Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Camela é unha banda de música española de pop electrónico formada en Madrid. Os seus compoñentes son Dionisio Martín Lobato (vocalista-compositor) e María de los Ángeles Muñoz Dueñas (vocalista-compositora). O terceiro integrante, Miguel Ángel Cabrera Jiménez (teclados-compositor), abandonou o grupo en febreiro de 2013 debido á falta de acordo cos seus compañeiros.
Bárbara Allende Gil de Biedma, nada en Madrid o 29 de xuño de 1957 e finada na mesma cidade o 24 de maio de 2022, foi unha artista, pintora, poeta e fotógrafa española, coñecida como Ouka Leele. Foi unha das protagonistas principais da movida madrileña de comezos da década de 1980. De formación autodidacta, destacan as súas características fotografías en branco e negro pintadas a man con acuarela.
Claudio Giráldez González, nado en Cans, no Porriño, o 24 de febreiro de 1988, é un exfutbolista e adestrador galego. Xogou de centrocampista e militou en varios equipos da Segunda División B e a Terceira División. Dende 2022 adestrou o Celta de Vigo B. En marzo de 2024, foi nomeado adestrador do Celta de Vigo, despois da destitución de Rafa Benítez.
O Día de San Patricio (Lá Fhéile Pádraig) é unha festa que celebra a San Patricio, o máis coñecido dos patróns de Irlanda, xeralmente celébrase o 17 de marzo. É a festa nacional de Irlanda e festivo en Irlanda do Norte. Celébrase popularmente en moitos países sen ser festivo, especialmente por irlandeses de orixe pero tamén por moita xente doutras orixes, tal é o caso do Canadá, Gran Bretaña, Australia, os Estados Unidos, a Arxentina, Nova Zelandia e Galicia.[Cómpre referencia] Xeralmente celébrase todo o que é verde, bébese cervexa irlandesa e cómese comida irlandesa.
Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ ) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas. Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos de América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México).
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Nevenka Fernández, nada en 1975, é unha economista española. Foi concelleira de Facenda de Ponferrada entre 1999 e 2000. É coñecida por ser a primeira española en lograr a condena dun cargo político, Ismael Álvarez, alcalde de Ponferrada, por acoso sexual despois de que se introducise o delito no Código Penal español de 1999.
O Racing Club de Ferrol, S.A.D. é un club de fútbol da cidade de Ferrol (A Coruña), fundado no 1919 pola fusión do Racing Club e o Club Ferrol, dous dos equipos da cidade nesa época. Xoga actualmente na Segunda División tras conseguir o ascenso na tempada 2022/23. Entre os seus maiores logros conta con tres campionatos galegos, un subcampionato da Copa do Rei en 1939, e un segundo posto na Segunda División en 1940.
Joaquín Domínguez Portela, coñecido como Elxokas, nado en Lugo o 13 de abril de 1991, é un influenciador, streamer, youtuber e creador de contido en Twitch e YouTube. Comezou como streamer en 2018 en Twitch creando contido do videoxogo Warcraft. En 2019, era xa o creador de contido máis grande da comunidade hispanofalante nesta categoría.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Clementina Yolanda Lastra García, nada na Cidade de México o 12 de setembro de 1932, algunhas veces mencionada como Yolanda Lastra de Suárez, é unha antropóloga, lingüista, catedrática e académica mexicana. Pioneira no eido da sociolingüística en México, é recoñecida como especialista en lingüística descritiva das linguas indíxenas americanas, en particular, do náhuatl moderno, o otomí e castelán de México. Asemade, tamén fixos estudos do chichimeco jonaz e do matlatzinca.
