Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Dios ke te crew (DKTC) é un grupo de hip hop de Ordes formado en 2003 a iniciativa dos integrantes de Ghamberros: García Mc e Jamas. Nun inicio estaba formado por un grupo de graffiti, un de breakdance, DJs e rap. Todos estes aspectos do hip hop únense nas presentacións en directo do grupo, onde é común presenciar pezas de graffiti no fondo do escenario e bailar breakdance, mentres o grupo musical interpretaba as súas cancións.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
República Socialista Soviética de Ucraína
A República Socialista Soviética de Ucraína (Українська Радянська Соціалістична Республіка) foi creada o 25 de decembro de 1917, e foi unha das repúblicas que constituíron a Unión Soviética cando esta foi formada en 1922. Trala segunda guerra mundial, en 1945, algunhas emendas á Constitución da RSS de Ucraína foron aceptadas, que lle permitiron actuar como un suxeito separado en canto a lexislación internacional, sendo parte da URSS ó mesmo tempo. Concretamente, esas emendas permitiron á RSS de Ucraína converterse nun dos membros fundadores da Organización das Nacións Unidas (ONU) xunto á URSS e a RSS de Belarús.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Segundo unha axencia das Nacións Unidas e un número crecente de expertos e organizacións de dereitos, incluíndo Amnistía Internacional e Human Rights Watch, Israel cometeu actos de xenocidio contra o pobo palestino durante a súa invasión e bombardeo da Franxa de Gaza como parte do conflito israelí-palestino. Varios observadores, incluíndo o Comité Especial das Nacións Unidas para investigar as prácticas israelís e o Relator Especial das Nacións Unidas, citaron declaracións de altos funcionarios israelís que poden indicar unha "intención de destruír" a poboación de Gaza en todo ou en parte, unha condición necesaria para que se cumpra o limiar legal do xenocidio. A mediados de agosto de 2024, as accións militares israelís provocaron máis de 40.000 mortes palestinas confirmadas, 1 de cada 59 persoas en Gaza, cunha media de 148 mortes por día.
A apolipoproteína D (ApoD) é unha proteína que nos humanos está codificada no xene APOD do cromosoma 3. A diferenza doutras lipoproteínas, que se producen principalmente no fígado, a apolipoproteína D prodúcese maiormente no cerebro e testículos. É unha glicoproteína de 29 kDa descuberta en 1963 como compoñente da fracción de lipoproteína de alta densidade (HDL) do plasma humano.
O raboalzado americano (Oxyura jamaicensis) é un pato, que é unha das seis especies dentro do xénero Oxyura. Vive en hábitats con moita vexetación de América do Norte e do Sur e tamén nas Illas Británicas, Francia e España. Este pato foi introducido no Reino Unido na década de 1940, onde estableceu unha crecente poboación.
A secuenciación de proteínas é o proceso práctico de determinar a secuencia de aminoácidos de toda ou dunha parte dunha proteína ou un péptido. Isto pode servir para identificar a proteína ou caracterizar as súas modificacións postraducionais. Normalmente, a secuenciación parcial dunha proteína proporciona información suficiente (unha ou máis etiquetas de secuencia) para identificala en referencia a bases de datos de secuencias de proteínas derivadas da tradución conceptual de xenes.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 217.620.
José Francisco de San Martín, nado en Yapeyú (Corrientes) o 25 de febreiro de 1778 e finado en Boulogne-sur-Mer o 17 de agosto de 1850, foi un militar arxentino cuxas campañas foron decisivas para as independencias da Arxentina, Chile e o Perú. Xunto con Simón Bolívar é considerado un dos libertadores de Suramérica da colonización española. Na Arxentina, isto valeulle o título de Pai da Patria e ser considerado un heroe nacional.
Groenlandia ou Grenlandia (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao océano Ártico e ao norte do océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación. Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca.
Nicolás Maduro Moros, nado en Caracas o 23 de novembro de 1962, é un político venezolano, actual presidente de Venezuela. Anteriormente tamén ocupou os cargos de ministro de Relacións Exteriores (2006–2013) e vicepresidente executivo de Venezuela (2012–2013). Como vicepresidente, Maduro asumiu as funcións administrativas e económicas de Venezuela durante a doenza do presidente Hugo Chávez.
