Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Álvaro Patricio Cunqueiro Mora (máis coñecido simplemente como Álvaro Cunqueiro) nado en Mondoñedo o 22 de decembro de 1911 e finado en Vigo o 28 de febreiro de 1981, foi un novelista, poeta, dramaturgo, xornalista e gastrónomo galego, considerado un dos grandes autores da literatura galega e da literatura española do século XX. Foi director do xornal Faro de Vigo. Ingresou na Real Academia Galega en 1963. Foi nomeado fillo predilecto de Mondoñedo en 1965.
O acceso libre é un movemento xurdido nos anos noventa co obxecto de artellar un novo sistema de comunicación científica a través das novas tecnoloxías. Xorde fundamentalmente a causa dos fortes incrementos de prezos das revistas científicas, debidos ó carácter monopolístico que lle imprimiron á información científica os grandes grupos editoriais internacionais. Nado de proxectos individuais como ArXiv.org, está sendo asumido polos organismos de investigación (Declaración de Berlín) e por institucións políticas de investigación (Parlamento británico).
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Antón Villar Ponte (tamén coñecido como Antón Vilar Ponte), nado en Viveiro o 2 de outubro de 1881 e finado na Coruña o 4 de marzo de 1936, foi un dos fundadores dunha das primeiras Irmandades da Fala e un dos principais alentadores do galeguismo de preguerra. Estudou farmacia, aínda que exerceu tamén o xornalismo. A súa obra abrangueu varios eidos (novela, ensaio, conferencias, discursos etc) e especialmente a produción dramática, transmisora do ideario galeguista.
Xosé Vizoso, nado en Mondoñedo en 1950, é un artista gráfico galego. En 1968 gañou o Premio Nacional de Escultura. Entre os seus labores destacan a restauración da catedral de Mondoñedo, entre 1966 e 1968, a conceptualización de pezas da cerámica galega Sargadelos, ou a realización do cartel do Centenario do Celta de Vigo.
Un enderezo IP é un número único, tal como un número de teléfono, usado por máquinas (normalmente computadores) para se comunicaren entre si enviando información pola Internet ou por redes locais. Converter estes números de forma que un humano comprenda mellor, a forma de enderezos de dominio, tal como www.wikipedia.org, é feito polo DNS. O proceso de conversión é coñecido como resolución de nomes de dominio.
Un ácido graxo é un ácido orgánico que leva un grupo carboxilo no extremo e unha cadea hidrocarbonada. Xeralmente a cadea é longa, lineal e non ramificada, pero en moitos organismos incluído o home hai tamén cadeas curtas ou ramificadas, normalmente con grupos metilo, ou mesmo, en bacterias, cadeas cíclicas. Os ácidos graxos son moléculas de natureza lipídica.
África do Norte é a rexión máis ao norte do continente africano, separada polo deserto do Sáhara da África Subsahariana. Segundo a ONU o norte de África abrangue os territorios seguintes: Alxeria, Exipto, Libia, Marrocos, Sudán, Tunisia e o territorio disputado do Sáhara Occidental. As cidades autónomas españolas de Ceuta e Melilla son xeograficamente parte da África do Norte xunto con enclaves menores como: Perejil, Peñón de Vélez de la Gomera, Illa de Alhucemas e as Chafarinas, así como as illas Canarias, Madeira e Salvaxes, Mauritania, Malí, o Níxer e o Chad.
Alfabeto (chegou dende o latín, mais procede do grego alphabetos, -ou, formado a partir das dúas primeiras letras, alpha e beta) denota o conxunto organizado de letras e tamén un sistema de escrita, o máis común no mundo occidental. Na primeira acepción é sinónimo de abecedario e na segunda úsase en contraposición co alifato ou o abxad consonánticos ou os silabarios, busca representacións fonemáticas, non sempre biunívocas. Ten unha orde fixa, que se emprega por exemplo para a ordenación en dicionarios, enciclopedias ou glosarios en papel, ou en listas de cousas.
