Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
A China (en chinés: 中国; pinyin: Zhōngguó), oficialmente a República Popular da China (en chinés: 中华人民共和国; pinyin: Zhōnghuá rénmín gònghéguó), é un estado situado en Asia oriental. Trátase do país máis poboado do mundo, xa que conta cunha poboación que supera os 1.300 millóns de habitantes. A República Popular é un Estado unipartidista gobernado polo Partido Comunista da China, estando a súa sede goberno na cidade de Pequín.
O heavy metal (/ˈhɛvɪˈmɛtl/) é un xénero musical derivado do rock a finais dos anos 1960 e comezos dos 1970, principalmente nos Estados Unidos de América e no Reino Unido. Partindo do blues e o rock psicodélico, os grupos pioneiros do heavy metal desenvolveron un son máis marcado e profundo caracterizado por unha distorsión amplificada, solos de guitarra e ritmos enerxéticos. As letras e actuacións dos grupos de heavy metal adoitan asociarse coa masculinidade e agresividade.
A represión franquista refírese ao longo proceso de violencia física, económica, política e cultural que sufriron durante a guerra civil española os partidarios do bando republicano na zona sublevada, e durante a posguerra e o réxime de Franco os perdedores da guerra civil -os republicanos-, os que os apoiaban ou podían apoialos, os que eran denunciados como antifranquistas -fóseno ou non-, así como posteriormente os membros de organizacións políticas, sindicais e en xeral quen non estaba de acordo coa existencia da ditadura franquista, manifestaban a súa oposición á mesma e quen constituían ou podían constituír un perigo para a mesma. Na historiografía non española, a represión franquista adóitase denominar terror branco (white terror en inglés, terreur blanche en francés). O período álxido de represión e violación dos dereitos humanos (que corresponde ao chamado "terror branco") empezou co alzamento militar de xullo de 1936 e considérase que rematou en 1945, cando a segunda guerra mundial puxo fin ás ditaduras de Hitler e Mussolini, principais apoios do réxime franquista.
A ciencia é, en sentido amplo, calquera coñecemento organizado. Pero, en sentido máis restritivo, é o conxunto dos sistemas de coñecemento organizado con obxectos e métodos de estudo determinados e baseados en leis obxectivas que se poden verificar (o que se chama o método científico), e tamén ao sistema empregado para adquirir ditos coñecementos. Este artigo está de acordo co sentido máis restritivo da palabra.
Windows 10 é o último sistema operativo desenvolvido por Microsoft como parte da familia de sistemas operativos Windows NT. Foi dado a coñecer oficialmente en setembro de 2014, seguido por unha breve presentación de demostración no Build 2014. Entrou en fase beta de proba en outubro de 2014 e foi lanzado ao público en xeral o 29 de xullo de 2015. Para animar á súa adopción, Microsoft anunciou a súa dispoñibilidade gratuíta por un ano desde a súa data de lanzamento para os usuarios que conten con copias xenuínas de Windows 7 Service Pack 1 ou Windows 8.1 Update.
2012 (MMXII) foi un ano bisesto comezado en domingo no calendario gregoriano. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o ano 2012 o ano internacional das cooperativas, recoñecendo así a contribución destas ao desenvolvemento socioeconómico, en particular ao recoñecemento á redución da pobreza, o emprego e á integración social que xeran.
A cor dos ollos é un carácter fenotípico polixénico, é dicir, no que interveñen varios xenes, e que está determinado por dous factores: a pigmentación do iris do ollo e a dispersión da luz causada pola turbidez do medio no estroma do iris. Nos humanos, a pigmentación do iris varía do castaño claro ao castaño moi escuro case negro, dependendo de tres cousas: a concentración de melanina no epitelio pigmentario do iris (localizado na parte posterior do iris), o contido de melanina do estroma do iris (situado na parte anterior do iris), e a densidade celular do estroma. O aspecto dos ollos azuis, verdes, e abelás débese á dispersión de Rayleigh da luz no estroma, un fenómeno similar ao que orixina que o ceo do noso planeta sexa azul.
