Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Cristina Castaño Gómez, nada en Vilalba o 30 de novembro de 1978, é unha actriz galega. Fíxose coñecida en Galicia polo seu papel de Paula Barreiro na serie de éxito Pratos combinados e no resto de España polos seus traballos en Al salir de clase e La que se avecina. É irmá do tamén actor Nacho Castaño e sobriña do xornalista deportivo Pepe Domingo Castaño.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.
As Pandeireteiras de Mens foron un grupo de mulleres labregas dos lugares de Asalo e Mens (Malpica de Bergantiños) que desde a década de 1970 actuaron en Europa e América coa Agrupación Folklórica Aturuxo. O 5 de xullo de 2024, a Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2025 ás cantareiras e á poesía popular, incluíndo a Teresa García Prieto, Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda e mais Manuela Lema Villar.
O complexo promotor da anafase ou ciclosoma, tamén chamado, polas súas siglas en inglés, APC ou APC/C (Anaphase-Promoting Complex/Cyclosome), é unha ubiquitina ligase E3 que marca proteínas diana do ciclo celular para a súa degradación no proteosoma de 26S. O APC/C é un complexo grande de 11 a 13 proteínas subunidade, entre as cales están unha culina (Apc2) e a subunidade RING (Apc11) similar ao SCF. Outras partes do APC/C teñen funcións descoñecidas mais están altamente conservadas. O descubrimento do APC/C (e do SCF) e o seu papel clave na regulación do ciclo celular eucariota estableceu a importancia da proteólise mediada pola ubiquitina na bioloxía celular. A ubiquitinación e a subseguinte degradación de proteínas polo proteosoma, unha vez que foi percibida como un sistema exclusivamente implicado en eliminar proteínas danadas da célula, é agora considerado un mecanismo regulatorio universal para a transdución de sinais, cuxa importancia se aproxima á da fosforilación de proteínas.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Pepe Domingo Castaño Solar, nado en Lestrobe (Dodro) o 8 de outubro de 1942 e finado en Madrid o 17 de setembro de 2023, foi un cantante e xornalista galego. Durante moitos anos presentou distintos programas deportivos (especialmente de fútbol masculino) en diversas cadeas españolas, como SER (Carrusel deportivo) ou Cope (Tiempo de juego).
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2025, 71 autores (13 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 63 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Johan de Cangas e Mendinho (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Carlos Casares Mouriño, nado en Ourense o 24 de agosto de 1941 e finado en Vigo o 9 de marzo de 2002, foi un escritor en lingua galega, crítico literario e político. Estudou filosofía e letras en Santiago de Compostela, cidade na que entrou en contacto con representantes do galeguismo, como Ramón Piñeiro. Foi director da editorial Galaxia e da revista Grial.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego da Real Academia Galega, quen ostenta a autoridade legal en materia de normativización. Ao seren estas normas as usadas e promovidas polas institucións oficiais, os medios de comunicación públicos e o ensino público, son consideradas de maneira amplamente maioritaria como a normativa oficial do galego. No entanto, este concepto de oficialidade ten xerado controversia, con sectores que defenden que non existe ningunha normativa oficial.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
A lingua inglesa ou inglés é unha lingua indoeuropea da subfamilia das linguas xermánicas occidentais que xurdiu na Inglaterra anglosaxoa e que arestora é unha lingua franca a nivel global. Recibe o seu nome dos anglos, unha das tribos xermánicas que migraron cara a Inglaterra, e cuxo nome deriva da península de Angeln, no mar Báltico. Está estreitamente relacionado coas linguas frisoas, malia que o seu vocabulario foi incluído significativamente por outras linguas xermánicas a comezos da Idade Media, e posteriormente polas linguas románicas, particularmente o francés.
A música tradicional de Galiza caracterízase tanto polas súas formas (muiñeiras, xotas, maneos, alalás, aturuxos etc), instrumentos (gaita galega, pandeireta e as cunchas, entre outros) e agrupacións musicais. Como música tradicional que evolucionou oralmente, comparte trazos en común coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e en xeral coa tradición musical de Europa Occidental.
Unha república (do latín: res publica = cousa pública) é unha forma de goberno no que o poder reside no pobo, e o goberno está gobernado por líderes electos en sufraxio universal por un tempo determinado conforme á lei, no canto de ser herdado ou nomeado (por exemplo, mediante a herdanza ou mandato divino). Nos tempos modernos a definición de república tamén se limita normalmente a un goberno que non ten un monarca ou calquera outra forma hereditaria de xefatura. A miúdo, as monarquías e as repúblicas descríbense como conceptos mutuamente exclusivos.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Robert Francis Prevost, coñecido como León XIV (en latín, Leo XIV), nado en Chicago o 14 de setembro de 1955, é o 267º papa da Igrexa Católica, bispo de Roma, matemático e xefe de estado do Vaticano. Foi elixido o 8 de maio de 2025, no segundo día do conclave. Aínda que estadounidense de nacemento, dende 2015 posúe tamén a nacionalidade peruana polos moitos anos vividos no país.
