Os artigos máis visitados da Wikipedia en galego, actualizados diariamente. Saber máis...
Begoña Caamaño Rascado, nada no barrio do Calvario (Vigo) o 14 de outubro de 1964 e finada en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, foi unha feminista, xornalista e escritora galega. Publicou dúas obras de narrativa Circe ou o pracer do azul (2009) e a premiada Morgana en Esmelle (2012), ámbalas dúas en Galaxia. Finou vítima dun cancro de páncreas aos 50 anos de idade.
Hernán Cortés Monroy Pizarro Altamirano máis coñecido por Hernán Cortés, quen asinaba as súas cartas como Fernán Cortés, nado en Medellín (Badaxoz) en 1485 e finado en Castilleja de la Cuesta (Sevilla) o 2 de decembro de 1547, foi un conquistador castelán que encabezou a expedición que causou a caída do Imperio Azteca, territorio que actualmente é coñecido como México, en favor da Coroa de Castela, a comezos do século XVI. Cortés foi parte da xeración de colonizadores hispanos que iniciou a primeira fase da colonización castelá das Américas. Naceu na cidade estremeña de Medellín, no seo dunha familia nobre (fidalga), cuxa riqueza foi tema de debate historiográfico. Decidiu buscar fortuna no Novo Mundo viaxando A Española e Cuba, onde por un curto período de tempo foi alcalde da segunda cidade fundada polos españois durante a terceira expedición a terra firme, a cal financiou parcialmente.
Morgana en Esmelle é unha novela en lingua galega escrita por Begoña Caamaño e publicada por Editorial Galaxia en 2012. Gañou o Premio Ánxel Casal da Edición da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa, o Premio da Crítica de narrativa galega e mais o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Obradoiro Club de Amigos do Baloncesto
O Obradoiro Club de Amigos do Baloncesto S.A.D., denominado Monbus Obradoiro por razóns de patrocinio, é unha entidade deportiva profesional adicada ó baloncesto, con sede na capital galega de Compostela.
Asclepias é un xénero de plantas herbáceas, perennes, con flores caracterizadas por produciren un látex que contén glicósidos cardíacos chamados cardenólidos, que exsudan cando as células sofren danos. A maioría das especies son tóxicas para os humanos e moitas outras especies, principalmente pola presenza dos cardenólidos. Porén, como ocorre con moitas plantas, algunhas especies aliméntanse das súas follas ou do néctar das súas flores sen que lles fagan mal.
David Attenborough, nado o 8 de maio de 1926 en Londres, é un naturalista británico, un pioneiro dos documentais sobre a natureza. Está considerado un dos maiores divulgadores científicos. El considera o seu documental de 2020, David Attenborough: A Life On Our Planet, o seu testemuño persoal da súa vida e do futuro do planeta.
Gabriel José de la Concordia García Márquez, máis coñecido como Gabriel García Márquez ( pronunciación ), ( escoitar), nado en Aracataca o 6 de marzo de 1927 e finado en Cidade de México o 17 de abril de 2014, foi un escritor, xornalista, editor e activista político colombiano. Estudou dereito e xornalismo na Universidade Nacional de Colombia e iniciou as súas colaboracións xornalísticas no diario El Espectador. Foi coñecido como Gabo, ou Gabito, polos seus familiares e amigos (hipocorístico guajiro para Gabriel), desde que o seu compañeiro do diario bogotano El Espectador, José Salgar, comezase a chamalo así..
Claudia Sheinbaum Pardo, nada en Cidade de México o 24 de xuño de 1962, é unha política, científica, activista e escritora mexicana quen é a presidenta de México, a primeira muller en ser elixida para o cargo. Como membro do partido de esquerda Movemento de Rexeneración Nacional (Morena), anteriormente foi xefa de Goberno de Cidade de México dende 2018 a 2023. Foi secretaria de Medio Ambiente do Distrito Federal de 2000 a 2006, durante a administración encabezada por Andrés Manuel López Obrador e xefa delegacional en Tlalpan de 2015 a 2017.
Aiko el grupo é unha banda española de punk pop e indie pop formada en Santander en 2019. O conxunto está integrado por Teresa Iñesta (Camargo, 1996), Lara Miera (Maliaño, 1996) e Bárbara López (Lucena, 1996). A súa música combina elementos do riot grrrl, o o‑fi e o pop de guitarras, caracterizándose por cancións breves, letras irónicas e unha estética deliberadamente desenfadada.