Turquía (turco: Türkiye, ˈtyɾcije) —de forma oficial República de Turquía (turco: Türkiye Cumhuriyeti, (Türkiye Cumhuriyeti)— é un país soberano intercontinental, coa maior parte do seu territorio situado na Asia Occidental (95 % do seu territorio) e unha menor na Europa meridional (5 % do seu territorio), que se estende por toda a península de Anatolia (a península de Anatolia atópase entre o mar Negro e o mar Mediterráneo e forma o «corazón» do país) e Tracia Oriental na zona dos Balcáns. Linda ó nordeste con Armenia, ó norte co mar Negro, ó oeste con Grecia, o mar Exeo e Bulgaria, ó sueste con Irán, e ó sur con Iraq, Siria e o mar Mediterráneo, ó leste con Xeorxia e Azerbaidján. O mar de Mármara, e os estreitos turcos do Bósforo é o Dardanelos, separan Europa de Asia, polo que Turquía está considerado un país transcontinental.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Dende o punto de vista antropolóxico, diversos estudos xenéticos demostran a súa orixe centroeuropea, menos influenciados polos pobos mediterráneos que outras poboacións ibéricas por mor do illamento histórico dos seus habitantes, froito da súa localización xeográfica. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía.
O árabe (العربية al-'arabiyyah, ou menos formalmente 'arabi), tamén chamado arábigo ou arábico, é a lingua máis falada dentro da rama semítica das linguas afroasiáticas, e está intimamente relacionada co hebreo e o arameo. Fálase ó longo do mundo árabe e é moi coñecida e estudada dentro do mundo islámico. O árabe leva sendo unha lingua literaria dende, polo menos, o sexto século, e é a lingua litúrxica do islam.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Os Ánxeles, Los Angeles ou Los Ángeles (en inglés: Los Angeles, [lɔːs ˈændʒələs] (AFI), escoitar, normalmente abreviado como L.A.; en castelán: Los Ángeles, [los ˈaŋxeles] (AFI)) é a cidade máis grande do estado estadounidense de California e é a segunda cidade máis poboada dos Estados Unidos despois de Nova York , así como unha das megacidades máis poboadas do mundo. Está situada nunha conca do sur de California adxacente ao océano Pacífico que se estende polas montañas de Santa Mónica e ata o val de San Fernando e abarca unha superficie de 1215 km². Ten, segundo o Censo dos Estados Unidos de 2020, unha poboación estimada de 3 898 747 habitantes, experimentando un crecemento dun 4,9 % en 10 anos.
O castelán ou español é unha lingua romance do grupo ibérico, orixinaria de Castela. É falada en toda España, e boa parte de América do Sur, América Central e América do Norte como lingua materna por uns 340 millóns de persoas e por 450 como segunda lingua (estimacións de 2004). É a segunda lingua do mundo en número de falantes, despois do mandarín e a segunda lingua máis estudada no mundo, despois do inglés.
O Premio Nobel de Física (en sueco: Nobelpriset i fysik), é un dos cinco Premios Nobel que outorga a Real Academia das Ciencias de Suecia, en Estocolmo, xunto cos Premio Nobel de Química, o Premio Nobel de Literatura, o Premio Nobel da Paz e mailo Premio Nobel de Fisioloxía ou Medicina. Tradicionalmente, o de física é o primeiro en entregarse e o primeiro ano que se entregou foi no 1901. Como os demais premios, é administrado pola Fundación Nobel.
Corea do Sur, oficialmente República de Corea (RDC), é un país do leste asiático. Constitúe a parte meridional da Península de Corea e linda coa Corea do Norte ao longo da zona desmilitarizada de Corea, co mar Amarelo ao oeste e o mar do Xapón ao leste. Igual que Corea do Norte, Corea do Sur afirma ser o único goberno lexítimo de toda a península e illas axacentes.
