Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Taylor Alison Swift, nada o 13 de decembro de 1989 en West Reading, Pensilvania, é unha cantante e compositora country e pop estadounidense. Entre os seus antepasados hai algúns coñecidos, como Richard Warren (c. 1580-1628), un peregrino do Mayflower, fundador da Colonia de Plymouth, Massachusetts, signatario do Pacto do Mayflower.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña. Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
O Partido Galego (PG) é un partido político de centro galeguista de ámbito autonómico, que nace o 12 de decembro de 2020 no concello de Melide coa intención de representar a todas as persoas que se senten galegas e españolas e que consideran que Galicia é unha comunidade autónoma que conta cunha cultura e unha lingua propia diferenciada do resto de comunidades. Posúe unha ideoloxía centrista cun fondo sentimento galeguista, que trata de representar unha ampla parte da poboación galega.
A historia da moeda no Tíbet remóntase á Antigüidade, cando esta rexión asiática non realizaba aínda as súas propias cuñaxes. Utilizábanse ás veces moedas doutros territorios, aínda que o troco era unha práctica máis común, o ouro constituía un medio de intercambio e as cunchas e as doas de pedra utilizábanse para as transaccións máis pequenas. A partir do século XVII comezou a utilizarse a moeda dun xeito máis extenso; tratábase de moedas de prata procedentes do Nepal.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
James Joseph Brown, Jr., nado en Barnwell, Carolina do Sur o 3 de maio de 1933 e finado en Atlanta, Xeorxia, o 25 de decembro de 2006, foi un cantante de funk e soul estadounidense. Foi un dos pais fundadores do funk e unha figura principal da música popular do século XX, coñecido tamén como "The Godfather of soul" (O padriño do soul). Ó longo da súa carreira, que durou seis décadas, Brown influenciou o desenvolvemento de varios estilos musicais.
A síntese evolutiva ampliada ou SEA (na literatura inglesa extended evolutionary synthesis, EES) consiste nun conxunto de conceptos teóricos que se argumenta son máis completos que os da síntese moderna da bioloxía evolutiva que se orixinou entre 1918 e 1942. A síntese evolutiva ampliada foi chamada así na década de 1950 por C. H. Waddington, construída despois sobre a base da teoría do equilibrio puntuado e Stephen Jay Gould e Niles Eldredge da década de 1980, e reconceptualizada en 2007 por Massimo Pigliucci e Gerd B. Müller. A síntese evolutiva ampliada volve a fixarse na relativa importancia dos diferentes factores en xogo, examinando varias asuncións da síntese anterior e aumentándoa con factores causantes adicionais.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Eleccións municipais en Irixoa
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Irixoa dende 1979.
Na teoría da comunicación, a canle é o medio ou soporte físico polo cal se transmiten as mensaxes no curso dun proceso de comunicación. Exemplos de canles son os cables eléctricos para a telefonía, a páxina para a comunicación escrita, as ondas de radio etc. No caso da comunicación verbal, a canle é o ar.
Unha canle ou canal en enxeñaría é unha vía artificial feita polo ser humano para o paso de auga ou outros líquidos. Utilízanse para o transporte de mercadorías, coñecidas co nome de canles de navegación, entre lagos, ríos ou océanos, mediante barcos, pero tamén para a condución de auga, tanto para a subministración como para o desecamento. Os canais interiores precederon ao desenvolvemento do ferrocarril durante a Revolución Industrial e algúns deles foron posteriormente secados e empregados como pasos libres para construír vías férreas.
Luísa Villalta Gómez, nada na Coruña o 15 de xullo de 1957 e finada na mesma cidade o 6 de marzo de 2004, foi unha escritora, filóloga e violinista galega. Escribiu poesía, teatro, narrativa de ficción, ensaio, articulismo e tradución. O colectivo A Sega acordou dedicarlle o Día das Galegas nas Letras do ano 2022: "celebrámoste desde a complexidade da épica ao publicismo, deste ti, desde o teu pensar, lúcida e comprometida, sempre na construción dun pobo".
