Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Un diácono, do grego antigo διάκονος, servo, servidor, axudante, a través do latín diāconus, é unha persoa que recibiu o primeiro grao do sacramento da orde sacerdotal na Igrexa Católica, na Igrexa Ortodoxa, nas Igrexas anglicanas ou noutras Igrexas protestantes. Mentres que os presbíteros, que recibiron o segundo grao do sacramento da orde, son os colaboradores do bispo no seu carácter sacerdotal, o diácono é colaborador do bispo no seu carácter ministerial. O diácono é consagrado pola imposición das mans do bispo.
Diego Martínez Penas, nado en Vigo o 16 de outubro de 1980, é un adestrador de fútbol galego. Dirixiu varios clubs da Primeira e a Segunda División (Sevilla Atlético, Osasuna, Granada e Espanyol), así como o Olympiacos, da Superliga grega. En 2024 anunciouse que será o adestrador da selección de fútbol de Galicia.Está considerado como o mellor adestrador da historia do Granada, ao que adestrou durante tres anos, levándoo da Segunda División á Europa League.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 205.330.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Unha mutación supresora é unha segunda mutación que alivia ou reverte os efectos fenotípicos dunha mutación xa existente nun proceso denominado rescate sintético. A supresión xenética restaura así o fenotipo que había antes da mutación de fondo orixinal. As mutacións supresoras son útiles para identificar novos sitios xenéticos que afectan un proceso biolóxico de interese.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Selección de fútbol de Galicia
A selección de fútbol de Galicia é o equipo de fútbol formado por xogadores galegos, que representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Dado que este organismo non é membro da FIFA nin do COI, a selección absoluta galega non pode participar en torneos oficiais e só disputa partidos amigábeis a nivel internacional. Porén, en categorías inferiores participa nas competicións que organiza a Federación Española de Fútbol, e dende 1999 a selección de Galicia de afeccionados disputa a Copa das Rexións da UEFA. O equipo é coñecido familiarmente como «A Irmandiña», rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Rodrigo Rato Figaredo, nado en Madrid o 18 de marzo de 1949, é un político conservador e economista español. Foi vicepresidente do Goberno de España e ministro de Economía durante o oito anos de goberno do Partido Popular. Foi o noveno director xerente do Fondo Monetario Internacional até a súa dimisión o 19 de xuño de 2007.
O bosón de Higgs, tamén chamado bosón escalar (polo propio Peter Higgs, pois o termo bosón dinos que ten un spin -xiro- enteiro, e escalar que o valor do xiro é 0), é unha partícula elemental masiva teorizada no ano 1964 dentro do esquema do modelo estándar da física de partículas. É a derraderia partícula do modelo estándar que foi observada, confirmouse a súa existencia polo CERN o 14 de marzo de 2013 -os resultados preliminares comunicáronse publicamente o 4 de xullo de 2012-, e desenvolve un papel importante na explicación da existencia do mecanismo do Campo de BEH ou Campo de Higgs, que da orixe a masa doutras partículas elementais, en particular a diferenza entre o fotón (sen masa) e os bosóns W e Z (relativamente pesados). As partículas elementais con masa e a diferenza entre electromagnetismo (causado polos fotóns) e a forza débil (causada polos bosóns W e Z) son críticos en moitos aspectos da estrutura microscópica (e así macroscópica) da materia.
Peter Ware Higgs, nado en Newcastle (Tyne e Wear, Inglaterra) o 29 de maio de 1929 e finado o 9 de abril de 2024 en Edimburgo, foi un físico británico coñecido pola súa proposición nos anos 1960 da ruptura da simetría na teoría electrodébil, explicando a orixe da masa das partículas elementais en xeral, e dos bosóns W e Z en particular. Este chamado mecanismo de Higgs predí a existencia dunha nova partícula, o bosón de Higgs (que a miúdo se describe como "a partícula máis cobizada da física moderna"). O 4 de xullo de 2012, a Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN) fixo público o descubrimento dunha nova partícula subatómica que confirma con máis dun 99% de probabilidade a existencia do bosón de Higgs, coñecido popularmente como a «partícula de Deus», un achado fundamental para explicar por que existe a materia tal e como a coñecemos.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
María Teresa Portela Rivas, nada en Aldán (Cangas) o 5 de maio de 1982, é unha piragüista galega, que compite na modalidade de augas tranquilas, sendo unha das figuras máis importantes deste deporte a nivel internacional. Gañou 17 medallas no Campionato Mundial e outras 17 no Europeo, e participou en seis edicións dos Xogos Olímpicos, conseguindo a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.
Gabriel José de la Concordia García Márquez, máis coñecido como Gabriel García Márquez ( pronunciación ), ( escoitar), nado en Aracataca o 6 de marzo de 1927 e finado en Cidade de México o 17 de abril de 2014, foi un escritor, xornalista, editor e activista político colombiano. Estudou dereito e xornalismo na Universidade Nacional de Colombia e iniciou as súas colaboracións xornalísticas no diario El Espectador. Foi coñecido como Gabo, ou Gabito, polos seus familiares e amigos (hipocorístico guajiro para Gabriel), desde que o seu compañeiro do diario bogotano El Espectador, José Salgar, comezase a chamalo así..