A Unión Europea ( pronunciación ) (UE) é unha organización internacional constituída por 27 estados europeos. Moitos dos seus obxectivos herdáronse da CEE, en vigor dende a década de 1950, porén esta comunidade non adoptou o nome de UE até 1992 durante o Tratado da Unión Europea (normalmente coñecido como Tratado de Maastricht). As tres sedes principais da Unión Europea atópanse en Bruxelas, Luxemburgo e Estrasburgo.
O latín (autoglotónimo: Lingua Latina ou Latina; en grego clásico: Λατινικὴ ɣλῶττα; en neogrego: Λατινική γλώσσα ou Λατινικά) é unha lingua itálica pertencente ao subgrupo das linguas latino-faliscas, e á súa vez á familia das linguas indoeuropeas que foi falada na Roma antiga e posteriormente durante a Idade Media e a Idade Moderna, chegando ata a Idade Contemporánea, pois se mantivo como lingua científica ata o século XIX. O seu nome deriva dunha zona xeográfica da Península Itálica onde se desenvolveu Roma, o Lacio (en latín, Latium). Adquiriu grande importancia coa expansión de Roma, e foi lingua oficial do Imperio romano en gran parte de Europa, África setentrional e Oriente Próximo, xunto co grego. Como as demais linguas indoeuropeas en xeral, o latín era unha lingua flexiva de tipo fusional cun maior grao de síntese nominal que as actuais linguas romances, na cal dominaba a flexión mediante sufixos, combinada en determinadas veces co uso das preposicións, mentres que nas linguas modernas derivadas dominan as construcións analíticas con preposicións, mentres que se reduciu a flexión nominal a marcar só o xénero e o número, conservando os casos de declinación só nos pronomes persoais (estes teñen, ademais, unha orde fixa nos sintagmas verbais).
Simón José Antonio de la Santísima Trinidad Bolívar y Palacios, coñecido como Simón Bolívar ( pronunciación ), e tamén coloquialmente por El Libertador, nado en Caracas o 24 de xullo de 1783 e finado en Santa Marta (Colombia) o 17 de decembro de 1830, foi un líder político e militar venezolano que levou, a independizarse do Imperio español, aos que hoxe son os estados de Venezuela, Colombia, Ecuador, e Panamá, axudou tamén a consolidar a independencia do Perú, e aprobou o recoñecemento de Bolivia como república. Liderou as campañas que deron a independencia a varias nacións americanas, ademais foi fundador da Gran Colombia. Tamén foi lexislador e redactor de constitucións, ambientalista e xurista.
Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Deutschland [ˈdɔʏtʃlant] , en alto sorbio: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorbio: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña ( pronunciación ) (en alemán: Bundesrepublik Deutschland [ˈbʊndəsʁepuˌbliːk ˈdɔʏtʃlant] ) é un estado federal da Europa central. Limita ao norte co mar do Norte, Dinamarca e o mar Báltico, ao leste con Polonia e a República Checa, ao sur con Austria e Suíza, e ao oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio, por un clima temperado estacional.
Nicolao II de Rusia (en ruso: Николaй Алексaндрович Ромaнов, Nikolai Aleksandrovich Romanov), nado en San Petersburgo o 6 de maioxul./ 18 de maio de 1868greg. e finado en Ekaterimburgo o 17 de xullo de 1918, foi o último tsar de Rusia. Fillo de Alexandre III, gobernou desde a morte do seu pai, o 20 de outubroxul./ 1 de novembro de 1894greg., ata a súa abdicación o 2 de marzoxul./ 15 de marzo de 1917greg., cando renunciou no seu nome e no do seu fillo Aleksei e o trono pasou ao seu irmán, o gran duque Miguel.
Tehran (/tɛəˈræn, -ˈrɑːn, ˌteɪ-/; persa: تهران Tehrân) é a cidade máis grande da provincia de Teherán e a capital de Irán. Cuns 9 millóns de habitantes na cidade e uns 16 millóns na área metropolitana do Gran Teherán, Teherán é a cidade máis poboada de Irán e da Asia Occidental, e ten a segunda maior área metropolitana do Oriente Próximo, despois do Cairo. Ocupa o posto 24 do mundo por poboación das áreas metropolitanas.
