Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña. Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
O levantamento militar do día 25 de abril de 1974, denominado Revolución dos Caraveis (en portugués: Revolução dos Cravos), derrubou, nun só día, o réxime político ditatorial que existía en Portugal dende 1926 (coñecido dende 1933 como Estado Novo) e que era o máis lonxevo de Europa, sen grande resistencia das forzas leais ó goberno, que cederon perante o movemento popular, que rapidamente apoiaron ós militares. Este levantamento é coñecido por 25 de Abril ou Revolución dos Caraveis. O levantamento foi conducido polos oficiais intermedios da xerarquía militar (o MFA), na súa maior parte capitáns que tiñan participado na Guerra Colonial.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Joan Manuel Serrat i Teresa, nado no barrio de El Poble-sec (Barcelona) o 27 de decembro de 1943, é un cantautor catalán. Trátase dunha das figuras máis destacadas da canción moderna tanto en lingua catalá como en castelán. A súa obra contén influencias doutros poetas como Mario Benedetti, Antonio Machado, Miguel Hernández, Rafael Alberti, Federico García Lorca, Pablo Neruda ou León Felipe; así como de xéneros diversos como o folclore catalán, a copla andaluza, o tango, o bolero e do cancioneiro popular da América Latina, con versións de cancións de Violeta Parra e Víctor Jara.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
«Grândola, Vila Morena» é unha canción composta e cantada por Zeca Afonso, escollida polo Movimento das Forças Armadas (MFA) para ser o segundo sinal para o comezo da Revolución dos caraveis. Zeca Afonso compuxo esta canción en homenaxe á Sociedade Musical Fraternidade Operária Grandolense. A canción refírese á fraternidade entre as persoas de Grândola, no Alentexo, e sería censurada polo réxime Salazarista por ser unha canción asociada ao comunismo.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
O HLA-DR é un receptor da superficie celular do MHC de clase II codificado no complexo do antíxeno leucocitario humano (HLA) da rexión p21.31 do cromosoma 6 humano. O péptido do complexo HLA-DR, de xeralmente entre 9 e 30 aminoácidos de lonxitude, constitúe un ligando para o receptor de célula T (TCR). Os HLAs foran definidos orixinalmente como antíxenos de superficie que eran mediadores da enfermidade de enxerto contra hóspede.
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Asunta Yong Fang Basterra Porto, nada como Fang Yong o 30 de setembro de 2000 e finada o 21 de setembro de 2013, era unha nena galega de orixe chinesa cuxo cadáver apareceu nunha pista forestal do concello de Teo o 22 de setembro de 2013, pouco antes de que cumprise trece anos. O forense determinou que morrera por asfixia e que lle deran 27 pílulas de Lorazepam o día da morte, máis de nove veces a dose máis alta para un adulto. A investigación sobre o seu asasinato foi coñecido como Caso Asunta Basterra, ou simplemente Caso Asunta.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Rafael Nadal Parera, nado o 3 de xuño de 1986 en Manacor (Mallorca), é un tenista español, actual número 3 do mundo na clasificación ATP. É o tenista que, cun total de 22, ten máis títulos de individual masculino en torneos de Grand Slam. Foi campión de Roland Garros en 14 ocasións (2005, 2006, 2007, 2008, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2017, 2018, 2019, 2020 e 2022), gañador do Torneo de Wimbledon en 2008 e 2010 e onde foi outras tres veces finalista (2006, 2007 e 2011), do Aberto dos Estados Unidos en 2010, 2013, 2017 e 2019 (finalista en 2011) e do Aberto de Australia en 2009 e 2022 (finalista en 2012, 2014, 2017 e 2019). Foi medalla de ouro nos Xogos Olímpicos de Pequín 2008 en individuais e nos Xogos Olímpicos de Río de 2016 en dobres formando parella con Marc López.
Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares, Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
María do Socorro Ortega Romero
María do Socorro Ortega Romero, nada en Arteixo e finada en Santiago de Compostela o 12 de decembro de 2011, foi unha historiadora da arte galega.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Un encoro, presa, represa, vaira ou encalco é unha barreira fabricada con pedra, formigón ou outros materiais, que se constrúe nun río coa finalidade de depositar parte da auga para un posterior aproveitamento en abastecemento ou regadío, para elevar o seu nivel co obxectivo de derivala a canalizacions de rego, ou para a produción de enerxía mecánica ao transformar a enerxía potencial do almacenamento en enerxía cinética, e esta novamente en mecánica ao accionar a forza da auga un elemento móbil. A enerxía mecánica pode aproveitarse directamente, como nos antigos muíños, ou de forma indirecta para producir enerxía eléctrica, como se fai nas centrais hidroeléctricas.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
O divino sainete, subtitulado Poema en oito cantos, é unha obra de Manuel Curros Enríquez aparecida en agosto de 1888. É un longo poema de carácter satírico-burlesco ("ladrade, mordede, ride" indicará Curros referíndose a función dos versos da súa obra). Composto por 512 unidades de versos octosílabos con rima consonante, que parodia tanto unha das obras cume da literatura occidental, A divina comedia de Dante Alighieri, coma a obra Mi romería de Emilia Pardo Bazán, compilación de textos publicados en El Imparcial nos que relata a súa viaxe a Roma entre 1887 e 1888.
