Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Rusia, oficialmente Federación Rusa, é un país situado no leste de Europa e no norte de Asia. É o estado máis extenso do mundo, abrangue once fusos horarios e comparte fronteiras terrestres con catorce países. Cunha poboación superior aos 140 millóns de habitantes, Rusia é o país máis poboado de Europa e o noveno máis poboado do mundo.
Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.
O Real Madrid Club de Fútbol é un club deportivo da cidade de Madrid (España), fundado o 6 de marzo de 1902, que ten case 100.000 socios. Xoga na Primeira división española desde 1929, sendo un dos equipos que nunca descendeu, xunto co Athletic Club e o FC Barcelona. Formou parte, en calidade de membro fundador, da Asociación de Clubs Europeos, unha organización internacional que agrupaba os clubs máis importantes e influentes de Europa.
Valentino Rossi, nado en Urbino o 16 de febreiro de 1979, é un piloto italiano de motociclismo que gañou nove títulos mundiais en diferentes categorías do Mundial de Motociclismo (125 cc, 250 cc, 500 cc, e MotoGP de 990 e 800 cc). Foi o único motociclista da historia en logralo. É coñecido polos alcumes que se deu a si mesmo en diferentes momentos da su carreira: "The Doctor" (O Doutor), Valentinik e Rossifumi.
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
Marco Antonio, en latín Marcus Antonius, foi un militar e político romano da época final da República (Roma, circa 83 a.C. - Alexandría, 30 a.C.). Foi un importante colaborador de Xulio César, como comandante militar e administrador. Tralo asasinato de César, coligouse con Octavio e Lépido para formar o Segundo Triunvirato (43 - 33 a.C.).
Alxeria (en árabe: الجزائر, al-Jazā’ir, en tamazight: ⴷⵥⴰⵢⴻⵔ, Dzayer), oficialmente República Democrática e Popular de Alxeria (en árabe: الجمهورية الجزائرية الديمقراطية الشعبية en Tamazight: ⵜⴰⴳⴷⵓⴷⴰ ⵜⴰⴷⵣⴰⵢⵔⵉⵜ ⵜⴰⵎⴰⴳⴷⴰⵢⵜ ⵜⴰⵖⴻⵔⴼⴰⵏⵜ ), é un estado situado na África do Norte, formando parte do Magreb. A súa capital, Alxer, está ao norte, á beira da costa mediterránea. Cunha superficie de 2 381 741 km² é o país maior da cunca mediterránea, de África e do mundo árabe.
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
Mark Neary Donohue Jr., nado en Haddon Township (Nova Jersey) o 18 de marzo de 1937 e finado en Graz o 19 de agosto de 1975, alcumado "Captain Nice," foi un piloto de automobilismo estadounidense, coñecido pola súa habilidade para preparar o seu propio coche de carreiras, e levalo a vitoria. Donohue é probablemente o máis coñecido como o piloto de 1500 bhp "Can-Am Killer" Porsche 917-30 e como o gañador das 500 Millas de Indianápolis de 1972.
Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno. Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980.
Greensboro é unha cidade no estado de Carolina do Norte, nos Estados Unidos. É a terceira maior cidade en canto á poboación en Carolina do Norte e a maior cidade do condado de Guilford e arredores da rexión metropolitana de Piedmont Triad. De acordo co Censo de Estimación dos Estados Unidos do 2011 a poboación de Greensboro é de 273.425 habitantes.
Manuel José Blanco y Calvo de Encalada, nado en Buenos Aires, Vicerreinado do Río da Prata, o 21 de abril de 1790 e finado en Santiago de Chile o 5 de setembro de 1876, foi un militar, político e diplomático chileno, de orixe galega, que tivo unha destacada participación na guerra de independencia de Chile e o Perú. Foi un dos fundadores da Armada de Chile e o seu primeiro comandante, e máis tarde, ao entrar no campo da política, foi o primeiro en ostentar o título de presidente da República de Chile. Fillo do galego Manuel Lorenzo Blanco Cicerón e da chilena Mercedes Calvo de Encalada y Recabarren, naceu na cidade de Santa María de los Buenos Aires, na aquela altura capital do Virreinado do Río da Prata.
A Selección de fútbol do Perú é o equipo representativo do Perú nas competicións oficiais de fútbol. A súa organización está a cargo da Federación Peruana de Fútbol, a cal é membro da Confederación Suramericana de Fútbol. O debut da selección peruana produciuse o 1 de novembro de 1927 ante a selección do Uruguai no Campionato Suramericano daquel ano.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo F
O Grupo F da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Alemaña, México, Suecia e Corea do Sur. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Día Internacional dos Traballadores
O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial. Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.
