Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Apocalipse Z: O comezo da fin (filme)
Apocalipse Z: O comezo da fin (en castelán: Apocalipsis Z: El principio del fin) é un filme español de 2024 dirixido por Carles Torrens a partir dun guión de Ángel Agudo. O filme baséase na novela homónima de Manel Loureiro e está protagonizado por Francisco Ortiz. A súa trama trata dos esforzos do protagonista por reunirse coa súa familia mentres unha pandemia global comeza a converter as persoas infectadas en criaturas agresivas.
Os ecosistemas de montaña atópanse nas ladeiras das montañas. O clima alpino reinante nestas rexións afecta fortemente ao ecosistema porque as temperaturas baixan a medida que aumenta a altura, causando a estratificación do ecosistema. Esta estratificación é un factor crucial para definir a comunidade de plantas, biodiversidade, procesos metabólicos e dinámica dos ecosistemas montañeses.
As Protestas da Praza Tian'anmen de 1989, tamén coñecidas como Masacre da Praza Tian’anmen ou Incidente do 4 de xuño, foron unha serie de protestas lideradas por estudantes, intelectuais e activistas laborais na República Popular Chinesa que ocorreron entre o 15 de abril e o 4 de xuño de 1989. A protesta debeu o seu nome á localización da violenta supresión do movemento, que foi na Praza Tian'anmen de Pequín, polo Exército Popular de Liberación. Os manifestantes proviñan de distintos grupos, dende os intelectuais que pensaban que o goberno do Partido Comunista Chinés era demasiado corrupto e represor, até os traballadores urbanos que pensaban que a reforma económica chinesa chegara demasiado lonxe e que a inflación e o desemprego xeneralizado estaban a ameazar a súa forma de vida.
Cangas, ou Cangas do Morrazo (á espera da oficialización da forma Cangas de Morrazo), é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Morrazo, da que é capital histórica. Segundo o IGE, en 2021 tiña 26.708 habitantes, co que é o municipio máis poboado da comarca. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cangués, aínda que tamén é común na zona a forma cangueiro.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Guy Ritchie's The Covenant (ou sinxelamente The Covenant) é un filme estadounidense de 2023 producido, coescrito e dirixido por Guy Ritchie. Está protagonizado por Jake Gyllenhaal e Dar Salim. A súa trama segue a John Kinley, un sarxento dos Boinas Verdes, e Ahmed, o seu intérprete afgán, loitando contra os talibáns.
Cristóbal Ricardo Montoro Romero, nado en Cambil (Xaén) o 28 de xullo de 1950, é un político español, ministro de Facenda e Administracións públicas entre 2011 e 2018. Entre 2000 e 2004 foi tamén ministro de Facenda no goberno de Aznar, e foi membro do Parlamento Europeo e da Comisión de Asuntos Económicos e Monetarios.
A Macedonia grega (en grego Μακεδονία e en AFI /maceðo'nia/) é a maior e a segunda máis populosa rexión de Grecia, formando a parte noroeste daquel país, ou todo o norte, unha vez que a Macedonia oriental está xunta coa Tracia, formando a periferia da Macedonia Oriental e Tracia. Esta rexión é preto de metade da histórica rexión dos Balcáns onde, na antigüidade, se localizaba o antigo reino de Macedonia. A outra metade está dividida entre a Macedonia (ARIM) e a Bulgaria.
As Forzas de Paz da ONU, popularmente coñecidas como cascos azuis pola cor dos seus cascos, son corpos militares encargados de crear e manter a paz en áreas de conflito, controlar e observar os procesos de paz e dar asistencia a ex combatentes na implementación de tratados con fins pacíficos. Actúan por mandato directo do Consello de Seguridade da ONU e nel forman parte membros das forzas armadas e policiais dos países integrantes das Nacións Unidas, integrándose así nunha forza multinacional. En 1956, estas forzas supervisaron o cesamento de hostilidades entre Exipto e Israel.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
O Imperio Sasánida (en persa: ساسانیان) é o nome que se lle dá á cuarta dinastía iraniana e ao segundo Imperio Persa (226-651). A dinastía sasánida foi fundada por Ardashir I tras derrocar ao derradeiro rei arsácida, Artabán V de Partia, e terminou cando o derradeiro Šahanšah (Xahanxáh) ('Rei de reis') sasánida Yazdgerd III (632-651) perdeu unha prolongada guerra de catorce anos contra o primeiro dos califatos islámicos (o califato Omeia). O territorio do Imperio persa sasánida comprendía os actuais estados de Irán, Iraq, Armenia, Afganistán e partes do leste de Turquía e Siria, ademais de parte de Paquistán, o Cáucaso, Asia Central e Arabia.
