Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
San Vicente de Meá é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Mugardos. Segundo o IGE en 2018 tiña 573 habitantes (297 mulleres e 276 homes) distribuídos en 22 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 767 habitantes. Ten unha extensión de 2,07 km² e unha densidade de poboación de 294,69 hab./km².
AWStats é unha ferramenta de código aberto que realiza informes analíticos das páxinas web, fornecendo datos de servizos de Internet como un servidor web, streaming, correo e FTP. AWstats analiza os ficheiro de log do servidor, e en base a eles produce informes en linguaxe de programación HTML. Os datos son presentados visualmente en informes de táboas e gráficas.
As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Dmitri Ivánovich Mendeléiev (ruso: Дмитрий Иванович Менделеев), nado en Tobolsk o 8 de febreiro de 1834 e finado en San Petersburgo o 2 de febreiro de 1907, foi un destacado químico ruso, catedrático da Universidade Imperial de San Petersburgo, famoso por descubrir a lei periódica en 1869 coa que clasificaba os elementos químicos na táboa periódica dos elementos. Esta clasificación permitiulle prever a existencia de elementos químicos aínda non descubertos, como o galio, o xermanio e o escandio, predicir con moita exactitude as súas propiedades, así como detectar erros nos valores de propiedades de elementos xa coñecidos, como a masa atómica. Doutra banda, tamén foi o descubridor da temperatura crítica (que el chamou temperatura absoluta de ebulición) e formulou por primeira vez a ecuación de estado dos gases ideais, p V = n R T {\displaystyle pV=nRT} , identificando a constante dos gases R {\displaystyle R} como unha constante universal e calculando o seu valor con moita precisión.
Rinoceronte Editora é unha editorial galega creada en 2005 por iniciativa de Moisés Barcia Rodríguez, o tradutor galego da triloxía O Señor dos Aneis, e Penélope Pedreira. Ten a súa sede en Cangas e está especializada na publicación de obras traducidas ao galego. Ademais de Rinoceronte, a empresa tamén conta con outros selos editoriais: Sushi Books (creado en 2013 cun catálogo en galego, castelán, catalán e éuscaro), Morgante Edicións (selo de carácter xeneralista de autores galegos e tamén foráneos), Edicións Barbantesa (proxecto creado en maio de 2010 para acoller as novas voces poéticas galegas), e Esplanadi (selo que recolle obras da literatura finesa).
Vicente Martínez Risco e Agüero, nado en Ourense o 30 de setembro de 1884 e finado na mesma cidade o 30 de abril de 1963, foi un intelectual galego do século XX. Membro da xeración Nós, é considerado un dos meirandes teóricos do nacionalismo galego. Constitúe unha das figuras máis importantes e complexas da historia da literatura galega.
Spider-Man: Homecoming é un filme estadounidense de 2017 dirixido por Jon Watts. É un filme de superheroes de Marvel Comics sobre a personaxe de Spider-Man, coproducido por Columbia Pictures e Marvel Studios, e distribuído por Sony Pictures Releasing. É o segundo "reboot" de Spider-Man e o décimo sexto filme do Universo Cinematográfico Marvel (MCU).
Boyanka Kostova (grupo musical)
Boyanka Kostova, formado en 2016, é un dúo galego de música trap formado por Cibrán García e Chicho (O Chicho do Funk). A banda procede de Santiago de Compostela e pertence ao selo e produtora compostelá La Melona. O seu nome procede da atleta búlgara de halterofilia do mesmo nome e son considerados os pioneiros do trap en galego.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 220.039.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
Abu Dhabi TV (en árabe: تلفزيون (مرناة) أبوظبي) é unha cadea de televisión árabe que comezou no ano 1969; no 2000 foi relanzada de novo e outra vez relanzada no ano 2008. Emite dende Abu Dabi, capital dos Emiratos Árabes Unidos e a propiedade é do Abu Dhabi Media Company. Aínda que sexa unha canle xenérica, Abu Dhabi TV foi famosa pola súa cobertura informativa na Guerra do Iraq en 2003.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Xoán Carlos I de España, nado en Roma o 5 de xaneiro de 1938, foi rei de España entre 1975 e 2014, mantendo tras a súa abdicación o título de rei só con carácter honorífico. Foi proclamado o 22 de novembro de 1975, trala morte de Francisco Franco, de acordo coa Lei de Sucesión na Xefatura do Estado de 1947. A Constitución española, ratificada por referendo popular o 6 de decembro de 1978 e promulgada o 27 de decembro do mesmo ano, recoñéceo expresamente como rei de España e lexítimo herdeiro da dinastía histórica de Borbón, outorgándolle a xefatura do Estado.
