Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Fernando Ónega López, nado en Mosteiro (Pol) o 16 de xuño de 1947 e finado en Madrid o 3 de marzo de 2026, foi un xornalista galego. Ao longo da súa carreira traballou en gabinetes oficiais, prensa escrita, radio e televisión pública (TVE) e privada (Telecinco e Antena 3). Foi xefe de prensa da Guardia de Franco (1975) e subdirector do diario Arriba, órgano oficial da Falanxe.
Estrella Castrillón Vidal, nada en Irixoa, é unha empresaria, política e excopiloto galega de rally. Gañou xunto a Germán Castrillón seis títulos do Campionato de Galicia de Rally entre 1990 e 2000. Ademais competiu no Campionato de España e en 1990 gañou o campionato de copilotos da Copa de España de Rally.
Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κύπρος/Kýpros, en turco: Kıbrıs), oficialmente República de Chipre ( pronunciación ) (en grego: Κυπριακή Δημοκρατία, en turco: Kıbrıs Cumhuriyeti) é unha república que abrangue o territorio da illa homónima, situada ó leste do mar Mediterráneo, 113 km ao sur de Turquía, 120 km ao oeste de Siria e 150 km ao leste da illa grega de Kastellorizo. Chipre ingresou como membro das Nacións Unidas o 20 de setembro de 1960 e foi un dos fundadores do Movemento de Países Non Aliñados até o seu ingreso na Unión Europea o 1 de maio de 2004. Segundo a lei internacional, a illa de Chipre no seu todo é un estado independente, mais de facto atópase dividida dende o 15 de xullo de 1974 en dúas partes.
Galería de imaxes de grupo de personalidades de Galicia
Galería de imaxes de grupo de personalidades de Galicia, por orde cronolóxica.
Miguel de la Quadra-Salcedo y Gayarre, nado en Madrid o 30 de abril de 1932, e finado ibídem o 20 de maio de 2016, foi un reporteiro, promotor cultural e atleta español, especializado nas probas de lanzamento. Fundou e dirixiu o programa de estudos e aventuras Aventura 92, posteriormente coñecido como Ruta Quetzal. Aínda sendo madrileño de nacemento, el sempre se recoñeceu como vasco-navarro.
Pedro Sánchez Pérez-Castejón, nado en Madrid o 29 de febreiro de 1972, é un economista e político español, presidente do Goberno de España dende 2018. Tamén é secretario xeral do Partido Socialista Obrero Español (PSOE). Concelleiro do Concello de Madrid entre 2004 e 2009, en setembro de 2009 converteuse en deputado no Congreso.
Mario Ramberg Capecchi (nado o 6 de outubro de 1937) é un xenetista molecular estadounidense nado en Italia que recibiu en 2007 o Premio Nobel de Medicina por descubrir un método para crear ratos aos cales se lles desactivaba un xene, denominados ratos knockout. Compartiu o premio Nobel con Martin Evans e Oliver Smithies. Actualmente é profesor distinguido de Xenética Humana e Bioloxía na Escola de Medicina da Universidade de Utah.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
María Mercedes Torrevejano Parra, nada en Valdepeñas de Jaén o 9 de xaneiro de 1941, é unha filósofa, docente e catedrática española. En 1983 converteuse na primeira muller en obter por oposición unha cátedra de Metafísica na universidade española, concretamente na Universidade de Santiago de Compostela.
Rita Maestre Fernández, nada en Madrid o 13 de abril de 1988, é unha política e activista española, concelleira do Concello de Madrid, onde ademais desempeña as funcións de voceira e de Coordinadora da Xunta de Goberno e Relacións co pleno. Forma parte do Consello Cidadán de Podemos, onde é responsable da área de Políticas de Benestar.