Lois XIV de Borbón ou Luís XIV de Borbón (en francés Louis XIV), nado en Saint-Germain-en-Laye o 5 de setembro de 1638 e finado en Versalles o 1 de setembro de 1715, foi rei de Francia e de Navarra dende o 14 de maio de 1643 até a súa morte con case 77 anos de idade e 72 de reinado. Cando era menor de idade, unha revolta da nobreza francesa e do Parlamento de París puxo en perigo o seu trono. Aínda que a revolta foi sufocada polo 1º ministro o cardeal Mazarino, cando Lois XIV accedeu ao trono decidiu reforzar a autoridade monárquica.
O nacionalismo asturiano é un movemento político e social que defende o recoñecemento de Asturias como unha nación, a procura dun maior autogoberno e o dereito á súa integridade e unidade territorial histórica. Ademais, defende a cultura asturiana, especialmente a lingua asturiana. Esta corrente está inserida nun movemento chamado "asturianismo político", no que tamén está incluído o "rexionalismo asturiano".
República Soviética Federativa Socialista de Rusia
A República Soviética Federativa Socialista de Rusia (Росси́йская Сове́тская Федерати́вная Социалисти́ческая Респу́блика, РСФСР) foi a máis grande e máis poboada das quince Repúblicas soviéticas, e converteuse na Rusia actual trala caída da Unión Soviética. O estado foi establecido o 7 de novembro de 1917. O 10 de xullo de 1918 a Constitución Soviética de 1918 foi aceptada.
Lepidodendron é un xénero extinto de primitivas plantas vasculares licopodianas pertencente á orde Lepidodendrales. Está ben conservado e é común no rexistro fósil. Igual que outras Lepidodendrales, as especies de Lepidodendron eran plantas de porte arbóreo que vivían en ambientes de bosques xeradores de carbón de terras húmidas.
O Ankh (en inglés: Ankh, en alemán: Anch, en francés: Ânkh; pronunciado en todos estes idiomas con consoante aspirada final) é un xeroglífico exipcio que significa "vida", un símbolo moi utilizado na iconografía relixiosa desta cultura. Tamén se denomina cruz ansada: cruz coa parte superior en forma de óvalo, lazo, á, crux ansata en latín, a "chave da vida" ou a "cruz exipcia".
Un ácido (do latín acidus, que significa agre) é considerado tradicionalmente como calquera composto químico que, cando se disolve en auga, produce unha solución cunha actividade de catión hidronio maior que a auga pura, isto é, un pH menor que 7. Isto aproxímase á definición moderna de Johannes Nicolaus Brønsted e Thomas Martin Lowry, quen definiron independentemente un ácido como un composto que doa un catión hidróxeno H+ a outro composto (denominado base). Algúns exemplos comúns son o ácido acético (no vinagre), o ácido clorhídrico (no salfumant e os mollos gástricos), o ácido acetilsalicílico (na aspirina), ou o ácido sulfúrico (usado en baterías de automóbil).
Antonín Leopold Dvořák (checo: /antoɲiːn ˈlɛopolt ˈdvor̝aːk/), nado en Nelahozeves o 8 de setembro de 1841 e finado en Praga o 1 de maio de 1904, foi un compositor de posromántico natural de Bohemia -territorio entón pertencente ao Imperio Austríaco-, un dos primeiros compositores checos que acadou recoñecemento mundial e un dos grandes compositores da segunda metade do século XIX. Está considerado como un dos grandes compositores da segunda metade do século XIX. Empregou frecuentemente ritmos e outros aspectos da música folclórica de Moravia e a súa Bohemia natal, seguindo o exemplo do seu predecesor, o nacionalista da era romántica Bedřich Smetana. Tense descrito o estilo de Dvořák como "a recreación máis completa dun idioma nacional co da tradición sinfónica, absorbendo influencias populares e encontrando formas efectivas de empregalas». Sen perder unha ampla proxección internacional, soubo extraer as esencias da música da súa terra natal.
Nicodemo Gentile, nado en Cirò o 24 de xuño de 1969, é un avogado, escritor e personaxe televisivo italiano. Comezou a súa carreira defendendo os pobres e a xente da rúa en Perugia. Desde 2020 é presidente da Asociación Penélope, que se ocupa da defensa das mulleres vítimas de malos tratos e violencia doméstica.