O ámbar é unha resina fósil procedente de restos de coníferas, usada na fabricación de obxectos ornamentais; aínda que non é un mineral ás veces considérase unha xema. A resina semifosilizada denomínase copal. A maioría do ámbar ten unha antigüidade de entre 30 e 90 millóns de anos [Cómpre referencia].
Isto é un artigo sobre a música académica europea da época neoclásica (1750-1800) para ir á sección da música culta europea (mal chamada "música clásica") siga a ligazón: música académica. O clasicismo musical comeza aproximadamente en 1750 (morte de Johann Sebastian Bach) e remata en 1827 aproximadamente (morte de Beethoven). A música clásica propiamente dita coincide coa época chamada neoclasicismo (que noutras artes consiste no redescubrimento e copia dos clásicos da arte grecorromana, que era considerada tradicional ou ideal: clásica).
A bandeira de Kirguizistán (en kirguiz: Кыргыз Республикасынын Мамлекеттик туусу; Kyrgyz Respublikasynyn Mamlekettik tuusu) foi adoptada o 3 de marzo de 1992. É de fondo de cor vermella no que aparece representado, na súa parte central, o sol coa súa superficie rasgada por seis trazos da mesma cor que o fondo da bandeira. O sol amarelo representa a Timür Leng, un famoso guerreiro de Asia Central que formou un imperio no século XIV. As seis liñas vermellas que rachan o sol representan a seis cofrarías que apoiaron a este guerreiro.
Un rato knockout é un rato modificado xeneticamente por enxeñaría xenética ao cal os investigadores lle inactivaron (ver knockout de xenes) un dos seus xenes ao interromper dito xene ou substituílo cun fragmento de ADN artificial. A perda da actividade do xene a miúdo causa cambios no fenotipo do rato, que afectan á súa aparencia, comportamento, metabolismo ou calquera outra característica física ou bioquímica observable ou detectable. Os ratos knockout son importantes modelos animais para a experimentación no estudo da función de xenes que xa foron secuenciados pero dos que se descoñece as súas funcións.
Handan é unha cidade da China, unha das maiores da provincia de Hebei, no centro norte do país. Está na beira occidental da gran chaira chinesa ao pé das Montañas Taihang, que fan fronteira coa provincia de Shanxi. Situada nun dos berces da civilización chinesa, tense constancia de asentamentos no área dende a Dinastía Shang no segundo milenio antes da nosa era.
Espectro electromagnético é o intervalo completo da radiación electromagnética, que contén desde as ondas de radio, pasando polas microondas, o infravermello, a luz visible, os raios ultravioleta, os raios X, a radiación gamma, ata os raios cósmicos. Falar de espectro referíndose a un fenómeno ondulatorio como o é a radiación electromagnética (EM), significa falar en termos de frecuencia de oscilación, longura de onda ou enerxía de fotón. Así o espectro electromagnético é un mapa, unha clasificación da radiación EM segundo estes parámetros.
O suahili, tamén chamado swahili ou kiswahili, é unha lingua africana que pertence ao subgrupo sabaki das bantú. Dentro das bantú, é a que conta co número maior de falantes. É unha das linguas oficiais de Kenya, de Tanzania e de Uganda, aínda que os seus falantes nativos, os pobos suahili, sexan orixinarios só das rexións costeiras.
As briófitas ou briófitos (Bryophyta sensu lato ou "briófitas en sentido amplo"), do latín científico Bryophyta, derivado do grego βρύον brýon, "musgo", e φυτόν phytón, "planta", son plantas non vasculares e foron as primeiras en xurdir hai 420 millóns de anos. Son descendentes das algas verdes e foron as primeiras en colonizar os espazos terrestres, nesta división temos os musgos, as hepáticas e os antóceros. Habitan en climas fríos e húmidos, e posúen vida latente.
