Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
José Miguel Conejo Torres, nado en Madrid, o 30 de abril de 1980, máis coñecido como Leiva, é un músico e cantautor español de pop rock. Entre 2001 e 2011 formou parte xunto a Rubén Pozo da banda de pop rock Pereza, coa que gravou 6 discos. Tras a disolución do grupo, iniciou unha carreira en solitario na que leva 4 discos gravados.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
José Antonio Domínguez Banderas, nado en Benalmádena (Provincia de Málaga) o 10 de agosto de 1960, é un actor andaluz. É o intérprete masculino máis internacional de España e está considerado como unha estrela do panorama cinematográfico de Hollywood. De feito, Antonio Banderas foi o primeiro actor español que conseguiu estabilizarse no cine estadounidense.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Patricia López Andrés, máis coñecida como Patri López, nada en Melide o 29 de novembro do 2000, é unha deportista galega multidisciplinar. Xogou ao fútbol como lateral dereito no Deportivo da Coruña. Antes de centrarse no fútbol foi campioa do mundo en idade escolar de kick boxing en dúas modalidades (semi contact e light contact), campioa de España infantil en loita olímpica e campioa de España infantil de esgrima.
Azotobacter salinestris é unha especie de bacteria gramnegativa fixadora de nitróxeno; o seu nome específico, salinestris, significa que vive no sal', das palabras latinas salinus e estris. Pode encontrarse vivindo no solo ou en hábitats mariños como célula separada ou formando cadeas de seis a oito células. É un organismo móbil flaxelado nos seus estados iniciais, pero despois perde os seus flaxelos.
As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións.
Os biopolímeros son polímeros naturais producidos polas células dos organismos vivos. Igual que outros polímeros, os biopolímeros constan de unidades monómeras que están enlazadas covalentemente formando cadeas que orixinan grandes moéculas. Hai tres clases principais de biopolímeros, clasificadas de acordo cos monómeros de que constan e da estrutura do biopolímero formado, que son: polinucleótidos, polipéptidos e polisacáridos.
Rocío Pérez Armenteros, nada en Alcalá la Real (provincia de Xaén) o 13 de xullo de 1989 é unha cantante, compositora e actriz andaluza, máis coñecida polo seu nome artístico Roko compuxo cancións de estilo soul principalmente en castelán, aínda que tamén noutros idiomas. Maqueta temas para outros artistas e traballa con Antonio Ferrara que é colaborador de Carlos Jean. O seu disco de cabeceira é Un día en el mundo, de Vetusta Morla.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
O portugués é unha lingua romance nada na alta Idade Media na Gallaecia, que agora é Galiza e o norte de Portugal. Estendeuse polo mundo nos séculos XV e XVI, na época en que Portugal fundou un imperio colonial, incluíndo o Brasil en Suramérica, Goa na India e Macau na China. Daquela xurdiron tamén varias linguas crioulas baseadas no portugués, sobre todo en África, Asia e o Caribe.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Kosovo (en albanés, Kosova ou Kosovë; en serbio, Косово), oficialmente República de Kosovo (en albanés, Republika e Kosovës; en serbio, Република Косово), é un estado parcialmente recoñecido situado no centro da península dos Balcáns, ao sueste de Europa. Kosovo declarou unilateralmente a súa independencia de Serbia o 17 de febreiro de 2008, e dende entón, obtivo o recoñecemento diplomático como estado soberano por parte de 101 estados membros da ONU. Limita con Serbia ao norte e ao leste, con Macedonia do Norte ao sueste, con Albania ao suroeste e con Montenegro ao noroeste. Abrangue unha superficie de 10 980 km2 e posúe unha poboación estimada de 1 806 279 (2022).
A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e actualmente ten un total de 220.351.
As aves son animais vertebrados, de sangue quente, que camiñan, saltan ou se manteñen só sobre as extremidades posteriores, mentres que as extremidades anteriores evolucionaron até converterse en ás que, do mesmo xeito que moitas outras características anatómicas únicas, permítenlles, na maioría dos casos, voar, aínda que non todas voan. Teñen o corpo cuberto de plumas e, as aves stricto sensu, un bico córneo sen dentes. Para reproducírense poñen ovos que incuban até a súa eclosión.
