Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña.Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano. Catro anos despois converteuse en presidente da Asociación de Concellos pola Independencia.
Un enderezo IP é un número único, tal como un número de teléfono, usado por máquinas (normalmente computadores) para se comunicaren entre si enviando información pola internet ou por redes locais. Converter estes números de forma que un humano comprenda mellor, a forma de enderezos de dominio, tal como www.wikipedia.org, é feito polo DNS. O proceso de conversión é coñecido como resolución de nomes de dominio.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O cánabo é o nome de varias plantas da familia Cannabaceae que se corresponde coas especies Cannabis rudelaris, Cannabis indica e Cannabis sativa. Este artigo trata da Cannabis rudelaris. Non confundir coa marihuana, na que o contido de Tetrahidrocannabinol (THC) é superior ao do cánabo, a pesar da similitude da especie.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 34.899 espectadores. Na tempada 2023/24 compite no Grupo 1 da Primeira División RFEF. Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gaña unha Copa do Rei, e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Ignacio Rivera Quintana, nado na Coruña o 24 de abril de 1965, é un empresario galego, presidente executivo actual da Corporación Hijos de Rivera, empresa galega con actividade centrada na distribución de bebidas, cuxa marca máis recoñecida é a Estrella Galicia. Pertence á cuarta xeración da familia Rivera, sendo bisneto de José María Rivera Corral, o fundador da empresa Estrella Galicia na Coruña, en 1906.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Indonesia, oficialmente República de Indonesia (en indonesio: Republik Indonesia), é un extenso país insular localizado entre o sueste asiático e Oceanía e entre os océanos Índico e Pacífico, ocupando boa parte do territorio do maior arquipélago do mundo, de 17.508 illas, as illas da Sonda, e máis a metade occidental da illa de Nova Guinea, posuíndo un total dun 267 millóns de habitantes, convertendo a Indonesia no cuarto país máis poboado do mundo. Con 1 905 569 km², Indonesia é o décimo sexto país do mundo por superficie e a súa densidade de poboación de 134 hab/km² sitúao no 88 no mundo. Indonesia é unha república, cun poder lexislativo e un presidente escolleitos por sufraxio e o goberno ten a súa sede central na cidade de Iacarta, a capital.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego da Real Academia Galega, quen ostenta a autoridade legal en materia de normativización. Ao seren estas normas as usadas e promovidas polas institucións oficiais, os medios de comunicación públicos e o ensino público, son consideradas de maneira amplamente maioritaria como a normativa oficial do galego. No entanto, este concepto de oficialidade ten xerado controversia, con sectores que defenden que non existe ningunha normativa oficial.O Estatuto de autonomía de Galicia dotou os poderes públicos galegos da competencia con respecto á lingua galega.
Yayoi Kusama (草間 彌生 ou 草間 弥生), nada en Matsumoto (Nagano) o 22 de marzo de 1929, é unha artista e escritora xaponesa. Ao longo da súa carreira traballou nunha ampla variedade de medios, incluíndo pintura, collage, escultura, performance art ou land art, nos cales salienta a súa temática interesada polas cores psicodélicas, as repeticións e os patróns.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 205.273.
Gramática da lingua franca nova
A gramática de lingua franca nova (elefen) é unha simplificación da gramática común das linguas romances española, francesa, italiana, catalá e portuguesa. Parécese á dos crioulos das linguas romances como o haitiano, o caboverdiano, o papiamento e o chabacano.
Na lírica medieval galego-portuguesa unha cantiga de amigo é unha composición breve e sinxela posta en boca dunha muller namorada. Deben o seu nome a que na maior parte delas aparece a palabra amigo no primeiro verso e, sobre todo, a que a voz narrativa é sempre a dunha muller nova —a amiga—, quen fala nelas do seu amigo-amado, habitualmente ausente nese momento. Constitúen o xénero máis destacado desta literatura pola súa orixinalidade, e o corpus lírico galego-portugués conta con arredor de 500 cantigas deste tipo.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
A copia por contacto é un procedemento fotográfico que permite obter copias a partir dunha película fotográfica do mesmo tamaño sobre papel, chamándose á resultado folla de contactos. Normalmente obtense a partir de negativos pero tamén poderían obterse a partir de diapositivas co que o resultado sería un negativo.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
O Panteón de Galegos Ilustres atópase na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval, en Santiago de Compostela. Toda a igrexa é Panteón, aínda que só se estean usando a Capela da Visitación (ou de San Domingos en Suriano) e a Capela do Santo Cristo. Nel repousan os restos de galegos sobranceiros como a poeta Rosalía de Castro, o político rexionalista Alfredo Brañas, o escultor Francisco Asorey, o poeta Ramón Cabanillas, o xeógrafo Domingo Fontán e o artista e político nacionalista Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.