Julius Robert Oppenheimer, nado o 22 de abril de 1904 en Nova York e finado o 18 de febreiro de 1967 en Princeton, Nova Jersey, foi un físico teórico estadounidense de orixe xudía e profesor de física na Universidade de California, Berkeley. É un dos chamados «pais da bomba atómica» pola súa destacada participación no Proxecto Manhattan, o proxecto que conseguiu desenvolver as primeiras armas nucleares da historia durante a segunda guerra mundial. A primeira bomba nuclear foi detonada o 16 de xullo de 1945 na Proba Trinity en Novo México, Estados Unidos.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Emily Jean "Emma" Stone, nada en Scottsdale (Arizona) o 6 de novembro de 1988, é unha actriz estadounidense. O seu primeiro filme foi Superbad (2007), e posteriormente co-protagonizaría en The House Bunny (2008), Zombieland (2009) e Paper Man (2009). Tamén é coñecida por outros filmes como Amor estúpido e tolo (2011), The Help (2011) The Amazing Spider-Man (2012, 2014), e The Croods (2013).
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Salvador Illa Roca, nado en La Roca del Vallès o 5 de maio de 1966, é un político catalán, secretario da organización do Partido dos Socialistas de Cataluña (PSC) dende 2016. Foi alcalde de La Roca del Vallès en dous períodos separados entre 1995 e 2005. Foi ministro de Sanidade de España do 13 de xaneiro de 2020 ao 26 de xaneiro de 2021, durante o segundo goberno de Pedro Sánchez; deixou o cargo para presentarse como candidato do PSC ás eleccións ao Parlamento de Cataluña de 2021.
En metafísica, o nominalismo é unha corrente intelectual que afirma que os universais e os obxectos abstractos non existen máis que coma simples nomes ou etiquetas. Hai, cando menos, dúas variantes principais. A primeira delas nega a existencia dos universais (entidades que poden ser instanciadas ou exemplificadas por multitude de cousas particulares, como por exemplo "forza" ou "humanidade").
The Walt Disney Company, ou simplemente Disney, é unha das meirandes compañías de medios de comunicación e entretemento do mundo en ingresos. Fundada o 16 de outubro de 1923 por Walt Disney e Roy Disney, co paso do tempo converteuse nun dos maiores estudios de filmes de Hollywood. Ademais opera e licenza parques temáticos e diversas cadeas de televisión en aberto e por cable, como ABC, Disney Channel e ESPN. As oficinas coporativas atópanse concentradas principalmente en The Walt Disney Studios en Burbank, California.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A fibrinólise é un proceso que prevén que os coágulos de sangue se agranden e cheguen a ser problemáticos. A fibrinólise primaria é un proceso corporal normal, mentres que a fibrinólise secundaria é a disolución de coágulos debido á acción dunha medicina, un trastorno médico ou algunha outra causa.Na fibrinólise desfaise un coágulo de fibrina produto da coagulación do sangue. O seu principal encima, a plasmina corta a rede de fibrina en varios lugares, dando lugar a moitos fragmentos circulantes que son eliminados por outras proteases ou polos riles e fígado.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Joseba Sarrionandia Uribelarrea, Sarri, nado en Iurreta (Biscaia) o 13 de abril de 1958, é un poeta e filólogo vasco.Escribiu varios libros de poemas e contos, así como algunhas novelas. Fuxiu do cárcere en 1985 e viviu na clandestinidade durante 31 anos. Escribiu e difundiu as súas obras desde o exilio, desde lugares sen nome, e unha fotografía en branco e negro dun mes antes de saír do cárcere foi unha das poucas imaxes identificables del.
O Port de la Lune (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 204.352.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
Refraneiro galego sobre o porco
A bo porco, boa landra . A cada porco chégalle o seu San Martiño . A cada porco lle chega o seu San Martiño .
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
O kebab (en árabe: کباب), tamén chamado kebap ou kabab, é un prato típico do Oriente Medio, o Mediterráneo oriental e Asia Meridional. Elabórase con anacos de carne, peixe ou vexetais cociñados á grella ou ó espeto. A súa orixe é o Mediterráneo oriental, sendo mencionado por Homero, ou tamén no Oriente Medio, sendo adoptado posteriormente en Asia Central e nas rexións do Imperio Mongol e do Imperio Otomán.