Los domingos é un filme dramático de 2025 dirixido por Alauda Ruiz de Azúa e protagonizado por Patricia López Arnaiz, Mabel Rivera, Blanca Soroa, Nagore Aranburu e Miguel Garcés. Foi premiada coa Cuncha de Ouro do Festival Internacional de Cine de Donostia. Nos premios Goya de 2026 recibiu cinco galardóns: o de mellor filme, dirección, actriz secundaria, actriz protagonista e guión orixinal.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
O río Amazonas (tamén chamado Paraná-Uassú ou Paranaguasú polas tribos tupí-guaranís) é un río suramericano que nace na Cordilleira dos Andes, no lago Lauri ou Lauricocha, no Perú, pasa por Colombia, atravesa o Brasil e desauga no océano Atlántico, xunto á Illa do Maraxó, no Brasil, onde entra polo estado homónimo. Ao longo do seu curso recibe os nomes de Tunguragua, Marañón, Ucayali, Solimóns e finalmente Amazonas. É o río máis longo e caudaloso do mundo, e contén máis auga ca o Nilo, o Yangtzé e o Mississippi xuntos, supoñendo preto dunha quinta parte da auga doce en estado líquido do planeta.
Chambao é unha grupo musical flamenco-electrónico, coñecido como Flamenco Chill. Orixinais de Málaga (España) a súa música mestura os sons do flamenco con música electrónica. Un chambao, en andaluz, é unha tenda de campaña improvisada para protexerse do sol e a brisa da tarde na praia, utilizada normalmente na noite de San Xoán.
Cerdita é un filme hispano-francés de 2022 escrito e dirixido por Carlota Pereda. Baseáse na súa curtametraxe homónima de 2019. O elenco, liderado por Laura Galán (quen repite o seu papel da curtametraxe), tamén conta con Richard Holmes, Carmen Machi, Claudia Salas, Irene Ferreiro, Camille Aguilar e Pilar Castro.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Alternativa dos Veciños é un partido político que actuou ao longo da súa historia no concello de Oleiros. A partir das eleccións de 2015 iniciou un proceso de ampliación coa presentación de candidaturas nos concellos da Coruña, Arteixo e Culleredo o que lle permitu entrar na Deputación da Coruña. Nos anos seguintes o partido aumentou as agrupacións locais, e así tras as eleccións de 2019 fíxose coa alcaldía do concello de Carral e entrou nos gobernos locais de Bergondo e Sada.
Primeiro bienio da Segunda República española
O primeiro bienio da Segunda República española constitúe a primeira etapa da Segunda República, entre a súa proclamación o 14 de abril de 1931 e a celebración das eleccións xerais de novembro de 1933, que deron paso ao segundo bienio. Con todo hai historiadores, como Gil Pecharromán, partidarios de limitar o termo «primeiro bienio», ao que tamén denominan bienio social-azañista, bienio reformista ou bienio transformador, ao período de goberno da coalición dos republicanos de esquerdas cos socialistas encabezada por Manuel Azaña. Así, o primeiro bienio comezou o 15 de decembro de 1931, data da formación do segundo goberno de Azaña, tras rexeitar o Partido Republicano Radical a súa participación no mesmo por estar en desacordo coa continuidade do PSOE, e rematou en setembro de 1933.
Illas subantárticas de Nova Zelandia
As Illas Subantárticas de Nova Zelandia comprenden os cinco grupos máis meridionais das illas periféricas de Nova Zelandia. Son designados colectivamente como da Patrimonio da Humanidade UNESCO. A maioría das illas atópanse preto do bordo sueste do continente somerxido, centrado en Nova Zelandia, chamado Zealandia, que foi separado de Australia hai de 60 a 85 millóns de anos, e da Antártida hai 85-130 millóns de anos. Comparten algunhas características coa illa Macquarie de Australia ao oeste.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
O Líbano (árabe: لُبْنَان), oficialmente a República do Líbano (árabe: الجمهورية اللبنانية) ou a República Libanesa, é un país de Asia Occidental. Está situado entre Siria ata o norte e o leste e Israel ata o sur, mentres que Chipre se atopa ao oeste, atravesando o mar Mediterráneo. A súa localización na encrucillada da Conca do Mediterráneo e do interior árabe contribuíu á súa rica historia e deu forma á unha identidade cultural de diversidade relixiosa.