Camilo Buenaventura Díaz Baliño, nado en Ferrol o 14 de xullo de 1889 e asasinado en Saa (Meixide, Palas de Rei) o 14 de agosto de 1936, foi un escritor, pintor, debuxante, ilustrador de libros, muralista, cartelista, escenógrafo e versátil artista gráfico galego, membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, das Irmandades da Fala desde 1918, do Seminario de Estudos Galegos desde 1926 e do Partido Galeguista. Colaborou nas coleccións Lar e Céltiga e noutras obras da literatura galega.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Garbiñe Muguruza Blanco, nada en Guatire (Venezuela) o 8 de outubro de 1993, é unha ex-tenista profesional hispanovenezolana que ten a dobre nacionalidade. Por decisión persoal decidiu representar a España nos torneos da WTA e na Copa Federación de Tenis da ITF. É a actual número 1 da clasificación mundial da WTA dende o 11 de setembro de 2017 nesta data por primeira vez na historia os números un do tenis mundial son españois, ó coincidir o reinado de Garbiñe co do balear Rafa Nadal. O 4 de xuño de 2016 proclamouse campioa de Roland Garros, primeiro Grand Slam da súa carreira, logo de vencer na final a Serena Williams, número un do mundo, situándose na segunda posición da clasificación da WTA. A súa mellor clasificación ata o momento era o posto número 3, acadado en outubro de 2015 cando chegou á final do Campionato de Wimbledon, final que perdeu precisamente contra Serena Williams, no ano 2017 acada o título británico ó derrotar a Venus Williams por 7-6 e 6-0 na final, facéndose con seu segundo Grand Slam.
Luís Mateo Díez Rodríguez, nado en Villablino (provincia de León) o 21 de setembro de 1942, é un escritor español. É membro da Real Academia Española desde o ano 2001, coa cadeira de brazos "l" (ele) minúscula. É o único autor en lingua castelá que obtivo en dúas ocasións o Premio Nacional de Narrativa e outras dúas o Premio da Crítica, grazas ás súas novelas La fuente de la edad (1986) e La ruina del cielo (1999).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
A Catedral de la Seu d'Urgell, tamén chamada Catedral de Santa María de Urgell ou Catedral de Urgell, é un templo católico dedicado a Santa María situado en La Seu d'Urgell (Alt Urgell), sé catedralicia da diocese católica latina de Urgell. É a única catedral integramente románica de Cataluña, considerada un exemplar único dentro do románico catalán polas súas características italianizantes, altamente visibles na ornamentación da fachada e na galería aberta da cabeceira. O templo data do século XII e está presidido pola Virxe de Urgell, patroa da cidade.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
O chumbo é un elemento químico da táboa periódica con símbolo Pb (do latín plumbum) e número atómico 82 segundo a táboa actual, xa que non formaba parte na táboa de Dmitri Mendeleiev. Este químico non o recoñecía como un elemento metálico común pola súa gran elasticidade molecular. Cabe destacar que a elasticidade deste elemento depende das temperaturas do ambiente, as cales distenden os seus átomos, ou os estenden.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal converténdose nun dos dez medios impresos con maior tiraxe de todo o estado. A empresa editora, La Voz de Galicia Sociedad Anónima, sempre estivo nas mans da mesma familia e na actualidade o accionista maioritario e único é Santiago Rey Fernández-Latorre.
O Estadio Municipal de Riazor é un estadio público destinado principalmente á práctica de fútbol profesional masculino, situado na cidade da Coruña, inaugurado o 28 de outubro de 1944. Nel, xoga como os seus partidos como local o primeiro equipo masculino do Real Club Deportivo da Coruña. Ten capacidade para 34.899 espectadores sentados (logo das reformas de 1982, 1998 e 2018) e un terreo de xogo de 105×68 metros.