Amnistía Internacional é un movemento mundial integrado por persoas cuxo fin é contribuír a que se respecten os dereitos humanos, traballando por eses dereitos proclamados na Declaración Universal e noutras normas internacionais. Promovendo a súa observancia e a súa concienciación pública con actividades de acción, así como por medio da educación e da presión para que se ratifiquen e apliquen nos tratados. Está formado por máis dun millón e medio de persoas, de máis de 150 países e territorios, que dedican o seu tempo e o seu esforzo para traballar por un mundo no que todas as persoas gocen de todos os dereitos humanos e para apoiar ás vítimas cuxos dereitos foron violados.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O conflito árabe-israelí (en árabe: الصراع العربي الإسرائيلي Al-Sira'a Al'Arabi A'Israili; en hebreo: הסכסוך הישראלי-ערבי Ha'Sikhsukh Ha'Yisraeli-Aravi) refírese á tensión política e os conflitos armados entre o Estado de Israel e os seus veciños árabes, en particular os palestinos e comeza coa descolonización do Reino Unido e Francia da ribeira oriental do mar Mediterráneo. Existen un cúmulo de circunstancias e causas que orixinaron o conflito. A súa definición, historia e posibles solucións son materia de permanente debate e os problemas que inclúe varían co tempo.
A acción social é toda acción que teña un sentido para quen a realizan, afectando a conduta doutros, orientándose a acción mencionada por devandita afectación. Unha acción é toda conduta humana na que o individuo, ou individuos que a producen, establécena cun sentido persoal. A acción social estará referida á conduta doutros.
A trigonometría estuda as relacións entre os lados e os ángulos dun triángulo e, por extensión, as propiedades dos puntos (baricentro, circuncentro, incentro e ortocentro) e rectas (mediana, altura, mediatriz e bisectriz) notábeis dun triángulo. A palabra deriva do grego trigonon (tri', tres e gonia ángulos), triángulo, e metron, medida; é dicir, etimoloxicamente trigonometría é a medida de tres ángulos ou medida de triángulos.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A ética (do grego ēthos, "temperamento", "carácter", "costume") é a parte da filosofía que ten como obxecto de estudo os códigos morais. É a ciencia que estuda a moral. É dicir, a ética reflexiona sobre o comportamento humano, as normas morais, a súa fundamentación, a súa validez, a súa universalidade etc.
A Unión do Povo Galego (UPG) é un partido autodefinido como "comunista patriótico, porque asume a loita de liberación nacional". Ao seu redor fóronse aglutinando durante os anos setenta os sectores que logo confluirían no BNG. Ten 1300 militantes[cando?] e o seu voceiro dende 1965 é Terra e Tempo. O seu secretario xeral é Néstor Rego e dende o XII Congreso Nacional, o posto da presidencia da UPG quedou vacante trala decisión de Bautista Álvarez -un dos cofundadores do partido- de non volver presentarse á presidencia, tras ostentar este cargo dende 1977 ata 2008.
O nacionalismo galego é unha corrente política que reivindica o recoñecemento de Galiza como nación e do dereito de autodeterminación para o pobo galego. Vicente Risco na súa Teoría do nacionalismo galego definiuno así: É tamén un movemento social, coas súas dimensións culturais e políticas. Os historiadores recoñecen ó longo dos séculos, desde a prehistoria ata a nosa época, a formación dun pobo galego e da súa peculiar unidade.
A República de Haití (en crioulo haitiano: Repiblik Dayti; en francés: République d’Haïti) é un país do Caribe, na parte occidental da illa A Española, limitando, xa que logo, con República Dominicana polo leste; ao norte ten o océano Atlántico e ao sur e ao oeste ten o mar Caribe. O seu territorio comprende igualmente a illa La Gonâve, a illa da Tartaruga, o arquipélago das illas Cayemites e a Illa da Vaca, así como outros diversos illotes. A inhabitada illa de La Navasse é reclamada por Haití ante a administración dos Estados Unidos.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Galiza estremeira é a denominación que reciben todos aqueles territorios galegofalantes, que se atopan fóra das fronteiras de Galiza, baixo a administración de Castela e León e Asturias. Ligados lingüística, cultural e tradicionalmente a Galiza, existe neles e arredor deles, a reivindicación histórica de pertenza á cultura galega e nalgúns casos de incorporación ou reincorporación á propia Galiza, utilizándose neste último caso a denominación de Galiza irredenta moi a miúdo ou mesmo outras denominacións como Faixa Leste.