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.058.
Territoriu de bandolerus é un filme estremeño dirixido por Néstor del Barco e José Ignacio Cobos e producido por Pilar Cobos e Eduardo Gómez da asociación cultural El Duendi. É o primeiro filme realizado integramente en lingua estremeña (dialecto de Serradilla). Conta a historia do bandido El Cabrerín.
Past Lives é un filme dramático surcoreano-estadounidense de 2023 escrito e dirixido por Celine Song no seu debut como directora de longametraxes. Está protagonizado por Greta Lee, Teo Yoo e John Magaro, segue a dous amigos da infancia ao longo de 24 anos mentres contemplan a natureza da súa relación a medida que se afastan e viven vidas diferentes. O argumento é semiautobiográfico e inspírase en elementos reais da vida de Song.
Rosalía Castro de Murguía, de solteira, Rosalía de Castro Abadía, nada en Conxo (Santiago de Compostela) o 23 de febreiro de 1837 e finada na Matanza (Padrón) o 15 de xullo de 1885, foi unha escritora e poeta galega, considerada a máis ilustre figura da lírica moderna, unha das máis altas da poesía española do século XIX e a principal responsable do Rexurdimento galego do século XIX, xunto a Eduardo Pondal e Manuel Curros Enríquez. O 17 de maio, Día das Letras Galegas, celébrase co gallo de ser a data de edición da súa obra Cantares gallegos. A súa figura e as súas creacións literarias foron obxecto dunha abondosa bibliografía e recibiron unha constante atención crítica, tanto no territorio galego coma no estranxeiro.
Faustino Míguez González, en relixión Faustino da Encarnación, Sch. P., nado en Xamirás (Acevedo do Río, Celanova) o 24 de marzo de 1831 e finado en Xetafe (Madrid) o 8 de marzo de 1925, foi un sacerdote da Orde das Escolas Pías, fundador do Instituto Calasancio Fillos da Divina Pastora; educador e botánico, tamén foi fundador dos laboratorios Míguez. É venerado como santo pola Igrexa católica.
Estatua de Che Guevara en Oleiros
A Estatua de Che Guevara en Oleiros é unha homenaxe ao Che Guevara na avenida que leva o seu nome en Oleiros, na rotonda á altura do parque de Nirvana, preto da praia de Bastiagueiro. A estatua está baseada na famosa fotografía Guerrillero Heroico de Alberto Korda. A Escola de Artes Plásticas San Alejandro, da Habana, fixo un concurso de deseño da estatua que gañou o escultor Juan Quintanilla Álvarez e o músico Karol William Pérez.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Nintendo (en xaponés: 任天堂, にんてんどう) é unha compañía de videoxogos, fundada no século XIX en Kyoto no Xapón. Comezou facendo xogos de cartas, de entre elas as chamadas Hanafuda (carta de flor) que tiveron grande éxito. Máis tarde entraría no mercado dos xoguetes electrónicos, para ser unha das pioneiras do videoxogo a finais dos anos setenta.
Eleccións municipais en Oleiros
Estes foron os resultados das eleccións municipais no concello de Oleiros dende 1979.
Nudez é o estado de carencia de roupas ou vestidos, o cal implica a exposición da pel e das partes íntimas. No mundo da arte é un xénero artístico que representa figuras humanas despoxadas de vestimenta, cuxa orixe se remonta aos inicios da arte prehistórica. Acadou o seu apoxeo durante a Antigüidade clásica e o Renacemento.
