Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
A filla do ladrón de bicicletas
A filla do ladrón de bicicletas é unha novela de Teresa González Costa. Foi publicada por Edicións Xerais en outubro de 2010, logo de acadar o Premio Merlín de literatura infantil e xuvenil dese ano.
Os luns ó sol (en castelán: Los lunes al sol) é un filme de Fernando León de Aranoa protagonizado por Javier Bardem e actores galegos como Luís Tosar ou José Ángel Egido entre outros. Esta foi produción rodada principalmente entre A Coruña e Vigo, sendo estreada en 2002. Obtivo unha grande acollida, sendo merecedora de multitude de premios, entre eles varios Premios Mestre Mateo e varios premios Goya.
Paula Leitón Arrones, nada en Goá (Cospeito) o 27 de abril de 2000, é unha waterpolista española que xoga na posición de aboia no Club Natació Sabadell da División de Honra feminina e na selección española. Conseguiu a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio de 2020 e a de ouro nos Xogos Olímpicos de París de 2024.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Javier Ángel Encinas Bardem, máis coñecido simplemente como Javier Bardem, nado en Las Palmas de Gran Canaria o 1 de marzo de 1969, é un dos actores españois de cinema máis internacionais. No ano 2000 converteuse no primeiro actor español nomeado a un Oscar polo seu papel en Antes que anochezca e en 2008 no primeiro en gañalo na categoría de mellor actor secundario por Non é un país para vellos.
Arte rupestre do arco mediterráneo da Península Ibérica
O grupo de máis de 700 sitios de arte rupestre prehistórica da conca do Mediterráneo Ibérico, tamén coñecido como "arte levantina", declaráronse colectivamente Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1998. Os sitios atópanse no leste de España e conteñen a arte rupestre que data do Paleolítico Superior ou período Mesolítico (máis probable) da Idade de Pedra. A arte consiste en pequenas figuras pintadas de seres humanos e animais, que son os máis avanzados e xeneralizados sobreviventes deste período, seguramente en Europa e, posiblemente, no mundo, polo menos nos primeiros traballos.
O bitcoin (símbolo: ; abreviatura: BTC) é unha criptomoeda descentralizada creada por un autor anónimo de pseudónimo Satoshi Nakamoto. Está subdividida en 10 millóns de unidades máis pequenas chamadas satoshis. É a moeda alternativa máis empregada cun mercado total de 100 millóns de USD. No canto de ser creados por unha entidade central, a rede peer-to-peer de bitcoin regula a creación e intercambio de bitcoins segundo a programación da mesma rede.
Europa Park é un resort turístico, que conta con dous parques temáticos, o propio (Europa-Park e o parque acuático Rulantica), un centro de conferencias, zona de acampada, un restaurante e coctelaría externo combinado cunha atracción, Eatrenalin, un salón de cine e seis hoteis temáticos. Está situado no municipio de Rust, no distrito de Ortenau, a unha hora de distancia de Estrasburgo e a 40 minutos do seu aeroporto Aeroporto de Estrasburgo SXB. O parque é propiedade da familia Mack, dona da empresa alemá Mack Rides GmbH & Co KG, fabricantes de vagóns e automóbiles desde o ano 1780 , carruseis e atraccións de feira desde o 1921 e de montañas rusas desde o 1958 A familia Mack fabricou máis de 150 atraccións para parques a nivel global, como o Xardíns Tívoli, Disney California Adventure, o Parc Astérix, Disney's Hollywood Studios, o Real Madrid World etc ... A idea inicial de Europa Park naceu de Franz Mack, pai, e Roland, fillo, como un showroom onde mostrar só a potenciais clientes as novas montañas rusas da casa en funcionamento.
Ana Peleteiro Brión, nada en Ribeira o 2 de decembro de 1995, é unha atleta galega, especialista en triplo salto. Considerada a atleta galega máis destacada de todos os tempos, foi campioa de Europa tanto ao aire libre como en pista cuberta, gañou unha medalla de bronce nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020 e outros dous bronces nos Campionatos Mundiais de Atletismo en Pista Cuberta. Asombrou desde moi nena, batendo os récords de España cadete, xuvenil, júnior e promesa e, con 16 anos, foi campioa do mundo júnior no Estadio Olímpico de Barcelona, cun salto de 14,17 m, batendo ademais o récord nacional absoluto.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Os sítidos (Sittidae) son unha familia de aves paseriformes que comprende un único xénero, Sitta, formado por 28 especies. Reciben vulgarmente o nome de gabeadores, aínda que este nome tamén se lles dá aos Certhia e Tichodroma, que non están directamente relacionados. En Galicia vive a especie Sitta europaea (gabeador azul ou piquelo azul).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Dominio de homoloxía de pleckstrina
O dominio de homoloxía de pleckstrina (dominio PH ou PHIP) é un dominio proteico de aproximadamente 120 aminoácidos que aparece nunha ampla variedade de proteínas que interveñen na sinalización intracelular ou son constituíntes do citoesqueleto. Este dominio pode unirse aos lípidos de fosfatidilinositol nas membranas biolóxicas (como o fosfatidilinositol (3,4,5)-trisfosfato e o fosfatidilinositol (4,5)-bisfosfato), e proteínas como as subunidades βγ das proteínas G heterotriméricas, e a proteína quinase C. Por medio destas interaccións, os dominios PH xogan un papel no recrutamento de proteínas en diferentes membranas, destinándoas así ao compartimento celular axeitado ou permitíndolles interaccionar con outros compoñentes das vías de tansdución de sinais.