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Partido Comunista dos Traballadores de España
O Partido Comunista dos Traballadores de España (en castelán: Partido Comunista de los Trabajadores de España, abreviado PCTE) é un partido político comunista e marxista–leninista. Foi fundado o 3 de marzo de 2019 como resultado dunha escisión do Partido Comunista dos Pobos de España (PCPE).
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Coñécese como diáspora galega o proceso de emigración masiva do pobo galego que se produciu durante as tres últimas décadas do século XIX ata ben pasada a metade do século XX. Así, entre 1850 e 1960 marcharon cara a América máis de dous millóns de galegos e galegas. Cómpre destacar a importancia deste fenómeno nos contextos socioeconómico, político e cultural da Galicia territorial e da Galicia exterior. Posteriormente, xa na segunda década do século XXI, por mor da crise en Galicia e España, iniciouse unha segunda vaga de emigración galega, principalmente cara a países de Europa (Alemaña e Inglaterra), formada normalmente por mozos con estudos e un nivel cultural medio-alto.
Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña o 2 de maio de 1935 e falecido en Milán o 9 de xullo de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Alcumado "o arquitecto", xogaba de centrocampista e está considerado por moitos o mellor futbolista galego da historia e un dos mellores futbolistas do século XX. En 1960 converteuse no primeiro e único xogador masculino nado na Península Ibérica en gañar un Balón de Ouro. Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio natal de Monte Alto e na praia de Santo Amaro e en 1949 entrou a formar parte da nova canteira do Deportivo da Coruña, a chamada Escola Scopelli, creada ese mesmo ano co impulso de Alejandro Scopelli.
A República da China (en chinés tradicional: 中華民國; pinyin: ZhongHuá MínGuó; Wade-Giles: Chung Hua Min Kuo), coñecida polo xeral como Taiwán (en chinés tradicional: 臺灣 ou 台灣; chinés simplificado: 台湾; (mandarín) pinyin: Táiwān; Wade-Giles: T'ai-wan; Taiwanés: Tâi-oân), é un territorio asiático formado por un arquipélago do que a Illa de Taiwán (tamén chamada Formosa) é a máis importante. A República da China deixou de ser membro das Nacións Unidas cando os países membros decidiron que o fose a República Popular da China. Taiwán é recoñecido como a República da China por 14 países.
AC/DC é un grupo australiano formado en 1973 e considerado como un dos máis influentes do hard rock dos 70. O seu son agresivo, as súas espectaculares actuacións e o seu estilo de vida contou con innumerables imitadores ao longo de dúas décadas. Coñecidos por levar uniformes escolares sobre o escenario, AC/DC (Corrente Alterna/Corrente Continua), sufriu moitos cambios na súa formación, aínda que os irmáns Young (Angus e Malcolm) permaneceron sempre na banda.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Agustín Fernández Paz, nado en Vilalba o 29 de maio de 1947 e finado en Vigo o 12 de xullo de 2016, foi un escritor e pedagogo galego. Foi autor de máis de cincuenta títulos, preferentemente de literatura infantil e xuvenil. Os seus libros obtiveron numerosos premios, sendo recoñecido por dúas veces como o mellor autor do ano (no 2004, pola Federación de Libreiros de Galicia e no 2007, pola Asociación Galega de Editores).
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Este artigo trata sobre a escritora e poetisa galega. Para a estrela situada na constelación de Ofiúco, ver Rosalíadecastro. Para o nome de Rosalía, véxase Rosalía (nome) Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 210.356.
Os Pinos é o himno galego, un texto poético de Eduardo Pondal de 1890, incluído, dende 1935, nas edicións do libro de poemas Queixumes dos pinos (1886), concretamente das dúas primeiras partes, musicado por Pascual Veiga. Foi adoptado oficialmente como himno trala aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia de 1981.