«Jarama Valley» (O val do Jarama) é unha canción da Guerra civil española. Ten a base na melodía de «Red River Valley» (O val do Río Vermello), canción folclórica dos EUA. Trata sobre a batalla do Xarama, que se librou do 6 ao 27 de febreiro de 1937 preto do río Xarama, a poucos quilómetros ao leste de Madrid. As tropas do xeneral Francisco Franco, o exército colonial da África española experimentado e ben instruído, asaltaron as posicións dos voluntarios das Brigadas Internacionais, inexpertos e insuficientemente equipados, en particular o Batallón Británico e o Batallón Dimitrov.
Lista de etimoloxías dos concellos de Galicia
Nesta páxina recóllense as seccións de Toponimia que analizan a etimoloxía dos nomes dos concellos de Galicia. Para outras localidades, que deberían estar agrupadas na Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía, esta información aparecerá nos seus respectivos artigos.
O lobo prehistórico (Canis dirus) é un mamífero extinto da familia Canidae que habitou a América do Norte no Plistoceno até hai cerca de 10.000 anos atrás. A pesar de estar relacionado co lobo gris (e por consecuencia co can) e de ser o seu contemporáneo, non se considera antepasado de ningunha destas especies. O lobo prehistórico era semellante ao lobo cincento en tamaño e aspecto xeral, medindo cerca de 1,5 metros de longo con cerca de 50 kg de peso.
Dicionario da Real Academia Galega
O Dicionario da Real Academia Galega (DRAG) é un dicionario en galego, unicamente dispoñible en formato dixital, producido pola Real Academia Galega e herdeiro do Diccionario da Real Academia Galega. Foi estreado en abril do 2012, cunhas 50.000 entradas, coa pronunciación de todas as palabras. En xuño de 2013 o dicionario actualizouse e acadou as 52.000 entradas, engadíronse os sinónimos e sete criterios de busca, tendo en conta a palabra completa, o comezo, o remate, letras que a conforman, contidos da súa definición, exemplos ou tamén a que grupo de tecnolecto pertence.
Santiago de Compostela é a capital de Galicia (polo tanto, ten a sede nel o Goberno autonómico) e da comarca de Santiago, na provincia da Coruña. Segundo o Instituto Galego de Estatística, en 2022 o concello tiña 98.179 habitantes. O seu xentilicio é «santiagués» ou tamén «compostelán», e máis popularmente «picheleiro».
José Ignacio Peleteiro Ramallo, coñecido como Jota Peleteiro ou simplemente Jota, nado na Pobra do Caramiñal o 6 de xuño de 1991, é un exfutbolista galego que xogaba de mediapunta. Formado na canteira do Celta de Vigo, non encontrou sitio no primeiro equipo, polo que saíu cedido primeiro ao Real Madrid Castilla e logo ao Eibar. No club vasco foi un dos xogadores máis destacados da tempada 2013/14, sendo elixido no once ideal da Segunda División, e na antepenúltima xornada de liga anotou o histórico gol que lle deu ao equipo o ascenso á Primeira División por primeira vez na súa historia.
A posición do can é unha postura sexual na que a muller se agacha, se pon a catro patas (xeralmente nas mans e os xeonllos) ou se deita sobre o seu abdome, para manter relacións sexuais, xa sexa penetración sexual ou outra actividade sexual. O estilo can é unha forma de posición de penetración desde atrás, outros están co compañeiro que o recibe deitado de lado na posición sexual da culler ou a posición do misioneiro invertida. O sexo sen penetración nesta posición tamén pode ser considerado como estilo can.
De Ninghures é unha banda galega de música folk conformada, á altura de 2019, por un total de 7 integrantes, naturais de distintas localidades do país, tales como Carballo, Santiago de Compostela ou A Fonsagrada. Como grupo, caracterízase pola mestura de ritmos e sons de raíz galega cos equivalentes doutros pobos ibéricos, latinoamericanos ou magrebís.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Día da Independencia de Estonia
Día da Independencia (en estoniano: Eesti iseseisvuspäev), formalmente o Aniversario da República de Estonia (en estoniano: Eesti Vabariigi aastapäev), é un festivo nacional en Estonia que conmemora a Declaración de Independencia de Estonia que foi realizada na cidade capital Talín (Reval) o 24 de febreiro de 1918, estabelecendo a República de Estonia. Dende entón, é o día nacional de Estonia.