Galicia ( pronunciación ) ou Galiza ( pronunciación ) é unha nación recoñecida internacionalmente en 1933 e establecida xurídica e administrativamente dende 1978 como comunidade autónoma segundo a Constitución española co rango de nacionalidade histórica determinado no seu Estatuto de autonomía, dentro do Reino de España e a Unión Europea. O seu territorio está situado no extremo noroeste da Península Ibérica e linda, ao leste, coas comunidades autónomas de Asturias e Castela e León, ao oeste co océano Atlántico, ao norte co mar Cantábrico e ao sur coa República de Portugal. Ten como lingua propia o galego, de orixe común co portugués (ambas as dúas proveñen da lingua medieval coñecida como galego-portugués), e comparte oficialidade co castelán, que é oficial en toda España.
A criptomeria ou cedro xaponés, Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don, é a única especie de árbore do xénero Cryptomeria. É unha conífera pertencente á familia das cupresáceas, endémica do Xapón, onde é coñecida co nome xaponés de sugi (杉). En Occidente incrementouse o uso do termo "sugi" para se referir a esta árbore, xa que semella máis axeitado ca o usado antigamente: "cedro xaponés", xa que o "sugi" non é un auténtico cedro (xénero Cedrus).
Cabo Verde (en portugués [ˈkabu ˈveɾdɨ] (AFI)), oficialmente República de Cabo Verde, sitúase no océano Atlántico, no arquipélago de orixe volcánica do mesmo nome. As illas estaban deshabitadas ata que foron descubertas polos portugueses no século XV, que procederon a colonizalas para convertelas nun centro de trata de escravos. A maior parte dos habitantes actuais provén de ambos os grupos.
Ramón Otero Pedrayo, nado en Ourense o 5 de marzo de 1888 e finado na mesma cidade o 10 de abril de 1976, foi un xeógrafo, profesor, escritor, político e intelectual galego. Membro da Xeración Nós, ingresou nas Irmandades da Fala en 1918. Foi responsable da área de xeografía do Seminario de Estudos Galegos e deputado polo Partido Galeguista nas Cortes Constituíntes republicanas.
Un rastro (tamén chamado frecuentemente polo seu termo en inglés, cookie) é un arquivo de texto que se envía dende os servidores dun sitio web e que se garda nos dispositivos dos usuarios (móbiles, ordenadores, etc). Almacenan información sobre a actividade dos usuarios cada vez que visitan un sitio web e permiten recuperar a información almacenada ata o momento cada vez que estes acceden aos sitios (os rastros envíanse aos servidores para a súa consulta). Deste xeito, o sitio web ou os seus propietarios poden consultar a devandita información e servir determinados contidos, segundo as preferencias do usuario, ou ben conseguir información sobre os hábitos de navegación.
Ana Mena Rojas, nada en Estepona (Málaga) o 25 de febreiro de 1997, é unha cantante e actriz española. Deuse a coñecer no ano 2006 após gañar a XII edición rexional dos Premios Veo Veo, aínda que a súa popularidade aumentou cando participou na miniserie Marisol, la película interpretando a Marisol. Mena debutou na industria musical en 2016 co seu sinxelo "No soy como tú crees".
Unha posición sexual é unha posición do corpo que a xente usa para relacións sexuais ou outras actividades sexuais. Os actos sexuais son xeralmente descritos polas posicións que adoptan os participantes para realizar eses actos. Aínda que as relacións sexuais xeralmente implican penetración do corpo dunha persoa por outra, as posicións sexuais normalmente implican actividades sexuais penetrativas ou actividades sexuais sen penetración.
Chelonoidis niger becki é unha subespecie da tartaruga das Galápagos da familia Testudinidae endémica da parte norte da illa Isabela do arquipélago das Galápagos. Nalgunhas clasificacións tratouse como especie co nome Chelonoidis becki. Esta tartaruga está ligada a dúas liñaxes diferentes, unha das cales é a de Chelonoidis niger darwini da illa próxima de Santiago.
O galego ([ɡaˈleɣo̝]) é unha lingua indoeuropea que pertence á póla de linguas románicas. É a lingua propia de Galicia, onde é falada por uns 2,4 millóns de galegos. Á parte de en Galicia, a lingua fálase tamén en territorios limítrofes con esta comunidade, aínda que sen estatuto de oficialidade (agás en casos puntuais, como na Veiga), así como pola diáspora galega que emigrou a outras partes de España, a América Latina, os Estados Unidos, Suíza e outros países de Europa.