Groenlandia ou Grenlandia (en groenlandés: Kalaallit Nunaat, "Terra dos Groenlandeses"; en dinamarqués: Grønland) é un territorio de Dinamarca, situado xunto ao océano Ártico e ao norte do océano Atlántico. É a illa máis grande do mundo, estando case o 84% da súa superficie cuberta por xeo, ademais de ser o país cunha menor densidade de poboación. Aínda que fisicamente é parte do continente norteamericano, Groenlandia atópase politicamente ligado a Europa dende hai máis dun milenio, pertencendo ata 1814 a Noruega pasando, ese mesmo ano, ao dominio de Dinamarca.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Os verbos regulares, en contraposición ós verbos irregulares, son aqueles que se ateñen estreitamente aos paradigmas ou modelos de conxugación máis empregados na lingua. En galego hai tres paradigmas de verbos regulares: a primeira conxugación, cuxos infinitivos terminan en -ar; a segunda, terminan en -er e a terceira, en -ir. Dentro da conxugación regular pode considerarse tamén unha conxugación estendida por medio de perífrase verbais que sinalan distintos tipos de aspecto e modo verbal.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
Igrexa de Santa María de Baredo
Santa María de Baredo ou Nosa Señora da Cela de Baredo é unha igrexa construída entre 1811 e 1815, na parroquia de Baredo, no concello pontevedrés de Baiona.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
A Relación de las Exequias que hiço la Real Audiencia del Reyno de Galiçia, á la Magestad de la Reyna D. Margarita de Austria nra Señora (q Dios tiene), coñecida mellor como as Exequias da Raíña Margarida son un conxunto de escritos tanto en verso como en prosa, en castelán, galego e latín, dedicados á raíña Margarida de Austria-Estiria tras a súa morte no ano 1611, baixo a autoría de Xoán Gómez Tonel (coordinador) e Pedro Vázquez de Neira, entre outros. A obra recolle as honras fúnebres de Margarida celebradas pola Real Audiencia de Galicia no mosteiro de San Francisco da Coruña.
Ánxel Casal Gosenxe, nado na Coruña o 17 de decembro de 1895 e asasinado en Cacheiras (Teo) o 19 de agosto de 1936, foi un editor e político galego. Para Alonso Montero: sen Ánxel Casal, mesmo sen os seus criterios empresariais, non se entende o discurso político e literario galeguista como discurso público, e segundo Ramón Villares, Casal foi no campo da industria cultural o que Risco no da teoría nacionalista, Otero na prosa romancística ou Castelao no deseño e, desde logo, no liderado político.
Beariz é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca do Carballiño. Segundo o Padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 973 persoas (1477 en 2003). Limita cos concellos de Forcarei e A Lama na provincia de Pontevedra e Boborás, O Irixo e Avión na provincia de Ourense.
House, tamén coñecida como House, M.D., é unha serie de televisión estadounidense emitida orixinalmente na cadea Fox durante oito tempadas, dende o 16 de novembro de 2004 ata o 21 de maio de 2012. O protagonista da serie é o doutor Gregory House (Hugh Laurie), un xenio da medicina pouco convencional e misántropo que, malia a súa dependencia de ós calmantes, lidera un equipo de diagnose no hospital ficticio Princeton–Plainsboro de Nova Jersey. A idea para a premisa da serie partiu de Paul Attanasio, mentres que David Shore, acreditado como o creador da serie, foi o responsable principal da concepción do personaxe protagonista.