María Teresa Portela Rivas, nada en Aldán (Cangas) o 5 de maio de 1982, é unha piragüista galega, que compite na modalidade de augas tranquilas, sendo unha das figuras máis importantes deste deporte a nivel internacional. Gañou 17 medallas no Campionato Mundial e outras 17 no Europeo, e participou en sete edicións dos Xogos Olímpicos, conseguindo a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Toquio 2020.
Los Planetas é un grupo granadino de música pop fundado en 1993. Recollen a influencia de grupos estadounidenses de guitarras como os Mercury Rev da primeira época, ou os británicos Spacemen 3 e Joy Division, así como da música tradicional andaluza (flamenco). No ano 2010 participaron no Festival do Norte.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 213.905.
José Juan Bigas Luna, coñecido artisticamente como Bigas Luna, nado en Barcelona o 10 de marzo de 1946 e finado en Tarragona o 5 de abril de 2013, foi un director e guionista de cinema catalán. Casado con Celia Orós o 26 de setembro de 1996, rodou tanto en catalán como castelán e obtivo varias distincións internacionais.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
As pleckstrinas son unha familia de proteínas atopada en plaquetas e outras células. O seu nome deriva do inglés platelet and leukocyte C kinase substrate and the KSTR string of amino acids (substrato da quinase C de plaquetas e leucocitos e a cadea KSTR de aminoácidos). A proteína prototípica, agora chamada pleckstrina-1, foi identificada en 1979 como o principal substrato da proteína quinase C en plaquetas.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Verónica Boquete Giadáns, nada en Santiago de Compostela o 9 de abril de 1987, é unha futbolista galega, que xoga como centrocampista e dianteira na Fiorentina, da Serie A de Italia. Considerada como unha das mellores futbolistas españolas da historia, desenvolveu a súa carreira en máis dunha ducia de equipos de oito países e tres continentes. Foi a primeira española en gañar a Liga de Campións e a primeira en marcar nunha final.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Roberto García, nado en Harlem, Nova York o 25 de setembro de 1966, é un DJ, produtor musical e locutor de radio americano. de familia portoriqueña máis coñecido polos seu nomes artísticos Bobbito García, DJ Cucumber Slice, Kool Bob Love ou Bobbito the Barber. Acadou o éxito na súa cidade en 1990 tras un ano como bolseiro na discográfica Def Jam ao crear xunto a DJ Stretch Armstrong o programa de radio The Stretch Armstrong and Bobbito Show, unha emisión que se converteu nun programa de culto por ter sido a plataforma onde se deron a coñecer por primeira vez algúns dos rapeiros máis famosos do país : Jay-Z, The Notorious B.I.G., Nas, Wu-Tang Clan, Eminem ou Fugees.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
A participación de Portugal na Reconquista comezou coa fundación do condado portucalense en 868 e continuou con avances e retiradas durante 381 anos ata 1249, cando foron tomadas as últimas cidades aínda baixo poder musulmán no Algarve. Portugal debe a súa orixe e forma xeográfica actual a este longo proceso. As fases iniciais da Reconquista en Portugal estiveron marcadas pola participación da alta nobreza, no norte, pero a medida que a fronteira foi empuxada cara ao sur, a iniciativa das conquistas pasou á media e baixa nobreza, ás milicias do concello e aos cabaleiros-viláns, máis dispostos a ausentarse en longas campañas.
Circunferencia inscrita e exinscrita
En xeometría, a circunferencia inscrita dun triángulo é a círcunferencia máis grande que pode estar contida no triángulo; toca (é tanxente a) os tres lados. O centro da circunferencia é un centro do triángulo chamado incentro do triángulo. Unha círcunferencia exinscrito do triángulo é unha circunferenia situado fóra do triángulo, tanxente a un dos seus lados e tanxente ás extensións dos outros dous.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Regulamento xeral de protección de datos
O Regulamento xeral de protección de datos (GDPR) (Control (UE) 2016/679) é un regulamento europeo mediante o que o parlamento, o consello e a comisión pretenden fortalecer e unificar a protección de datos para todos os países da Unión Europea e o Espazo Económico Europeo, controlando tamén a transferencia de datos de fóra da Unión. Os seus principais obxectivos son devolverlles aos cidadáns o control sobre a súa información persoal e unificar o marco regulador para as empresas multinacionais. Establece un marco máis estrito que outras normas, e é a primeira norma sobre este asunto que lle afecta a todos os países da Unión Europea, e tanto os dereitos como as obrigas.