Bélxica ( pronunciación ) (en alemán: Belgien [ˈbɛlɡiən] , en francés: Belgique [bɛlʒik] , en neerlandés: België [ˈbɛl.ɣi.jə] ), oficialmente Reino de Bélxica ( pronunciación ) (en alemán: Königreich Belgien, en francés: Royaume de Belgique, en neerlandés: Koninkrijk België), é unha monarquía parlamentaria situada en Europa Noroccidental, que fai fronteira cos Países Baixos, Alemaña, Luxemburgo e Francia. É un dos membros fundadores da Unión Europea cuxas institucións principais están hospedadas no país, así como moitas outras organizacións internacionais, como a OTAN. O territorio belga espállase ao longo de 30.528 km², onde viven un pouco máis de 11 millóns de habitantes, o que fai de Bélxica un dos países máis densamente poboados do mundo. O país atópase na encrucillada entre os límites da Europa xermánica coa latina.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
A herba tintureira ou herba carmín, Phytolacca americana, é unha especie da familia Phytolaccaceae. Alcanza de 1 a 3 metros de altura, ten follas simples en talos verdes a vermellos ou violáceos e unha gran raíz branca. As flores son de verde a branco, seguidas de bagas que maduran de vermello a roxo e case negro, que son unha fonte de alimento para diferntes paxaros.
Un mito da creación é unha narración simbólica que explica como empezou o mundo e como apareceron as primeiras persoas que o habitaron. Aínda que no uso popular o termo mito a miúdo se refire a historias falsas ou fantasiosas, o certo é que, formalmente, non implica falsidade. As culturas en xeral consideran que os seus mitos de creación son verdadeiros.
O francés (le français [lə fʁɑ̃sɛ] ( ) o la langue française [la lɑ̃ɡ fʁɑ̃sɛz]) é unha lingua romance da familia indoeuropea procedente do latín falado. Descendente do Latín vulgar do Imperio Romano, como todas as linguas romances. O francés evolucionou a partir do galo-romance, o latín que se fala na Galia, e máis concretamente no norte da Galia.
Hebron (en árabe: الخليل al-Khalīl, (pronuncia) ou tamén en árabe: خَلِيل الرَّحْمَن Khalīl al-Raḥmān; en hebreo: חֶבְרוֹן Ḥevrōn, (pronuncia)) é unha cidade palestina que se atopa no sur de Cisxordania, a uns 30 km ao sur de Xerusalén. Hebrón é a capital da gobernación de Hebrón, a meirande de Cisxordania. Segundo datos de 2017, tiña unha poboación de 201 063 habitantes nos límites da cidade, mentres que a área metropolitana adxacente dentro da gobernación alberga a máis de 700.000 persoas.
Pixar Animation Studios é unha compañía de animación por ordenador especializada na produción de gráficos en 3D e con sede en Emeryville, California (Estados Unidos). Obtivo coas súas producións 16 premios Óscar da Academia, 7 Globos de Ouro e 11 Grammys, entre outros premios. Pixar foi a creadora da primeira longametraxe comercial totalmente animada por ordenador, Toy Story, que se estreou o 22 de novembro de 1995 nos Estados Unidos.
A Península de Kola (en saami setentrional: Guoládat; en ruso: Ко́льский полуо́стров, Kolsky poluostrov) é unha península que se atopa no norte da Rusia europea, no oblast de Múrmansk. Limita ao norte co mar de Barents e ao leste e ao sur co mar Branco. A fronteira occidental da península de Kola esténdese ao longo do meridiano desde o golfo de Kola a través do lago Imandra, o lago Kola e o río Niva ata o golfo de Kandalaksha.
Kasabian son unha banda inglesa de rock alternativo formada en Leicestershire en 1999. Orixinalmente formada polo vocalista Tom Meighan, o guitarrista Christopher Karloff, o guitarrista e corista Sergio Pizzorno e o baixista Chris Edwards, a banda editou cinco álbums de estudio: Kasabian (2004), Empire (2006), West Ryder Pauper Lunatic Asylum (2009), Velociraptor! (2011) e 48:13 (2014).
Os receptores X hepáticos (LXR) son membros da familia do receptor nuclear de factores de transcrición e están estreitamente relacionados con receptores nucleares como o PPARs, FXR e RXR. Os receptores X hepáticos (LXRs) son importantes reguladores da homeostase do colesterol, os ácidos graxos e a glicosa. Os LXRs foron inicialmente clasificados como receptores nucleares orfos, pero co descubrimento de que os oxisterois endóxenos eran os seus ligandos foilles en consecuencia retirada esa categoría. Identificáronse dúas isoformas do LXR, que se denominan LXRα e LXRβ.