Eleccións ao Parlamento de Gales de 2026
As eleccións ao Parlamento de Gales de 2026 ou as eleccións ao Senedd de 2026 (en galés: Etholiad Senedd Cymru, 2026), celebráronse o 7 de maio de 2026, para elixir os 96 membros do Senedd. Foron as sétimas eleccións xerais descentralizadas no Reino Unido dende que se estableceu o Senedd (anteriormente a Asemblea Nacional de Gales) en 1999. Foron as primeiras eleccións tras numerosas reformas: un aumento do tamaño do Senedd de 60 membros a 96, a adopción da representación proporcional por listas de partidos, a redución do número de circunscricións a dezaseis e a redución do seu mandato de cinco anos a catro.
HTTP 404, 404 not found, 404, 404 error, page not found ou file not found é unha mensaxe de erro do código estándar de resposta do protocolo HTTP que indica que o cliente se puido comunicar co servidor pero que este non foi capaz de atopar o que se buscaba. Un erro 404 indica que o recurso buscado, xeralmente unha páxina web, pode estar dispoñible no futuro. O erro tamén pode aparecer cando un servidor non quere revelar se ten a información solicitada.
Premios Follas Novas do Libro Galego
Os Premios Follas Novas do Libro Galego, coñecidos nas cinco primeiras edicións, entre 2016 e 2020, como Premios da Gala do Libro Galego, son uns galardóns que se entregan como parte dun evento cultural de carácter anual que ten por finalidade distiguir as mellores obras e iniciativas literarias a ano vencido. Os convocadores son a Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Michael Joseph Jackson, nado o 29 de agosto de 1958 en Gary, Indiana, e finado o 25 de xuño de 2009 nos Ánxeles, foi un cantautor, produtor, músico, actor e bailarín estadounidense. Alcumado coma o "Rei do Pop", a súa contribución á música, ó baile, á moda, xunto coa súa publicitada vida persoal, fixeron del unha figura da cultura popular durante catro décadas. O oitavo fillo da familia Jackson, debutou na música profesional a carón dos seus irmáns como membro dos Jackson 5 en 1968, e comezou a súa carreira en solitario en 1971.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nado en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886 e finado no exilio en Buenos Aires (Arxentina) o 7 de xaneiro de 1950, está considerado o Pai do nacionalismo galego. Castelao foi un intelectual comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaísta, dramaturgo, debuxante e político galego, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero confesaba: "Fíxenme médico por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Ontario é unha provincia do Canadá e a máis populosa do país. Segundo o censo de poboación de 2021, é o fogar do 38,5% da poboación total do país, e é a segunda provincia por tamaño detrás do Quebec. A maior cidade canadense, Toronto, así como a capital nacional do país, Ottawa, están localizadas en Ontario.
Día Internacional dos Traballadores
O Día Internacional dos Traballadores ou Día Internacional do Traballo ou Primeiro de Maio, é a festa por antonomasia do movemento obreiro mundial. Desde o seu establecemento na maioría de países (aínda que a consideración de día festivo foi en moitos casos tardía) por acordo do Congreso Obreiro Socialista da Segunda Internacional, celebrado en París en 1889, é unha xornada de loita reivindicativa e de homenaxe ós Mártires de Chicago, sindicalistas anarquistas, que foron axustizados nos Estados Unidos pola súa participación nas xornadas de loita pola consecución da xornada laboral de oito horas que tiveron a súa orixe na folga iniciada o 1 de maio de 1886 e o seu punto álxido tres días máis tarde, o 4 de maio, na Revolta de Haymarket en Chicago. As xornadas foron realizadas seguindo o éxito que tivera o movemento sindical no Canadá, cunha campaña semellante a partir do 1872 a favor do día laboral limitado e dos dereitos sindicais.
Para ver unha introdución non enciclopédica para os visitantes do que é a Wikipedia, véxase Wikipedia:Acerca de. A Wikipedia é un proxecto de enciclopedia de contido libre, multilingüe e de contido aberto operativo grazas á organización sen ánimo de lucro Fundación Wikimedia. O seu nome é unha mestura das palabras wiki (unha tecnoloxía para crear páxinas web colaborativas) e enciclopedia.