Belarús (en belaruso: Беларусь, "Biełaruś", [bʲɛlaˈrusʲ] (AFI); en ruso: Белоруссия, "Belorussia"), oficialmente a República de Belarús, é un país sen saída ao mar de Europa Oriental. Limita ao norte con Letonia, ao norte e ao leste con Rusia, ao sur con Ucraína, ao leste con Polonia e ao leste e ao norte con Lituania. A súa capital é Minsk, e outras cidades de importancia son Brest, Hrodna, Homieĺ, Mahilioŭ e Viciebsk.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Camilo Buenaventura Díaz Baliño, nado en Ferrol o 14 de xullo de 1889 e asasinado en Saa (Meixide, Palas de Rei) o 14 de agosto de 1936, foi un escritor, pintor, debuxante, ilustrador de libros, muralista, cartelista, escenógrafo e versátil artista gráfico galego, membro da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, das Irmandades da Fala desde 1918, do Seminario de Estudos Galegos desde 1926 e do Partido Galeguista. Colaborou nas coleccións Lar e Céltiga e noutras obras da literatura galega.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
República Democrática do Congo
A República Democrática do Congo (République Démocratique du Congo en francés, Repubilika ya Kongo Demokratika en congo, Jamhuri ya Kidemokrasia ya Kongo en kiswahili, Republiki ya Kɔ́ngɔ Demokratiki en lingala e Ditunga día Kongu wa Mungalaata en tshiluba), tamén coñecida baixo os nomes de Congo Kinshasa e Congo, é un país de África central, coñecido de 1971 a 1997 baixo o nome de Zaire. Foi unha antiga colonia belga: o Congo Belga. A capital é Kinshasa.
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2024, ano dedicado a Luísa Villalta, 64 autores (6 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 62 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo).
Unha espada (do latín "spatha", que tamén serviu para denominar á espada romana de cabalaría, que é longa e recta) é unha arma branca dun ou dous gumes que consiste basicamente nunha folla recta cortante, punzante —ou ambas cousas—, con empuñadura, e de certa envergadura ou "marca" (denomínase marca a unha lonxitude a partir de aproximadamente do medio metro). Segundo a definición estrita non serían espadas os sabres, as catanas etc. Nun senso meirande, téndese a entender por espada calquera arma branca de certa envergadura, independentemente do estilo da folla.
O contido libre ou información libre é un concepto que abarca calquera obra funcional, de arte ou outro contido creativo que non posúe restricións legais significativas en relación co dereito de uso, a redistribución e a creación de versións modificadas ou derivadas por parte de terceiros. O contido libre abarca todas as obras no dominio público e aquelas que teñen dereitos de autor pero que están suxeitas a unha licenza que outorga e protexe as liberdades mencionadas. Dado que, por omisión, a lei outorga aos propietarios de dereitos un control total sobre as súas creacións (todos os dereitos reservados), é necesario declarar de forma explícita que unha obra é libre, xeralmente por medio da referencia ou inclusión de cláusulas de licenza que acompañan a obra.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
San Petersburgo, en inglés Saint Petersburg e normalmente denominada polos seus habitantes como unicamente St. Pete, é unha cidade duns 250.000 habitantes situada no condado de Pinellas, no estado da Florida (Estados Unidos). A cidade é ben coñecida por ser destino turístico de moitos norteamericanos e europeos, sendo alcumada A Cidade Soleada (The Sunshine City).
SonDeSeu é a primeira orquestra de música folk e tradicional de Galiza, considerada como unha das primeiras orquestras folk de Europa, formada por 67 membros e dirixida por Rodrigo Romaní. É tamén unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galiza, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións, que abranguen gaitas, percusión, zanfonas, violíns, requintas e frautas de madeira, canto, arpas e corda pulsada.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
A arte (do latín ars, artis, a través do seu acusativo singular artem) é entendida xeralmente como calquera actividade ou produto realizado polo ser humano cunha finalidade estética ou comunicativa, a través do que se expresan ideas, emocións ou, en xeral, unha visión do mundo, mediante diversos recursos, como os plásticos, lingüísticos, sonoros ou mixtos. A arte é un compoñente da cultura, reflectindo na súa concepción os substratos económicos e sociais, e a transmisión de ideas e valores, inherentes a calquera cultura humana ó longo do espazo e do tempo. Adoita considerarse que coa aparición do Homo sapiens a arte tivo en principio unha función ritual, máxica ou relixiosa, pero esa función cambiou coa evolución do ser humano, adquirindo un compoñente estético e unha función social, pedagóxica, mercantil ou simplemente ornamental.