Illas periféricas de Nova Zelandia
As illas periféricas de Nova Zelandia son nove grupos de illas en mar aberto que forman parte de Nova Zelandia, todas agás as Illas Solander atópanse máis aló do límite das 12 millas náuticas das augas territoriais do continente. Aínda que se consideran partes integrantes de Nova Zelandia, sete dos nove grupos de illas non forman parte de ningunha rexión ou distrito, senón que están designados cada un como un Área fóra da xefatura territorial. As dúas excepcións son as Illas Chatham, que están cubertas polas súas propias autoridade territorial, e as Illas Solander, que forman parte da Rexión de Southland e o Distrito de Southland.
Os quirópteros ou morcegos (Chiroptera) son unha orde de mamíferos placentarios cuxas extremidades superiores se desenvolveron como ás. Con aproximadamente 1.100 especies, representan aproximadamente un 20% de todas as especies de mamíferos, o que os converte na segunda orde máis numerosa desta clase (tras os roedores). Están presentes en todos os continentes, agás na Antártida.
Antía Muíño, nada en Santiago de Compostela, é unha cantautora e guitarrista galega. O seu estilo vai dende a canción de autor, a música tradicional galega, o jazz ou a bossa nova. En 2020 publicou o seu primeiro sinxelo "Carta Aberta" e dous anos máis tarde o seu primeiro álbum, tamén titulado Carta Aberta.
Para a especie da familia dos cértidos Certhia brachydactyla coñecida vulgarmente tamén como rubideira, véxase subidor. Unha planta rubideira ou planta gateadora é aquela que medra suxeitándose nun soporte, ben enrolándose, ben a través de órganos fixadores especiais. As rubideiras non se manteñen erguidas por si mesmas, necesitando doutra planta, un muro, un penedo, unha parra, un espaller, unha pérgola, unha rede etc.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
Este artigo trata sobre a cantante, para a representación artística da Virxe María, véxase Madonna (arte). Madonna Louise Ciccone, nada en Bay City (Míchigan) o 16 de agosto de 1958, é unha cantante, compositora e produtora estadounidense, máis coñecida como Madonna. De ascendencia italiana e francocanadense, o seu estilo musical abrangue a música disco, pop, dance e electrónica.
Vigo ( pronunciación ) (tamén coñecida como a cidade olívica) é unha cidade e concello da provincia de Pontevedra, na comunidade autónoma de Galicia, no noroeste da Península Ibérica. É a capital da comarca de Vigo, aínda que historicamente pertenceu á comarca de Val de Fragoso. Ademais é a capital da súa área metropolitana.
Os mártires de Brens foron un grupo de oito veciños de Cee e da bisbarra da Costa da Morte, todos operarios e nalgúns casos dirixentes sindicais da Fábrica de Brens, pertencente na altura á empresa Sociedade Hidroeléctrica do Pindo (subsidiaria da sociedade Carburos Metálicos S.A.), e que foron fusilados o 9 de decembro de 1936 polo réxime franquista pola súa militancia política e sindical, e especialmente por liderar unha folga sindical en oposición ao Golpe de Estado do 18 de xullo, e en defensa do goberno da República, da propia fábrica e da liberdade do pobo. O grupo estaba formado por Norberto Recamán Lago, Florentino Canosa Barreiro, José Lago Fernández, Teófilo Mejuto Leis, Perfecto Trasmonte Costa, Jesús Chouza Figueiras, Manuel García Castiñeira e Domingo López Domínguez. Outras persoas relacionadas cos feitos foron, entre outras, Jacobo González Mosquera, Avelino Trillo Casal (de Berroxe), Cándido Lema Santos (de Fadibón), José Díaz Cernadas, Manuel López, Domingo Trillo (de Berroxe) e Roberto Mayán.
Jeffrey Edward Epstein, nado en Brooklyn o 20 de xaneiro de 1953 e finado o 10 de agosto de 2019, foi un financeiro estadounidense e pedófilo convicto por delitos sexuais. Epstein comezou a súa vida profesional dando clases na Dalton School malia non ter o título universitario necesario. Despois do seu despedimento da escola en 1976, entrou no sector bancario e financeiro, traballando en Bear Stearns en varios roles antes de iniciar a súa propia empresa.