A dos hiénidos (Hyaenidae) é unha familia de mamíferos carnívoros pertencente á suborde dos feliformes, que son coñecidos co nome de hienas. Na actualidade inclúe tres xéneros: Hyaena, Crocuta e Proteles, con tan só catro especies en total. É, con moita diferenza, a familia menos numerosa da súa orde, e unha das máis pequenas dentro dos mamíferos.
A abeluria ou herba das feridas (Hypericum perforatum), é unha herbácea europea, a especie máis abundante da familia das gutíferas (Guttiferae) ou hipericáceas (Hypericaceae). Cómpre non confundila coa dedaleira, que tamén recibe o nome de abeluria. Abunda en Galiza, sendo unha das herbas empregadas na noite de san Xoán.
En bioquímica, a gráfica de Lineweaver–Burk, representación de Lineweaver-Burk ou gráfica da dobre recíproca é unha representación gráfica da cinética encimática que presentan os encimas que seguen a ecuación de Michaelis–Menten, que foi descrita por Hans Lineweaver e Dean Burk en 1934. É unha gráfica liñal en lugar dunha curva. A gráfica da dobre recíproca distorsiona a estrutura dos erros dos datos, e non é, polo tanto, a ferramenta máis axeitada para a determinación dos parámetros da cinética encimática.
Un composto de organosilicio é un composto organometálico que contén enlaces carbono–silicio. A maioría dos compostos de organosilicio son similares aos compostos orgánicos ordinarios, son incoloros, inflamables, hidrófobos e estables no aire. Ao contrario, o carburo de silicio é un composto inorgánico.
En lingüística e gramática, pódese denominar pronome a aquelas palabras que desenvolven unha función pronominal, é dicir, as que substitúen un sintagma nominal que se mencionou previamente ou que se sobreentende. Por exemplo, eu, me, che, este, calquera etc. Nalgúns pronomes exprésase o número, a persoa e en ocasións o xénero.
Xerusalén (hebreo: ירושלים, Yerushaláyim; árabe: القدس, al-Quds; grego: Ιεροσόλυμα, Ierossólyma), é unha cidade do Medio Oriente reivindicada como capital tanto por Israel (actual administrador) coma polo Estado de Palestina. Localizada nunha meseta nas montañas da Xudea entre o mar Mediterráneo e o mar Morto, é unha das cidades máis antigas do mundo. Considerada sagrada polas tres principais relixións abrahámicas — xudaísmo, cristianismo e islamismo.
A E-selectina (selectina endotelial), tamén chamada CD62E, ELAM-1 (endothelial-leukocyte adhesion molecule 1, molécula de adhesión endotelial-leucocito 1) ou LECAM2 (leukocyte-endothelial cell adhesion molecule 2, molécula de adhesión leucocito-célula endotelial 2), é unha glicoproteína da familia das selectinas, que funciona como molécula de adhesión celular e exprésase só en células endoteliais activadas por citocinas. Igual que outras selectinas, desempeña un importante papel na inflamación. En humanos, a E-selectina está codificada no xene SELE do cromosoma 1.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Un complexo de pre-replicación (pre-RC) é un complexo proteico que se forma na orixe de replicación durante a etapa de inicio da replicación do ADN. A formación do complexo de pre-replicación é necesaria para que se produza a replicación do ADN e é unha parte moi importante do ciclo celular. Unha replicación completa e fiel do xenoma asegura que cada célula filla levará a mesma información xenética que a célula parental.
As Forzas Armadas de España (FFAA ou FAS) son unha organización de carácter oficial encargada da defensa nacional de España. O mando supremo corresponde ao rei de España, Filipe VI, segundo o artigo 62 da Constitución. A ministra de Defensa é Margarita Robles (PSOE) e o xefe do Estado Maior da Defensa (habitualmente denominado como JEMAD) é o almirante xeneral Teodoro Esteban López Calderón.
