Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Xesús Campos Álvarez, coñecido como Chichi Campos, nado en San Cristóbal de La Laguna (Tenerife) o 31 de decembro de 1952 e finado en Santiago de Compostela o 26 de febreiro de 1991, foi un humorista gráfico e xornalista galego. Foi un dos publicistas con maior talento e vea crítica da década dos setenta e oitenta do século XX. En 2024, a Asociación Galega de Profesionais da Ilustración dedicoulle o Día da Ilustración.
Enrique Ortiz de Landázuri Izarduy, máis coñecido como Enrique Bunbury, nado en Zaragoza o 11 de agosto de 1967, é un artista aragonés, coñecido por ser o vocalista da banda de rock & roll Héroes del Silencio e pola súa carreira en solitario. O nome artístico Bunbury está sacado da obra de teatro Ernest. Comedia frívola para xente seria de Oscar Wilde.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
O gato ou gato doméstico (Felis silvestris catus ou Felis catus), chamado familiarmente micho ou mico, é un mamífero doméstico da familia dos felinos, con unllas retráctiles, carnívoro, de pelaxe espesa e suave. Os humanos adoitan valorar estes animais pola súa compañía e pola súa capacidade de cazar pequenos animais coma os ratos. Existen máis de setenta razas de gatos recoñecidas por varios rexistros.
Lista de xentilicios de concellos galegos
Esta é unha lista dos xentilicios dos concellos de Galicia:
A Segunda República Española foi o réxime político democrático que rexeu España entre o 14 de abril de 1931, data da súa proclamación, até o 1 de abril de 1939, data da vitoria definitiva do bando autoproclamado nacional (é dicir, o de quen se sublevaron contra a República os días 17 e 18 de xullo de 1936, chamados así en oposición ao bando leal a ela, o republicano).
A Galipedia é o nome co que se coñece popularmente a Wikipedia en lingua galega. Comezou a publicarse o 8 de marzo de 2003, é unha enciclopedia en liña de acceso libre, con todos os seus contidos en aberto e editados de forma colectiva en lingua galega. O 4 de marzo de 2013, catro días antes do décimo aniversario, superou os 100 000 artigos, e hoxe ten un total de 230.859.
A lingua das bolboretas é a versión cinematográfica de varios relatos do escritor Manuel Rivas, publicados dentro do libro Que me queres, amor?. José Luis Cuerda levou ó cine no ano 1999 esta historia da infancia nun contorno rural case idílico sobre a que se cerne a sombra do alzamento contra a II República Española.
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Cracovia (en polaco Kraków, alemán Krakau) é a segunda cidade da Polonia actual, e unha das máis antigas cidades da Polonia histórica, cunha poboación de 1 027 503 habitantes no ano 2013 (1,4 millóns, tendo en conta a área de influencia metropolitana). Esta cidade histórica está situada á beira do río Vístula (Wisła) e aos pés do outeiro Wawel. É tamén a capital da rexión da Pequena Polonia desde 1999.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
A Horda de Ouro, autodenominada como Ulug Ulus, lit. 'Grande Estado' en turco, foi un khanato orixinalmente mongol, e despois turquificado, que se estabeleceu no século XIII e deu orixe ao sector máis occidental do Imperio Mongol. Coa división do Imperio Mongol en 1259 converteuse nun khanato funcionalmente separado.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
A galegofobia ou galaicofobia fai referencia á aversión non xustificada cara a Galicia, cara á cultura e lingua galegas e cara ao individuo galego e a súa identidade. Malia que o termo non aparece recollido en ningún dicionario de corte académico, trátase da denominación xenérica e popular para se referir a este fenómeno tanto na prensa coma no eido social. Así, a primeira constancia que se ten do seu uso é nun artigo de prensa asinado por Villar Ponte e datado en 1916.
A Coruña é unha cidade e concello no noroeste de Galicia, bañada polo océano Atlántico, nas Rías Altas. É a capital da provincia da Coruña e a cabeza da súa comarca, que ademais do seu propio concello inclúe os de Abegondo, Arteixo, Bergondo, Cambre, Carral, Culleredo, Oleiros e Sada. Con 247.376 habitantes (INE 2023), é o segundo municipio máis poboado de Galicia e o máis densamente poboado, con 6472,38 hab/km².
O himno de Riego é unha marcha militar de inspiración dos tradicionais himnos militares, de ton similar ao pasodobre e á "Marsellesa", referentes no século XIX. Composto por José Melchor Gomis e dedicado ao tenente coronel Rafael del Riego, foi o himno de España durante o trienio liberal de 1820-1823 e na Segunda República Española. Durante a primeira guerra carlista as tropas liberais entoábano, mais prohibiuse nos tempos de Fernando VII e en parte do goberno de Sabela II. Rafael del Riego, símbolo do liberalismo español no século XIX e comezos do XX, ergueuse contra o goberno absolutista de Fernando VII en Las Cabezas de San Juan, Sevilla, o 1 de xaneiro de 1820. Intentaba instaurar un réxime constitucional, coa Constitución de Cádiz de 1812, coñecida como "La Pepa", como norma básica.