José López-Suevos Otero, máis coñecido como Pepo Suevos, nado en Ferrol en 1971, é un actor galego. Comezou coma contacontos e desde entón ten participado en multitude de longametraxes con papeis secundarios, así coma na maioría das series máis coñecidas da TVG e nalgúns programas de televisión. Conta con grande experiencia coma contacontos e cómico.
Un xornalista ou periodista é aquela persoa que se dedica ó xornalismo en calquera das súas formas, xa sexa na prensa escrita, radio, televisión ou medios dixitais. O xornalista dedícase basicamente á busca de información e á súa posterior difusión. Existen varios principios que guían o labor do periodista, o principal dos cales é o respecto pola verdade e o rigor na busca da información.
Atentados do 11 de marzo de 2004 en Madrid
Os Atentados do 11-M ou Atentados do 11M, coñecidos tamén como 11M, foron unha serie de ataques terroristas en catro trens da rede ferroviaria de Madrid. Foron levados a cabo por unha célula xihadista, segundo a investigación policial e as sentenza da Audiencia Nacional e do Tribunal Supremo. Faleceron 193 persoas e arredor de dúas mil resultaron feridas.
Xosé Fernando Filgueira Valverde, nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado na mesma vila o 13 de setembro de 1996, foi un historiador, arqueólogo, antropólogo e escritor polígrafo galego, de abundante produción literaria e humanística. Cofundou o Seminario de Estudos Galegos, dirixiu o Instituto Padre Sarmiento e o Museo de Pontevedra. Presidiu o Consello da Cultura Galega e foi membro da Real Academia Galega.
Emilia Pardo-Bazán y de la Rúa-Figueroa, nada na Coruña o 16 de setembro de 1851 e finada en Madrid o 12 de maio de 1921, foi unha escritora en lingua castelá, intelectual, xornalista, crítica literaria, narradora e rexionalista galega que triunfou na literatura española como escritora e como figura pública. Influída polo naturalismo, movemento literario que introduciría en España, escribiu máis de 500 obras en forma de novelas, contos, artigos e folletos. En recoñecemento polos seus méritos artísticos, o rei Afonso XIII concedeulle en 1908 o título de condesa de Pardo Bazán.
O Kurdistán (en lingua kurda: كوردستان, Kūrdstān), ás veces escrito Curdistán, é o territorio tradicional no que habita o pobo kurdo. Politicamente a maior parte corresponde a Turquía e o resto a Iraq, Irán, Siria e Armenia. Os seus límites exactos son difíciles de establecer, xa que ningún dos estados recoñece o Kurdistán como unha rexión cultural, xeográfica ou política.
Xosé Manuel Hixinio Beiras Torrado, máis coñecido como Xosé Manuel Beiras, nado en Santiago de Compostela o 7 de abril de 1936, é un político e economista galego de ideoloxía nacionalista galega e de esquerdas. Foi membro fundador e líder do Partido Socialista Galego (PSG), Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Anova Irmandade Nacionalista (Anova). Impulsou coalicións electorais con representación parlamentaria como Galeusca, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) ou En Marea.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
Os billetes funerarios (en chinés tradicional: 金紙; simplificado: 金纸; pinyin: jīnzhǐ), coñecidos tamén como diñeiro de fantasmas ou diñeiro de pantasmas, son billetes de fantasía, ás veces con deseños específicos e outros como réplicas de billetes reais, utilizados polos budistas do Leste de Asia como parte dunha tradición na que se queiman en memoria dos familiares e amigos finados. A fabricación e queima de billetes funerarios practícase na China e na Asia oriental desde finais do século XIX. Os billetes impresos a principios do século XX semellan as moedas que se empregaron nos negocios na China desde aquela época ata mediados da década de 1940.
Lista de nomes masculinos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes masculinos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.