Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Manuel de Pedrolo i Molina, nado en l'Aranyó, no concello de Els Plans de Sió (Segarra), o 1 de abril de 1918 e finado en Barcelona o 26 de xuño de 1990, foi un escritor catalán. Comezou a escribir moi novo, e a súa obra converteuno non só no escritor máis prolífico, senón tamén nunha das figuras máis importantes da literatura catalá do século XX. En 1979 recibiu o Premio de Honra das Lletres Catalanes. Manuel de Pedrolo mantivo as súas firmes convicións políticas até a súa morte, converténdose non intelectual íntegro comprometido co seu tempo e o seu país.
Elemental (subtitulado Forces of Nature nalgúns países) é un filme estadounidense de 2023 producido por Walt Disney Pictures e Pixar Animation Studios e distribuído por Walt Disney Studios Motion Pictures. Dirixido por Peter Sohn e producido por Denise Ream, foi escrito por Sohn, John Hoberg, Kat Likkel e Brenda Hsueh, con Pete Docter como produtor executivo. É o filme número 27 producido polo estudio, e conta coas voces de Leah Lewis, Mamoudou Athie, Ronnie del Carmen, Shila Ommi, Wendi McLendon-Covey e Catherine O'Hara.
O contactor é un dos equipos máis empregados en sistemas de automatización industrial e doméstica, e un dos máis importantes de todo sistema automático. Definirémolo como un interruptor que pode ser accionado a distancia mediante un dispositivo electromagnético (un electroimán) que ten incorporado interiormente. O contactor forma parte tanto do circuíto de mando como do circuíto de forza dun sistema de control automático.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A ecuación da equivalencia masa-enerxía E = mc2, empregada na Teoría da relatividade, indica que a materia é simplemente outra forma de enerxía, concepto paradoxal en física clásica (e no sentido común). Porén, grazas a esta ecuación foi posible explicar fenómenos como a desintegración radioactiva. Tecnicamente a expresión resulta ser ±E = ±mc2, o que implica que a fórmula admite a existencia tanto de enerxía negativa e positiva, como de materia positiva e negativa, sendo a materia positiva e a enerxía positiva as formas comúns de materia e enerxía que coñecemos, e as súas formas negativas son, polo de agora, teóricas.
A glote é un órgano da larinxe formado polas cordas vocais e a abertura existente entre elas (abertura glótica). Ten forma triangular, un tamaño duns 16 mm e pódese abrir 12 mm. A súa abertura ou fechamento total ou parcial prodúcese mediante o afastamento ou achegamento das cordas vocais, arrastradas polos aritenoides e os músculos que as controlan.
O bitcoin (símbolo: ; abreviatura: BTC) é unha criptomoeda descentralizada creada por un autor anónimo de pseudónimo Satoshi Nakamoto. Está subdividida en 10 millóns de unidades máis pequenas chamadas satoshis. É a moeda alternativa máis empregada cun mercado total de 100 millóns de USD. No canto de ser creados por unha entidade central, a rede peer-to-peer de bitcoin regula a creación e intercambio de bitcoins segundo a programación da mesma rede.
Adam Robert Price, nado en Carmarthen o 23 de setembro de 1968, é un político galés e líder do partido Plaid Cymru dende o 28 de setembro de 2018, logo de derrotar a Leanne Wood e a Rhun ap Iorwerth eleccións primarias ese mesmo mes. Dende o ano 2016, é membro da Asemblea Nacional de Gales por Carmarthen East e Dinefwr, sendo anteriormente membro do Parlamento Británico, entre 2001 e 2011 por Carmarthen East e Dinefwr.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Un lobishome ([loβiˈsɔme̝]), tamén coñecido como licántropo ([liˈkantɾo̝po̝]; do grego antigo "λύκος" (lobo) e "άνθρωπος" (humano)), é un individuo que, segundo as mitoloxías, lendas e folclores, posúe a capacidade de transformarse, parcial ou totalmente e durante as noites de lúa chea, nun lobo ou nunha criatura antropomorfa semellante. Fontes temperás que mencionan esta habilidade ou aflición, coñecida como licantropía, inclúen a Petronio (27–66). Esta transformación pode deberse a varias causas, coma unha imprecación ou ritual voluntario, ou, máis recentemente, pola mordedela ou rabuñada dun lobo ou licántropo.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
Hildegart Rodríguez Carballeira
Hildegart Rodríguez Carballeira, nada en Madrid o 9 de decembro de 1914 e finada o 9 de xuño de 1933, foi unha nena prodixio, concibida pola súa nai como o modelo de muller do futuro. Con tres anos escribía e con oito falaba seis idiomas. Acabou a carreira de Dereito con 17 anos e foi membro activa do PSOE e despois do Partido Republicano Democrático Federal.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 214.411.
