadista, segundo a investigación policial e as sentenza da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo. Faleceron 193 persoas e arredor de dúas mil resultaron feridas.Entre as 07:36 e as 07:40 (CET) do 11 de marzo de 2004, en hora punta, producíronse dez explosións case simultáneas en catro trens de Madrid.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Emily Jean "Emma" Stone, nada en Scottsdale (Arizona) o 6 de novembro de 1988, é unha actriz estadounidense. O seu primeiro filme foi Superbad (2007), e posteriormente co-protagonizaría en The House Bunny (2008), Zombieland (2009) e Paper Man (2009). Tamén é coñecida por outros filmes como Amor estúpido e tolo (2011), The Help (2011) The Amazing Spider-Man (2012, 2014), e The Croods (2013).
Pere Aragonès i Garcia, nado en Pineda de Mar, Maresme, o 16 de novembro de 1982, é un político catalán, presidente da Generalitat de Cataluña dende o 21 de maio de 2021. Foi vicepresidente e conselleiro de Economía e Facenda dende o 19 de maio de 2018, asumindo algunhas funcións do presidente da Generalitat de Cataluña dende 30 de setembro de 2020 por mor da inhabilitación de Quim Torra. Foi membro do Parlamento de Cataluña por ERC e secretario de Economía do Goberno de Cataluña 2016-2017.
José Sacristán, nado en Chinchón (Madrid) o 27 de setembro de 1937 é un actor español de cinema, teatro e televisión. Integrante do grupo de actores do chamado “landismo”, a súa carreira e orientación deu un xiro importante a partir da Transición Española, con filmes tan relevantes como Un hombre llamado Flor de Otoño ou Asignatura pendiente, que lle permitiron enriquecer o seu rexistro interpretativo.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. O partido no goberno, o Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda mantivo o seu dominio respecto das eleccións anteriores, aínda que perdeu dous escanos en relación ás eleccións de 2020. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantívose no segundo posto e sumou 6 escanos máis dos 19 que xa tiña, o cal o situou no seu mellor resultado histórico.
O Himno Nacional de Bolivia, orixinalmente chamado Canción Patriótica, é unha marcha —en compás de 4/4, aínda que popularmente cántase en 12/8— con letra de José Ignacio de Sanjinés e música de Leopoldo Benedetto Vincenti. Foi estreado na cidade de A Paz, fronte ao Palacio de Goberno, ao mediodía do 18 de novembro de 1845, por uns 90 instrumentistas pertencentes ás bandas militares dos batallóns quinto, sexto e oitavo. Ese día festexábase o cuarto aniversario da batalla de Ingavi.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 204.196.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Il pirata (en galego, O pirata) é unha ópera en dous actos con música de Vincenzo Bellini e libreto en italiano de Felice Romani, a partir dunha tradución francesa da obra tráxica Bertram, or The Castle of Saint Aldobrand de Charles Maturin, a pesar de que o seu título foi tomado, presumiblemente, da novela The Pirate, de Walter Scott. Foi estreada no Teatro alla Scala de Milán o 27 de outubro de 1827. A obra orixinal ten sido comparada coa ópera de Bellini e se destacou a influencia de Il Pirata en Lucia di Lammermoor de Gaetano Donizetti.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Fernando Alonso Díaz ( pronunciación ), nado en Oviedo o 29 de xullo de 1981, é un piloto asturiano de automobilismo que actualmente compite para Aston Martin na Fórmula 1. Foi Campión do Mundo de Fórmula 1 nas tempadas 2005 e 2006 con Renault, interrompendo a serie de cinco títulos consecutivos acadada polo alemán Michael Schumacher e converténdose no gañador máis novo do título mundial, batendo a histórica marca do brasileiro Emerson Fittipaldi. É frecuentemente considerado como un dos mellores pilotos de Fórmula 1 na historia do deporte.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.A cidade é o centro da área estatística metropolitana dos Ánxeles-Long Beach-Santa Ana e do Grande os Ánxeles que, segundo o censo de 2010, sumaban unha poboación de 13 e 18 millóns de persoas, respectivamente.