Incendios forestais do sur de California en xaneiro de 2025
O 7 de xaneiro do 2025, unha serie de incendios forestais afectaron a área metropolitana dos Ánxeles e as rexións circundantes. Os incendios, que inclúen o Palisades Fire, Eaton Fire, Hurst Fire e Sunset Fire, víronse exacerbados por unha humidade moi baixa e os ventos de Santa Ana, con forza de furacán, que nalgúns lugares superaron os 130 km/h. A partir do 9 de xaneiro, os incendios forestais provocaron dez vítimas mortais, destruíron ou danaron máis de 9.300 estruturas e obrigaron a evacuar a máis de 179.000 persoas.
Dino Pacio Lindín, tamén coñecido como Dino de Ximil, nado en Xemil, na parroquia de Bretoña (A Pastoriza) o 18 de novembro de 1934, é un sociólogo, escritor e profesor galego, coñecido pola súa actividade na educación bilingue de adultos entre a comunidade hispana dos Estados Unidos e por ser o fundador de Solidaridad Humana.
As células nais neurais (que abreviaremos como CNN, que nas súas siglas en inglés sería NSC, de neural stem cell) son células multipotentes que se autorrenovan encargadas de xerar primeiramente as células proxenitoras gliais radiais que á súa vez xeran as neuronas e a glía do sistema nervioso de todos os animais durante o desenvolvemento embrionario. Algunhas células nais proxenitoras neurais persisten en rexións moi restrinxidas no cerebro dos vertebrados adultos e continúan producindo neuronas durante toda a vida. As diferenzas no tamaño do sistema nervioso central están entre as distincións máis importantes entre as especies e, deste modo, as mutacións nos xenes que regulan o tamaño do cerebro están entre os impulsores máis importantes da evolución dos vertebrados.
Xabier Deive Martínez, nado en Narón o 14 de maio de 1970 e finado o 18 de xullo de 2024, foi un actor galego cunha ampla experiencia interpretativa. Traballou en teatro, cine e televisión, sendo especialmente coñecido polos seus papeis en numerosas series da Televisión de Galicia como A vida por diante, Matalobos ou Serramoura.
O estilo Rococó naceu en Francia a principios do século XVIII. Caracterízase pola opulencia e a elegancia, con cores vivas, en contraste co pesimismo e a escuridade do barroco, tendencia artística coa que é frecuentemente confundido, pero foi unha reacción contra o barroco serodio e, ao contrario que aquel, pretendía máis agradar ca impresionar. Desenvolveuse durante os reinados de Lois XV e Lois XVI. Foi substituído polo Neoclasicismo.
Patrimonio da Humanidade en Belarús
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A Eurocopa 2016, oficialmente Campionato Europeo de Fútbol da UEFA de 2016 (en francés: Championnat d'Europe de football 2016) ou UEFA EURO 2016, foi a décimo quinta edición do torneo de seleccións nacionais europeas. Celebrouse en Francia entre o 10 de xuño e o 10 de xullo e está organizada pola UEFA. Esta edición do certame foi a primeira que contou con vinte e catro de participantes na fase final, ampliándose desde 16, formato usado desde 1996. Baixo esta nova forma de disputa, a primeira fase estendeuse de 4 a 6 grupos, e os clasificados a segunda fase, de 8 a 16 equipos.
O galego de Asturias, eonaviego ou galego-asturiano refírese ao galego que se fala no occidente do actual Principado de Asturias, que chega polo norte ata uns oito quilómetros da beira oriental do río Navia. Esta é unha zona onde e constatábel a súa pertenza xeo-antropolóxica galaica tanto na toponimia e na cultura (cultos, lendas, patrimonio inmaterial) como en elementos arquitectónicos diferentes como os cabazos (hórreos) ou os lousados das casas, semellantes aos da bisbarra da Mariña ou da Terra Chá. En xaneiro de 2016 o concello da Veiga declarou o galego (baixo a denominación de galego-asturiano) lingua oficial do concello, converténdose deste xeito na primeira localidade da chamada "Galicia estremeira" en situalo en pé de igualdade co castelán.
Unha plataforma de abrasión, rasa mareal ou rasa litoral é unha plataforma rochosa costeira, ao nivel da marea baixa, que aparece por diante dun cantil rochoso. Trátase dunha formación debida á erosión do mar sobre o cantil, que só se produce cando se dan unha serie de factores como son os tipos de rochas axeitados e a disposición en capas das rochas e unha diferenza intermareal significativa (altura entre a marea alta e a baixa). A rasa está, por tanto, lixeiramente por debaixo do nivel mariño e é visible na marea baixa e ante a retirada da ondada.