Unha constelación é unha agrupación de estrelas cuxa posición no ceo nocturno é aparentemente tan próxima que as civilizacións antigas decidiron conectalas mediante liñas imaxinarias, trazando así figuras sobre a bóveda celeste. No espazo tridimensional, en cambio, as estrelas dunha constelación non están, necesariamente, fisicamente asociadas; ata poden atoparse distanciadas por centos de anos luz unhas doutras. Doutra banda, devanditos grupos son completamente arbitrarios, xa que distintas culturas recoñeceron constelacións diferentes.
Khmer vermellos (en francés Khmers Rouges, en camboxano ខ្មែរក្រហម, Khmae Krɑ-hɑɑm) é o nome co que foi coñecida a organización guerrilleira camboxana que, tras a Guerra de Vietnam, a saída dos Estados Unidos e o derrocamento do xeneral Lon Nol (que rexía unha ditadura militar desde 1970), tomaron o poder o 17 de abril de 1975 (a «Caída de Phnom Penh»). Os Khmer vermellos fundaron Kampuchea Democrática, un sistema de goberno de características autoritarias que, baixo a aparencia formal dunha república popular de inspiración maoísta, consolidou na práctica un sistema de economía radicalmente agraria, baixo a consigna da evacuación das cidades e destrución da civilización urbana e a súa cultura, consideradas burguesas, a reconstrución social desde as orixes da civilización e a recuperación da cultura khmer ancestral baixo a dirección de Pol Pot, o seu principal líder. Ademais dun férreo control militar sobre a poboación civil, sometida en boa parte a un réxime de traballos forzados, desenvolveron extensos métodos de detención, tortura e asasinatos selectivos en masa, baixo a consigna da chamada «procura do inimigo interno».
O Gran Premio de México de 2017 (oficialmente coñecido como Gran Premio de Fórmula 1 de México de 2017)foi unha carreira de motor de Fórmula Un que se disputou o 29 de outubro de 2017 no Autódromo Hermanos Rodríguez en Cidade de México. A carreira foi a décimo novena carreira do Gran Premio de México, e a décimo sétima vez que a carreira disputouse como un evento do Campionato Mundial desde a tempada inaugural en 1950.
Bandeira da República Popular da China
A bandeira da República Popular da China é un pano de cor vermella que simboliza a revolución, con cinco estrelas amarelas de cinco puntas que simbolizan á súa vez a unidade do pobo revolucionario baixo a dirección do Partido Comunista da China. Como se pode apreciar as estrelas pequenas aparecen orientadas cara á estrela de maior tamaño. A bandeira foi deseñada por Zang Liansong, un cidadán de Zhejiang e na China é coñecida como 五星红旗 (en pinyin: Wǔ Xīng Hóng Qí) que significa "a bandeira vermella das cinco estrelas".
O hurling (en irlandés, iomáint o iománaíocht) é un deporte de equipo de orixe celta.[Cómpre referencia] É un deporte de equipo xogado ao aire libre con orixe antiga Irlanda. Está rexido pola Asociación Atlética Gaélica (GAA). A orixe do hurling dise que foi hai xa 3000 anos e considérase que é o deporte de campo máis rápido do mundo.
Os Yomiuri Giants (読売ジャイアンツ Yomiuri Jaiantsu) son un equipo profesional xaponés de béisbol con sede no barrio de Bunkyō de Tokyo. O club compite na Nippon Professional Baseball (NPB) como membro da Central League. O campo onde xogan os seus partidos como local desde 1988 é o Tokyo Dome, recinto con capacidade para 46.000 espectadores.
Utah Jazz é un equipo da National Basketball Association (NBA) da cidade de Salt Lake City, Utah. Actualmente compiten na División Noroeste da Conferencia Oeste, xogando os seus partidos como local no EnergySolutions Arena (antigo Delta Center). A franquía dos Jazz foi fundada en 1974 en Nova Orleáns, onde o equipo obtivo o seu actual nome, xa que a capital de Luisiana é coñecida como o berce dese xénero musical.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Rondallas é unha película española de comedia dramática de 2025, escrita e dirixida por Daniel Sánchez Arévalo. Está protagonizada por Javier Gutiérrez, María Vázquez, Judith Fernández, Tamar Novas, Carlos Blanco, Fer Fraga, Xosé A. Touriñán e Marta Larralde. Estreouse fóra de competición no Festival Internacional de Cine de San Sebastián o 22 de setembro de 2025, e estreouse en cines españois o 1 de xaneiro de 2026 nunhas 150 pantallas, con distribución de Beta Fiction Spain.