O conflito árabe-israelí (en árabe: الصراع العربي الإسرائيلي Al-Sira'a Al'Arabi A'Israili; en hebreo: הסכסוך הישראלי-ערבי Ha'Sikhsukh Ha'Yisraeli-Aravi) refírese á tensión política e os conflitos armados entre o Estado de Israel e os seus veciños árabes, en particular os palestinos e comeza coa descolonización do Reino Unido e Francia da ribeira oriental do mar Mediterráneo. Existen un cúmulo de circunstancias e causas que orixinaron o conflito. A súa definición, historia e posibles solucións son materia de permanente debate e os problemas que inclúe varían co tempo.
Partido Socialdemócrata de Alemaña
O Partido Socialdemócrata de Alemaña (Sozialdemokratische Partei Deutschlands SPD) é un partido político alemán, un dos máis antigos do mundo aínda en existencia. Orixinouse no seo do movemento obreiro, e é un dos membros da Internacional Socialista. Na actualidade está dirixido por Olaf Scholz (chanceler de Alemaña dende 2021), e as mocidades do partido coñécense como Jusos.
A carriza eurasiática, comunmente carriza ou carrizo, (Troglodytes troglodytes) é un paxaro de aspecto arredondado e moi pequeno (o terceiro máis pequeno dos que viven en Europa). Esta especie é o único representante en Eurasia da familia dos trogloditas (Troglodytidae). Son aves insectívoras que cantan mesmo no inverno e fan niños moi traballados.
Grandes Lagos, América do Norte
Os Grandes Lagos, tamén chamados Grandes Lagos de América do Norte, son unha serie de cinco grandes lagos de auga doce interconectados que se estenden ao longo da fronteira entre Canadá e os Estados Unidos. Os cinco lagos son o Superior, o Michigan, o Huron, o Erie, e o Ontario (aínda que hidroloxiicamente o Michigan e o Hurón son unha soa masa de auga; están unidos polo estreito de Mackinac). A vía navegable dos Grandes Lagos permite viaxar e transportar mercadorías por auga entre os lagos.
A guerra civil española foi un conflito bélico que se desenvolveu tralo fracaso parcial do golpe de estado dun sector do exército contra o goberno democrático da Segunda República española, e que durou do 18 de xullo de 1936 até o 1 de abril de 1939, concluíndo coa vitoria do bando rebelde e coa instauración dunha ditadura de carácter fascista e con trazos propios coñecida como franquismo, debido ó apelido do ditador Francisco Franco Bahamonde. Este decretaría a fin do estado de guerra no ano 1948. O alzamento contra o goberno lexítimo estivo planificado polo xeneral Emilio Mola, encabezado polo xeneral José Sanjurjo Sacanell e secundado entre outros polo xeneral Francisco Franco Bahamonde.
Pedro Froilaz (tamén escrito Pero, así como Froylaz ou Fróilaz), foi un nobre galego nado no século XI, conde de Traba (ou Trava), Trastámara, Galiza e señor doutras tenencias e castelos. Foi o máis importante partidario do conde de Galiza Raimundo de Borgoña, quen lle confiou a crianza do seu fillo Afonso Raimúndez. Na defensa dos dereitos sucesorios do neno enfrontouse á raíña Urraca, nai do infante, e ao seu esposo Afonso o Batallador.
San Vicente e as Granadinas (en inglés: Saint Vincent and the Grenadines, /ˌɡrɛnəˈdiːnz/) é un país insular do Caribe, constituído pola illa de San Vicente e pola metade norte da cadea das Granadinas. Ten fronteiras marítimas con Santa Lucía ao nordeste e con Granada ao suroeste, e é un dos países máis próximos de Barbados. A súa capital é Kingstown.
A zona económica exclusiva (ZEE) ou o mar patrimonial é unha faixa marítima de 200 millas (370,4 km) máis aló da liña base costeira (augas interiores). O seu baseamento está na Convención das Nacións Unidas sobre o Dereito no Mar de 1982. No caso de Galiza as augas interiores son as rías e a extensión máis próxima de auga que queda entre os puntos máis afastados da costa unidos entre si.