Unha medalla de prata é unha medalla que se outorga ao subcampión de diversas competicións, como por exemplo os Xogos Olímpicos, nos Campionatos Mundiais de Atletismo ou nos Campionatos Europeos de Atletismo, entre outros. Nestes Xogos, os que acaban en primeiro e terceiro lugar reciben, respectivamente, a medalla de ouro e a medalla de bronce. Porén, nos primeiros Xogos Olímpicos modernos o subcampión recibía a medalla de bronce e o campión a de prata.
Emma Goldman, nada en Kaunas (daquela, chamada Kovno), Imperio ruso, o 27 de xuño de 1869 e finada en Toronto (Canadá) o 14 de maio de 1940, foi unha anarquista de orixe lituana-asquenací que foi coñecida polos seus textos e discursos feministas e polos seus testemuños sobre a Revolución Rusa. Tivo un papel fundamental no desenvolvemento da filosofía anarquista da primeira metade do século XX en América do Norte e Europa e introduciu ideas feministas no pensamento anarquista. De orixe lituana, en 1885 emigrou a Nova York onde coñeceu o anarquismo, o que adoptou como ideoloxía trala revolta de Haymarket.
A dos lacertilios (Lacertilia) é unha suborde de réptiles escamosos que inclúe a maioría dos réptiles actuais, como varanos, iguanas, lagartos, lagartas, camaleóns e xecos, así como algunhas formas fósiles moi notábleis, como os mosasauros do Cretáceo superior. Xunto coas subordes das serpentes (Serpentes) e das cobras cegas (Amphisbaenia), forma a orde dos escamosos (Squamata), que comprende case 5 000 especies.
O coipú (Myocastor coypus) é unha especie de roedor semiacuático grande e único membro da familia Myocastoridae (miocastóridos). Orixinalmente era nativo da Suramérica tropical e temperada, pero foi introducida en Norteamérica, Europa, Asia, e África, principalmente para a obtención das súas peles. Aínda que segue sendo valorado pola súa pelaxe nalgunhas rexións, o seu comportamento alimenticio destrutivo e o feito de que escava tobeiras fai que esta especie invasora sexa unha auténtica praga en moitas áreas e que se fagan esforzos por controlar as súas poboacións en varios países.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
A Biblia (en inglés: The Bible: In the Beginning...) é un filme estadounidense de 1966 producido por Dino De Laurentiis e dirixido por John Huston. Conta os primeiros 22 capítulos do libro da Xénese, abranguendo as historias dende Adán e Eva até o sacrificio de Isaac. Estreado por 20th Century Fox, a fotografía do filme é obra de Giuseppe Rotunno en Dimension 150 (cor de DeLuxe Color), unha variante do formato 70mm Todd-AO. Está protagonizado por Michael Parks como Adán, Ulla Bergryd como Eva, Richard Harris como Caín, John Huston como Noé, Stephen Boyd como Nimrod, George C. Scott como Abraham, Ava Gardner como Sara e Peter O'Toole como os tres anxos.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Este artigo trata sobre o primeiro Presidente dos Estados Unidos, para o artigo sobre o inventor véxase George Washington (inventor). George Washington /AFI|ˌdʒɔɹdʒ ˈwɑʃiŋtən/, nado en Wakefield, condado de Westmoreland, Virxinia (América británica) o 22 de febreiro de 1732 e finado en Mount Vernon, Virxinia (Estados Unidos) en 1799, foi o primeiro presidente dos Estados Unidos entre 1789 e 1797 e Comandante en Xefe do Exército Continental revolucionario na Guerra da Independencia dos Estados Unidos (1775-1783). Nos Estados Unidos está considerado como o Pai da Patria, e mais como un dos Pais Fundadores dos Estados Unidos xunto con John Adams, Benjamin Franklin, Alexander Hamilton, John Jay, Thomas Jefferson e James Madison.