O Banco Mundial é unha institución financeira internacional que proporciona préstamos aos países en vías de desenvolvemento para os programas de capital. Componse de dúas institucións: o Banco Internacional para a Reconstrución e o Desenvolvemento (BIRD) e a Asociación Internacional para o Desenvolvemento (AID). O Banco Mundial é un compoñente do Grupo do Banco Mundial, e membro do Grupo para o Desenvolvemento das Nacións Unidas.
A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín.
2004 (MMIV) foi un ano bisesto comezado en xoves, e terminado en venres, segundo o calendario gregoriano; foi ano santo xacobeo, cuarto do terceiro milenio e quinto da década de 2000. Foi designado o Ano Internacional do Arroz polo Consello Económico e Social das Nacións Unidas. Foi tamén o Ano do Mono e do elemento madeira, segundo o horóscopo chinés.
O Museo do Louvre (en francés: Musée du Louvre) é un dos museos máis importantes do mundo. Está situado en París, Francia, no palacio do Louvre. As súas coleccións son o resultado dun esforzo histórico: por unha banda, as coleccións reais, por outra, o esforzo dos homes da Ilustración e o labor desamortizador da Revolución francesa.
A hematopoese (do grego αἷμα, "sangue" e ποιεῖν "facer"), tamén chamada hemopoese, hemocitopoese ou hematoxénese (as formas con i como hematopoiese etc. non se recomendan en galego) é a formación das células do sangue, é dicir, de eritrocitos, leucocitos e plaquetas. Todos os compoñentes celulares do sangue derivan de células nai hematopoéticas que se encontran na medula ósea, a cal é, por tanto, o lugar onde ten lugar normalmente a hematopoese no adulto.
A lingüística é o estudo científico tanto da estrutura das linguas naturais como do coñecemento que os falantes posúen delas. O eido da lingüística pode dividirse, na práctica, en termos de tres dicotomías: lingüística sincrónica versus lingüística diacrónica, lingüística teórica versus lingüística aplicada, microlingüística versus macrolingüística. Unha descrición sincrónica dunha lingua describe a lingua tal e como é nun determinado intre; unha descrición diacrónica ocúpase do desenvolvemento histórico desa lingua e dos cambios estruturais que tiveron lugar nela.
Oasis foi unha banda británica de rock formada en Manchester no ano 1991. Nos seus comezos estaba formada por Liam Gallagher (vocalista), Paul Arthurs (guitarrista), Paul McGuigan (baixista) e Tony McCarroll (batería), e tocaban baixo o nome de The Rain. Mudaron o seu nome a Oasis cando, invitado polo seu irmán máis novo, entra no grupo Noel Gallagher, converténdose en líder, guitarrista principal e compositor da banda.
Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) constitúen un país soberano configurado como Estado federal constitucional composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico.
Ofensiva acerbaixana en Nagorno-Karabakh de 2023
Entre o 19 e o 20 de setembro de 2023, Azerbaidján lanzou unha ofensiva militar a grande escala contra o estado secesionista autoproclamado de Artsakh, un movemento visto como violación do cesamento ao fogo asinado logo da segunda guerra de Nagorno-Karabakh en 2020. A ofensiva tivo lugar na disputada rexión de Nagorno-Karabakh, que é recoñecida internacionalmente como parte de Azerbaidján, mais está poboada por armenios. O obxectivo declarado da ofensiva era o desarme completo e a rendición incondicional de Artsakh, así como a retirada de todos os soldados de etnia armenia presentes na rexión.
Cristiano Ronaldo dos Santos Aveiro, OIH, nado en Funchal (Madeira) o 5 de febreiro de 1985, máis coñecido como Cristiano Ronaldo (AFI: kɾɨʃˈtiɐnu ʁuˈnaɫdu), é un futbolista portugués. Xoga como extremo e en 2023, Cristiano Ronaldo deixou de mutuo acordo o Manchester United da Premier League inglesa e asinou con o Al-Nassr FC na Saudi Professional League. É considerado un dos mellores futbolistas do mundo e un dos deportistas máis seguido polos medios de comunicación de masas.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
A familia é, en bioloxía, a unidade sistemática ou taxonómica situada entre a orde e o xénero, ou entre a superfamilia e a subfamilia se estivesen descritas. En botánica a desinencia latina da familia é -aceae, e en galego -áceas, agás algunhas familias debido ao uso tradicional do nome. En zooloxía a desinencia latina da familia é -idae, e en galego -idos (en palabra sempre esdrúxula).
