Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Angkor Wat (en lingua khmer អង្គរវត្ត ou Ângkôr Vôtt, traducido como Cidade templo ou Cidade de templos) é un templo khmer, situado no sitio arqueolóxico de Angkor, en Camboxa, preto da cidade de Siem Reap. Trátase do templo máis grande e mellor conservado dos que integran o complexo de Angkor. Está considerado como a maior estrutura relixiosa xamais construída, e un dos tesouros arqueolóxicos máis importantes do mundo.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto e medallista de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.Proclamouse en trece ocasións campioa absoluta de España de triplo salto, seis delas ao aire libre e sete en pista cuberta, a primeira delas en febreiro de 2014, aínda en idade júnior. No Mundial de atletismo en pista cuberta de 2018, disputado en Birmingham, acadou o bronce en triplo salto cunha distancia de 14,40 m.
Internet é o sistema global de redes informáticas interconectadas que usa o conxunto de protocolos de Internet (TCP/IP) para comunicarse entre redes e dispositivos. É unha rede de redes que consiste en redes privadas, públicas, académicas, empresariais e gobernamentais de ámbito local e global, unidas por unha ampla gama de tecnoloxías de redes electrónicas, sen fíos e ópticas. Internet ofrece unha ampla gama de recursos e servizos de información, como os documentos de hipertexto interconectados e as aplicacións da World Wide Web.(WWW), correo electrónico, telefonía e intercambio de ficheiros.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid
Os Atentados do 11-M ou Atentados do 11M, coñecidos tamén como 11M, foron unha serie de ataques terroristas en catro trens da rede ferroviaria de Madrid. Foron levados a cabo por unha célula xihadista, segundo a investigación policial e as sentenza da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo. Faleceron 193 persoas e arredor de dúas mil resultaron feridas.Entre as 07:36 e as 07:40 (CET) do 11 de marzo de 2004, en hora punta, producíronse dez explosións case simultáneas en catro trens de Madrid.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
José Luis Ábalos Meco, nado en Torrent (provincia de Valencia) o 9 de decembro de 1959, é un político español, membro do PSOE, deputado por Valencia deste partido nas IX, X, XI, XII, XIII e XIV lexislaturas. Tamén foi ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (2020-2021) e ministro de Fomento (2018-2020) do Goberno de España.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Salvador Puig Antich, nado en Barcelona o 30 de maio de 1948 e finado na mesma cidade o 2 de marzo de 1974, foi un anarquista catalán, activo durante os anos sesenta e comezos do setenta, que morreu executado polo réxime franquista despois de ser xulgado por un Tribunal Militar e condenado como culpable da morte dun garda civil en Barcelona.
Iris Apfel, de solteira Barrel, nada o 29 de agosto de 1921 no barrio de Astoria, Queens, na cidade de Nova York e falecida en Palm Beach o 1 de marzo de 2024, foi unha empresaria estadounidense, deseñadora de interiores e icona da moda. Apfel, xunto co seu home, Carl, liderou unha empresa téxtil entre 1950 e 1992, a cal incluíu un contrato coa Casa Branca durante nove presidencias. Xa xubilada, obtivo unha grande acollida cunha exposición en 2005 no The Costume Institute do Metropolitan Museum of Art.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Roberto Trashorras Gayoso, nado en Rábade o 28 de febreiro do 1981, é un exfutbolista e adestrador galego, que dende febreiro de 2024 dirixe o Lugo, da Primeira División RFEF. Xogaba de centrocampista e disputou máis de 600 partidos durante a súa carreira, 171 deles na Primeira División, categoría na que debutou coa camiseta do FC Barcelona, pero na que viviu os seus mellores anos militando no Rayo Vallecano, no que xogou durante sete tempadas e do que foi capitán.
A Capitanía Xeneral de Galicia foi creada en 1480 polos Reis Católicos para o sometemento do reino de Galicia. Desde entón e até o ano 1835 o cargo de gobernador ou capitán xeneral de Galicia concentrou na súa persoa tamén a presidencia da Real Audiencia de Galicia, de xeito que se podían considerar auténticos vicerreis de Galicia, como de feito algúns así se titularon.