Asunta Yong Fang Basterra Porto, nada como Fang Yong o 30 de setembro de 2000 e finada o 21 de setembro de 2013, era unha nena galega de orixe chinesa cuxo cadáver apareceu nunha pista forestal do concello de Teo o 22 de setembro de 2013, pouco antes de que cumprise trece anos. O forense determinou que morrera por asfixia e que lle deran 27 pílulas de Lorazepam o día da morte, máis de nove veces a dose máis alta para un adulto. A investigación sobre o seu asasinato foi coñecido como Caso Asunta Basterra, ou simplemente Caso Asunta.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A Primeira Liga (antes chamada Primeira Divisão), tamén coñecida como Liga NOS por motivos de patrocinio, é a competición máis importante do fútbol profesional no sistema de competición de Portugal. Nela participan cada ano os 18 mellores equipos do país, porén, até o momento, só 5 equipos diferentes conseguiron gañar o título. Fundada en 1934, a Liga conta con máis de 80 edicións dominadas principalmente polos "Três Grandes": o Sport Lisboa e Benfica, o Futebol Clube do Porto e o Sporting Clube de Portugal.
Guacanagarix, Guacanacaric ou Guacanagarí (1494) foi un do cinco caciques taínos da Española no momento da chegada dos casteláns en 1492. Guacanagarix foi o que recibiu a Cristovo Colón despois de que a Santa María encallase durante a súa primeira viaxe ao Novo Mundo. Permitiu que Colón estabelecese a construción do forte La Navidad na súa cidade, preto da actual baía de Caracol.
A Encyclopædia Britannica, tamén chamada pola súa tradución a galego Enciclopedia Británica, é unha enciclopedia de contidos xerais redactados en lingua inglesa e publicada pola editorial privada Encyclopædia Britannica, Inc.. Os verbetes na Britannica teñen como público un perfil de lector adulto e cultivado; está escrita por 19 editores que traballan a xornada completa e conta coa colaboración de máis de catro mil expertos. É amplamente considerada como a máis académica das enciclopedias do mundo.
O Corpus Christi (en latín Corpo de Cristo) é unha festa da Igrexa Católica destinada a celebrar a Eucaristía. A súa principal finalidade é proclamar e aumentar a fe da Igrexa na presenza de Xesús Cristo no Santísimo Sacramento. A celebración lévase a cabo o seguinte xoves ao oitavo domingo despois do Domingo de Resurrección (é dicir, 60 días despois dese día; formalmente é o xoves que segue ao noveno domingo seguinte á primeira lúa chea de primavera do hemisferio norte).
Selección de fútbol de Galicia
A selección de fútbol de Galicia é o equipo de fútbol formado por xogadores galegos, que representa á Federación Galega de Fútbol, independentemente de que participen ou non con outras seleccións nacionais recoñecidas pola FIFA. Dado que este organismo non é membro da FIFA nin do COI, a selección absoluta galega non pode participar en torneos oficiais e só disputa partidos amigábeis a nivel internacional. Porén, en categorías inferiores participa nas competicións que organiza a Federación Española de Fútbol, e dende 1999 a selección de Galicia de afeccionados disputa a Copa das Rexións da UEFA. O equipo é coñecido familiarmente como «A Irmandiña», rememorando a historia da Galicia medieval, na cal se constituíron Irmandades para a defensa do pobo fronte os abusos dos señores.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Manuel Rivas Barrós, nado no barrio coruñés de Montealto o 26 de outubro de 1957, é un escritor, poeta, ensaísta e xornalista galego, membro de número da Real Academia Galega dende 2009. A súa obra literaria está escrita orixinalmente en galego e é considerado na actualidade o escritor galego con máis proxección internacional, a súa obra está traducida a vinte idiomas, entre eles o francés, italiano, inglés, alemán, grego, turco, ruso, finés, holandés, croata e xaponés.
Neptuno é o oitavo planeta a partir do Sol, e o máis afastado no noso sistema solar. No sistema solar, é o cuarto planeta máis grande por diámetro, o terceiro planeta máis masivo e o planeta xigante máis denso. Neptuno ten 17 veces a masa da Terra e é lixeiramente máis masivo que Urano, que ten 15 veces a masa da Terra pero non é tan denso.
A raíña das neves (no dinamarqués orixinal: Snedronningen) é un conto de fadas escrito por Hans Christian Andersen e publicado por vez primeira no ano 1845; céntrase na loita entre o ben e o mal vivida por dous nenos, Kay e Gerda. Inclúese regularmente nos contos seleccionados e escolmas do seu traballo, ademais der ser reimpreso con frecuencia en edicións de libros de contos ilustrados para cativos. Malia ser un dos seus contos máis longos, a Andersen lle levou só cinco días para escribilo.