O sexo anal é unha práctica sexual que consiste na introdución do pene erecto no ano e o recto da parella, co fin de obter pracer. Outras formas de sexo anal inclúen o fingering, o uso de xoguetes sexuais, o sexo oral realizado no ano (anilingus), e o pegging. O termo sexo anal refírese máis comunmente á penetración do pene no ano, mais algunhas fontes refírense a coito anal para a penetración anal, e sexo anal para calquera forma actividade sexual, especialmente en parellas, e oposta á masturbación anal.
.onion é un pseudodominio de primeiro nivel xénerico indicando un enderezo anónimo accesible por medio de Tor, un sistema de comunicación anónimo; eses enderezos non son realmente nomes do DNS e non están no seu servidor raíz, pero por medio do software apropiado os programas de Internet como navegadores web poden acceder. O sistema utilizouse por primeira vez en 2004.
Un faxémido ou fásmido é un vector de clonación baseado no ADN, que ten á vez propiedades de bacteriófago e de plásmido. Estes vectores conteñen, ademais dunha orixe de replicación do plásmido, outra orixe de replicación derivada do bacteriófago. A diferenza dos plásmidos comunmente usados como vectores, os vectores faxémidos diferéncianse por teren a capacidade de poder ser empaquetados dentro da cápside dun bacteriófago, debido a posuíren unha secuencia xenética que sinala o empaquetamento.
As redes neurais recorrentes (RNN) son unha clase de redes neurais artificiais para o procesamento secuencial de datos. A diferenza das redes neurais de avance, que procesan datos nun só paso, as RNN procesan datos en varios pasos de tempo, polo que son adecuadas para modelar e procesar texto, voz e series cronolóxicas. O bloque fundamental dunha RNN é a unidade recorrente.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
San Martiño de Dumio, nado en Panonia (actual Hungría) contra 510 ou 520 e finado en Braga no 579 ou 580, tamén chamado san Martiño Dumiense, san Martiño de Dume ou san Martiño de Braga, foi un relixioso cristián do século VI. Está considerado como o apóstolo dos suevos, responsable maior da súa conversión do arianismo ao catolicismo. A súa obra eclesiástica e literaria, presentando un cristianismo adaptado aos diferentes grupos de poboación; a súa preocupación por transmitir valores procedentes da Antigüidade clásica; a predicación dun cristianismo ortodoxo nos tempos de herexía e as súas relacións cos reis suevos, anuncian o ideal episcopal de Leandro e Isidoro de Sevilla. Foi bispo de Dumio e de Braga.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Alejandro Fidalgo Conde, nado en Corcubión o 20 de abril de 1985, é un xornalista, locutor de radio e presentador de televisión galego, máis coñecido como Álex Fidalgo. É membro dos equipos de La Rosa de los Vientos e No son horas de Onda Cero. Tamén formou parte do equipo do programa nocturno La parroquia, na mesma cadea, até o seu peche en 2016.
O alfabeto galego, segundo a representación gráfica moderna e oficial, ten 23 letras e 6 dígrafos, ademais dalgunhas letras (ç, j, k, w, e y) usadas en estranxeirismos, abreviaturas e símbolos internacionais. No galego medieval (galego-portugués), como en calquera outro estándar non codificado, existían moitas vacilacións na representación de sons. Por exemplo, para o son (/ɲ/) aparecen nos textos galegos representacións con n, nn, ñ, ni, etc.
Wikipedia é unha enciclopedia en liña baseada nun wiki multilingüe e de contido libre editado e mantido por unha comunidade de editores, a cal comezou o 15 de xaneiro de 2001 coa versión en lingua inglesa. Pouco despois, creáronse edicións en linguas diferentes do inglés: as edicións en alemán e o catalán foron creadas o 16 de marzo, a edición en francés o 23 de marzo, e a sueca creouse o 23 de maio.
Isabel Zendal Gómez, nada na Agrela (Parada, Ordes) o 26 de febreiro de 1773 e finada no Vicerreinado de Nova España (actual México), foi unha enfermeira e reitora do Hospital de Caridade da Coruña. Participou na Real Expedición Filantrópica da Vacina de Francisco Xavier Balmis coidando dos 22 nenos da Casa de Expósitos da Coruña, que foron dende A Coruña a México e dos 26 que foron dende Acapulco a Filipinas durante os 10 anos que durou a expedición para levar a vacina da varíola aos territorios españois de ultramar. É considerada a primeira enfermeira da historia en misión internacional.