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Marianne Evelyn Gabriel Faithfull, nada en Hampstead, Londres, o 29 de decembro de 1946, é unha cantante, compositora e actriz inglesa. Acadou popularidade na década de 1960 coa publicación do seu éxito "As Tears Go By" e converteuse nunha das artistas femininas principais durante a British Invasion dos Estados Unidos.
A célula (do latín cellula, que significa 'cuarto pequeno, cela') é a unidade estrutural e funcional mínima con vida, a cal é capaz de realizar tódalas funcións características ou vitais de calquera organismo vivo: a nutrición, a relación co medio que a rodea e a reprodución. Todos os seres vivos existentes posúen, cando menos, unha célula. Estes seres formados por unha soa célula son os chamados organismos unicelulares, mentres que se están constituídos por un conxunto de varias (ata miles de millóns) reciben o nome de organismos pluricelulares.
Manuel María Fernández Teixeiro, nado en Outeiro de Rei o 6 de outubro de 1929 e finado na Coruña o 8 de setembro de 2004, foi un poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, destacado polo seu carácter combativo e máis polo seu compromiso político. O 19 de abril do ano 1970 foi elixido membro correspondente da Real Academia Galega, mais renunciou en 1975 ao entender que a institución non estaba á altura que esixía o momento histórico. Nas eleccións municipais de 1979 presentouse como cabeza de lista á alcaldía de Monforte de Lemos, e foi nomeado concelleiro de Augas e Recollida do lixo.
Un virus (do latín virus 'toxina' ou 'veleno') é un axente infeccioso microscópico non celular que só pode replicarse penetrando no interior dunha célula. Os virus afectan todo tipo de organismos, desde animais e plantas a bacterias e arqueas. Unha partícula de virus completa e infectiva fóra (xeralmente) da célula denomínase virión.
Asia ( pronunciación ) é o maior e máis poboado dos cinco continentes do planeta Terra localizado principalmente nos hemisferios norte e oriental. Abrangue un terzo das partes sólidas da superficie da Terra e é responsábel por albergar case tres quintos da poboación mundial. Limita ó norte a (Rusia) co océano Glaciar Ártico, ó leste co océano Pacífico e ó sur co océano Índico, ó oeste co mar Vermello, onde se xunta coa África pola canle de Suez.
Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Slovenija), oficialmente República de Eslovenia ( pronunciación ) (en esloveno: Republika Slovenija [rɛˈpùːblika slɔˈʋèːnija] ), é un país do sur da Europa central que fai fronteira con Italia polo oeste, co mar Adriático polo suroeste, con Croacia polo sur e o leste, con Hungría polo nordeste e con Austria polo norte. A principal cidade eslovena e capital do estado é Liubliana. Durante a súa historia Eslovenia formou parte do Imperio Romano, o Imperio Bizantino, a República de Venecia, o Ducado de Carantania (só o a parte norte do país), o Sacro Imperio Romano Xermánico, a monarquía dos Habsburgo, o Imperio Austríaco (máis tarde chamado Imperio Austrohúngaro), o efémero Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios, o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos (chamado Reino de Iugoslavia a partir 1929) entre a primeira e a segunda guerra mundial, e a República Federal Socialista de Iugoslavia dende o ano 1945 até o ano 1991, cando o país obtivo a súa independencia.
A historia de Galiza abrangue a historia de Galiza e dos seus estados predecesores. Comeza arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
A xenética (do grego antigo γενετικός genetikos, "xenitivo", e esta forma de γένεσις genesis, "orixe"), disciplina da bioloxía, é a rama da ciencia que estuda a herdanza e variación xenética nos seres vivos. O modo como os seres vivos herdan os trazos dos seus proxenitores foi usado desde tempos prehistóricos para mellorar os cultivos de plantas e animais a través da selección de cultivos. Non obstante, a xenética moderna, a cal intenta entender o proceso de herdanza, só comeza co traballo de Gregor Mendel a metade do século XIX. Aínda que non sabía nada sobre as bases físicas da herdanza, Mendel observou que os organismos herdan os trazos por medio de unidades discretas; estas unidades básicas de herdanza son hoxe coñecidas como xenes.
O correo electrónico, (en inglés email ou e-mail) trátase dun medio usado para o envío de mensaxes usando fases similares ó correo tradicional, pero por medios totalmente electrónicos. Tamén se poden achegar documentos electrónicos ou outros arquivos. Hoxe en día, a maioría dos sistemas de correo electrónico utilizan Internet, e é un dos seus servizos máis populares.