Alessandro "Alex" Zanardi, nado o 23 de outubro de 1966, é un piloto de carreiras profesional italiano e paraciclista. Gañou o campionato CART en 1997 e 1998, e logrou 15 vitorias na serie. Tamén correu na Fórmula 1 de 1991 a 1994 e de novo en 1999, o seu mellor resultado foi un sexto posto no Gran Premio do Brasil de 1993.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo H
O Grupo H da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Polonia, Senegal, Colombia e Xapón. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
A festa dos maios, tamén coñecida simplemente como os maios, é unha festa popular de orixes ancestrais. Esta celebración primaveral adóitase celebrar o 1 de maio, se ben en Ourense faise tradicionalmente o día 3. Tiña antigamente connotacións rituais totémicas á divindade primaveral ou das árbores, que se foron perdendo co paso do tempo.
Campo Municipal de Santa Isabel
O campo municipal de Santa Isabel é un recinto deportivo da cidade de Santiago de Compostela adicado á práctica do fútbol. O campo de Santa Isabel forma parte do complexo deportivo Santa Isabel do barrio de Vista Alegre, composto polo pavillón de Santa Isabel, a piscina de Santa Isabel, o Ximnasio de Santa Isabel e o propio campo de fútbol.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
Bruno García Formoso, nado en Ferrol o 6 de xuño de 1974, é un exjudoka e adestrador galego de fútbol sala, que dende 2024 dirixe a selección nacional de Kuwait. Cunha ampla traxectoria de máis de 25 anos como técnico, adestrou sete clubs da Primeira e a Segunda División de España, así como dous clubs na China e as seleccións nacionais do Perú, Vietnam, Xapón e Kuwait.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
Tartaruga xigante das Galápagos
O complexo da tartaruga xigante das Galápagos ou complexo da tartaruga das Galápagos (Chelonoidis nigra ou Chelonoidis niger) é un complexo de especies de tartarugas xigantes terrestres, as máis grandes actualmente existentes, endémicas das illas Galápagos, arquipélago volcánico situado no Pacífico a 1 000 km ao oeste da República do Ecuador. As tartarugas das Galápagos modernas poden pesar ata 417 kg. Xunto coas tartarugas do atol de Aldabra das Seychelles no Índico (Aldabrachelys gigantea), son as únicas tartarugas xigantes existentes hoxe.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Dolores Vilavedra Fernández, nada en Vigo o 4 de agosto de 1963, é profesora de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela. Forma parte do consello de redacción da revista Grial, e dirixe a sección de crítica literaria. Coordinou o Diccionario da literatura galega, en catro tomos, que publicou Galaxia.
Chichén Itzá foi unha gran cidade construída polo pobo maia da América precolombiana do período Clásico Terminal. O sitio arqueolóxico está situado no Municipio de Tinúm, Iucatán, México. Vestixio importante da civilización maia, Chichén Itzá foi un punto focal importante nas Terras Baixas Maias do Norte desde o Clásico Tardío (c.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Os hipobóscidos (Hippoboscidae) son unha familia de moscas parasitas obrigadas de mamíferos e aves. Nesta familia as especies con ás poden voar como mínimo razoablemente ben, se ben outras con ás vestixiais ou sen ás non son voadoras e son moi apomórficas. Como é normal na superfamilia Hippoboscoidea, a maioría do desenvolvemento larval ten lugar dentro do corpo da nai e a pupación ocorre case inmediatamente.
Cuatro é unha canle de televisión privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV e R en España. Empezou a emitir o día 7 de novembro de 2005 por reconversión da concesión da canle analóxica nacional pola que emitiu desde 1990 a canle de pago do grupo, Canal+.
Mandato británico de Palestina
O Mandato británico de Palestina foi unha administración territorial encomendada pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte en Oriente Medio, tras a primeira guerra mundial e como parte da partición do Imperio Otomán, co status de territorio baixo mandato. O territorio sobre o que se estableceu correspondía á rexión meridional do Levante mediterráneo, unha rexión que o Imperio Otomán perdeu como consecuencia da súa derrota na guerra. Aínda que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda administraba estes territorios de facto desde 1917, o Mandato entrou en vigor en xuño de 1922 e expirou en maio de 1948.
Economía dos Estados Unidos de América
A economía dos Estados Unidos de América é a máis forte e influente do mundo. O país posúe un produto interior bruto duns 12 billóns de dólares americanos, un número maior que o PIB da Unión Europea, mesmo tendo esta última 160 millóns de habitantes máis. A economía dos Estados Unidos está baseada no capitalismo.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Lista de nomes femininos en galego
Esta é unha lista alfabética de nomes femininos en galego, indicándose en cada un deles a súa orixe e significado.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Urie Bronfenbrenner, nado en Moscova o 29 de abril de 1917 e finado en Ithaca, Nova York, o 25 de setembro de 2005, foi un psicólogo estadounidense de orixe rusa, recoñecido principalmente pola súa contribución á psicoloxía do desenvolvemento e pola formulación da teoría ecolóxica do desenvolvemento humano. A súa obra tivo unha influencia destacada na psicoloxía, na educación, nas políticas sociais e nos estudos sobre a infancia, ao propoñer que o desenvolvemento das persoas non pode entenderse illadamente, senón dentro dunha rede de relacións, institucións, contextos culturais e condicións históricas. Bronfenbrenner é considerado unha das figuras centrais no estudo contextual do desenvolvemento humano.