Atendendo á distribución xeográfica e á maneira de se combinaren os fenómenos diferenciadores das falas galegas, poden delimitarse tres grandes complexos lingüísticos ou bloques: occidental, central, e oriental. No interior destes bloques hai varias áreas, zonas lingüísticas de desigual extensión e unidade, delimitables coa isoglosa dun ou dous fenómenos caracterizadores. Esta división baséase fundamentalmente na fonética e mais na morfoloxía; no futuro a análise da distribución de áreas léxicas do ALGa axudará a precisala ou modificala.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
España ( pronunciación ), denominada tamén en tratados internacionais e de xeito protocolario Reino de España ( pronunciación ) (en castelán: Reino de España, en catalán/valenciano: Regne d'Espanya, en vasco: Espainiako Erresuma, en asturiano: Reinu d'España, en occitano: Reialme d'Espanha e en aragonés: Reino d'España), é un país soberano membro da Unión Europea, constituído en Estado social e democrático de Dereito, e cuxa forma de goberno é a monarquía parlamentaria. O seu territorio, con capital en Madrid, ocupa a maior parte da Península Ibérica, ao que se lle engaden os arquipélagos das Illas Baleares, no mar Mediterráneo occidental, e das Illas Canarias, no océano Atlántico nororiental, así como no norte do continente africano, as prazas de soberanía das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, ademais dos distritos e posesións menores das illas Chafarinas, o Peñón de Vélez da Gomera, o peñón de Alhucemas e Perejil. O enclave de Llívia, nos Pireneos, completa o conxunto de territorios xunto coa illa de Alborán, as illas Columbretes e unha serie de illas e illotes fronte ás súas propias costas.
Segundo o Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, existen máis de 6000 apelidos galegos, que corresponden aproximadamente co 95% da poboación galega. Ao longo dos Séculos Escuros, moitos apelidos fóronse, ben adaptándose foneticamente ao español: *Feijoo/Feixoo, ben substituíndo polos seus equivalentes casteláns *Iglesias/Igrexas ou Eirexas. Por tanto, apelidos moi abundantes como Otero ou Alonso non proceden, na maior parte dos casos, de xente que viñese de fóra de Galiza, senón de transformacións que sufriron apelidos xenuinamente galegos (Outeiro e Afonso, neste caso).
A Primeira República Galega foi unha pasaxe efémera da historia de Galiza que durou unhas horas e tivo lugar exactamente no transcurso do 27 de xuño de 1931, un día antes das eleccións ás Cortes Constituíntes da II República Española, cando activistas composteláns como Pedro Campos Couceiro ou Alonso Ríos declararon que a solución para os problemas de Galiza non pasaba por integrarse nunha República Española senón por optar pola creación da I República Galega.
Héroes del Silencio (ás veces denominado simplemente Héroes) foi un grupo de Rock & Roll de Zaragoza (Aragón, España), formado inicialmente por Juan Valdivia e Enrique Bunbury a mediados dos anos 80. Na década de 1990 experimentaron un grande éxito en torno a España e América, e varios países europeos, incluíndo Alemaña, Bélxica, Suíza e Francia, converténdose nun dos máis exitosos grupos na historia do rock en español. Despois de doce anos e numerosos álbums, a banda separouse no ano 1996.
Alexandre Bóveda Iglesias, nado en Ourense o 4 de xuño de 1903 e fusilado no monte da Caeira, en Poio, o 17 de agosto de 1936, foi un dos intelectuais galeguistas máis relevantes da Segunda República Española en Galiza, chegando a ser o motor do Partido Galeguista segundo palabras do propio Castelao.
A pornografía é o conxunto de materiais, imaxes, vídeos ou reproducións da realización de actos sexuais co fin de provocar a excitación sexual do receptor, etimoloxicamente procede do grego: πορνογραφíα, porne é "prostituta" e grafía, "descrición", é dicir, "descrición dunha prostituta". Designa en orixe, xa que logo, a descrición das prostitutas e, por extensión, das actividades propias do seu traballo. Hai que dicir, con todo, que o termo é de aparición moi recente pois na Antiga Grecia nunca se usou a palabra "pornografía".
Las Sinsombrero é o nome cuñado en 2015 polo documental homónimo para denominar as mulleres españolas pertencentes á Xeración do 27. As súas achegas están pouco estudadas e, na súa maioría, quedaron á marxe das antoloxías e os manuais de literatura e arte. Desenvolveron unha actividade constante e destacada en eidos como a literatura, a poesía, a pintura, a música, o cinema ou a filosofía.