O Día das Letras Galegas é un día de exaltación da lingua de Galicia a través da súa manifestación literaria. Comezou a celebrarse o 17 de maio do 1963, coincidindo co centenario da primeira edición de Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Ata 2026, 72 autores (14 mulleres e 58 homes) foron homenaxeados nas 64 edicións do Día das Letras Galegas, posto que en 1998 houbo unha homenaxe colectiva a Martín Codax, Xoán de Cangas e Mendiño (tres trobadores ligados á ría de Vigo) e en 2025 escolléronse sete mulleres en representación das cantareiras (Adolfina Casás Rama, Rosa Casás Rama, Eva Castiñeira, Teresa García Prieto, Asunción Garrido Ameixenda, Prudencia Garrido Ameixenda e Manuela Lema Villar).
Anna's Archive é un motor de procura de código aberto para bibliotecas na sombra (repositorios de textos dixitais que non son facilmente accesíbeis doutro xeito). Foi creado por alguén que utiliza o Pseudónimo Anna #, pouco despois dos intentos de pechar a biblioteca Z-Library en 2022, aplicando a lei. O sitio web recolle rexistros de Z-Library, Sci-Hub, e a Biblioteca Genesis (LibGen), entre outras fontes.
Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: България/Balgariya), oficialmente República de Bulgaria ( pronunciación ) (en búlgaro: Република България/Republika Balgariya) é un país situado ao sueste de Europa, na península dos Balcáns. Limita ao norte con Romanía, estando a maior parte da fronteira entre estes dous países conformada polo río Danubio, ao sur con Turquía e Grecia, o oeste con Macedonia do Norte e Serbia e está bañada ao leste polo Mar Negro. Foi aceptada na OTAN no ano 2004 e é membro da Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2007.
Valentino Rossi, nado en Urbino o 16 de febreiro de 1979, é un piloto italiano de motociclismo que gañou nove títulos mundiais en diferentes categorías do Mundial de Motociclismo (125 cc, 250 cc, 500 cc, e MotoGP de 990 e 800 cc). Foi o único motociclista da historia en logralo. É coñecido polos alcumes que se deu a si mesmo en diferentes momentos da su carreira: "The Doctor" (O Doutor), Valentinik e Rossifumi.
Roberto Di Benedetto, nado en Noisy-le-Grand (Sena-San Denis, Francia) o 8 de maio de 1997, é un xogador de hóckey a patíns francés, de orixe italiana e galega. Xoga de dianteiro no Benfica, da Primeira División de Portugal. É irmán xemelgo bivitelino de Bruno Di Benedetto e irmán máis novo de Carlo Di Benedetto, ambos tamén xogadores profesionais de hóckey.
O Reino de Galicia ou Reino de Galiza foi unha entidade política situada no suroeste de Europa, que durante a súa etapa de apoxeo territorial, ocupou gran parte do norte e noroeste da Península Ibérica. Fundado polo rei suevo Hermerico no ano 410, e establecida a súa capital en Braga, foi o primeiro reino que adoptou oficialmente o catolicismo e que emitiu moeda propia (ano 449). Tras o goberno temporal dos monarcas visigodos (585-711) reorganizouse nos séculos VIII e IX, desprazando a súa capital desde Tui ata Oviedo e León, establecéndose como principal reino cristián da Península ibérica.
A PO-533 (na provincia de Pontevedra), é unha estrada da Rede Primaria Básica da Xunta de Galicia que une as localidades de Lalín e o Alto do Faro (Rodeiro); atravesa os concellos de Lalín, Dozón e Rodeiro. Ten unha lonxitude de 21,45 quilómetros e iníciase no centro de Lalín e finaliza nun cruzamento coa CG-2.1 no Alto do Faro (Rodeiro) co límite provincial de Pontevedra e Lugo.
Mundial de Fútbol de 2018 - Grupo H
O Grupo H da Copa do Mundo de Fútbol de 2018, realizada en Rusia, está composto por catro equipos que se enfrontarán entre si nun total de seis encontros: Polonia, Senegal, Colombia e Xapón. Ao termo dos mesmos os dous con maior cantidade de puntos clasificaranse para a seguinte fase, e as outras dúas seleccións quedarán eliminadas.
Refraneiro galego sobre o mes de maio
A auga de febreiro ten pros campos tempero; i a de maio teno pra todo o ano . A auga de maio inda carga o carro . A chuvia na semana da Ascensión, leva o centeo e deixa o relón .
Marco Antonio, en latín Marcus Antonius, foi un militar e político romano da época final da República (Roma, circa 83 a.C. - Alexandría, 30 a.C.). Foi un importante colaborador de Xulio César, como comandante militar e administrador. Tralo asasinato de César, coligouse con Octavio e Lépido para formar o Segundo Triunvirato (43 - 33 a.C.).