O alfabeto grego é o alfabeto utilizado para escribir o grego desde arredor do século IX a.C. Deriva do alfabeto fenicio e foi a primeira escrita da historia en ter letras distintas para as vogais e para as consoantes. Dente o século IV a.C., o alfabeto euclidiano, de vinte e catro letras converteuse no estándar e é a versión que aínda se emprega para escribir o grego na actualidade. En época arcaica tiña distintas variedades: basicamente unha occidental (da que provén o alfabeto etrusco e o latino) e outra oriental (da que proveñen o alfabeto xónico, que foi considerado o clásico, e del o cirílico, o armenio,...).
A Confederación Xermánica ou Confederación Alemá (en alemán, Deutscher Bund) foi unha unión estabelecida en 1815 polo Congreso de Viena que agrupou 39 estados alemáns nunha confederación de estados soberanos baixo a presidencia da Casa de Austria. Sucedeu a Confederación do Rin, creada en 1806 por Napoleón I en substitución do Sacro Imperio Romano Xermánico.
América do Sur ( pronunciación ), tamén chamada Suramérica ( pronunciación ), anteriormente coñecida simplemente como América (1507-1538), é o subcontinente austral de América. Está atravesada pola liña ecuatorial no seu extremo norte, quedando así a maior parte do seu territorio comprendida dentro do hemisferio sur. Está situada entre o océano Atlántico e o océano Pacífico, que delimitan os extremos leste e oeste respectivamente, mentres que o mar Caribe delimita polo norte e o océano Antártico o seu extremo sur.
Sófocles (en grego Σοφοκλής, Sophoklēs, pronunciación grega clásica: [so.pʰo.klɛ̂ːs]), nado en Colono, Atenas (Grecia) no 496 a.C e finado na mesma cidade no 406 a.C., foi un poeta tráxico da Antiga Grecia, autor de obras como Antígona ou Edipo rei. Sitúase, xunto con Esquilo e Eurípides, entre as figuras máis destacadas da traxedia grega. De toda a súa produción literaria só se conservan sete traxedias completas, que son de importancia capital para o xénero.
Immanuel Kant, nado en Königsberg o 22 de abril de 1724 e finado na mesma vila o 12 de febreiro de 1804, foi un filósofo prusiano considerado a figura central da filosofía moderna. Kant sostivo que a mente humana crea a estrutura da experiencia humana, que a razón é a fonte da moral, que a estética xorde dunha facultade de xuízo desinteresado, que o espazo e tempo son formas da nosa sensibilidade e que o mundo tal como é «en si» é independente dos nosos conceptos sobre el. Kant provocou unha revolución copernicana da filosofía, semellante ao xiro de Copérnico da crenza milenaria de que o Sol xiraba en torno á Terra.
Nova Zelandia ou Nova Celandia (en inglés: New Zealand /njuːˈziːlənd/, e en maorí: Aotearoa) é un país insular de Oceanía que se localiza no suroeste do océano Pacífico, formado por dúas grandes illas, a Illa Norte e a Illa Sur, xunto a outras moitas illas menores, destacando entre elas a Illa Stewart e as Illas Chatham. O Reino de Nova Zelandia tamén inclúe as Illas Cook e Niue (estados autónomos en libre asociación), e Tokelau. Nova Zelandia, notable polo seu illamento xeográfico, está situada preto de 2000 quilómetros ao sueste de Australia no mar de Tasmania, e os seus veciños máis próximos ao norte son Nova Caledonia, Fidxi e Tonga.
O río Pereiro é un afluente do río Ulla que discorre polos concellos de Vedra e Teo na provincia da Coruña. Fórmase na unión do río Saramo e o Rego do Foxo, na parroquia de Vedra e desemboca no Ulla en Agromaior, xa no concello de Teo. O Saramo nace en Santiago de Compostela, pasa por Boqueixón e en Vedra únese co Pereiro.