Os fibrinopéptidos, que son o fibrinopéptido A (FpA) e o fibrinopéptido B (FpB), son péptidos que formaban parte da rexión central da glicoproteína fibrosa fibrinóxeno (factor I da coagulación do sangue) e que foron cortados e separados de alí polo encima trombina (factor IIa) para converter o fibrinóxeno en monómeros de fibrina (factor IA) unidos covalentemente. O N-terminal do FpA é escindido das cadeas Aα do fibrinóxeno e o FpB das cadeas Bβ do fibrinóxeno, e o FpA libérase antes que o FpB. Despois da súa formación, os monómeros de fibrina son convertidos en polímeros de fibrina con enlaces cruzados ou reticulados pola acción da factor XIII activado pola trombina (factor estabilizante da fibrina), e estes polímeros de fibrina forman o núcleo dun trombo (coágulo sanguíneo). Por tanto, os fibrinopéptidos son marcadores sensibles da fibrinoxénese (xeración de fibrina), da actividade da trombina e da coagulación do sangue.
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas. Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei". A cidade é coñecida polo seu urbanismo, converténdose nunha referencia internacional en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible.
O feísmo, tamén coñecido coma maltrato da paisaxe, é un termo acuñado en Galiza para referirse a unha problemática específica galega, xa que os expertos sosteñen que o fenómeno remata nas fronteiras con Portugal, Asturias e Castela e León. O concepto serve para designar un estilo arquitectónico ou urbanístico de trazos esteticamente discutíbeis. Trátase de construcións humanas que degradan o contorno e que chocan de fronte cos canons estéticos propios do lugar, e foi definido coma "un desleixo xeneralizado que impera en boa parte das construcións do país e que se fai especialmente patente no medio rural e naquelas zonas que sofren os estragos da especulación urbanística".
Indonesia, oficialmente República de Indonesia (en indonesio: Republik Indonesia), é un extenso país insular localizado entre o sueste asiático e Oceanía e entre os océanos Índico e Pacífico, ocupando boa parte do territorio do maior arquipélago do mundo, de 17.508 illas, as illas da Sonda, e máis a metade occidental da illa de Nova Guinea, posuíndo un total dun 267 millóns de habitantes, convertendo a Indonesia no cuarto país máis poboado do mundo. Con 1 905 569 km², Indonesia é o décimo sexto país do mundo por superficie e a súa densidade de poboación de 134 hab/km² sitúao no 88 no mundo. Indonesia é unha república, cun poder lexislativo e un presidente escolleitos por sufraxio e o goberno ten a súa sede central na cidade de Iacarta, a capital.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Nevenka Fernández, nada en 1975, é unha economista española. Foi concelleira de Facenda de Ponferrada entre 1999 e 2000. É coñecida por ser a primeira española en lograr a condena dun cargo político, Ismael Álvarez, alcalde de Ponferrada, por acoso sexual despois de que se introducise o delito no Código Penal español de 1999.
Joaquín Domínguez Portela, coñecido como Elxokas, nado en Lugo o 13 de abril de 1991, é un influenciador, streamer, youtuber e creador de contido en Twitch e YouTube. Comezou como streamer en 2018 en Twitch creando contido do videoxogo Warcraft. En 2019, era xa o creador de contido máis grande da comunidade hispanofalante nesta categoría.
Jorge Mira Pérez, nado en Baio (Zas) o 30 de outubro de 1968, é un físico, investigador, divulgador científico e colaborador en diferentes medios de comunicación galego. Dende decembro de 2016, é membro correspondente da Real Academia Galega polas súas investigacións desenvolvendo modelos matemáticos para estudar a lingua galega.
O Club Bosco de Baloncesto foi un equipo de baloncesto que tiña a súa sede na cidade da Coruña. Fundouse o 3 de setembro de 1960 e desapareceu o 7 de febreiro de 1988. O equipo xogaba os seus encontros como local no ximnasio da antiga Universidade Laboral Crucero Baleares, no Burgo, e máis adiante tamén no Pazo dos Deportes de Riazor.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Iago Aspas Juncal, nado en Moaña o 1 de agosto de 1987, é un futbolista galego. Xoga na demarcación de dianteiro e o seu equipo actual é o Celta de Vigo. Formouse no Real Club Celta, e debutou co primeiro equipo da cidade olívica o 6 de xuño de 2009 nun importante encontro fronte o Alavés onde os seus 2 goles significaron a vitoria do equipo celeste por 2-1, e a conseguinte permanencia matemática en segunda división a falta dunha xornada para a conclusión da liga.