Rusia (en ruso: Россия, transliteración: Rossiia), oficialmente Federación Rusa (en ruso: Российская Федерация, transliteración: Rossiiskaia Federatsiia), é o maior país do mundo, estendéndose por case a metade de Europa e por preto dun terzo da Asia. Comprende, alén da porción continental, o enclave de Kaliningrado, no mar Báltico, e unha serie de illas e arquipélagos árticos, entre os cales os máis importantes son a Terra de Francisco Xosé, as illas Nova Zembla, a illa de Kolguev, o arquipélago da Terra do Norte, as illas de Nova Siberia e a illa de Wrangel. Inclúe tamén varias illas e arquipélagos no Extremo Oriente, en particular a illa Sakhalin, as illas Kuriles e as illas do Comandante.
Óliver Laxe Coro, nado en París o 11 de abril de 1982, é un director, guionista e actor de cinema galego. Dirixiu catro filmes ata a data, resultando galardoados os catro no Festival Internacional de Cine de Cannes: en 2010 gañou o Premio Fipresci polo seu filme Todos vós sodes capitáns, en 2016 gañou o Gran Premio da Semana da Crítica polo seu traballo en Mimosas, en 2019 foi distinguido co Premio de Xurado, na sección "Un Certain Regard" pola película O que arde e en 2025 recibiu o Premio do Xurado por Sirât. Tras Víctor Erice, é o segundo español que presentou as súas catro primeiras películas en Cannes.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
Microsoft Windows 7 ou Windows 7 (en inglés, Windows Seven) é o sistema operativo de Microsoft deseñado como sucesor do Windows Vista. Windows 7 é un sistema operativo desenvolto por Microsoft. Formou parte da familia de S.O. de Windows NT. O seu desenvolvemento comezou no 2006 baixo o nome clave "Blackcomb".
Unha enciclopedia é unha obra de referencia que é compendio de información que abrangue tódalas pólas do coñecemento humano. As enciclopedias están divididas en artigos ou entradas, que están ordenados por orde alfabética segundo o nome do artigo. As entradas de enciclopedia son máis longas e achegan información máis polo miúdo que os dicionarios.
A síndrome XXXY ou síndrome 48,XXXY é unha condición xenética caracterizada por unha aneuploidía dos cromosomas sexuais, onde os individuos afectados teñen dous cromosomas X extra e un cariotipo 48,XXXY en todas as súas células. A presenza dun cromosoma Y cun xene SRY funcional causa a expresión de xenes que determinan a masculinidade. A causa disto, a síndrome XXXY só afecta a machos.
Os Ancares leoneses ou Val de Ancares é unha comarca tradicional de España situada no extremo noroccidental da provincia de León, na comunidade autónoma de Castela e León, dentro do actual termo municipal de Candín. O val está formado polo curso do río Cuíña (que ao confluír co rego da Veiga pasa a denominarse río Ancares) e un treito do curso alto dese río Ancares ata a zona das Veigas de Area, pasada a aldea de Sorbeira, dende a que o río flúe xa nun desfiladeiro máis angosto. Na segunda metade do século XX, Os Ancares pasou a denominar a un territorio moito máis amplo, que na súa acepción máis laxa comprende outras partes do Bierzo (en León); dende Navia de Suarna ata Pedrafita do Cebreiro (no oriente de Lugo); e unha parte de Ibias (no suroeste de Asturias).
Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) constituíse a partir dunha xuntanza celebrada o 3 de maio de 1980 en Santiago de Compostela por un grupo de escritores, entre os que se contaban Alfredo Conde, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alfonso Pexegueiro, Manuel Rivas, Uxío Novoneyra, Xavier Rodríguez Barrio, Bernardino Graña e Xoán Ignacio Taibo que acordan formar unha asociación que defendese os intereses da práctica escrita en galego seguindo o facho da Asociación de Escritores de Galicia que non puido desenvolver o seu labor polo estoupido da Guerra Civil española pouco despois da súa constitución. A AELG celebrou o I Congreso de Escritores Galegos en 1981 e participou na organización dos encontros Galeusca con escritores cataláns e vascos. Durante anos estivo enfrontada á Real Academia Galega por considerala unha institución inmobilista que non traballaba a prol da cultura galega.