Malta ( pronunciación ) (en maltés: Malta, [ˈmɐl.tɐ] (AFI); en inglés: Malta, [ˈmɔːl.tə] (AFI), escoitar), oficialmente República de Malta ( pronunciación ) (en maltés: Repubblika ta' Malta, [rɛˈpʊbb.lɪ.kɐ ˈtɐ ˈmɐl.tɐ] (AFI); en inglés: Republic of Malta) é un pequeno país europeo, que consta dun arquipélago de tres illas moi próximas unhas das outras. Atópase 80 km ao sur de Sicilia (Italia), 284 km ao leste de Tunisia, e 333 km ao norte de Libia. As linguas oficiais son o maltés e inglés, e o 66% da poboación actual de Malta polo menos conversa en lingua italiana.
A ciencia é, en sentido amplo, calquera coñecemento organizado. Pero, en sentido máis restritivo, é o conxunto dos sistemas de coñecemento organizado con obxectos e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar (o que se chama o método científico), e tamén ao sistema empregado para adquirir ditos coñecementos. Este artigo está de acordo co sentido máis restritivo da palabra.
A Guerra de Croacia ou Guerra da Independencia de Croacia (en croata: Domovinski Rat, Guerra da Patria), en serbio: Рат у Хрватској ou Rat u Hrvatskoj, Guerra en Croacia) foi un conflito bélico que tivo lugar en Croacia desde 1991 até 1995. Inicialmente, a guerra desenvolveuse entre Croacia e o Exército Popular Iugoslavo (JNA). Máis tarde, o conflito derivou nunha loita entre as tropas da nova Croacia independente e as forzas rebeldes da minoría serbia, que á súa vez proclamou a República Serbia de Krajina.
Apartheid é unha palabra da lingua afrikaans que significa vida separada e que foi adoptada legalmente en 1948 en Suráfrica para designar un réxime segundo o cal os brancos tiñan o poder e os pobos restantes eran obrigados a vivir separadamente, de acordo con regras que lles impedían ser verdadeiros cidadáns. A tradución máis común ao galego sería segregación racial, ou aínda política de segregación racial. A ideoloxía do apartheid tamén se aplicou en África do Suroeste, administrada por Suráfrica como mandato da Liga de Nacións (revogado en 1966 pola Resolución das Nacións Unidas 2145), e que estivo en vigor ata que logrou a súa independencia en 1990.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Termodinámica dos ácidos nucleicos
A termodinámica dos ácidos nucleicos é o estudo de como a temperatura afecta á estrutura en dobre hélice dos ácidos nucleicos, fundamentalmente do ADN bicatenario. Cando un ADN bicatenario perde a súa estrutura en dobre hélice e as súas dúas febras se separan dise que se produciu a desnaturalización do ADN. A temperatura de fusión do ADN (ou Tm, do inglés melting temperature) defínese como a temperatura á cal a metade da lonxitude das fibras do ADN perde a súa estrutra habitual en dobre hélice e pasa a un estado monocatenario ou de enrolamento aleatorio. Por tanto, esta "fusión" non significa que o ADN pase ao estado líquido, senón que ten que ver co seu estado bicatenario ou monocatenario.
Myanmar, oficialmente República da Unión de Myanmar (en birmano: ပြည်ထောင်စုသမ္မတ မြန်မာနိုင်ငံတော် Pyidaunzu Thanmăda Myăma Nainngandaw), anteriormente coñecido como Birmania, é un país do Sueste asiático. Ten fronteira común coa India e Bangladesh polo oeste, con Laos e Tailandia polo leste e coa China polo norte e o nordeste. Polo sur, arredor dun terzo do perímetro total de Myanmar (de 5 876 km) forma unha liña costeira ininterrompida de 1 930 km ó longo do golfo de Bengala e o mar de Andaman.
A anxiotensina é unha hormona peptídica que causa vasoconstrición e un incremento da presión arterial. Forma parte do sistema renina-anxiotensina, que regula a presión sanguínea. A anxiotensina tamén estimula a liberación de aldosterona no córtex adrenal para promover a retención de sodio nos riles.
Os Premios Nobel (en sueco, Nobelpriset; en noruegués, Nobelprisen) son uns galardóns internacional que se outorgan cada ano para recoñecer persoas ou institucións que levaran a cabo investigacións, descubrimentos ou contribucións notables á humanidade no ano anterior ou no transcurso das súas actividades. Sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, Alfred Nobel, un industrial sueco inventor da nitroglicerina, instituíu en 1895 os premios que levan o seu nome como última vontade e para ser lembrado. Comezaron a entregarse en 1901 nas categorías de Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Paz.