Pordenone (Pordenon en friulano e véneto pordenonés) é un comuna de Italia de 51.512 habitantes (2009), capital da provincia homónima de Pordenone, na rexión do Friúl-Venecia Xulia. Ten unha área de 38,23 km² e ten lindes cos concellos de Azzano Decimo, Cordenons, Fiume Veneto, Pasiano di Pordenone, Porcia, Prata di Pordenone, Roveredo in Piano, San Quirino e Zoppola.
Un terzo era unha unidade militar do exército do Imperio Español durante a época da Casa dos Austria. Os terzos foron famosos pola súa resistencia no campo de batalla, formando a elite das unidades militares dispoñíbeis para os reis de España da época. Os terzos foron a peza esencial da hexemonía terrestre, e en ocasións tamén marítima do Imperio.
Pediculus é un xénero de piollo chuchadores (Phthiraptera), o único xénero da familia Pediculidae (pedicúlidos). As especies de Pediculus son ectoparasitos de primates. Comprende as seguintes especies: Pediculus clavicornis Nitzsch, 1864 Pediculus humanus Linnaeus, 1758 Pediculus humanus humanus Linnaeus, 1758 – o piollo corporal humano Pediculus humanus capitis De Geer, 1767 – o piollo da cabeza humano Pediculus mjobergi Ferris, 1916 Pediculus schaeffi Fahrenholz, 1910 Os humanos son os hóspedes de Pediculus humanus.
O Levantamento do 2 de maio foi un alzamento de carácter popular e militar que tivo lugar en Madrid en 1808 contra os ocupantes franceses, que se saldou cuns fusilamentos masivos por parte das tropas napoleónicas no día seguinte. Neste contexto revolucionario xorden, entre maio e xuño, Xuntas en moitas capitais de provincia de España, cada unha cos seus exércitos, os seus depósitos de armas e de provisións e coas súas finanzas. O afrancesamento do Consello de Castela, que aceptou nun primeiro momento o mandato de Napoleón Bonaparte, provocou conflitos ideolóxicos coas Xuntas, cuxo poder aumentaba á par do apoio do pobo, até que, finalmente, o Consello debeu resignarse a que foran estas, máis numerosas, as que ostentaran a soberanía.
Os galegos son un grupo nacional, cultural e etnolingüístico que vive maioritariamente en Galicia, no noroeste da Península Ibérica, pero que por mor da emigración histórica tamén ten importantes poboacións noutras partes de España, Europa e América. Os galegos teñen os seus propios costumes, cultura, lingua, música, danza, deportes, arte, cociña e mitoloxía. O galego, lingua romance derivada do latín que se falaba na antiga Gallaecia romana, é a lingua propia de Galicia e constitúe a máxima expresión cultural do pobo galego.
O Xabarín Club é un programa infantil e xuvenil da TVG que comezou a emitirse o 18 de abril de 1994. O protagonista do programa é o personaxe animado do "Xabarín", un xabaril antropomorfo deseñado por Miguelanxo Prado e ao cal dá voz Juanillo Esteban. O "Xabarín" realiza a función de presentador do programa, o cal inclúe un club de socios, a emisión de series de debuxos animados, videoclips de grupos musicais e espazos de produción propia, como Xabarín News ou Os vixilantes do Camiño, a primeira serie animada de produción galega que emitiu o Xabarín Club.
Refraneiro galego sobre o mes de maio
A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano . A auga de maio inda carga o carro . A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón .
Stanley Kubrick, nado o 26 de xullo de 1928 no barrio do Bronx en Nova York (Estados Unidos) e finado o 7 de marzo de 1999 en Hertfordshire (Inglaterra), foi un director de cine, guionista, produtor, director de fotografía e editor de cine estadounidense, nacionalizado británico. que desenvolveu a meirande parte dos seus traballos no Reino Unido. É considerado como un dos mellores cineastas de todos os tempos, as súas películas -case todas elas adaptacións de novelas ou relatos curtos- abarcan varios xéneros e son coñecidas pola súa intensa atención ao detalle, a súa innovadora cinematografía, a súa ampla escenografía e o seu humor negro.
Galego para peques é un proxecto educativo creado para estender o uso do galego na infancia. Nace no ano 2023 da man de Álvaro López García e Fátima Suárez Barrantes, ao comprobar coa crianza do seu fillo a gran carencia de recursos audiovisuais e de entretemento que existían en lingua galega para estas primeiras etapas.