Miguel de Cervantes Saavedra, nado en Alcalá de Henares o 29 de setembro de 1547 e finado en Madrid o 23 de abril de 1616, foi un escritor en lingua castelá de novela, poesía e teatro, considerado a máxima figura da literatura castelá. É universalmente coñecido, sobre todo, por ser o autor de Don Quixote da Mancha, que moitos críticos describen como a primeira novela moderna e unha das mellores obras da literatura universal. Iso deulle o sobrenome de "Príncipe dos Enxeños".
O Couto Mixto (en portugués: Couto Misto) foi un microestado independente situado no val do río Salas, na vertente norte da serra do Larouco entre Galicia e Portugal. Constituído polas aldeas de Santiago, onde se estableceu a capital, Rubiás e Meaus (hoxe As Maus). Ocupaba unha superficie de 26,9 km² e segundo estimacións do seu penúltimo xuíz, Delfín Modesto Brandón, tiña unha poboación de non máis de 1000 habitantes entre os anos 1862 e 1864.
A gheada é un fenómeno fonético propio da lingua galega que consiste na realización aspirada [ħ] do fonema /g/ (oclusivo ou fricativo velar sonoro no modelo fonético estándar do galego). A gheada, faringal ou glotal, pronúnciase normalmente como un son aspirado semellante ao [h] do inglés en house. En certas zonas costeiras e nalgunhas áreas urbanas e periurbanas pode chegar a realizarse como [x] (fricativo velar xordo, semellante ao iota castelán).
Listenbourg é un país ficticio creado como un meme de Internet en outubro de 2022, que o representa como unha extensión da Península Ibérica. O usuario francés de Twitter Gaspard Hoelscher compartiu un mapa manipulado de Europa cunha frecha vermella que apuntaba ao contorno dun territorio situado en Galiza, Asturias e Norte de Portugal, coa forma virada do mapa de Francia, e bromeou dicindo que os estadounidenses non poderían nomear ese Estado europeo membro da UE. O tal país fíxose viral nas redes sociais, con algunhas marcas, políticos e organizacións seguindo a broma.
A oceanografía (tamén chamada oceanoloxía ou ciencias do mar) é a ciencia que estuda os océanos, procurando comprender, describir e prever os procesos que ocorren neste ambiente. A oceanografía ten carácter multidisciplinar e estuda os océanos baixo catro aspectos principais: físico, químico, biolóxico, xeolóxico.
Alberto Núñez Feijóo, nado en Ourense o 10 de setembro de 1961, é un político galego, senador nas Cortes Xerais e presidente do Partido Popular dende o 2 de abril de 2022. Anteriormente foi presidente da Xunta de Galicia durante 13 anos, entre abril de 2009 e maio de 2022. Despois de presidir Correos e exercer como conselleiro e vicepresidente da Xunta de Galicia durante o goberno de Manuel Fraga, en 2006 sucedeu a este á fronte do Partido Popular de Galicia.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Gabriel José de la Concordia García Márquez, máis coñecido como Gabriel García Márquez ( pronunciación ), ( escoitar), nado en Aracataca o 6 de marzo de 1927 e finado en Cidade de México o 17 de abril de 2014, foi un escritor, xornalista, editor e activista político colombiano. Estudou dereito e xornalismo na Universidade Nacional de Colombia e iniciou as súas colaboracións xornalísticas no diario El Espectador. Foi coñecido como Gabo, ou Gabito, polos seus familiares e amigos (hipocorístico guajiro para Gabriel), desde que o seu compañeiro do diario bogotano El Espectador, José Salgar, comezase a chamalo así..
Lista de programas de Televisión Española
Esta lista inclúe programas emitidos pola Televisión Española, desde a súa creación en 1956.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
María Antonia Xosefa Xoana de Habsburgo-Lorena (en alemán Maria Antonia Josepha Johanna von Habsburg-Lothringen; en francés Marie Antoinette Josèphe Jeanne de Habsbourg-Lorraine), nada en Viena o 2 de novembro de 1755 e morta na guillotina en París o 16 de outubro de 1793, máis coñecida so o nome de María Antonieta de Austria, foi princesa real de Hungría e de Bohemia, arquiduquesa de Austria, raíña consorte de Francia (1774-1793) polo seu matrimonio con Lois XVI. Era a irmá de Xosé II de Habsburgo e de Leopoldo II de Habsburgo. Foi alcumada dende a súa chegada a Francia l'Autrichienne (unha paronomasia en francés das palabras autrichienne, que significa 'muller austríaca' e autre-chienne, que significa 'outra cadela') e, máis tarde, Madame Déficit.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 206.069.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome) Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.