A economía de Galicia áchase fortemente imbricada aos recursos naturais. Galicia destaca polos seus contrastes económicos: mentres a costa oeste, sede dos maiores centros de poboación, e tamén das industrias manufactureiras e de derivados da pesca, é próspera e incrementa a súa poboación (especialmente aquelas comarcas situadas no eixo da autoestrada AP-9), a zona rural das provincias de Ourense e Lugo presenta unha economía na que predomina aínda a compoñente rural, asentada no minifundio, ou pequenas explotacións agrícolas e/ou gandeiras.
O segundo casete da colección Fonoteca 92 fai unha descrición da tradición popular dos maios en Galicia, presentado por Isabel Freire Bazarra, recolle gravacións de coplas en directo cantadas pola xente nas localidades de Portomarín, Sanxenxo, Marín, a Illa de Arousa e Monforte de Lemos, foi publicado en 1992 pola Editorial Compostela de El Correo Gallego.
Tinker Bell and the Great Fairy Rescue
Tinker Bell and the Great Fairy Rescue é un filme estadounidense de 2010 dirixido por Bradley Raymond. É o terceiro título da franquía Disney Fairies producida por Disneytoon Studios. Conta a historia de Tinker Bell, unha fada creada por J. M. Barrie para a súa obra de 1904 Peter Pan, or The Boy Who Wouldn't Grow Up.
O Parlamento de Galicia é a institución na que reside o poder lexislativo da Comunidade Autónoma de Galicia e é o máximo órgano representativo do pobo galego. Instaurado con anterioridade ás primeiras eleccións autonómicas de 1981, estaba formado polos deputados elixidos para o Congreso dos Deputados de España polas circunscricións galegas. Segundo o Estatuto de Autonomía de Galicia debe estar formado por entre 60 e 80 deputados.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Secret of the Wings (titulado orixinalmente Tinker Bell and the Mysterious Winter Woods ou Tinker Bell and the Secret of the Wings) é un filme estadounidense de 2012 dirixido por Peggy Holmes e Bobs Gannaway. É o cuarto título da franquía Disney Fairies producida por Disneytoon Studios. Conta a historia de Tinker Bell, unha fada creada por J. M. Barrie para a súa obra de 1904 Peter Pan, or The Boy Who Wouldn't Grow Up.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O castelo de Viana do Bolo, agora máis coñecido como Torre de Viana do Bolo, foi un castelo construído na Idade Media en Viana do Bolo, cando a vila gozaba de foro e goberno propios. Consérvase a torre da homenaxe, de base cadrada e 32,7 metros de altitude. O soto da torre está cuberto cunha bóveda de canón reforzada por tres arcos transversais apuntados.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A renda básica universal (RUB), renda básica incondicional (RUB) ou renda do cidadán é unha forma de sistema de seguridade social na que todos os cidadáns ou residentes dun país reciben regularmente unha cantidade de diñeiro sen condicións. Con este sistema preténdese cubrir a toda a poboación cunha renda garantida independentemente das súas condicións laborais, económicas ou sociais. Unha renda que permite a supervivencia básica mes a mes, garantida polo Estado.
O Real Club Celta de Vigo S.A.D., coñecido popularmente como Celta, é un equipo de fútbol galego fundado na cidade de Vigo o 23 de agosto de 1923 por unión do Real Vigo Sporting Club e o Real Club Fortuna de Vigo. Disputa os seus partidos no estadio de Balaídos, inaugurado o 30 de decembro de 1928. O 3 de xuño de 2012 conseguiu volver á primeira división logo de descender na tempada 2006-07 tras quedar 18º.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Os fentos, fieito/as, felgos ou folgueiras son un grupo de plantas vasculares (con xilema e floema) que se reproducen a través de esporas e que carecen de sementes e flores. Diferéncianse dos musgos en seren vasculares, isto é, en ter tecidos especializados no transporte da auga e dos nutrientes e en ter ciclos de vida no que os esporófitos son a fase dominante. Teñen talos, follas e raíces como as outras plantas vasculares.