Wifislax é unha distribución GNU/Linux en formato iso baseada en Slackware con funcionalidades de LiveCD e LiveUSB. Foi concibida e proxectada principalmente para realizar auditorías de seguridade. Esta distribución inclúe unha serie de ferramentas de seguridade e auditoría coma escáneres de portos e vulnerabilidades, ferramentas para creación de exploits, sniffers ou ferramentas de comunicación sen fíos. Tamén inclúe integración de varios controladores de rede non oficiais no kernel Linux para o uso de tarxetas de rede variadas.
Portugal (pronuncia en portugués [puɾtuˈɣaɫ] (AFI), en mirandés: Pertual), oficialmente República Portuguesa, é unha República unitaria semipresidencialista situada en Europa Occidental. Ademais do territorio continental, no oeste da Península Ibérica, o territorio da República comprende os arquipélagos autónomos dos Azores e Madeira. Portugal ten unha extensión total de 92.212 km², e unha poboación de 10.487.289 habitantes no 2012.
A donicela (Mustela nivalis), tamén coñecida como doniña, denociña, garridiña ou saltaparedes, é un animal mamífero, membro da familia Mustelidae moi semellante ao armiño (Mustela erminea) o seu parente máis achegado. Difire deste no tamaño e sobre todo no pelame: no armiño o extremo da cola permanece negro tanto no verán como no inverno. A donicela é o mustélido máis pequeno.
Angus McKinnon Young, nado o 31 de marzo de 1955, é un guitarrista australiano de orixe escocesa máis coñecido por ser o cofundador, guitarra solista e compositor da banda de hard rock, AC/DC. Coñecido polas súas enérxicas actuacións, os seus uniformes de colexial e o popular baile de pato orixinal de Chuck Berry, a revista Rolling Stone clasificou a Young como o número vinte e catro na lista dos mellores guitarristas de todos os tempos. En 2003, el e os demais membros de AC/DC foron incluídos no Rock and Roll Hall of Fame.
A cultura castrexa é unha cultura arqueolóxica do noroeste da Península Ibérica que abranguía as rexións de Galicia, Asturias, norte e centro de Portugal e oeste de León que durou dende os séculos XI ou VI a. C. ata a romanización dos galaicos cara o século I. É a cultura asociada cos galaicos e ástures. A manifestación máis característica desta cultura é o castro (do latín castrum do que toma o nome), as súas oppidum amuralladas e a produción de espadas, machadas, torques e outros bens de bronce xa dende a Idade do Bronce Atlántico.
Los Planetas é un grupo granadino de música pop fundado en 1993. Recollen a influencia de grupos estadounidenses de guitarras como os Mercury Rev da primeira época, ou os británicos Spacemen 3 e Joy Division, así como da música tradicional andaluza (flamenco). No ano 2010 participaron no Festival do Norte.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
A festa da Coca é unha celebración de orixe pagá que ten lugar no concello de pontevedrés de Redondela, e que ten lugar o día do Corpus Christi. A orixe desta celebración radica na lenda mitolóxica da coca, un ser da mitoloxía galega que vive nas augas do mar ou dos ríos. Foi declarada Festa de Interese Turístico Galego en 2001.
El Noticiero Gallego (Buenos Aires)
El Noticiero Gallego foi un periódico editado en Buenos Aires entre 1889 e 1890.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Benjamín «Bibi» Netanyahu (en hebreo, בִּנְיָמִין «בִּיבִּי» נְתָנְיַהוּ Binyamin Netanyahu ), nado en Tel Aviv o 21 de outubro de 1949, é un político israelí, primeiro ministro de Israel dende o 29 de decembro de 2022. É a persoa que máis tempo exerceu este posto pois, previamente, xa fora primeiro ministro en dúas xeiras (de 1996 a 1999 e de 2009 a 2021). Tamén é membro da Knesset e presidente do partido conservador Likud.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.