Rías Baixas (serie de televisión)
Rías Baixas é unha serie de televisión producida por Continental TV e Zénit TV para a Televisión de Galicia, emitiuse durante seis temporadas entre o 2000 e o 2005 cun total de 191 episodios de 60 minutos de duración cada un. No ano 2002 conseguiu tres premios Chano Piñeiro, á mellor realización, mellor montaxe e mellor actriz secundaria (Finola Vázquez), ademais doutras 11 nomeamentos entre as que estaban ás de mellor serie ou filme de ficción, mellor actor protagonista (Tacho González) ou mellor actriz protagonista (Sonia Castelo).
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Carles Puigdemont i Casamajó, nado en Amer o 29 de decembro de 1962, é un xornalista e político catalán vinculado a Convergència Democràtica de Catalunya. O 10 de xaneiro de 2016 converteuse no 130º presidente da Generalitat de Cataluña. Militante de Convergència i Unió (CiU) dende 1983, comezou a súa carreira política no ano 2006, cando foi elixido deputado no Parlamento de Cataluña por CiU. En 2011 foi elixido alcalde de Xirona, cidade onde había anos que vivía, despois de gañar as eleccións municipais celebradas o mesmo ano.
O til (~), til de nasalidade, trazo supralinear ou til xeral de abreviación, é un sinal diacrítico que se coloca sobre, baixo ou no medio dalgunhas letras en distintas linguas. Tamén se emprega nalgunhas ciencias. Permite distinguir entre grafías simples (exemplos: a, n) e complexas (exemplos: ã, ñ).
Manuel Curros Enríquez, nado en Celanova o 15 de setembro de 1851 e finado na Habana o 7 de marzo de 1908, foi un poeta e xornalista galego, un dos tres principais representantes do Rexurdimento da literatura galega, xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1967.
Camillo Benso, conde de Cavour, nado en Turín o 10 de agosto de 1810 e finado o 6 de xuño de 1861, foi un político e estadista da Italia anterior á unificación. Foi ministro do Reino de Sardeña de 1850 a 1852, presidente do Consello de Ministros do Reino de Sardeña de 1852 a 1859 e do 1860 a 1861. No mesmo 1861, coa proclamación do Reino de Italia, converteuse no primeiro presidente do Consello de ministros do novo Estado, cargo que ocupou ata a súa morte ese mesmo ano.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
A Costa da Morte é a franxa costeira galega que gañou ese nome polos numerosos naufraxios acontecidos no século xix e comezos do século xx e que se popularizaron a través da literatura galega e inglesa. Un dos naufraxios de máis repercusión nos medios foi o dos mariñeiros do Serpent, que naufragaron en 1890 e se enterraron no Porto do Trigo, Trece. Algunhas veces a Costa da Morte foi delimitada como a costa que vai desde o cabo Fisterra ata as illas Sisargas, en Malpica, e outras mesmo desde Muros ata A Coruña.
A casa Carnicero ou chalé Carnicero foi un inmóbel modernista dos anos 1910 que estaba localizado na vila galega de Perillo (Oleiros). Após ser parcialmente destruída por mor dun incendio en xullo de 2020, en decembro dese mesmo ano o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, ordenou a demolición das ruínas da casa, o cal causou moita polémica.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Lista de países por PIB (PPA) per cápita
Esta é unha listaxe de países do mundo ordenados segundo o seu Produto Interior Bruto (PIB) a valores de paridade de poder adquisitivo (PPA) per cápita significando a suma de todos os bens e servizos finais producidos por un país nun ano, dividido pola poboación media do mesmo ano.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un actor, director e guionista de cinema galego. En 2010 gañou o Premio Fipresci do Festival Internacional de Cine de Cannes polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes polo seu traballo en Mimosas e, en 2019, foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas tres primeiras películas en Cannes.
Moscova (en ruso: Москва) é a capital de Rusia e o principal centro político, económico, financeiro, educativo e de transporte, situado no río Moscova no Distrito Central Federal, na parte europea de Rusia. A poboación da cidade é de 12,5 millóns de habitantes xunto cos arrabaldes. Constitúe por si mesma o 7% da poboación de toda Rusia.