O Aquarium Finisterrae ou Casa dos Peixes, é un centro interactivo situado na cidade da Coruña (Galicia, España) dedicado á divulgación científica sobre aspectos relacionados coa bioloxía mariña, a oceanografía e o mar en xeral. Ten como obxectivo promover o coñecemento do océano e educar actitudes positivas cara ao medio mariño, así como contribuír ao coñecemento científico da vida mariña. Atópase na costa coruñesa, no Paseo Marítimo, entre a Domus e a Torre de Hércules, que se pode ver dende o acuario.
As caseínas (do latín caseus, "queixo") son unha familia de fosfoproteínas, que comprenden os tipos αS1, αS2, β, e κ. Estas proteínas encóntranse comunmente no leite dos mamíferos, e supoñen ata o 80% das proteínas do leite de vaca e entre o 20% e o 45% no leite humano. A caseína ten moitas aplicacións, desde ser o principal compoñente do queixo, a utilizarse como aditivo alimentario, ou como aglutinante na industria.
A billarda ou estornela é un xogo popular de Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos, considerado como deporte desde 2020. As regras deste xogo son zonais, polo que é difícil atopar varias zonas que xoguen coas mesmas regras. Consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible.
Lista das Nacións Unidas de territorios non autónomos
A Lista das Nacións Unidas de Territorios Non Autónomos é unha lista de lugares que a Asemblea Xeral das Nacións Unidas considera "non autónomos" e suxeitos a proceso de descolonización. Soamente poden estar na lista territorios habitados permanentemente. A lista foi establecida pola Asemblea Xeral en 2002.
O encoro de Abegondo - Cecebre ou encoro de Cecebre é un encoro entre Abegondo, Betanzos, Cambre e Carral construído na confluencia do río Barcés e o río Mero. O encoro, propiedade do concello da Coruña, foi construído entre 1975 e 1976 para fornecer de auga á cidade. O encoro e os seus afluentes, o río Barcés e ao Mero, son espazo naturais que foron declarados como zona especial de conservación (ZEC).
Juan Luis Guerra Seijas, nado en Santo Domingo (República Dominicana) o 7 de xuño de 1957, é un compositor, cantautor e produtor musical caribeño. As súas 14 producións (10 delas en estudo) acadaron unhas vendas superiores a 20 millóns de discos en todo o mundo. O seu estilo propio mestura o merengue, bolero e salsa con fusións afroantillanas, xunto coas bases da bachata popular dominicana.
Os drusos (en árabe: duruzi دروزي, plural: duruzدروز ; en hebreo: druzi דרוזי, pl. druzim דרוזים) son unha minoría relixiosa que habita, principalmente, no Líbano, Israel, Siria, e Xordania. Así mesmo, existen pequenas comunidades de emigrantes drusos nos Estados Unidos, Canadá, América do Sur, Australia, e Europa.
Solidariedade (Solidarność en polaco) é unha federación sindical autónoma e independente polaca de raíces cristiás, nada das loitas obreiras e campesiñas pola liberdade sindical e en contra do Estado socialista, dirixidas por Lech Wałęsa, fundada en setembro do ano 1980 e considerado un dos maiores sindicatos da historia.
Satyajit Ray (en bengalí: সত্যজিত রায় ou সত্যজিৎ রায়; Shottojit Rae ), nado en Calcuta o 2 de maio de 1921 e finado na mesma cidade o 23 de abril de 1992, foi un director de cinema indio, así mesmo tamén desempeñou a función de ilustrador, editor, escritor, deseñador gráfico e crítico de cinema. É recoñecido como un dos grandes creadores de cinema do século XX. Ray dirixiu 36 filmes, incluíndo longametraxes, documentais e curtametraxes. Tamén foi escritor de ficción, editor, ilustrador, calígrafo, compositor, deseñador gráfico e crítico de cinema.
O Eurotúnel ou Túnel da Mancha, denominado Channel Tunnel en inglés, le tunnel sous la Manche en francés e aínda alcuñado polos ingleses como The Chunnel, é un túnel ferroviario que liga a Francia á Inglaterra por debaixo da auga. A súa construción foi bastante demorada e o inicio das obras sufriu algunhas falsas partidas até a súa inauguración en 1994. É o segundo túnel ferroviario máis longo do mundo, apenas superado polo Túnel Seikan no Xapón.