A Gran Depresión, tamén chamada Crise de 1929, foi unha gran recesión económica que tivo inicio en 1929, e que persistiu ao longo da década de 1930, terminando coa chegada da segunda guerra mundial. A Gran Depresión é considerada a peor e o máis longo período de recesión económica do século XX. Este período de recesión económica causou altas taxas de desemprego, caídas drásticas do produto interior bruto de diversos países, así como caídas drásticas na produción industrial, nos prezos de accións, e en practicamente todo medidor de actividade económica, en diversos países do mundo. O día 29 de outubro de 1929 é considerado popularmente o comezo da Gran Depresión.
Martin Heidegger, nado en Messkirch (Baden-Württemberg) o 26 de setembro de 1889 e finado en Friburgo o 26 de maio de 1976, foi un filósofo alemán. Esta considerado o pensador e o filósofo alemán máis importante do século XX. Aínda que o seu traballo influíu sobre todo na Fenomenoloxía e na filosofía europea contemporánea, tivo igualmente influencia máis aló desta, en campos como a Arquitectura, a Crítica literaria, a Teoloxía e as ciencias cognitivas. Nos seus comezos foi discípulo de Edmund Husserl, estivo inmerso no proxecto fenomenolóxico do seu mestre e o seu interese centrouse rapidamente na pregunta polo sentido do ser.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Os termos nazismo e nacionalsocialismo designan a política da ditadura que gobernou a Alemaña de 1933 a 1945, o Terceiro Reich. O nazismo é frecuentemente asociado ao fascismo, aínda que os nazis dixesen practicar unha forma nacionalista e totalitaria de socialismo (oposta ao internacionalismo proletario marxista). O Partido Nacionalsocialista alemán defendía o Nationalsozialismus ('nacionalsocialismo').
Os Premios Nobel (en sueco, Nobelpriset; en noruegués, Nobelprisen) son uns galardóns internacional que se outorgan cada ano para recoñecer persoas ou institucións que levaran a cabo investigacións, descubrimentos ou contribucións notables á humanidade no ano anterior ou no transcurso das súas actividades. Sorprendido ao ver a edición dun xornal que falaba da morte do seu irmán como sendo a súa, Alfred Nobel, un industrial sueco inventor da nitroglicerina, instituíu en 1895 os premios que levan o seu nome como última vontade e para ser lembrado. Comezaron a entregarse en 1901 nas categorías de Física, Química, Fisioloxía ou Medicina, Literatura e Paz.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
María Concepción Jesusa Petra Luisa Vicenta Arenal Ponte, nada en Ferrol o 31 de xaneiro de 1820 e finada en Vigo o 4 de febreiro de 1893, foi unha diplomada en Dereito, xornalista, precursora do feminismo, poeta e autora dramática galega. É considerada unha das pensadoras máis lúcidas e prestixiosas do século XIX dentro e fóra do país. Foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española.
As Festas Minervais é un certame literario galego que apareceu por primeira vez en 1536 na honra da figura de Alonso de Fonseca III, arcebispo de Toledo e de Santiago de Compostela. Dito certame foi promovido pola Universidade de Santiago de Compostela, considerándose un modelo tanto no campo literario como no lingüístico da época. Os autores participantes empregaron a lingua castelá e o latín para as súas composicións.
Xoán Hermenegildo Montes Capón, coñecido simplemente como Xoán Montes nado en Lugo o 13 de abril de 1840 e finado o 24 de xuño de 1899, foi un compositor, organista e director de música galego, famoso especialmente por ser o autor da versión musical do poema "Negra Sombra" de Rosalía de Castro. Xoán Montes foi o primeiro director da Banda Municipal de Lugo en 1876 e fundou o Orfeón Lucense en 1879.