A huntingtina (Htt) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene HTT do cromosoma 4, tamén coñecido como xene IT15 (do inglés interesting transcript 15, transcrito interesante 15). A mutación do xene HTT é a causa da enfermidade de Huntington, e foi investigada por este papel e tamén pola súa implicación no almacenamento da memoria a longo prazo.A proteína ten unha estrutura variable, xa que os moitos polimorfismos do xene poden orixinar a presenza dun número variable de residuos de glutamina na proteína. Na forma de tipo silvestre ou salvaxe (normal), o locus polimórfico contén de 6 a 35 residuos de glutamina.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de.A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia. Foi lanzada o 15 de xaneiro do ano 2001 por Jimmy Wales e Larry Sanger, e o seu obxectivo é recadar a suma de todo o coñecemento humano no maior número de linguas.
O grilo ceboleiro, Gryllotalpa gryllotalpa, é unha especie de insecto ortóptero da familia Gryllotalpidae nativo de Europa Occidental e norte de África, aínda que foi exportado ao leste de Asia, a América do Sur e ao leste dos Estados Unidos.[Cómpre referencia]En galego tamén é coñecido como alacrán ceboleiro, carriola, corta, cortón, osa, ralo ou relo. Marcial Valladares chámao grilo-toupa.
Shinova é unha banda de rock alternativo vasca orixinaria de Berriz (Biscaia). Desde a súa fundación en 2008 publicaron seis discos: “Latidos” (2009), “La Ceremonia de la Confusión” (2011), “Ana y el Artista Temerario” (2014), “Volver” (2016), "Cartas de navegación" (2018) e "La Buena Suerte" (2021). O nome do grupo nace dun xogo de palabras entre o fonema “chi” (que deriva en shi) e a palabra “nova”, é dicir, “nova enerxía”.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Atricondo foi unha mansión na antiga Vía Romana XX per loca maritima do itinerario de Antonino entre Glandimiro st. CLXXX e Brigantium m.p.. Descoñécese a súa posición exacta na vía pero suxeriuse que podería estar preto da lagoa de Alcaián antes de Coristanco ou que puidese estar ao saír da vía de Ardemil, Ordes, como no lugar do Castro Maior de Vizoño, Abegondo.
Miguel da Silva e Menezes, nado en Évora en 1480 e finado en Roma en 1556, foi un nobre portugués do século XVI, embaixador en Roma, bispo de Viseu (1526) e cardeal da Igrexa Católica Romana (1539). Na historiografía coñécese coa antonomasia coa que foi nomeado en vida: Cardeal de Viseu. De familia relixiosa, era sobriño de Santa Beatriz da Silva e do Beato Amadeu da Silva.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome)Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos.
Un hotel é un edificio planificado e acondicionado para albergar as persoas temporalmente, e que permite aos viaxeiros aloxarse durante os seus desprazamentos. Os hoteis tamén poden proporcionar aos hóspedes servizos adicionais como restaurante, piscina ou gardería. Algúns hoteis teñen servizos de conferencias e posibilitan organizar convencións e reunións no seu establecemento.