Estevo Nemanja (en eslavo eclesiástico, Стѣфань Неманя; en serbio cirílico, Стефан Немања; en latino, Stefan Nemanja; pronunciación AFI,ˈstɛfaːn 'nɛmaɲa) nado contra 1113, e finado o 13 de febreiro de 1199, foi un gobernante medieval serbio, gran župan de Raška, e fundador da dinastía Nemanjić, que gobernou o Reino de Serbia, que os seus sucesores converteron no Imperio serbio, o estado serbio máis poderoso de todos os tempos. Considérase, xunto co seu fillo, Rastko Nemanjić (San Sava), o pai da Igrexa ortodoxa serbia. Ao longo da súa vida, patrocinou moitas igrexas e mosteiros, e o últimos anos pasounos nun deles, o mosteiro de Hilandar, no Monte Athos (Grecia), e despois no de Chelandariou onde morreu e foi enterrado o ano 1199.
Alemaña no Festival de Eurovisión
Alemaña participou en todos os Festivais de Eurovisión desde o seu inicio en 1956, salvo na edición de 1996. É o país con máis representacións en toda a historia do Festival da canción. Francia e o Reino Unido están preto, faltando a só dúas edicións cada un.
A bandeira de Austria (en alemán: Nationalflagge Österreichs) está formada por tres franxas horizontais de igual anchura, de cor vermella a superior e a inferior, e branca a central. A bandeira do Estado engade o escudo nacional no centro. Esta bandeira foi adoptada oficialmente o 1 de maio de 1945.
O voto é un método de toma de decisións no que un grupo, tal como unha xunta ou un electorado, trata de medir a súa opinión, usualmente como o paso final que segue as discusións ou debates. Como métodos alternativos ao voto inclúense a adopción de decisións por consenso (que funciona evitando a polarización e marxinalización da disensión) e a aposta (como nunha democracia anticipativa). En democracia, o voto implica comunmente a elección, por exemplo unha forma para que un electorado elixa entre os seus candidatos a un cargo.
A gripe A (H1N1) é unha infección por unha cepa de virus H1N1 de gripe que se comezou a detectar en marzo de 2009 nos Estados Unidos, pero que tivo as súas primeiras pegadas severas en abril dese ano en México, e xerou unha pandemia. A cepa de virus da gripe A (H1N1) deriva parcialmente de catro subtipos de virus, un de gripe humana, outro de gripe aviaria e dous de gripe porcina e transmítese directamente entre humanos.
A Laponia (Sápmi en saami, Lappi en finés, Lappland en sueco e noruegués) é o nome dunha rexión cultural habitada orixinalmente polo pobo dos saami, se ben na actualidade tan só son unha minoría. Abrangue unha parte dos asentamentos dos saami, pobo indíxena antigamente chamado lapón (mais esta palabra ten unha orixe pexorativa). O territorio no cal se asentan os saami nunca tivo unidade como estado, e hoxe en día este territorio está repartido entre Noruega, Suecia, Finlandia e Rusia.
As linguas do río Piore ou linguas lagoon son un grupo de linguas que forman unha subdivisión da familia de linguas skou. Historicamente, a maioría das linguas foron agrupadas como unha única lingua warapu, e a lingua nouri clasificouse de diversas maneiras. Fálanse na zona da Lagoa de Sissano, na área rural de West Aitape, na Provincia de Sandaun, en Papúa-Nova Guinea.
O Verín Club de Fútbol é o equipo de fútbol de referencia da vila ourensá de Verín. Fundado en 1971, na actualidade compite no Grupo 1 da Primeira Autonómica de Galicia, e ten uns 300 socios. Con camisola vermella e pantalón azul coma equipación, o Verín CF disputa os seus partidos coma local no estadio José Arjiz, con capacidade para uns 2000 espectadores.
A Comunidade Valenciana (en valenciano: Comunitat Valenciana, en castelán: Comunidad Valenciana), tamén coñecida como País Valenciano (en valenciano: País Valencià, en castelán: País Valenciano), é unha comunidade autónoma na costa mediterránea de España, recoñecida como nacionalidade no seu Estatuto de Autonomía. É así pois un país ou rexión de Europa situado ó leste da Península Ibérica, que popularmente se denomina moitas veces simplemente Valencia. Esténdese entre o río Sénia en Vinaròs até Pilar de la Horadada, máis aló da desembocadura do río Segura, cunha delimitación terrestre de 834 km de lonxitude, e 644 km de lonxitude de costa.
