Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Pediastrum é un xénero de algas verdes da familia Hydrodictyaceae. Son fototróficas, e forman cenobios non mótiles (con número fixo de células) que habitan en ambientes de auga doce desde climas árticos a tropicais de todo o mundo. A forma do cenobio é plano, circular ou oval e dunha célula de grosor e en total 4-64-128 células.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Este artigo trata sobre a estación do ano, para a planta, ver artigo: Cáncaro. A primavera é unha das catro estacións do ano das zonas temperadas. Astronomicamente, comeza co equinoccio de primavera (entre o 20 e o 21 de marzo no hemisferio norte, e entre o 22 e o 23 de setembro no hemisferio sur), e remata co solsticio de verán (arredor do 21 de xuño no hemisferio norte e o 21 de decembro no hemisferio sur).
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A acetilcolinesterase (símbolo de HGNC ACHE; EC 3.1.1.7; nome sistemático acetilcolina acetilhidrolase), tamén coñecido como AChE, AChase ou acetilhidrolase, é a principal colinesterase do corpo humano. É un encima que cataliza a degradación por hidrólise da acetilcolina e algúns outros ésteres de colina que funcionan como neurotransmisores, segundo a seguinte reacción: acetilcolina + H2O → colina + acetatoEncóntrase principalmente nas unións neuromusculares e en sinapses químicas de tipo colinérxico, onde a súa actividade serve para terminar a transmisión sináptica. Pertence á familia encimática da carboxilesterase.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Oman Air (árabe: الطيران العماني) é a aeroliña nacional de Omán. Ten a súa sede no aeroporto de Mascate en Seeb, e opera servizos de pasaxeiros regulares domésticos e internacionais, ademais de realizar voos chárter e servizos de aerotaxi rexionais. A súa principal base atópase tamén no aeroporto de Mascate.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 204.544.
Aaron Perry Taylor-Johnson, nado o 13 de xuño de 1990 en High Wycombe, Buckinghamshire, é un actor inglés de cinema e televisión. Comezou a actuar con seis anos, e apareceu en filmes como Angus, Thongs and Perfect Snogging e The Illusionist. Máis tarde conseguiu papeis protagonistas en Nowhere Boy, Kick-Ass, Kick-Ass 2 e Godzilla.
Wonka é un filme británico-estadounidense de 2023 dirixido por Paul King, quen creou o guión xunto con Simon Farnaby baseado nunha historia de King. Conta a historia da orixe de Willy Wonka, un personaxe da novela de 1964 Charlie e a fábrica de chocolate de Roald Dahl, e conta os seus primeiros anos como chocolateiro. Está protagonizado por Timothée Chalamet, xunto con Calah Lane, Keegan-Michael Key, Paterson Joseph, Matt Lucas, Mathew Baynton, Sally Hawkins, Rowan Atkinson, Jim Carter, Olivia Colman e Hugh Grant.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Julio Álvarez Mosquera, nado en Caracas (Venezuela) o 1 de maio de 1981, é un exfutbolista e adestrador galego. Xogaba de centrocampista. Fillo de emigrantes galegos en Venezuela, aos catro anos a súa familia volveu a Galicia, onde Julio desenvolveu unha longa carreira como futbolista, con 18 tempadas e case 500 partidos como profesional entre Primeira e Segunda División.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Prado de Miño, Castrelo de Miño
Santa María de Prado de Miño é unha parroquia do concello de Castrelo de Miño, na provincia de Ourense. No ano 2017 tiña 198 habitantes (100 homes e 98 mulleres).
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Gary Leonard Oldman, nado en Londres o 21 de marzo de 1958, é un actor inglés. Estudou arte dramática en Rose Bruford College cunha bolsa de estudos, licenciouse en 1979, co Greenwich Young People's Theatre representou varias obras, recibindo varios premios como mellor actor revelación. En 1982 fixo a súa primeira aparición no cine en Remembrance e o seu primeiro papel como protagonista foi en 1986 en Sid and Nancy (1986).
A renda básica universal (RUB), renda básica incondicional (RUB) ou renda do cidadán é unha forma de sistema de seguridade social na que todos os cidadáns ou residentes dun país reciben regularmente unha cantidade de diñeiro sen condicións. Con este sistema preténdese cubrir a toda a poboación cunha renda garantida independentemente das súas condicións laborais, económicas ou sociais. Unha renda que permite a supervivencia básica mes a mes, garantida polo Estado.
Coalición Democrática (CD) foi unha coalición electoral española formada en 1979 para concorrer ás eleccións xerais, trala aprobación da Constitución en decembro do ano anterior. Nun primeiro momento adoptou o nome de Confederación Democrática Española. A coalición agrupaba a diversos partidos de centro dereita: Alianza Popular, de Manuel Fraga, Acción Ciudadana Liberal, de José María de Areilza e Alfonso Osorio, Partido Demócrata Progresista, Renovación Española e Partido Popular de Cataluña, de Luis Montal.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. O partido no goberno, o Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda mantivo o seu dominio respecto das eleccións anteriores, aínda que perdeu dous escanos en relación ás eleccións de 2020. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantívose no segundo posto e sumou 6 escanos máis dos 19 que xa tiña, o cal o situou no seu mellor resultado histórico.