O Decreto de Unificación foi unha norma xurídica que promulgou durante a guerra civil española, o 20 de abril de 1937, o xeneral Francisco Franco en Salamanca. Mediante este fusionáronse baixo o seu mando os partidos políticos Falange Española de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FE de las JONS) e a Comunión Tradicionalista. A unión deu lugar a un novo partido único chamado Falange Española Tradicionalista y de las Juntas de Ofensiva Nacional Sindicalista (FET y de las JONS).
Economía dos Estados Unidos de América
A economía dos Estados Unidos de América é a máis forte e influente do mundo. O país posúe un produto interior bruto duns 12 billóns de dólares americanos, un número maior que o PIB da Unión Europea, mesmo tendo esta última 160 millóns de habitantes máis. A economía dos Estados Unidos está baseada no capitalismo.
A Selección de fútbol do Perú é o equipo representativo do Perú nas competicións oficiais de fútbol. A súa organización está a cargo da Federación Peruana de Fútbol, a cal é membro da Confederación Suramericana de Fútbol. O debut da selección peruana produciuse o 1 de novembro de 1927 ante a selección do Uruguai no Campionato Suramericano daquel ano.
Augusto José Ramón Pinochet Ugarte, nado en Valparaíso o 25 de novembro de 1915 e finado en Santiago de Chile o 10 de decembro de 2006, foi un militar e ditador chileno. Foi gobernante de Chile entre 1973 e 1990, logo de dar un golpe de Estado que derrocou o goberno de Salvador Allende o 11 de setembro de 1973, primeiro baixo o cargo de Presidente da Xunta Militar de Goberno (1973-1981), ao que sumou o título de Xefe Supremo da Nación o 27 de xuño de 1974, que lle confería o poder executivo, e que logo substituíu o 16 de decembro dese mesmo ano polo de Presidente da República. Desde 1981 asumiu o cargo de Presidente baixo a Constitución de 1980.
Rusia, oficialmente Federación Rusa, é un país situado no leste de Europa e no norte de Asia. É o estado máis extenso do mundo, abrangue once fusos horarios e comparte fronteiras terrestres con catorce países. Cunha poboación superior aos 140 millóns de habitantes, Rusia é o país máis poboado de Europa e o noveno máis poboado do mundo.
Cuatro é unha canle de televisión privada española propiedade de Mediaset España que emite a través da TDT e nas plataformas de televisión de pago Movistar+ e Vodafone TV, Orange TV e R en España. Empezou a emitir o día 7 de novembro de 2005 por reconversión da concesión da canle analóxica nacional pola que emitiu desde 1990 a canle de pago do grupo, Canal+.
Khmer vermellos (en francés Khmers Rouges, en camboxano ខ្មែរក្រហម, Khmae Krɑ-hɑɑm) é o nome co que foi coñecida a organización guerrilleira camboxana que, tras a Guerra de Vietnam, a saída dos Estados Unidos e o derrocamento do xeneral Lon Nol (que rexía unha ditadura militar desde 1970), tomaron o poder o 17 de abril de 1975 (a «Caída de Phnom Penh»). Os Khmer vermellos fundaron Kampuchea Democrática, un sistema de goberno de características autoritarias que, baixo a aparencia formal dunha república popular de inspiración maoísta, consolidou na práctica un sistema de economía radicalmente agraria, baixo a consigna da evacuación das cidades e destrución da civilización urbana e a súa cultura, consideradas burguesas, a reconstrución social desde as orixes da civilización e a recuperación da cultura khmer ancestral baixo a dirección de Pol Pot, o seu principal líder. Ademais dun férreo control militar sobre a poboación civil, sometida en boa parte a un réxime de traballos forzados, desenvolveron extensos métodos de detención, tortura e asasinatos selectivos en masa, baixo a consigna da chamada «procura do inimigo interno».
Mandato británico de Palestina
O Mandato británico de Palestina foi unha administración territorial encomendada pola Sociedade de Nacións ao Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda do Norte en Oriente Medio, tras a primeira guerra mundial e como parte da partición do Imperio Otomán, co status de territorio baixo mandato. O territorio sobre o que se estableceu correspondía á rexión meridional do Levante mediterráneo, unha rexión que o Imperio Otomán perdeu como consecuencia da súa derrota na guerra. Aínda que o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda administraba estes territorios de facto desde 1917, o Mandato entrou en vigor en xuño de 1922 e expirou en maio de 1948.