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Alexandre III de Macedonia, coñecido como Alexandre o Grande ou Alexandre Magno (en grego: Μέγας Ἀλέξανδρος), nado o 21 de xullo de 356 a.C. en Pela (Reino de Macedonia) e finado o 10 ou 13 de xuño de 323 a.C. en Babilonia, foi rei do antigo reino de Macedonia entre o 21 de xullo de 336 a.C. e o 13 de xuño de 323 a.C. Sucedeu ao seu pai Filipo II no trono no 336 a.C. aos 20 anos, e pasou a maior parte dos seus anos de goberno realizando unha longa campaña militar por todo o oeste de Asia e o nordeste de África. Á idade de trinta anos, creara un dos imperios máis grandes da historia, que se estendía desde Grecia ata o noroeste da India. Trátase dun dos máis exitosos comandantes do mundo antigo, tanto que foi considerado por moitos o maior xenio militar da historia.Alexandre o Grande dedicou os primeiros anos do seu reinado a impoñer a súa autoridade sobre os pobos sometidos a Macedonia, que aproveitaran a morte de Filipo para rebelarse.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
A Xeración Doente ou Xeración Dorida é o nome co que se coñece a un conxunto de pintores galegos, no auxe do realismo, mortos todos eles de tuberculose ó redor de 1900, cando rondaban os 30 anos e se atopaban no comezo da súa madurez artística. O nome Xeración Doente foi acuñado por M. F. Barreiro e Bello Piñeiro en Segundo Salón ferrolano de pintura gallega (El Correo Gallego, 27 de agosto de 1922).
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible. Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas, entre outros.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.
O Paris Saint-Germain Football Club, máis coñecido como PSG, é un club de fútbol francés, da cidade de París. Foi fundado en 1970 e xoga na Ligue 1 francesa. Estivo presente en Primeira División desde 1974, e obtivo no seu palmarés dous títulos de Liga, oito Copas de Francia, tres Copas de Liga e unha Recopa de Europa.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
aRi[t]mar é un proxecto impulsado pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela para difundir a música e a poesía e aproximar a cultura e a lingua de Galiza e a lingua de Portugal. Comezou en 2016 e inclúe unha gala anual de entrega de premios. Outras entidades que se foron sumando a este proxecto foron o Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela, a Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago, as escolas oficiais de idiomas de Lugo e de Pontevedra e os centros de ensino secundario onde se imparte portugués como segunda lingua estranxeira.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
O Eid al-Fitr (en árabe: عيد الفطر, en persa: عید فطر, que significan Festa da ruptura do xaxún) é unha festividade relixiosa da tradición islámica. Significa a celebración do fin do Ramadán e abarca os tres primeiros días do Shawwal. A noite anterior ao primeiro día desta festa tamén se considera particularmente auspiciosa.
As células pancreáticas acinares son as células secretoras de encimas dixestivos que forman parte dos acinos do páncreas exócrino. O páncreas exócrino está organizado en acinos, que son grupos arredondados ou alongados dunhas 40-50 células, que forman unha soa capa arredor dun conduto central do acino, onde se verte a secreción, que desembocará no conduto pancreático principal, o cal á súa vez desemboca no duodeno. As células pancreáticas acinares forman a maior parte do páncreas, onde tamén hai outros tipos de células como as células centroacinares pancreáticas, situadas nos condutos, as células estreladas pancreáticas e as células endócrinas dos illotes de Langerhans, produtoras de hormonas.
A melatonina, tamén coñecida quimicamente como N-acetil-5-metoxitriptamina, é un composto natural con actividade hormonal que se encontra en animais, plantas, e microorganismos. Nos animais os niveis circulantes da hormona melatonina varían nun ciclo diario, o que lle permite influír nos ritmos circadianos de diversas funcións biolóxicas.Moitos dos efectos biolóxicos da melatonina prodúcense por medio da activación do receptor da melatonina, pero outros débense ao seu papel como antioxidante potente, cunha influencia especial na protección do ADN nuclear e mitocondrial.Nos mamíferos a melatonina sintetízase por unha ruta de catro pasos encimáticos a partir do aminoácido esencial da dieta triptófano, na que se produce serotonina no segundo paso. A melatonina segrégase ao sangue pola glándula pineal do cerebro.
Na lírica medieval galego-portuguesa unha cantiga de amigo é unha composición breve e sinxela posta en boca dunha muller namorada. Deben o seu nome a que na maior parte delas aparece a palabra amigo no primeiro verso e, sobre todo, a que a voz narrativa é sempre a dunha muller nova —a amiga—, quen fala nelas do seu amigo-amado, habitualmente ausente nese momento. Constitúen o xénero máis destacado desta literatura pola súa orixinalidade, e o corpus lírico galego-portugués conta con arredor de 500 cantigas deste tipo.
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.Este dúo de músicos son considerados os impulsores do twerking rural e un dos grupos que conseguiron que o trap entrase con forza no panorama musical en galego.