MediaWiki é un motor para wikis baixo licenza GPL, programado en PHP usando MySQL sobre Apache. Malia ser creado e desenvolvido para a Wikipedia e os outros proxectos da fundación Wikimedia, tivo unha grande expansión a partir de 2005, existindo gran número de wikis baseadas neste software que nada teñen que ver con dita fundación. A maioría deles dedícanse á documentación de software ou a temas especializados.
Glenn Doman, nado en Filadelfia o 26 de agosto de 1919, e finado o 18 de maio de 2013, foi un fisioterapeuta estadounidense. Xunto con Carl Delacato, desenvolveu a súa propia teoría sobre a atención de nenos con lesións cerebrais, publicada en 1960 no Journal of the American Medical Association, mais esta teoría non ten base nin evidencia científica. Despois fundou en Filadelfia os Instituts for the Achievement of Human Potential, a través dos cales difundiu as súas ideas e métodos, formando os pais sobre como aplicalos.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
Eleccións municipais en Ribeira
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Ribeira dende 1979.
Salvador Pérez-Labarta Pillado
Salvador Pérez-Labarta Pillado, nado en Ribadeo o 25 de maio de 1909 e finado na provincia de Lleida o 10 de novembro de 1938, foi un xornalista e político galego.
O Port de la Lune (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
A dinastía Xin (chinés tradicional e simplificado: 新朝; pinyin: Xīn cháo; Wade-Giles: Hsin1-ch'ao2), tamén coñecida como Xin Mang 新莽 na historiografía chinesa, foi unha breve dinastía imperial fundada no 9 e derrocada no 23. Foi establecida por Wang Mang, quen usurpou o trono do emperador Ping da dinastía Han e do seu fillo, o príncipe Liu Ying. A dinastía Xin gobernou durante máis dunha década até caer a causa das revoltas.
María Marcela Lagarde y de los Ríos, nada en Cidade de México o 30 de decembro de 1948, é unha académica, antropóloga e investigadora mexicana, especializada en etnoloxía, representante do feminismo latinoamericano. O feminismo, segundo Lagarde, constitúe unha afirmación intelectual, teórica e xurídica de concepcións do mundo, modificacións de feitos, relacións e institucións. Asociada fundadora da Rede de Investigadoras pola Vida e a Liberdade das Mulleres, é o maior referente do feminismo en Latinoamérica.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
O Paradoxo de Teseo, tamén coñecido como O barco de Teseo, é un paradoxo de substitución. Segundo unha lenda grega: "O barco onde volveron (desde Creta) Teseo e os mozos de Atenas tiña trinta remos, e os atenienses conservábano desde a época de Demetrio de Falero, xa que retiraban as táboas estragadas, poñendo unhas novas e máis resistentes no seu canto, de xeito que este barco se convertera nun exemplo entre os filósofos; un grupo defendía que o barco continuaba a ser o mesmo, mentres o outro aseguraba que xa non o era".Existe ademais unha pregunta adicional: se as partes substituídas se almacenasen, e logo foran usadas para reconstruír o barco ¿cal deles - se o é algún - sería o barco orixinal de Teseo?
Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador galego, integrante do alzamento contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973. Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista.
Asturias, oficialmente Principado de Asturias (en asturiano: Principáu d'Asturies, en galego eonaviego: Principao d'Asturias), é unha comunidade autónoma española uniprovincial, situada no norte da Península Ibérica. Limita con Galiza ao oeste, con Cantabria ao leste, con Castela e León ao sur, e co Mar Cantábrico ao norte. Coincide coa antiga provincia de Oviedo e recibe o nome de Principado por razóns históricas, ao ostentar o herdeiro da Coroa de España o título de Príncipe de Asturias.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
O termo chuchamel (zugamel ou chupamel) pódese referir a varias especies botánicas: En xeral a todas as madreselvas (rubideiras do xénero Lonicera); en especial: Herba salgueira (Lonicera periclymenum) Cadrifollo (Lonicera implexa) Ortiga morta ou lamio maculado (Lamium maculatum), planta herbácea perenne da familia das labiadas, de follas semellantes ás da estruga e flores de cor púrpura con forma de tubo curvado, que botan un recendo agradábel e que ao chuchalas saben a mel. Cerinta (Cerinthe major), planta herbácea da familia das boraxináceas, anual, glabra, de ata 50 cm, con follas ovovadas, amplexicaules, e característicos ramalletes pendurantes de grandes flores amarelas, cilíndricas, a miúdo cunha mancha castaña na base. Meliloto (Melilotus officinalis), especie herbácea pertencente á familia das leguminosas, que se cultiva como planta forraxeira.
Vox populi é unha locución latina que significa literalmente "voz do pobo". Utilizámola para referirnos a calquera rumor que está en boca de todos. Aparece tamén a miúdo citada como "vox populi, vox dei", que se traduce por "a voz do pobo é a voz de Deus", un vello proverbio que se emprega para engrandecer a sabedoría popular.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
HTML5 (HyperText Markup Language, versión 5) é a quinta revisión importante da linguaxe básica da World Wide Web, HTML. HTML5 especifica dúas variantes de sintaxe para HTML: un «clásico» HTML (text/html), a variante coñecida como HTML5 e unha variante XHTML coñecida como sintaxe XHTML5 que deberá servirse como XML (XHTML) (application/xhtml+xml). Esta é a primeira vez que HTML e XHTML se desenvolven en paralelo.