Un diminutivo é unha variación dunha palabra mediante mecanismos morfolóxicos para atribuirlle semanticamente menores proporcións ("libriño") ou certo valor afectivo (Miña "casiña", meu lar). No galego, os diminutivos adóitanse formar engadindo ao final da palabra o sufixo -iño (para o masculino) ou -iña (para o feminino), en concreto tras vogal. Existe un alomorfo -ciño, - ciña que se usa en verbas rematadas en ditongo ("paiciño") e consoante ("canciño").
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña, na rúa Vila de Laxe, o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022, esta plataforma terá dito: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
O bipartito galego, tamén coñecido como goberno bipartito, foi unha forma de goberno en coalición da Xunta de Galicia durante o período comprendido entre o 2 de agosto de 2005 e o 16 de abril de 2009 entre o PSdeG-PSOE e o Bloque Nacionalista Galego, caracterizado polo repartimento entre ambas forzas políticas e mediante convenio dos diferentes organismos públicos administrativos que a compoñen.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Gal Gadot-Varsano (en hebreo: גל גדות), nada en Rosh HaAyin o 30 de abril de 1985, é unha actriz e modelo israelí. No 2004 gañou o Miss Israel e representou o seu país no concurso de beleza Miss Universo 2004. Gadot é coñecida polo seu papel de Gisele Yashar na serie de filmes The Fast and the Furious.
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
O Estadio Municipal de Riazor é un estadio público destinado principalmente á práctica de fútbol profesional masculino, situado na cidade da Coruña, inaugurado o 28 de outubro de 1944. Nel, xoga como os seus partidos como local o primeiro equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña. Ten capacidade para 34.899 espectadores sentados (logo das reformas de 1982, 1998 e 2018) e un terreo de xogo de 105×68 metros.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP.É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024
As eleccións ao Parlamento de Galicia de 2024 celebráronse o 18 de febreiro de 2024 para elixir os 75 membros da 12ª lexislatura do Parlamento da comunidade autónoma de Galicia. O partido no goberno, o Partido Popular de Galicia de Alfonso Rueda mantivo o seu dominio respecto das eleccións anteriores, aínda que perdeu dous escanos en relación ás eleccións de 2020. O Bloque Nacionalista Galego (BNG) mantívose no segundo posto e sumou 6 escanos máis dos 19 que xa tiña, o cal o situou no seu mellor resultado histórico.
Dune (titulado en pantalla Dune: Part One) é un filme de ciencia ficción de 2021 dirixido por Denis Villeneuve e escrito por Eric Roth, Jon Spaihts e o propio Villeneuve. É unha coprodución internacional dos Estados Unidos, o Reino Unido, o Canadá e Hungría e constitúe a primeira entrega de dous filmes baseados nunha nova versión revisada fiel á novela homónima de 1965 de Frank Herbert.Está protagonizada por Timothée Chalamet, Rebeca Ferguson, Oscar Isaac, Josh Brolin, Stellan Skarsgård, Dave Bautista, Stephen McKinley Henderson, Zendaya, David Dastmalchian, Chang Chen, Sharon Duncan-Brewster, Charlotte Rampling. Jason Momoa e Javier Bardem.
Timothée Hal Chalamet, nado o 27 de decembro de 1995, é un actor franco-estadounidense. É coñecido polas súas actuacións como Finn Walden na serie de Showtime Homeland (2012), Danny Vance no filme dramático Men, Women & Children (2014), Tom Cooper no filme de ciencia ficción Interstellar (2014), Elio Perlman no filme de drama romántico Call Me by Your Name (2017) e Kyle Scheible no filme Lady Bird (2017).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 203.705.
Unha proteína precursora, tamén chamada proproteína ou propéptido, é unha proteína (ou péptido) inactiva que pode ser convertida na súa forma activa por medio dunha modificación postraducional, como a rotura dunha parte da molécula ou a adición doutra molécula. O nome do precursor dunha proteína adoita formase engadindo o prefixo pro. Exemplos son a proinsulina e a proopiomelanocortina, que son ambas prohormonas, ou os cimóxenos, que son proencimas.
La sociedad de la nieve é un filme de 2023 dirixido por Juan Antonio Bayona. Conta a historia do accidente aéreo dos Andes de 1972. É unha adaptación do libro homónimo de Pablo Vierci, o cal documenta os acontecementos que viviron os 16 superviventes do accidente, moitos dos cales Vierci coñecía dende a infancia.