O Fútbol Club Barcelona (en catalán: Futbol Club Barcelona), coñecido popularmente como "Barça", é un club polideportivo catalán da cidade de Barcelona, fundado o 29 de novembro de 1899 por un grupo de doce futbolistas afeccionados de Suíza, Cataluña e Gran Bretaña, comandados polo suízo Joan Gamper. O Barça non é unha sociedade anónima como son a maioría dos clubs deportivos profesionais, senón que a propiedade do club recae nos seus máis de 180.000 socios. Este número fai que o FC Barcelona sexa o segundo club con máis socios do mundo tralo SL Benfica portugués, seguido polo FC Bayern München alemán.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Este artigo refírese ao grupo empresarial Sargadelos. Para outros significados, vexa Sargadelos O Grupo Sargadelos é unha sociedade limitada que ten como principal accionista a empresa Cerámicas do Castro S.L. desde 1949. Actualmente, a sociedade Sargadelos ten dúas plantas de produción cuns 245 empregados.
O esquí nórdico engloba os distintos tipos de esquí en que a punta da bota está fixada de xeito que permite que o talón se eleve do esquí, a diferenza do esquí alpino, en que a bota está unida ao esquí dende os dedos ao talón. As disciplinas recreativas inclúen o esquí de fondo e o telemark. Os eventos olímpicos son o esquí de fondo competitivo, o salto de esquí e a combinación nórdica, un evento que combina o esquí de fondo e os saltos.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
A abrótega, abrótea ou gamota (Asphodelus albus) é unha planta perenne da familia das liliáceas, moi empregada como planta de xardín, nativa do centro sur de Europa. Pode chegar ata o metro de altura, aínda que habitualmente tan só chega a 50 cm. As follas con forma de espada nacen na base da planta; as flores vanse xuntando a medida que se ascende polo talo ata chegar á cima na que están en acios ou amoreadas.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Gustave é un gran crocodilo do Nilo macho de Burundi. É coñecido por ser un devorador de homes e crese que acabou con máis de 300 persoas ás beiras do río Ruzizi e das costas norte do lago Tanganyika. Malia que o número real de vítimas é difícil de verificar, ten un status mitificado e é moi temido polos habitantes da rexión.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
Betanzos é un concello e cidade da provincia da Coruña, que pertence á comarca de Betanzos. Segundo o IGE no ano 2017 tiña 12.941 habitantes (13.352 no 2015, 13.673 no 2010). Betanzos foi unha vila creada polo rei Afonso IX, tras aceptar en 1219 o traspaso da poboación de Betanzos O Vello ao lugar de Castro de Untia.
O pan (do latín panis) é un alimento básico que forma parte da dieta tradicional en Europa, Oriente Medio, India, América e Oceanía. Adóitase preparar mediante o enfornado dunha masa, elaborada fundamentalmente con fariña de cereais, sal e auga; en ocasións engádense outros produtos para conferirlle determinadas calidades, como especias, froitos secos, froitas confitadas, mel etc. A mestura, na maioría das ocasións, adoita conter lévedos para que fermente a masa e sexa máis esponxosa e tenra.
Euclides (en grego antigo: Εὐκλείδης / Eukleídês), ás veces chamado Euclides de Alexandría para distinguilo de Euclides de Mégara, (floruit o 300 a.C.), foi un matemático e xeómetra grego. Considerado como "o pai da xeometría". coñéceselle principalmente polo tratado Elementos, que estableceu os fundamentos da xeometría que dominaron en gran parte este campo até principios do século XIX. O seu sistema, agora denominado como xeometría euclidiana, incluía innovacións en combinación cunha síntese de teorías de matemáticos gregos anteriores, como Eudoxo de Cnido, Hipócrates de Quíos, Tales e Teeteto.
A Real Academia Galega (RAG) é unha institución científica, creada en 1906, que ten como obxectivo o estudo da cultura galega, e en especial a ilustración, defensa e promoción da lingua galega. Elabora as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, e decide a personalidade literaria á que se lle dedica o Día das Letras Galegas. Os seus membros son personalidades influentes do mundo da cultura galega, relacionados maioritariamente coa lingua.