Diocese católica latina de Mondoñedo-Ferrol
A diocese de Mondoñedo-Ferrol (en latín: Dioecesis Mindoniensis-Ferrolensis) é unha sé territorial galega da igrexa católica latina sufragánea da arquidiocese de Santiago de Compostela. No 2004 contaba con 286.097 bautizados sobre 288.998 habitantes.
O Entroido ou carnaval é unha festa de carácter tradicional que se celebra entre os meses de febreiro e marzo, coincidindo co período inmediatamente anterior á Coresma e que se celebra principalmente en rexións de tradición católica e con menos extensión en zonas ortodoxas e moi modificado nalgunhas áreas protestantes, como é o caso do Fastelavn nalgúns dos países nórdicos. O Entroido celébrase tamén en Galiza con características particulares, con disfraces e esmorgas moi diferenciadas entre diversas poboacións: son coñecidos os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Vila de Cruces, A Estrada, Vilaboa e outros moitos, algúns dos cales están cualificados de festas de interese turístico nacional polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
O Consello de Galiza foi unha entidade política galega que se constituíu o 15 de novembro de 1944 en Montevideo e que pretendía aglutinar os deputados galegos, por riba de partidos políticos, para dotar dun órgano político a Galicia no exilio e que pretendía actuar na práctica como un goberno galego no exilio, lexitimado polo Estatuto de autonomía que se sometera a plebiscito en 1936, pero sen chegar a constituírse formalmente como a Xunta que prevía o propio Estatuto.
A orexina (/oreksina/), tamén coñecida como hipocretina, é un neuropéptido que regula a excitación, vixilia e apetito. A forma máis común de narcolepsia, a tipo 1, na cal o individuo experimenta breves perdas do ton muscular ("ataques de sono" ou cataplexia), é causada por unha falta de orexina no cerebro debido á destrución das células que a producen. A orexina pode existir en dúas formas: orexina-A e orexina-B. No cerebro humano hai de 50.000 a 80.000 neuronas produtoras de orexina, localizadas predominantemente na área prefrontal e o hipotálamo lateral.
Os surfactantes ou axentes tensioactivos son compostos que rebaixan a tensión superficial (ou tensión interfacial) entre dous líquidos, entre un gas e un líquido ou entre un líquido e un sólido. Os surfactantes poden actuar como deterxentes, axentes humectantes, emulsionantes, axentes escumantes e dispersantes. Nos organismos vivos hai compostos surfactantes naturais como o surfactante pulmonar ou axente tensioactivo pulmonar.
196 mitr (en árabe: متر 196) é un filme alxeriano de 2024 escrito, coeditado e dirixido por Chakib Taleb-Bendiab no seu debut como director. É unha coprodución internacional entre Alxeria, Tunisia, Francia e o Canadá, e está protagonizado por Meriem Medjkane, Nabil Asli e Hichem Mesbah. Gañou o Gran Premio na 28ª edición do Festival Internacional de Cinema de Rhode Island.
Un fertilizante ou adobo sintético é calquera substancia orgánica ou inorgánica de orixe natural ou sintética (diferente dos materias calcarios) que é incorporada a un vexetal, xeralmente agregada a través dos solos (raíces) ou das follas (fertilización foliar) para fornecer un ou máis nutrientes esenciais para o crecemento do mesmo.. A Real Academia Galega defíneo coma o produto químico, ou ben de orixe vexetal ou animal, que se lle bota á terra para que as plantas cultivadas nela se desenvolvan mellor e dean máis e mellores froitos , se ben hoxe xa non se poden considerar soamente os fertilizantes de solo, senón tamén os foliares (nutrición foliar). Unha avaliación recente atopou que hoxe en día entre o 30 e o 50% dos rendementos dos cultivos son atribuíbeis ao uso de fertilizantes comerciais .
A XV Brigada Internacional —tamén coñecida como Brigada Abraham Lincoln— foi unha das Brigadas Internacionais que combateron en defensa da legalidade republicana contra o bando sublevado na Guerra Civil Española. Estaba composta por voluntarios de Estados Unidos, Canadá, Irlanda e Reino Unido principalmente, e tamén de Latinoamérica. Loitou nalgunhas das principais batallas da contenda, como a de Belchite ou a de Teruel.