Os mamíferos (en latín: Mammalia) son unha clase de amniotas que se caracterizan pola súa homeotermia. Distínguénse doutros amniotas, como o son os réptiles e as aves, pola mandíbula inferior formada por un único óso, o maxilar inferior (tamén chamado dentario), por presentaren tres ósos medios na cadea de ósos do oído, por teren os dentes moi especializados, pola presenza dun padal secundario, pola de pelaxe, un olfacto moi desenvolvido, polo seu neocórtex e pola produción de leite das femias para alimentar as súas crías. O cerebro dos mamíferos regula a temperatura corporal e o sistema circulatorio, incluído o corazón.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Comunidade Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Un exiptólogo é un especialista na historia e a arqueoloxía do Antigo Exipto, desde as orixes máis remotas ata o fin da época tolemaica, no século I a. C. Nas principais universidades do mundo hai cátedras desta disciplina onde os investigadores fórmanse e gradúan para logo dedicarse á arqueoloxía exipcia in situ, achegando nova información sobre o terreo, ou procesando no seu gabinete o que outros escavaron e con iso enriquecer o noso coñecemento; tamén dedicándose á docencia para formar exiptólogos ou como directores ou conservadores de institucións ou museos onde se custodian obxectos desta antiga civilización. O coñecemento fidedigno da historia do antigo Exipto é moi recente.
O océano Pacífico é o corpo de auga maior e máis profundo das divisóns do océano global terrestre. Esténdese desde o océano Ártico no norte ata o océano Austral (ou, segundo a definición, ata a Antártida) no sur e está limitado polos continentes de Asia e Australia no oeste e América no leste. Esténdese uns 15.500 km desde o mar de Bering, o norte do Ártico, ata as marxes xeadas da Antártida (o mar de Ross ) no sur, alcanzado a súa máxima amplitude E-O aproximadamente a 5 graos de latitude norte, onde se estende por uns 19.800 km, desde Indonesia ata a costa de Colombia (Colombia e Indonesia son de feito países antípodas entre si).
Red Hot Chili Peppers é un grupo musical de rock baseado no estado estadounidense de California, fundado no ano 1983. O seu principal estilo é un rock cun toque funk, pero incorpora tamén elementos dutros xéneros como o punk rock e o rock psicodélico. No presente a banda está formada polos membros fundadores do grupo, Anthony Kiedis e Flea, xunto co batería Chad Smith e o guitarrista John Frusciante.
La Voz de Galicia é un xornal galego con sede no polígono de Sabón (Arteixo), redactado maioritariamente en castelán, fundado no ano 1882 por Juan Fernández Latorre. É a cabeceira hexemónica en Galicia co 63% da cota do mercado. La Voz de Galicia fíxose un oco a nivel estatal e converteuse no terceiro diario de información xeral de España tanto en difusión como en audiencia con 395.000 lectores no estado, segundo datos da segunda onda do Estudio General de Medios de 2024.
Australia (en inglés: Australia, [əˈstɹæɪljə] (AFI), escoitar) é o país máis grande da Oceanía. Ocupa toda a illa da Australia e varias illas adxacentes (a máis importante é Tasmania). O continente-illa, como se lle chama a Australia por veces, está bañado polo océano Índico, ao sur e ao oeste, polo mar de Timor, mar de Arafura e estreito de Torres, ao norte, e mar do Coral e mar de Tasmania, ao leste.
Seattle ( [siˈætəɫ] ) é a cidade máis grande do noroeste dos Estados Unidos. Fundada en 1853, a cidade está localizada no estado de Washington, na rexión de Puget Sound, a 182 quilómetros da fronteira con Canadá. En 2007 tiña unha poboación de 594 210 habitantes e na súa area metropolitana vivían 3 263 497 persoas.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
Spider-Man: Homecoming é un filme estadounidense de 2017 dirixido por Jon Watts. É un filme de superheroes de Marvel Comics sobre a personaxe de Spider-Man, coproducido por Columbia Pictures e Marvel Studios, e distribuído por Sony Pictures Releasing. É o segundo "reboot" de Spider-Man e o décimo sexto filme do Universo Cinematográfico Marvel (MCU).