A pita do monte, ou pita montesa, (Tetrao urogallus), é unha especie de ave da orde das galiformes, familia dos fasiánidos e subfamilia dos tetraoninos, pertencente ao seu xénero tipo Tetrao.É o membro de maior tamaño da súa subfamilia, distribuíndose por boa parte de Eurasia (Escandinavia, a rexión báltica e a Federación Rusa) con pequenos enclaves nas montañas de zonas temperadas como a cornixa cantábrica, os Pireneos, os Alpes e o Xura. En España, desde 1979, está vedada a súa caza e, desde 1986, está catalogada como especie protexida, aínda que isto non supuxo, de momento, un incremento da súa poboación. Considérase unha reliquia da era glaciar, pois tras a última (a glaciación de Würm) as súas poboacións fóronse desprazando cara ás rexións máis frías de Europa e á alta montaña.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Emma Thompson, nada en Londres o 15 de abril de 1959, é unha actriz, guionista, produtora, activista, autora e humorista británica. Está considerada unha das actrices máis aclamadas do país, recibindo numerosos premios ao longo de toda a súa traxectoria, entre os que se inclúen dous Premios Óscar, dous Globos de Ouro, dous Premios BAFTA, un Premio BAFTA de televisión e un Primetime Emmy.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Maria Salomea Skłodowska-Curie (ˈmarja salɔˈmɛa skwɔˈdɔfska), máis coñecida como Marie Curie, nada en Varsovia o 7 de novembro de 1867 e finada en Passy, Francia, o 4 de xullo de 1934, foi unha física e química polonesa nacionalizada francesa. Pioneira no campo da radioactividade, foi a primeira muller en recibir un premio Nobel, a primeira persoa e a única muller en recibir dous premios Nobel, sendo ata o momento a única persoa en recibir o premio Nobel en distintas categorías científicas, e foi parte do legado da familia Curie de cinco premios Nobel (dous, ela, un, o seu marido Pierre Curie, un, a súa filla Iréne Joliot-Curie, e outro, o seu xenro Frédéric Joliot-Curie). Ela tamén foi a primeira muller en ser profesora na Universidade de París e en 1995 converteuse na primeira muller en ser sepultada por méritos propios no Panteón de París.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Sabela Ramil Rivera, coñecida artisticamente como Sabela, nada en Bravos (Ourol) o 1 de outubro de 1993, é unha cantante e compositora galega que se fixo coñecida pola súa participación no concurso musical de televisión Operación Triunfo, no ano 2018. En canto á súa voz trátase dunha voz de música popular rasgada, que entraría dentro do rango de mezzosoporano.
O Port de la Lune (Porto da Lúa) é o nome que recibe o porto de Bordeos, que data da Idade Media, pola forma do río que cruza a cidade. Está representado cunha media lúa no escudo de Bordeos, e por tres medias lúas entrelazadas no escudo do municipio. En 2007, o Porto da Lúa e preto de 1800 hectáreas da zona urbana circundante foron catalogados como Patrimonio da Humanidade pola UNESCO debido á súa excepcional e "innovadora arquitectura clásica e tendencias arquitectónicas neoclásicas" e a prominencia de Bordeos como centro da industria vitivinícola histórica e como centro comercial mundial durante máis de 800 anos.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Sydney Bernice Sweeney, nada o 12 de setembro de 1997 en Spokane, Washington, é unha actriz estadounidense. Acadou sona internacional após interpretar a Emaline na serie de Netflix Everything Sucks! (2018), a Eden na serie The Handmaid's Tale (2018) e a Alice na miniserie de HBO Sharp Objects (2018).
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
En matemática pura, a hipótese de Riemann, formulada por primeira vez por Bernhard Riemann en 1859, é unha conxectura sobre a distribución dos ceros da función zeta de Riemann ζ(s).A hipótese de Riemann, pola súa relación coa distribución dos números primos no conxunto dos naturais, é un dos problemas abertos máis importantes na matemática contemporánea. O Instituto Clay de Matemáticas ofreceu un premio dun millón de dólares á primeira persoa que desenvolva unha demostración correcta da conxectura. A maior parte da comunidade matemática pensa que a conxectura é correcta, aínda que outros grandes matemáticos como J. E. Littlewood e Atle Selberg se mostraron escépticos, aínda que o escepticismo de Selberg foi diminuíndo dende os seus días de mocidade.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.