Xosé Ramón Gayoso Bonigno, nado na Coruña o 25 de abril de 1956, é un presentador da Televisión de Galicia e un dos personaxes públicos máis coñecidos en Galicia. Presentou varios programas da canle pública galega dende a súa mesma creación, en 1985, facéndose enormemente popular polo seu traballo en Luar, programa que presenta dende 1992.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Penélope Cruz Sánchez, nada en Madrid o 28 de abril de 1974, é unha actriz española. Aínda que inicialmente foi bailarina e presentou programas de televisión, é mundialmente coñecida pola súa faceta cinematográfica, participando en películas realizadas en español, inglés e outros idiomas, coas que acadou un éxito importante e varios premios.
A moega ou moella, tamén chamada ventrículo, é un órgano que se encontra no tracto dixestivo dalgúns animais, como os arcosauros (dinosauros incluíndo as aves, pterosauros e crocodilianos), miñocas, algúns gasterópodos, algúns peixes e algúns crustáceos e insectos. Trátase dun estómago especializado formado por grosas paredes musculares que se usa para triturar a comida, con frecuencia coa axuda de partículas duras como pedras ou grava. En certos insectos e moluscos, as moegas teñen placas ou dentes quitinosos.
María Concepción Méndez Gándara, nada en Sandiás, é unha mestra e política galega do PPdeG. Mestra de profesión, foi alcaldesa do concello de Sandiás durante 36 anos, dende as primeiras eleccións democráticas ata o ano 2015. Foi unha das pioneiras en Galicia, xa que foi unha das 99 alcaldesas de España elixidas o 3 de abril de 1979, outras cinco accederon á alcadía a partir do ano 1980. Delas soamente sete en Galicia, seis na provincia de Ourense.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
En lingüística, desígnase por linguas indoeuropeas a unha familia de linguas que teñen unha orixe común, o protoindoeuropeo, que se falou alá polo 5000 a.C. (moito antes da invención da escrita) nun territorio próximo ao mar Negro. Agrupan preto dun milleiro de linguas faladas hoxe en día por tres mil millóns de individuos en todos os continentes (sobre un 40-45% da poboación mundial. O indoeuropeo é unha familia lingüística ampla que engloba a maior parte das linguas europeas antigas e actuais.
O Líbano (árabe: لُبْنَان), oficialmente a República do Líbano (árabe: الجمهورية اللبنانية) ou a República Libanesa, é un país de Asia Occidental. Está situado entre Siria ata o norte e o leste e Israel ata o sur, mentres que Chipre se atopa ao oeste, atravesando o mar Mediterráneo. A súa localización na encrucillada da Conca do Mediterráneo e do interior árabe contribuíu á súa rica historia e deu forma á unha identidade cultural de diversidade relixiosa.
Pilar Bardem, nada o 14 de marzo de 1939 en Sevilla e finada en Madrid o 17 de xullo de 2021, foi unha actriz española cunha grande experiencia interpretativa en tódolos medios. Pertenceu a unha importante saga de actores de España, foi nai do actor Javier Bardem e irmá do desaparecido director Juan Antonio Bardem. Destacou por ser unha muller comprometida que participou activamente en protestas contra a guerra de Iraq en 2003 entre outras.
São Gregório é unha localidade portuguesa da freguesía de Cristóval, concello de Melgaço. Está situado á beira do río Barxas ou Troncoso, facendo fronteira con Galiza a través dunha ponte até a aldea de Ponte Barxas (concello de Padrenda). Neste lugar houbo unha alfándega até a entrada en vigor do Acordo de Schengen en 1992.
Os ríos de Galicia son parte da densa hidrografía de Galicia. A súa gran densidade fai que Galicia sexa cualificada decote como a terra dos mil ríos, en palabras de Otero Pedrayo. A maioría dos cursos, por mor do seu escaso caudal, non son navegables, agás o río Miño na súa desembocadura, nos numerosos encoros, e nos cursos baixos dalgúns ríos, nos que se celebran regatas.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e en 2023, Cristiano Ronaldo deixou de mutuo acordo o Manchester United da Premier League inglesa e asinou con o Al-Nassr FC na Saudi Professional League. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación de masas.
En Galicia, segundo o decreto 65/1997 da Xunta, existen oficialmente 53 comarcas, das cales 18 pertencen á provincia da Coruña, 13 á de Lugo, 12 á de Ourense e 10 están na provincia de Pontevedra. As comarcas constitúen o ámbito de actuación dos plans de desenvolvemento comarcal e carecen de funcións administrativas.
Europa ( pronunciación ) é un dos continentes que conforman o supercontinente euroasiático, situado entre os paralelos 35º 30’ e 70º 30’ de latitude norte. Europa é unha das grandes penínsulas de Eurasia (segundo como se considere, a maior delas), á que de forma convencional e por motivos históricos considérase un continente propio, e pertence a súa a Eurafrasia. De forma convencional e por motivos histórico-culturais é considerada un continente, tras a delimitación realizada polo xeógrafo ruso Vasili Tatíshchev quen desexaba sinalar a pertenza de Rusia a Europa e a Asia.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.