Albert Serra, nado en Banyoles en 1975, é un artista e director de cinema independente catalán. Tras estudos de filoloxía e literatura comparada, comeza cunha produción audiovisual que gaña recoñecemento internacional coa súa segunda longametraxe Honor de cavalleria, presentada na Quincena dos Realizadores de Cannes no ano 2006. En 2013 recibe o Leopardo de Ouro en Locarno polo traballo en Història de la meva mort.
Os fósiles (do latín: fossus, "desenterrado") son os restos ou sinais da actividade de organismos pretéritos conservados, principalmente pero non só, nas rochas sedimentarias e que poden sufrir transformacións na súa composición (por diaxénese) ou deformacións (por metamorfismo dinámico) máis ou menos intensas. A ciencia que se ocupa do estudo dos fósiles é a Paleontoloxía. Dentro da paleontoloxía están a paleobioloxía, que estuda os organismos do pasado —entidades paleobiolóxicas, que coñecemos só polos seus restos fósiles—, a biocronoloxía, que estuda cando viviron devanditos organismos e a tafonomía, que se ocupa dos procesos de fosilización.
Castro de Rei de Lemos, Paradela
Santa María de Castro de Rei de Lemos é unha parroquia do concello lugués de Paradela na comarca de Sarria, na provincia de Lugo. No ano 2007 tiña 576 habitantes, deles 294 eran homes e 282 eran mulleres, o que supón unha diminución de 22 habitantes en relación ao ano anterior, 2006.
Tomás Domínguez Arévalo, nado en Madrid o 26 de setembro de 1882 e finado en Villafranca, Navarra o 10 de agosto de 1952, foi un nobre e político español de ideoloxía carlista tradicionalista máis coñecido polo seu título nobiliario de conde de Rodezno. Ademais, foi XII Marqués de San Martín, Grande de España e V Conde de Valdellano, cabaleiro da Orde Soberana Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, Rodas e Malta, cabaleiro das Reais Maestranzas de Cabalería de Zaragoza e Sevilla, fillo predilecto de Navarra, presidente da Xunta Suprema Tradicionalista, deputado a Cortes por Aoiz, senador do Reino pola provincia de Navarra, ministro de Xustiza do primeiro goberno de Franco, académico da Real Academia da Historia, escritor e xenealoxista así como un dos máis representativos dirixentes do tradicionalismo carlista. Tamén ocupou os cargos de vicepresidente da Deputación de Navarra, conselleiro nacional do Movemento e procurador das Cortes durante as primeiras lexislaturas do franquismo.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Christopher Frank Carandini Lee, nado o 27 de maio de 1922 en Londres e finado o 7 de xuño de 2015 na mesma cidade, foi un actor, cantante e militar británico. Con máis de 60 anos de carreira como intérprete, era coñecido pola súa voz profunda e impoñente e por dar vida a miúdo a personaxes malvados. Participou en máis de 200 películas desde o ano 1948 ata o 2015.
Alejandro Guillán Castaño, coñecido artisticamente como Baiuca, nado en Catoira en 1990 é un músico galego. Usou o nome artístico Alex Casanova ata 2017, momento no que deixou atrás o estilo musical pop para innovar coa mestura de música electrónica e música tradicional galega, resultando un estilo que algúns dan en chamar folktrónica. Reside en Madrid.
O Club Básquet Coruña, coñecido por motivos de patrocinio como Leyma Coruña, é un equipo de baloncesto profesional da cidade da Coruña. Fundouse en 1996 logo da unión do Clube Baloncesto Arteixo e o Club Baloncesto Ventorrillo da cidade herculina. En 2024 acadou o ascenso da LEB Ouro á Liga ACB. Disputa os seus encontros como local no Coliseum da Coruña.
Galería de imaxes de arañas de Galicia
Galería de imaxes de arañas de Galicia. As arañas pertencen á orde Araneae dos artrópodos.