Lista de pseudónimos e sobrenomes galegos
Esta listaxe de pseudónimos, sobrenomes e alcuños comprende personalidades galegas e algunhas non galegas pero que dalgún xeito tiveron ou teñen vencellos con Galicia.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Fortino Mario Afonso Moreno Reyes, coñecido como "Cantinflas", nado o 12 de agosto de 1911 en cidade de México e finado o 20 de abril de 1993 en Cidade de México, foi un actor mexicano comediante do teatro e máis da industria cinematográfica mexicana, ademais de toureiro cómico e gandeiro de reses bravas.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
O Eid al-Fitr (en árabe: عيد الفطر, en persa: عید فطر, que significan Festa da ruptura do xaxún) é unha festividade relixiosa da tradición islámica. Significa a celebración do fin do Ramadán e abarca os tres primeiros días do Shawwal. A noite anterior ao primeiro día desta festa tamén se considera particularmente auspiciosa.
World Trade Center (1973–2001)
O World Trade Center (en galego: Centro Mundial de Comercio) foi un complexo de varios edificios no Lower Manhattan, na cidade de Nova York, Estados Unidos, sendo os dous máis altos as emblemáticas Torres Xemelgas (en inglés: Twin Towers). Foron deseñadas polo arquitecto estadounidense de orixe xaponesa Minoru Yamasaki e por Leslie Robertson. O World Trade Center orixinal era un complexo de sete edificios que, ademais de incluír as Torres Xemelgas, tamén incluía outros 5 edificios de menor altura; entre eles estaban o World Trade Center 7 (un rañaceos de 47 andares) e o WTC 3 (un hotel de 22 andares).
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2023, ano dedicado a Francisco Fernández del Riego, 63 autores (5 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 61 edicións do Día das Letras Galegas, posto que 1998 houbo unha homenaxe colectiva (en concreto, a tres trobadores ligados á ría de Vigo).
O casco de Leiro é un casco ou unha cunca de ouro, da Idade de Bronce Final. Foi atopado de xeito fortuíto por José Vicente Somoza o 7 de abril de 1976, no lugar chamado Corruncho dos Porcos, unha zona rochosa preto da praia de Leiro, Rianxo. Atopábase dentro dunha vasilla de barro, e a descuberta produciuse durante unhas obras de construción dun alboio.
Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (ˈvɔlfgaŋ amaˈdeus ˈmoːtsart), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756 e finado en Viena o 5 de decembro de 1791, é considerado un dos máis grandes compositores de música clásica europea. A obra mozartiana abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal. Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e do violín.
O escáncer común, ou liscanzo, Anguis fragilis, é un réptil da orde dos escamosos, familia dos ánguidos e subfamilia dos anguinos, unha das cinco integradas no xénero Anguis.Ten as súas patas atrofiadas, polo que semella unha pequena cobra. É habitual en toda Galicia e, en contra das crenzas populares, é completamente inofensivo. Recibe o cualificativo de común para diferencialo doutra especie similar, o escáncer cego (Blanus cinereus), moito máis pequeno e escaso e doutra familia.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
Oceanía ( pronunciación ) é un continente da Terra, situado no océano Pacífico, constituído por Australasia, Melanesia, Micronesia e Polinesia. Oceanía ten unha superficie terrestre de 8 525 989 km2 e unha poboación de 43 275 869 (dato actualizado ao 6 de agosto de 2021).Limita ó oeste con Asia (Xapón, Filipinas, Indonesia), ó leste con América, ó norte con Asia (Siberia) e América (Alasca), e ó sur coa Antártida.
Emilio José de Dios Merino, máis coñecido como Emilio de Dios, nado o 29 de outubro de 1971 en Xixón, Asturias, é un director deportivo español, que tras formar parte do Sporting de Gijón, o Racing de Santander e o Club Deportivo Lugo, onde substituíu no cargo a Toni Otero, actualmente está sen equipo.
María Mariño Carou, nada en Noia o 8 de xuño de 1907 e finada en Seoane do Courel (Folgoso do Courel) o 19 de maio de 1967, con escasa obra (poética en galego e narrativa en castelán), foi unha das escritoras galegas máis importantes do século XX, encadrada na xeración do 36, reivindicada para a literatura galega pola xeración Brais Pinto, especialmente por Uxío Novoneyra e Xosé Luís Méndez Ferrín. Da súa autoría son Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990). Compaxinou a súa actividade intelectual cunha vida discreta e moi apartada dos cenáculos literarios.