Universidade de Santiago de Compostela
A Universidade de Santiago de Compostela (USC) é unha institución universitaria con sede en Santiago de Compostela. As súas orixes datan de finais do século XV, sendo a primeira universidade fundada en Galiza e a sexta en España. Porén, non hai unanimidade nas datas de fundación das universidades españolas.
Joaquín Domínguez Portela, coñecido como Elxokas, nado en Lugo o 13 de abril de 1991, é un influenciador, streamer, youtuber e creador de contido en Twitch e YouTube. Comezou como streamer en 2018 en Twitch creando contido do videoxogo World of Warcraft. En 2019, era xa o creador de contido máis grande da comunidade hispanofalante nesta categoría.
A seguinte é unha lista alfabética das aves silvestres atopadas en Galicia. Inclúe tanto as especies habituais como as citas ocasionais, mesmo algunhas que hai anos que non se observan na Comunidade, a non ser que sexa desde hai moito tempo. Non se inclúen as aves domésticas (como por exemplo a galiña, pavo, ganso ou a avestruz) nin as aves ornamentais que se crían en catividade, aínda que si aquelas que, procedentes desta última situación, escaparon ou foron liberadas e xa se adaptaron á vida en liberdade ou están en vías de facelo.
A segunda guerra mundial foi un conflito armado a escala mundial que durou do 1 de setembro de 1939 ó 2 de setembro de 1945. Involucrou a maioría de países do mundo, incluídas todas as grandes potencias que eventualmente formaron dúas alianzas militares opostas: os Aliados e o Eixe. Foi a guerra de máis alcance da historia, involucrando directamente máis de 100 millóns de persoas de máis de 30 países.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
Un virus (do latín virus 'toxina' ou 'veleno') é un axente infeccioso microscópico non celular que só pode replicarse penetrando no interior dunha célula. Os virus afectan todo tipo de organismos, desde animais e plantas a bacterias e arqueas. Unha partícula de virus completa e infectiva fóra (xeralmente) da célula denomínase virión.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
Era unha vez en América (en inglés: Once Upon a Time in America; en italiano: C'era una volta in America) é un filme italo-estadounidense de 1984 dirixido por Sergio Leone. Está protagonizado por Robert De Niro, James Woods, Elizabeth McGovern, Jennifer Connelly, James Hayden, Brian Bloom, William Forsythe, Adrian Curran, Tuesday Weld, Joe Pesci, Treat Williams, James Russo, Burt Young e Danny Aiello nos papeis principais.
A seguinte é unha lista alfabética dos anfibios atopados en Galicia (a alfabetización faise polos nomes dos xéneros). Está baseada na información recollida dos traballos feitos pola Asociación Herpetológica Española , a información obtida na Lista Vermella da IUCN e polos expertos en herpetoloxía Javier Andrada, Pedro Galán e Gustavo Fernández. Esta clase contén arredor de 6.433 especies vivas das cales unhas 17 foron atopadas con maior ou menor abundancia no territorio galego.
Colocación do pronome átono en galego
Ir ao índice do Curso de lingua galega. Tamén pode consultar a Normativa oficial do galego.
Sein und Zeit (en galego: Ser e tempo) é a obra mestra do filósofo alemán Martin Heidegger, publicada orixinalmente en 1927. O libro deixou unha fonda pegada na filosofía, a crítica literaria e outros eidos. Malia o seu estatuto polémico, a súa importancia na historia do pensamento comparouse coa dos textos de Immanuel Kant e G. W. F. Hegel.
Xosé Luís Méndez Ferrín, nado en Ourense o 7 de agosto de 1938, é un político e escritor galego amplamente recoñecido como un dos referentes da literatura galega contemporánea. Foi membro da Real Academia Galega desde o 30 de setembro de 2000, e presidente da mesma desde o 23 de xaneiro de 2010 até o 25 de febreiro de 2013, cando dimitiu como presidente. O 13 de marzo renunciou definitivamente á súa cadeira de académico.
Frisia (en neerlandés, Friesland e en frisón e oficialmente, Fryslân) é unha das doce provincias que conforman o Reino dos Países Baixos. Do mesmo xeito que as demais provincias, está gobernada por unha cámara lexislativa elixida mediante sufraxio universal presidida por un comisario designado polo goberno. As linguas oficiais son o neerlandés e o frisón.
Pier Maria Baldi, tamén coñecido coma Piero Maria Baldi, nado en Florencia en 1630 e finado na mesma cidade o 9 de novembro de 1686, foi un arquitecto e pintor barroco italiano, acompañante de Cosimoe III de Medici, na viaxe que realizou polos Países Baixos, Francia e a Península Ibérica, incluída Galiza, entre 1668 e 1669, da cal deixou un rico conxunto de debuxos con vistas panorámicas das cidades e lugares polos que pasou.