Eduardo María González-Pondal Abente, nado en Ponteceso o 6 de febreiro de 1835 e finado na Coruña o 8 de marzo de 1917, foi un poeta rexionalista galego, en lingua castelá e lingua galega. Un fragmento do seu poema "Os Pinos" constitúe a letra do Himno de Galicia. Foi unha das tres grandes voces líricas do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez.
Pedro Xosé García Balboa, máis coñecido como frei Martín Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo o 9 de marzo de 1695 e finado en Madrid o 7 de decembro de 1772, foi un relixioso beneditino e escritor galego. É un dos pais da filoloxía románica en xeral e da galega en particular. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 2002.
Os xogos de mesa nazis eran un elemento da campaña de propaganda de Adolf Hitler na Alemaña nazi. O ministro de propaganda de Hitler, Joseph Goebbels, entendeu que "para ser percibido, a propaganda ten que evocar o interese dunha audiencia e ten que ser transmitido por un medio de comunicación que chame a atención". Os xogos de mesa e os xoguetes para nenos serviron como xeito de espallar propaganda racial, militar e política á mocidade alemá.
Joseph Paul DiMaggio (Giuseppe Paolo DiMaggio), nado en Martinez, California, o 25 de novembro de 1914 e finado en Hollywood, Florida o 8 de marzo de 1999, alcumado "Joltin' Joe" e "The Yankee Clipper", foi un xogador de béisbol estadounidense da Major League Baseball que xogou profesionalmente nos New York Yankees ao longo da súa carreira.
O teatro é unha forma colaborativa de arte performativo que utiliza intérpretes en directo, normalmente actores ou actrices, para presentar a experiencia dun acontecemento real ou imaxinario ante un público en directo nun lugar específico, a miúdo un escenario. Os intérpretes poden comunicar esta experiencia ao público mediante combinacións de xestos, fala, cancións, música e danza. É a forma máis antiga de drama, aínda que o teatro en vivo uniuse ás formas modernas gravadas.
A síndrome XYYY, tamén coñecida como 48,XYYY, é un trastorno cromosómico aneuploide no cal o macho ten dúas copias extra do cromosoma Y. A síndrome é excepcionalmente rara, e só se informou de doce casos. A presentación da síndrome é heteroxénea, pero parece ser máis grave que a síndrome parecida XYY. Características comúns son discapacidade intelectual de leve a no límite, infertilidade, sinostose radioulnar (fusión dos ósos longos do antebrazo) e nalúns casos estatura alta.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Lista das óperas máis importantes
O renacemento da presenza da ópera no mundo da música, decote grazas ás gravacións, supuxo un considerable incremento do repertorio. Antes, os teatros ofrecían sempre os mesmos títulos, limitando a cincuenta ou como moito a cen as obras que ofrecían regularmente. Porén, actualmente non para de medrar o número de óperas redescubertas que se foron incorporando aos circuítos operísticos.
Xamaica (/dʒəˈmeɪkə/; en inglés e oficialmente Jamaica) é un país insular situado no mar Caribe. Cunha extensión de 10 990 km², 240 km de longo e un máximo de 80 km de ancho, é a terceira illa máis grande das Grandes Antillas e do Caribe (despois de Cuba e Hispaniola). Xamaica atópase a 630 km do continente centroamericano, a uns 145 km.
Xosé Santiago Neira Vilas, nado en Gres (Vila de Cruces) o 3 de novembro de 1928 e finado no mesmo lugar o 27 de novembro de 2015, foi un xornalista, recoñecido e premiado escritor galego en lingua galega e lingua castelá e dinamizador cultural, emigrante na Arxentina e Cuba, membro da Real Academia Galega, Medalla Castelao e Medalla de Ouro de Galicia, autor dunha ampla obra narrativa, na que destaca Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis editado da historia da literatura galega. Cultivou tamén o ensaio, a poesía e a literatura infantil. A súa obra, tanto por calidade como por cantidade, converteuno nun clásico das letras de Galicia.