O Coliseum da Coruña é un recinto multiúsos destinado a espectáculos, xestionado polo Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), situado no acceso principal á Coruña dende a autoestrada AP-9 e a autovía A-6. Foi deseñado polos enxeñeiros de camiños Jesús Ortiz Herrera, Juan A. Domínguez, María Jesús Izquierdo e Julio Martínez Calzón máis os arquitectos Salvador Pérez Arroyo, Javier García Alba; Fernando Río Durán e Berta Rodríguez Rodríguez. Inaugurouse o 19 de maio de 1991, o 6 de xuño dese mesmo ano tivo lugar o primeiro concerto, do músico Sting.
México (nome oficial: Estados Unidos Mexicanos) é un país localizado maioritaria ou totalmente en América do Norte (dependendo de onde se trace o límite con América Central, ora na fronteira mexicana, ora no istmo de Tehuantepec). Limitado ao norte polos Estados Unidos de América, ao leste polo golfo de México e polo mar Caribe, a través dos cales se acerca a Cuba, ao sur por Guatemala e mais Belize, e ao oeste polo océano Pacífico. Alén do territorio continental e illas adxacentes á costa, México inclúe tamén as Illas Revillagigedo, localizadas no océano Pacífico, a máis de 400 km a sur do cabo San Lucas, na Baixa California.
Lista de palabras galegas de orixe celta
Esta é unha lista de palabras galegas de orixe celta (non completa), moitas delas comúns co portugués. Algunhas destas palabras existían no latín como préstamos dunha fonte celta, como o galo, mentres que outras foron recibidas máis tarde doutras linguas, como o francés, o occitano e o castelán. Por último, algunhas desas palabras proveñen directamente das linguas locais prerromanas.
Real Expedición Filantrópica da Vacina
A Real Expedición Filantrópica da Vacina, coñecida como Expedición Balmis-Salvany ou Expedición Balmis en referencia ao médico alacantino Francisco Xavier Balmis, foi unha expedición de carácter filantrópico que deu a volta ao mundo e que durou desde o 30 de novembro de 1803 até 1806. O seu obxectivo era nun principio que a vacina da varíola chegase a cada recuncho do Imperio Español (América, Filipinas e outras illas do Pacífico), xa que a alta mortaldade do virus estaba ocasionando a morte de miles de nenos. O rei Carlos IV apoiou e sufragou con fondos públicos ao médico da corte, o doutor Balmis, na súa idea dunha vacinación masiva de nenos ao longo de todo o imperio, xa que a súa propia filla a Infanta María Luísa sufrira tamén a enfermidade.
Un TECOR societario é un tipo de TECOR (Terreo Cinexeticamente Ordenado) promovido polas sociedades ou asociacións de cazadores legalmente constituídas. A súa sinalización está indicada por carteis de forma rectangular cunha diagonal do lado superior esquerdo ao inferior dereito; a metade inferior en negro e a superior en branco.
Sevilla é unha cidade española situada ao suroeste da Península Ibérica, capital de Andalucía e da provincia homónima. Sevilla é a cuarta cidade de España e cuarta área metropolitana por número de habitantes. Ten 696.676 habitantes en 2014, 1.317.098 na área metropolitana, 1.813.908 en total na provincia (datos de 2005).
As fitohormonas ou hormonas vexetais ou de plantas son compostos químicos producidos pola propia planta que regulan o seu crecemento e outros procesos fisiolóxicos. As hormonas vexetais son moléculas de sinalización producidas nos tecidos da planta e están presentes en concentracións moi baixas. Regulan procesos celulares en células diana localmente e poden desprazarse a outras localizacións máis afastadas e actuar noutras partes da planta.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Los Planetas é un grupo granadino de música pop fundado en 1993. Recollen a influencia de grupos estadounidenses de guitarras como os Mercury Rev da primeira época, ou os británicos Spacemen 3 e Joy Division, así como da música tradicional andaluza (flamenco). No ano 2010 participaron no Festival do Norte.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
As Dezasete Provincias é a denominación que se outorgou aos dezasete territorios da rexión dos Países Baixos (Nerderlanden ou Lage Landen) que formaron unha entidade territorial vinculada á dinastía Habsburgo durante o século XVI; e que aproximadamente cubría os actuais Países Baixos, Bélxica, Luxemburgo, Norte de Francia) e unha pequena parte do Oeste de Alemaña.
Os moinantes son un grupo social de España e algúns países de Europa. Principalmente son nómades con algunhas similitudes co pobo xitano e considéranse unha etnia con identidade propia. Son tamén chamados quincalleros polo oficio que historicamente realizaban, vender, facer e reparar trebellos metálicos como tixolas e potas.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.