Patrimonio da Humanidade en Italia
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972. O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O axolote (do náhuatl clásico: āxōlōtl; Ambystoma mexicanum) é unha especie de urodelo, estreitamente relacionada co Ambystoma tigrinum. Malia que o axolote é coñecido coloquialmente como "peixe camiñante", non é un peixe, senón un anfibio. A especie é orixinaria de numerosos lagos, como o lago Xochimilco preto da Cidade de México.
Amancio Ortega Gaona, nado en Busdongo de Arbas, municipio de Villamanín (León) o 28 de marzo de 1936, é un empresario galego da moda, creador de Zara. Como presidente de Inditex, é a persoa máis rica de Galiza e España, a 2ª de Europa e a 7ª do mundo segundo a revista Forbes en 2011, cunha fortuna calculada de 31.000 millóns de dólares. En 2017, calculouse a súa fortuna en 72 700 millóns de dólares, e levaba varios anos entre os cinco homes máis ricos do mundo.
O Deportivo da Coruña, que ten por nome oficial Real Club Deportivo de La Coruña, S.A.D., e que tamén se coñece popularmente como Deportivo ou Dépor, é un club de fútbol galego fundado no 1906 na cidade da Coruña. O seu terreo de xogo é o Estadio de Riazor, con capacidade para 32.490 espectadores. Na tempada 2024/25 compite na Segunda División Historicamente, o Deportivo da Coruña tivo dúas épocas de maior éxito: unha entre 1992 e 1996, co popularmente chamado "Superdépor", onde gañou unha Copa do Rei e unha Supercopa de España, e outra entre 1999 e 2004, co "Eurodépor".
Celanova (do latín cella nova, 'cuarto pequeno, almacén ou santuario recente, de nova construción') é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o padrón municipal de habitantes a súa poboación en 2018 era de 5.533 persoas (6.020 en 2009). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «celanovés».
Memorias dun neno labrego é unha novela social e histórica do galego Xosé Neira Vilas, publicada na Arxentina o 5 de xaneiro de 1961 por Follas Novas, distribuidora de libros e editorial fundada polo propio autor e a súa muller. É o segundo libro publicado polo autor, primeiro en prosa, despois do poemario Dende lonxe (1960). Memorias foi escrito en tres meses no café La Vieja Viena, do barrio porteño de Villa Urquiza.
A masturbacion coas mamas ou coito mamario é un acto sexual, que se realiza como preludio ou como sexo sen penetración, que implica a estimulación do pene cos peitos dunha muller e viceversa. Implica colocar o pene entre os peitos dunha muller e mover o pene cara a arriba e abaixo para simular a penetración sexual e para crear pracer sexual. Pódese usar como alternativa a unha masturbación manual.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Abdullah II ibn al-Hussein (en lingua árabe عبدالله الثاني بن الحسين), nado en Amán o 30 de xaneiro de 1962, é o rei de Xordania dende o 7 de febreiro de 1999, dende a morte de seu pai, o rei Hussein I. Está casado con Rania Al-Yassin dende o 10 de xuño de 1993 e ten catro fillos: Hussein, Iman, Salma e Hashem. Naceu en Ammán, fillo do rei Hussein I e a súa segunda esposa, a británica Antoinette Avril Gardiner (convertida ao islam como Princesa Muna al-Hussein (Desexo de Hussein)). Estudou no Colexio Educativo Islámico, na capital xordana, os seus estudos básicos, viaxando logo a Inglaterra para continualos na Escola Saint Edmund e de aí pasou á Escola Eaglebrook e á Academia Deerfield nos Estados Unidos para os seus estudos secundarios.
O Associazione Calcio Milan, habitualmente chamado A.C. Milan, ou simplemente Milan, é un club de fútbol italiano da cidade de Milán, que participa na Serie A. Xoga con listras vermellas e negras e calzón negro, gañando por iso o sobrenome de rossoneri ("vermello-negros"). É o segundo equipo con máis logros na historia do fútbol italiano, con 18 títulos da Serie A, 5 Copas de Italia e 7 Supercopas de Italia. Internacionalmente, é o terceiro equipo con máis títulos (18), só por detrás do Real Madrid e do Al-Ahly, e empatado co Boca Juniors.
Primeira división española de fútbol
O Campionato Nacional de Liga de Primeira División, máis coñecido como Primeira División e debido a motivos de patrocinio como LaLiga EA Sports, é a máxima categoría masculina da liga española de fútbol e a principal competición a nivel de clubs de España. É organizada pola Liga de Fútbol Profesional (LFP) dende 1984, cando sucedeu á Real Federación Española de Fútbol (RFEF). Comezou a desputarse na tempada 1928-29 e desde entón celebrouse sen interrupcións, a excepción dos paróns durante a guerra civil, entre 1936 e 1939, e a pandemia por coronavirus en 2020.