Blanca Nieves Fernández Ochoa, nada en Madrid o 22 de abril de 1963 e finada en Cercedilla en 2019, foi unha deportista española, destacada no esquí alpino. Era irmá do tamén esquiador Francisco Fernández Ochoa (1950-2006). Foi a primeira muller española en conseguir unha medalla olímpica nuns Xogos Olímpicos de Inverno, concretamente a de bronce no slálom nos Xogos Olímpicos de Albertville 1992.
O bitcoin (símbolo: ; abreviatura: BTC) é unha criptomoeda descentralizada creada por un autor anónimo de pseudónimo Satoshi Nakamoto. Está subdividida en 10 millóns de unidades máis pequenas chamadas satoshis.É a moeda alternativa máis empregada cun mercado total de 100 millóns de USD. No canto de ser creados por unha entidade central, a rede peer-to-peer de bitcoin regula a creación e intercambio de bitcoins segundo a programación da mesma rede. Hai nodos que se dedican a crear e a verificar bitcoins mediante operacións matemáticas que requiren gran capacidade de potencia de cálculo.
Vladimir Vladimirovich Putin (en ruso: Владимир Владимирович Путин), nado en Leningrado o 7 de outubro de 1952, é un político ruso e antigo oficial de intelixencia que é o actual presidente de Rusia, un cargo que ostenta dende o ano 2012, e que xa ocupou entre os anos 1999 e 2008. Tamén foi primeiro ministro dende 1999 até 2000, e de novo entre 2008 e 2012. Putin é o segundo presidente europeo máis lonxevo despois de Aliaksandr Lukašenka da veciña Belarús.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
O Estadio Municipal de Riazor é un estadio público destinado principalmente á práctica de fútbol profesional masculino, situado na cidade da Coruña, inaugurado o 28 de outubro de 1944. Nel, xoga como os seus partidos como local o primeiro equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña. Ten capacidade para 34.899 espectadores sentados (logo das reformas de 1982, 1998 e 2018) e un terreo de xogo de 105×68 metros.
José María Gutiérrez Hernández
José María Gutiérrez Hernández, coñecido como Guti, nado o 31 de outubro de 1976 en Torrejón de Ardoz, é un exfutbolista español. Xogaba de centrocampista e foi internacional coa selección española.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.
Touro Sentado (en lakota: Tȟatȟáŋka Íyotake; en inglés: Sitting Bull), nado co nome Húŋkešni (Lento) ou Ȟoká Psíče (Teixugo saltador) en Grand River, no Territorio de Dacota en 1831 e finado na reserva india de Standing Rock o 15 de decembro de 1890, foi un líder dos lakota hunkpapa que dirixiu ao seu pobo durante anos de resistencia contra as políticas do goberno dos Estados Unidos. Foi asasinado pola policía da axencia india na reserva india de Standing Rock durante un intento de arrestalo, nun momento no que as autoridades temían que se unise ao movemento da danza dos espíritos.Antes da batalla de Little Bighorn, Touro Sentado tivo unha visión na que viu moitos soldados, "tan grosos coma saltóns", caendo boca abaixo no campamento dos lakota, o cal o seu pobo tomou como presaxio dunha gran vitoria na que morrían moitos soldados. Unhas tres semanas despois, as tribos lakota confederadas cos cheyennes do norte derrotaron ao 7º de Cabalaría ao mando do Tenente Coronel George Armstrong Custer o 25 de xuño de 1876, aniquilando o batallón de Custer e confirmando a visión profética de Touro Sentado.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
Sydney Bernice Sweeney, nada o 12 de setembro de 1997 en Spokane, Washington, é unha actriz estadounidense. Acadou sona internacional após interpretar a Emaline na serie de Netflix Everything Sucks! (2018), a Eden na serie The Handmaid's Tale (2018) e a Alice na miniserie de HBO Sharp Objects (2018).
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.