Bassas da India (fr; malgaxe: Nosy Bedimaky) é un atol deshabitado e aproximadamente circular de 0,2 km² de superficie, o que o constitúe na porción de terra máis pequena rodeada por auga. Situado no sur do Canle de Mozambique, aproximadamente a medio camiño entre Mozambique e Madagascar (uns 385 km máis ao leste) e a uns 110 km ao noroeste da Illa Europa. Está administrado por Francia, orma parte do grupo das illas dispersas do Océano Índico como parte das Terras Austrais e Antárticas Francesas, aínda que é reclamado por Madagascar.
Centro, en ciencia política, é o conxunto de partidos, políticas e ideoloxías que se caracteriza por considerarse a si mesma intermedias, no espectro político, a posicións tanto de dereita como de esquerda política. É conveniente non confundir o centrismo co reformismo. Mentres o centrismo valora as posicións consensuais como un fin en si mesmas -as políticas do "xusto medio" -, o reformismo mantén obxectivos a longo prazo para os cales tales posicións serían só un momento nun proceso progresista de avance moderado ou paulatino.
Latín vulgar (en latín, sermo vulgaris) é un termo xenérico, empregado para se referir aos dialectos vernáculos do latín, falados fundamentalmente nas provincias occidentais do Imperio Romano. A súa extinción como lingua viva asociouse coa crecente diferenciación destes dialectos, que conduciu, no século IX, á formación das linguas romances iniciais. Esta variante do latín falado difire do estilo literario do latín clásico na súa pronunciación, vocabulario e gramática.
A historia de Francia abrangue a historia de Francia e a dos seus estados predecesores. Tradicionalmente os historiadores remontan a fundación de Francia ao ano 486, data da conquista da parte máis grande da Galia por Clodoveo I, rei dos francos. O Reino Franco logo francés existiu sen interrupción dende esta época, o que o fai o estado máis vello de Europa.
O Reino de Serbia foi un estado balcánico que creado a partir do Principado de Serbia o 23 de marzo de 1882. Despois de loitar contra o Imperio Otomán para lograr a súa su independencia, tamén tivo que loitar contra o Reino de Bulgaria. O pequeno reino foi ocupado finalmente polas Potencias Centrais durante a primeira guerra mundial e, ao finalizar esta, uniuse ao Reino de Montenegro e ao Estado dos Eslovenos, Croatas e Serbios para formar o Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos o 1 de decembro de 1918.
Luhansk (en ucraíno Луга́нськ /lu'ɦɑnʲsʲk/, en ruso Луга́нск /lu'gɑnsk/), (antiga Voroshilovgrado), é unha cidade do leste de Ucraína, na confluencia dos ríos Luhan e Oljóvaia. É un centro industrial situado na conca mineira do Dónets. Aquí fabrícanse produtos como equipamento para minería e ferrocarrís, alimentos procesados e ferramentas.
O sexo oral refírese á práctica sexual consistente na estimulación erótica dos xenitais por medio da boca, lingua, dentes ou gorxa. O cunnilingus é o practicado nunha muller mentres a felación é nun home, o anilingus é a estimulación do ano. A excitación doutras partes do corpo, como bicar ou lamber non se considera sexo oral como tampouco a inxesta de líquidos xenitais, seme ou fluxo vaxinal sen contacto físico boca-vexitalia.
Mayagüez é a oitava cidade máis grande de Porto Rico. Foi fundada orixinalmente como "Nuestra Señora de la Candelaria" e é tamén coñecida como "La Sultana del Oeste" (A Sultana do Oeste), "Ciudad de las Aguas Puras" (Cidade das Augas Puras), ou "Ciudad del Mangó" (Cidade do Mangó). O 6 de abril de 1894, a coroa española deulle o título de "Excelente ciudad de Mayagüez" (Excelente Cidade de Mayagüez).
Un calendario é un sistema de medida para longos períodos de tempo. Os calendarios xeralmente definen unidades de espazo en termos de días, con unidades maiores para múltiplos días. Esas unidades reciben nomes ou números para facilitar a lembranza de eventos ou acontecementos históricos e planear eventos futuros.