Utah Jazz é un equipo da National Basketball Association (NBA) da cidade de Salt Lake City, Utah. Actualmente compiten na División Noroeste da Conferencia Oeste, xogando os seus partidos como local no EnergySolutions Arena (antigo Delta Center). A franquía dos Jazz foi fundada en 1974 en Nova Orleáns, onde o equipo obtivo o seu actual nome, xa que a capital de Luisiana é coñecida como o berce dese xénero musical.
Unha máquina comecartos ou simplemente un comecartos é un aparello automático concibido para ofrecer xogos de aposta sen a intervención dun empregado. Estes dispositivos poden ser mecánicos, electrónicos ou dixitais. O xogo consiste en introducir unha moeda coa esperanza de que saia unha combinación gañadora e obter un premio en metálico que proporciona a propia máquina.
Rondallas é unha película española de comedia dramática de 2025, escrita e dirixida por Daniel Sánchez Arévalo. Está protagonizada por Javier Gutiérrez, María Vázquez, Judith Fernández, Tamar Novas, Carlos Blanco, Fer Fraga, Xosé A. Touriñán e Marta Larralde. Estreouse fóra de competición no Festival Internacional de Cine de San Sebastián o 22 de setembro de 2025, e estreouse en cines españois o 1 de xaneiro de 2026 nunhas 150 pantallas, con distribución de Beta Fiction Spain.
Duplicity é un filme estadounidense de 2009 escrito e dirixido por Tony Gilroy, e protagonizado por Julia Roberts e Clive Owen. Conta a historia de dous espías corporativos cunha historia romántica que colaboran entre eles para levar a cabo un calote complicado. O filme estreouse o 20 de marzo de 2009.
Sanguijuelas del Guadiana é unha banda de música emerxente procedente de Casas de Don Pedro (Badaxoz), na comarca da Siberia Estremeña. O seu estilo, que eles mesmos definen como "rock rústico", combina elementos do rock and roll, o punk, o flamenco e a música electrónica con letras que narran a vida cotiá nas zonas rurais da España baleirada.
A serie de manga e anime Naruto transcorre nun universo ficticio no cal hai gran cantidade de "Países" e "Aldeas Ninja". Os países están dirixidos por Señores Feudais (Daimyō, ao estilo do Xapón medieval). O único que establece as relacións entre eles son os potenciais bélicos e os tratados de paz e alianzas, que non sempre son tidos en conta.
O Gran Premio de México de 2017 (oficialmente coñecido como Gran Premio de Fórmula 1 de México de 2017)foi unha carreira de motor de Fórmula Un que se disputou o 29 de outubro de 2017 no Autódromo Hermanos Rodríguez en Cidade de México. A carreira foi a décimo novena carreira do Gran Premio de México, e a décimo sétima vez que a carreira disputouse como un evento do Campionato Mundial desde a tempada inaugural en 1950.
O Hondurasgate é o nome co que se coñece unha serie de supostas filtracións de arquivos de son entre personaxes políticos hondureños —entre eles o expresidente e narcotraficante Juan Orlando Hernández e o actual presidente Nasry Asfura, ambos os dous do conservador Partido Nacional de Honduras— que revelaría unha rede de inxerencia política en Honduras e outros países de América Latina. Os audios tamén implicarían a participación de actores políticos de Estados Unidos, Israel e Arxentina para influír na situación política de Honduras. Os arquivos publicáronse en abril de 2026 no sitio web hondurasgate.ch e o medio esquerdista Canal Red.
Mark Neary Donohue Jr., nado en Haddon Township (Nova Jersey) o 18 de marzo de 1937 e finado en Graz o 19 de agosto de 1975, alcumado "Captain Nice," foi un piloto de automobilismo estadounidense, coñecido pola súa habilidade para preparar o seu propio coche de carreiras, e levalo a vitoria. Donohue é probablemente o máis coñecido como o piloto de 1500 bhp "Can-Am Killer" Porsche 917-30 e como o gañador das 500 Millas de Indianápolis de 1972.
Bandeira da República Popular da China
A bandeira da República Popular da China é un pano de cor vermella que simboliza a revolución, con cinco estrelas amarelas de cinco puntas que simbolizan á súa vez a unidade do pobo revolucionario baixo a dirección do Partido Comunista da China. Como se pode apreciar as estrelas pequenas aparecen orientadas cara á estrela de maior tamaño. A bandeira foi deseñada por Zang Liansong, un cidadán de Zhejiang e na China é coñecida como 五星红旗 (en pinyin: Wǔ Xīng Hóng Qí) que significa "a bandeira vermella das cinco estrelas".