O Mesolítico (pedra intermedia) é un período da prehistoria situado entre o Paleolítico e o Neolítico, e presente (ou polo menos, con duración razoábel) apenas nalgunhas rexións do mundo onde non houbo transición directa entre os dous períodos citados. As rexións que sufriran maiores efectos das glaciacións tiveron Mesolíticos máis evidentes. Iniciouse co fin do Plistoceno, a preto de 10 mil anos atrás, e rematou coa introdución da agricultura, en épocas que varían de acordo coa rexión.
O accidente ferroviario de Angrois de 2013 foi un descarrilamento ferroviario sucedido o 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, en Santiago de Compostela. Foi o accidente de tren máis grave da historia de Galicia e de España, se ben hai hipóteses que sinalan que o máis grave da historia de España foi o accidente de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia. Ademais, tamén foi o primeiro accidente de tren mortal producido nunha liña de alta velocidade en España.
Glasgow (pronunciado [ˈɡlɑːzɡoʊ] en inglés, en gaélico escocés Glaschu, pronunciado [ˈɡ̊ɫ̪as̪əxu], ou Glesca/Glesga en escocés) é unha cidade de Escocia. Os seus 688.420 habitantes convértena na primeira cidade escocesa e a terceira de Gran Bretaña. Está situada na beira do Río Clyde nos Lowlands Escoceses.
A República de Vietnam (Việt Nam Cộng Hòa, en lingua vietnamita) ou Vietnam do Sur foi un estado localizado no sueste asiático que ocupaba o que hoxe en día é o sur de Vietnam entre 1955 e 1975, como resultado da división do país na Conferencia de Xenebra. Trala derrota dos franceses, produciuse unha chegada de asesores militares dos Estados Unidos para evitar que os comunistas de Vietnam do Norte se apropiaran do sur, actuando de acordo á doutrina Truman. Estados Unidos deulle grande importancia á supervivencia do estado survietnamita debido a que se cría que unha vitoria sobre os comunistas podería propiciar a sucesiva caída na esfera soviética dos países da zona, seguindo o que se coñecía como a teoría do dominó.
O acoirazado Potemkin (ruso: Броненосец «Потёмкин», Bronenosets Potyomkin) é un filme mudo soviético de 1925 dirixido por Sergei Eisenstein e producido por Mosfilm. Foi unha película de encarga para conmemorar os vinte anos da infrutuosa revolución de 1905. O filme ten por base feitos reais que sucederon no porto de Odesa en 1905, os mariñeiros do Potemkin reveláronse contra os seus oficiais polos continuos maltratos.
A diferenza do corporativismo gremial clásico, o actual corporativismo é unha doutrina que defende un sistema económico baseado na unificación, mediante corporacións dentro do Estado, de todas as organizacións sindicais: empresariais, laborais, profesionais etc. É unha forma peculiar e totalitaria de terceira vía que se aplicou como forma de organización socioeconómica por parte dos réximes Fascista e Nacionalsocialista, e que fixo énfase no sindicato e a planificación orientada. O termo debe distinguirse daquel que se utiliza con sentido pexorativo para designar calquera política deseñada para favorecer ás corporacións, entendendo neste caso por "corporación" a súa outra acepción terminolóxica que refire ás sociedades anónimas características dos sistemas capitalistas modernos.
Doce homes sen piedade (en inglés: 12 Angry Men) é un filme estadounidense de 1957 dirixido por Sidney Lumet. Adaptado da obra homónima de Reginald Rose, é un drama legal que conta a historia dun xurado de doce homes que deliberan sobre a sentenza na base da dúbida razoable, forzando os membros do xurado a cuestionarse sobre a súa propia moral e valores. En 2007, o filme foi escollido para a súa preservación polo National Film Registry da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos por ser "cultural, histórica ou esteticamente significativo".
Mesa é unha cidade situada no condado de Maricopa, no estado de Arizona (EUA). Segundo o censo de 2010 tiña unha poboación de 439.041 habitantes e unha densidade de poboación de 1.236,77 hab./kmm². Forma parte da área urbana de Phoenix e é a terceira cidade do Estado, despois da propia Phoenix e Tucson.
Un microorganismo, tamén chamado microbio ou organismo microscópico, é un ser vivo que só pode visualizarse co microscopio. A ciencia que estuda os microorganismos é a microbioloxía. Son organismos dotados de individualidade que presentan, a diferenza das metafitas e os metazoos, unha organización biolóxica elemental.